Amosando publicacións coa etiqueta Lídia Senra. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Lídia Senra. Amosar todas as publicacións

xoves, xaneiro 31, 2019

A eurodeputada galega Lídia Senra condena o apoio do Parlamento Europeo ao golpe de Estado en Venezuela e pide respecto ao dereito internacional - Instigada polo PP, PSOE e Ciudadanos, a Eurocámara toma partido na desestabilización da política interna venezolana a favor de Guaidó - Senra dirixiuse hoxe mesmo á Alta Representante da UE para subliñar a pertinencia de apoiar un diálogo responsábel a nivel internacional


Senra condena o apoio do PE ao golpe de Estado en Venezuela e pide respecto ao dereito internacional. | Instigada polo PP, PSOE e Ciudadanos, a Eurocámara toma partido na desestabilización da política interna venezolana a favor de Guaidó. | Senra dirixiuse hoxe mesmo á Alta Representante da UE para subliñar a pertinencia de apoiar un diálogo responsábel a nivel internacional.


O Parlamento Europeo vén de aprobar unha resolución na que os grupos socialista (S&D), popular (PPE), liberal (ALDE) e conservador (ECR) rexeitan os principios máis básicos da democracia atacando á soberanía de Venezuela a través do recoñecemento dun presidente autoproclamado fóra do marco constitucional. Diante desta decisión, a eurodeputada Lídia Senra quere reiterar a enérxica condena do Grupo da Esquerda Unitaria Europea-Esquerda Verde Nórdica “tanto á autoproclamación de Guaidó como á estratexia a través da cal se está a pretender lexitimar unha intervención extranxeira en Venezuela apoiada por Estados Unidos e o denominado Grupo de Lima”.

Ademais, a eurodeputada galega do GUE/NGL dirixiu hoxe unha pregunta escrita á Alta Representante da Unión para Asuntos Exteriores e Política de Seguridade e Vicepresidenta da Comisión Europea, Federica Mogherini, na que expresa a súa crítica á posición totalmente inxerencista adoptada pola Unión Europea.

En primeiro lugar, Senra lembra a Mogherini que o intento de golpe de Estado promovido pola oposición venezolana, no que se inclúe a autoproclamación do diputado Guaidó como “presidente interino”, vulnera en si mesmo a propia Constitución da República Bolivariana de Venezuela.

Seguidamente, chama a atención sobre o comportamento que a UE vén adoptando dende un principio neste contexto, onde destaca unha chamativa vontade de inxerencia nos asuntos internos deste país. “Gustaríame saber cal é o interese detrás de que algúns dos Estados membro da UE apoiaran a realización dun debate promovido por Donald Trump no  Consello de Seguridade da ONU co obxectivo de respaldar a autoproclamación de Guaidó, incumprindo claramente o principio de non intervención e vulnerando a soberanía do pobo venezolano”.

Senra considera que a firme predisposición do ente comunitario a tomar partido na política interna de Venezuela non se corresponde co seu declarado respecto ao dereito internacional e aos principios da Carta das Nacións Unidas, dado que esta sinala no Artigo 2 do Apartado 7 que ningunha das súas disposicións autoriza ás Nacións Unidas a intervir nos asuntos que son esencialmente da xurisdición dos Estados. “Vai apoiar a Alta Representante unha intervención estranxeira promovida polos Estados Unidos en Venezuela, violando polo tanto o Dereito Internacional e indo mesmo en contra do criterio do Consello de Seguridade das Nacións Unidas?”, cuestiona Senra á Alta Representante da UE, “E dado que o dereito internacional tamén rexeita as accións unilaterais por parte dos Estados, que opinión lle merecen as sancións económicas impostas contra o pobo venezolano?”, inquire.

Apelando ao desenvolvemento dun marco de relacións internacionais enfocado á estabilidade e á paz, Lídia Senra incide en que a UE ten só dúas opcións ante a escalada de tensións provocada pola oposición venezolana, “ou ben posicionarse a favor do diálogo inclusivo no país ou todo o contrario, apoiar irresponsabelmente o golpe de Estado recoñecendo a Guaidó”.

Senra, asinante da moción presentada polo GUE/NGL durante a actual sesión plenaria -e que finalmente non foi votada ao ser aprobada en primeiro lugar a proposta polos grupos conservadores-, advirte “Dende o GUE/NGL rexeitamos a tentativa de golpe de Estado en Venezuela, exiximos o fin da inxerencia internacional e dicímoslle á UE que o petróleo é do pobo venezolano, e que querer manter o nivel de vida dos máis ricos de Europa non lles dá dereito a apoiar o golpe, nin a atacar ao pobo de Venezuela, nin a roubarlle os seus recursos. Non máis sangue por petróleo”.

Bruxelas, 31 de Xaneiro de 2019.

Oficina de LÍDIA SENRA
EURODEPUTADA GALEGA
Grupo da Esquerda Unitaria Europea/
Esquerda Verde Nórdica (GUE/NGL)
Comisión de Agricultura
Comisión de Pesca
Asamblea Paritaria África, Caribe, Pacífico-UE
0034 609 845 861
Willy Brandt, 02M025 (Bruxelas)
Louise Weiss, T05018 (Estrasburgo)
lidia.senra@europarl.europa.eu

http://lidiasenra.gal/

Twitter | Facebook

Enviado por:
SENRA RODRÍGUEZ Maria Lidia OFFICE
-lidia.senra-office@europarl.europa.eu-
31 de janeiro de 2019 16:26

__________________

#GalizaVenezuela
_________________________

mércores, xaneiro 30, 2019

A eurodeputada galega Lídia Senra achega ao Parlamento Europeo a loita pola recuperación da memoria histórica na Galiza. | O GUE NGL está a desenvolver hoxe no Parlamento unha xornada de debate sobre as resistencias locais á extrema dereita en Europa. | Senra convidou á Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña. Fernando Souto expuxo a experiencia desta organización


Lídia Senra achega ao Parlamento Europeo a loita pola recuperación da memoria histórica na Galiza. | O GUE NGL está a desenvolver hoxe no Parlamento unha xornada de debate sobre as resistencias locais á extrema dereita en Europa. | Senra convidou á Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña. Fernando Souto expuxo a experiencia desta organización.


