Amosando publicacións coa etiqueta André Abeledo Fernández. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta André Abeledo Fernández. Amosar todas as publicacións

mércores, outubro 26, 2022

Caeu a torre da vergoña da ENEL Green Power, veuse a baixo a metáfora de espada de Damocles sobre as nosas cabezas, ... Por André Abeledo Fernández




Por André Abeledo Fernández [*]
26.10.2022


Caeulles a torre aos de ENEL Green Power, os que ameazan a todo un pobo con montar o "Parque Eólico de Caaveiro" e destruír o noso entorno, a nosa forma de vida, e as nosas esperanzas dun futuro mellor para a nosa terra.

Querían medir a forza do vento, e o vento levoulles a canallada, agora si queren medir a forza da veciñanza defendendo a súa terra vainos levar o demo.

Caeulles a torreta de medición da velocidade do vento que todos os veciños podíamos ver como espada de Damocles sobre as nosas cabezas.

Vai ser que a natureza e o vento tamén están con nos na loita contra os muíños do espolio, da especulación e do desastre, vai ser que traballan con nos os elementos para defender a terra.

Ao día seguinte da caída da estrutura xigante, duns 100 metros, os veciños de Anca celebramos a caída do símbolo dos abusos do poder e das multinacionais do sector eléctrico na nosa parroquia.

Aplaudimos ao vento que levou o esperpento ameazante que nos miraba día e noite dende o noso monte.

Sabemos que a loita vai seguir, que volverán a levantar a torre da vergoña, será por cartos, pero esta vitoria do vento sobre os especuladores macroeólicos é a primeira de todas as que veñen detrás.

Porque non imos permitir que destrúan a nosa terra, o noso presente e hipotequen o futuro dos nosos fillos sen loitar.

Porque ata os elementos están berrando que a Galiza non se vende, se defende.

EÓLICOS AQUÍ NON!

[*] André Abeledo Fernández, nado en Neda o 14 de Xullo de 1974, militante comunista e sindicalista. Delegado de persoal da CIG no comité de empresa de Mercadona na Provincia d'A Coruña. | Facebook e Twitter.

Enviado por:
André Abeledo Fernández
-andre1474@gmail.com-
26 de outubro de 2022 12:01

_______

domingo, maio 29, 2022

Non hai camareiros porque o sector non cumpre coa lei e explota a traballadoras e traballadores, ... Por André Abeledo Fernández


Por André Abeledo Fernández [*]
28.05.2022


"Bares, restaurantes e hoteis non atopan persoal escravo para a temporada de verán".

Coñezo, como coñece outra moita xente, persoalmente a camareiras e camareiros con contratos de media xornada traballando de 8 a 12 horas e cobrando parte dun salario de merda en negro. É o pan de cada día en hostalaría. Será por iso que ante tanta precariedade e escravitude, non hai camareiros?

Teño unha amiga que é camareira en Ferrol, cun contrato de media xornada, traballando a xornada completa, un día 7 horas, outro 8,10, ou as que o mal chamado empresario queira.

Cun salario de 500 euros ao mes en nómina mais outros 200 en negro, con só unha semana de ferias, que non sabe canto se lle van a dar, e con ningún fin de semana libre, so libra un día a metade de semana. Así son as condicións dun sector que maltrata ao traballador e á traballadora.

O que teñen que facer os hostaleiros para conseguir camareiros, é cumprir a lei, é pagar o que corresponde por convenio, como mínimo, respectar os dereitos dos seus empregados, e o "Código de Traballo" [1].

Iso é tratar a xente con respecto e dignidade.

E o goberno debe mandar inspeccións de traballo para evitar unha fraude e un abuso que xa dura demasiado tempo, que ademais representa unha competencia desleal para cos empresarios que cumpren coa lei.

[*] André Abeledo Fernández, nado en Neda o 14 de Xullo de 1974, militante comunista e sindicalista. Delegado de persoal da CIG no comité de empresa de Mercadona na Provincia d'A Coruña. | Facebook e Twitter.



Enviado por:
André Abeledo Fernández
-andre1474@gmail.com-
28 de maio de 2022 23:44

_______

[1] Código Laboral e da Seguridade Social  | Ir ao BOE.

