Amosando publicacións coa etiqueta Emafesa. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Emafesa. Amosar todas as publicacións

xoves, decembro 30, 2021

A Plataforma interviu no Pleno do Concello de Ferrol convocado en sesión ordinaria onte mércores 29 de decembro, no punto 9 da orde do día, onde se abordou a proposta de aprobación da Segunda Addenda ao Convenio de colaboración entre Augas de Galicia e o Concello de Ferrol para a formalización da encomenda de xestión da explotación, mantemento e conservación do sistema de saneamento e depuración do Concello de Ferrol - Vídeo da intervención e do debate no Pleno


O Pleno Municipal en sesión Ordinaria que se celebrou no Palacio Municipal, o mércores 29 de decembro de 2021, ás 7 da tarde, no punto 9, abordou-se a proposta de aprobación da SEGUNDA ADDENDA ao Convenio de colaboración entre Augas de Galicia e o Concello de Ferrol para a formalización da encomenda de xestión da explotación, mantemento e conservación do sistema de saneamento e depuración do Concello de Ferrol.

Por medio de Lupe Ces, a Plataforma na Defensa dos Servizos Públicos pola Remunicipalización, interveu no citado Pleno para solicitar que se entregue a Augas de Galicia a xestión do sistema de saneamento e depuración (incluído o que xestiona ACUAES) porque este ten un carácter supramunicipal e a xestión debe ser única e centralizada, para optimizar custes e aproveitar as sinerxías, mentres non se constitúe un ente supramunicipal para a xestión do sistema. E apoiamos a creación dese ente supramunicipal entre os dous concellos, sempre que se trate da xestión directa mancomunada dunha empresa pública que reverta os beneficios en mellorar o sistema reducindo custes enerxéticos e custes ambientais. Para iso temos exemplos onde mirar como pode ser o modelo da Coruña, Arteixo, Cambre, Culleredo e Oleiros que constituíron en 2013, a empresa pública Edar Bens SA, co fin de xestionar de xeito conxunto a depuración das augas residuais dos cinco concellos, convertendo-se na primeira empresa supramunicipal de Galiza.


Texto da intervención da Plataforma no Pleno Municipal de Ferrol de hoxe, por Lupe Ces

Boas tardes!

A Plataforma na Defensa dos Servizos Públicos pola Remunicipalización toma a palabra neste pleno municipal para solicitar no seu nome, e no nome das veciñas e veciños de Ferrol amantes do bem común e practicantes do sentido común, que se devolva a xestión das infraestruturas do servizo de saneamento e depuración a Augas de Galicia, mentres non se críe un ente supramunicipal, de carácter público, que afronte a xestión deste servizo.

Nesta cidade estamos no “Día da marmota”,  como lle pasaba a Bill Murray no filme "Atrapado no tempo", e deste bucle nom se sae se nom se actúa de xeito diferente, correcto e xusto. No caso desta corporación, se non se actúa en defensa dos intereses da veciñanza deste Concello e non no interese dunha empresa que consegue, unha corporación tras outra, que todo se organice en función dos intereses empresariais da parte privada de EMAFESA.

Vimos outra vez a dicir e repetir, e asín o faremos o tempo e as veces que faga falta, que EMAFESA debe estar fóra da xestión de calquera servizo de Ferrol. Unha empresa que só merecera neste momento un expediente por incumprimentos de contrato e unha auditoría completa por irregularidades.

Non se pode confiar nesta empresa tal e como foi a sua xestión ao longo destes anos, pola cantidade de irregularidades e incumprimentos que ven realizando: lecturas estimadas abusivas para facerse con liquidez a consta da veciñanza; facer definitivo o que era provisional, aplicando consumos lineais por non instalar contadores nos barrios de Recimil e San Pablo; cobro da depuración sen que se prestase o servizo enganando ate ao mesmo goberno municipal; non facendo ningún investimento no saneamento do rural, sendo este un dos compoñentes para o cálculo do prezo da taxa que se nos cobra; retención e non pago do canon concesional, chegando a deber ao Concello máis de 6 millóns de euros; retención do canon da auga despois de telo recadado...

O “Día da marmota” Señor Mato. Mentres, vostede afirma en Radio Voz que EMAFESA é unha empresa “pública” e modélica. Nós retámoslle a que publique as actas dos seus consellos de administración e as súas contas, e logo probe a solicitar un cambio na xerencia da empresa a ver como lle vai. Ou por exemplo esixa e publique os datos de canto recada a empresa SOCAMEX, a parte privada, subcontratada pola propia EMAFESA, cobrando 120€ a hora ou fracción, por resolver os problemas de atascos no saneamento que teñen as comunidades nos edificios desta cidade. A onde van parar os lodos que recolle? Está incluído no prezo do servizo a xestión deses lodos cando a propia SOCAMEX o que fai é verte-los no sistema de depuración da cidade? Cobra pola auga consumida por este servizo, cando sabemos que a colle directamente do sistema? Como explica vostede que se nos siga cobrando igual polo concepto de saneamento (rede de sumidoiros), cando unha parte moi importante da rede (rexistros, colectores, interceptores) xa non os xestiona EMAFESA que os leva ACUAES e xa os pagamos no concepto de depuración?

A parte pública de EMAFESA, o seu goberno municipal, nen sabe nen quere saber. Cando o seu labor ten que ser de fiscalizador e garante da xestión, vostede como os seus antecesores, só están para tomar acordos que aumenten o volume de negocio de EMAFESA, e tapen as súas vergoñas.

