Amosando publicacións coa etiqueta AGEe. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta AGEe. Amosar todas as publicacións

sábado, xuño 04, 2016

A eurodiputada galega Lídia Senra denunciou ante a Unión Europea (UE) o incumprimento do Goberno Español en funcións das tres sentenzas firmes do Tribunal Supremo sobre a ilegal e perigosa Reganosa


Solicitamos valoración da CE en relación á capacidade do Goberno en funcións para contradicir a sentenza do TS relativa a Reganosa. | Subliñamos tamén as contradicións da propia Comisión ao argumentar non ter probas de incumprimento da lexislación medio ambiental.

Alternativa Galega de Esquerda en Europa (AGEe) vén de rexistrar a través da eurodeputada Lídia Senra unha pregunta parlamentaria dirixida á Comisión Europea co obxectivo de poñer en coñecemento da Unión Europea “a intolerábel desfachatez ca que o Goberno en funcións do PP está a xogar ca vida das persoas que habitan en Ferrolterra e a súa contorna”.

A planta de gas natural licuado de Reganosa (Mugardos, Ferrolterra) caracterízase por estar situada nunha localización que fai gala dunha neglixencia paradigmática: a menos de 200m do centro urbano de Mehá, a 800m dun arsenal militar, a 900m do núcleo de Mugardos e xunto ao complexo petroquímico de Forestal do Atlántico.

Actualmente Reganosa almacena preto de 300.000m³ de combustíbel e produtos químicos. Segundo datos achegados polo Comité Cidadán de Emerxencia para a Ría de Ferrol, se houbera algún accidente, este superaría en 85.000 veces a potencia da explosión máis forte das acontecidas en Tianjin (China) en agosto do ano pasado.

Finalmente o propio Tribunal Supreno confirmou a anulación da autorización administrativa desta planta química o pasado mes de abril, mais o Goberno en funcións decidiu fai uns días permitir a súa continuidade excluíndo a avaliación de impacto ambiental. “Que tipo de intereses pode ter o PP para non dubidar mesmo en saltarse unha sentenza xudicial con tal de manter en funcionamento esta perigosísima instalación?”, reflexiona Senra.

Para concretar ademais até que punto é posíbel que un Consello de Ministros/as en funcións tome unha decisión deste calado, preguntamos directamente á Comisión se considera que este Goberno está autorizado para tal pronunciamento, ao tempo solicitamos a súa valoración sobre o posíbel incumprimento da Directiva 2011/92/UE, relativa á avaliación dos efectos de determinados proxectos públicos e privados no medio ambiente.

Aliás, a través da pregunta rexistrada queremos tamén subliñar o propio desleixo da Comisión Europea, quen en resposta a preguntas anteriores sobre as condicións de seguranza (E-013096/2015, E-007654/2014 ou E-007886/2013), afirmaba non ter probas de que a construción e funcionamento desta planta infrinxira a lexislación ambiental da Unión Europea, como así estaba sendo denunciado reiteradamente por organizacións sociais. “Tan só uns meses máis tarde da última pregunta rexistrada por AGEe ao respecto, esta alarma diante dun potencial risco para a cidadanía foi finalmente confirmada polo Tribunal Supremo. Deberíalles caer a cara de vergoña”, criticou con dureza a eurodeputada galega.

Cómpre lembrar que esta manida estratexia da Comisión, na que pretende facer valer a ignorancia como argumento nas respostas ás preguntas parlamentarias, foi tamén criticada directamente por AGEe nunha pregunta parlamentaria específicamente centrada nesta eiva por parte das institucións europeas.

Bruxelas, a 3 de Xuño, de 2016.

Lídia Senra, eurodeputada de Alternativa Galega de Esquerda en Europa (AGEe), integrada no Grupo Confederal da Esquerda Unitaria Europea/Esquerda Verde Nórdica (GUE/NGL).

lidia.senra@europarl.europa.eu

Equipa de Comunicación AGEe:
Alternativa Galega de Esquerdas en Europa - Oficina en Bruxelas:
vera.montotovazquez@europarl.europa.eu
Alternativa Galega de Esquerdas en Europa - Oficina en Galiza:
age.europa.galiza@gmail.com
Xornal dixital de AGEe:
http://ageuropa.gal/

   

Imaxe do cabezallo: Localización da planta de gas natural licuado Reganosa e distancias a núcleos habitados.

Preguntas de Lídia Senra ante a Comisión da Unión Europea.-


As tres sentenzas firmes do TS contra Reganosa:
  • Sentenza 889/2016 do Tribunal Supremo. Sala do Contencioso-Administrativo. Sección: Terceira. 25.04.2016 | Acceder/Baixar. (Recorrían as entidades ligadas ao Comité Cidadán de Emerxencia).
  • Sentenza 695/2016 do Tribunal Supremo. Sala do Contencioso-Administrativo. Sección: Terceira. 28.03.2016 | Acceder/Baixar. (Recorrían as entidades ligadas ao Comité Cidadán de Emerxencia)
  • Sentenza do Tribunal Supremo. Sala do Contencioso-Administrativo. Sección: Quinta. 11.05.2012| Recurso de Casación Núm. 4512/2008 | Acceder/Baixar. (Recorrían Reganosa e o Concello de Mugardos).
_________

sábado, maio 28, 2016

Na fin de semana do Día Mundial do Medioambiente, máis dunha decena de poñentes analizarán en Ferrol a situación na Galiza e UE da problemática da contaminación do medio mariño nas pescas e o marisqueo


Xornada "A problemática da contaminación do medio mariño nas pescas e o marisqueo da UE". |  "A problemática da contaminación do medio mariño nas pescas e o marisqueo da UE". | Xornada de análise e debate sobre a situación do medio mariño convocada polo GUE/NGL e coordenada por AGEe o vindeiro sábado 4. | Na fin de semana do Día Mundial do Medioambiente, máis dunha decena de poñentes analizarán en Ferrol a situación na Galiza e UE.


O vindeiro sábado 4 de xuño, coincidindo nesa fin de semana ca conmemoración do Día do Medio Ambiente, o Grupo da Esquerda Unitaria Europea-Esquerda Verde Nórdica (GUE/NGL) levará adiante a través de Alternativa Galega de Esquerda en Europa a xornada  A problemática da contaminación do medio mariño nas pescas e o marisqueo da UE [1], que terá lugar no Centro Cultural Carvalho Calero (Ferrol) de 10.00a 19.30hrs.

