Amosando publicacións coa etiqueta As Pontes. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta As Pontes. Amosar todas as publicacións

venres, outubro 19, 2007

O lago das Pontes

De: ASOCIACION VECIÑAL FONTELONGA
-avvfontelonga@mundo-r.com-
Para: artabra21@gmail.com
Data: 19 de outubro de 2007 19:04
Asunto: O lago das pontes



O lago das Pontes

A CERNA DO XALUNDES
O lago das Pontes
Marcelino Fernández Mallo
19/10/2007 - Vieiros

Como di meu pai, “o tempo pasa pero non o ves pasar”. Isto é o que pode ocorrer coa mina de lignito que explota Endesa en As Pontes a ceo aberto: tras trinta anos de extraer mineral para alimentar a súa central térmica, disque van deixar o lugar, máis ou menos, tal como o atoparon. Habemos ver.

O plan é pechar a chamada Mina do Tesouro o vindeiro 31 de decembro. A partir de xaneiro, e a través dun canal de 5.700 metros case rematado, a compañía eléctrica principiará a verquer no inmenso buraco auga procedente do río Eume. En total, serán 540 millóns de metros cúbicos que se transvasarán dende o leito fluvial durante catro anos ata formar o meirande lago artificial de Europa, o cal ocupará unha superficie de 8 quilómetros cadrados (así como a Illa de Arousa).

Nos últimos meses, escoitáronse voces supostamente autorizadas que defendían o lago artificial coma un auténtico dinamizador económico. Eu, agás a actividade previsible dun par de restaurantes durante as fins de semanas e o aluguer dunhas lanchas de pedais, non vexo qué outras actividades económicas se poden desenvolver a partir da nova lagoa. Os responsables do proxecto desvelaron hai pouco os plans para crear unha praia artificial, unha illa ornitolóxica e un peirao para embarcacións deportivas. Isto nun país, Galicia, con máis de 1.700 quilómetros de costa!

O transvase de auga presenta riscos importantes que paga a pena lembrar. Por suposto, o primeiro será o impacto sobre o propio caudal do río Eume e, consecuentemente, sobre a fauna e flora que vive no seu interior e na contorna. O segundo dos interrogantes será a calidade da auga que conforme o lago, pois o buraco que deixa a mina amosa unha alta presencia de pirita, mineral tóxico cuxo efecto se pretende minimizar cunha capa de arxila branca. O terceiro problema sería a contaminación por reborde das propias augas do Eume se finalmente se produce a acidificación do lago por mor da pirita. Por último temos a propia loxística da operación pois seica o seu éxito vai depender do ritmo do transvase, atopando opinións diferentes en función do técnico ou experto consultado.

Ante un novo macroproxecto de incertos efectos, altos custos e moi escasa produtividade previsible, propoñemos a seguir unha alternativa que se nos antolla máis coherente co feito a subsanar e, sobre todo, coas necesidades reais do país. Vexamos.


Visión Alternativa creadora de traballo e riqueza

As Pontes áchase a 40 quilómetros do porto exterior de Caneliñas. Logo ten unha evidente oportunidade para converterse nun importante centro loxístico. A súa localización implica unha fácil relación con sectores fundamentais para a economía galega como a construción naval, a pesca ou o agrogandeiro. A central de Endesa seguirá a funcionar a pleno rendemento pola importación de hulla asiática e polos investimentos comprometidos para abordar o ciclo combinado a partir do gas de Reganosa. As Pontes soa como posible destino da planta que veña substituír a amortizada factoría de Ence na ría de Pontevedra. Ademais, está a 25 quilómetros de Vilalba, logo terá conexión directa coas vías de alta velocidade (por estrada ou ferrocarril) do Cantábrico e de conexión coa Meseta. En resumidas contas, As Pontes reúne as condicións para virar nun dos centros neurálxicos da economía galega no inmediato futuro.

Por outra banda, Galicia leva sufrindo cando menos dez anos unha pésima planificación de solo industrial e un déficit importante de superficie nas áreas con maior potencial produtivo. A esta negativa circunstancia hai que engadir a ampla dispoñibilidade de terreo industrial no norte de Portugal a prezos extremadamente competitivos.