EMAFESA empresa modelo de xestión? Pois algo pasará para que este Pleno leve sen aprobarlle as contas dos exercicios 2016, 2017, 2018, 2019 e 2020. Cinco anos sen que se lle aproben as contas, iso só se pode traducir en irregularidades, desconfianza, incompetencia e mala xestión.

O “Día da marmota”. Augas de Galicia propúxolles tres alternativas nun documento que agora coñecemos: devolver a xestión a Augas de Galicia; criar un ente supramunicipal ou continuar como estamos, no “Día da marmota”, iso si regulando  e coordinando o que non se deu feito en sete anos. Un documento que tampouco é neutral. Está claro polo contido do documento que Augas de Galicia non quere para nada a xestión do sistema, e o da constitución do ente supramunicipal, aínda que o cualifique do ideal, parece que está moi lonxe, pola incapacidade que amosaron os concellos para poñerse de acordo nesta solución, ou mais ben debemos dicir polo encantamento que exerce Socamex sobre o goberno municipal.

Temos que lembrar que Narón e Ferrol, chegaron a un acordo o 17 de agosto de 2018, asinado por Jorge Suárez e Marián Ferreiro, para que fora ACUAES a partir do 1 de agosto de 2019 quen xestionara o sistema, mentres non se creara o ente supramunicipal, estando esta sociedade estatal de acordo e facendo os estudos correspondentes, publicados en marzo de 2019, por uns custes de explotación un 22% inferior ao que nos sae con EMAFESA.  Acordo que todos os grupos municipais coñecen e que foi remitido ao daquela director xeral de Augas de Galicia, Roberto Rodríguez. Algún dia saberemos quen truncou este acordo? A transparencia non é o forte dentro de todo este proceso, todo o esforzo realizado por tanta xente quedou en baldío.

Estamos no “Día da marmota” porque vostede como os seus antecesores tropezan na pedra de Narón, que defende á sua veciñanza, e non dan co xeito de evitar o obstáculo, unha e outra vez. EMAFESA quere cobrar en base a uns cálculos que Narón non acepta e que a unha parte da veciñanza de Ferrol, se nos veñen aplicando inxustamente desde o ano 2014. Poderémonos librar do obstáculo que representa quen xestiona EMAFESA?

Hoxe votan seguir no “Día da marmota”. Nós desde esta Plataforma pedímoslles que non o fagan, que fagan frente común con Narón e devolvan a xestión do saneamento e depuración a Augas de Galicia, única entidade que asumiu con carácter indefinido esa xestión nun convenio subscrito o 27 de decembro do ano 2013 coa Confederación Hidrográfica do Miño-Sil, e se poñan a traballar na creación dun ente supramunicipal para unha xestión pública deste servizo.

Entregue a Augas de Galicia a xestión do sistema de saneamento e depuración (incluído o que xestiona ACUAES) porque este ten un carácter supramunicipal e a xestión debe ser única e centralizada, para optimizar custes e aproveitar as sinerxías. Todo isto mentres non se constitúe un ente supramunicipal para a xestión do sistema. Esta Plataforma apoia a creación dese ente supramunicipal entre os dous concellos, sempre que se trate da xestión directa mancomunada dunha empresa pública que reverta os beneficios en mellorar o sistema reducindo custes enerxéticos e custes ambientais.

Para iso temos exemplos onde mirar como pode ser o modelo da Coruña, Arteixo, Cambre, Culleredo e Oleiros. Estes concellos  constituíron en 2013, a empresa pública Edar Bens SA, co fin de xestionar de xeito conxunto o saneamento e depuración das augas residuais dos cinco concellos, convertendo-se na primeira empresa supramunicipal de Galiza.

Estes meses, a suba exponencial dos custes da electricidade debera ter feito sacar as cores a quen planeou e aprobou o sistema de saneamento imposto á nosa cidade. Un sistema insostíbel económica e ambientalmente. Non se trata de levantar outra vez as rúas da cidade como afirmou o Sr Suárez no pleno do pasado mes de xullo, nun intento de ridiculizar a quen cuestionamos o actual sistema. Trátase de esixir ás administracións autonómica e estatal, que contribúan para realiza as transformacións necesarias, para que o sistema sexa máis sostíbel (transformación gradual nun sistema separativo, innovación tecnolóxica, aproveitamento das augas residuais -biogás-  e  a súa caída como fonte de enerxía, instalación de turbinas eólicas, paneis de enerxía solar, optimización e redución dos custes eléctricos...) seguindo o modelo da nomeada empresa supramunicipal pública EDAR BENS.

Estas melloras no sistema tan necesarias, non se van conseguir permitindo unha xestión privada do servizo. Lembren que EMAFESA ten no 3% do facturado un dos piares do seu negocio; que fai negocio co caudal aumentado; que fai negocio aumentando o consumo.

Sr. Alcalde, señores e señoras concelleiras, nós quixeramos despertar do “Día da marmota”, non o impidan vostedes co seu voto.