Tras a chegada e recepción de participantes [10.00hrs.], a eurodeputada de AGEe, Lídia Senra, e a Concelleira de Medio Ambiente e Sanidade de Ferrol, María Esther Leira Penabad, procederán á introdución e apertura desta xornada [10.15hrs.] que procurará "poñer de relevo unha visión holística do medio mariño na que teñamos en conta non só a importancia da súa dimensión produtiva, senón tamén a correspondencia existente entre a propia calidade das augas e a nosa saúde, ou as claves do significado xeopolítico que cada vez máis están adquirindo os recursos hídricos a nivel global,  sen perder de vista ademais o compoñente identitario que o mar, as rías, os ríos e mesmo os océanos teñen para o pobo galego", expuxo Senra.

A eurodeoputada de AGEe é suplente para o Grupo da Esquerda Unitaria Europea-Esquerda Verde Nordica (GUE/NGL) na Comisión de Pesca do Parlamento Europeo, xa que "dende o inicio asumimos que loita a prol do noso medio mariño tiña que ser unha das principais estratexias de traballo de Alternativa Galega de Esquerda en Europa". Ente outras accións, no mes de novembro do ano pasado levamos adiante en Cangas a xornada “As pescas e a acuicultura na Galiza no contexto da Política Pesqueira Común (PPC): retos e propostas de futuro”, en decembro achegamos a Bruxelas unha delegación de colectivos que loitan contra a contaminación das rías e ríos e trasladaron as súas denuncias directamente á Comisión Europea, intervimos en sesión plenaria para denunciar a situación do cerco, pelexamos a exclusión dos TACs da pesca artesanal, impulsamos a visita dunha delegación da Comisión de Pesca do Parlamento Europeo a Galiza no mes de mazal deste ano, e levamos rexistradas distintas preguntas parlamentarias[2] en relación ao medio mariño.

Aliás, este encontro o vindeiro sábado 4 en Ferrol para abordar en común a contaminación das augas será tamén un rico espazo no que analizar algunhas conclusións do Informe anual sobre as augas de baño realizado pola Axencia Europea de Medio Ambiente (AEMA) e a Comisión Europea e publicado esta mesma semana. A través deste estudo, que revela que das 29 praias con calidade  "pobre" que hai no Estado 23 atópanse na Galiza,  "a propia UE corrobora a preocupación expresada en múltiples ocasións polas organizacións sociais, pesqueiras e ecoloxistas en relación á calidade das nosas augas", salientou Lídia Senra.

Daremos inicio a esta xornada a través do Xefe da Estación de Bioloxía Mariña da Graña, Guillermo Díaz Agras, e do Presidente da Asociación de Armadores de Artes Menores de Galicia (ASOAR-ARMEGA), José Luís Rodríguez, quen plantexarán primeiramente unha RADIOGRAFÍA XERAL DA SITUACIÓN MEDIOAMBIENTAL DO NOSO MAR [10.30hrs]. Lucía Vizoso, membro da Asociación Cultural Fuco Buxán e da Marea Ártabra, moderará este primeiro espazo introdutorio.

Tras un pequeno descanso ás 12.00hrs., retomaremos a quenda de mañá afondando na situación concreta do litoral a través da mesa A CONTAMINACIÓN DAS RÍAS GALEGAS E AS ACTUACIÓNS DAS INSTITUCIÓNS DA UE [12.30hrs.], que será desenvolvida polo Coordenador do Comité de Emerxencia da Ría de Ferrol e membro da Asociación Cultural Fuco Buxán, Manuel Rodríguez Carballeira; o Presidente da Asociación polo Saneamento da Ría de Pontevedra, Andrés Ruano e o Presidente da Plataforma en Defensa do Mar da Comarca Muros-Noia (Plademar), Estebo Ameneiro.

A Vicepatroa da Confraría de San Telmo de Pontevedra, Marina Buceta, será a responsábel de coordenar este panel, ao que seguirá un espazo de debate.

A quenda de tarde desta xornada estará centrada en extrapolar a situación do medio mariño a nivel europeo e estatal. A ECONOMÍA AZUL NO CONTEXTO DA POLÍTICA DA UNIÓN EUROPEA E MUNDIAL E A SÚA REPERCUSIÓN PARA O SECTOR PESQUEIRO EN GALIZA [16.00hrs.] abondará na problemática da acaparación de recursos hídricos pra a súa explotación en clave multimensional [3] -pesqueira, mineira, enerxética, farmacéutica, biotecnolóxica, turística...-, unha estratexia de capitalización dos recursos naturais que está a ocupar un papel diferenciado no presente mandato da Comisión Europea baixo a preocupante denominación Crecemento Azul.  A eurodeputada de AGEe, Lídia Senra; o voceiro de Pesca por AGE no Paralmento Galego, Juan Manuel Fajardo e o Doutor en Xeoloxía e Impulsor do proxecto do Xeoparque do Cabo Ortegal, Francisco Canosa Martínez serán as responsábeis de desenvolver este punto . O Concelleiro de Medio Ambiente de Narón, Manuel Antonio Ramos Rodríguez, moderará e dará paso ao debate.

Tras un descanso de media hora [17.30hrs], avanzaremos na conclusión desta xornada a través dunha espazo final de carácter esencialemente propositivo baixo o título FACENDO FRONTE Á CONTAMINACIÓN MARIÑA PARA PRESERVAR OS RECURSOS PESQUEIROS. ALGUNHAS EXPERIENCIAS DENDE O ESTADO ESPAÑOL [18.00hrs.]. O Directivo da Confraría de Ferrol e armador de embarcación de baixura en Ferrolterra, Javier Castro, será o responsábel de coordenar as intervencións dos poñentes que trasladarán experiencias dende distintas partes do Estado. Nesta mesa contaremos co Presidente da Federación de Cofradías de Pescadores de Almería-Motril e Patrón Maior de Motril vinculado ao Proyecto Ecopuertos, Ignacio José López Cabrera; o Director da Cátedra Relec da Universidad de Cádiz e vinculado tamén ao Proyecto Ecopuertos, Enrique Montero e o avogado e secretario da Federación Provincial de Cofradías de Pescadores de Valencia e integrante da Campaña contra as prospeccións de hidrocarburos no Mediterráneo, José Ortega.

O encontro finalizará ás 19.30hrs.

Compostela, de 27 Maio de 2016.

Nota.-

[1] Adxuntamos cartaz e díptico-programa, Acceder/Baixar.

