Amosando publicacións coa etiqueta Enerxía. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Enerxía. Amosar todas as publicacións

xoves, abril 15, 2021

Actúa contra a invasión eólica! - Enlace ao formulario para participar - Loita con nós por un modelo eólico racional, planificado sustentábel e ao servizo da sociedade - E axúdanos a parar esta barbarie contra o rural e o medio ambiente galego


ACTÚA CONTRA A INVASIÓN EÓLICA DE GALIZA!

O AMBIENTE GALEGO NECESITA dA TÚA AXUDA!


Fronte a actual invasión eólica sen precedentes, irracional, desordenada e inxusta, social e ecoloxicamente, a organización ecoloxista ADEGA pide a túa colaboración.

Loita con nós por un modelo eólico racional, planificado sustentábel e ao servizo da sociedade. E axúdanos a parar esta barbarie contra o rural e o medio ambiente galego.

ACTÚA E FAI VALER A TÚA OPINIÓN! COMO?

✅  A túa axuda é imprescindible para frear a nova vaga eólica carente de planificación.

✅  Calquera colaboración por pouca que sexa, será benvida.

✅  Non tes por que ter coñecementos especializados, só ganas de axudar.

✅  Ti decides o tempo que queres dedicar á causa.

Contamos contigo? Cubre este formulario para participar.

#NonInvasionEolica

#GalizaContraAmezaEolica

#RepartoXustoFondosEuropeosNextGeneration

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza | Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela | Tlf/Fax: 981 570 099 | Email: adega@adega.gal

http://adega.gal/

Enviado por:
adegatrasancos@adega.gal
-adegatrasancos@adega.gal-
14 de abril de 2021 16:29

_______

venres, febreiro 12, 2021

Saqueo territorial en tempos de pandemia, ... Por Iolanda Teixeiro Rei


Por Iolanda Teixeiro Rei [*]
12.02.2021


SAQUEO TERRITORIAL EN TEMPOS DE PANDEMIA


-Teña conta, vosa mercé, que non son muíños que son xigantes. (Sancho a D.Quixote)


O risivel provén en Don Quixote de saber que non é Don Quixote, senón Quixano, quen fala e traballa. Cervantes, di Manuel Azaña, non ridiculiza o ánimo heroico senón a impotencia alucinada. Don Quixote non desiste da súa teima. Morre de cordura. Contra a opinión de Kierkegaard de que devería morrer tolo.

Talvez no actual esperpento pandémico, fora a loucura a única saída, o único relanzo onde se espellar nas augas límpidas do sanchopacismo.

O certo é que mentres as grandes distribuidoras da agroindustria intensiva arrasan cos agricultores tradicionais, gardadores da soberanía alimentaria do planeta, os confinados seguimos a ter posibilidade de mudar cada acto de consumo nun acto político revolucionario de dimensión planetaria. Cada vez que saímos do consumo das grandes áreas comerciais e supermercados tirámoslle poder a eses xigantes que se reparten a Terra. A Bill Gates de Windows, Cascada Investments, Cottonwood Ag Management e outras empresas que xa é o meirande agricultor de seu país, anque é John Malone de Liberty Media quen posúe máis de 890.000 htas de terrenos forestais, o principal terratenente dos EEUU. Cada vez que mercamos nos circuitos de cercanías deixamos de ser cómplices de Ted Turner de CNN que ten a seu nome 809.371has de terras de rancho, de Jeff Bezos de Amazon que está a se apropriar de milleiros de htas. para o que chaman eufemísticamente, agricultura de alto rendimento, na Africa subsahariana e no sul de Asia. Cada vez que mercamos por Amazon estamos colaborando co holocausto das pateras pois Bezos está investindo en cultivos resistentes ao cambio climático creando incluso razas de vacas que resistan as altas temperaturas que eles mesmos provocan cos seus produtos kilométricos.

Estamos asistindo ao secuestro do suministro mundial de alimentos xunto á biopiratería da natureza e do coñecemento como hai anos que nos vén alertando, Vandana Shiva, unha das físicas máis sobrenceiras da India. Cada mañá, cando no almorzo consumimos azúcares procesados en feitío de millo transxénico ou calquera outro cereal alterado xeneticamente estamos colaborando con estes xigantes do saqueo.