#EmafesaCenPorCenPublica
#Remunicipalizar
#Remunicipalización
#Emafesa

PLATAFORMA NA DEFENSA DOS SERVIZOS PÚBLICOS,
POLA REMUNICIPALIZACIÓN
Abonda de saqueo! Hai outras alternativas!
Pódese, débese e precísase!
Correo-e: remunicipalizacion.plataforma@gmail.com
Web: https://plataformaferrol.blogspot.com.es/
Facebook: @RemunicipalizarFerrol   |  Twitter: @municipalizarFT
_______

mércores, xuño 09, 2021

O socio privado de Emafesa cambia de propietario, Socamex pasa a mans do fondo de investimento estadounidense Platinum Equity - Espérase que a venda se complete durante o terceiro trimestre de 2021, suxeita ás aprobacións dos accionistas de China Tianying e ás regulacións habituais


O 18 de setembro de 1998, sendo alcalde de Ferrol, Juán Blanco Rouco (1995-1999), por acordo do Pleno do Concello de Ferrol, decide-se modificar a xestión do servizos de abastecemento de auga e o saneamento, ate o daquela fora pública e agora vai ser privada a través dunha empresa mixta, acordando-se nese mesmo Pleno o Priego de Condicións, que rexería o concurso público, para a selección do socio privado que asumiría a dirección da compañía ao 100%. O 11 de novembro acorda-se o Priego definitivo. O 28 de abril de 1999, sendo alcalde Juán Blanco Rouco, a menos de dous meses das eleccións municipais (13 de xuño), o Pleno acorda a adxudicación definitiva á Urbaser, SA. E o 3 de abril do 2000, sendo alcalde Xaime Bello Costa (1999-2003), asina-se a escritura pública de constitución da Empresa Mixta de Augas de Ferrol. Nun proceso de especialización da compañía, a sección da auga de Urbaser, pasa a chamar-se Socamex.

En xuño de 2014, Socamex fai-se tamén coa xestión do sistema de depuración, sen que este saíra a concurso público. Foi por acordo do Pleno do 29 de maio de 2014, mediante un Protocolo de execución concertado entre o Concello de Ferrol e Emafesa para a xestión, explotación, mantemento e conservación do sistema de saneamento e depuración, resultado dun encadeamento de encomendas. Aumentando o volume de negocio en máis do 50%.

Urbaser, tamén controla en Ferrol o servizo de recollida de residuos sólidos urbanos e a limpeza viaria, desde principios dos noventa que foi privatizado, sendo alcalde Manuel Couce Pereiro (1989-1995), mais na actualidade sen contrato desde o 31 de decembro de 2014, prorrogado legalmente ate o 31 de decembro de 2015, mais desde aquela, a compañía, tira negocio do Concello sen contrato legal, cobrando os servizos realizados a través de pagos extraxudiciais, aprobando-se este por partidas nos diferentes plenos, non sen antes ser advertidos polos diferentes interventores municipais, da irregularidade da situación. Meses ante do final do seu mandato, o que foi alcalde de Ferrol, Jorge Juan Suárez Fernández (2015-2019) manifestou publicamente a súa intención de remunicipalizar o servizo de limpeza. Mais todo quedou nun simple anuncio.

Urbaser comezou a súa actividade no ano 1990 coa constitución de Técnicas Medioambientales Tecmed, S.A., compañía creada para facer negocio coa xestión dos servizos de recollida de residuos e limpeza viaria que están obrigados a prestar os concellos. Tecmed absorbe á división de servizos do Grupo Dragados, esta operación foi un dos momentos crave da compañía, o que supuxo o nacemento dun grupo empresarial líder no negocio da xestión do servizos chamados medioambientais, ampliando a súa presenza internacional en países como México, Arxentina, chile, Colombia, Venezuela, Francia, Marrocos ou Portugal. Crea-se unha grande multinacional co nome definitivo de Urbaser, S.A. Esta comezou a constituír filiais especializadas para ampliar o negocio a outros servizos e aí é onde entra Socamex dedicada á xestión integral da auga. Nos seguintes anos Urbaser vai ampliar os seus servizos, fundamentalmente arrebatando a xestión do público para o privado. A grande corporación expande-se polos cinco continentes constituíndo sociedades en diferentes países. A corporación multinacional de Florentino Pérez (ACS), fai-se co control da compañía e en decembro de 2016 vende-a, por 1.300 millóns de euros, a Firion Investments S.L. do grupo transnacional chinesa CNTY (China Tianying). Urbaser controla o negocio dos servizos públicos en máis de 25 estados, entre eles o español onde ten presencia en máis de 50 cidades, entre elas as máis grandes  (Madrid e Barcelona), e con máis de 50.000 persoas traballando para a corporación transnacional.

O fondo de investimento estadounidense Platinum Equity anunciou "que chegou a un acordo definitivo para adquirir a compañía española de servizos medioambientais Urbaser a China Tianying por un total de 3.500 millóns de euros. Espérase que a venda se complete durante o terceiro trimestre de 2021, suxeita ás aprobacións dos accionistas de China Tianying e ás regulacións habituais".

Con sede central en Madrid, como non ía ser menos, a actividade principal de Urbaser comprende tres segmentos: Servizos Urbanos (recollida de residuos, limpeza viaria e xestión da auga), Tratamento de Residuos Municipais e Tratamento de Residuos Industriais, concentrados principalmente en España, Chile, Arxentina, Francia e o norte de Europa. A empresa xerou uns ingresos de 2.300 millóns de euros no ano 2020.

Fonte: Plataforma, novas de axencias e de Residuos Profesional.

