Amosando publicacións coa etiqueta Iolanda Teixeiro Rei. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Iolanda Teixeiro Rei. Amosar todas as publicacións

martes, xullo 13, 2021

Ferrol e Vigo: entre concellos sostibeis? ... Por Iolanda Teixeiro Rei - ...imposibel que sustitúan o petróleo e demais combustibeis foseis cos niveis de consumo actuais


Iolanda Teixeiro Rei [*]
13.07.2021


FERROL E VIGO: ENTRE CONCELLOS SOSTIBEIS?

Desprazarnos en transporte ecolóxico de Ferrol a Vigo é, canda menos, un deporte de risco. Como o tren Ferrol-Vigo é un relicto daquela primeira locomotora que louvara Curros cal símbolo do progreso decimonónico, non queda outra  que ir en bus ate Coruña e alí coller o tren cara a cidade de os luns ao sol. Estes atrancos ocorren entre concellos que din estar na mobilidade sostibel e na loita contra o cambio climático. Que pouco custa se vestir de verde!  A palavra sostibel é o novo talismán do mercado.

Na estación de Urzaiz están a crear un mastodonte de Intermodal que, máis que estación, promete ser outro grande centro comercial coas marcas transnacionais de rigor. O mastodonte branco leva no seu ventre unhas longas escaleiras elétricas, esa versión tecno das serpes chuchonas da nosa tradición, para acceder ás catacumbas dos cais ou plataformas dos camiños de ferro. Aínda non se decataron de que as obras faraónicas non só son un derroche nun mundo de pobreza enerxética senón que tampouco resultan eficientes pois as distancias a percorrer, aínda eletrificadas, son tan grandes que distraen do obxectivo para o que foron creadas, desprazármonos,  facéndonos perder o máis valioso na vida, o tempo. Algúns defenderán que son necesarias para portar as pesadas maletas sen se decatar de que existen as rampas sen eletrificar e que xa hai milenios que se inventou a roda anque custara barro e fariña aplicala ás maletas.

O caso é que havía que presentar en Vigo un livro saído do 1º Congreso da Rede para o Decrecemento Eo-Navia/Galiza/O Bierzo titulado: Decrecemento. Construindo alternativa na livraría Cartabón e xusto á mesma hora do partido de fútbol España-Italia. Há que ter afouto!. Mais todos ficamos pasmados do cheo de público. Alí, mentres España perdía, nós debatiamos sobre a pobreza enerxética, o espolio das comunidades e os recursos territoriais para a falsa transición enerxética do capitalismo verde,  sobre o perigo das antenas 5G, os límites do planeta, a emerxencia climática... Houvo acertadas críticas contra o tecno-optimismo xeralizado e a volta á normalidade do derroche aínda no cerne dunha pandemia cuxo acontecemento non foi máis do que a crónica dunha morte anunciada. Volveuse a suliñar, outravolta, a diferenza entre tecnoloxía e enerxía, o eterno tema ignorado polos medios de comunicación e a clase política, incluído o ministerio de Transición enerxética. De que vale o carro elétrico, a lavadora… sen enerxía para que funcione?. O gran tabú da escaseza enerxética séguese agochando á cidadanía. Porque do contrario os Fondos de Recuperación Next Generation non se malgastarían en macroestruturas e megaproxectos de renovabeis (macroparques eólicos, megaprantas de paneis solares…) que venden como verde o que non o é para lucrar aos mesmos oligopolios elétricos que manteñan en vela a tantas familias.
 
Como di Pedro Prieto, vicepresidente da Asociación para o Estudo dos Recursos Enerxéticos (AEREN), nin o hidróxeno nen o litio son fontes de enerxía senón, e no mellor dos casos, só vectores enerxéticos ou transportadores da mesma, evidentemente sempre con perdas. E aínda agochando o neocolonialismo que implica o saqueo das reservas de auga, materias primas e terras raras e a destrución de territorios e as súas comunidades será imposibel que sustitúan o petróleo e demais combustibeis foseis cos niveis de consumo actuais. Co que Reducir e Repartir devera ser a bandeira dunha política racional dunha esquerda hoxe ausente.

Así, malia que inzemos a nosa Terra de xigantescos muíños de vento para regalar a nosa enerxía eólica aos centros urbanos e que sigan a derrochar eletricidade en luxos innecesarios esquecendo o futuro dos seus propios fillos, mesmo así non será dabondo para poder descarbonizar este noso mundo de irracional consumismo e desigualdade.

E todo isto veu a conto da presentación dun livro saído dun rico e participado congreso dunha Rede que pretende sentar as bases para artellar o Decrecemento nos territorios da nosa biorrexión do Eo-Navia/Galiza/ O Bierzo, procurando ser fío conductor dunha proposta global para o futuro da humanidade, en arelas de continuar o debate aberto e participativo.

Entrementres, o alcalde de Vigo, cegado por unhas luces ben pouco ilustradas, na Gran Vía, a colocar escaleiras elétricas de subida cara o coñecido Corte comercial. A fame e a obesidade, as dúas facianas dun mundo entolecido que pretende salvar as encostas do progreso eletrificando o propio colapso.

[*] Iolanda Teixeiro Rei. Secretaria de organización de LiGanDo-LGD. Activista ecoloxista e decrecentista. Unha das organizadoras do primeiro Congreso Galego de Decrecemento que tivo lugar en Ferrol, no mes de outubro deste ano 2018. Articulista e licenciada en Pedagoxía Social pola USC. Profesora de Tai Chi e Chi Kung en Ferrol. No facebook e no twitter. Artigos no Diario de Ferrol e Diario Nós.

Enviado por:
Iolanda Teijeiro
-iolandateixeiro@gmail.com-
12 de julho de 2021 18:42

_______

luns, xuño 21, 2021

Á mestra Chelo Bereijo, In Memoriam, ... Por Iolanda Teixeiro Rei - Grazas, Chelo por todo o que me brindaches, por todo o que nos brindaches. Ti es e serás por sempre aquela espiga de trigo malva


Por Iolanda Teixeiro Rei [*]
21.06.2021

 
Á MESTRA CHELO BEREIJO[1], IN MEMORIAM

Sê todo em cada coisa.
Poe quanto és no mínimo que fazes.
Ricardo Reis


Ás veces aínda agardo que xurdas no medio da práctica de tai chi con aquel teu sorriso debruzado, como a piques de confesar algunha brincadeira e con aquela ollada pillabana baixo duns enormes lentes de sol. Agardo que te pasmes do teu cansazo despois de ter feito unha morea de cousas a media mañá, cando calquera, tres décadas máis nova, estaría derreada. Agardo que me adiantes un novo capítulo do conto da Tía Sebastiana. Sabes que esa personaxe é a miña preferida entre todas as túas creacións contistas. A Sebastiana, esa muller gozadora da vida, que conserva a sabencia ancestral do rural galego e abraia de que se poida vivir no formigueiro isolado das cidades.

Ás veces decátome que xa non estás connosco, que finaches recén estreado o ano, que non nos voltaremos atopar, que xa non te disfrazarás no Antroido, nin nos agasallarás cos teus xabóns de lavanda, polo Nadal. Nin iremos ás fogatas do San Xoán do barrio. Co que a ti che prestaban as festas cíclicas tradicionais!. E aínda entón, agardo.

Nada, senao o instante me conhece, dime Pessoa ao abrir, ao chou, Como viver (ou nao) em 777 frases de Pessoa, o livro que escollín na túa biblioteca cando a túa sobriña mo brindou. Somos o instante, ese intre partillado no que rimos, choramos ou nos confesamos. Este intre en que te escrevo aquelo que se garda das palavras,  o que sempre te quixen dicir e adiei.

Cada pessoa é apenas o seu sonho de si próprio. E ti, Chelo, fostes moitos soños na túa vida livre e ricaz. Coñecínte xa ti xubilada mais atesouravas, porén, no teu espírito, a vizosa candura das crianzas. Aprendíchesme o valor do intre e o instinto de rebeldía. Afouta mestra que se enfrontou de fite á sensatez eficiente da madureza prematura da infancia, a esa educación bancaria que sumetía aos nenos aos moldes dos adultos tirándolles o intre creativo, a posibilidade da empatía, do autocoñecemento espellado no compañeiro, a sensibilidade do debruzar no tempo, sen retallos febrís nin fabrís. Ti viñas de artellar no San Isidro o xogo livre, abrindo a infancia nedense ás posibilidades dunha nova escola, dunha nova pedagoxía que respectara ao neno como ser senlleiro, non como adulto en potencia. Teño imaxinado a túa aula, como me contabas, como me amosavas nas fotos, cheas de material de desfeito, roupa vella e trastos aos que os nenos lles argallavan novos usos. Os baixos dunha mesa podíanse converter nun castelo para onde cabalgavan os cativos, ao galope, nun cavalo que parecía unha cadeira ou un paraugas. De súpeto, os nenos mudavan as normas e o castelo convertíase nunha cova chea de toda caste de animais. Case todos pelexavan por ser leóns ou ursos. Sermos, e nao sermos mais!... Ó leoes nascidos na jaula!... (Pessoa) E ti, alí, observando, invisivel, profundando na personalidade única de cada pequeno, pescudando nos seus conflictos emocionais só espellados no territorio liberado do mundo lúdico, gozando e reaprendendo da túa neneza, da valía do pensamento máxico, da improvisación, da solidariedade, do conflicto aberto e a deboura a redor dos roles e a súa asunción. Porque a vida é un xogo, un goce, pracer e dor na mesma moeda.  Ser forte é ser capaz de sentir, dicía o heterónimo de Pessoa, Álvaro de Campos.