Foto: Servizos de hostalaría.
_______

martes, maio 17, 2022

No Día das Letras Galegas non podemos esquecer que falar galego fainos galegos, ... Por André Abeledo Fernández


O Día das Letras Galegas debe de ter un significado especial, debémoslle dar unha importancia que vai máis ala do día festivo e dos actos culturais, neste día debemos lembrar a situación actual do idioma galego, e tamén a súa historia como ferramenta de comunicación do pobo galego.

O galego foi atacado e aldraxado durante séculos. E hoxe en día en moitos ámbitos da vida diaria da Galiza, o noso idioma segue a ser un estranxeiro na súa propia terra.

Non fai tanto tempo, practicamente nada no reloxo da historia, durante a ditadura franquista, nos xornais galegos podíase ler en perfecto castelán “no sea animal hable castellano”.

En moitos ámbitos da vida diaria da Galiza, o noso idioma segue a ser un estranxeiro na súa propia terra.

Miña nai contábame como a súa profesora na escola rural non falaba máis que castelán, e como os nenos e nenas que falaban en galego eran ridiculizados, e non falo dunha gran cidade, falo da parroquia de “Anca”, unha pequena aldea, entón labrega, onde en todas as casas falábase en galego.

O galego foi sempre a lingua da clase traballadora galega, o idioma da resistencia dun pobo que quería seguir falando o seu idioma para non deixar de ser.

Hoxe en día falar galego na Galiza continúa sendo un acto de reivindicación e rebeldía fronte o nacionalismo español casposo herdado do franquismo.

O galego continua precisando dunha discriminación positiva, ten que ser coidado, mimado, e reforzado para recuperarse das feridas de tantos anos de oprobio.

O galego continua precisando dunha discriminación positiva, ten que ser coidado, mimado, e reforzado

O galego é o noso tesouro, e Galiza é unha nación, un pobo cunha identidade de seu, temos unha cultura, unha historia e un idioma propios, estas características fannos galegos.

Todas as linguas, todos os idiomas, son igual de importantes, naceron despois dun longo proceso e a súa perdida é sempre irreparable.

É importante ter sempre presente, como ben dixo Castelao, que “Se aínda somos galegos é por obra e gracia do idioma”.

Falar galego na Galiza continua a ser un acto necesario, atrévome a dicir que ata revolucionario, para seguir sendo.

O noso idioma continua a estar en perigo por acción e por omisión dun goberno da Xunta de Galicia que o menospreza, en vez de defendelo como un tesouro, como parte da identidade do pobo galego, unha parte imprescindible para seguir sendo galegos.

O galego na Galiza foi sempre o idioma da clase traballadora, o idioma do campesiñado, da casa do humilde, o idioma do pobo que non dos señoritos.

O goberno do PP tanto na Galiza como en Madrid veu sempre o feito identidario de ter un idioma propio na Galiza, como en Catalunya, ou Euskadi, como un perigo para a sacrosanta unidade do Estado español, como unha agresión ao españolismo rancio que eles representaban.

Non hai idiomas de primeira e de segunda categoría, todos os idiomas do mundo deberían ser declarados patrimonio da humanidade, porque son moito máis que un xeito de comunicarse, son o froito da evolución dos pobos, son séculos de construción dunha comunidade lingüística.

O feito de que no Estado español convivan catro idiomas como son o castelán, o catalán, o éuscara e o galego debería ser visto como un tesouro, como unha posibilidade de enriquecemento mutuo.

Por desgracia no Estado español non é así, segue a ter xente que pensa que falamos galego para molestar, que o facemos por ignorancia, ou que falar galego é un atraso, é xente que non entende nada, e vai dar igual que lle o expliques en galego, en castelán ou en chino mandarín, porque non queren entender, os move o odio e o medo ao diferente, os mantén na ignorancia a herdanza do nacional catolicismo e o franquismo da "España una, grande y libre" que nunca foi ningunha das tres cousas nesa escura etapa.