#EmafesaCenPorCenPublica
#Remunicipalizar
#Remunicipalización
#Emafesa

PLATAFORMA NA DEFENSA DOS SERVIZOS PÚBLICOS,
POLA REMUNICIPALIZACIÓN
Abonda de saqueo! Hai outras alternativas!
Pódese, débese e precísase!
Correo-e: remunicipalizacion.plataforma@gmail.com
Web: https://plataformaferrol.blogspot.com.es/
Facebook: @RemunicipalizarFerrol   |  Twitter: @municipalizarFT
_______

mércores, maio 26, 2021

Emafesa nega-se a emitir facturas que xa pagamos, quere que paguemos tamén polo concepto: Cobro Fraccionado Taxa Depuración (Atrasos) - Modelo para contestar a Emafesa e Instancia coa Queixa ao Concello


O 20 de agosto de 2018, o entón Alcalde, Jorge Suárez, asinaba as liquidacións polo concepto de "Depuración de Augas Residuais", polo período comprendido entre o 1 de xaneiro de 2015 e o 31 de marzo de 2017. (BOP Nº172 do 10.09.2018). Creando-se un concepto de "Atrasos" polo citado período, subdividindo-se este en varios períodos diferentes, polo que se elaborou un calendario de cobro en 8 recibos, que comezaría unha vez celebradas as Eleccións Locais de Maio de 2019:

💧 Dous períodos semestrais, en dous recibos únicos, sen outros conceptos diferentes ao de "Depuración de Augas Residuais (Atrasos)". Recibos que a Plataforma chamou a "Non Pagar", dentro dunha campaña de mobilización veciñal contra o cobro por un servizo que non se prestou. Ademais de discriminatorio con respecto a outra parte da veciñanza de Ferrol (Conca d'A Malata e o Rural) que, como é lóxico, aínda ao día de hoxe non pagan, pois non reciben o servizo, e coa veciñanza de Narón que non comezaron a pagar ate despois de marzo de 2017 que foi cando comezaron a recibir o servizo. A esa parte maioritaria da veciñanza de Ferrol se lles está cobrando a maiores por 31 meses, sobre uns 7,21 millóns de euros, por un servizo que non se prestou.

💧 E os outros seis períodos restantes de dous meses cada un, están incluíndo-os, dentro do recibo ordinario, co concepto "Cobro Fraccionado Taxa Depuración (Atrasos)", xunto aos outros conceptos e facturas que xestiona o seu cobro Emafesa, mais que non lle son propios (Augas de Galicia, Urbaser e Sogama).

Desta vez, para eses seis recibos que na actualidade aínda se seguen pasando, a Plataforma acordou de non facer un chamamento a "non pagar", dado que o non pagar, creaba unha situación que de non ser secundada por un número significativo de persoas, non sería efectiva e sería maior o prexuízo que o beneficio, para poder xestionar este conflito. E despois que requiriría unha serie de pasos e un seguimento administrativamente complicado.

Aínda así, algunhas persoas pediron á Plataforma que elaborara un método para continuar a non pagar eses supostos "atrasos", por un servizo que non se prestou. A Plataforma elaborou ese método que é un proceso en varios pasos que require un seguimento e realizar o proceso en seis ocasións, cada dous meses. Como mencionamos con antelación, neste momento quedan aínda dous recibos, pois o Concello concedeu unha carencia de catro meses, por mor da crise polo Covid-19, polo que aínda quedan por pasar en dous recibos o citado "Cobro Fraccionado ...".

Algunhas veciñas e veciños acordaron pagar eses seis recibos, mais descontando as cantidades polo concepto de "Cobro Fraccionado Taxa Depuración (Atrasos)" e logo pediron ao Concello e a Emafesa a emisión dun novo recibo, coas facturas correspondentes ao pago do tratamento dos residuos sólidos urbanos que corresponde a Sogama; da factura recollida e transporte de residuos (RSU) que corresponde a Urbaser; da factura da taxa do Canon da Auga que corresponde a Augas de Galicia; e polo conxunto de conceptos da factura da auga bimensual ordinaria, por todos os conceptos excepto o de xa mencionado "Cobro Fraccionado ..." que corresponde a Emafesa; e esta, en vez de emitir un novo recibo con esas facturas, responde que é legal que poña o do "Cobro Fraccionado...". Emafesa claro que pode redactar o recibo como queira, e segundo din, hai instrucións do goberno municipal que llo permiten, mais nós tamén temos o dereito a pagar aquilo que pensamos que nos corresponde, nen un céntimo máis. E a recibir a factura do que pagamos. O que se lle pide a Emafesa é que emita factura do que se pagou, todo menos o dos supostos atrasos, por considerar que non se prestou ese servizo ate pasado o 3 de abril de 2017 e que é discriminatorio -no caso de que tivera que ser así- cargar os custes da reparación, probas e mantemento, só sobre unha parte da veciñanza de Ferrol, deixando libre de pago, como xa mencionamos, a outra parte que polo de agora non están pagando nada ate que se poña en funcionamento o sistema de interceptación d'A Malata (como é lóxico) e o do saneamento da zona rural (polo de agora no mundo do esquecemento);  e á veciñanza de Narón que non se lles comezou a cobrar ate despois do citado 3 de abril de 2017 (como tamén é lóxico). Quen realmente se tiñan que facer cargo deses custes eran os concellos de Ferrol e Narón, Augas de Galicia e a Confederación Hidrográfica del Miño-Sil que encomendou a xestión a Xunta e Augas de Galicia mediante Convenio, entidade que daquela era a titular da depuradora, emisario submarino (EDAR) e o cruce e impulsora d'A Malata (EBAR).

Diante da carta de Emafesa negando-se a emitir factura do que se pagou, a Plataforma elaborou un modelo de contestación que a continuación achegamos.

Escrito de Emafesa onde xustifica a inclusión na factura do "Cobro Fraccionado...". | Acceder/Baixar.

Modelo de escrito da Plataforma, para contestar á citada carta de Emafesa. | Acceder/Baixar.

