Amosando publicacións coa etiqueta Canido. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Canido. Amosar todas as publicacións

mércores, outubro 24, 2007

O conflito das expropiacións de Canido segue sen resolverse

De: Expropiados Ferrol
-expropiadosferrol@gmail.com-
Para: artabra21@gmail.com
Data: 24 de outubro de 2007 12:40
Asunto: O conflito de Canido segue sen resolverse



AFECTADOS POLAS EXPROPIACIÓNS DE VIVENDAS EN CANIDO (FERROL)

A tardanza na solución do problema está provocando a deterioración das vivendas que os afectados non poden reparar porque van ser derrubadas

O conflito de Canido segue sen resolverse

Un mes despois de que o Concello anunciase a solución ó conflito das expropiacións de Canido, esta segue sen chegar. Ningún dos tres veciños ós que debería de ofrecérselles un realoxo alcanzou un acordo en firme coa empresa promotora Albantur, que pretende construír no barrio ferrolán unha nova urbanización de 260 vivendas. Os afectados piden ó concelleiro de Urbanismo, o socialista Angel Mato, que explique por que tivo tanta présa en publicitar o desbloqueo dunha situación que comezou en 2004. Ese ano o Concello taxou ilegalmente os 18 inmobles expropiados por un valor de 224.932 euros, uns 12.000 euros por cada un, e iniciou un proceso de expropiacións que excede o esperpento.

Tres anos despois, os veciños están fartos de coaccións, ameazas de desaloxo e promesas que nunca se cumpren. A suposta solución á que fai referencia o concelleiro baséase simplemente nunha oferta da empresa Albantur. Os tres afectados pendentes de realoxo, están dispostos a aceptala, con todo, levan dous meses esperando a que llos convoque para asinar os documentos xurídicos que a avalen.

O propio Valedor do Pobo resalta, na última comunicación remitida ós veciños, que a situación actual é inaceptable. A institución que agora dirixe Benigno López enviou dez cartas ó Concello pedindo que lle concrete como vai ofrecerlles o reacollo ó que legalmente teñen dereito. Desde fai varios meses, o consistorio limítase a responderlle que hai unha negociación aberta. “Non pode entenderse que esa efectividade (a do realoxo) veña só pola vía dunha prolongada negociación entre os afectados, o Concello e a promotora”, resalta o Valedor, quen engade que “a actual indefinición crea unha situación de inseguridade que vostedes, os afectados, padecen, e que non deberían soportar”.

A tardanza na solución do conflito está carrexando, ademais, novos problemas. As vivendas expropiadas son antigas e algunhas necesitarían reformas para poder vivir nelas dignamente. Pero os afectados non poden facer obras, porque as casas vanse a derrubar. Os veciños reclaman unha vez máis ó Concello que poña fin ó problema, pois polo momento parece que só ten interese en simular que está resolto. De prolongarse esta situación, os afectados veríanse obrigados a iniciar un novo procedemento xudicial contra o consistorio para reclamarlle danos e prexuízos polas molestias ocasionadas.
______________________

xoves, setembro 27, 2007

A veciñanza expropiada de canido resposta ao edil de urbanismo do Concello de Ferrol

De: Expropiados Ferrol -expropiadosferrol@gmail.com-
Para: artabra21@gmail.com

Data: 26 de setembro de 2007 18:03

Asunto: Resposta ao edil de Urbanismo do Concello de Ferrol



Ola a todos!

Ante as declaracións do concelleiro de Urbanismo, Angel Mato sobre a solución do problema das expropiacións de Canido os veciños queremos precisar o seguinte:

O conflicto non está totalmente solucionado, porque polo momento os dous veciños que tiñamos dereito a un realoxo e non chegaramos a un acordo con Albantur non teñen nada asinado. É certo que nas últimas semanas a oferta realizada pola empresa respostou as nosas demandas, pero todavía non se concretou nun documento por escrito, que están consensuando os avogados de ambas partes. Tendo en conta os precedentes do proceso, xa que noutras ocasións se realizaron ofertas que logo nunca se cumpliron, os veciños pedimos o Concello que sexa riguroso coas súas declaracións os medios. De feito unha das afectadas ten un acordo asinado antes das últimas municipais, no que se lle prometía que se lle compraría e rehabilitaría unha casa en Canido, e o inmoble aínda non foi mercado pola empresa.

O Concello insiste en presentarse como mediador nun conflicto, cando el é o responsable. Unha empresa non pode decidir ó prezo que vai pagar por unha expropiación da que se vai beneficiar, senón que é a Administración a que debe facelo para velar porque se cumpran os dereitos das partes. De feito foi o arquitecto municipal do concello de Ferrol quen realizou as tasacións dos inmobles, a uns prezos insultantes e empregando un sistema - tasalas segundo o valor catastral- que non se axusta o que marcan as leis que rexen as expropiacións. De ahí partiron tódolos problemas. Polo tanto é o concello, tal como lle indicou o Valedor do Pobo en sucesivas ocasións, o que ten capacidade para obligar a empresa a pagarlle un prezo xusto ós afectados. Os veciños aceptamos negociar con Albantur para desbloquear a situación e axilizar o proceso.