[2] Deguace e cotas, Impactos negativos da ampliación do Real Club Náutico de Sanxenxo, Colocar a pesca artesanal acidental fora dos TAC, Distribución das quotas de sarda pelo Estado espanhol, Verquido de residuos asfálticos na zona de Ferrol, Efluentes contaminantes na costa de Lugo, Reparto das cotas de pesca entre o cerco galego, Construcción dunha presa no río Miño, Sendas fluviais do Río Tea e Castro da Croa, Pregunta sobre la denuncia CHAP(2014)00627 (Río Tea), Ampliación da pranta de Reganosa en Ferrolterra, Recursos mineros en alta mar, Gobernanza dos océanos e enerxía, Agresión medioambiental contra el LIC del río Tea, Estacion depuradora de augas residuais no barrio de Coruxo (Vigo), Estudos da EFSA sobre biotecnoloxías mariñas, EFSA, DRA e consumo de moluscos, Marisqueo na Ría de Ferrol, Etiquetado produtos acuicultura e pesca, Prohibición da pesca de deriva con redes artesanais e tradicionais, Indefensión dos traballadores galegos en barcos noregueses.

[3] Máis información no informe "El acaparamiento mundial de océanos", TNI (2014).

Lídia Senra, eurodeputada de Alternativa Galega de Esquerda en Europa (AGEe), integrada no Grupo Confederal da Esquerda Unitaria Europea/Esquerda Verde Nórdica (GUE/NGL).

lidia.senra@europarl.europa.eu

Equipa de Comunicación AGEe:
Alternativa Galega de Esquerdas en Europa - Oficina en Bruxelas:
vera.montotovazquez@europarl.europa.eu
Alternativa Galega de Esquerdas en Europa - Oficina en Galiza:
age.europa.galiza@gmail.com
Xornal dixital de AGEe:
http://ageuropa.gal/

   

Enviado por:
SENRA RODRÍGUEZ Maria Lidia OFFICE
-lidia.senra-office@europarl.europa.eu-
27 de maio de 2016 14:15

_____________________

xoves, maio 26, 2016

Defendemos no Parlamento Europeo que non se debe pagar a débeda, polo que ten de ilexítima, ilegal e odiosa - Lídia Senra no Parlamento Europeo que está en sesión plenaria en Bruxelas, os 25 e 26 de Maio - Vídeo resumo da xornada "Débeda pública: O impacto do memorando da Unión Europea", celebrada en Compostela o 21 de Maio


Até as 23.30hrs. de onte, e hoxe entre as 08.30 e as 13.30hrs. desenvólvese a sesión plenaria do Parlamento Europeo en Bruxelas. | Adiantamos declaracións da eurodeputada de AGEe esta noite na quenda libre de turno de palabra para denunciar a estafa da débeda. | Defendemos no Parlamento Europeo que non se debe pagar a débeda, polo que ten de ilexítima, ilegal e odiosa.


O mércores 25 de maio, de 15.00hrs. a 23.00hrs, e o xoves 26, dende as 08.30 e até as 13.30hrs, o Parlamento Europeo (PE) está en sesión plenaria en Bruxelas [ORDE DO DIA e SEGUIMENTO EN DIRECTO, de 25 a 26 de Maio de 2016 - Bruxelas].

Esta noite, durante a quenda de intervención libre dun minuto de duración, a eurodeputada de AGE, Lídia Senra, referirase á crise da débeda no Estado español -que a día de hoxe supera o 100% do Produto Interior Bruto (PIB)-, identificándoa como "o eixe central das reformas antisociais realizadas polos Gobernos nos últimos anos".

As clases populares estanse a ver abafadas nunha situación na que teñen máis gastos que ingresos, situación que se explica atendendo, por unha banda, á débeda pública e, por outra, ás "políticas neoliberais que nestes últimos anos levaron á deslocalización da produción, á eliminación de postos de traballo, á privatización de empresas públicas e a políticas fiscais regresivas que fan que o Estado ingrese menos”. No ano 2013 o 25% do orzamento do Estado foise para pagar os xuros da débeda.

Durante a súa intervención Senra lembrará que "a pobreza, o desemprego, a precarización laboral e das pensións e a exclusión social non deixan de aumentar". Na Galiza, seis de cada dez fogares teñen dificultades para chegar a fin de mes, e un terzo da nosa mocidade vive en risco de pobreza  ou exclusión social.

Nestes días soubemos que o presidente da Comisión Europea, o conservador Jean Claude Juncker, cómplice necesario na evasión de impostos a través de Luxemburgo cando era Primeiro Ministro, "ten a desvergoña de pedir un novo axuste fiscal de máis de 8.000millóns de euros e ameaza con multa de 2.200 millóns", é dicir, o 0.2% do PIB; "iso si, despois das eleccións no Estado, para podelo empregar como arma política contra a cidadanía no caso de que os resultados non lles gusten".

"Sras. deputadas/os, Sr. Juncker, os pobos do Sul esiximos que deixen de enganarnos", reivindicará Senra en alusión á carta de Rajoy a Juncker filtrada recentemente, unha misiva que para a eurodeputada galega constitúe "unha burla e un engano ás persoas que o próximo día 26 están chamadas a votar no Estado Español".

"Nas seguintes eleccións agardamos a chegada dun Goberno de esquerdas que poña fin á chantaxe e ao negocio duns poucos negándose a pagar a débeda polo que ten de ilexítima, ilegal e odiosa", concluirá.

Para analizar a actual situación económica e debullar propostas de resposta, o pasado sábado 21 de maio o grupo parlamentario da Esquerda Verde Nórdica-Esquerda Unitaria Europea (GUE/NGL), do que AGEe fai parte, desenvolveu en Compostela a xornada “Débeda pública. O impacto do memorando da Unión Europea”.

Bruxelas, 25 Maio 2016.


Vídeo resumo da xornada "Débeda pública. O impacto do memorando da Unión Europea". Celebrada en Santiago o 21 de maio do 2016

Existe a débeda? Existe e supera xa o 100% do PIB do Estado español. Pero é xusto que a sociedade pague as súas consecuencias? Non, evidentemente. A débeda é inxusta, non é soberana, a poboación non é responsable dela e sen embargo somos as clases populares quen a estamos pagando coa imposición de recortes nos servizos públicos e para beneficio dunha elite financeira minoritaria privilexiada. Non vale unha reestruturación, se a débeda é ilexítima, o único que se pode aceptar é a súa cancelación. As forzas de esquerda debémolo ter claro.


https://youtu.be/ZT5UIA2JD-0

Vídeo resumo da xornada "Débeda pública. O impacto do memorando da Unión Europea". Celebrada en Santiago o 21 de maio do 2016 e organizada polo GUE/NGL e AGEe, coa participación de Lídia Senra, Éric Toussaint, Xosé Manuel Beiras, David Rodríguez, Iolanda Fresnillo, Joan Tafalla, Esther Duro, Mar Blanco, Ramón Franquesa, Xoán Carlos Carreira, Miguel Quinteiro, Antón Sánchez, María Luisa Lores e Concha Fernández. | Publicado en 24 de Maio de 2016. Canle AGEe Europa.