Con posterioridade presentar no Rexistro Xeral do Concello unha Queixa contra Emafesa, por negar-se a emitir novo recibo coas facturas xa pagadas.

Modelo de instancia xeral coa Queixa dirixida ao Concello de Ferrol contra Emafesa. | Acceder/Baixar.

Foto: Depuradora de augas residuais de Ferrol-Narón en Cabo Prioriño.

#EmafesaCenPorCenPublica
#Remunicipalizar
#Remunicipalización
#Emafesa

PLATAFORMA NA DEFENSA DOS SERVIZOS PÚBLICOS,
POLA REMUNICIPALIZACIÓN
Abonda de saqueo! Hai outras alternativas!
Pódese, débese e precísase!
Correo-e: remunicipalizacion.plataforma@gmail.com
Web: https://plataformaferrol.blogspot.com.es/
Facebook: @RemunicipalizarFerrol   |  Twitter: @municipalizarFT
_______

sábado, abril 17, 2021

LiGanDo denuncia fuga de augas residuais en Caranza nas proximidades dun parque infantil, na veciñal 2, na área de Fontelonga





Desde Ligando queremos denunciar un verquido de augas fecais pola veciñal 2 en Caranza, preto do parque para pequenos. Cara o parque Fontelonga.


LIGANDO-LGD

http://www.ligando.org/

Facebook | Twitter


Enviado por:
LiGanDo Lgd
-ligando.lgd@gmail.com-
17 de abril de 2021 16:12

_______

mércores, marzo 31, 2021

Emafesa atrasou dous meses a emisión dos recibos correspondentes a Novembro/Decembro 2020, facendo-os chegar ás vivendas varios días despois do seu vencemento - Atraso na emisión dos recibos de Emafesa, hackers e 'cartel da limpeza' - Paradoxos e negativas de Emafesa - Custes reais de explotación da depuración


Atraso na emisión dos recibos de Emafesa, hackers e "cartel da limpeza"

Os recibos de Emafesa elaboran-se na sede central de Urbaser en Madrid, que á súa vez é a empresa matriz de Socamex (parte privada de Emafesa). Parece ser que os servidores informáticos, onde se almacena a base de datos, ao menos, de todo o Estado, incluído os de Ferrol (Emafesa), recibiron un ciberataque por parte de hackers que "esixiron unha contraprestación para non facer pública a información que obtiveron ao introducirse de forma presuntamente ilegal nos servidores da compañía". Mágoa que eses segredos non saian á luz, e por outra banda, agardemos que os nosos datos persoais non sexan vendidos. Dá a casualidade que o hackeo coincidiu co proceso de venda do xigante das empresas chamadas medioambientais, propiedade da Firion Investments, unha empresa controlada indirectamente polo fondo da industria Huayu, no que participan Jiangsu Dagang Co Ltd e China Tianying Inc (CNTY), fondo transnacional de orixe chinés que comprou Urbaser en 2016, ao consorcio transnacional de Florentino Pérez (ACS). Un ano antes (2015) Urbaser fora sancionada xunto con outras 50 empresas polo que se coñeceu como o "cartel da limpeza". A Comisión Nacional dos Mercados e a Competencia (CNMC) impuxo unha multa histórica de 98 millóns ás principais compañía do sector por pactar prezos para repartirse o mercado das concesións municipais da limpeza.

Paradoxos e negativas de Emafesaamosamos na imaxe

O recibo correspondente a Novembro/Decembro de 2020, con data do 23 de xaneiro de 2021, está chegando aos nosos fogares estes días. Paradoxo é que cheguen ás caixas de correos das vivendas con posterioridade á data de vencemento que no caso deste recibo que amosamos na imaxe, como doutros miles, é o 23 de marzo deste ano 2021.

Emafesa atrasou dous meses a emisión dos recibos, por mor do mencionado hackeo dos seus servidores, facendo-os chegar ás vivendas varios días despois do seu vencemento. Tamén resulta paradoxo que sendo o recibo de 23 de xaneiro de 2021, no apartado das mensaxes -situado na parte baixa do recibo- coloquen unha débeda con data posterior: 16 de marzo deste ano 2021. Cousas máxicas de quen emite os recibos.

E por último no apartado dos paradoxos, na mesma zona de mensaxes do recibo di textualmente Emafesa que "se necesita factura, póñase en contacto con nós", cousa que fixeron varias persoas despois de pagar, pedindo a emisión dun novo recibo, coas facturas correspondentes ao pago do tratamento dos residuos sólidos urbanos que corresponde a Sogama; da factura recollida e transporte de residuos (RSU) que corresponde a Urbaser; da factura da taxa do Canon da Auga que corresponde a Augas de Galicia; e polo conxunto de conceptos da factura da auga, por todos os conceptos excepto o de "Cobro Fraccionado Taxa Depuración (Atrasos)" que corresponde a Emafesa; e esta, en vez de emitir un novo recibo con esas facturas, responde que é legal que poña o do "Cobro Fraccionado...". Emafesa claro que pode redactar o recibo como queira, mas nós temos o dereito a pagar aquilo que pensamos que nos corresponde, nen un céntimo máis. O que se lle pide a Emafesa é que emita factura do que se pagou, todo menos o dos supostos atrasos no concepto xa mencionado de "Cobro Fraccionado...", por considerar que non se prestou ese servizo ate pasado o 3 de abril de 2017 e que é discriminatorio -no caso de que tivera que ser así- cargar os custes da reparación, probas e mantemento, só sobre unha parte da veciñanza de Ferrol, deixando libre de pago a outra parte que polo de agora non están pagando nada ate que se poña  en funcionamento o sistema de interceptación d'A Malata (como é lóxico) e o do saneamento da zona rural (polo de agora no mundo do esquecemento);  e á veciñanza de Narón que non se lles comezou a cobrar ate despois do citado 3 de abril de 2017 (como tamén é lóxico). Quen realmente se tiñan que facer cargo deses custes eran os concellos de Ferrol e Narón, Augas de Galicia e a Confederación Hidrográfica del Miño-Sil que encomendou a xestión a Xunta e Augas de Galicia mediante Convenio, entidade que daquela era a propietaria da depuradora e emisario submarino (EDAR) e o cruce e impulsora d'A Malata (EBAR).

