Amosando publicacións coa etiqueta Avantar. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Avantar. Amosar todas as publicacións

mércores, outubro 06, 2021

Xubiladas e pensionistas da CIG sairán este xoves, 7 de outubro, ás rúas galegas por unhas pensións dignas - Denuncian que a reforma que está en marcha consolidará o peor das anteriores - En Ferrol ás 11 da mañá diante do edificio do INSS



O colectivo de xubilados/as e pensionistas da CIG ten convocadas para mañá xoves, día 7 de outubro, concentracións nas 7 cidades e Bueu, para demandar unhas pensións públicas dignas e alertar das consecuencias da reforma que ten sobre a mesa o goberno e que está en trámite parlamentario neste intre.

MOBILIZACIÓNS
A Coruña - 11h, Subdelegación do Goberno
Ourense - 11h, diante do INSS
Ferrol - 11h, diante do INSS
Lugo - 12h, diante da Subdelegación do Goberno
Pontevedra - 12h, Praza da Peregrina
Vigo - 11h, Farol de Urzaiz
Bueu - 12h, praza do Concello
Santiago - 11h, Praza do Toural

O que nos din os datos

A pensión media en Galiza é de 865,94€ mensuais, 99 euros por debaixo do SMI coa última suba, mentres que a pensión media no Estado español é de 1.017,97€. Ademais, un total de 415.310 persoas pensionistas en Galiza teñen unha pensión inferior aos 736,34€.

A poboación con máis de 65 anos acada de media 28,9 anos cotizados, moi lonxe dos 36,9 anos necesarios para acceder á pensión máxima. A isto hai que engadir a enorme brecha de xénero que existe e que se comeza a xerar nos primeiros anos de cotización e que chega aos 11,1 anos a favor dos homes cando chegan aos 65 anos, en prexuízo das mulleres.

De feito, a pensión media dunha galega é case que 300 euros inferior que a pensión media dun galego, un 35% por baixo das pensións dos homes e das persoas con pensións máis baixas, máis do 60% son mulleres.

O novo pacto das pensións non garante unhas pensións dignas nin presentes nin futuras

O colectivo denuncia que o PP e o PSOE levan anos querendo reformar o sistema público de pensións. Considera que teñen medo á contestación popular e que, por iso, se apoian en CCOO e UGT para perpetrar o que cualifican de “novo roubo as clases populares”.

O colectivo sinala que o acordo asinado o pasado 1 de xullo súmase ao anterior, do 27 de xaneiro de 2011, cando o goberno español, xunto con CCOO e UGT asinaron un acordo no que se vendían as nosas pensións. “Neste acto vergoñento subían o período de cálculo de 15 a 25 anos; aumentaban a idade de xubilación dos 65 aos 67 anos e tamén aumentaban a idade mínima de xubilación dos 61 aos 63 anos e 33 cotizados”.

Por iso conclúen que “o goberno español, os sindicatos estatais e as organizacións patronais, co acordo do 1 de xullo deste ano, veñen de pactar a consolidación de todos eses recortes perpetrados no ano 2011” e chaman a mobilizarse nas concentracións convocadas contra esta reforma porque, afirman, “estamos a tempo de parala”.

Fonte: Avante.

Enviado por:
Inácio GZ
-inaciogz@gmail.com-
6 de outubro de 2021 12:33

_______

xoves, setembro 19, 2019

En Ferrol como noutras cidades e vilas da Galiza ocuparon-se as rúas para manifestar a repulsa polo brutal feminicidio de Valga - Non á violencia machista


En Ferrol como noutras cidades da Galiza, centos de persoas, na súa grande maioría mulleres, saíron á rúa para amosar a súa repulsa polo triplo asasinato machista de Valga, combate contra o feminicidio. Corte de rúa, siluetas pintadas no pavimento, batucada e un minuto de ruído "... polas que están, polas que non están, polas que perigan, rebelión e autodefensa contra a súa violencia...”. O acto rematou coa lectura do comunicado da Marcha Mundial das Mulleres. Nas comarcas do noreste tamén tiveron lugar actos en Cabanas, As Pontes e Cariño.
#QuerémonosVivas #FeminismoOuBarbarie #NenUnhaMenos #MachismoMata #BastaDeViolencia #RespostemosTodas #GalizaEnPéContraOMachismo !

A continuación transcribimos a nova publicada en Avantar.


As mulleres galegas toman as rúas para manifestar a súa repulsa polo brutal feminicidio de Valga. | Celebráronse concentracións e mesmo manifestacións en decenas de cidades e vilas de Galiza.