Neste intre, cando se achega a noite meiga, a luz máis longa do teu benquerido sanxoán, ás portas do vindeiro encontro de familiares e  amizades na túa linda horta, consciente da túa ausencia, da finitude da vida, de todas as vidas, da liberdade de ser que lles regalaches a tantas roladas ao comezo da escola... reivindico no teu nome o valor vital do xogo livre como dereito ao gozo colectivo. Non só para as crianzas senón tamén para nós, xa madurecidas polas inevitaveis bategadas da lucidez. Nao sei quantas almas tenho. Cada momento mudei.

Neste intre onde se educa na sumisión virtual, expondo a infancia aos videoxogos, ao lecer monitorizado, onde o xogador é tan semellante ao envilecido ludópata de Dostoyevski a asolagar a súa anguria e sofrimento nunha rebeldía desviada.

Neste intre penso en ti e cavilo que ías alén do aprender xogando da pedagoxía moderna. Porque endexamais ficaches só no utilitarismo, na utilidade do xogo para educar-domesticar, senón que, respectando a infancia, afondaches na valía do xogo en si mesmo, no xogo polo xogo que é, ou devera ser, a vida. Porque ti es para min como aquela espiga tan especial (do teu conto) que nacera verde, fórase poñendo dourada e cando quixo ser livre amosouno escollendo aquela cor malva. Orgullosa de marcar a diferenza nun mundo de pobreza uniformada. Facendo parte dun pan, por todas, partillado.

Grazas, Chelo por todo o que me brindaches, por todo o que nos brindaches. Ti es e serás por sempre aquela espiga de trigo malva.

[*] Iolanda Teixeiro Rei. Secretaria de organización de LiGanDo-LGD. Activista ecoloxista e decrecentista. Unha das organizadoras do primeiro Congreso Galego de Decrecemento que tivo lugar en Ferrol, no mes de outubro deste ano 2018. Articulista e licenciada en Pedagoxía Social pola USC. Profesora de Tai Chi e Chi Kung en Ferrol. No facebook e no twitter. Artigos no Diario de Ferrol e Diario Nós.


Enviado por:
Iolanda Teijeiro
-iolandateixeiro@gmail.com-
17 de junho de 2021 22:52

_______

Imaxe da Tía Sebastiana: Debuxo do conto "A tía coñecendo Madrid".

[1] Consuelo Bereijo Picos (Chelo), mestra e escritora, foi profesora de infantil no CEIP San Isidro de Neda. Faleceu o venres 15 de xaneiro de 2021, aos 78 anos de idade. | O blogue de Chelo Bereijo Picos "A que ule un conto".
https://aqueuleconto.blogspot.com/. | Facebook. | Publicacións en Issuu.

Nota.- No blogue de Chelo, por problemas de edición o conto "A espiga de trigo malva" non se pode ver, mais para quen teña interese, pode acceder a el neste enlace:

https://issuu.com/viaxes/docs/a_espiga_75ee3c0cf5ce80

Conto dunha espiga que decide ser malva, publicado en decembro de 2017.
_______

luns, maio 17, 2021

Letras Galegas: Kodokushis, ... Por Iolanda Teixeiro Rei


Por Iolanda Teixeiro Rei [*]
17.05.2021


LETRAS GALEGAS: KODOKUSHIS

Acontecen cousas ben chocantes (máis no sentido portugués de ferintes ca no galego- RAG de sorprendentes). Veredes, tras sete anos da aprobación da lei Paz-Andrade para o achegamento ao mundo da lusofonía abraia que fixera máis polo desenvolvemento desa lei a marca branca dalgún supermercado do que o Parlamento galego, concellos, sindicatos e outras institucións. E non precisamente ese supermercado que fachendea de vivir como galegos. A marca branca daqueloutro supermercado aforrará custes identificando as mercadorías en dúas linguas, o castelán e o portugués. De resultas, por unha cambadela do mercado, moitos galegos recuperaron a palavra luva fronte ao castelanismo guante que aínda así vai gañando con folgura. O supermercado sabe que aos galegos vainos vender o mesmiño anque non nos fale na nosa lingua, non así aos portugueses. E, de resultas, nós decatámonos do mal que falamos a nosa propia lingua. Son cousas!.

Porén, non devemos desbotar esta conxuntura para mellorar o noso nível lingüístico. Así descubrín eu que borracha é  a ficus elastica, o que nós chamamos goma por interferencia do castelán e non ten nada a ver con bébeda nin con aquelas laranxas borrachas polas que rifavamos cando nenos. Tambén aprendín que flocos son os do millo alén das folerpas de neve e os farrapos de gaita.

E falando de gaitas, a miña primeira lembranza de algo galego foi unha pequena gaita feitío souvenir que meus pais penduraran no recibidor da vella casa de Xoane sendo eu moi nena. Eu non sabía que tiñamos lingua propia pois cando nacín onde ía que nos fora expropiada. Meus pais só a empregavan de xeito emocional, cando contavan certas cousas ou cando berravan. Daquela eu non sabía que era un idioma, o que tería de ser meu, mais sentía que as cousas que máis amavan meus pais tiñan esoutra pronuncia. Cando dicía unha parvada meu pai chamavame panocha ou pinocha. Cando faciamos unha trasnada, miña nai dicía, por ex., que cativos, no hago obra de ellos. Porque miña nai era vilega, da Real Villa de Neda namentres meu pai era aldeán, de Pazos.

Eu coñecín o galego falado por escoitarllelo aos vellos e a algúns nenos que viñan a Ferrol dende as aldeas e aos que aínda nos meus tempos alcumávanos de pailáns. O galego escrito coñecino a través da poesía do Rexurdimento. Curros foi o primeiro pois meu pai adoitava recitar de memoria bocados de poemas maiormente do anticlerical celanovés. De súpeto, vindo a conto ou non, declamava Leis hai, din os ricos, que os probes protexen. Que leis nin que raios, Deus dixo entre dentes. Se che outra vin nunca, que o demo me leve!. Eu devecía por esas expresións. Na adolescencia foi meu irmao maior quen mercara livros galegos. Así coñecín a Rosalía, Pondal, Castelao, Pedrayo e tantos outros. Ensaios e novelas que me fixeron reparar en que o galego era unha lingua de seu non unha deturpación do castelán. Unha lingua perseguida e aldraxada polos proprios galegos. Non havía internet mais tiñamos aquela livraria pequecha, case clandestina, das dúas irmás, Delta, se a memoria non marra. Aquelas livreiras ferrolás fixeron máis polo galego do que calquera equipa de normalización lingüística.

Hoxe aprender galego é ben doado. Iso si, un galego pobre, castelanizado. Nunca tan capacitados estiveron os estudantes mais nunca tan pouco se falou. E como se pode ter competencia nunha lingua esmorecente?. Pode que só viaxando a certas aldeas relictos ou a Portugal, Brasil, Cabo Verde… mais para iso hai que ter algún elo cos devanceiros, coa nosa historia, un pouco de dignidade. O esforzo por aprender quen somos, por descubrir a nosa identidade ten máis vencello co mañá que co pasado, contra o que acreditan tantos progresistas desleigados.

Porque entrementres lle deamos as costas á nosa lingua, e malia a ter galegos morriñentos en Londres, poderemos fachendear de plurilingües, de dominar o castelán, inglés, chinés ou esperanto sen nos decatar de sermos dominados, como inermes   kodokushis, eses mortos no isolamento que só se atopan, após longo tempo, porque non pagan os seus tributos, teñen as caixas dos correios atoadas de publicidade ou fican coas luces acesas a pleno sol sen se amolar polo calote do oligopolio elétrico. Uns ninguén que van para ningures.

Ferrol a, 15 de maio, de 2021

[*] Iolanda Teixeiro Rei. Secretaria de organización de LiGanDo-LGD. Activista ecoloxista e decrecentista. Unha das organizadoras do primeiro Congreso Galego de Decrecemento que tivo lugar en Ferrol, no mes de outubro deste ano 2018. Articulista e licenciada en Pedagoxía Social pola USC. Profesora de Tai Chi e Chi Kung en Ferrol. No facebook e no twitter. Artigos no Diario de Ferrol e Diario Nós.

Enviado por:
Iolanda Teijeiro
-iolandateixeiro@gmail.com-
15 de maio de 2021 22:25

_______

Foto: Pradela (A Pobra do Brollón) - Galiza.

martes, abril 27, 2021

Turismo sélfico, ... Por Iolanda Teixeiro Rei - Tras os packs turísticos para viaxantes pasivos arrastrados a duras xeiras de turismo low cost onde o único seguro era a rápido desprazamento no espazo e o despilfarro do tempo, asistimos ao que poderiamos chamar tecnoturismo nudista

Por Iolanda Teixeiro Rei [*]
27.04.2021


TURISMO SÉLFICO

Antes de nada precisemos que o termo turismo sélfico non alude a un xeito de viaxar para afondar no noso self ou conciencia reflexiva. Non ten nada a ver con profundar na individualidade e o autoconcepto para lle dar un sentido á vida. Mais que nada porque iso podíano facer os viaxeiros -cando viaxar era privilexio dunha elite- mais nunca os turistas.

Nos tempos de xentrificación e  turismo de masas o self está máis perto da idea conductista de nos considerar a nós mesmos como obxectos que do enfoque psicoanalítico de Kohut vencellado á autorreferencia (autoimaxe, autoestima e autoeficacia). Porque que crenzas, conceptos e representacións subxectivas pode ter un turista accidental en tempos de pandemia? Tras os packs turísticos para viaxantes pasivos arrastrados a duras xeiras de turismo low cost onde o único seguro era a rápido desprazamento no espazo e o despilfarro do tempo, asistimos ao que poderiamos chamar tecnoturismo nudista. Unha sorte de exhibicionismo nas redes promovido por unha política de tecnofilia, incompativel cun mundo de escaseza enerxética e luita contra o cambio climático.