Agora mesmo, na Galiza, seguen a nos espoliar o territorio. Estanse a tramitar perto de oitenta megaproxectos de parques eólicos entre os que se atopan as poucas zonas de montaña ben conservadas que nos quedan: Nogueira de Ramuín, Montederramo, Trives, Quiroga...xoias medioambientais de O Courel, Ancares e o Macizo Central.

O activista medioambiental Marcos Celeiro calificao, con toda a razón, de pandemia eólica. Os novos muíños son aeroxeradores xigantes que cuatriplican o tamaño dos existentes colocándose en paralelo, en múltiplas liñas en áreas de cicoenta por vinte kilómetros, sen planificación algunha, arrasando o valor natural, paisaxístico e patrimonial en áreas povoadas de aldeas e vilas a destruir os ecosistemas e sistemas fluviais.

Malia os atrancos de luita nesta pandemia, estase a organizar a Rede Galega Stop Eólicos. Mais aínda cos esforzos do activismo só se conseguirá combater, segundo Celeiro, o 10% dos proxectos. Por iso é fundamental a implicación de todos. Non podemos acreditar en Teresa Rivera, a ministra-fracking de transición ecolóxica. Non podemos acreditar en Feijóo que ama tanto a nosa Terra que a agasalla a empresas norueguesas.

Teremos de luitar quixotescamente como fixeron e fan os comuneiros pola devolución dos montes en mancomún apropiados polo franquismo para os monocultivos estatais. Teremos de luitar sanchopancescamente como luitaron os beirâos portugueses polos baldios contra o saqueo do salazarismo en Quando os lobos uivam que tan literariamente nos testemuñou o grande escritor Aquilino Ribeiro.

Di a mitoloxía grega que Eolo, Guardián dos Ventos, entregoulle a Odiseo unha bulsa que os contiña todos e díxolle que mentres o colo estivera ben atado cun fío de prata todo iría ben. Mais cando quedou durmido os tripulantes desataron a bulsa coidando que era de viño e os ventos ruxiron levándose o navío por diante.

Galegos, non son tempos de nos durmir!.

[*] Iolanda Teixeiro Rei. Secretaria de organización de LiGanDo-LGD. Activista ecoloxista e decrecentista. Unha das organizadoras do primeiro Congreso Galego de Decrecemento que tivo lugar en Ferrol, no mes de outubro deste ano 2018. Articulista e licenciada en Pedagoxía Social pola USC. Profesora de Tai Chi e Chi Kung en Ferrol. No facebook e no twitter. Artigos no Diario de Ferrol e Diario Nós.

Enviado por:
Iolanda Teijeiro
-iolandateixeiro@gmail.com-
11 de fevereiro de 2021 21:59

_______

#NonInvasionEolica

#GalizaContraAmezaEolica

#RepartoXustoFondosEuropeosNextGeneration

_______

sábado, abril 25, 2020

CCOO Industria amosa a súa satisfación polo acordo por unha transición enerxética xusta para centrais térmicas en situación de peche: o emprego, a industria e os territorios, mais urxe á Xunta de Galicia a avanzar na implementación dos Convenios de Transición Xusta para as comarcas de Meirama e As Pontes


CCOO INDUSTRIA GALICIA AMOSA A SÚA SATISFACCIÓN POLA SINATURA DO ACORDO POR UNHA TRANSICIÓN ENERXÉTICA XUSTA ENTRE SINDICATOS, GOBERNO CENTRAL E EMPRESAS QUE PERMITIRÁ GARANTIR O EMPREGO PARA OS TRABALLADORES E TERRITORIOS AFECTADOS POLO PECHE DAS TÉRMICAS


Ademais a Federación de Industria de CCOO en Galicia urxe á XUNTA DE GALICIA a avanzar na implementación dos Convenios de Transición Xusta para as comarcas de Meirama e As Pontes

A pasada semana materializouse o “Acordo por unha transición enerxética xusta para centrais térmicas en situación de peche: o emprego, a industria e os territorios”, que foi asinado polo Goberno central, polas compañías titulares das centrais térmicas e por los sindicatos de CCOO e UGT. Sobre este asunto, CCOO INDUSTRIA de GALICIA queremos facer as seguintes consideracións:

1. A sinatura de este acordo é froito da constantes reivindicacións que, dende o ano 2018, leva facendo esta organización esixindo un proceso de descarbonización ordenado a través da implementación dos Convenios de transición xusta para que poda ofrecer unha solución ós traballadores e traballadoras afectados de maneira directa e indirecta polo peche das centrais e ós territorios afectados.