As mulleres galegas tomaron novamente as rúas e prazas de Galiza nas decenas de concentracións e manifestacións convocadas ao longo e ancho da xeografía do país para manifestar o seu máis enérxico rexeitamento á violencia machista, tras do brutal asasinato, en Valga, de Sandra, María Elena e Alba diante das crianzas de 4 e 7 anos de Sandra. O asasino, José Luis Abet Lafuente, o seu ex-marido, disparoulle ás tres para logo entregarse á Garda Civil. Un episodio de violencia machista que conmocionou á nosa nación.

Ao remate das mobilizacións deuse lectura a un manifesto no que se rexeitou a violencia e se reclamaron medidas reais e efectivas na súa prevención e combate.

Para iso, nas cidades e vilas fíxose un chamamento a construír, desde o local ao nacional, un feminismo forte que procure “avances reais e medidas transformadores e non fique apenas en celebracións rotineiras ou meras medidas simbólicas” e subliñouse que “a axenda non pode tomar descanso no verán e volver co ritmo da pugna polo poder nas institucións ou para servir de apoio a medidas que non se constatan como útiles ou que non se comprometen a revisar o que falla e pór recursos ao servizo desta causa”.

Dúas das asasinadas non serán computadas como vítimas da violencia machista

Denunciouse ademais que dúas das asasinadas neste crime machista, María Elena e Alba, non aparecerán para o Estado como vítimas de violencia machista, pois “pese a que este ten subscrito o convenio de Estambul e colocado a vontade de trasladar o mesmo á lexislación no Pacto de Estado, nada diso foi efectivizado até hoxe. Segue no papel”.

Recoñeceuse que porén, a lexislación na Galiza, si considera estes crimes como crimes machistas, o que nos sitúa en posicións avanzadas “para reclamar dende a nosa acción melloras ao que xa temos cunha axenda propia que tensione as nosas institucións e dote de recursos as ferramentas das que xa dispomos”.

Nas mobilizacións advertiuse ademais de que “o tempo de pedir xestos rematou” e afirmouse que “é momento de conquistar realidades”. Por iso denunciouse que “o tan reclamado Pacto de Estado asignaba este ano ao Concello de Valga 1.766,48€ para a realización de reforzo dos servizos municipais, prevención, sensibilización, atención ás vítimas...”

Unha cantidade que consideraron “de miseria” e que, denunciaron, “amosa a absoluta falta de compromiso dese documento co combate real da violencia machista”. De aí que se rexeitaran as fotos e promesas, as accións cara á galería, os minutos de silencio, as condenas enérxicas e as iluminacións.

Fronte a isto exixiron “medidas contundentes e reais, recursos e orzamentos que garantan que se pode avanzar na formación de todos os axentes que interveñen na educación, a sanidade e a prevención e atención das mulleres que sofren violencia machista. Tres mulleres asasinadas, e a normalidade continúa tras colgar a pancarta ou realizar a declaración institucional de turno, mentres as aulas se baleiran de contidos de xénero e de metodoloxías pedagóxicas transformadoras, mentres a sanidade se recorta e a detección da violencia na mesma se imposibilita, mentres os puntos de encontro familiar se enchen de maltratadores visitan ás crianzas, os xulgados se ateigan de mulleres que deciden non facer efectiva a denuncia, se chegan a facela, as sentenzas deitan unha e outra vez custodias compartidas con agresores, as comisarías se baleiran de efectivos para vixiar as ordes de afastamento, os medios procuran o morbo nos feminicidios, as vítimas seguen cuestionadas, o machismo continúa ocupando o espazo público e se blanquea aos reaccionarios que combaten os avances do feminismo”.

Fartas de que se use o feminismo “para dar cor a acción política”

Xunto a isto denunciaron que se use o feminismo para dar cor á acción política sen que iso redunde en melloras ou avances reais e a “hipocresía” da dereita que recorta leis e orzamentos ao tempo que di sumarse á repulsa da violencia.

Lembraron que “sen recursos non hai combate da violencia. Sen educación en equidade e diversidade non hai combate da violencia” e chamaron a cuestionar “os cimentos mesmos da nosa educación para construírnos como suxeitos nunha sociedade na que a vida, das mulleres e de todas, debe estar no centro”.

O manifesto concluíu coa proclama de que “estamos fartas de que non se ille aos agresores nos nosos contornos máis próximos, onde nace e se perpetúa a violencia. De que se reproduza a educación machista e a discriminación que marca a lume o noso rol social a través das familias” e coa denuncia de que “todas aquelas persoas que negan a violencia machista, ou ben que a xustifican negando que o único motivo dos asasinatos é o patriarcado, é cómplice de cada asasinato”.