O concello de Ferrol vén de se postular como pioneiro na Galiza neste eido instalando postes en distintos puntos da cidade para se facer o selfie perfecto. O devandito poste non é máis do que un pau metálico cun artello onde se pon o móbil para se autorretratar co fondo elixido polo executivo. Dous mil euros por pau que custou a brincadeira. Doce mil euros en total para tirarse fotos en seis lugares, disque estratéxicos, da cidade. Praza de Armas cos tilos e o concello de fondo. Praza de Galicia co Teatro Jofre. Amboaxe co polémico marqués. Xardíns de Herrera. O porto de Curuxeiras e o Auditorio de Ferrol. Sinceiramente, non sería máis acaído que os turistas trouxeran o seu propio pau de selfies na mochila e decidiran eles que subir, se suben, ás redes?. Ou é que presumimos de políticas de infantilización?

A concelleira de turismo que anda no Edusi vendendo o turismo sostivel de calidade non terá onde investir eses doce mil euros para atraer un turismo digno dese adxectivo? Non hai moito que os surfeiros reclamavan aseos públicos todo o ano na costa. Urinarios dos que carece toda a cidade. Unha carencia que resultou limitante da mobilidade durante o peche da hostelería. Non hai moito que desde a organización Ligando reclamavamos tambén cabinas de teléfono público, fontes ou carrís-bici. Porque iso é que fai habitavel unha cidade que non ha ser pensada só para o turismo.

Porén, e como os cartos públicos de Concello e Deputación xa están desbotados nos paus sélficos eu mudaría a ubicación para salientar un Ferrol histórico e social crítico onde se autorretratar. Poría un pau para facerse un selfie perante o chalet de Canido como exemplo da arquitectura modernista de Ucha. Un pau perante as ruínas da casa natal de Carvalho Calero para que se tiren o sefie os irmandados de Vila do Conde. Outro diante do muro que isola Ferrol da ría máis contaminada de Europa. Outro onde saia a única planta de gas dentro dunha ría. Outro diante da estación de tren xunto a un cartaz que poña Pacto pola Mobilidade Sostibel 2021 e o último pau na costa Ártabra para albiscar os eucalitos  e o deleixo na Rede Natura.

Con esta política turística mal chamada sostivel e a última ordenanza de seguridade non nos vai tremer o brazo ao facer selfies senón ao coller a bici para transitar sen emisións contaminantes. Porque certamente as cidades non son intelixentes senón quen as governa e a súa cidadanía.

[*] Iolanda Teixeiro Rei. Secretaria de organización de LiGanDo-LGD. Activista ecoloxista e decrecentista. Unha das organizadoras do primeiro Congreso Galego de Decrecemento que tivo lugar en Ferrol, no mes de outubro deste ano 2018. Articulista e licenciada en Pedagoxía Social pola USC. Profesora de Tai Chi e Chi Kung en Ferrol. No facebook e no twitter. Artigos no Diario de Ferrol e Diario Nós.

Enviado por:
Iolanda Teijeiro
-iolandateixeiro@gmail.com-
26 de abril de 2021 20:44

_______

martes, marzo 16, 2021

Iniciativa de Ligando Ferrol que rexistrará próximamente no Concello, reclamando un servizo de transporte público Ferrol-Coruña de calidade


A organización política Ligando Ferrol vai rexistrar no Concello de Ferrol, unha iniciativa para reclamar un servizo de transporte público entre A Coruña e Ferrol de calidade. A continuación transcribimos o texto da citada iniciativa:

SR. ALCALDE DO CONCELLO DE FERROL

INICIATIVA PARA UN TRANSPORTE PÚBLICO FERROL-CORUÑA DE CALIDADE

Iolanda Teixeiro Rei, con D.I. número XX.XXX.XXX-X, enderezo en Rúa Xxxxx Xxxxx, X, X, Ferrol, e en calidade de Delegada da organización política LiGanDo-LGD en Ferrol,

EXPÓN:

Hai xustamente catro anos, en marzo de 2017, LiGanDo-LGD rexistrou unha iniciativa neste concello na defensa do transporte público para Ferrol. Propuñamos a creación dunha Empresa Municipal de Transporte na liña do Plan MOB cunha serie de medidas para desincentivar o uso do vehículo privado e reconstruir a cidade como espazo comunitario a prol da mobilidade sostibel.

Alén diso no noso programa municipal propuñamos a posta en marcha dun Plan de Implantación de Mobilidade Sostibel adaptado ás novas directrices que se traspoñen do marco legal da Lei deTransición Enerxética e Cambio Climático. Entre outras propostas, reclamabamos un paquete de medidas de presión fronte á Xunta de Galicia orientadas a defender os intereses de Ferrol na planificación do sistema metropolitano de transportes, polo que apontabamos entre os obxectivos prioritarios a ampliación de horarios e frecuencias nas comunicacións Ferrol-Coruña, tanto en autobús como en tren.

Pois ben, polas testemuñas de usuarios tanto nas estacións como nas redes sociais, lonxe de mellorar o servizo, as novas concesións correspondentes á segunda parte do novo Plan de Transporte de Galicia que comezou a fins do pasado ano 2020, non fixeron máis do que deteriorar o transporte público en toda Galiza. Deterioro que prexudica, como sempre a estudantes e clase traballadora e supón un atentado contra a política de mobilidade sostibel para enfrontar o cambio climático.

A nova concesión da Xunta de Galicia no transporte metropolitano vén de provocar un caos con graves incidencias como a supresión dos servizos dos traballadores e dos universitarios así como unha reestructuración do servizo nas liñas regulares ofertando uns traxectos máis longos e menos vantaxosos sen cubrir as necesidades dos usuarios pois a demanda é maior do que o servizo prestado, deixando aos pasaxeiros no medio da cidade da Coruña en lugar de na estación, incrementando o tempo de traslado e chegando a suprimir incluso a parada nos hospitais, circunstancia que se pode cualificar de criminalidade.

Parece que o servizo máis prexudicado está a ser o de Ferrol-Coruña da primeira hora do día, pois coa anterior concesionaria había un servizo desde as seis e media da mañá cada media hora intercalando estrada e autoestrada e, a maiores dous servizos de universitarios e outros dous de traballadores que foron suprimidos. A falla de información da empresa e a falla de horarios nas estacións e nas paradas aumenta aínda máis o desconcerto. Os usuarios tamén se queixan de cambios de horario imprevistos que deixan sen transporte incluso a alumnos en servizos compartidos, e un longo etc de queixas, vendo como a única liña de autobuses que funcionaba cun mínimo de calidade vese agora deteriorada por un cambio de concesión na xestión do servizo.

A partir de Semana Santa, a empresa xa anunciou que a liña Ferrol-Coruña por estrada pasará a ser Ferrol-Betanzos-Coruña, obrigando aos pasaxeiros a facer transbordo.

Ao abeiro da pandemia, a nova empresa concesionaria aproveita a situación para ofertar un servizo inferior ao anterior e claramente deficitario pois tamén se reduciron frecuencias e servizos a outras localidades como é o caso das liñas Ferrol-Santiago e Ferrol-Ares-Mugardos.

Por todo isto, desde LiGanDo

SOLICITAMOS:

Do goberno municipal de Ferrol que reclame da Xunta de Galicia a fiscalización do servizo concesionado de transporte interurbano e obrigue a un restablecemento das liñas e frecuencias de transporte Ferrol-Coruña así como das demais liñas de transporte público en ben dun servizo básico de calidade para a cidadanía.

Ferrol, 8 de marzo de 2021

Sinatura

Iolanda Teixeiro Rei

LIGANDO-LGD

http://www.ligando.org/

Facebook | Twitter



Enviado por:
LiGanDo Ferrol
-ligando.ferrol@gmail.com-
15 de março de 2021 21:48

_______

mércores, marzo 10, 2021

Feminismo: o eros subversivo, ... Por Iolanda Teixeiro Rei


FEMINISMO: O EROS SUBVERSIVO

Por Iolanda Teixeiro Rei [*]
10.03.2021


Na porta do cemiterio municipal un cartaz abraiante clausurava o 8M: Espazo libre de violencias machistas. Branco sobre negro. A negritude ausente. A negritude dos top manta. Onde están as nais e irmás dos migrados africanos?.

A véspera, unha concentración de mulleres empoderadas vestidas e pintadas de lila. Con bucais lila fashion, quen sabe se fabricados por esas nais ou esas irmás do sul global. Eramos poucas e espalladas perante as ameazas solermiñas. Discursos que falavan dunhas mulleres ausentes. As mulleres máis explotadas non podían estar. As que podían, as empoderadas, sempre as mesmas en rito anual, non podían renunciar ás súas pancartas de partido e sindicato nin sequera en nome desa manoseada sororidade. Onde estava a revolta feminista masiva doutros anos? A seguridade e o control pandémico foran quen de amansar un movimento que prometía ter algún percorrido alén das Pepitas, as nenas-capirotes de Semana Santa ou a simples comemoración de ter nado muller.

A sororidade, aquel irmanamento só en razón de xénero, comezava a espellar tanta falsía como aquela fraternidade burguesa que mudou o sangue azul polo sangue bursátil. Parece que os recuados irmandiños também aproveitaran a forza do povo para empoleirarse nos seus castelos, endexamais para abrilos aos das fouces, bisarmas e gadañas.

Ao fin, a lingoaxe feminista parece que quixera vencer a cultura da dominación masculina coas mesma armas do macho alfa. Empoderamento é un vocábulo que só alude á forza e por tanto, á sumisión. Acadar o poder non é máis do que crebar ese teito de cristal para igualar as xerarquías en razón de xénero, nunca suprimilas. Moreas de exemplos na banca e na política así o confirman. Há botíns e botinas.

Sororidade e empoderamento son mantras baleiros nunha sociedade de clases. Imaxina alguén nas concentracións do 8M á señora e a doméstica con bandeirolas lilas, partillando os autofalantes?. Imaxina alguén á delegada da sección da muller dun sindicato pactista do ganchete dunha prostituta? Que sororidade podemos ter as mulleres traballadoras coa herdeira do emporio téxtil galego? Que empoderamento teñen as mulleres cando esquecen o feminismo para facer carreira no partido,  no sindicato ou en calquera outra asociación? Cando gardan silenzo perante violencias machistas dentro da propria organización na que militan?.