Máis información:

Lídia Senra, eurodeputada de Alternativa Galega de Esquerda en Europa (AGEe), integrada no Grupo Confederal da Esquerda Unitaria Europea/Esquerda Verde Nórdica (GUE/NGL).

lidia.senra@europarl.europa.eu

Equipa de Comunicación AGEe:
Alternativa Galega de Esquerdas en Europa - Oficina en Bruxelas:
vera.montotovazquez@europarl.europa.eu
Alternativa Galega de Esquerdas en Europa - Oficina en Galiza:
age.europa.galiza@gmail.com
Xornal dixital de AGEe:
http://ageuropa.gal/

   

Nota.- A foto corrresponde a Intervención da eurodeputada de Alternativa Galega de Esquerda en Europa en sesión plenaria do Parlamento Europeo en Estrasburgo Maio de 2016, sobre a situación social en Gambia.


Enviado por:
SENRA RODRÍGUEZ Maria Lidia OFFICE
-lidia.senra-office@europarl.europa.eu-
25 de maio de 2016 18:35
__________

domingo, maio 22, 2016

AGEe aposta por facer pedagoxía social ante unha “débeda que non é lexítima nin soberana nin ética” - A eurodeputada galega Lídia Senra defende que as forzas de esquerda deben tomar valentía, buscar solucións e oporse a que os Estados paguen a débeda.


A débeda pública, un dos aspectos máis importantes da política económica e da política en xeral que afecta a case todo o mundo e que se converteu nunha ferramenta de dominación que releva o actuar democrático a un plano moi inferior. Onde quen decide nos aspectos fundamentais da vida das persoas e dos países, son as grandes corporacións transnacionais financeiras e industriais, no nome do Deus Mercado. O que supón no actual proceso político europeo e do polo de agora Reino de España, o fundamenta que debemos saber, o fundamental que nos teñen que explicar os partidos políticos que se presentan nestas próximas elección xerais do 26X, de cal é o seu posicionamento e que é o que teñen pensado facer, no caso de participar no goberno ou desde o parlamento español, ante unha débeda impagábel, nas actuais circunstancias, onde xa supera o 100% do PIB anual. Desde Ártabra 21 consideramos de moito interese esta xornada, que se vai difundir integra a través da rede, polo que hai que prestar atención nos vindeiros días no canle de AGEe.  

AGEe aposta por facer pedagoxía social ante unha "débeda ilexítima". | AGEe aposta por facer pedagoxía social ante unha “débeda que non é lexítima nin soberana nin ética”. | Lídia Senra defende que as forzas de esquerda deben tomar valentía, buscar solucións e oporse a que os Estados paguen a débeda. | Un cento de persoas participan na xornada organizada polo GUE/NGL en Santiago sobre o impacto das imposicións europeas.


Lídia Senra, eurodeputada de Alternativa Galega de Esquerda en Europa (AGEe), integrada no Grupo Confederal da Esquerda Unitaria Europea/Esquerda Verde Nórdica (GUE/NGL), asegurou onte que a chamada débeda pública, que, segundo os datos difundidos esta semana polo Banco de España, superou xa no Estado español o 100% do Produto Interior Bruto (PIB), é “unha estafa, un negocio para unhas poucas persoas e un elemento de chantaxe para os pobos e para manter de xeonllos ás clases populares”. Lídia Senra realizou estas afirmacións durante a xornada “Débeda pública. O impacto do memorando da Unión Europea”, organizada este sábado na Facultade de Filosofía de Santiago polo propio GUE/NGL e AGEe e na que participaron ao redor dun cento de persoas.

A eurodeputada realizou un chamamento ás forzas políticas de esquerda para “coller valentía, buscar solucións e facer pedagoxía” na sociedade de cara a que a poboación coñeza que estamos ante uns datos “alarmantes” sobre os que hai que reflexionar, xa que no 2015 a débeda do Estado español estaba en máis de 23.000 euros por persoa. A Comisión Europea esta semana xa advertiu de que se deberán realizar máis axustes e tamén reducir o déficit en 8.100 millóns de euros.

Senra cualificou de “ilexítima” a débeda e defendeu unha oposición ao seu pagamento por parte dos Estados e das clases populares. “Non é lexítimo nin ético que unha débeda provocada na súa inmensa maioría en orixe pola banca e as grandes empresas multinacionais se traspase ao conxunto da cidadanía e sexa utilizada para facer negocio”, exclamou. Por iso, chamou a “plantarse”, non pagar esta débeda ilexítima e desenvolver políticas a favor da maioría da poboación, non da minoría.

Lídia Senra foi a encargada de inaugurar a xornada, xunto co portavoz de AGE no Parlamento galego, Xosé Manuel Beiras, quen alertou, pola súa banda, de que a débeda é un exemplo máis da “deriva fascistizante” ante a que nos atopamos. Beiras asegurou que o poder conseguiu “acostumar á sociedade a asumir falsidades como se foran verdades” a través dun “continuo proceso de perversión”. Así, fronte ao nome de “débeda pública”, puxo a énfase en que “a orixe da débeda non é pública, senón privada”. “Non é unha débeda que contraese o Estado para atender á maioría da cidadanía”, explicou, senón para atender ás entidades financeiras. Por iso, defendeu, igual de Lídia Senra, que “non temos motivo para ter que pagar unha débeda así, que non é soberana”. “Temos que salvar á cidadanía, non ás entidades que provocaron a débeda”, engadiu, e por iso animou a levar a cabo un “combate a fondo, non a medias”, zanxou.

Na xornada participou a economista e responsable de Organización de Anova, Esther Duro, que aportou algúns datos ao respecto da débeda na Galiza. Duro tachou a débeda de “ferramenta de extorsión á soberanía dos Estados” e de “ferramenta de fomento da servidume, na medida en que somete á maioría social á vontade dos novos señores feudais, reencarnados hoxe na elite financeira que goberna o mundo”.

Duro explicou que cando Alberto Núñez Feijóo acadou a presidencia da Xunta, no 2009, a débeda pública galega era de 3.923 millóns de euros e representaba o 6,7% do PIB galego. Tras algo máis de 7 anos de goberno do PP, a débeda acadou os 10.375 millóns de euros, un 18,6% do PIB galego.  A economista afirmou que o incremento da débeda ten un impacto importante no orzamento anual galego e que o seu crecemento descontrolado trasládase en forma dunha maior carga financeira polos xuros que se amortizan con cada vencemento. Neste sentido, no ano 2015 os xuros que pagou a Xunta ás entidades financeiras foron de 336 millóns de euros, partida que acada valores máximos cada ano que pasa. “A débeda é o xugo para garantir a supervivencia do capitalismo”, afirmou Esther Duro, quen defendeu, igual que Lídia, valentía por parte das forzas políticas de esquerda para esixir a cancelación da débeda. “Temos que reclamar unha auditoría pública da débeda e solicitar a súa cancelación. Non é unha débeda soberana e polo tanto non debe de valernos unha simple reestruturación ou reconversión”, concluiu.