2. Xa o pasado 2 de Outubro, o Secretario Xeral de CCOO Industria de Galicia, Víctor Ledo, arrancou este compromiso á Ministra de Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, Teresa Ribera e ó Conselleiro Delegado de ENDESA nunha reunión mantida en Madrid para tratar o tema do peche da central térmica de As Pontes

3. Non podemos, senón, valorar de xeito positivo a sinatura desde acordo e poñer en valor o traballo realizado desde CCOO INDUSTRIA e instamos á Xunta de Galicia a que empece a liderar este proceso na nosa Comunidade Autónoma, activando os procesos participativos comprometidos no acordo tal e como se está a facer nalgunhas outras Comunidades Autónomas como Aragón ou Asturias.

4. O mesmo tento, lle esiximos que teña en conta as propostas realizadas pola nosa organización para o impulso dunha transformación enerxética sustentada nas enerxías renovables presentadas en marzo de 2018.

Ferrol, 24 de abril.-

Víctor Ledo Suárez
CCOO de Industria – Galicia
| www.industria.ccoo.es

Secretaría de Comunicación | R/ María, 42-44, 3º | Tlfno.: 981369323 / 71337 | galicia@industria.ccoo.es

Eugenia Freire Fajardo
Resp. Organización - Gabinete Económico
CCOO Industria - Galicia
Tlf. oficina: 981.36.93.26
efreire@industria.ccoo.es

Enviado por:
MARIA EUGENIA FREIRE FAJARDO
-efreire@industria.ccoo.es-
24 de abril de 2020 13:48

_______

xoves, xuño 06, 2019

Por unha enerxía ao servizo do pobo galego - A recollida de sinaturas en apoio da ILP entra na súa fase final, iniciativa coa que se pretende reverter á xestión pública os saltos e aproveitamentos hidráulicos


Por unha enerxía ao servizo do pobo galego. | A recollida de sinaturas en apoio da ILP entra na súa fase final.


A recollida de sinaturas para levar ao Parlamento a ILP de “Medidas para a nova xestión dos saltos e aproveitamentos hidroeléctricos no territorio de Galiza”, impulsada pola CIG, entra na fase final. O prazo para a súa presentación remata no mes de xullo e a central sindical anima a asinala para reclamar que a Xunta de Galiza recupere as concesións dos saltos e centrais hidroeléctricas, nas concas nas que ten competencias, para fins de utilidade pública e interese social e que pase a ser xestionado directamente, ou a través de empresas mixtas, o aproveitamento público destes recursos.

O sector enerxético é estratéxico para Galiza. Temos 166 centrais hidráulicas: 121 das chamadas mini hidráulicas, de menor potencia, e outras 45 que son gran hidráulica, cunha produción, nun ano normal, de aproximadamente un 20% da total no conxunto do Estado e unha potencia instalada de 3.700 megavatios, que nos sitúa á cabeza.
A CIG defende a necesidade de poñer en marcha medidas para garantir que a enerxía sexa un auténtico servizo público
Somos pois subministradores de enerxía eléctrica para o resto do Estado e malia os custos sociais e ambientais do seu espolio, os nosos recursos non están ao servizo nin do pobo galego, nin do desenvolvemento industrial. Por iso a CIG defende a necesidade de pór en marcha iniciativas reais para garantir que sexa un auténtico servizo público que reverta no desenvolvemento económico e industrial do noso país, permita a creación de postos de traballo e combata a pobreza enerxética.

A central sindical lembra que as concesións hidráulicas son públicas e teñen que ter un final no que, segundo di a Lei de Augas, “as instalacións teñen que estar en perfecto estado de uso para que as xestione a administración pública, ben directamente, a través dunha empresa pública galega de electricidade, que sería o noso obxectivo, ou a través da administración, con empresas mistas. Pero en calquera caso xestionadas pola administración pública galega”.