O feminismo do século XXI ten de rachar con toda esta soinamoina. A sororidade non há server para esquecer a luita de clases. A sororidade non há esquecer ás mulleres do sul global. O empoderamento ten que incluir a defensa do territorio e por tanto ten eco e exclúe por forza calquera industria ou cultivo intensivo, calquera externalización ou especulación capitalista. Porque há unha política feminista do territorio como a hai das relacións interpersoais. A sororidade non pode encubrir as diferenzas entre as mulleres. Temos que superar o feminismo da igualdade e da diferenza. Sobardar o feminismo poscolonial. Porque cada onda do feminismo vén de engulir á anterior.

Há que se desenganar, a luita pola igualdade real da muller non imos gañala só as mulleres. Teremos que lle pasar o testemuño á seguinte xeración.

A educación das novas roladas ten que estender o foco alén do mundo laboral. Por que as mulleres seguimos sen reclamar un salario polo traballo na sombra. O salario polo traballo doméstico, os coidados á familia… Grazas a todo ese inxente traballo non remunerado das mulleres despegou e consolidouse o capitalismo. Silvia Federici di que o sexo foi sempre un traballo para as mulleres. A sacrosanta institución familiar amarrou así, mulleres, fillos e herdanza. Federici foi unha das asinantes do manifesto Nunca sin nosotras que pedía a retirada da denuncia contra o sindicato de traballadoras sexuais OTRAS. Pois o governo quería ilegalizar este sindicato pola demanda dalgunhas organizacións feministas.

Hoxe o feminismo segue abusando desa dobre moral burguesa.

Audre Lorde en Os usos do erótico define este como un poder esquecido en nós mesmos. Eu penso que a educación feminista deste século ten que acreditar no poder de eros fronte ao culto ao dominio e á sumisión tanatocrática.

O governo feminista da vida ten que usar do erotismo para organizar a sociedade, para cultivar relacións horizontais de cooperación e combater a violencia machista en todas os espazos sociais agás nos cemiterios municipais.

[*] Iolanda Teixeiro Rei. Secretaria de organización de LiGanDo-LGD. Activista ecoloxista e decrecentista. Unha das organizadoras do primeiro Congreso Galego de Decrecemento que tivo lugar en Ferrol, no mes de outubro deste ano 2018. Articulista e licenciada en Pedagoxía Social pola USC. Profesora de Tai Chi e Chi Kung en Ferrol. No facebook e no twitter. Artigos no Diario de Ferrol e Diario Nós.

Enviado por:
Iolanda Teijeiro
-iolandateixeiro@gmail.com-
9 de março de 2021 22:36

_______

martes, febreiro 23, 2021

Telemedicina, o coronavirus como coartada, ... Por Iolanda Teixeiro Rei


Por Iolanda Teixeiro Rei [*]
23.02.2021


TELEMEDICINA, O CORONAVIRUS COMO  COARTADA.


Sentadas miña nai e máis eu, convivintes, arredadas por unha fita de plástico de obra, reparei no home da cadeira que tiña de fronte pois me lembrou ao agrimensor K. luitando desesperadamente por acceder ás autoridades deste castelo, centro de saúde dun sistema sanitario kafkiano. Miña nai, esvarava na cadeira, durmiñando polo efecto duns antibióticos tele-diagnosticados. Varias semanas nos levara agardar pola cita da médico e logo da enfermeira. Esta saiu e levou ao señor K. a lle facer quen sabe que probas namentres, amavelmente, nos mandava agardar. Eu botava de menos aquelas salas ateigadas de doentes cos seus lúgubres relatos públicos de escuras doenzas e remedos onde se pasava dunha dor intercostal a un abuso laboral sen solución de continuidade. Os monitores alfanuméricos acabaran con toda comunicación interxeracional, con aquel parladoiro antropolóxico que era unha sala de espera. Só se escuitava polo audio a insufrivel música enlatada para nos evadir. Cando, súpeto, Pasaba por aquí, pasaba por aquí, ningún teléfono cerca y no lo pude resistir… aquela vella canción de Aute instilouse como unha avesa premonición. Por unha vez, miña nai tiña sorte de oír mal e non ter mercado uns novos audífonos cando estes se lle quedaron obsoletos xusto cando se estava afacendo a eles. Entre iso e os tapóns de cerume, dos que era gran produtora, nin tiña coñecemento de que existisen máis ondas cas do mar.

Sorrín ao facer mentes daquela parodia premonitoria de Mr. Bean  -Mr. Feijóo para os galegos-  cando fica só na consulta do dentista e se atende el a si mesmo. A automedicina. Tamén lembrei cando as xentes rían do diagnóstico polo iris do Dr. Vander. Agora envías unha foto do dedo gordo do pé ou respondes a perguntas íntimas na tele-revisión xinecolóxica do teu útero por teléfono, esperando que alomenos unha porcentaxe da telefonía vaia para tratar o cólera na África. Ou aborreces dun contestador que te trata de parvo facéndoche repetir a data de nacemento porque non entende a túa pronuncia, como se foras ti quen necesita un logopeda e non o trebello infernal. Aínda ben que miña nai non estea soa como lles ocorre a tantas persoas maiores!. Remataría como o señor K., a personaxe literaria.

Todo este balume furavame os miolos na espera até que os meus ollos repararon nos monitores recén estreados. Eses nos que se tiraron tantos cartos da sanidade para nos acalar e tolear.  Agora xacían apagados liberándonos dos chifres entrecruzados entre salas cada vez que un código alfanumérico aleatorio mudava para avisar da veceira e obrigava a todos os ollos a se espetar no monitor.

Ao fin, a enfermeira chamounos e, tras uns intres duvitativos, -nos que eu, recordando o proceso, encomendeime ao Altísimo-, de se lle tirar os tapóns (porque polo visto tamén tiñamos que ter collido cita médica para que a doutora lle dera o visto bo), apiadouse dunha case nonaxenaria e tras cubrir e asinar un papel no que os descarregavas de calquera responsabilidade, conseguimos desfacernos do cerume cunha alegría impensavel nos tempos da medicina de familia. Lembran?. Si, aquela especialidade maravillosa pola que ía apostar o Sergas antes de que o desartellaran, viñera a pandemia e os MIR preferiran a especialidade de cirurxía estética. E tampouco os culpo porque hai que ser algo máis que heroi para traballar nun centro de saúde con triple de pacientes que hai dez anos e facer un diagnóstico de teleoperadora por moito menos salario que calquera tertuliano de telelixo e con menos aplausos.

[*] Iolanda Teixeiro Rei. Secretaria de organización de LiGanDo-LGD. Activista ecoloxista e decrecentista. Unha das organizadoras do primeiro Congreso Galego de Decrecemento que tivo lugar en Ferrol, no mes de outubro deste ano 2018. Articulista e licenciada en Pedagoxía Social pola USC. Profesora de Tai Chi e Chi Kung en Ferrol. No facebook e no twitter. Artigos no Diario de Ferrol e Diario Nós.
Enviado por:
Iolanda Teijeiro
-iolandateixeiro@gmail.com-
20 de fevereiro de 2021 22:24

_______

domingo, febreiro 14, 2021

A educación en valores dunha princesa do século XXI, ... Por Iolanda Teixeiro Rei


Por Iolanda Teixeiro Rei [*]
14.02.2021


A EDUCACIÓN EN VALORES DUNHA PRINCESA DO SÉCULO XXI

Ás portas de que o rapeiro Pablo Hasel entre na cadea por exercer o dereito constitucional de liberdade de expresión nun tema musical adicado ao rei emérito, nun plató de televisión española, nun deses programas culturais tan edificantes da sobremesa andan a falar da princesa Leonor e a súa marcha a un internado ao Harry Potter, con máis elite ca maxia, no país de Gales. Algúns tertulianos de berro fácil indígnanse porque opinan que sería ben que rematara alomenos o ensino secundario no seu país. A min, en cambio, non me parece correcto que se mesture co povo cha. Na adolescencia fanse amizades duradoiras e ao chegar ao trono iso se prestaría a todo tipo de corruptelas e tratos de favor. E o comido polo servido, gástase en pleitos o que se aforrou en matrículas. Amais, se estuda na mesma aula que o terceiro estado, que tería de especial ser de sangue real? Parecería unha máis e por tanto, intercambiavel. Iso só funciona coa realeza nórdica, cos casteláns vellos lévase máis a distancia estamental.

Algún tertuliano reclama do ministerio -tan sobrado de fondos como para obrigar a levar nos colexios públicos, o papel hixiénico aos fillos da plebe- un colexio para as elites nacionais onde se poidan educar, como dios manda, a prole da familia real, os herdeiros da casa de Alba e o máis escolleito da oligarquía meseteira. Non me parece mala ideia se as tarifas anuais rondan os oitenta mil eurazos por coroa e van parar ao ministerio de educación para tapar pingadelas nas escolas dos arrabaldos.

Parece que o distintivo deste colexio galés non é o dragón senón que alí estude todo o señorío de sangue azul e de sangue bursátil do planeta e que, polo visto, imparta unha exquisita educación en valores. Alí a princesa Leonor convivirá con compañeiros que falan distintas linguas e portan distintas culturas. Parece que iso vaille dar unha visión máis aberta e rica do mundo que aquela que ía atopar no pazo da Zarzuela. Ao tempo aprenderá o inglés con soltura que lle será indispensavel nas relacións internacionais da marca España, como xa antes fixera o seu avó.