Por último, por máis ca o Conselleiro de Traballo insista no obxectivo do pleno emprego en tres anos, a teimuda realidade é que o noso país continúa a perder traballadores novos cada ano ao tempo que a taxa galega de actividade mantense sete puntos por debaixo da española, sendo a cuarta peor do Estado.

Así pois, se Galicia precisa crear máis postos de traballo dos que xera ao ritmo actual de actividade; se sofre unha persistente falta de solo industrial; se As Pontes supón unha localización con vantaxes salientables, e se a Mina do Tesouro carece, evidentemente, de calquera valor ecolóxico, se todo isto é así, alguén debería explicar de onde saíu a idea de asolagar oito quilómetros de solo aproveitables para usos industriais.

Por que non analizar unha opción que achegue un valor real ao noso país? Supoñamos que o lago dos oito quilómetros cadrados redúcese á súa oitava parte, co cal diminúen notablemente os riscos comentados ao comezo do artigo. Supoñamos que, por exemplo, outros dous quilómetros se deixan para zonas residenciais, de servizos (garderías entre eles) e de lecer. Supoñamos que se instala nalgún punto do lugar un centro especializado de servizos empresariais (ordenadores de gran capacidade, sistemas de xestión de telecomunicacións, asesoramento tecnolóxico, departamento de axudas...). Supoñamos que se destina o resto da superficie a grandes parques empresariais especializados en (sigo cos exemplos) loxística, enerxía e I+D enerxético, biotecnoloxía e innovación agrogandeira. Supoñamos que se reforza notablemente a OPYDE (oficina de desenvolvemento da bisbarra de As Pontes) con equipos expertos en cada un deses sectores apoiados con empresas consultoras do primeiro nivel en captación de proxectos de investimento. Supoñamos que se ofrece o solo industrial a 10 céntimos o metro cadrado (nada extraordinario tendo en conta que nestes momentos está prevista a inundación do terreo). Supoñamos que o Goberno galego entra en negociacións coas principais empresas europeas en cada un dos sectores definidos. Supoñamos que crea un gran fondo de investimento con capital propio máis as achegas das grandes empresas e dos grandes empresarios galegos, tanto os que están no país como os que andan por Cataluña, Madrid, México ou Brasil. Supoñamos que nos embarcamos nun gran proxecto de atracción de empresas de alto valor engadido e gran capacidade de creación de traballo e riqueza.

Un auténtico desafío. Complicado, evidentemente, pero se cadra, digno cando menos de estudar. Isto ou quedar mirando como van caendo os metros cúbicos de auga dende o río Eume ata o artificial lago das Pontes.

Enlace co artigo orixinal en Vieiros
___________________
ESTEIRO-FERROL
ASOCIACION VECIÑAL FONTELONGA
-avvfontelonga@mundo-r.com-

Web veciñal
Blog veciñal

________

Enlaces relacionados:

Xornadas: Restauracion Mina das Pontes, 2 de decembro


Recuperación da Mina das Pontes: A FGG lamenta que se conciba a solución de restauración dun complexo problema ambiental orixinando outro


Recuperación ambiental da Mina das Pontes: A FEG quere saír o paso das declaracións realizadas hoxe polo Conselleiro de Medio Ambiente

Guerrilleiros das Fragas rexeita o modelo de recuperación de Endesa
_________________________________

luns, xullo 16, 2007

Salvemos o Espazo Natural do Pico Vello

O pasado domingo 15 de xullo organizacións ambientalistas e cidadás [ADEGA, Clube Montaña Ferrol, Federación Ecoloxista Galega, Colectivo Fusquenlla, Guerrilleiros das Fragas, Lapis Verdes, Plataforma Ártabra 21, SGHN e VERDEGAIA], co apoio do Concello da Capela, realizaron un roteiro reivindicativo polo lugar do Pico Vello, na parroquia de Goente no concello das Pontes,colindante coas Fragas do Eume, para protestar pola pretendida instalación alí dunha mina de andalucita por parte da empresa Picobello Andalucita S.L.

Para ampliar clicar acima da imaxe

Empresa constituida o 28 de decembro do 2000, coa forma xurídica dunha sociedade limitada, cun capital social de 2.550.000 €, e con enderzo social na Coruña, na Rúa San Andrés, nº 56. Foi constituda co obxecto social de construción de plantas mineiras, extracción e comercialización de minerais. Pola propia denominación da empresa, considerase que o obxectivo concreto estaba posto desde hai, ao menos sete anos, na explotación mineira do xacemento de andalucita que se atopa baixo a terra do espazo natural de grande valor natural e ecolóxico do lugar do Pico Vello.