No mesmo sentido, Iolanda Fresnillo, membro da Plataforma Auditoría Cidadá da Débeda, criticou que se estea a usar a débeda como “ferramenta de medo e ameaza” por parte dos “estados financeiros, que secuestraron a soberanía”. “A débeda é un negocio polo cal estamos pagando uns intereses que son os que realmente están rescatando á banca contra os dereitos sociais, ambientais, políticos e económicos da maioría”, denunciou. Fresnillo fixo fincapé na necesidade dunha resposta global e de auditorías para acumular argumentos compartidos coa poboación a favor do impago.

O membro da Plataforma Saír do Euro, Joan Tafalla, expuxo que resolver o problema da débeda non será posible sen recuperar a soberanía económica e política dos pobos do Estado español. “Por que motivo se deben aceptar as chantaxes da banca en forma de intereses brutais da débeda?”, preguntou, para facer un chamamento a non ter medo ao déficit e a recorrer ao Banco da República Confederal Española futura. “Todo vai depender de que sigamos acatando a servidume ou decidimos emanciparnos”, dixo.

Na última parte da mañá interveu o fundador e portavoz da rede internacional do Comité para a Anulación da Débeda do Terceiro Mundo, Éric Toussaint, quen definiu a débeda ilexítima como aquela débeda contratada a favor dunha minoría privilexiada; e a débeda insostible como aquela que impide aos gobernos garantir os dereitos fundamentais da cidadanía.

Santiago, 21 de Maio de 2016


Máis información:
Lídia Senra, eurodeputada de Alternativa Galega de Esquerda en Europa (AGEe), integrada no Grupo Confederal da Esquerda Unitaria Europea/Esquerda Verde Nórdica (GUE/NGL).

lidia.senra@europarl.europa.eu

Alternativa Galega de Esquerdas en Europa - Oficina en Galiza:
age.europa.galiza@gmail.com

Alternativa Galega de Esquerdas en Europa - Oficina en Bruxelas:
vera.montotovazquez@europarl.europa.eu

Xornal dixital de AGEe:
http://ageuropa.gal/

     

Enviado por:
AGE Europa - Galiza
-age.europa.galiza@gmail.com-
21 de maio de 2016 17:16
____________________

mércores, maio 18, 2016

Xornada aberta en Compostela: "A débeda pública e o impacto do memorando da UE na Galiza e no Estado español" - Sábado 21 de Maio, na Facultade de Filosofía da Universidade de Santiago de Compostela


Xornada aberta en Compostela: "Débeda pública. O impacto do memorando da Unión Europea". | O sábado 21 de maio, de 10:00 a 19.30hrs. na Facultade de Filosofía da Universidade de Santiago de Compostela (Praza Mazarelos). | Ca participación, entre outras, de É. Toussaint, I. Fresnillo, J. Tafalla, E. Duro, Miguel Quinteiro, A. Sánchez, R. Franquesa e María Luisa Lores.


Xornada "Débeda pública. O impacto do memorando da Unión Europea" (Compostela, 21/05/16)


O vindeiro sábado 21 de maio o Grupo da Esquerda Unitaria Europea-Esquerda Verde Nórdica (GUE/NGL), no que Alternativa Galega de Esquerda en Europa está integrada, desenvolverá na Facultade de Filosofía da USC (Compostela) unha xornada aberta de debate baixo o título "Débeda pública. O impacto do memorando da Unión Europea"[1].

A apertura da mesma [10.00hrs.] virá da man do economista e voceiro do Grupo Parlamentario de Alternativa Galega de Esquerda no Parlamento Galego, Xosé Manuel Beiras, e a eurodeputada de AGEe, Lídia Senra, quen impulsou a realización desta xornada co obxectivo de "debater e analizar colectivamente respostas á estafa financieira que nos están obrigando a pagar a toda a sociedade a base de secuestrar os nosos dereitos humanos e sociais e destruír os servizos públicos".

Éric Toussaint, fundador e voceiro da rede internacional do Comité para a Anulación da Débeda do Terceiro Mundo (CADTM), encetará as xornadas abordando "A auditoría da débeda pública na U.E. A diferencia entre legalidade e lexitimidade" [10.30hrs.]. Esta primeira mesa será moderada por David Rodríguez, autor do blogue O Funambulista Coxo.

Seguidamente Iolanda Fresnillo -integrante do espazo de estudos e consultoría en economía política Cooperativa eKona e da Plataforma Auditoría Cidadá da Débeda-; Joan Tafalla - integrante da Plataforma Saír do Euro e membro da European Reserch Network on Social and Economic Policies- e a economista galega Esther Duro -integrante de ANOVA-IN-, debullarán "A composición da débeda pública do Estado español e da Galiza. Canto, como, por que e a quen?" [12.30hrs]. A coordenación deste espazo será a a cargo de Mar Blanco Casais, voceira de Móvete -Movemento Veciñal Estradense e concelleira na Estrada.

Con introdución e moderación de Xoán Carlos Carreira Pérez -profesor titular da Universidade de Santiago e Doutor Enxeñeiro Agrónomo-,  a quenda de tarde abrirá cunha análise sobre a "Imposición do memorando da UE no Estado Español" da man de Ramón Franquesa -profesor de Economía Mundial na Facultade de Economía e Empresa da Universidade de Barcelona, experto en recursos renovábeis e economía social- [16.30hrs].

A xornada rematará ca mesa de análise colectiva "A débeda e a desaparición da banca pública no día a día dos pobos. Impacto nos orzamentos das institucións galegas (Xunta e Concellos) e na prestación dos servizos públicos" [18.00hrs]. Este espazo será desenvolvido por Miguel Quinteiro -activista político e social integrante da cooperativa de consumo consciente Árbore e da asociación de consumidores/as Acouga-; Antón Sánchez -deputado no Parlamento Galego dentro do Grupo da Alternativa Galega de Esquerda (AGE)- e María Luisa Lores Aguín -integrante da Asociación Galega Para a Defensa da Sanidade Pública (AGDSP) e coautora dos libros "A saúde como negocio" e "A comercialización da Saúde"-. A Concelleira de Políticas Sociais, Diversidade e Saúde de Santiago de Compostela Concha Fernández levará adiante a introdución e moderación deste último espazo da xornada.

Compostela, de 13 Maio de 2016.