Co obxectivo de  afondar en claves de análise que permitan elaborar unha resposta conxunta da esquerda europea para facer fronte ao auxe da extrema dereita na UE, o Grupo da Esquerda Unitaria Europea-Esquerda Verde Nórdica (GUE/NGL) está a celebrar durante a tarde de hoxe a xornada internacional “Resistencias locais contra a extrema dereita en Europa”, poñendo en común experiencias achegadas dende Francia, Italia, Alemania, Austria, Grecia, Polonia, Croacia, Estado español, Bélxica, Letonia, Finlandia, Eslovenia e Galiza.

As forzas políticas máis reaccionarias favorecen a sinerxía sistémica de afondamento nas desigualdades, presente a nivel global, e o capitalismo precisa neste momento de gobernos autoritarios para continuar co seu proceso de concentración da riqueza en cada vez menos mans”, alerta a eurodeputada galega Lídia Senra. “Esta tendencia, da que lamentabelmente temos xa moitos exemplos, é unha realidade que xa está aquí e á que a esquerda ten que ter claro como combater. Nese sentido a xornada de hoxe está a ser moi útil, porque permítenos escoitar unha batería de accións que se están a desenvolver a nivel local en todo Europa, moitas delas perfectamente adaptábeis duns Estados a outros, que supoñen exemplos concretos de experiencias de loita que cómpre pór en valor”.

Para dar conta de iniciativas desenvolvidas no noso país, Senra convidou a participar nesta xornada á Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña (CRMHAC), representada no día de hoxe por Fernando Souto, quen encetou a súa intervención explicando que se trata dunha asociación comarcal  onde “traballamos pola recuperación da memoria dos nosos maiores, fronte a historia oficial dos vencedores da guerra civil do 36 e cerca de 40 anos de ditadura franquista. Pertencemos ao movemento que se coñece como memoria histórica, e que xurde no ano 2000 a raíz da exhumación dun grupo de paseados enterrados na cuneta, esta exhumación tivo grande repercusión mediática”.

Entre os traballos que desenvolve a Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica, Souto destacou os referidos á recuperación da memoria oral “recollemos mediante gravación as vivencias persoais e logo aportámosllas a investigadores/as para axudar a comprender a nosa historia”, ao tempo que relatou “o noso traballo tivo un gran éxito cando xunto con outras organizacións conseguimos explicar que o pazo de Meirás foi un roubo fronte a historia oficial que o presentaba como unha doazón do pobo a Franco”.

Outra das cuestións nas que a Comisión da Memoria Histórica puxo especial énfase en destacar foi a importancia de traballar contra a manipulación da linguaxe pola  extrema dereita. “A existencia da simboloxía franquista, o nome  das rúas das nosas cidades, as honras os personaxes da guerra civil , as estatuas, os elementos conmemorativos... Normalizaron o fascismo vitorioso militarmente, e mesmo pretenden presentarse como libertadores. Este pasado presente, moi presente, esixe un esforzo didáctico para desenmascarar, para quitar a careta da extrema dereita”.

Bruxelas, 30 de Xaneiro de 2019.

Oficina de LÍDIA SENRA
EURODEPUTADA GALEGA
Grupo da Esquerda Unitaria Europea/
Esquerda Verde Nórdica (GUE/NGL)
Comisión de Agricultura
Comisión de Pesca
Asamblea Paritaria África, Caribe, Pacífico-UE
0034 609 845 861
Willy Brandt, 02M025 (Bruxelas)
Louise Weiss, T05018 (Estrasburgo)
lidia.senra@europarl.europa.eu

http://lidiasenra.gal/

twitter  | facebook

Enviado por:
SENRA RODRÍGUEZ Maria Lidia OFFICE
-lidia.senra-office@europarl.europa.eu-
30 de janeiro de 2019 17:30

_________________

martes, decembro 18, 2018

A raíz das manipulacións e mentiras que se construíron para censurar unha xornada sobre 'muller e saúde', promovida pola eurodeputada Lídia Senra, dúas das médicas que participaron nas mesmas fixeron pública unha carta de replica ás falsas e interesadas informacións que só buscaban facer dano á eurodeputada - Escrito de Luisa Lores e Carmen Mosqueira sobre a polémica xerada pola xornada 'Mulleres e saúde' vetada polo Concello de Vigo -


Remitimos adxunto escrito asinado por Luisa Lores (Radióloga e Máster en Xestión e Economía da Saúde) e Carmen Mosqueira (Médica-epidemióloga e especialista en Saúde Pública), referido á polémica xerada pola xornada 'Mulleres e saúde', vetada polo Concello de Vigo.

Un saúdo

Con respecto á polémica desatada pola xornada “Mulleres e Saúde”, vetada polo Concello de Vigo, consideramos:

- Necesítase unha frase e uns segundos para convencer á poboación de que se poña unha vacina ou se faga unha mamografía, e moito máis tempo para explicar por que non deberían xeneralizarse estas recomendacións até que se comprobe de forma fiable que os beneficios superan amplamente aos prexuízos ocasionados, especialmente se non se trata de curar a unha persoa enferma senón de actuar sobre unha persoa sa.