De aí que lembraran que “estamos na rúa porque urxe considerar a violencia machista como problema social e político de extrema gravidade, pero para esixir cambios reais. Estes asasinatos non poden ser considerados como un máis dunha longa lista de feminicidios. Non podemos asumir como algo cotián os asasinatos machistas cando nos últimos cinco anos, máis de medio cento de galegas foron asasinadas por mor da violencia machista. Máis de 1000 no estado español”.

Ante isto exixiron “que a Lei Galega de violencia de xénero sexa efectiva, esiximos recursos e un compromiso de vontade real para acabar co terrorismo machista. Non queremos máis mulleres asasinadas. Non queremos pésames, non queremos minutos de silencio, non queremos loito. Queremos que non haxa ningunha muller máis asasinada”.

Publicado en Avantar.
_______

luns, abril 06, 2015

O mes de marzo pechouse cun novo repunte da contratación temporal en Galiza


O mes de marzo pechouse cun novo repunte da contratación temporal en Galiza. | Só o 9,2% dos novos contratos foron rexistrados baixo algunha modalidade de contratación indefinida


Os datos do paro rexistrado amosan un repunte da contratación temporal en Galiza en marzo, xa que só un 9,2% dos novos contratos foron rexistrados baixo algunha das modalidades de contratación indefinida, porcentaxe que no mes anterior chegou até o 9,6%. Un total de 252.137 persoas figuran apuntadas no SEPE como desempregadas no noso país, un 2,10% menos que en febreiro, o que equivale a 5.412 desempregados/as menos. Por primeira vez a taxa de cobertura do desemprego baixou do 50%.

Na media do Estado español o descenso no número de desempregados/as foi do 1,33%, o que equivale a 60.124 persoas paradas menos, segundo os datos de paro rexistrado que veñen de facilitar os servizos de emprego.

A redución do desemprego produciuse en todos os sectores, sendo a maior caída na construción, cun 3,74% de parados/as menos, seguido da industria, onde o desemprego descendeu un 2,78%; a continuación situouse o sector servizos, cunha caída do 1,88%. No conxunto do Estado tamén se reduciu o desemprego en todos os sectores, aínda que dun xeito máis uniforme, nunha porcentaxe que atinxiu o 1,6%.

Con respecto á contratación, os contratos rexistrados en marzo nas oficinas do SEPE foron 63.842, dos que 57.963 foron novos contratos. Estes datos amosan a elevada temporalidade no emprego, xa que tan só o 9,2% do total de contratos se rexistrou baixo algunha das modalidades de contratación indefinida vixente; no mes anterior a porcentaxe de indefinidos fora lixeiramente superior, chegando ao 9,6%.

Aínda que xa van tres anos con caídas do desemprego durante o mes de marzo, nesta ocasión a Semana Santa tivo unha incidencia notable, o que lle da un cariz distinto aos datos ao tratarse dun feito meramente conxuntural; proba disto é a elevada temporalidade da contratación que reflicten as estatísticas.

Ao mesmo tempo, o feito de que nos atopemos en época preelectoral, co conseguinte incremento da obra pública, tamén tivo incidencia nos datos e traduciuse nun descenso do desemprego no sector da construción.

Precariedade e temporalidade

Dende a CIG advirten que o problema desta situación é que factores que son meramente coxunturais poidan tapar os graves problemas de fondo que se manteñen no "mercado de traballo" en Galiza, cun elevado número de parados/as sen ningunha prestación; no mes de febreiro a taxa de cobertura do desemprego descendeu ata o 49,5%; é a primeira vez que este parámetro baixa do 50%. isto significa que máis da metade das persoas desempregadas non perciben ningún tipo de prestación; e das que a perciben, menos da metade reciben a contributiva.

En canto á afiliación á Seguridade Social, rexistrouse un medre do 0,6% con respecto ó mes anterior, o que equivale a 5.300 afiliados/as máis, porcentaxe semellante ao descenso do desemprego.

Para o secretario confederal de Emprego e Industria, Miguel Malvido, estes datos amosan ás claras a nova realidade existente no mundo do traballo no noso país, caracterizada por unha cada vez maior desigualdade e por un incremento constante das persoas en risco de exclusión social. “A precariedade e a temporalidade no mercado laboral galego oon deixa de medrar mes a mes”, afirma Malvido, quen denuncia ademais “a baixa calidade do emprego, non só nos novos contratos, senón tamén nos que xa existían”.

Fonte: Avantar | 06.04.2015

Enlace relacionado ao xornal dixital Praza Pública:
O paro segue a baixar máis do que aumenta o emprego en Galicia. | 06.04.2015 | Ir á Web.
__________________

xoves, decembro 11, 2014

Este sábado día 13 de Decembro, ás 12 do mediodía, a CIG organiza unha cadea humana na Ponte das Pías unirán Fene e Ferrol, co obxectivo é demandar un claro compromiso político para o sector naval e un plan de reindustrialización integral para Ferrolterra


Manel Grandal: “A comarca de Ferrolterra sen o naval non vive”. | A CIG chama a participar na cadea humana na Ponte das Pías, o 13 de decembro, en demanda de compromiso político co naval e un plan de reindustrialización da comarca.
Cadea humana en demanda dun futuro para Ferrolterra.