Por ese motivo debemos continuar a loita porque no Estado español se entenda que non existen idiomas de primeira e de segunda categoría, que o idioma da Galiza é o galego e iso non é unha agresión é unha realidade a longo de séculos de historia, que os idiomas non separan, senón que abren fronteiras na terra e na mente. Debemos esforzarnos en que entendan que cando usamos o galego na nosa vida diaria non o facemos por amolar, nin sequera como unha opción política, facémolo porque estamos na Galiza, porque o galego e o noso idioma, porque nos peta e danos a gana de falalo, e sobre todo porque é unha necesidade defender un patrimonio do noso pobo tan importante como o galego. A nosa obriga é recuperar e salvagardar o noso idioma para as futuras xeracións.

[*] André Abeledo Fernández, nado en Neda o 14 de Xullo de 1974, militante comunista e sindicalista. Delegado de persoal da CIG no comité de empresa de Mercadona na Provincia d'A Coruña. | Facebook e Twitter.



Enviado por:
André Abeledo Fernández
-andre1474@gmail.com-
17 de maio de 2022 13:49

_______

Foto: Nós Diario.
_______

Eurovisión un concurso decadente, hipócrita e politizado, ... Por André Abeledo Fernández

Por André Abeledo Fernández [*]
17.05.2022


O Estado español amosa seguir sendo mediocre e de mediocres, celébrase un terceiro posto nun concurso tan mediocre e tramposo, como o é o de Eurovisión.

Celébrase un terceiro posto como unha victoria, no concurso do tongo continuo.

O tongazo deulle primeiro a vitoria a Chanel no Benidorm Fest, e agora deulle a vitoria a canción da Ucraína en Turín.

Unha Ucraína que gaña Eurovisión despois de boicotear a súa propia candidata por 'prorrusa'.

Alina Pash, foi a vencedora da preselección na Ucraína, pero tivo que renunciar por críticas de prorrusa despois de viaxar a Crimea e aparecer imaxes súas vestida cos colores da bandeira rusa.

Antes Rusia tiña sido expulsada de Eurovisión pola guerra na Ucraína, pero non a Israel polo xenocidio en Palestina, hipócrita Europa.

Un festival politizado, dirixido e completamente manipulado, onde nunca gaña o mellor, onde nin sequera se manda aos mellores artistas.

Eurovisión é un festival político económico que nada ten que ver coa cultura, coa música o con o arte.

[*] André Abeledo Fernández, nado en Neda o 14 de Xullo de 1974, militante comunista e sindicalista. Delegado de persoal da CIG no comité de empresa de Mercadona na Provincia d'A Coruña. | Facebook e Twitter.



Enviado por:
André Abeledo Fernández
-andre1474@gmail.com-
15 de maio de 2022 22:27

_______

mércores, maio 11, 2022

Yolanda Díaz e a nova aposta polo espazo do descafeinado, ... Por André Abeledo Fernández


Por André Abeledo Fernández [*]
11.05.2022


A aposta de Pedro Sánchez, do PSOE, da patronal, dos medios de comunicación, e das elites sindicais vendidas de CCOO e UXT por Yolanda Díaz ten unha razón.

Yolanda é a liquidadora do que puidera quedar de esquerda organizada no Estado español, é a encargada de artellar outro novo espazo que acabe de diluír a esquerda na nada da inconsistencia.

A dereita mediática amósase preocupada polo dano que lle esta facendo a esquerda o non pechar filas detrás de Yolanda Díaz. O PSOE esta preocupado porque o "período de escoita", que non de negociación ou confrontación de ideas, proxectos, programas, etc, non chegue a bo porto.

A dereita mediática, a patronal, as cúpulas sindicais vendidas, todos con Yolanda Díaz e o seu pragmatismo.

Porque en tempos de crise as oligarquías prefiren unha esquerda descafeinada, aínda que iso poida reforzar as filas da ultradereita e do fascismo.

Frases baleiras que deixan claro que o proxecto esta tamén baleiro:

"Período de escoita".
"O nome é o de menos (e a ideoloxía tamén)".
"Ampliar o espazo (cando o universo xa é infinito)".
"Fuxir do personalismo (para unirse a un proxecto persoal e personalista)".

Estamos como queremos.

[*] André Abeledo Fernández, nado en Neda o 14 de Xullo de 1974, militante comunista e sindicalista. Delegado de persoal da CIG no comité de empresa de Mercadona na Provincia d'A Coruña. | Facebook e Twitter.