- Que non somos un colectivo antivacinas, senón profesionais críticas con algunhas decisións que consideramos insuficientemente fundamentadas, e que xa foron desestimadas, vencendo os problemas políticos e a enorme presión dos lobbies, en países solventes como Suíza (suspensión do Cribado de Mama) e Xapón (retirada da vacina do Virus do Papiloma Humano (VPH) do calendario vacinal).

- Que o cribado de cancro de mama está cuestionado, xa que por unha banda comporta unha taxa significativa de sobrediagnóstico, co tratamento innecesario de mulleres que nunca desenvolverían cancro; e por outra, a supervivencia é similar entre as mulleres cribadas e as non cribadas. Publicacións recentes en prestixiosas revistas recomendan modificar o programa para cancro de mama, centrando a mamografía unicamente en mulleres con alto risco.

- Que 10.000 profesionais en España, incluíndo a máis da metade dos catedráticos de saúde pública, asinaron un manifesto para frear a inclusión da vacina do VPH no calendario vacinal, esixindo unha moratoria polas dúbidas existentes sobre o custo-beneficio e porque ninguén puido comprobar que realmente preveña o cancro de colo de útero.

- Que as farmacéuticas que fabrican as vacinas aprobadas para o VPH non son de fiar, xa que foron condenadas polos tribunais, na década pasada, por falsear conscientemente a información sobre os seus fármacos, ocultando os graves efectos adversos que provocaban, resultando en miles de afectados e de mortes a nivel mundial, como foi o caso do antiinflamatorio Vioxx e o antidiabético Avandia.

- Que segundo o “Informe semestral da vacina do VPH do Ministerio de Sanidade”, no 1o semestre de 2018 foron notificados 76 casos de nenas con sospeita de reaccións adversas á vacina, das cales 33 foron clasificadas como graves (por esixir a hospitalización da paciente ou a prolongación da hospitalización xa existente, ocasionar unha discapacidade o invalidez significativa ou persistente, ou por poder poñer en perigo a súa vida ou ocasionar a morte). Debido a estas graves consecuencias, pedimos estudios clínico-epidemiolóxicos que investiguen esas sospeitas e a seguridade da vacina.

- Que asociacións profesionais que toman decisións sobre as vacinas están financiadas pola industria alimentaria e farmacéutica, incluíndo ás empresas que comercializan a vacina do VPH, polo que as súas decisións poden non ser totalmente obxectivas e poderían estar influídas por intereses económicos.

- Que entendemos a preocupación da industria farmacéutica e dos profesionais influenciados por ela, no momento no que se pretende ampliar a vacinación aos nenos e a poboación adulta, o que suporá un xigantesco negocio.

- Que os “consentimentos informados” en ambas actuacións sanitarias son incompletos, a pesar de que provocan efectos secundarios que poden ser graves, o que incumpre a “Lei de Autonomía do Paciente”.

- Consideramos que na Medicina, como na vida, case nada é incuestionable, e que as recomendacións deben basearse na investigación pública e independente, no debate e na información completa e transparente.

- Que igualmente, é fundamental practicar a ética periodística, dando unha información veraz e contrastada, limpa de intereses económicos e presións de calquera tipo. Sirva de exemplo o Consorcio Internacional de Periodistas de Investigación.

- Que as mulleres somos maiores de idade e temos dereito a debater sobre calquera tema, especialmente sobre os temas de saúde que nos preocupan e nos afectan, para dispoñer de información científica independente, que nos permita tomar as nosas propias decisións.

- Consideramos que o veto á nosa reunión foi profundamente autoritario e antidemocrático.

Seguiremos debatendo

Carmen Mosqueira - Médica-Epidemióloga. Especialista en Saúde Pública.

Luisa Lores - Radióloga- Máster en Xestión e Economía da Saúde.

Oficina de Lídia Senra na Galiza
Tlf.: +34.698.144.067 / 698.120.268
Tlf.: +34.881.817.443

www.ageuropa.gal

Enviada por:
AGE Europa - Galiza
-age.europa.galiza@gmail.com-
18 de dezembro de 2018 16:28

____________________

domingo, decembro 16, 2018

Lídia Senra: 'As mulleres temos que poder debater de todo para tomar as nosas propias decisións' - A eurodeputada abre a xornada Mulleres e Saúde no Café de Catro a Catro de Vigo, chamando a reaccionar fronte á mentira, manipulación e censura - Denuncian que os beneficios económicos están a condicionar a asistencia sanitaria, convertendo a tecnoloxía e os fármacos en obxectos de consumo


Lídia Senra: “As mulleres temos que poder debater de todo para tomar as nosas propias decisións”. |  A eurodeputada abre a xornada Mulleres e Saúde no Café de Catro a Catro de Vigo, chamando a reaccionar fronte á mentira, manipulación e censura. | Denuncian que os beneficios económicos están a condicionar a asistencia sanitaria, convertendo a tecnoloxía e os fármacos en obxectos de consumo.