A empresa nos seus comezos foi unipersoal, mais agora ten dous administradores e accionistas DE UJFALUSSY ISTVAN FELIX MAX MARIA BENEDIKTUS [20/02/2001] e WARD NORBURY GLENN [20/02/2001] e o 15 de novembro de 2005 foi revocado o até enton apoderado da mesma JOSÉ MARÍA FRAGA LÓPEZ [Data:15/11/2005, REG.MERCANTIL:A CORUÑA, Nº Anuncio:477991]

Isto publicaba, o xornal económico "Expasión de Galicia" na súa edición publicada o 09/10/2006: "PICOBELLO ANDALUCITA, SDAD. CREADA PARA A EXTRACCIÓN DE ANDALUCITA NAS PONTES (A CORUÑA), RECIBIU A APROBACION PARCIAL DA DIRECCION XERAL DE CONSERVACIÓN DA NATUREZA DA CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE PARA A EXPLOTACION DA MINA NA ZONA EXTERIOR DO PARQUE NATURAL DAS FRAGAS DO EUME. A FIRMA, DE CAPITAL BRITÁNICO E SURAFRICANO, PROXECTA EXTRAER DO XACEMENTO Ao descuberto DE GROENTE (AS PONTES) 625.000 TONELADAS ANUAIS DE MINERAL, QUE PERMITIRAN PRODUCIR 50.000 TONELADAS DE ANDALUCITA. A MINA, CUNS RECURSOS AUDITADOS DE 67 MM. DE TONELADAS, EXIGIRA UNHA INVERSIÓN DE 21,5 MM. DE EUROS E A CREACION DE 56 POSTOS DE TRABALLO."

O permiso para dita explotación suporía a destrución duns inmensos valores ecolóxicos, paisaxísticos e etnográficos [fragas, regos, brañas, muíños, acueductos, rueiros, regadíos, ...], desde as organizacións ecoloxistas, medioambientalistas e cidadás que presentamos ALEGACIÓNS AO PROXECTO DE EXPLOTACIÓN MIMEIRA e que convocamos as primeiras mobilizacións contra esteespolio da natureza, queremos transmitir a toda a cidadanía a importancia de conservar este enclave situado a poucos metros do Parque Natural das Fragas do Eume, onde nace unha das fontes do Río Belelle, e entre outras maravillas atopase unha fraga de especies autóctonas que dende logo merece gozar da mesma protección que o propio Parque.

A marcha polo lugar do Pico Vello, deste pasado domingo 15 de xullo, pretendeu chamar a atención sobre este paraxe natural de grande valor ecolóxico e para reclamar a paralización do proxecto de mina de andalucita na parroqia pontesa de Goente.

Ás dez da mañá saía de Ferrol un autobus fletado por algunhas das organizacións convocantes da primeira marcha polo Pico Vello [ADEGA, Clube Montaña Ferrol, a Plataforma Ártabra 21, a SGHN, o colectivo docente Lapis Verdes e VERDEGAIA, en Goente agardaban veciños do lugar e do colectivo pontes Os Guerilleiros das Fragas e Fusquenlla de Pontedeume. Tamén viñeron representantes da Federación Ecoloxista Galega

Non só foi unha marcha pola zona, senon que un xeólogo foi o encargado de mostrar aos presentes que é a andalucita, para que se utiliza e como se formou na zona, ademais doutros aspectos do contorno da Fraga.

Antes de saír ás Brañas, hobo un xantar no curro do Forgoselo, onde os asistentes armaronse de argumentos para defender o lugar do Pico Vello e seguir loitando para conseghuir que a zona sexa declarada espazo natural protexido ou incluila no Parque Natural das Fragas do Eume.