Nos últimos días Navantia é obxecto de grandes titulares nos que se anuncia que no estaleiro comezan a cortar a chapa dun buque da armada española. Para a CIG-Ferrol sempre é boa noticia que haxa carga de traballo para o sector naval, mais considera que isto non é máis que “un parche” que non soluciona o problema de fondo. Por iso ten convocada para este sábado día 13, ás 12:00 horas, unha cadea humana na Ponte das Pías. O obxectivo é demandar un claro compromiso político para o sector naval e un plan de reindustrialización integral para Ferrolterra, unha comarca que leva 30 anos castigada por unha crise que lle foi imposta.

É certo que vén paliar algo a falta de carga de traballo, pero non deixa de ser un parche máis” afirma o secretario comarcal da CIG de Ferrol, Manel Grandal, quen explica que cando se vai comezar a traballar realmente é a partir do primeiro trimestre do ano que vén. Por iso entende que “este tipo de informacións responden a manobras políticas de cara a galería” porque malia todo “vai seguir habendo unha desocupación importante, tanto entre o propio persoal dos estaleiros como no conxunto de Ferrolterra”.

Xunto a isto, este mesmo luns facíase público que Navantia ve expirar o prazo que se marcou para contratar importantes programas. A este respecto o secretario comarcal da CIG-Ferrol lembra que ao longo de todo 2014 desde a propia Navantia se insistiu en que neste ano se conseguiría algúns dos contratos que estaban saíndo. Porén, non se materializou ningún deles. Ao seu entender “a falta destes contratos, sexan máis ou menos importantes, pon en perigo a carga de traballo e o emprego”.

Denuncia que en Ferrol non houbo reconversión industrial nin un programa de reindustrialización e subliña que toda a economía da comarca segue dependendo da supervivencia de Navantia. Neste sentido sinala que os prazos dos contratos seguen abertos, porque os países cando fan programas militares ocupan anos, e que o 99% deles levan atrasos. “Outra cousa é que non se estean facendo esforzos políticos para conseguilos e que Navantia estivera vendendo unha moto”.

Alerta de que os contratos que hai agora mesmo enriba da mesa “escasamente dan traballo para o 60-70% do cadro de persoal principal” e matiza que isto non quere dicir que non se contrate parte do traballo “pero obviamente este estaleiro vai seguir nunha situación de desocupación das instalacións verdadeiramente escandalosa”.

Responsabiliza da actual situación tanto ao goberno central como a Xunta porque non hai ningunha aposta no futuro inmediato, malia rematar o veto en cuestión de semanas, e afirma taxativamente que “non hai ningún proxecto agora mesmo que nos poida meter na construción naval civil”. E non só iso, “tampouco houbo previsión de modernizar as instalacións para prepararas para ese momento”.

Para a CIG, este desleixo respondería á decisión política de camiñar cara un estaleiro de síntese dedicado ao tema militar “e o mercado militar é o que é”.

Cadea humana polo futuro de Ferrolterra

Precisamente por esta situación se convoca a cadea humana do vindeiro sábado. “Temos enriba a data do 31 de decembro. O veto á construción civil levántase e moito nos tememos que iso quede nun papel, porque non hai ningunha aposta no estaleiro de Fene, nin sequera para ter equipos que van estar traballando no mercado civil de futuro, porque ten futuro”.

Pero para ter futuro de verdade neste mercado, a CIG-Ferrol sabe que hai que entrar nun mercado moi competitivo no que é imprescindíbel unha posta a punto das instalacións. E está convencida tamén de que é o sector naval, eixo central da economía da comarca, o que ten que servir como punto de partida para logo encetar un plan de reindustrialización porque “agora é o único que temos”, afirma o responsábel comarcal.

Esas serán pois as reivindicacións que se poñan este sábado enriba da mesa. Esas e a exixencia de que remate dunha vez a inacción política. “Se hai interese político pódense tomar de inmediato decisións que permitirán garantir o futuro do naval, porque o diquesexa flotante ou non- só depende diso, dunha decisión política, e que non perdamos Megasa depende do mesmo, dunha decisión política canto á tarifa eléctrica. Pero ten que haber interese”.

A modo de exemplo, e para constatar esa falta de interese, lembra que desde hai anos vense reclamando que se constitúa un Clúster do naval en Ferrolterra capitaneado por Navantia. “Curiosamente si se está facendo en Cádiz, o que dá a medida de cómo funciona a Xunta de Galiza”.