As mulleres non podemos permitir que se nos vete o acceso a espazos públicos para reunirnos, falar e debater. Tampouco podemos consentir que se intente tutelarnos e dicirnos do que debemos ou non debemos tratar para poder tomar as nosas propias decisións con respecto á saúde. Debemos defender a liberdade de expresión”. Así o defendeu este sábado pola mañá a eurodeputada Lídia Senra, na apertura da xornada ‘Mulleres e saúde’ que se desenvolveu durante todo o día no Café de Catro a Catro de Vigo, despois de que o Concello decidira censurar este evento no Museo de Arte Contemporáneo de Vigo (MARCO), onde inicialmente ía ter lugar, e vetar tamén a posibilidade de celebralo en calquera espazo de titularidade municipal. A europarlamentaria asegurou non entender a polémica que se levantou na última semana ao respecto desta xornada. “A partir de manipulacións e de mentiras construíuse unha narrativa que nada ten que ver coa xornada e é lamentable que o Concello de Vigo decidira censurar esta xornada nun espazo público. Como deixemos avanzar este tipo de narrativas, como non reaccionemos comosociedade e como demócratas, chegarán novas censuras, e quen sabe se tamén ilegalizacións, e o futuro será moi triste. Estamos ante unha situación moi grave e lamentable”, dixo Senra.

A eurodeputada dixo non ter nada que ocultar, reiterou que esta non é unha xornada antivacinas e animou a facer debate e a non calar nada: “Aquí non se veta a liberdade de expresión de ninguén”, exclamou. Tamén agradeceu a todas as persoas que asistiron (ao redor dun cento durante todo o día), a pesar da polémica suscitada, e defendeu a necesidade de abordar a saúde das mulleres desde unha perspectiva de xénero, algo que non é habitual e sen embargo é fundamental. “A ciencia debe avanzar para mellorar a nosa saúde e benestar e isto só será posible se se realiza a través das fendas que introduce a dúbida", concluíu.

A primeira mesa da xornada, titulada ‘O tratamento médico das mulleres’, foi introducida pola concelleira de En Marea en Vigo, Margarida López Barreiro, quen aproveitou para animar “á loita pola liberdade das mulleres para poder expresarnos”. “Quero expresar o meu malestar e indignación porque estamos sendo vítimas dun abuso de poder do Concello de Vigo e iso non ten nome. Non podemos permitir que volvan acontecer accións deste tipo e que a liberdade de expresión, algo que nos costou tanto conseguir, se nos negue”, dixo. A edil reclamou a necesidade de ter espazos de debate para as mulleres “fora das redes do patriarcado” e alleos á “publicidade interesada”. Tamén chamou a implementar medidas sanitarias máis humanizadas na atención ás persoas fronte á xeralización da fórmula de aumento por defecto da medicación, que non xera en absoluto un aumento da autoestima da persoa enferma. “Necesitamos máis feministas nos parlamentos e en todos os lugares onde se toman decisións”, zanxou.

Tomou de seguido a palabra María Luísa Lores, radióloga e presidenta da Asociación Galega para a Defensa da Sanidade Pública, que ten estudada a medicalización e a calidade de vida das mulleres galegas. Lores comezou amosando a súa sorpresa ante a polémica xerada esta semana pola xornada. “É a primeira vez desde o inicio da miña vida profesional, que vetan unha xornada na que participo”, dixo, para advertir que “a saúde é nosa”. A experta fixo un repaso pola situación do sistema sanitario nos últimos anos, nos que asistimos ao avance e aparición de novos fármacos, novos equipos de alta tecnoloxía, historia electrónica, maior intercomunicación entre profesionais, mellor coñecemento das patoloxías para facer cirurxía máis centrada, tratamentos menos longos que permiten reducir estancias hospitalarias e cirurxías sen ingresos. “Temos moita información para saber o que está pasando, o que permite reducir as listas de espera e mellorar a calidade sanitaria, pero as tecnoloxías están pasando de ferramenta a obxectivo. As empresas andan á procura de pacientes para vender os seus produtos. Promóvense as alarmas sociais, os medios advirten da necesidade de diagnoses temperás e a tecnoloxía e os fármacos convértense en obxectos de consumo”, denuncia.

Lores denunciou que a corrupción no sistema sanitario está a determinar a saúde das persoas e reclamou a derogación da Lei de Saúde e rematar coa actual práctica na que a asistencia sanitaria se centra nos beneficios económicos e non nas necesidades. “Non é igual público que privado, dicimos claramente non a calquera forma de privatización”, remarcou.

Pola súa banda, Carmiña Mosqueira, médica-epidemióloga, especialista en saúde pública, que traballou na Consellería de Sanidade de Asturias, e ten estudado o cribado de cancro de mama por mamografía, preguntouse se o día de hoxe están xustificados os programas de cribado con mamografía, tendo en conta que as mulleres se someten a unha radiación que se vai acumulando ao longo da vida. Mosqueira desvelou que de cada tres casos de cancro que se diagnostican nos cribados mamográficos, un é unha sobrediagnose e alertou sobre os falsos positivos e os falsos negativos nas mamografías. “É fundamental fomentar o coñecemento das mulleres, con información científica e independente, para tomar as nosas propias decisións”, defendeu.

Mosqueira tamén interviu na segunda mesa da xornada, centrada na vacina do Virus do Papiloma Humano (VPH), e explicou que, segundo datos da Organización Mundial da Saúde (OMS), o 80% das mulleres (as persoas) teñen contacto co VPH o longo da súa vida; o 90% de elas superan por si mesmas a infección quedando protexidas por inmunidade natural fronte a este virus. “Aprobabilidade de ter cancro de cervix é baixa (12 casos por cada 100.000 mulleres) e ten unha mortalidade baixa. Véndeno como un dos nosos maiores inimigos, pero a realidade, a infección por VPH é unha infección común, que na maior parte das veces se resolve por si mesma, e que se deriva en lesión pre-cancerosa pode revertir. No caso que se desenvolva un cancro, dispoñemos dunha proba sinxela, barata e eficiente de detección precoz, a citoloxía ou Papanicolau. O cancro de cérvix é o noveno en importancia dos cancros que podemos padecer as mulleres. O Estado español é dos países de Europa cunha incidencia máis baixa, e ademais, xa cando se tomou a decisión de implementar a vacina estaba descendendo a súa incidencia”. Ante esta situación, a doutora Mosqueirapregúntase “por que a vacina é obrigatoria e gratuíta e o preservativo e a educación sexual non?”.