Moitas grazas a todos
Expropiados Ferrol -expropiadosferrol@gmail.com-
Canido-Ferrol
_________

venres, agosto 10, 2007

Aclaración veciñal: A situación dos expropiados en Canido é a día de hoxe exactamente igual que a que había antes das últimas eleccións municipais

De: Expropiados Ferrol -expropiadosferrol@gmail.com-
Para: artabra21@gmail.com
Data: 10 de Agosto de 2007 12:40
Asunto: AFECTADOS POLAS EXPROPIACIÓNS DE VIVENDAS EN CANIDO (FERROL)


Os expropiados e a empresa non achegaron posturas desde antes das municipais

A situación dos expropiados en Canido é a día de hoxe exactamente igual que a que había antes das últimas eleccións municipais. Os veciños e a empresa levan máis de catro meses sen achegar posturas coa empresa Albantur, que pretende urbanizar a zona e construír máis de 260 vivendas. Os afectados reuníronse en dúas ocasións coa nova corporación local socialista, a última onte xoves. Con todo destes contactos só sacaron en claro que o Concello non ten intención de cumprir a recomendación do Valedor do Pobo.

A institución encargada de valer aos cidadáns ante os abusos das administracións instou en dúas ocasións ao Concello a que reacolla aos propietarios das vivendas, preferentemente nun piso da nova urbanización. A lexislación actual obriga a pór á súa disposición un piso de protección oficial e unha compensación económica suficiente para poder adquirilo. Nada disto transmitiuse aos veciños, que saíron da reunión co alcalde e o coordinador de Urbanismo coa sensación de que os chamaron só para facerse a foto e transmitir a falsa idea de que o problema solucionouse.

Os veciños móstranse sorprendidos de que o Concello indique á prensa que tras "a súa mediación" a situación actual sexa "significativamente mellor". En primeiro lugar, o Concello non pode reservarse só o papel de intermediador, porque é el, e non a empresa, o responsable directo de que se acometeu unha expropiación na que non se valoraron as casas segundo "os criterios de compensación previstos na Constitución", segundo indica o Valedor do Pobo, e é el quen ten a potestade para solucionalo. Ademais, a situación é exactamente a mesma que existía antes de chegar o goberno bipartido ao poder.

Os veciños aceptaron negociar coa empresa para solucionar dunha vez por todas o problema. Actualmente quedan dúas familias ás que legalmente se lles ten que ofrecer un reacollo (pero hai máis afectados con discrepancias polos baixos prezos aos que foron taxados os seus inmobles). As dúas familias están dispostas a renunciar a un piso na nova urbanización, sempre que polo menos ofrézaselles polas súas vivendas un prezo non insultante. Albantur négase a pagarlle a unha das veciñas octoxenarias os 81.000 euros que pide pola súa casa (máis os honorarios do avogado) ao consideralos excesivos. A outra familia xa chegara a un acordo coa empresa por valor de 75.000 euros (máis os gastos do avogado), pero se plantou á hora de asinar ata que se arranxase a situación con todos os prexudicados.

Nas declaracións do Concello á prensa, parece desprenderse que desde que os socialistas chegaron ao poder Albantur alcanzou acordos con outros veciños, pero non é certo. A empresa asinou con tres afectados o 2 de abril. Dous deles eran inquilinos e a outra propietaria. A esta última prometéuselle un piso na Rúa Estrela, pero catro meses despois non llo facilitaron.

Como a empresa non parece disposta a alcanzar un acordo, os veciños esixen ao concello que tome medidas e non escuse as súas responsabilidades. Na reunión do xoves o Concello informoulles de que se Albantur non cede limitarase a deixar que o Xurado de Expropiacións (no que xa están os expedientes desde que gobernaba o PP) valore novamente as súas vivendas. Con todo, o Valedor do Pobo xa advertiu ao ente local que isto non é suficiente. De proseguir a negativa da empresa, o Concello debería de botar para atrás todo o proceso e comezalo de novo, pero esta vez seguindo escrupulosamente o que ditan as leis que regulan as expropiacións.
___________________________

mércores, xuño 20, 2007

O Valedor esíxelle novamente ó Concello de Ferrol que realoxe os veciños de Canido

De: Expropiados Ferrol -expropiadosferrol@gmail.com-
Para: artabra21@gmail.com

Data: 20 de Junho de 2007 11:51

Asunto: O Valedor esíxelle novamente ó Concello de Ferrol que realoxe os veciños de Canido



AFECTADOS POLAS EXPROPIACIÓNS DE VIVENDAS EN CANIDO (FERROL)

O Valedor esíxelle novamente ó Concello de Ferrol que realoxe os veciños de Canido

O Valedor do Pobo dirixiuse novamente ó Concello de Ferrol para esixirlle que solucione o problema dos veciños afectados polas expropiacións no barrio de Canido. A institución que dirixe Ramón Vázquez Sandes recibiu recentemente a resposta da entidade local á súa recomendación de decembro de 2006, pero non a considera suficiente. “Non se sinala nada en relación co dereito de realoxo dos afectados e a correspontente peza separada de realoxo nin cos criterios de valoración”, indica o Valedor nunca carta dirixida ós afectados.