Máis información:
Lídia Senra, eurodeputada de Alternativa Galega de Esquerda en Europa (AGEe), integrada no Grupo Confederal da Esquerda Unitaria Europea/Esquerda Verde Nórdica (GUE/NGL).

lidia.senra@europarl.europa.eu

http://ageuropa.gal/

twitter  Facebook

Equipa de Comunicación AGEe:
0034 698 108 434/0032 483 604 027 (Bruxelas)
0034 666 368 883 (Galiza)

[1] Adxuntamos díptico e cartaz.

CARTAZ_DébedaPúbica. ImpactoDoMemorandoDaUE.compressed.pdf
DÍPTICO- | Acceder/Baixa.

PROGRAMA_DébedaPúbica.ImpactoDoMemorandoDaUE.compressed.pdf

Enviado por:
SENRA RODRÍGUEZ Maria Lidia OFFICE
-lidia.senra-office@europarl.europa.eu-
13 de maio de 2016 16:28
____________________

martes, maio 17, 2016

Lídia Senra insta ao estado español a votar en contra de que a UE permita usar glifosato 9 anos máis -


Lídia Senra insta ao estado español para que vote en contra de que a UE pemita usar glifosato 9 anos máis. | Alerta do alto uso en Galiza de herbicidas que conteñen este principio activo cualificado pola OMS como “probablemente canceríxeno”. | A membro de AGEe someteuse a unha análise de urina con 47 eurodeputadas/os máis e foi a que deu o nivel máis alto de glifosato.

Lídia Senra, eurodeputada de Alternativa Galega de Esquerda en Europa (AGEe), integrada no Grupo Confederal da Esquerda Unitaria Europea/Esquerda Verde Nórdica (GUE/NGL), instou este luns ao Goberno do estado español para que o próximo mércores, 18 de maio, na reunión do Comité Permanente Europeo de Plantas, Animais, Alimentos e Pensos, vote en contra da proposta da Comisión Europea de reautorizar o uso do glifosato en todos os estados membros ata o 2025.

Lídia Senra ofreceu esta mañá unha rolda de prensa en Santiago, para alertar sobre a importancia da votación europea deste próximo mércores, tendo en conta que o glifosato, principio activo de herbicida que se usa na agricultura e tamén para controlar as herbas nas cunetas, rotondas, parques, xardíns e lugares onde a maioría da poboación se move a diario, está cualificado pola Axencia Internacional para a Investigación sobre o Cancro (IARC), dependente da Organización Mundial da Saúde (OMS), como “probablemente canceríxeno para os seres humanos”.

Este herbicida atópase na auga, aire e alimentos”, alertou a eurodeputada, para deixar claro que a posición de AGEe ao respecto é totalmente en contra de que se siga a permitir o seu uso en todos os estados membros da Unión Europea, tal e como pretende a Comisión Europea. “Se o glifosato se segue utilizando na agricultura, seguirémolo tendo nas nosas mesas e na nosa auga e nos nosos corpos”, afirmou.

Neste sentido, explicou que nos últimos meses se teñen realizado diferentes estudos con persoas voluntarias para analizar a presenza de glifosato nos corpos humanos. Dun estudo realizado en Portugal a 26 persoas, no 100% delas detectouse glifosato na súa urina. Nun realizado en Alemaña, de 2009 persoas, só 8 tiñan niveis de glifosato por debaixo do valor umbral de determinación do método utilizado (0,0751 micragramos por litro). Pero a cuestión non fica aí e tamén no Parlamento Europeo, 48 eurodeputadas e eurodeputados se someteron a unha análise de urina de forma voluntaria. A propia Lídia Senra foi unha das persoas analizadas, xunto con representantes de Bélxica, República Checa, Francia, Alemaña, Hungría Italia, Lituania, Holanda, Reino Unido, Croacia, Finlandia e Irlanda. A galega foi, de todas as persoas, a que deu un nivel máis alto de glifosato no seu corpo: 3,57 nanogramos por mililitro, fronte ao 0,17 que foi o valor mínimo en corpo rexistrado nun eurodeputado da República Checa.

Ante esta situación, e tendo en conta que nin na casa nin na familia da eurodeputada nunca se usou herbicida, Lídia Senra afirmou que é unha evidencia que a poboación galega está altamente exposta ao glifosato a través das terras, aire, auga e alimentos, aínda que non o usen directamente nas súas fincas. “O glifosato está en todas partes”, exclamou. “Estamos falando de algo moi serio como para que os nosos gobernos sigan xogando coa saúde de toda a poboación”, dixo Senra. Por iso, explicou que a AGEe lle parece “extremadamente grave que non se respecte o principio de precaución e se estea plantexando seguir a permitir que se continúe a usar o glifosato a pesar de que é probablemente canceríxeno”.

Lídia Senra preguntouse que intereses defenden os nosos gobernos e considerou que probablemente “teñen máis interese en defender ás grandes multinacionais, como Monsanto, -principal comercializadora do glifosato- que á propia saúde das persoas”. “Apelamos ao goberno do estado español para que o mércores, cando se sente no Comité, vote en contra da autorización do glifosato. É fundamental se se queren salvagardar os dereitos á saúde da poboación”, insistiu. “O principio de precaución é fundamental e débese prohibir o uso do glifosato”, dixo, ademais de considerar que probablemente, no caso de saír adiante a reautorización do glifosato por 9 anos máis, se estea vulnerando o Regulamento CE nº 1107/2009 sobre comercialización de praguicidas, que recolle que os fabricantes deben demostrar que as substancias ou produtos producidos ou comercializados non teñen efectos nocivos na saúde humana ou animal nin efectos inaceptables no medio ambiente e establece que a substancia activa dos praguicidas só debe ser autorizada se non está ou vai estar clasificada como carcinóxena.

Igualmente, e centrada en Galiza, Lídia Senra considerou “fundamental” que a Xunta tome tamén a iniciativa a este respecto, se posicione en contra do glifosato, o prohiba no noso territorio e promova un estudo para analizar que nivel de presenza de glifosato ten a poboación galega.

Santiago, 16 maio 2016.