Na mesma mesa, Alicia Capilla, presidenta a Asociación de Afectadas pola Vacina do Papiloma Humano, agradeceu a “valentía e coherencia política” de Lídia Senra por seguir adiante coa xornada “a pesar da polémica previa xerada”. “Se todos os políticos do noso país tiveran a súa coherencia e determinación, outro galo cantaría”, dixo, lembrando que durante estes últimos dez anos, “houbo políticos que intentaron axudarnos e ao botárselle o lobby farmacéutico enriba recuaron”. Capilla comezou a súa intervención aclarando que “nós non somos un movemento antivacinas, xa que as nosas fillas vacináronse. É obvio que se foramos antivacinas non o terían feito”. A valenciana explicou que o que pide a súa asociación é aplicar o principio da precaución e que se estableza a moratoria na aplicación da vacina, como fixo Xapón, para investigar as afeccións producidas en algunhas persoas. Así, denunciou a situación de desamparo na que se atopan as vítimas. “Téñennos cualificado de histéricas, dixéronnos que non había afectadas pola vacina e agora chámannos antivacinas. Sentímonos discriminadas como mulleres, recibimos un trato vexatorio e reclamamos queas autoridades sanitarias actúen con responsabilidade”, explica.

Capilla lembrou que a OMS recomenda a vacina cando a incidencia é alta, pero no Estado español a incidencia é baixa. Como asociación reclaman que o Ministerio informe, dos beneficios, pero tamén dos riscos, dos efectos adversos que presenta a vacina, entre eles, dores de cabeza severos, cansazo, vértigos, mareos, visión borrosa, problemas xinecolóxicos, enfermidades do sistema nervioso, problemas dermatolóxicos, sospeitas de morte, fallo ovárico precoz, insuficiencia renal, etc. No Estado español, a incidencia de notificación dunha reacción á vacina é de 1 por mil, dez veces maior que noutras vacinas administradas en mozas da mesma idade. Segundo o informe correspondente ao último semestre da Axencia Española do Medicamento, do 1 de xaneiro a xullo do 2018 houbo 76 casos de efectos adversos no Estado español e deles, 36 graves, considerándose grave que ocasione a morte, hospitalización, incapacidade ou invalidez significativa ou persistente ou anomalía. “Son moitos casos nun semestre”, considerou Capilla, que reclama que os responsables dean a cara e digan a verdade.

Xa na mesa da tarde, abordouse o tema da violencia obstétrica, da man de Elena Gil, co-coordinadora galega de O Parto é Noso, e Iria Pinheiro, nai e actriz, protagonista de ‘Anatomía dunha serea’ de Chévere Berberecheira. Gil defendeu que só a muller pode saber o que é o mellor para ela e o seu bebé e defendeu que, con información, as mulleres tomen as súas decisións. “Debemos reclamar o dereito a decidir e a ser informadas”, dixo. Así, reclamou que se apliquen as recomendacións da OMS e se poña fin ás ameazas durante o embarazo, á infantilización e o paternalismo. “A violencia obstétrica é violencia de xénero e é un problema estrutural”, defendeu. A OMS recoñeceu no 2014 a existencia da violencia obstétrica e fai unha crítica severa á atención actual ao parto no mundo. Aviolencia obstétrica está recoñecida en lexislacións de distintos países, pero no Estado español non existe un recoñecemento legal expreso deste concepto.

Na mesma liña, Iria Pinheiro explicou o seu caso concreto durante o embarazo e parto, asegurando que a día de hoxe non se sinte vítima, senón vitoria tras toda a violencia que sufriu. “O meu parto foi como unha violación observada”, describiu, sinalando a necesidade de facer visibles e públicas este tipo de situacións para poder atallalas.

Vigo, 15 de decembro, de 2018.

Lídia Senra, eurodeputada galega, integrada no Grupo Confederal da Esquerda Unitaria Europea/Esquerda Verde Nórdica (GUE/NGL).
lidia.senra@europarl.europa.eu
http://lidiasenra.gal/ https://www.facebook.com/LidiaSenraRodriguez

Enviado por:
AGEe Europa
-ageeneuropa@gmail.com-
15 de dezembro de 2018 19:47

__________________

venres, decembro 14, 2018

O Café de Catro a Catro acollerá a xornada sobre saúde das mulleres que vai ter lugar o vindeiro sábado 15 de decembro en Vigo a partir das 11 da mañá - Esta xornada, de asistencia aberta e gratuíta, abordará a necesidade de transversalizar a perspectiva de xénero no ámbito da saúde


Despois do linchamento mediático da eurodeputada Lídia Senra auspiciado principalmente por "La Voz de Galicia" por unha polémica que xa fora abordada en campaña similar, en meses atrás, sobre vacinas, tirando interesadamente do contesto, a polémica da "Xornada sobre Muller e Saúde" que estaba previsto se celebrara no centro municipal "O Marco", a equipa da eurodeputada decide trasladar a realización da xornada no mesmo Vigo no "Café de Catro a Catro". Con antelación a oficina de Lídia Senra emitiu un comunicado que transcribimos na nota do rodapé [1].