De ter ficado a se formar en España, a princesa de Asturias podería estudar nun instituto de Uvieu e rematar entregando os premios que levan seu nome en bable ou asturiano. Cousa pouco elegante, certamente. Tampouco en Gales-Wales-Cymru vai aprender unha soa palavra de galés. Ou pode que os seus pais optaran por estudala en Euskalherria e se botara a darnos o discurso de nadal na lingua máis antiga da península. Ongi etorri. Que atraso dinástico voltarmonos aos reinos de taifas!. O de estudala en Catalunya estaría fóra de lugar para non lembrarlle á plebe, tan esquencediza ela, a historia dos duques de Barcelona. Anque aínda lles quedaría a opción de matriculala en Compostela e aprenderlle galego -cousa que nunca fixeron os duques de Lugo nen sequer co Froilán- máis que nada por se teñen que volver veranear en Estoril.

Non sei, a xente anda demasiado alporizada polo prezo privativo da matrícula coa que sei que comerían non poucas familias indixentes ou coa que se lle podería pagar, ao oligopolio das elétricas, todo un ano de alumeado de Nadal para os veciños da Cañada Real. Máis, levando, como levan os da Cañada, un nome tan monárquico.

Quen sabe que será o mellor para a rexa formación dunha princesa do século XXI!. Talvez a espléndida educación en valores dese internado galés tan pintoresco sexa o máis acaído. Tolerancia, equidade, sentido da xustiza, humildade… e resiliencia. Sobre todo resiliencia, esa capacidade de se sobrepór á adversidade cando non veñen dadas. Forza, enteireza, rexedume…

Anque certamente, a resiliencia exercitaríaa mellor nun internado da Cañada Real e o que aforrariamos todos!.

[*] Iolanda Teixeiro Rei. Secretaria de organización de LiGanDo-LGD. Activista ecoloxista e decrecentista. Unha das organizadoras do primeiro Congreso Galego de Decrecemento que tivo lugar en Ferrol, no mes de outubro deste ano 2018. Articulista e licenciada en Pedagoxía Social pola USC. Profesora de Tai Chi e Chi Kung en Ferrol. No facebook e no twitter. Artigos no Diario de Ferrol e Diario Nós.
Enviado por:
Iolanda Teijeiro
-iolandateixeiro@gmail.com-
12 de fevereiro de 2021 21:55

_______

venres, febreiro 12, 2021

Saqueo territorial en tempos de pandemia, ... Por Iolanda Teixeiro Rei


Por Iolanda Teixeiro Rei [*]
12.02.2021


SAQUEO TERRITORIAL EN TEMPOS DE PANDEMIA


-Teña conta, vosa mercé, que non son muíños que son xigantes. (Sancho a D.Quixote)


O risivel provén en Don Quixote de saber que non é Don Quixote, senón Quixano, quen fala e traballa. Cervantes, di Manuel Azaña, non ridiculiza o ánimo heroico senón a impotencia alucinada. Don Quixote non desiste da súa teima. Morre de cordura. Contra a opinión de Kierkegaard de que devería morrer tolo.

Talvez no actual esperpento pandémico, fora a loucura a única saída, o único relanzo onde se espellar nas augas límpidas do sanchopacismo.

O certo é que mentres as grandes distribuidoras da agroindustria intensiva arrasan cos agricultores tradicionais, gardadores da soberanía alimentaria do planeta, os confinados seguimos a ter posibilidade de mudar cada acto de consumo nun acto político revolucionario de dimensión planetaria. Cada vez que saímos do consumo das grandes áreas comerciais e supermercados tirámoslle poder a eses xigantes que se reparten a Terra. A Bill Gates de Windows, Cascada Investments, Cottonwood Ag Management e outras empresas que xa é o meirande agricultor de seu país, anque é John Malone de Liberty Media quen posúe máis de 890.000 htas de terrenos forestais, o principal terratenente dos EEUU. Cada vez que mercamos nos circuitos de cercanías deixamos de ser cómplices de Ted Turner de CNN que ten a seu nome 809.371has de terras de rancho, de Jeff Bezos de Amazon que está a se apropriar de milleiros de htas. para o que chaman eufemísticamente, agricultura de alto rendimento, na Africa subsahariana e no sul de Asia. Cada vez que mercamos por Amazon estamos colaborando co holocausto das pateras pois Bezos está investindo en cultivos resistentes ao cambio climático creando incluso razas de vacas que resistan as altas temperaturas que eles mesmos provocan cos seus produtos kilométricos.

Estamos asistindo ao secuestro do suministro mundial de alimentos xunto á biopiratería da natureza e do coñecemento como hai anos que nos vén alertando, Vandana Shiva, unha das físicas máis sobrenceiras da India. Cada mañá, cando no almorzo consumimos azúcares procesados en feitío de millo transxénico ou calquera outro cereal alterado xeneticamente estamos colaborando con estes xigantes do saqueo.

Agora mesmo, na Galiza, seguen a nos espoliar o territorio. Estanse a tramitar perto de oitenta megaproxectos de parques eólicos entre os que se atopan as poucas zonas de montaña ben conservadas que nos quedan: Nogueira de Ramuín, Montederramo, Trives, Quiroga...xoias medioambientais de O Courel, Ancares e o Macizo Central.

O activista medioambiental Marcos Celeiro calificao, con toda a razón, de pandemia eólica. Os novos muíños son aeroxeradores xigantes que cuatriplican o tamaño dos existentes colocándose en paralelo, en múltiplas liñas en áreas de cicoenta por vinte kilómetros, sen planificación algunha, arrasando o valor natural, paisaxístico e patrimonial en áreas povoadas de aldeas e vilas a destruir os ecosistemas e sistemas fluviais.

Malia os atrancos de luita nesta pandemia, estase a organizar a Rede Galega Stop Eólicos. Mais aínda cos esforzos do activismo só se conseguirá combater, segundo Celeiro, o 10% dos proxectos. Por iso é fundamental a implicación de todos. Non podemos acreditar en Teresa Rivera, a ministra-fracking de transición ecolóxica. Non podemos acreditar en Feijóo que ama tanto a nosa Terra que a agasalla a empresas norueguesas.

Teremos de luitar quixotescamente como fixeron e fan os comuneiros pola devolución dos montes en mancomún apropiados polo franquismo para os monocultivos estatais. Teremos de luitar sanchopancescamente como luitaron os beirâos portugueses polos baldios contra o saqueo do salazarismo en Quando os lobos uivam que tan literariamente nos testemuñou o grande escritor Aquilino Ribeiro.

Di a mitoloxía grega que Eolo, Guardián dos Ventos, entregoulle a Odiseo unha bulsa que os contiña todos e díxolle que mentres o colo estivera ben atado cun fío de prata todo iría ben. Mais cando quedou durmido os tripulantes desataron a bulsa coidando que era de viño e os ventos ruxiron levándose o navío por diante.

Galegos, non son tempos de nos durmir!.

[*] Iolanda Teixeiro Rei. Secretaria de organización de LiGanDo-LGD. Activista ecoloxista e decrecentista. Unha das organizadoras do primeiro Congreso Galego de Decrecemento que tivo lugar en Ferrol, no mes de outubro deste ano 2018. Articulista e licenciada en Pedagoxía Social pola USC. Profesora de Tai Chi e Chi Kung en Ferrol. No facebook e no twitter. Artigos no Diario de Ferrol e Diario Nós.

Enviado por:
Iolanda Teijeiro
-iolandateixeiro@gmail.com-
11 de fevereiro de 2021 21:59

_______

#NonInvasionEolica

#GalizaContraAmezaEolica

#RepartoXustoFondosEuropeosNextGeneration

_______

domingo, xaneiro 31, 2021

Carta Aberta a Ana Pontón, ... Por Iolanda Teixeiro (Secretaria de organización de LiGanDo-LGD)


CARTA ABERTA A ANA PONTÓN

Estimada Ana

Alédome muito que desde o BNG se estea prestando ao fin unha atención merecida ao Bierzo co que nos unen tantos elementos histórico-culturais e lingüísticos ao facer parte no pasado da Galiza histórica. Mais, querida Ana, os camiños do atallo son camiños do…

A recente proposición non de lei presentada polo BNG no Parlamento galego defendendo o Bierzo como provincia e a súa posíbel incorporación a Galiza como a quinta provincia é algo que comparto totalmente sempre que sexa a vontade maioritaria do pobo, proba do cal é o meu apoio presencial á presentación de A Quinta en Ponferrada e tamén o ser secretaria de Ligando, unha organización política cuxo ámbito territorial non inclúe só Galiza senón tamén o Eo-Navia e o Bierzo.

Até aquí todo ben, mais como é posíbel que ti, como dirixente e secretaria do BNG así como recoñecida feminista, aceptes colaborar cun partido como Coalición polo Bierzo que non é capaz de condenar abertamente a presunta violencia machista sen ningún lugar a ambigüidade? Un partido que -como ben manifestaron a Plataforma contra as Violencias Machistas e os colectivos feministas de mulleres do Bierzo- cualificou publicamente de inatacábel a conduta política do seu anterior presidente, Pedro Muñoz, aínda hoxe no cárcere acusado de presuntos actos de violencia machista con intento de homicidio e malos tratos continuados contra a súa muller Raquel Díaz, tamén da mesma Coalición política.

Lembrarte que mentres o BNG lanzaba a campaña do pasado 25N, o Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller, co lema A violencia machista segue aí e ti declarabas que non iades permitir que a violencia de xénero pasara a un segundo plano, co tapabocas tapando os ollos, a presunta vítima Raquel declaraba como o seu home e expresidente de CB a lanzaba ao vacío desde a terraza da vivenda e lle daba unha malleira durante o confinamento da pandemia consecuencia da cal aínda hoxe padece unha complicada situación neurolóxica cunha paraplexía.

Non podo entender, Ana Pontón, que como feminista non esixas da Coalición polo Bierzo un comunicado de apoio á presunta vítima e unha condena contundente contra o presunto agresor antes de colaborar con esa organización.