A este respecto a CIG-Ferrol denuncia con contundencia a actitude do goberno central que “mira cara onde mira”, do goberno da Xunta “que mira cara o goberno central para darlle os parabéns”, dos concellos do PP desta comarca que “están exactamente igual” e conclúe que “nos atopamos que hai un deixamento absoluto con esta comarca desde hai 30 anos. Este sábado sairemos á Ponte das Pías a exixir que se lle poña fin dunha vez”.


http://youtu.be/gTSgS8HYIrY

Fonte: Avantar.
_______

mércores, maio 16, 2012

Documental VENCEREMOS NÓS | a represión ao metal e o proceso a Antolín Alcántara


Breve documental que recolle esceas de arquivo da represión policial e gobernamental á folga do metal da provincia de Pontevedra en 2009, así como a situación actual do proceso xudicial contra Antolín Alcántara, secretario confederal de negociación colectiva da CIG, ao que a fiscalía prentende enviar ao cárcere en base aos sucesos de 2009.



Manteñen petición de cadea para Alcántara ao remate do xuízo pola folga do metal de 2009 malia non probarse a autoría dos feitos

O secretario confederal de Negociación Colectiva da CIG recibiu o apoio e a solidariedade dos seus compañeiros/as ás portas dos xulgados de Vigo.
A Fiscalía decidiu manter a petición de prisión para o secretario confederal de Negociación Colectiva e Saúde Laboral da CIG ao remate do xuízo celebrado este martes en Vigo a pesar de que non quedou acreditada a autoría dos feitos polos que se lle acusa, xunto a outras dúas persoas, de desordes públicos e danos durante a ocupación da estación marítima na folga do metal de 2009. Antolín Alcántara recibiu o apoio e a solidariedade dun nutrido grupo de compañeiros/as da central nacionalista, que se concentraron ás portas dos xulgados para reclamar a súa absolución.

Aínda que rebaixou a proposta inicial case á metade, o fiscal decidiu manter as petición de prisión para o dirixente da CIG e para o secretario comarcal do Metal de CCOO, Ramón Sarmiento, mentres que optou por retirar a acusación contra a ex responsábel de prensa do sindicato nacionalista na cidade, a quen a propia xuíza lle comunicou a súa absolución.

Pola contra, para Alcántara o Ministerio Fiscal pediu dous anos e medio -un e medio por desordes públicos e un por danos- e unha sanción económica duns 5.500 euros (12 meses a razón de 15 euros diarios, mentres que a petición inicial elevábase até os 18 meses). No caso de Sarmiento a petición de cadea quedou en dous anos, un por desordes e outro por danos, e unha multa do mesmo importe.

Un nutrido grupo de responsábeis e delegados/as da CIG concentráronse dende media hora antes do inicio da sesión -prevista para as 9.00 horas- ás portas dun edificio xudicial custodiado no seu acceso principal por máis de 20 axentes da Policía española. O secretario xeral da CIG, Suso Seixo, e o responsábel do sindicato na comarca, Serafín Otero, acompañaron a Alcántara ao interior dos xulgados mentres era despedido con berros de ánimo e aplausos.

Durante a sesión reproducíronse as imaxes captadas polas cámaras de seguridade da Autoridade Portuaria, nas que en ningún momento se observa a rotura da porta de acceso á estación marítima, e compareceron máis dunha ducia de testemuñas, entre gardas civís, policías e xornalistas.

Refuxiarse na estación marítima

Tampouco quedou probado que a intención dos folguistas fose ocupar a estación marítima e mesmo acceder a un cruceiro que se atopaba neses momentos atracando, tal e como sostivo o fiscal no seu alegato. Ben ao contrario, xa que o seu plan pasaba por realizar unha asemblea no acceso ao centro comercial que hai na zona para visibilizar o conflito diante dos turistas, “pero unha carga policial partiu o grupo en dous e unha parte correu a refuxiarse onde primeiro atopou”, tal e como explicaron os acusados no xuízo.

Ao remate da sesión, o secretario xeral da CIG dirixiuse ás persoas que agardaban á saída cinco horas despois para agradecerlles a súa solidariedade co compañeiro procesado e denunciar a actitude da Fiscalía e da propia xuíza. Suso Seixo criticou a dureza con que se persegue ás persoas que salientan polo seu compromiso cos dereitos da maioría social, “mentres se fai a vista gorda cos especuladores que causaron a crise ou cos empresarios que vulneran cada día dereitos fundamentais dos traballadores/as”.