______________

Para colaborar na defensa do Pico vello, contacta as organizacións ambientalistas e cidadás:
ADEGA, Clube Montaña Ferrol, Federación Ecoloxista Galega, Colectivo Fusquenlla, Guerrilleiros das Fragas, Lapis Verdes, Plataforma Ártabra 21, SGHN e VERDEGAIA

Enderezo de correo-e:

picovello@gmail.com

Os enderezos dos blogs som:

http://picovello.blogspot.com/

http://fontardion.blogspot.com/
_______________

mércores, xuño 06, 2007

O 5 de xuño, as máquinas destruíron o xacemento do Círculo Lítico da Mourela, nas Pontes

ADEGA e PLATAFORMA NA DEFENSA DO PATRIMONIO DAS PONTES

Hoxe, día 5 de xuño, día mundial do medio ambiente o Director Xeral de Patrimonio Cultural da Galiza borrou dun plumazo o Círculo Lítico da Mourela, no concello das Pontes de García Rodríguez. A media mañá de hoxe varias máquinas entraron no xacemento destruindo o mesmo en superficie. Ademais a situación na que quedan as tres mámoas da necrópole é insostíbel, dado que unha gabia de máis de 50 metros de profundidade atravesará este conxunto pola metade.

Ante esta situación, cremos que se repetiron os erros do pasado e non se fixo ningún intento por parte da Administración por dar transparencia a esta destrucción.

Ignorouse ademais a alternativa da execución dun túnel presentada polas nosas organizacións, que no mes de novembro de 2006, contaba co apoio da Dirección Xeral de Patrimonio, que confiaba nesta alternativa como solución á destrucción.

Hai que sinalar que a Lei do Patrimonio Cultural Galego, esixe a formulación e o estudo de tódalas alternativas existentes denantes de destruir o patrimonio. Cremos que no caso da Mourela a Lei non estivo vixiante.

A decisión de construir un túnel que salvagardara a necrópole megalítica non era unha cuestión económica nin legal, era unha decisión política, polo que consideramos que a Administración tomou o camiño equivocado.

Por isto dende ADEGA e a Plataforma, pedimos a demisión do Dir. Xeral de Obras Públicas D. Manuel Morato, por non estudar a alternativa existente e coaccionar á Dir. Xeral de Patrimonio, na toma desta decisión.

Logo de apoio público da Dir. Xeral de Patrimonio á alternativa do túnel lamentamos profundamente que o seu director xeral D. Felipe Arias, non tivese a entereza suficiente para esixirlle á Dirección Xeral de Obras Públicas a valoración e o estudo da alternativa do túnel e en consecuencia pedimos que os responsábeis desta situación, demitan.

Ademais aproveitamos este comunicado para anunciar a activación dun dispositivo de loita activa contra a especulación do noso Patrimonio arqueolóxico, que inclúe medidas de carácter social e legal.

Durante a xornada de mañá anunciaremos as diferentes movilizacións que se producirán durante os vindeiros días como repulsa a este Atentado Patrimonial.

Hoxe é un día triste para a arqueoloxía en Galiza, mais tamén o é para a Cultura Galega. Os veciños das Pontes non aturaremos máis destruccións do noso Patrimonio, coas nosas mans conseguiremos virar o rumbo desta nave da sinrazón e por a nosa proa na dirección axeitada, que remate dunha vez por todas coa especulación do noso patrimonio cultural.
_____________________

---------- Forwarded message ----------
From: Choiva Ázeda
<choivazeda@hotmail.com>
Date: 05-jun-2007 22:03
Subject:
MOURELA D.E.P. (3.000 a.C -5 DE XUÑO DE 2.007)
To: choivazeda@hotmail.com

Sen facer públicos os estudos dos arqueólogos no Circulo Lítico, sen estudar algún tipo de alternativa ao trazado previsto, sen valorar a posibilidade de construir un túnel por baixo da necrópole megalítica, e sen termos constancia de se a Dirección Xeral de Patrimonio deu o visto bo, a CPTOPV decide arrasar hoxe o alto da Necrópole, enclave crucial do patrimonio megalítico.

Noraboa señores políticos, por conseguires destruir o sitio arqueolóxico da Mourela e a esperanza de moitos cidadáns nunha nova forma de entender a democracia. As futuras xeracións lembraranvos eternamente.