Concesións desde o século XIX

Hai centrais hidráulicas cuxa concesión data do século XIX e que aínda hoxe seguen en mans privadas, logo de sufrir varias renovacións de concesións neste tempo. É o caso da concesión da central hidráulica de Fecha, no río Tambre, en Trazo, que foi concedida en 1895, s. XIX, e que vencía en 2017, pero foi ampliada en 2016 a través do subterfuxio de ampliación de potencia. Subterfuxio ao que “recorren as empresas eléctricas cando ven que lles vai rematar a concesión” e que consiste en “solicitar unha ampliación de potencia ou de caudal” para ir enlazando progresivamente os anos de concesións.

Por iso a CIG defende, a través desta ILP, reverter á xestión pública os saltos e aproveitamentos hidráulicos; a revisión de todas e cada unha das concesións galegas, para ver se están cumprindo as cláusulas establecidas nas mesmas e que, 3 anos antes de que remate unha concesión, a administración inicie xa os trámites administrativos previos para a súa reversión, evitando que regrese ao negocio privado.

O constante incremento dos prezos da electricidade “demostra que o actual marco regulatorio e tarifario común está sometido aos desexos das empresas eléctricas que actúan en réxime de oligopolio”. Así o considera o secretario xeral da CIG, Paulo Carril, quen denuncia que isto “coloca na incerteza o futuro de moitos postos de traballo, provoca o aumento de familias que non poden pagar as facturas da enerxía e impide un desenvolvemento industrial en Galiza que cree postos de traballo e free a sangría da emigración”.

O plan de peche de Alcoa para a fábrica da Coruña é para a CIG “unha das máis claras, dramáticas e actuais manifestacións” desta situación. Está en risco unha factoría con preto de 400 postos de traballo, nun sector estratéxico como o do Aluminio. Máis tamén Ferroatlántica (que teima en especular coas centrais hidroeléctricas que explota) ten formulados ERTEs e pende a ameaza sobre o complexo industrial de Alcoa San Cibrao.

Unha situación que revela a urxente e inaprazábel necesidade de contarmos cunha regulación máis xusta e equitativa, que pasa pola aprobación dun estatuto do consumidor electrointensivo que rache coa incerteza que provoca a poxa do actual sistema de interrompibilidade e que compromete o futuro e a viabilidade da nosa industria de base.

Rescate dos saltos hidráulicos

Por iso a central sindical propón a creación dunha tarifa industrial estábel, con variacións predicíbeis, á que se poidan acoller as empresas electrointensivas, baixo o cumprimento dunha serie de requisitos, que recoñeza o estatus específico deste tipo de industrias grandes consumidoras de enerxía.

Fonte: Avantar. | Baixo Licenza Creative Commons by-nc-sa/2.5.

Novas relacionadas:

➤ A CIG rexistra no Parlamento de Galiza unha ILP para rescatar para o público os saltos e aproveitamentos hidroeléctricos. - 12.11.2018

➤ A CIG impulsa unha ILP para rescatar os saltos e aproveitamentos hidráulicos para o sistema público galego. - 25.10.2018 ____________

mércores, maio 29, 2019

Resolve as túas dúbidas sobre a 'Factura da Luz' e coñece que é o 'Bono Social', participando nun acto público con Adicae en Fuco Buxán, o mércores 5 de xuño, ás 7 da tarde, en Caranza, na Rúa Armada Española, 32 Baixo


Resolve
as túas dúbidas sobre a
FACTURA DA LUZ
e coñece que é o
BONO SOCIAL

MÉRCORES, 5 DE XUÑO, ÁS 19.00 HORAS
ASOCIACIÓN CULTURAL FUCO BUXÁN
En Caranza, na rúa Armada Española, 32 Baixo -Ferrol-

ADICAE - Galiza

FUNDACIÓN AXENCIA ENERXÉTICA
PROVINCIAL DA CORUÑA

Fuco Buxán A. C.