Fonte: Avantar

Enlace relacionado:
http://www.galizacig.com/avantar/novas/15-5-2012/mantenen-peticion-de-cadea-para-alcantara-ao-remate-do-xuizo-pola-folga-do-metal-de-
___________________

venres, xaneiro 28, 2011

Masiva participación nas mobilizacións convocadas pola CIG o día da Folga Xeral do 27 de Xaneiro de 2011

A CIG amosou hoxe a súa satisfacción pola masiva participación da clase traballadora nas distintas mobilizacións celebradas por todo o país coincidindo coa xornada de folga xeral convocada para rexeitar a reforma das pensións do Goberno español. A central estima que arredor de 80.000 persoas saíron á rúa nas principais cidades e vilas de Galiza nunha xornada histórica para o sindicalismo nacionalista galego ao conseguir sacar adiante o paro en sectores importantes a pesar do contexto de grave crise, do boicot dos medios de comunicación e do acoso policial.





A folga tivo un seguimento practicamente xeneralizado no transporte de viaxeiros e nos urbanos, na recollida do lixo e limpeza viaria, no sector naval, nas grandes obras da construción (como a ampliación de Peinador e Lavacolla ou o porto exterior da Coruña) e nos portos comerciais de Ferrol e da Coruña. Os polígonos do Campiño en Pontevedra, do Tambre en Compostela e algunhas empresas situadas nos de Vigo viron reducida a súa actividade, de igual xeito que na cidade olívica lle sucedeu a Citroën, que tivo que dobrar a quenda de noite (terían que rematar ás 5.00 horas e eran as 8.00 e aínda traballaban) para que a liña de produción non se vise afectada. Alén diso, cómpre salientar que o 40 % da quenda de mañá non entrou a traballar, arredor de 1.000 persoas.

Outras empresas importantes que se viron afectadas polo paro foron a ferrolana Navantia (cun paro do 40 % na empresa principal e do 60% nas auxiliares, mentres que en Fene o paro ascendeu case até o 90%), Celulosas de Pontevedra (arredor dun 50 %), Alcoa en San Cibrao das Viñas (sobre un 50 %) ou Zara Loxística, en Arteixo (outro 50 %). En Ourense rexistrouse un paro total nas compañías Roberto Verino e Faurecia.

No que respecta á administración local salienta o seguimento masivo que tivo a convocatoria nalgúns Concellos, como foi o caso do de Compostela, cun 80 % de paro. En canto ao ensino secundario, a adhesión á folga estivo entre un 60 e un 70 %. Finalmente, o sector onde o paro tivo unha menor repercusión foi no pequeno comercio e nas grandes áreas.

Vigo

Na comarca viguesa a xornada de folga comezou nos polígonos industriais pouco antes das dez da noite, horario no que daba comezo a primeira quenda de traballo da noite. Os piquetes desprezadas até o Parque Tecnolóxico de Valadares puideron comprobar cal sería a tónica do comportamento da Policía española durante toda a noite a ao longo do propio día 27: someter aos folguistas a un acoso que lles impedise desenvolver o seu labor informativo no acceso aos centros de traballo. A partir de entón sucedéronse as identificacións e practicáronse varias detencións, entre elas as de catro afiliados da CIG que xa quedaron en liberdade tras seren acusados de “intentar levantar unha barricada”.

Con todo, o paro tivo moita incidencia na cidade, tal e como se puido visualizar na masiva manifestación que percorreu as rúas do centro e na que participaron arredor de 40.000 persoas, unha cifra moi similar á do pasado 29 de setembro. Ao seu remate, tanto o secretario comarcal de Vigo, Serafín Otero, como o secretario xeral da CIG, Suso Seixo, incidiron na importancia e contundencia da mobilización e non descartaron novas protestas ante “o maior ataque aos dereitos da clase traballadora en 40 anos”.

Nos estaleiros o seguimento da folga foi total, nun 70% nos autobuses urbanos (só funcionaron os servizos mínimos) e tamén completo na recollida do lixo e limpeza viaria (da empresa FCC). No mercado da froita tampouco houbo actividade por decisión dos traballadores despois dunha asemblea. A folga tamén se deixou ver de xeito notábel no sector da construción, afectando especialmente a grandes obras como as do aeroporto de Peinador ou aos traballos do Plan E.

A Coruña

A cidade da Coruña comezaba a folga ás 08:00 horas da tarde coa total paralización das obras do porto exterior, en Punta Langosteira. A imaxe do parón na obra pública máis grande da comarca repetiríase ao longo de todo esta xoves en cada unha das quendas de traballo. Ademais, a actividade quedou suspendida en Albada, o transporte interurbano e no porto comercial, mentres que en Zara Loxística rexistrábase un seguimento moi elevado do paro. Non obstante, o Secretario Comarcal, Paulo Carril puntualizou que a CIG favoreceu que continuara o resto da actividade pesqueira pola agónica situación que atravesa o sector, aínda que os movementos foron mínimos.