MOURELA D.E.P. (3.000 a.C -5 DE XUÑO DE 2.007)

+ INFORMACIÓN EN:

http://choiva-azeda.blogspot.com/

http://www.amigus.org/mourela.php

Se non che interesa recibir máis E-MAILS nosos, só tes que enviar un correo ca palabra BAIXA

choiva-azeda.blogspot.com

Asociación Cultural Choiva Azeda

AS PONTES DE GARCÍA RODRÍGUEZ
______________________

sábado, abril 07, 2007

Dossier Informativo - A Mourela

Choiva Ázeda -choivazeda@hotmail.com-
7 de Abril de 2007 19:41
Para: choivazeda@hotmail.com

Estimado amig@:

Poñémonos en contacto contigo co fin de achegarche información documental ao respecto da inminente destrucción do conxunto prehistórico da Mourela nas Pontes de García Rodríguez (A Coruña).

O desleixo e a burocracia poden acabar durante o vindeiro mes de abril, con este conxunto prehistórico formado por catro mámoas e un círculo lítico, desestructurando unha das necrópoles megalíticas máis relevantes do noso país, fendéndoa pola metade cunha gabia de máis de 50 metros de profundidade.

Por isto pedímosche que consultes o enlace deste dossier informativo que che enviamos e na medida das túas posibilidades o distribúas a tódolos teus contactos, co fin de impedir que este conxunto senlleiro da cultura galega sexa destruido.

Preme neste enlace para descargar o Dossier (en galego) - PDF

ADEGA – Asociación para a defensa ecolóxica da Galiza
Plataforma na defensa do Patrimonio das Pontes

dossier_mourela.jpg

choiva-azeda.blogspot.com

Asociación Cultural Choiva Azeda

AS PONTES DE GARCÍA RODRÍGUEZ


xoves, marzo 22, 2007

A Central Térmica das Pontes, as emisións de CO2, Kioto, o AVE,

De: calareo -calareo@yahoo.es-
Para: artabra212gmail.com
Data: 22 de marzo de 2007 0:59
Asunto: GALIZA REGALA ENERXÍA PARA O BENESTAR DAS REXIÓNS RICAS DE ESPAÑA


Ao fío de todo isto, non está nada mal a opinión de Couselo
(http://acentogallego.typepad.com/about.html)


GALIZA REGALA ENERXÍA PARA O BENESTAR DAS REXIÓNS RICAS DE ESPAÑA

A maior central térmica de España está no municipio galego das Pontes de García Rodríguez. Os seus 1.400 MW de potencia instalada multiplican por dez a media das 200 térmicas que deben funcionar en España. Nas Pontes existía unha mina de lignito pardo, moito azufre e escaso poder calorífico, 20 quilómetros cadrados de superficie, cunhas revervas estimadas en 154 millóns de toneladas. En 1949 comezou Encaso a súa explotación para alimentar unha térmica de 32 MW e dez anos despois tamén unha planta de fertilizantes. En 1972, o Consello de Ministros transferiu o patrimonio minero eléctrico de Encaso a Endesa. A crise do petróleo de 1973 deu valor aos lignitos pardos, o que fixo rendible queimalos para xerar enerxía eléctrica. Durante varios anos as extracciones superaron os 12 millóns de toneladas para alimentar o consumo dos catro grupos de 350 MW, así que ultimamente a térmica abastécese en maior medida de carbón de importación. A alta produción de enerxía da central das Pontes propiciou que en 1978 construísese a factoría de Alúmina-Aluminio, na costa lucense. O deporte preferido do Estado é succionar a Galicia, porque os galegos déixanlle, claro. A Galicia endosáronlle dous impactos ambientais de xeito extraordinario á grande. Seguro que se se organizasen competicións sobre contaminación, As Pontes en CO2 e San Cibran en lodos vermellos serían campións de Europa. Pero o provecho destas industrias básicas foise a outras rexións. Galicia, ademais de quedarse sen un recurso non renovable -lignito-, cargou e carga cos custos ambientais que permiten máis benestar ás comunidades ricas. ¿E que recibe como compensación? Incomprensión, marginación, agravios.. Un amigo madrileño que visitou Galicia en Semana Santa para atiborrarse de marisco de ... Irlanda, Escocia, Francia e Túnez (o bo marisco galego cómese en Madrid, pero é caro), espetoume que "os galegos estamos inundando España de CO2". Deume a risa mirando cara ás árbores que cobren palmo a palmo o monte Castrove. Os montes galegos alimentan unha inmensa fábrica de osíxeno. Pero non dan abasto. Sosteñen os investigadores que a contaminación das chemineas industriais expulsan tanto CO2, que se necesitaría unha superficie de absorción de 4,6 millóns de hectáreas e a superficie galega é só de 2,9 millóns de hectáreas. Entón, hai que deixar de queimar carbón e alimentar as centrais con gas natural.