Atentamente

IOLANDA TEIXEIRO REI
Secretaria de organización de LiGanDo-LGD

Enviado por:
Iolanda Teijeiro
-iolandateixeiro@gmail.com-
31 de janeiro de 2021 15:14

_______

Novas de referencia:

✔ Un colectivo feminista esixe aos políticos unha repulsa máis rotunda no caso de Pedro Muñoz. | 09/07/2020 19:32 - Bierzo Diario. | Ir á web.

✔ Colectivos feministas reprenden a Coalición polo Bierzo por 'connivencia' con Muñoz. | Nun comunicado, lamentan que non haxa unha condena clara. | Cadena Ser - Fernando Tascón - Ponferrada - 09/07/2020 - 19:03 h. CEST | Ira á Web.

✔ Páxina Web Oficial da Coalición por el Bierzo en referencia a Pedro Muñoz. | Ir á Web.

✔ Páxina Web Oficial da Coalición por el Bierzo en referencia a Raquel Díaz. | Ir á Web.

Raquel Díaz declara que Pedro Muñoz tirou-na pola terraza e unha vez no chan golpea-a. | El Bierzo Digital - 12 de novembro de 2020. | A avogada berciana, parapléxica e con graves lesións neuronais a consecuencia do suceso, participou este xoves na reconstrución dos feitos polos que o seu exparella está no cárcere acusado de malos tratos e tentativa de homicidio. | Ir á Web.

Foto: Pedro Muñoz en abril de 2017.
_______

xoves, xaneiro 28, 2021

Coronavirus: Os mercachifres do medo, ... Por Iolanda Teixeiro Rei

 


Por Iolanda Teijeiro Rei [*]
28.01.2021


CORONAVIRUS: OS MERCACHIFRES DO MEDO

A case un ano de pandemia ou como di unha amiga, plandemia, abafamos cos mercachifres do enredo. Atrapados entre a coartada do mal menor  (non o da socialdemocracia cando a Guerra Fría, da que nos fala Peter Sloterdijk en Las epidemias políticas, senón do mal menor do neoliberalismo atroz) e a saída perversa, esa hostilidade cara a aqueles que poderían ser os meus pares e non cara os meus superiores, da que nos fala Francisco Sampedro en Setenta ideas para a (pos)pandemia. Padecemos dunha afaxia social, un dano estrutural resultante dun accidente colapsovascular debido á obstrución dun virus da economía da globalización que nos suspende a capacidade crítica e nos aboca a unha pulsión de repetición.

Nesa disxuntiva polar entre saída perversa do fascismo e mal menor do neoliberalismo selvaxe levamos enredados desde a caída do muro de Berlín. Ese segredo a voces da pandemia non fixo máis que desenbafar o espello no que nos miramos. Tanto é así que no mundo da pandemia a autocensura lévanos a tal grao de sumisión que serve de abono a unha especie de dictadura sen fascismo onde a autotitulada esquerda reclama obediencia cega á xestión neoliberal, tan selvaxe que esperta na povoación máis danada o alimento do fascio: a desesperación das masas. Se Tajani presidindo o Parlamento europeo ousou louvar a Mussolini, o actual Sassoli mestura migración, cambio climático e revolución dixital como quen emite sons de chifres coidando que calquera pito fai melodía e facendo oídos xordos á posibilidade dun colapso enerxético e ambiental. E se en España Vox parasita os corpos abandonados por aquel Estado que se chamou do Benestar e hoxe se chama precariado perpetuo, en Portugal a socialista apoiada por ecoloxistas, Ana Gomes, veu de sobardar por moi pouco ao ultradereitista André Ventura.  Porque se a privatización da Sanidade e os Servizos sociais xunto á precarización extrema no laboral multiplicaron a mortandade dun virus que só a globalización económica fixo pandémico, teremos que construir outra normalidade que non pase por sacrificar á clase traballadora e o resto de seres e ecosistemas planetarios.

Mais os mercachifres do enredo son cobizosos demais para repartir a riqueza e evitar o colapso social. Teñen todos os medios ao seu dispor. Non, non son aqueles mercachifres de Lima que tras a conquista de Perú vendían teas e sementes nas prazas principais sen se acoller ás regras do comercio imperial. Aqueles mercachifres eran pobres locais ou inmigrantes que facían venda ambulante camiñando longas distancias para gañarse o pan. No século XVIII, os mercachifres eran o precariado do comercio por iso se saltaban as leis dos Don Celedonios (aquel tendeiro avarento de Risco en O porco de pé). Era tal a miseria dos mercachifres de antano que Ernesto Saguier di na súa Genealogía de la Tragedia Argentina, que estavan incluso por baixo dos que rexentavan pulperías na pirámide mercantil e en ocasións eran o antecedente dun futuro tendeiro ou un polbeiro.

Aqueles mercachifres do pasado eran como os manteiros dos nosos tempos. Vendían a quen non podían permitirse o comercio legal e non sempre eran chilindrainas de escaso valor senón que moitas veces eran artesanías, esas que foron tamén apropiadas polo Capital para encher o planeta de bazares das grandes cadeas do plastico e a explotación estrutural (léase A Caverna de Saramago). Anque existen outros manteiros ascendidos a falsos autónomos que esparexen as mercadorías dun lado ao outro do mundo para enriquecemento de D. Amazon.

Os comerciantes minoristas eran chacoteados como figuras de sainete ao igual que a pranchadora ou o español anarquista e así chegou a nós a verba mercachifre en sentido despectivo. Porque o mellor dos povos é malversado polo poder para voltarllelo sempre en feitío ridículo e de refugallo.

Tamén en Ferrol tivemos vendedoras ambulantes como Marcela Seco do Cantón, que vendía estraperlo dos comercios que pechavan e traíao de lonxe carregandoo na cabeza para revendelo xunto coa quincalla e os xoguetes na praza. As mulleres traballadoras sempre termando do mundo nas súas cabezas. Amais Marcela sabía ler e escrevíalle cartas á xente cobrándolle segundo as súas posibilidades. Algo que nunca faría un mercachifre moderno.

Hoxe os mercachifres son dunha outra catadura. Traballan xuntos, sen sabelo, os ananos de Ferreiro cos mercantilistas criminosos da gran banca mundial. O comercio dos manteiros xa sustituiu a artesanía local pola marca pirata fabricada pola mesma man de obra escrava que o comercio legal. E os migrantes do top manta portan hualí, esa alegría medoñenta que nin o acoso policial é quen de matar.

En fin, ao abeiro da pandemia os mercachifres das finanzas asubían o mesmiño que o chifre dos capadores que ían de aldea en aldea anunciando a porcos e donos a súa chegada. Anque os D. Celidonios saben de certo que non toda a vida ficarán de pé tras a matanza.

[*] Iolanda Teixeiro Rei. Secretaria de organización de LiGanDo-LGD. Activista ecoloxista e decrecentista. Unha das organizadoras do primeiro Congreso Galego de Decrecemento que tivo lugar en Ferrol, no mes de outubro deste ano 2018. Articulista e licenciada en Pedagoxía Social pola USC. Profesora de Tai Chi e Chi Kung en Ferrol. No facebook e no twitter. Artigos no Diario de Ferrol e Diario Nós.
Enviado por:
Iolanda Teijeiro
-iolandateixeiro@gmail.com-
27 de janeiro de 2021 22:33

_______

xoves, decembro 31, 2020

A servidume voluntaria, ... Por Iolanda Teixeiro Rei


Por Iolanda Teixeiro Rei [*]
30.12.2020


CORONAVIRUS: A SERVIDUME VOLUNTARIA

Agardo con franca ilusión neste ano vello 2020, a apertura da Porta Santa na Quintana dos Mortos. Non é que me entusiasmen os cantos litúrxicos mais ese motete Sae da túa terra, o Apóstol espérate, que o Turismo da Xunta elixiu para lema do Ano Santo 2021, paréceme unha premonición da restauración do dereito á liberdade de circulación ou non sexa máis que do que unha innecesaria provocación. Non o digo só polos milleiros de persoas sobreviventes que chegan en pateras ás costas da opulenta Europa, empurradas polas nosas políticas neocoloniais, senón tambén polas vertoláns proibicións de mobilidade no noso territorio, si, esas cambiantes zonas perimetrais. Recoñezo que estes cercados mutantes  pódennos aprender a nosa xeografía, esa que foi desterrada das escolas. Mais alén da Axencia de Turismo de Galicia precisamos con urxencia dunha axencia de marcos entre concellos. Porque se queremos pasear pola nosa contorna teremos de coñecer se Baltar, é un dicir, é de Narón ou estaremos arriscando os montantes dos minijobs a unha multa que se cadrar sirva de investimento público que sume ao capital de risco MIG AG para financiar BioNTech, cuxo ARNm do virus xa quintuplicou ganancias no mercado. Comprendo que o fordista director executivo  de BioNTech quixera deixar de ser cabeza de turco modificando a contrarreloxio material xenético no laboratorio para inmunizar ao planeta cos seus socios estadounidenses de Pfizer e os socios chineses de Fosun. Ao fin, forrarse cunha vacina non ten por que estar rifado co dever humanitario. Na globalización, a filantropía non só casa ben co lucro opaco senón que é devedora de el.

No reino da posverdade non há certeza á que botar man. As parellas sen papeis que vivimos en distintas cidades galegas non podemos vernos presencialmente mentres escoitamos á directora de Turismo convidándonos a romper fronteiras nestes tempos de distanciamento e preparmonos para un ano santo seguro. Namentres a mesma Xunta lanza un portal web para vender aldeas abandonadas, 3.900 nada menos, incluso a inversores de otros puntos de España. Será para fuxir das pandemias no medio dun ermo eucaliptal?.