Por volta das nove da mañá arrancaba o piquete informativo do comercio dende o centro comercial Catro Camiños, ao paso do que ían pechando as tendas, mentres a cada volta se sumaba un número meirande de persoas, a pesar das ducias de policías que escoltaban a marcha. Era o sinal de que a manifestación, que poría remate ao piquete, rexistraría unha participación similar á da folga do 29 de setembro. E así foi, unhas 10.000 persoas percorreron as rúas da Coruña coa cidade ao berro de “Non á reforma das pensións”. A este respecto, Carril denunciou o papel xogado por CCOO e UGT neste novo ataque aos dereitos da clase traballadora e reivindicou ben alto a viabilidade do actual sistema público de pensións.

Ferrol

Dende a CIG de Ferrol subliñaron que a manifestación realizada hoxe na cidade é a máis numerosa das que se recorda na comarca nos últimos tempos, cunha participación que chegou ás 8.000 persoas. O dato sustenta a positiva valoración que fixeron dende a Unión Comarcal desta xornada de paro, na que se conseguiu paralizar a recollida de lixo e a limpeza viaria de Ferrol e Narón, os servizos de transporte urbano e diversas empresa do sector da construción e madeira e do metal (como Privilege ou Maderas Fernández.

Sobre a incidencia da folga, o voceiro comarcal, Manel Grandal, destacou especialmente a resposta á convocatoria por parte dos traballadores e traballadoras dos estaleiros públicos, de xeito que en Navantia Fene se acadou un 90% de seguimento e en Navantia Ferrol na empresa principal o paro xirou arredor do 40%, pero nas auxiliares o seguimento superou o 60%. Ademais, un volume importante de traballadores e traballadoras saíu do estaleiro para unirse á manifestación da CIG. E iso, incidiu Grandal, malia haber representantes de UGT e de CCOO que estiveron facendo o labor de contra piquetes.

O voceiro comarcal, Xesús Anxo López Pintos, apuntou que a central sindical demostrou hoxe que “non fallou á clase obreira e foi quen de pór a disposición da clase traballadora toda a ferramenta do sindicato”. Nesta liña tamén criticou con dureza o acordo asinado por CCOO e UGT, atendendo así as demandas dos gobernos, ao servizo do capital financeiro.

A respecto da presenza policial, subliñaron que se ben a de hoxe foi a manifestación máis numerosa, tamén foi a folga con máis presenza policial dos últimos anos. De feito a policía identificou a todos os piquetes informativos durante toda a noite e a mañá.

Carga en Odeón

Desafortunadamente, na comarca produciuse unha carga policial inxustificada contra un piquete que estaba realizando a súa labor informativa nun concesionario de vehículos situado en fronte ao centro comercial Odeón. Para maior sorpresa da CIG, non só a policía arremeteu contra os/as folguistas, senón que mesmo un vixiante de seguridade do complexo comercial saíu fóra do seu centro de traballo para “colaborar” na carga policial. Este vixiante golpeou a unha compañeira cunha porra extensíbel, causándolle unha fenda na cabeza.

Dende a CIG de Ferrol xa adiantaron que presentarán denuncia xudicial o garda de seguridade, para que, pola gravidade que reviste a súa actuación totalmente ilegal, se adopten todas as medidas que correspondan.

Lugo

Na cidade da muralla a folga arrincaba coa ausencia da recollida de lixo, coa paralización da estacións de autobuses e cunha incidencia no seguimento no Polígono do Ceao semellante á rexistrada na folga de setembro. Non obstante, o Secretario Comarcal, Xosé Ferreiro, puña o punto de mira na desmesurada presenza policial que acompañou aos piquetes durante toda a xornada, que mesmo procedeu a identificar aos folguistas que estaban pegando cartaces relativos ao paro xeral.

Ferreiro destacou o feito de que moitos traballadores/as do comercio cos que falaron durante o piquete informativo comentasen que tiñan que chamar ao seu xefe ou xefa para poder pechar e acudir á folga. Esta situación, apuntou, é sintomático do moito que aínda nos queda por avanzar na loita polos dereitos da clase traballadora.

Aínda así, mostrouse satisfeito pola participación acadada na manifestación deste mediodía, unhas 2.500 persoas, asegurando que “é a mobilización máis multitudinaria que a CIG convocou en Lugo”. Tanto que, ao igual que noutras cidades, contou coa presenza de xente afiliada ou afín a CCOO.