O caso é que a Comunidade de Madrid produce o 0,1 por cento da electricidade de España, pero consome o 11,4, segundo Unesa. ¿De onde sae a diferenza? Pois de Asturias, Galicia, Estremadura e Castilla e León. Madrid non ten centrais nucleares nin xeradores eólicos. Só unha miseria hidráulica e outra pouca térmica. Pero goza dun bo fornezo, ao prezo único nacional. Non é milagre que o PIB per cápita dun galego sexa o 61,8 por cento do dun madrileño. Os residentes na vila do oso e o madroño alcanzan por este concepto 10.409 euros anuais máis que os habitantes da esquina occidental de Europa. O PIB por habitante de 16.870 euros de Galicia esperemos que non mengue por culpa do CO2 se hai que pagar plusvalías na bolsa de dereitos de emisión por esixencias do guión de Kioto e dos mercadores de Bruxelas. Resulta irritante que circulase o rumor de que o AVE a Galicia podía quedar para 2020 porque non hai suficiente enerxía eléctrica para tirar das máquinas. E Galicia, ademais da gran produción térmica, ten o 16,7 por cento da potencia hidráulica instalada e o 24,2 da eólica. (Galicia é campioa de España en produción de enerxías renovables). Ocorre que desde que chegou a democracia, no canto de gobernos autonómicos, temos como unha sucursal do Goberno central. É como correr cen metros lisos con muletas. Non se chega á meta.


Enlace orixinal do artigo


Saúdos

venres, marzo 16, 2007

Diario de Ferrol: Os Guerrilleiros das Fragas, en contra da batida do lobo

Polo seu interese medio ambiental e social, transcribimos esta noticia que é unha denúncia da asociación ecoloxista das Pontes "Guerrilleir@s das Fragas" que publica hoxe o xornal comarcal Diario de Ferrol.


Diario de Ferrol

Ferrol | Venres, 16 de Marzo de 2007

Os Guerrilleiros dás Fragas, en contra da batida do lobo

Guerrilleiros dás Fragas, con sé nas Pontes, trata de contrarrestar os argumentos expostos polo Concello e entidades locais para solicitar unha batida de lobos, recordando que o posible aumento da presenza do animal non obedece ao incremento da cabana senón á degradación do territorio.

REDACCIÓN > FERROL

O colectivo ecologista demanda á Consellería de Medio Ambiente que non teña en conta a petición cursada senón, pola contra, aposte decididamente pola conservación da especie e, neste sentido, faise constar que a demanda chega, ademais, cando os lobos atópanse en época de celo.

Por outra banda, ao mesmo tempo que se reclama un sistema de compensación rápida e eficaz dos danos ocasionados polos lobos, os Guerrilleiros dás Fragas cuestionan que os recursos económicos familiares dependan en gran medida do gando danado, por considerar que "cousa rara nun pobo industrial como As Pontes onde a maioría dous propietarios do gando son prexubilados de Endesa conha economía sustentada en gran medida por tódolos contribuíntes e non non gando".

Tamén se explica que o lobo (canis lupus signatus) é unha das últimas xoias supervivientes da fauna autóctona e, sobre un posible incremento da cabana lobezna, dise que se trata dun síntoma de degradación dos seus territorios habituais. Neste sentido, o colectivo ecologista aclara que a apertura de novos accesos, canteiras e repoblaciones forestales poden ser algunhas desas posible causas. Así mesmo recórdase que a actual prohibición de deixar abandonado no monte o gando morto contribuíu a dificultar a supervivencia dun animal que tamén adoitaba recorrer aos vertederos para alimentarse.

Os Guerrilleiros dás Fragas entenden que "nos esquezamos que o lobo de ningún xeito é unha ameaza para a persoa humana, do que ou afasta ou temor ancestral que senten de nós os animais salvaxes". Así, dise que "non se coñece nos últimos 25 anos nin un só ataque comprobado a seres humanos" e, sobre esta última aseveración, desde a entidade ecoloxista pídense respostas a preguntas relacionadas sobre o número de ovellas mortas ou outros animais desaparecidos por posibles ataques de lobos.

Enlace coa noticia orixinal no Diario de Ferrol
___________________