Enviado por:
André Abeledo Fernández
-andre1474@gmail.com-
10 de maio de 2022 16:53

_______

luns, abril 18, 2022

Non todo é Ucraína, tamén hai guerras e conflitos invisibles, ... Por André Abeledo Fernández


Por André Abeledo Fernández [*]
18.04.2022


Toda guerra é un drama, é un erro, é unha catástrofe para a clase traballadora. Nas guerras a clase traballadora é a carne de canón, é quen sofre a crise económica, e é quen paga os gastos da guerra.

Que Putin é de ultradereita xa o sabemos e non é discutible, pero Ucraína é nazi-fascista, Polonia e Hungría tamén son a ultradereita, a mesma ultradereita que crece como a escuma en Francia, España, e practicamente en toda Europa.

Exemplos de demócratas, ou máis ben exemplares, como Boris Johnson, Ursula e Borrell vistan a Zelenski en Kiev. Eles están á fronte desa Europa hipócrita e decadente, que só ve o que lle interesa ver, mentres dá as costas aos 85.000 nenos asasinados na "actual" guerra do Iemen, tan actual como o xenocidio en Palestina, ou a ocupación ilegal do Sahara Occidental.

Hipocrisía é abrir a porta e dar facilidades ás refuxiadas ucraínas e aos seus fillos, mentres llas pechamos ás súas parellas ou fillos en idade militar de acordo co Ministerio de defensa de Ucraína. Hipocrisía é acoller ás refuxiadas ucraínas e tratar como lixo aos refuxiados sirios, afgáns ou subsaharianos.

A mesma hipocrisía que cando calaron ante o asasinato de xornalistas por parte do exército dos EEUU en Iraq, entre eles José Couso un cámara español, foi un asasinato covarde e premeditado para evitar que a prensa informase sobre os masacres, os asasinatos e as torturas que levaron a cabo os EEUU e os seus aliados en Iraq.

Moito noxo o nivel de inmundicia hipócrita

Con Ucraína, Polonia, Hungría e proximamente Turquía... a UE será a UFE (Unión Fascista Europea). A Comisión Europea promete a Zelenski acelerar o proceso de adhesión á UE.

A presidenta Ursula von der Leyen, afirma en Kiev: “Daremos a nosa opinión en semanas, non en anos como adoita ser habitual”, outra mostra de que a UE só funciona por interese e cando lle interesa.

Borrell, sobre o futuro de Ucraína na UE: "Necesita evitar que lla trague Putin, ese é o primeiro paso". Ucraína non só é a capital mundial do nazismo en Europa, tamén o é dos ventres de alugueiro, dos partidos ilegalizados, da persecución aos xitanos e ás persoas de esquerdas, sobre todo aos comunistas. Esa é a vosa democracia homologable?

O tenente xeral Francisco Gan Pampols cre que a OTAN e a Unión Europea deben "medir moitísimo" que tipo de armamento envían a Ucraína para que Rusia non o considere un acto hostil e chéguese a unha escalada no conflito armado que poña en perigo a paz mundial. "Putin ata o de agora tragou", advirte.

Estamos en mans de pallasos, cando o que necesitamos son estadistas. Imbéciles irresponsables totalmente afastados da realidade e sen a menor capacidade de análise.

É frustrante e indignante escoitar a Borrell dicindo que vivimos demasiado ben e debemos estar dispostos a entregar o noso benestar para pagar a factura da guerra en Ucraína. Hipócrita cara dura, fala sen coñecer a realidade, desde os seus privilexios e co escudo do seu desmesurado soldo.

[*] André Abeledo Fernández, nado en Neda o 14 de Xullo de 1974, militante comunista e sindicalista. Delegado de persoal da CIG no comité de empresa de Mercadona na Provincia d'A Coruña. | Facebook e Twitter.



Enviado por:
André Abeledo Fernández
-andre1474@gmail.com-
12 de abril de 2022 16:41

_______

mércores, abril 06, 2022

Artigos de André Abeledo - Non aplaudir a Zelenski un acto de dignidade en tempos difíciles para a dignidade - NON a todas as guerras, NON a todas as mentiras e NON a toda a propaganda


Non aplaudir a Zelenski un acto de dignidade en tempos difíciles para a dignidade

Queda dignidade, pouca, mais queda algunha, non todos son palmeiros do poder e tacticistas que van para onde sopra o vento. Grazas aos que non aplaudiron, aos que non foron, aos que non se deixaron usar. Aínda sabendo que os medios de intoxicación irían a por eles.