O pasado decembro o Valedor recomendoulle ó goberno local que os criterios de valoración das vivendas non se correspondían cos previstos na Constitución e que os veciños debían ser realoxados “preferentemente” nun novo piso do sector por urbanizar. No barrio a promotora madrileña Albantur proxecta construir máis de 260 vivendas. Pero a comunicación do Concello non tocou ningún destes dous puntos. O Valedor espera actualmente unha resposta definitiva á súa recomendación. En caso de que a nova corporación local non a remita con urxencia, a queixa dos veciños de Canido chegará o Parlamento de Galicia a través do informe anual que presenta Ramón Vázquez Sandes.

Malia que o goberno local aprobou en 2004 que os 18 inmobles afectados polas expropiacións tiñan un valor conxunto de 224.932 euros (uns 12.000 euros por casa) o Concello non lle remitiu ó expediente o Xurado de Expropiación de Galicia ata o 9 de novembro de 2006. Este órgano é a primeira garantía para os expropiados no caso de estar en desacordo coas valoracións realizadas pola Administración.

Os veciños afectados esperan que a nova corporación de esquerdas de Ferrol tome en serio a recomendación do Valedor do Pobo e solucione o problema de xeito definitivo.
_______________________
Espolio en Canido:
____________________________

luns, maio 21, 2007

Os afectados esixenlle ó Concello que solucione o problema das expropiacións de Canido


De: Expropiados Ferrol -expropiadosferrol@gmail.com-
Para: artabra21@gmail.com

Data: 21 de Maio de 2007 12:16

Asunto: Os afectados esixenlle ó Concello que solucione o problema das expropiacións de Canido


Tres meses despois de que o concelleiro de Urbanismo de Ferrol, Guillermo Evia, comprometésese publicamente a darlle unha solución ós veciños do barrio de Canido afectados polas expropiacións das súas vivendas, esta segue sen chegar. En declaracións ó Diario de Ferrol (29 de xaneiro de 2007), Evia anunciaba que lle daba á empresa un prazo dunha semana para chegar a un acordo económico cos veciños ós que o Concello intentou desaloxar en varias ocasións. A día de hoxe aínda non se subscribiu con todos os expropiados.

O goberno local aprobou en 2004 que 18 inmobles das rúas Insua e Curral do Chapón custaban un total de 224.932 euros ( unha media de 12.000 euros por casa). Na zona unha empresa madrileña, Albantur, pretende construír unha urbanización de máis de 260 vivendas. O proceso expropiatorio acumula unha serie de irregularidades que motivaron as críticas do Valedor do Pobo. A institución que dirixe Ramón Vázquez Sandes denunciou que os criterios de valoración das vivendas "non se corresponden cos previstos na Constitución". Así mesmo manifestou que os veciños teñen dereito a ser realoxados "nunha nova vivenda, preferentemente no sector por urbanizar".

Evia comprometeuse, tamén ante a prensa e nunha reunión persoal cos afectados, a "seguir as dilixencias do Valedor" se a promotora non pagaba uns prezos razoables polas casas expropiadas. Os veciños esixen ó Concello que non eluda as súas responsabilidades e poña fin ó calvario no que desde fai máis de dous anos ven sumidos varios anciáns que non entenden como a Administración pública pódelles "roubar" as súas casas.

Actualmente son dúas as persoas que residen nas súas vivendas e non asinaron o acordo. Para solucionar, dunha vez por todas, o problema, os veciños están dispostos a renunciar a un piso na nova urbanización sempre que polo menos se lles ofreza polas súas vivendas un prezo non insultante. Albantur négase a pagarlle a unha das veciñas os 81.000 euros que pide pola súa casa (máis os honorarios do avogado) ó consideralos excesivos. A cantidade demandada responde á taxación realizada por un perito seguindo o método residual, previsto pola lexislación para calcular o valor dos inmobles expropiados.

Todo o proceso de negociación -iniciado tras as presións dos veciños e despois de que o programa Caia Quen Caia forzase o compromiso do alcalde, Juan Juncal- foi unha chapuza. A empresa negouse a satisfacer as demandas desta propietaria, e non obstante si que chegou a un acordo con outros afectados por cantidades similares. Unha das familias plantouse á hora de asinar para intentar evitar que se deixase descolgada a esta persoa afectada.

Os veciños esixenlle ó Concello que apreme á empresa para chegar ó acordo ou que de non producirse de forma inmediata cumpran por unha vez a súa palabra e acaten a recomendación do Valedor do Pobo.