Amosando publicacións coa etiqueta Lidia Senra. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Lidia Senra. Amosar todas as publicacións

xoves, outubro 26, 2017

A eurodeputada galega Lídia Senra, esixe no pleno do Parlamento Europeo medidas políticas contundentes na loita contra os lumes - Demandará, entre outras, unha aposta política clara pola recuperación da actividade agrícola e das terras agrícolas forestadas...


Reuniuse hoxe co responsábel no Consello de Europa do seguimento dun catálogo que sinala eucaliptos e piñeiros como especies invasoras. | Reiterará no pleno a necesidade de incidir na prevención dos lumes e garantir o establecemento de operativos públicos e profesionalizados.


A eurodeputada galega, Lídia Senra, integrada no Grupo Confederal da Esquerda Unitaria Europea/Esquerda Verde Nórdica (GUE/NGL) reuniuse hoxe co director do Departamento de Cultura, Natureza e Patrimonio do Consello de Europa, Eladio Fernádez-Galiano, responsábel nesta institución do seguimento do Convenio de Berna relativo á conservación da vida silvestre e do medio natural.

No marco deste convenio, o Consello de Europa está a tentar dende hai tres anos aprobar un  “Código de Conduta sobre Bosques Cultivados e Árbores Alóctonas” -de cumprimento voluntario-, que inclúe como especies invasoras algúns tipos de eucalipto e piñeiro. Tanto as patronais da industria da madeira como o propio Ministerio de Agricultura e Medio Ambiente español están a exercer moita presión para que este código de conducta non se aprobe. De feito, o texto xa foi revisado tres veces por parte dos 47 Estados membro do Consello de Europa.

Durante este intercambio de opinións, a eurodeputada galega expúxolle a Fernández-Galiano que “é totalmente imprescindíbel acabar co monocultivo do eucalipto”, para o que sería moi importante lograr a inclusión do eucalipto e o piñeiro na actual  listaxe de especies exóticas e invasoras da propia Comisión Europea.  “Entendemos que a vaga de incendios na Galiza e Portugal xa deixou máis que claro que os lumes son unha cuestión de saúde pública, e o seu control ten que estar moi por riba das presións dos Estados ou da patronal madeireira”.

Ademais desta xuntanza, Lídia Senra participará esta noite no debate sobre os lumes que terá lugar durante a sesión plenaria do Parlamento Europeo, no cal esixirá “unha actuación decidida que poña fin ao negocio do lume”. Este debate foi introducido na orde do día  impulsado dende algúns grupos parlamentarios, como a propia Senra solicitou facer ao GUE/NGL xa o pasado luns 16 de outubro.

A eurodeputada galega, que tamén onte interveu na reunión do Grupo da Esquerda Unitaria Europea/Esquerda Verde Nórdica para informar sobre a situación dos incendios na Galiza, aproveitará a súa quenda no debate da Eurocámara para incidir en que o xeito máis eficaz de combater os lumes é a prevención, reiterando a necesidade de realizar máis esforzos neste sentido. Así mesmo, subliñará unha vez máis a necesidade de contar con operativos de prevención  de incendios “totalmente públicos e profesionalizados que poñan fin dunha vez por todas á actual precariedade laboral e dignifiquen a profesión dos bombeiros e bombeiras forestais”.

O abandono do medio rural provocado por anos de políticas agrarias que expulsaron ao campesiñado é a causa principal do avance do lume”, analiza responsábel para o GUE/NGL na Comisión de Agricultura e Desenvolvemento Rural, polo que durante o debate desta noite tamén instará á Unión Europea a “promover e apoiar decididamente a supervivencia e instalación de explotacións agrarias en todo o territorio”, tanto a nivel económico como eliminando trabas administrativas.

Como medidas concretas, Senra demandará unha aposta política clara pola recuperación da actividade agrícola e das terras agrícolas forestadas, así como o mantemento de tarefas de limpeza dos montes durante todo o ano, a eliminación de eucaliptos e piñeiros da contorna das aldeas e vivendas, e a recuperación dos bosques autóctonos e a súa multifuncionalidade, incluída a introdución de rabaños de vacas, ovellas ou cabras.

Estrasburgo, 25 de Outubro 2017.