Custes reais de explotación da depuración

A Plataforma, e sabe-o de sobras o Concello, denunciou que os custes reais de explotación da depuración, anteriores ao 3 de abril de 2017, cando aínda non estaba conectado o sistema de saneamento e depuración, son moito menores que os valores utilizados para calcular a taxa que se nos está cobrando como Atrasos de Depuración. A estafa continúa, e a nosa denuncia tamén.


Documentos de Referencia:

✔ Cartas ao Concello e e Emafesa, solicitando a emisión de novos recibos coa facturas pagadas (Sogam, Urnbaser, Augas de Galicia e Emafesa (Sen Atrasos). | Acceder/Baixar Carta a Emafesa. | Acceder/Baixar Carta ao Concello.

✔ Escrito de resposta de Emafesa negando-se a emisión de novo recibo coas facturas. | Acceder/Baixar.

#EmafesaCenPorCenPublica
#Remunicipalizar
#Remunicipalización
#Emafesa

PLATAFORMA NA DEFENSA DOS SERVIZOS PÚBLICOS,
POLA REMUNICIPALIZACIÓN
Abonda de saqueo! Hai outras alternativas!
Pódese, débese e precísase!
Correo-e: remunicipalizacion.plataforma@gmail.com
Web: https://plataformaferrol.blogspot.com.es/
Facebook: @RemunicipalizarFerrol   |  Twitter: @municipalizarFT
_______

venres, marzo 26, 2021

Despois dun longo ano, a Queixa ante a Valedora do Pobo chega ate o final do seu percorrido, ao menos na súa primeira fase, sen que se conseguiran as nosas peticións de diálogo, ante un goberno municipal, o do Sr. Ángel Mato, 'hostil e entorpecedor'


Un goberno municipal, o do Sr. Ángel Mato, "hostil e entorpecedor"

O 4 de febreiro do pasado ano 2020, a Plataforma e 12 dos seus membros da comisión coordinadora, faciamos entrega no rexistro xeral da Xunta de Galicia en Ferrol, do escrito de Queixa á Valedora do Pobo de Galicia contra o Concello de Ferrol, Queixa á que se foron unindo progresivamente, mediante escritos á Valedora, sobre unhas 200 persoas máis, veciñas de Ferrol, ás cales tamén lles foron chegando, mes tras mes, os diferentes relatorios da institución. Mantivemos unha xuntanza en Compostela e nove foron os escritos remitidos pola Valedora, dando-nos conta dos pasos que ía tomando, mesmo manifestando as dificultades que tiñan, pois o Concello non atendía aos seus requirimentos, tendo que reitera-los ate en varias ocasións. Mesmo no penúltimo escrito, recibido pola Plataforma o 22 de decembro do pasado ano 2020, a Valedora manifestaba que "o goberno municipal non atende aos seus reiterados requirimentos, feitos por terceira vez, en poucos meses. Que esta institución ven de comunicar ao Concello, a obriga de atender os seus deberes legais para coa institución, dando-lle un prazo de cinco días para contestar aos seus requirimentos. De non face-lo, o Concello de Ferrol sería considerado como hostil e entorpecedor das súas funcións, facendo-o público de inmediato e destacando tal cualificación no seu informe anual ou especial, se é o caso, ao Parlamento". O Goberno municipal non tardou cinco días, nin seis, tardou máis dun mes en contestar desde a data na que se nos queixou a Valedora, contestou o 22 de xaneiro de 2021, confirmando o seu perfil dun goberno municipal, o do Sr. Ángel Mato, "hostil e entorpecedor".


Soberbios e prepotentes

Despois dun longo ano a Queixa ante a Valedora do Pobo chega ate o final do seu percorrido, ao menos na súa primeira fase. Non porque se atendera a nosa Queixa, senón porque a xudicialización do asunto e as sentenzas negativas, segundo a Valedora, impiden-lle ir máis aló. E o Concello nega-se a manter un diálogo, porque segundo o Alcalde non hai nada que tratar que temos outras canles de participación, así lle contesta á Valedora: "...a veciñanza ten os seus mecanismos legais previstos para as súas consideracións, incluídos o portal de participación cidadá na actividade municipal ademais do marco participativo previsto na lexislación local e de procedemento administrativo". A veciñanza que lle presenta recursos que non responden, a veciñanza que lle pide reunións, información, documentación, ... peticións que non son atendidas... pasando da participación e a transparencia debidas coa cidadanía, establecidas no Regulamento Municipal de Participación Cidadán e na Ordenanza de Transparencia,  non entra nos seus singulares parámetros de participación cidadá. Neste Ferrol non temos sorte cos alcaldes, ou xa o eran así, ou se transforman unha vez que chegan á alcaldía: soberbios e prepotentes.