O Café de Catro a Catro acollerá as xornadas sobre saúde das mulleres que van ter lugar o vindeiro sábado 15 en Vigo a partir das 11:00h. | Esta xornada, de asistencia aberta e gratuíta, abordará a necesidade de transversalizar a perspectiva de xénero no ámbito da saúde.


A xornada “Mulleres e Saúde” (PROGRAMA) prevista para este sábado día 15 en Vigo terá lugar no Café de Catro a Catro, na Rúa de Girona Nº16.

Trátase dunha xornada aberta, dirixida a todas as persoas interesadas en abordar claves de análise que permitan avanzar na transversalización da perspectiva de xénero no ámbito da saúde.

Comezará ás 11:00 horas coa apertura da mesma a cargo da propia Lídia Senra. A continuación desenvolverase un coloquio titulado “O tratamento médico das mulleres” no que participará a presidenta da Asociación Galega para a Defensa da Sanidade Pública, María Luisa Lores, que ten estudada a medicalización e a calidade de vida das mulleres galegas; e Carmiña Mosqueira, que traballou como epidemióloga da Consellería de Sanidade de Asturias e actualmente está xubilada e ten estudado o cribado de cancro de mama por mamografía.

A partir das 13:00 horas, Alicia Capilla, presidenta da Asociación de Afectadas pola Vacina do Papiloma Humano (AAVP), exporá a experiencia das mulleres vacinadas organizadas nesta asociación. A activista da Marcha Mundial das Mulleres María Montenegro, encargarase de presentar a charla e de moderar o debate posterior.

Ás 14.00hrs. proporcionaranse declaracións aos medios de comunicación no mesmo lugar da xornada.

Xa pola tarde, a partir das 17:00 horas, terá lugar o coloquio titulado “A violencia obstétrica, unha realidade que hai que sacar á luz para tecer sororidade”. Nel intervirán Elena Gil Rodríguez, experta na situación actual de atención ao embarazo, parto e saúde das mulleres, co-coordinadora galega de O Parto é Noso e responsable do grupo de Vigo; e Iria Pinheiro, nai, actriz e protagonista de ‘Anatomía dunha serea’ de Chévere Berberecheira. A xinecóloga Isabel Blanco será a moderadora.

A asistencia á xornada é aberta e gratuíta, podendo participar todas as persoas interesadas nos coloquios que consideren.

Bruxelas, 13 de Decembro, de 2018.

___
Nota.-

[1] Ao respecto da cancelación da xornada “Mulleres e Saúde” por parte do Concello de Vigo queremos trasladar as seguintes consideracións:

-Ás 13.21h do día de hoxe o MARCO comunicou á oficina da eurodeputada Lídia Senra a suspensión da xornada “Mulleres e Saúde”.

-Consideramos que o feito de que as presións exercidas por un medio de comunicación sobre un Concello deriven en que este obrigue a un museo a cancelar unha xornada informativa sobre saúde e mulleres constitúe unha grave vulneración do dereito á liberdade de expresión impropia dunha democracia.

-É falso que a xornada “Mulleres e Saúde” sexa unha xornada antivacinas. Como indica o seu título, é unha xornada centrada en analizar aspectos referidos especificamente ca saúde das mulleres. María Luísa Lores e Carmiña Mosqueira foron convidadas para falar sobre o tratamento das mulleres; Alicia Capilla para falar da Vacina do Virus do Papiloma Humano e Elena Gil e Iria Piñeiro da violencia obstétrica.

-Alicia Capilla é unha nai que vacinou á súa filla ca vacina do papiloma. Resulta obvio, polo tanto, que non é unha persoa que estea en contra das vacinas. Foi convidada para explicar a súa experiencia ao respecto.

-A vacina do papiloma só se aplica a mulleres. Ese é o motivo polo cal a palestra foi incluída na xornada “Mulleres e saúde”.

-A saúde é a cuestión máis importante que existe na vida das persoas. Ese foi o motivo polo que no ano 2016 realizamos as xornadas “A privatización da sanidade na UE” e este ano a xornada “Mulleres e saúde”.

Moitas grazas pola vosa atención.

Non imos realizar máis valoracións no día de hoxe. A partir de mañá ficamos á vosa disposición.


Bruxelas, 13 de Decembro de 2018
SENRA RODRÍGUEZ Maria Lidia OFFICE
lidia.senra-office@europarl.europa.eu
10 de decembro de 2018 14:12


Enviado por:
SENRA RODRÍGUEZ Maria Lidia OFFICE
-lidia.senra-office@europarl.europa.eu-
13 de dezembro de 2018 11:28

__________________

venres, decembro 07, 2018

A eurodeputada galega Lídia Senra edita a publicación gratuíta ‘O futuro das pensións. Galiza, Estado español e Europa’, en colaboración con MODEPEN e a Coordinadora Estatal, con textos de 15 persoas expertas nesta materia na UE - Chamamento a retirar o Produto Paneuropeo de Pensións Individuais e a blindar no Estado e na Galiza servizos sociais suficientes, non de subsistencia


Lídia Senra edita a publicación gratuíta, en colaboración con MODEPEN e a Coordinadora Estatal, con textos de 15 persoas expertas nesta materia na UE. | Chamamento a retirar o Produto Paneuropeo de Pensións Individuais e a blindar no Estado e na Galiza servizos sociais suficientes, non de subsistencia.