⏩ Local Social:
Rúa Armada Española, nº32 Baixo - Caranza
15406 - Ferrol

⏩ Correo-e:
fucobuxan@gmail.com

⏩ Web:
http://www.fucobuxan.net/

⏩ No facebook:
https://www.facebook.com/fucobuxan/

⏩ No twitter:
https://twitter.com/fucobuxan

Info baseada na enviada por:
susana beatriz alaníz gonzález
-sual259@hotmail.com-
27 de maio de 2019 23:25
____________

martes, abril 19, 2016

Xornada aberta de debate na Estrada: "Presente e futuro enerxético da Galiza no contexto europeo", este sábado, 23 de abril, unha xornada aberta para reflexionar sobre os actuais modelos enerxéticos, no Teatro Principal da Estrada e reunirá unha decena de relatores que analizarán a situación actual e exporán novas propostas


Xornada: "Presente e futuro enerxético da Galiza no contexto europeo" (A Estrada, Sábado 23/04). | O GUE/NGL e AGEe desenvolverán o vindeiro sábado, 23 de abril, unha xornada aberta para reflexionar sobre os actuais modelos enerxéticos. | Terá lugar no Teatro Principal da Estrada e reunirá unha decena de relatores que analizarán a situación actual e exporán novas propostas
.

Dende as 10.00 e até as 19.30hrs. deste sábado 23 de abril, o Grupo Confederal da Esquerda Unitaria Europea/Esquerda Verde Nórdica (GUE/NGL), do que Alternativa Galega de Esquerda en Europa (AGEe) forma parte no Parlamento Europeo, desenvolverá a través de AGEe a xornada aberta Presente e futuro enerxético da Galiza no Contexto Europeo [1], que terá lugar no Teatro Principal da Estrada (Pontevedra).

Este espazo informativo e de encontro celebrarase a iniciativa da eurodeputada de AGEe, Lídia Senra, quen destacou que nestes momentos "estase a dar un debate moi importante a nivel da UE en relación ao modelo enerxético; Juncker quere impulsar nesta lexislatura o Mercado Único Enerxético, unha proposta que vai ter grande impacto en toda a poboación europea pero do que a cidadanía carecemos de información suficiente".

Fai apenas uns días debatiamos en sesión plenaria no Parlamento Europeo sobre a pobreza enerxética na UE, segundo os datos manexados nese debate, nalgúns estados membro o 60% da cidadanía non pode quecer a súa casa axeitadamente e o 33% está a vivir con goteiras e humidades nas paredes.

"Ao igual que o dereito á alimentación debería prevalecer por riba da productividade comercial, todas as persoas deberiamos ter garantido uns mínimos de acceso á enerxía que nos asegure unha calidade de vida óptima", reivindicou a eurodeputada galega. Sen embargo, a día de hoxe "a distorsión dos intereses de mercado é tan grande que atopamos situacións inxustificábeis como que na Galiza, un País produtor de enerxía, moitas persoas non poidan acender a calefacción todo o tempo que precisan no inverno".

Logo da APERTURA a cargo de Lídia Senra e Mar Casais -voceira de Móvete-Movemento Veciñal Estradense e concelleira na Estrada- a xornada, que contará con quenda de mañá e de tarde, estruturarase en torno a catro paneis temáticos.

Encetaremos o debate cunha reflexión sobre O MODELO ENERXÉTICO. VISIÓN GLOBAL DA SITUACIÓN ACTUAL. INSUSTENTABILIDADE E TRANSICIÓN ENERXÉTICA (10.30hrs.), introducida polo Profesor de Economía Aplicada da USC e Vicepresidente de Véspera de Nada, Xoán Doldán e polo investigador da USC e membro de Verdegaia, Miguel Pardellas. A deputada no Parlamento español por En Marea, Alexandra Fernández, será a encargada de realizar a moderación.

A través de Alfons Pérez, encargado de Monitorización das Políticas de Seguridade Enerxética da UE no Observatori del Deute en la Globalització, e ca introdución e moderación de Lídia Senra, achegarémonos á UNIÓN DA ENERXÍA (12:30hrs), como sinalabamos, unha das apostas máis controvertidas e de maior calado da Comisión Europea para a presente lexislatura [2].