O final dun percorrido. A consecuencia de non entrar no fondo do asunto: o cobro por un servizo non prestado e a discriminación entre iguais.

A Queixa chegou ao final do seu percorrido. Foi perante un pouco mais dun ano completo. A Valedora nom responde ao asunto do trato desigual ante situacións iguais. Desviase e só fala do sabido e que nós mesmas lle explicamos na Queixa e na reunión que con ela mantivemos na sede institucional en Santiago de Compostela.

A Valedora resposta reproducindo na sua totalidade unha anterior información co Informe do Concello de xuño. Agora emite un novo informe, sen cuestionar-se o feito de nin sequera contestar ás nosas peticións. Podemos imaxinar-nos quen redactou os informes do Concello. No fundamental, foi o Director Xerente de Emafesa, Alejandro Pisa, pois coincide coa carta que está enviando Emafesa ás persoas que solicitan a emisión dun novo recibo sen o concepto de "Cobro Fraccionado Atrasos Depuración".  O último "Oficio da Valedora do Pobo" que nos chegou, e está chegando aos fogares das persoas que apoiaron a Queixa, dá por rematada a mediación da Valedora, sen suceso, ao negar-se o Concello a manter diálogo coa Plataforma, repetindo que o Concello se veu obrigado por sentenza xudicial a aprobar as liquidacións pola depuración de augas residuais de antes de abril de 2017 e os padróns municipais de abonados ao servizo. Sentenza do TSXG que o Concello decide non recorrer, sen facer público o ditame da asesoría xurídica e sen que haxa petición de responsabilidades aos diferentes políticos responsábeis da desfeita que nos fan pagar á veciñanza. Esta Plataforma solicitou no seu momento, que se recorrera a sentenza ante o Tribunal Supremo.

Consideramos lamentábel o citado "Oficio da Valedora", pois non reproba a actitude do Concello de non responder aos nosos requirimentos de diálogo, ás miles de sinaturas reclamando o mesmo, e aos diferentes recursos presentados. O Concello só resposta á Plataforma, a través de terceiros (A Valedora), logo dun ano de continuos requirimentos desta, e aos requirimentos desta Plataforma desde que foi elixido Alcalde en 15 de xuño de 2019. Pensamos que despois de tanto tempo, a Valedora non quere entrar no fondo da Queixa, ante un goberno municipal que se comportou de xeito "hostil e entorpecedor". Para nós o asunto é grave. Como dicimos na Queixa , é grave que só se nos pase factura de 31 meses (7,21 millóns de euros) a unha parte da veciñanza de Ferrol, que na súa grande maioría aínda non estabamos conectados á rede. E á veciñanza de Narón se lles exime de pagar este período de reparación, probas e manutención:

"Consideran este un acto administrativo de discriminación ao tratar de xeito diferente a persoas en situacións similares sen que exista unha xustificación obxectiva e razoábel, vulnerando, co mesmo, o principio de igualdade recollido no artigo 14 da Constitución Española e no artigo 21 da Carta dos Dereitos Fundamentais da Unión Europea e de toda a normativa que deles emanan".

"Polo que, ao non se prestar o servizo, prestación á que está suxeita o pago dunha taxa (artigo 2 da Lei xeral Tributaria), o feito impoñíbel non se produce, segundo o disposto no artigo 13 da Lei 8/1989, de 13 de abril, de Taxas e Prezos Públicos. A prestación do servizo de recepción obrigatoria que especifica a ordenanza, non se produce, o feito impoñíbel non está a ter lugar, polo tanto non se devenga, artigo 15 da citada Lei 8/1989".

E non é algo que non o esteamos repetindo... Penso que temos tratado case todo o que se pode tratar... Mais o problema principal foi que se aprobou unha ordenanza fiscal en 2014 que non foi impugnada polos partidos políticos que daquela votaran encontra (EU, PSOE e BNG), ordenanza que so éra para un ano e aínda seguimos coa mesma en 2021. Logo accedeu á alcaldía un membro da plataforma contra a taxa, Jorge Suárez Fernández, e saíu como saíu, o tema da suspensión acordada en último momento antes do Pleno (que non existe na lexislación), na vez de derogación (que era a proposta inicial) ou modificación, e todo o que xa sabemos: fraude, mentiras, desidia e políticas a favor dos intereses da parte privada de Emafesa (Urbaser-Socamex). Un Alcalde que menosprezou a opinión e contribución, da plataforma veciñal e dos partidos que o puxeron na alcaldía (PSOE e BNG). Polo que a loita contra esta inxustiza continua: Non Pagar.


Obxectivo: Remunicipalizar


Desde a Plataforma partimos da convicción de que os Servizos Públicos non deben ser un negocio, mais desde hai tempo as grandes corporacións multinacionais dedican grandes esforzos para facer-se cos servizos públicos. Para estas corporacións todo é privatizábel e actúan en consecuencia para mercantilizar as nosas vidas aínda máis do que xa están.

A nosa Plataforma pertence a ese movemento internacional que loita para impedir que se privaticen máis servizos públicos, e para rescatar para a xestión pública aqueles que foron privatizados. A municipalización destes servizos é o noso principal obxectivo.