Despedido por acudir á folga

A nota negra da folga en Lugo púxoa na xornada do mércores o despedimento dun traballador, en clara vulneración dos seus dereitos, de Conxelados Sariego (Rábade) por anunciar a súa intención de acudir á folga e animar aos seus compañeiros/as a seguir o seu exemplo. Dende a CIG de Lugo denunciouse este tipo de actuacións do empresariado e xa anunciaron que a central sindical vai recorrer o despedimento e utilizará todos os medios ao alcance para conseguir que o traballador sexa readmitido.

A Mariña

Especial significado tivo a incidencia da folga na Mariña Lucense, xa que unha das empresas emblemáticas, Alcoa San Cibrao, só tivo operativos os servizos mínimos, mentres que a actividade das auxiliares estivo completamente suspendida.

Así mesmo, a acción policial tamén se fixo sentir, e o piquete informativo despregado en Viveiro permaneceu inmobilizado durante máis de media hora polas forzas de seguranza, que se adicaron a identificar a todos/as os/as folguistas.

Ourense

O secretario comarcal da CIG de Ourense, Etelvino Blanco, valorou moi positivamente a incidencia da folga non só na capital da provincia senón tamén en vilas como Xinzo e Verín. Neste sentido, salientou que no transporte urbano só saíron os servizos mínimos e que se paralizaron tanto a limpeza viaria como a recollida de lixo.

Alén diso, cifrou a incidencia da folga nos polígonos industriais nun 50% cun paro total na súa actividade de empresas tan importantes como Faurecia, no polígono de San Cibrao das Viñas.

A actividade comercial estivo paralizada durante toda a mañá e constatouse un seguimento do paro entre o estudantado tanto da FP como dos institutos.

Respecto da manifestación salientou a elevada participación, que superou a da folga xeral do 29 de setembro e o activo apoio de organizacións como o BNG, IU, Galiza Nova, a CGT, o sindicato ferroviario, o SLG e FRUGA, entre outras.

Compostela

En Compostela, e segundo explicou o secretario comarcal da CIG, Anxo Noceda, o piquete puido constatar que contra as 9:30 horas, a incidencia da folga no polígono do Tambre estaba entre un 60 e 70%. Pecharon ademais empresas relevantes na cidade como a Papeleira de Brandía, Tórculo ou Cespa.

Noceda tamén salientou que a actividade no aeroporto estivo paralizada, ao igual que as obras de ampliación de Lavacolla.

Respecto da administación, falou dunha incidencia variábel, e superior á da folga do 29 de setembro, no concello. Na Sanidade sinalou unha participación “nos parámetros da última folga” e unha importante incidencia no comercio.

Para o secretario comarcal da CIG de Compostela foi especialmente relevante a participación, de máis de 5.000 persoas, na manifestación que saíu da praza Roxa pasadas ás 12:30 e que abarrotou a Praza de Praterías, até o punto de que parte dos manifestantes non cegaron sequera a acceder á praza.

As Pontes

Os compañeiros e compañeiras das Pontes foron os encargados de dar o punto de saída das mobilizacións convocadas pola CIG hoxe en todo o País. Ás 10:30 horas unhas 200 persoas concentrábanse na Praza do Hospital para amosar o seu rexeitamento á reforma das pensións e ao preacordo entre os sindicatos e o goberno español, que poucas horas antes se tiña anunciado nos medios de comunicación.

Tras da protesta, explicaba o responsábel da Unión Local, Alberte Amado, iniciouse unha caravana integrada por uns 40 vehículos que trasladaron a mensaxe contra as regresivas medidas do goberno por todas as localidades por onde pasaron antes de sumarse á manifestación da CIG en Ferrol.

Cee

Na zona de Cee o seguimento da folga resultou semellante ao acadado na pasada folga de setembro. Desta volta, apuntou o responsábel local, Xabier Santos, tamén se organizou unha concentración, na que tomaron parte arredor de 300 persoas, que ademais recibiron o apoio do comercio local, que pechou as súas portas ao inicio da protesta para trasladar a súa conformidade coas reivindicacións da CIG.


Galerías Fotográficas da Xornada de Folga e Manifestacións

Acceder á galería de imaxes das mobilizacións.
Acceder á outra galería de imaxes das mobilizacións.
Acceder á galería de imaxes dos piquetes.

MobilizacionBarcoValdeorras.grande

ManiFolgaVigo5.grande

Cee_0.grande

11-01-27 manifestacion Xinzo 0.grande

11-01-27 manifestacion Verin 2.grande

11-01-27 manifestacion Ourense 01.grande

11-01-27 manifestacion Lugo 5.grande

11-01-27 Manifestacion Burela 1.grande

11-01-27 Manifestacion A Coruña09.grande

11-01-27 Manifestacion A Coruña01.grande

01-11-27 manifestacion Compostela 17.grande

01-11-27 manifestacion Compostela 1.grande

ManiFolgaVigo1

Fonte: Avantar
_____________