Zelenzki ilegalizou cando menos 11 formacións políticas, entre as que destacan: "Plataforma de Oposición - Pola Vida", "Partido Sharia", "Noso", "Bloque de Oposición", "Oposición de Esquerda", "Unión de Forzas de Esquerda", "Estado", "Partido Socialista Progresista de Ucrania". "Partido Socialista", "Socialistas" e "Bloque de Vladimir Saldo", entre outros.

Ademais o Partido Comunista xa estaba prohibido en Ucrania dende 2015, e coa chegada de Zelenski ao poder ten seguido prohibido.

Varios líderes comunistas ucraínos teñen sido desaparecidos ou asasinados polos NAZI-FASCISTAS ucraínos, algo do que non informan os medios.

Non todo vale por un voto, nin sequera un aplauso.


NON a todas as guerras, NON a todas as mentiras e NON a toda a propaganda

Non se trata de apoiar a Rusia, tampouco de caer ba rusofobia. Na guerra a verdade é a primeira vítima e a información é propaganda.

Por desgracia a prensa en Occidente sempre ten xogado sucio e a opinión pública non ten memoria.

Agora Ucraína, Polonia, Hungría ou Turquía xa son democracias homologables para Europa, a homofobia institucional, a persecución de ciganos e minorías étnicas, o feixismo, os neonazis, o machismo, todo eso queda esquecido porque estraga o relato oficial MADE IN UE, USA, OTAN.

Para cando expulsamos aos diplomáticos de Arabia Saudí pola guerra do Iemen, aos de Israel polo xenocidio en Palestina, ou aos de Marrocos pola ocupación ilegal do Sáhara Occidental?. Para nunca, porque eses sátrapas xenocidas son amigos de Occidente. Hipocrisía.

A razón pola que cada día máis xente non cree o que di a prensa en Occidente, é porque nos meten sempre, non se dedican a informar, son armas en mans de oligarquías, a súa función é crear opinión, intoxicar, desinformar, facer propaganda e mentir cando o poder o decide.

Os medios de comunicación son aparatos de manipulación ao servizo do que manda, a súa su labor é intoxicar e crear opinión, que non informar, pois a desinformación é a base do seu traballo, a verdade é solo unha vítima e a propaganda a súa su única función. O que paga a tinta manda.

Non me creo nada do que din os medios de comunicación, nin sobre a Ucraína, nin sobre practicamente nada. Mentiron en Iugoslavia, en Iraq, en Libia, en Siria, en Afganistán, sobre o Sáhara Occidental, meten, calan, usan a desinformación e a intoxicación como sistema.

Os medios e os seus opinadores OTANISTAS dan moito noxo e moita vergoña allea. Os que mentiron sobre a guerra en Iugoslavia, Iraq, Libia, Afganistán, Vietnam, Iemen, Sáhara Occidental.etc...agora nos explican a guerra na Ucraína.

Nos meten nunha guerra e nos piden que paguemos a conta. A crise derivada de financiar a Ucraína na guerra e das sancións a Rusia a pagaremos nós, nin os nosos dirixentes, nin os donos dos medios, nin os oligarcas, nin os opinadores OTANISTAS, paga o Sr. pobo.

E como sempre lles funciona, a xente segue tragando sin pensar e creen estar informados porque o dixo a televisión.

"Canto te pagan os rusos?", é o nivel argumental do persoal que non quere que lles ensucien o relato oficial que se ten tragado sin mastigar. As neuronas no se mercan, nin se venden.

Opinadores a soldo da OTAN e dos medios hai uns cantos que se están forrando nestes días  

"É máis fácil enganar a xente, que convencelos que teñen sido enganados" (Mark Twain)

[*] André Abeledo Fernández, nado en Neda o 14 de Xullo de 1974, militante comunista e sindicalista. Delegado de persoal da CIG no comité de empresa de Mercadona na Provincia d'A Coruña. | Facebook e Twitter.



Enviado por:
André Abeledo Fernández
-andre1474@gmail.com-
6 de abril de 2022 14:02
5 de abril de 2022 20:31
_______