Cando falamos de servizos como o abastecemento da auga, recollida e tratamento dos residuos sólidos e saneamento e depuración de augas residuais, estamos a falar de servizos básicos. O abastecemento da auga e o saneamento xa foron recoñecidos, como dereitos humanos pola Organización de Nacións Unidas en 2010. Esta, polo tanto, é unha das tarefas principais que a veciñanza encomenda ao seu goberno local, que lle garanta estes dereitos e que eses dereitos sexan cubertos por servizos de calidade e a prezos xustos. Baixo o noso criterio, estas dúas condicións, de calidade e prezos xustos, só se poden cumprir cando servizos básicos destas características son de xestión 100% pública.

Ademais nun Concello en declive socioeconómico crónico, cabeceira dunha Comarca de iguais características, non nos podemos permitir que as plusvalías xeradas, na xestión dos servizos públicos por corporacións privadas, fuxan da contorna en forma de beneficios, subtraendo o pouco diñeiro que temos que debera ser reinvestido nesta zona.

#Emafesacenporcenpublica
#Remunicipalizar
#Remunicipalización
#Emafesa

PLATAFORMA NA DEFENSA DOS SERVIZOS PÚBLICOS,
POLA REMUNICIPALIZACIÓN
Abonda de saqueo! Hai outras alternativas!
Pódese, débese e precísase!
Correo-e: remunicipalizacion.plataforma@gmail.com
Web: https://plataformaferrol.blogspot.com.es/
Facebook: @RemunicipalizarFerrol   |  Twitter: @municipalizarFT

_______

venres, xaneiro 22, 2021

Presentación: 'O Futuro é Público' - Moi interesante acto de presentación e debate do informe elaborado polo Transnational Institute e organizacións asociadas que identificaron máis de 1.400 casos exitosos de remunicipalización en máis de 2.400 cidades de 58 países do mundo - Este venres 22 de xaneiro ás 7 da tarde enlace ao chat en directo - Acceso ao libro - Vídeo


Presentación: "O Futuro é Público"

Existe outra forma de servir á cidadanía e transformar a sociedade nunha contorna máis democrática, xusta e solidaria. As Remunicipalizaciones, son un instrumento para iso.

O proxecto Alternativas Públicas traballa para construír unha forza sólida de contrapeso que reverta os procesos de privatización e axude a construír uns servizos públicos democráticos, responsábeis e eficaces. O proxecto tamén está explorando a posibilidade de que outras empresas de propiedade estatal despreguen un enfoque do desenvolvemento alternativo, máis centrado nas persoas e respectuoso co ambiente.

A resistencia á privatización converteuse nunha poderosa forza para o cambio: a remunicipalización. O término "remunicipalización" refírese tanto a reivindicar a propiedade pública dos servizos, como a crear novos servizos públicos. Nos últimos anos, o Transnational Institute e organizacións asociadas identificaron máis de 1.400 casos exitosos de remunicipalización en máis de 2.400 cidades de 58 países do mundo.

Pode-se seguir o acto en Youtube (Chat en directo) e participar nel a través do seguinte enlace:

https://youtu.be/S-nJsJoWEn8

E tamén pode-se descargar o moi interesante informe (diferentes idiomas) que se vai presentar, accedendo ao seguinte enlace:

https://www.tni.org/es/alternativas-publicas

Fonte: humanidade e medio/

Presentación organizada desde a Plataforma de Traballador@s e Vecin@s pola Remunicipalización e Xestión directa dos Servizos Públicos de Madrid, acto telemático o venres 22 de xaneiro, ás 19:00 horas, coa intención de divulgar o Resumo Executivo do TNI "O Futuro é Público" publicado en portugués, inglés, francés, alemán e xaponés, o mes de decembro de 2019 e posteriormente en español en xuño de 2020. | Ir á Web do que Somos.

Libro: O Futuro é Público | Cara á propiedade democrática dos servizos públicos.  | Editores: Satoko Kishimoto, Lavinia Steinfort e Olivier Petitjean. | A resistencia á privatización converteuse nunha poderosa forza para o cambio: a remunicipalización. O término "remunicipalización" refírese tanto a reivindicar a propiedade pública dos servizos, como a crear novos servizos públicos. Nos últimos anos, o Transnational Institute e organizacións asociadas identificaron máis de 1.400 casos exitosos de remunicipalización en máis de 2.400 cidades de 58 países do mundo. | Libro en Português - 275 páxinas en formato pdf.   | Acceder/Baixar. | Resumo Executivo en Español - 32 páxinas en formato pdf. | Acceder/Baixar.

Boletín: A dimensión laboral da remunicipalización: TRABALLADORES E SINDICATOS DE SERVIZOS PÚBLICOS EN TRANSICIÓN, por Daria Cibrario. | Publicado pola Federación Sindical Internacional de Trabajadorxs de Servizos Públicos - IPS | A remunicipalización dos servizos públicos im-plica e afecta aos traballadores. Os sindicatos son generalmente uns actores crave nas cam-pañas para que os servizos municipais de xestión ou propiedade privada sexan devoltos ao dominio público. | 12 páxinas en formato pdf. - en Español | Acceder/Baixar.

Presentación desde a canle do Transnational Institute - TNI.


https://youtu.be/OKyC6tnfKYw

Canle do Transnational Institute.

#Emafesacenporcenpublica
#Remunicipalizar
#Remunicipalización
#Emafesa

PLATAFORMA NA DEFENSA DOS SERVIZOS PÚBLICOS,
POLA REMUNICIPALIZACIÓN
Abonda de saqueo! Hai outras alternativas!
Pódese, débese e precísase!
Correo-e: remunicipalizacion.plataforma@gmail.com
Web: https://plataformaferrol.blogspot.com.es/
Facebook: @RemunicipalizarFerrol   |  Twitter: @municipalizarFT

_______