O isolamento, o medo e a represión masiva xunto á inoculación de datos fuxidíos e contradictorios está facendo do lobie informativo unha tribo de reductores de cabezas. Amais, os datos combustibeis abócannos a unha amnesia colectiva. Precisariamos ter unha hemeroteca baixo o brazo para enxergar os fíos desta pandemia. Há pouco máis dun mes, o 10 de novembro, que a comunidade científica dicía que havía que ser cautelosos coa vacina e no Nadal os orgasmos vacinais abren todos os informativos amosándonos vellos encantados do privilexio de ser os primeiros en se vacinar, entre anuncios de perfumes e programas de lixo financiados polas casas de apostas que van abrindo outro nicho de mercado sanitario, o das ludopatías. Mentres, brincadeiras da vida, Marta Temido, ministra de Saúde portuguesa, anuncia ir xa polas 16.000 vacinacións. O que me trae á mente a crise política e a promesa científica e as burocracias político-sanitarias ás que tan finamente alude Manuel Fernández Blanco no livro 'Setenta ideas para a (pos)pandemia', recén saído do prelo.

Polo de agora, a panacea da nova realidade non vai ser afortalar o sistema sanitario, combater o cambio climático, desglobalizar, combater a agroindustria e o saqueo monopolístico no planeta...a panacea vai ser unha vacina que nos inocule ARNm do virus e a ver que pasa... baixo a sutil ameaza dunha lista negra.E aínda ben que o noso ministro non se apelide Temido senón Isla.

Mentres as ONGs piden uns céntimos para vacinar de cólera aos nenos de baixo nivel socioeconómico de Asia e África. Esa humanidade da que ningún filántropo ou firma de biotecnoloxía moderna se lembra. Agora mesmo, a autocensura é tan enorme que poucos arriscan a cuestionar ningún discurso oficial nin sequer a suliñar que igual que non deve dar unha declaración de guerra unha firma de armamento tampouco deve garantir a fiabilidade dunha vacina unha empresa financiada por grandes corporacións privadas ou capitais de risco.

Magoa que entre os bestsellers deste Nadal non figure o 'Discurso sobre a servidume voluntaria' de Etienne de La Boétie, precursor intelectual da desobediencia civil contra aquelas normas arbitrarias ou odiosas que repunan ou deveran repunar a conciencia cidadá.

[*] Iolanda Teixeiro Rei. Secretaria de organización de LiGanDo-LGD. Activista ecoloxista e decrecentista. Unha das organizadoras do primeiro Congreso Galego de Decrecemento que tivo lugar en Ferrol, no mes de outubro deste ano 2018. Articulista e licenciada en Pedagoxía Social pola USC. Profesora de Tai Chi e Chi Kung en Ferrol. No facebook e no twitter. Artigos no Diario de Ferrol e Diario Nós.

Enviado por:
Iolanda Teijeiro
-iolandateixeiro@gmail.com-
29 de dezembro de 2020 23:37

_______

martes, novembro 03, 2020

Autónomos e pandemia, ... Por Iolanda Teixeiro Rei - Asistimos estes días a algo insólito, a concentración de autónomos nas prazas públicas do país reclamando políticas de apoio


Por Iolanda Teixeiro Rei [*]
03.11.2020


AUTÓNOMOS E PANDEMIA

Asistimos estes días a algo insólito, a concentración de autónomos nas prazas públicas do país reclamando políticas de apoio. Nas últimas décadas eles pecharan comercios e bares ao paso das mobilizacións do naval en solidariedade cos obreiros, no que parecía un recoñecemento mutuo, ao fin, de seren clase traballadora.

Mais a pandemia veu abrir a fenda novamente e arredar traballadores por conta propia de traballadores por conta allea. (Cando hoxe hai tantos minijobs por conta allea como propia. Divide e vencerás). E botouse de menos a solidariedade de clase. Si, digo de clase, organizacións de esquerda de unha e outra fasquía; porque a maioría dos autónomos do noso país non son grandes empresarios senón micro-pymes, con máis pé ca eme. Onde estades, esquerdas de governo e oposición, que non se vos escoita, apoiando as súas xustas reivindicacións?. É o voso silenzo que esterca o campo populista da extrema dereita.

Porque os verdadeiros governos de esquerdas non poden resgatar bancos ou ser consentidores dos abusos das grandes compañías elétricas ou dos lobbies da auga. Bancos e compañías que inflan as facturas dos autónomos máis pequenos que, porén, son quen artellan a vida dos nosos barrios nas vilas e cidades. E agora véñenlles paliar as doenzas graves e crónicas con panos quentes. Ofertando pacatas axudas como a POECATA, unha prestación compativel coa actividade. Con que actividade no 50% dunha terraza formada por tres mesas? Que xa hai que ter amor á arte e ser poeta de baiuca para pagar luz e auga servindo mesa e media ate o toque de queda. Axudas que non acadan o mileurismo. E a maioría cobrará só a metade da base mínima por real decreto. Iso sen contar gastos de impostos, hipoteca, facturas de luz, auga e alugueiro. Por non falar dos autónomos de temporada que non cobrarán prestación.

Navegar polas procelosas augas en tempos de incertidume vírica non é tarefa doada para os autónomos. Hai algún peixe grande, mais maiormente trátase de bancos de peixes moi pequenos, desde freelancer que prestan servizos a outras empresas nos máis diversos sectores (comercio, deporte, xornalismo...), até traballo a toque de contrato a falsos autónomos, traballadores por horas que venden a súa forza de traballo a distintas empresas ou que traballan para unha gran multinacional de venda online que á volta da esquina se desprende deles, deixandoos hipotecados ate a terceira xeración.

Como país especializado na creación de traballos en sectores de baixo valor engadido, en turismo de sol e praia, cunha precarización laboral das máis altas de Europa, a meirande parte dos autónomos adícanse á hostalaría ou o pequeno comercio. Coa eiva engadida da estacionalidade, en moitos casos, o 85,6% dos autónomos persoa física cotiza pola base mínima. Por tanto, non falamos de grandes empresarios, senón de traballadores. Cómpre, pois, solidarizarmonos con eles nun momento en que a estes sectores, xa moi febles polas sucesivas crises sistémicas, se lles está a aplicar coa pandemia, unha economía de guerra, obrigándolles a pechar por decreto, culpabilizando a este sector da situación. Parece que se hai contaxios é por culpa de ter ir tomar un café ou unha cerveixa e non por ter ido nun bus ateigado de xente, ao super ou ao traballo e, nese caso, cómpre pechar o negocio. Os que non se pechan son os grandes, cando nen sequera pagan impostos aquí, mentres os comercios de barrio son pequenas empresas que si os pagan. E a Xunta a privilexiar cun horario máis amplo a casinos e apostas alegando que esa clientela non interactúa. Toda unha declaración lapelada da orientación ideolóxica desta pandemia.

Desde a organización política Ligando, defensores acérrimos da economía local e do comercio de proximidade, queremos amosar a nosa solidariedade cos traballadores autónomos. Non comprendemos onde está esa esquerda, que agora cogoverna co Psoe ou esoutra chamada esquerda nacionalista. Porque milleiros de autónomos pertencen a un sector económico que se ve obrigado a pechar por motivos de Saúde Pública. Este colectivo merece todo o apoio da sociedade o mesmo que os demais sectores afectados. Non pode ser que se vaian aprobar uns orzamentos para o 2021 sen contemplar medidas para os rescatar. Onde está a esquerda cando os plans de recuperación económica dos governos contemplan subvencionar a megaempresas como Zara, esquecendo a eses autónomos dos que dependen tantas familias? Agora non é o mesmo que coa crise de 2008. Agora é o governo quen decide por decreto que pechen, total ou parcialmente, o negocio dous millóns de autónomo/as mentres que soben os gastos por salarios aos funcionarios e persoal laboral. Chegados a este ponto: Teremos que sospeitar que está en marcha unha reconversión encuberta do sector da hostalería turística que beneficia ás grandes empresas de distribución de alimentos, dado que o que se deixa de consumir na hostalería e que levan adiante distribuidoras pequenas, pasaría a mans de supermercados, que son grandes corporacións a nível de estado. Estaremos asistindo ao banquete do peixe grande a engulir ao banco de peixes chicos ao abeiro do mar proceloso da pandemia?

[*] Iolanda Teixeiro Rei. Secretaria de organización de LiGanDo-LGD. Activista ecoloxista e decrecentista. Unha das organizadoras do primeiro Congreso Galego de Decrecemento que tivo lugar en Ferrol, no mes de outubro deste ano 2018. Articulista e licenciada en Pedagoxía Social pola USC. Profesora de Tai Chi e Chi Kung en Ferrol. No facebook e no twitter. Artigos no Diario de Ferrol e Diario Nós.

Enviado por:
Iolanda Teijeiro
-iolandateixeiro@gmail.com-
3 de novembro de 2020 13:45

_______

sábado, outubro 17, 2020

Xuizo político: Dereitos e liberdades en xogo, ... Por Iolanda Teixeiro Rei - Están en xogo as liberdades civís de todos nós, ... Mañá podes ser ti ou eu



Por Iolanda Teixeiro Rei [*]
17.11.2020


XUIZO POLÍTICO. DEREITOS E LIBERDADES EN XOGO.