A eurodeputada galega Lídia Senra, membro do Grupo Confederal da Esquerda Unitaria Europea/Esquerda Verde Nórdica (GUE/NGL), acompañada pola portavoz da Coordinadora Estatal pola Defensa do Sistema Público de Pensións e integrante do Movemento Galego pola Defensa das Pensións Públicas (MODEPEN), Victoria Portas, e polo escritor e economista Xabier Pérez Davila, presentaron este venres pola mañá na Libraría Couceiro de Santiago o libro ‘O futuro das pensións. Galiza, Estado español e Europa’. A publicación, cuxa versión impresa se repartirá e forma gratuíta por toda Galiza e cuxa versión dixital está xa dispoñible na páxina web da eurodeputada,[1] recolle textos dunha quincena de expertos e expertas en seguridade social, materia laboral e xubilación e pensións de diferentes partes do Estado español e doutros países da UE, que participaron no pasado mes de setembro nunha xornada organizada por Senra en Compostela sobre esta cuestión. [2]

Na rolda de prensa desta mañá, a europarlamentaria incidiu na importancia de facilitar que estes textos saian á luz e criticou a “dobre moral” da UE e dos Estados membros: A UE di que non ten competencias en materia de Seguridade Social para blindar os sistemas de pensións públicos e dignos, á vez que ameaza aos Estados membro para que recorten o gasto orzamentario en materia social e impulsa o Produto Paneuropeo de Pensións Individuais (PEPP) e os Estados din que reducen os investimentos nos servizos públicos e nos sistemas de pensións públicos porque están condicionados pola UE. “Estanse impoñendo reformas de pensións que conlevan o desmantelamento do sistema público tal e como o coñecemos, en detrimento de establecer mecanismos que garantan que as persoas cando se xubilen non entren na pobreza como xa está acontecendo”, denuncia Senra.

Así, asegura que as institucións europeas parten do recoñecemento de que as pensións públicas son cada vez menores e máis insuficientes e ante iso, en lugar de poñer medidas que solucionen e corrixan esta situación, poñen en marcha o PEPP que vai favorecer os intereses do capital por riba dos das persoas. “Para nós este PEPP debe ser retirado. Facemos un chamamento para que cando chegue ao pleno do Parlamento Europeo se rexeite por maioría e no seu lugar se poña en marcha unha normativa europea para garantir pensións dignas públicas para todas as persoas”.

Na mesma liña, Victoria Portas destacou que o libro que hoxe se presentou “chega nun bo momento”, xa que non está chegando información veraz á poboación sobre o que está acontecendo co desmantelamento do sistema público de pensións no Estado español e do resto da UE. Ante esta situación, o libro aspira a poder informar á xente para que a cidadanía poida valorar a situación e mudar os acontecementos. Portas denunciou que na Galiza o soldo medio galego rexistra unha fenda do 27% con respecto á media estatal e se falamos das pensións, as galegas son un 38% inferiores con respecto á media no Estado. “Precisamos uns orzamentos sociais a nivel galego e tamén estatal”, reclamou a portavoz da Coordinadora Estatal pola Defensa do Sistema Público de Pensións, que lle advertiu á Xunta que ten competencias suficientes para poder complementar a normativa do Estado español na materia e mellorar a situación. “O que pasa é que Feijóo non quere facelo”, dixo. Así, reclamou levar a cabo outra política e ter moi en conta que o país non se crea sobre pobreza e miseria. “Reclamamos uns servizos sociais que sexan suficientes, non de subsistencia”, dixo, ante a situación actual na que se está impoñendo a perda dos servizos sociais públicos para beneficio da banca privada.

Xabier Pérez Davila fixo referencia a como no ano 1994 o Banco Mundial publicou un relatorio no que propoñía substituír o sistema público de pensións por modelos privatizados e vaticinaba o colapso do mesmo. Desde aquela, non hai trimestre no que non se publiquen vaticinios catastrofistas, que sen embargo non se cumpren. Por que se fai isto? O obxectivo é amedrentar á xente nova, considera o economista. “Queren gravar a lume nos cerebros da mocidade que non van cobrar unha pensión e nós queremos dicirlles que si que a cobrarán se a defenden, que non é un problema económico, senón político”, asegura.

Pérez Davila explicou que a día de hoxe máis da metade das horas extra non se pagan e non cotizan á Seguridade Social e que a reforma laboral de 2012 baixou os salarios en 42.000 millóns de euros. Esa reforma rouboulle aos traballadores e traballadoras 42.000 millóns de euros, que se cotizaran á Seguridade Social compensarían unha parte importante do déficit. Polo tanto, o que hai que mudar é o deseño da política económica actual, que responde aos intereses dos bancos, que queren aproveitarse do nicho que supoñen os fondos de capitalización, defendeu. A recadación fiscal no Estado español é moi baixa. A media da UE é do 55% do PIB e no Estado español é do 37%, uns 80.000 millóns de euros, que serían máis que suficientes para compensar, dixo.

O libro será presentado en diferentes actos públicos por librerías e outros locais de toda Galiza nas vindeiras semanas.

Santiago, 7 de decembro de 2018.