Máis información:
Lídia Senra, eurodeputada de Alternativa Galega de Esquerda en Europa (AGEe), integrada no Grupo Confederal da Esquerda Unitaria Europea/Esquerda Verde Nórdica(GUE/NGL)

lidia.senra@europarl.europa.eu


http://ageuropa.gal/
https://www.facebook.com/LidiaSenraRodriguez

Comunicación AGEe na Galiza:
age.europa.galiza@gmail.com

Alternativa Galega de Esquerdas en Europa
Oficina en Galiza
Tlf.: +34.698.144.067
Tlf.: +34.653.098.018


     


Enviado por:
AGE Europa - Galiza
-age.europa.galiza@gmail.com-
16 de maio de 2016 13:49

_________________

xoves, abril 28, 2016

"A día de hoxe inda segue sendo necesario reivindicar que os Dereitos Humanos son universais", di Lídia Senra eurdiputada galega, no marco do X aniversario do Grupo de Amizade co País Vasco, onde se presentaron as conclusións dun informe sobre dereitos humanos realizado no País Vasco


"A día de hoxe inda segue sendo necesario reivindicar que os Dereitos Humanos son universais". | No marco do X aniversario do Grupo de Amizade co País Vasco presentáronse esta mañá as conclusións do informe sobre DDHH en EH. | Arnaldo Otegi, presente no evento, mantivo posteriormente un encontro cas eurodeputadas Lídia Senra, Gabi Zimmer e Malin Björk.


A eurodeputada de Alternativa Galega de Esquerda en Europa, Lídia Senra, participou esta mañá na presentación das conclusións dun informe sobre dereitos humanos realizado no País Vasco [1]. Dito documento foi elaborado a partir das informacións e testemuñas obtidas por unha delegación [2] do Parlamento Europeo integrada por sete eurodeputadas/os pertencentes a tres grupos políticos distintos [3] -entre as que se atopaba a propia Lídia Senra-, que se desprazaron a Euskal Herria (EH) no mes de febreiro.

A recollida de información levada adiante por esta delegación parlamentaria respostou a catro cuestións de interese principal para as eurodeputadas/os: a aplicación de políticas de dispersión, a atención ineficiente a persoas presas gravemente enfermas, as restricións á aplicación da liberdade condicional en Francia e o incumprimento da Decisión marco 2008/675 / JAI do Consello (24 de xullo de 2008).

As conclusións deste informe, indicou Senra, "articúlase en torno á premisa de que respectar os dereitos humanos das presas/os políticas/os vascas/ non e contrario ao respecto dos dereitos humanos das vítimas de ETA", un punto de partida que semella sinxelo, mais que "á vista das informacións que obtivemos durante as entrevistas mantidas en febreiro, a día de hoxe inda segue sendo necesario reivindicar que os dereitos humanos son universais e que deben ser garantidos en tódolos casos".

Por outra banda, proseguiu, "sabemos por outras experiencias, como por exemplo a irlandesa, que tiven a posibilidade de coñecela de perto o ano pasado, que os presos e presas son sempre unha parte imprescindíbel na resolución deste tipo de conflitos; se non se quere pechar en falso, precísase a implicación de tódalas partes", polo que inda resulta máis importante "avanzar en vías que poderían ir dando pasos adiante nesta situación, como sería o achegamento das persoas presas".

Tras a presentación deste informe, e no marco da conmemoración do X aniversario do Grupo de Amizade co País Vasco no Parlamento Europeo, o líder da esquerda abertzale Arnaldo Otegi, impulsou o relanzamento do manifesto internacional Freedom for Arnaldo Otegi. Bring Basque Prisoners Home [4].

Antes de dar inicio a esta presentación, tivo lugar un minuto de silencio para lembrar o 79 aniversario do bombardeo de Gernika, unha emotiva lembranza realizada por todas as persoas asistentes ao evento e que "é tamén para lembrar a todas as vítimas do conflito vasco", sinalou Otegi antes de comezar a súa intervención.

Xuntanza con eurodeputadas

A eurodeputada galega, xunto ca Presidenta do Grupo da Esquerda Verde Nórdica-Esquerda Unitaria Europea (GUE/NGL), Gabi Zimmer, e a eurodeputada sueca Malin Björk, integrantes todas elas do Grupo de Amizade co País Vasco, mantiveron posteriormente unha xuntanza Arnaldo Otegi.

Durante este encontro as deputadas compartiron co político vasco as impresións xurdidas da súa viaxe a Euskal Herria, poñendo sobre a mesa tamén "a sorpresa de que a impresión maioritaria fora que dende o abandono das armas o proceso de paz está en certa maneira estancado, en lugar de apoiarse neste contexto para avanzar", expuxo a eurodeputada de AGEe.

O líder abertzale fixo fincapé nas dificultades que están a atopar no proceso, pero recalcou que "a paz é unha opción que non ten estratexia alternativa" e reivindicou "a importancia das respostas colectivas para poder gañar as batallas".

Bruxelas, 26 de Abril de 2016.


Notas.-
[1] Adxuntamos resumo.
[2] Ver [NdP120216AGEe] Lídia Senra participará nunha delegación do PE a Euskal Herria para obter información sobre DDHH e [NdP280116AGEe] Delegación do Parlamento Europeo ao País Vasco. Dereitos Humanos.
[3] A Presidenta do Grupo da Esquerda Verde Nórdica-Esquerda Unitaria Europea (GUE/NGL), Gabi Zimmer (Die Linke); o Vicepresidente do Grupo Verdes/Alianza Libre Europea (Verdes-ALE), Josep-Maria Terricabras (Esquerra Republicana de Catalunya, ERC); e as eurodeputadas/os Lídia Serna (Alternativa Galega de Esquerda en Europa), Martina Anderson (Sinn Féin), Malin Björk (Vänsterpartiet), Tatjana Ždanoka (Latvijas Krievu Savienība) e Mark Demesmaeker (Nieuw-Vlaamse Alliantie, N-VA).
[4] A eurodeputada de AGEe participou tamén como integrante do Grupo de Amizade co País Vasco no lanzamento da campaña Free Otegi. Free them all que tivo lugar no Parlamento Europeo o 24 de marzal do ano 2015 e contou ca presenza do músico Fermín Muguruza.
Freedom for Arnaldo Otegi. Bring Basque Prisoners Home

Outras info de interese:

Persoas expertas no ámbito enerxético sinalan a necesidade urxente de mudar o actual modelo. | Lídia Senra abre a xornada ‘Presente e futuro enerxético de Galiza no contexto europeo’ organizada polo GUE/NGL e AGEe na Estrada. | A eurodeputada denuncia que non é de recibo que as políticas neoliberais se preocupen tan pouco do impacto ambiental e social | Ir á Web. | 23.04.2016


Intercambio de opinións da Comisión de Pesca do PE co Comisario de Pesca, Karmenu Vella. | Dende onte e durante todo o día de hoxe están a ter lugar as reunións de traballo da Comisión de Pesca do Parlamento Europeo. | Senra esixiu a prohibición da minaría submarina, o saneamento das rías e a aplicación de criterios socioeconómicos no reparto de cotas. | Ir á Web. | 19.04.2016