Hai poucos anos ao abrir un xornal batín cunha nova desacougante. O enxuizamento e condena dun ano de cárcere a unha veciña  de Viveiro acusada de algo descoñecido para min, o autoadoutrinamento xihadista. Polo visto, o seu delito era utilizar as redes sociais e o internet para adoutrinarse a si mesma desde a súa vivenda. O que deron en chamar radicalización indirecta. A Sala da Audiencia Nacional considerara atenuante o trastorno de personalidade con trazos de excentricidade que padecía e a escasa potencialidade de cometer un atentado. A sentenza considerara probado que a muller buscara palavras en internet como Santiago, infieis ou destrución. Parece que esas eran as probas que os levaron a pensar que planeara cometer un atentado o día da Patria do 2018. (Ollo aos especialistas en islamismo e aos curiosos do saber). Abraiante. Non dava creto. Pareceume aínda máis estrano o silenzo xeralizado a respecto do caso. Eu atribuino a que a moza estava isolada e non se lle coñecía militancia ou vida social sequer. Só unha persoa, A. Carrodeguas, manifestoume que estava aqueloutrado por ese concepto no que se baseava o xuízo que condeava a aquela muller. Verdadeiramente este novo delito, baseado no art. 575.2 do Código Penal incorporado coa Lei Orgánica 2/2015, recibiu duras críticas por parte da xurisprudencia, mais aí ficou. (E non devemos esquecer que a modificación do código penal foi obra do bipartidismo PP-PSOE). O concepto de adoutrinamento permite o castigo penal dos suxeitos que experimentan unha radicalización terrorista por si mesmos, concepto que bate cos dereitos fundamentais recollidos na Constitución. Fálase de perfís tipo de suxeitos potencialmente yihadistas ou tambén de obxectivos de radicalización que definen como o proceso polo que un individuo ou grupo tende a asumir puntos de vista políticos intransixentes e doctrinarios que os pode vencellar a ideoloxías estremistas ou crenzas fundamentalistas. Como se ve, son conceptos que falan de suxectividades e potencialidades, prestándose a duvidosa interpretación e encamiñando o Estado de Dereito nun grave devalo involucionista. Catalogar, por exemplo, ambientes de ocio como locutorios, cibercafés, librerías, sedes de asociacións... como vías de radicalización é, cando menos, unha creba dos dereitos civís.

A lei mordaza, co encarceramento de rapeiros como Valtony ou Hásel por exercer o dereito á liberdade de expresión que ampara o art 20.1 da Constitución, criminalizando a liberdade de expresión e ideolóxica como apoloxía do terrorismo e inxuria á Coroa polas letras das súas cancións, avaliando como delito un desexo subxectivo, foi un chanzo involutivo máis seguido polo Procés e o ataque continuo ao dereito de autodeterminación, de expresión, de asociación, de liberdade ideolóxica... contra todos os sectores independentistas.

Logo virían as operacións Jaro contra o independentismo galego no 2015. Precisamente este luns, 19 de outubro, comeza na Audiencia Nacional española, o xuízo político contra doce membros de dúas organizacións independentistas galegas, Causa Galiza e Ceivar. A día de hoxe máis dun milleiro de persoas, dun amplo espectro ideolóxico e social asinaron o manifesto cidadán contra a represión salientando que este xuízo é un atentado contra o dereito de asociación política e liberdade de opinión e expresión do povo galego. De se levar a cabo, o encarceramento, de catro a doce anos, e a ilegalización ou disolución destas dúas organizacións, sentaría un ataque sen precedentes á democracia e o pluralismo político na Galiza, creando un gravísimo precedente xurídico que abrangue a toda a cidadanía. Por iso considero que toda persoa que se teña por demócrata devería se solidarizar pedindo o arquivo inmediato da causa e o cese deste tipo de operativos contra o independentismo galego. Cando nun sumario aparecen actos de memoria histórica sobre a Revolución galega de 1846 como delictivos, no canto de se estudar en palestras académicas, podemos estar certos de que a imparcialidade e a seguridade xurídica andan en xogo.

Non se trata de defender a nosa ideoloxía. Non se trata de ser ou non ser independentistas. Están en xogo as liberdades civís de todos nós, sexamos da ideoloxía que sexamos. Hoxe son os independentistas galegos, onte os do procés, antonte os rapeiros e anteantonte unha muller que pescudava páxinas de internet. Mañá podes ser ti ou eu.

Pola defensa dos dereitos e liberdades fundamentais da propia Constitución española é que devemos solidarizarmonos e pedir a absolución dos independentistas galeg@s encausad@s.

[*] Iolanda Teixeiro Rei, Activista ecoloxista e decrecentista. Unha das organizadoras do primeiro Congreso Galego de Decrecemento que tivo lugar en Ferrol, no mes de outubro deste ano 2018. Articulista e licenciada en Pedagoxía Social pola USC. Profesora de Tai Chi e Chi Kung en Ferrol. No facebook e no twitter. Artigos no Diario de Ferrol e Diario Nós.

Enviado por:
Iolanda Teijeiro
-iolandateixeiro@gmail.com-
16 de outubro de 2020 19:20

_______

xoves, agosto 20, 2020

É o Capital, imbécil!, ... Por Iolanda Teixeiro Rei


Por Iolanda Teixeiro Rei [*]
20.08.2020


É O CAPITAL, IMBÉCIL!

Chegaremos a ter que chamar socialfascistas aos socialdemócratas que nos governan, como xa os alcumaron no período de entreguerras? (Os asasinos de Rosa Luxemburgo e Karl Liebknecht). Porque de que outro modo se poden definir as políticas de exclusión que vén de aplicar o ministro de inclusión do Psoe?.

O ministro Escrivá, ese auditor fiscal que fixo carreira de banco en banco, do Central Europeo ao de Pagos de Basilea e de este ao BBVA, non ventava nada bo ao asumir a carteira dun ministerio que mutava o nome de Traballo ao de Inclusión. Ao fin e ao cabo viña de presidir o AIReF nomeado por Montoro e Rajoy. Eis a econometría ao servizo do Capital. Alguén dá máis?.

Cando apareceu no escenario a pandemia e decidiron o confinamento universal, e tantas empresas se acolleron aos Ertes e inertes e houvo un clamor desesperado pola Renda Básica Universal (RBU), o ministro Escrivá sacou da chisteira o Ingreso Mínimo Vital (IMV) gabándose de que era a política máis relevante de Inserción Social. Voilà! Tres mil millóns de euros anuais que beneficiarían a unhas tres millóns de persoas que havía tempo que perderan de vista o limiar da pobreza para entrar no da miseria. Os requisitos para acceder a ese ínfimo ingreso eran tan esixentes -e coa administración en cita previa para os poder tramitar- que serviron de selección natural. Non contentos con esta peneira e parecéndolles un despilfarro tirar tres mil millóns en persoas sen ingresos, os socialdemócratas decidiron escoitar ás cúpulas europeas e o grande empresariado, vaia a redundancia. Non lles pareceu tanto despilfarro os máis de vinte mil millóns do gasto militar nin os máis de once mil millóns para Igrexa, sen contar os douscentos oitenta e catro millóns máis de por tantos e por tontos do cadro da Renda, nin moito menos os cincocentos sesenta e un millóns e medio que nos custa cada ano a monarquía. Só o rei cobra ao día seiscentos sesenta e cinco euros nun país no que o Salario Mínimo Interprofesional (SMI) non chega aos mil.

En xaneiro, coa nova realidade, chegarán as rebaixas para o empresariado. O dous por un!. É o Capital, imbécil! Dous traballadores polo prezo de un. Alguén dá máis?. E así como os servos da gleba se devían á terra do Señor, agora os subsidiados do ingreso mínimo dévense ao señor do SEPE que pasará de ser o Servizo Público de Emprego ao Servizo Público de Explotación Estatal.

Os socialdemócratas disque crearán programas de interese social que beneficien á comunidade en actividades seica de interese social: medio ambiente, desenvolvemento cultural e asistencia social, sempre que se axusten ao perfil demandado. Supoño que ese perfil incluirá titulacións de bioloxía, ecoloxía, pedagoxía social, socioloxía, traballadores sociais... O que ninguén se explica é como é que necesitan o ingreso mínimo vital tantos profesionais e por que non se crearon antes pola vía normal non subsidiada estes postos de traballo.

Os socialdemócratas seguen coa mesma política indecente que xa viñan a desenvolver nos anos oitenta cando comezaron co eufemismo da reconversión naval e aquel bochornoso voluntariado no social, xusto naquelas profesións das que máis se nutría o paro. Por aquel entón se lle alcumava salario social e se debatía o que hoxe é unha realidade imposta con tapabocas.

Algúns sociólogos din que se lle mudamos o nome á realidade, parecerá outra. Voilà, outravolta. Á explotación humillante de ter que aceptar o traballo que o Estado che asigne chámanlle contrapartida. Falan con soina de recualificar e mellorar as posibilidades de inserción laboral, de incrementar a experiencia dos desempregados e incluso de evitar que se enferruxen cando é evidente que se trata dun escandaloso xeito de beneficiar ás empresas que se embolsarán as cotizacións, vacacións e pagas extras.

Si, é o Capital, imbécil! Así os socialdemócratas apagan as críticas dos empresarios que temían que a miseria do ingreso mínimo vital desincentivara a búsqueda activa de emprego (eufemismo do encadeamento ao sistema de paro permanente urdido polo sistema). Pondo ao len a evidencia dos salarios de fame que pagan. Porque só nun país onde o salario mínimo estea tan tirado pode desincentivar de buscar traballo a miseria dese ingreso mínimo vital.

Os socialdemócratas limian o socialfascismo cando falan da tarxeta social e de concederlles un selo social ás empresas que contraten a persoas vulneraveis, eis explotaveis de modo que todos lles paguemos as cotizacións.

Governo de esquerdas? É o Capital, imbécil!.

Foto: As colas da pobreza, tirada da TVE 1 - 12 Maio de 2020, reportaxe de Jessica Martín.

[*] Iolanda Teixeiro Rei, Activista ecoloxista e decrecentista. Unha das organizadoras do primeiro Congreso Galego de Decrecemento que tivo lugar en Ferrol, no mes de outubro deste ano 2018. Articulista e licenciada en Pedagoxía Social pola USC. Profesora de Tai Chi e Chi Kung en Ferrol. No facebook e no twitter. Artigos no Diario de Ferrol e Diario Nós.

Enviado por:
Iolanda Teijeiro
-iolandateixeiro@gmail.com-
19 de agosto de 2020 23:08

_______