Lídia Senra, eurodeputada galega, integrada no Grupo Confederal da Esquerda Unitaria Europea/Esquerda Verde Nórdica (GUE/NGL). | Tlf: 609 845 861, lidia.senra@europarl.europa.eu. | http://lidiasenra.gal https://www.facebook.com/LidiaSenraRodriguez

Notas.-

[1]A versión dixital do libro pódese consultar aquí:

https://lidiasenra.gal/wp-content/uploads/2018/11/Libro-O-futuro-das-pensions-na-Galiza-Estado-espa%C3%B1ol-e-Europa.pdf

[2] Aquí información sobre a xornada que tivo lugar en setembro:

[https://lidiasenra.gal/alianza-europea-desde-galiza-na-defensa-dos-sistemas-de-reparto-que-financian-as-pensions-publicas/]
_______

xoves, novembro 22, 2018

A eurodiputada galega Lídia Senra esixe á UE a inmediata aplicación da Declaración dos dereitos labregos aprobada pola ONU - O movemento labrego mundial La Vía Campesina vén loitando pola aprobación desta Declaración dende o ano 2001 - A eurodeputada galega pregúntase que hai detrás da abstención maioritaria dos países da UE na votación da ONU o pasado luns


Lídia Senra esixe á UE a inmediata aplicación da Declaración dos dereitos labregos aprobada pola ONU. | O movemento labrego mundial La Vía Campesina vén loitando pola aprobación desta Declaración dende o ano 2001. | A eurodeputada galega pregúntase que hai detrás da abstención maioritaria dos países da UE na votación da ONU o pasado luns.


Con 19 votos a favor, 7 votos en contra e 49 abstencións [listaxe completa de votos], a Terceira Comisión (Social, Humanitaria e Cultural) da Asemblea Xeral da Organización das Nacións Unidas (ONU) aprobou este luns 19 de novembro a Declaración das Nacións Unidas sobre os Dereitos dos Labregos e Doutras Persoas que Traballan nas Zonas Rurais. Este documento, que terá que ser ratificado en decembro, toma como base a Declaración dos Dereitos das Labregas e Labregos do movemento social labrego mundial La Vía Campesina (LVC), do cal o Sindicato Labrego Galego forma parte na Galiza.

A Comisión de Agricultura e Desenvolvemento Rural do Parlamento Europeo levou a cabo onte un intercambio de opinións sobre a aprobación desta Declaración e sobre os desafíos mundiais que afectan aos dereitos humanos no sector da agricultura. Malia a que a comparecencia tiña lugar no marco da semana que o Parlamento Europeo está a adicar precisamente á conmemoración do 70 aniversario da aprobación da Declaración Universal dos Dereitos Humanos, a Declaración dos dereitos do campesiñado e outra persoas que habitan no medio rural foi desprazada até o último lugar da axenda de traballo, limitándose o tempo para o seu tratamento e debate. “Paréceme lamentábel que para unha vez que se aborda nesta comisión unha cuestión relacionada cos dereitos das labregas e labregos deixemos o último minuto e non poidamos ter un debate tranquilo”, criticou Lídia Senra.

Na súa intervención, a coordenadora do Grupo da Esquerda Unitaria Europea/Esquerda Verde Nórdica na Comisión de Agricultura e Desenvolvemento Rural do Parlamento Europeo felicitou o traballo levado adiante polo movemento labrego mundial La Vía Campesina dende o ano 2001 e as súas organizacións aliadas: “A aprobación desta Declaración é un feito realmente importante para todo o planeta”.

Sen embargo, salientou, “resulta moi chamativo que toda a UE, agás dous votos a favor e tres en contra, se abstivera na votación. A que se debeu que se acordara este voto?”, cuestionou á representante do Servizo Exterior da UE, convidada como poñente para informar sobre este tema. “Este é un instrumento fundamental para pór os dereitos humanos e os dereitos das labregas e labregos por riba dos intereses, cada vez máis fortes, e das agresións, cada vez maiores, do capital financeiro e das transnacionais, que non só están a acaparar as terras e os mercados, se non tamén os recursos naturais en sentido amplo. O labrego é o único modelo agroalimentario que realmente permite facer fronte aos grandes retos enerxéticos e climáticos tanto a nivel europeo como mundial”.

Ademais, segundo teñen denunciado tanto LVC como outras organizacións sociais, a día de hoxe a posta marcha de acordos comerciais que lexitiman a imposición del modelo económico neoliberal, como os que impulsa a UE, son unha das causas do significativo aumento da violencia e a vulneración de dereitos nas zonas rurais, que afecta ademais de xeito diferenciado s mulleres que viven nestas áreas. “Agardamos que tanto os Estados membro como a UE no seu conxunto rectifiquen, e que asuman e implementen este texto inmediatamente. En decembro terán a oportunidade de ratificalo, e sería intolerábel que a Unión Europea, que tantas veces pretende erixirse en defensora dos dereitos humanos, non secundase esta Declaración”, exhortou Senra.

Bruxelas, 22 de Novembro de 2018.

Comisión de Agricultura e Desenvolvemento Rural [22/11/2018]

TEMA DA INTERVENCIÓN

Declaración dos dereitos do campesiñado e outra persoas que habitan no medio rural

ENLACE Á INTERVENCIÓN

https://youtu.be/KipQHvmDP0g

ENLACE AO DEBATE COMPLETO

https://youtu.be/ZiGlGhBW4z4

id:image001.png@01D2E90C.BB684D60

Oficina de LÍDIA SENRA
EURODEPUTADA GALEGA
Grupo da Esquerda Unitaria Europea/
Esquerda Verde Nórdica (GUE/NGL)
Comisión de Agricultura
Comisión de Pesca
Asamblea Paritaria África, Caribe, Pacífico-UE
0034 609 845 861
Willy Brandt, 02M025 (Bruxelas)
Louise Weiss, T05018 (Estrasburgo)
lidia.senra@europarl.europa.eu

twitter
  Facebook

Enviado por:
SENRA RODRÍGUEZ Maria Lidia OFFICE
-lidia.senra-office@europarl.europa.eu-
22 de novembro de 2018 19:02

___________