A sesión de tarde centraranos no contexto e nas propostas enerxéticas a nivel galego. Será a través das Doutoras en Economía Rosa Regueiro -profesora de Economía Aplicada da Universidade da Coruña- e Natalia Fabra -profesora da Universidade Carlos III e Premio Sabadell-Herrero á investigación económica-. Este panel, que se desenvolverá baixo o título O MERCADO ELÉCTRICO NA GALIZA E NO ESTADO ESPAÑOL NO CONTEXTO EUROPEO. NORMATIVA E DÉFICIT TARIFARIO (16.00hrs), será introducido e moderado polo deputado de AGE no Parlamento Galego, Juan Fajardo.

Antón Sánchez, deputado de AGE tamén no Parlamento Galego, coordenará a derradeira mesa, que a través do título REFORMAS LEVADAS A CABO NOS ÚLTIMOS TEMPOS. OUTRAS EXPERIENCIAS DE COMERCIALIZACIÓN DENDE O COOPERATIVISMO (18:00hrs), centrarase na exposición de experiencias prácticas. Así, coñeceremos o proxecto cooperativo de orixe catalá Som Energía da man da súa presidenta, Ana Marco; e do coordinador de Som Enerxía Galiza, Daniel Espinheira. A continuación afondaremos tamén na traxectoria, obxectivos e funcionamento de Nosa Enerxía Sociedade Cooperativa Galega, que será presentada polo seu presidente, Pablo Álvarez; e o proxecto cooperativo de orixe vasca Goiener, será dado a coñecer da man do seu director, Santiago Ochoa de Eribe.

Bruxelas, 18 de Abril de 2016.

Notas.-
[1] Adxuntamos cartaz e díptico-programa. | Acceder/Baixar. | Acceder/Baixar.
[2] Información da UE: http://www.europarl.europa.eu/atyourservice/pt/displayFtu.html?ftuId=FTU_5.7.2.html; información crítica: http://www.rosalux.eu/fileadmin/user_upload/energy-union-what-is-behind-it-2015.pdf.

Lídia Senra, eurodeputada de Alternativa Galega de Esquerda en Europa (AGEe), integrada no Grupo Confederal da Esquerda Unitaria Europea/Esquerda Verde Nórdica (GUE/NGL)

Equipa de Comunicación AGEe.
lidia.senra@europarl.europa.eu

http://ageuropa.gal/

twitter  Facebook

Enviado por:

SENRA RODRÍGUEZ Lidia OFFICE
-lidia.senra-office@europarl.europa.eu-
18 de abril de 2016 16:11
__________

xoves, decembro 10, 2015

Entendendo o espolio - Endesa deixa un grande impacto ambiental e paisaxístico, mais á hora de tributar fai-no en Madrid onde ten a sede fiscal


Galiza funciona como unha Colonia Interior para o Estado, para exemplo Endesa, empresa que noutrora fora pública e agora está nas mans dunha corporación transnacional, a italiana Enel -unha compañía do sector da enerxía e un operador integrado líder nos mercados mundiais de electricidade e gas, focalizado nos mercados de Europa e Latinoamérica- que posúe o 70% de Endesa, mais a súa vez Enel está participada nun case 30% de capital público italiano, sobre todo a través da Cassa Depositi e Prestiti e o propio Ministerio de Economía e un outro 70% privado con microparticipacións, mais coa importante presencia de fondos internacionais de investimento, compañías de seguros e fondos de pensións.

Endesa, a través da súa térmica d'As Pontes, segue sendo unha das grandes contaminadoras do medio ambiente, tanto directamente, como indirectamente comprando o carbón indonesio, de minas a ceo aberto que destrúe os rios e a foresta de Kalimanta, na illa de Borneo.

Endesa deixa un grande impacto ambiental e paisaxístico, mais á hora de tributar fai-no en Madrid onde ten a sede fiscal, contabilizando como riqueza da comunidade autónoma de Madrid.

Necesitamos unha empresa pública galega de enerxía. Non un negocio que beneficia a uns poucos e espolia a Nosa Terra. Necesitamos soberanía para decidir Nós na nosa Terra.

Enviado:
Inácio GZ
-inaciogz@gmail.com-
9 de dezembro de 2015 18:45
__________