Lídia Senra
, eurodeputada de Alternativa Galega de Esquerda en Europa (AGEe), integrada no Grupo Confederal da Esquerda Unitaria Europea/Esquerda Verde Nórdica (GUE/NGL)


Equipa de Comunicación AGEe.
lidia.senra@europarl.europa.eu

http://ageuropa.gal/

twitter  Facebook

Enviado por:
MONTOTO VAZQUEZ Vera
-vera.montotovazquez@europarl.europa.eu-
26 de abril de 2016 18:19
___________________

martes, abril 19, 2016

Xornada aberta de debate na Estrada: "Presente e futuro enerxético da Galiza no contexto europeo", este sábado, 23 de abril, unha xornada aberta para reflexionar sobre os actuais modelos enerxéticos, no Teatro Principal da Estrada e reunirá unha decena de relatores que analizarán a situación actual e exporán novas propostas


Xornada: "Presente e futuro enerxético da Galiza no contexto europeo" (A Estrada, Sábado 23/04). | O GUE/NGL e AGEe desenvolverán o vindeiro sábado, 23 de abril, unha xornada aberta para reflexionar sobre os actuais modelos enerxéticos. | Terá lugar no Teatro Principal da Estrada e reunirá unha decena de relatores que analizarán a situación actual e exporán novas propostas
.

Dende as 10.00 e até as 19.30hrs. deste sábado 23 de abril, o Grupo Confederal da Esquerda Unitaria Europea/Esquerda Verde Nórdica (GUE/NGL), do que Alternativa Galega de Esquerda en Europa (AGEe) forma parte no Parlamento Europeo, desenvolverá a través de AGEe a xornada aberta Presente e futuro enerxético da Galiza no Contexto Europeo [1], que terá lugar no Teatro Principal da Estrada (Pontevedra).

Este espazo informativo e de encontro celebrarase a iniciativa da eurodeputada de AGEe, Lídia Senra, quen destacou que nestes momentos "estase a dar un debate moi importante a nivel da UE en relación ao modelo enerxético; Juncker quere impulsar nesta lexislatura o Mercado Único Enerxético, unha proposta que vai ter grande impacto en toda a poboación europea pero do que a cidadanía carecemos de información suficiente".

Fai apenas uns días debatiamos en sesión plenaria no Parlamento Europeo sobre a pobreza enerxética na UE, segundo os datos manexados nese debate, nalgúns estados membro o 60% da cidadanía non pode quecer a súa casa axeitadamente e o 33% está a vivir con goteiras e humidades nas paredes.

"Ao igual que o dereito á alimentación debería prevalecer por riba da productividade comercial, todas as persoas deberiamos ter garantido uns mínimos de acceso á enerxía que nos asegure unha calidade de vida óptima", reivindicou a eurodeputada galega. Sen embargo, a día de hoxe "a distorsión dos intereses de mercado é tan grande que atopamos situacións inxustificábeis como que na Galiza, un País produtor de enerxía, moitas persoas non poidan acender a calefacción todo o tempo que precisan no inverno".

Logo da APERTURA a cargo de Lídia Senra e Mar Casais -voceira de Móvete-Movemento Veciñal Estradense e concelleira na Estrada- a xornada, que contará con quenda de mañá e de tarde, estruturarase en torno a catro paneis temáticos.

Encetaremos o debate cunha reflexión sobre O MODELO ENERXÉTICO. VISIÓN GLOBAL DA SITUACIÓN ACTUAL. INSUSTENTABILIDADE E TRANSICIÓN ENERXÉTICA (10.30hrs.), introducida polo Profesor de Economía Aplicada da USC e Vicepresidente de Véspera de Nada, Xoán Doldán e polo investigador da USC e membro de Verdegaia, Miguel Pardellas. A deputada no Parlamento español por En Marea, Alexandra Fernández, será a encargada de realizar a moderación.

A través de Alfons Pérez, encargado de Monitorización das Políticas de Seguridade Enerxética da UE no Observatori del Deute en la Globalització, e ca introdución e moderación de Lídia Senra, achegarémonos á UNIÓN DA ENERXÍA (12:30hrs), como sinalabamos, unha das apostas máis controvertidas e de maior calado da Comisión Europea para a presente lexislatura [2].

A sesión de tarde centraranos no contexto e nas propostas enerxéticas a nivel galego. Será a través das Doutoras en Economía Rosa Regueiro -profesora de Economía Aplicada da Universidade da Coruña- e Natalia Fabra -profesora da Universidade Carlos III e Premio Sabadell-Herrero á investigación económica-. Este panel, que se desenvolverá baixo o título O MERCADO ELÉCTRICO NA GALIZA E NO ESTADO ESPAÑOL NO CONTEXTO EUROPEO. NORMATIVA E DÉFICIT TARIFARIO (16.00hrs), será introducido e moderado polo deputado de AGE no Parlamento Galego, Juan Fajardo.

Antón Sánchez, deputado de AGE tamén no Parlamento Galego, coordenará a derradeira mesa, que a través do título REFORMAS LEVADAS A CABO NOS ÚLTIMOS TEMPOS. OUTRAS EXPERIENCIAS DE COMERCIALIZACIÓN DENDE O COOPERATIVISMO (18:00hrs), centrarase na exposición de experiencias prácticas. Así, coñeceremos o proxecto cooperativo de orixe catalá Som Energía da man da súa presidenta, Ana Marco; e do coordinador de Som Enerxía Galiza, Daniel Espinheira. A continuación afondaremos tamén na traxectoria, obxectivos e funcionamento de Nosa Enerxía Sociedade Cooperativa Galega, que será presentada polo seu presidente, Pablo Álvarez; e o proxecto cooperativo de orixe vasca Goiener, será dado a coñecer da man do seu director, Santiago Ochoa de Eribe.

Bruxelas, 18 de Abril de 2016.

Notas.-
[1] Adxuntamos cartaz e díptico-programa. | Acceder/Baixar. | Acceder/Baixar.
[2] Información da UE: http://www.europarl.europa.eu/atyourservice/pt/displayFtu.html?ftuId=FTU_5.7.2.html; información crítica: http://www.rosalux.eu/fileadmin/user_upload/energy-union-what-is-behind-it-2015.pdf.

Lídia Senra, eurodeputada de Alternativa Galega de Esquerda en Europa (AGEe), integrada no Grupo Confederal da Esquerda Unitaria Europea/Esquerda Verde Nórdica (GUE/NGL)

Equipa de Comunicación AGEe.
lidia.senra@europarl.europa.eu

http://ageuropa.gal/

twitter  Facebook

Enviado por:

SENRA RODRÍGUEZ Lidia OFFICE
-lidia.senra-office@europarl.europa.eu-
18 de abril de 2016 16:11
__________