Lídia Senra Rodríguez

Eurodeputada galega






Enviado por:
Ofice de Senra Rodríguez, María Lídia
-lidia.senra-office@europarl.europa.eu-
25 de outubro de 2017 18:44

______________

venres, outubro 20, 2017

Representantes no Parlamento Europeo únense para esixir aos comisarios de Medio Ambiente e Agricultura actuar xa contra os lumes - Lídia Senra lanzou hoxe a recollida de sinaturas no PE en apoio a unha carta á Comisión Europea demandando medidas urxentes contra os incendios - Chama a ter en conta o cambio climático nas políticas de prevención, pór fin ao monocultivo de eucaliptos e apoiar á xente do agro


Eurodeputadas/os únense para esixir aos comisarios de Medio Ambiente e Agricultura actuar xa contra os lumes. | Lídia Senra lanzou hoxe a recollida de sinaturas no PE en apoio a unha carta á CE demandando medidas urxentes contra os incendios. | Chama a ter en conta o cambio climático nas políticas de prevención, pór fin ao monocultivo de eucaliptos e apoiar as labregas/os na UE.

Lídia Senra, integrada no Grupo Confederal da Esquerda Unitaria Europea/Esquerda Verde Nórdica (GUE/NGL), acaba de lanzar unha carta dirixida aos comisarios de Medio Ambiente e Agricultura da UE -Karmenu Vella e Phil Hogan- na que esixe á UE a urxente posta en marcha de políticas de revitalización do rural. A eurodeputada galega demanda accións políticas que permitan o “mantemento e instalación de pequenas e medianas granxas familiares, así como un sistema público e permanente de prevención e loita contra os incendios que teña en conta os efectos do cambio climático”. Tamén esixe a fin do monocultivo de eucalipto e da súa expansión por terras agrarias.

Esta é a segunda misiva nunha semana que a eurodeputada galega dirixe á Comisión Europea logo da que enviou o pasado luns ao seu presidente, Jean Claude Juncker, para dar conta da alarmante vaga de incendios que estes días asolou amplas zonas de Galiza, Portugal e Asturias, provocando enormes darnos en vivendas e decenas de mortes ao seu paso.

Na carta impulsada hoxe Lídia Senra busca visibilizar o apoio de eurodeputadas/os de distintos grupos políticos contra o actual  modelo de prevención e extinción de incendios, alertando da súa precariedade: “existen diferentes tipos de contratación de persoal, dende profesionais contratados todo o ano ata fixos descontinuos, eventuais, traballadores de empresas privadas subcontratadas  e persoal da administración local, estatal e do exército”, abondou. Fronte esta precariedade, manifesta no caso galego, a eurodeputada defende neste texto “sistemas públicos e profesionais que garantan condicións dignas para os traballadores e traballadoras e para manter os labores de prevención e coidado do monte de xeito ininterrompido”. 

Diante dunha política forestal e de prevención “nefasta”, chamou ás eurodeputadas/os a promover medidas que teñan en conta “os efectos do cambio climático e o incremento das temperaturas e das secas, que están provocando a desestacionalización dos lumes forestais”. Ademais, a eurodeputada galega reitera que é “indispensábel” a revitalización do medio rural con pequenas e medianas explotacións, para o que esixe na carta promovida hoxe “o apoio decidido ao mantemento e instalación de campesiñado que produza alimentos en todo o territorio, poñer fin á forestación das terras agrarias e ao monocultivo do eucalipto e do pino, e apoiar a recuperación e o valor social dos montes autóctonos como fonte de riqueza e diversidade”. Senra considera que unha reforma “en profundidade” da PAC tería que basearse sempre nestes criterios.

Na súa comunicación a eurodeputada sinala tamén que, como demostran os graves incendios desta última semana, estamos ante un fenómeno que afecta a moitos países da UE e que ten “carácter internacional”, polo que ve urxente realizar “unha reflexión profunda sobre as causas do lume e os intereses que hai detrás del”.

Bruxelas, 19 de outubro 2017.

A recollida de sinaturas manterase aberta até o vindeiro venres 27 de outubro. Nestas primeiras horas varias ducias de eurodeputados/as manifestaron xa o seu apoio.

Moitas grazas pola vosa atención e difusión

*Adxuntamos copia da carta difundida hoxe por Lídia Senra entre as deputadas/os do Parlamento Europeo | Acceder/Baixar.
__________

Máis información ou entrevistas:

Lídia Senra, eurodeputada galega.

Integrada no Grupo Confederal da Esquerda Unitaria Europea/Esquerda Verde Nórdica (GUE/NGL).

lidia.senra@europarl.europa.eu

http://ageuropa.gal/

https://www.facebook.com/LidiaSenraRodriguez

Enviado por:
SENRA RODRÍGUEZ Maria Lidia OFFICE
-lidia.senra-office@europarl.europa.eu-
19 de outubro de 2017 13:21
___________

xoves, xuño 29, 2017

A xestión sustentábel do territorio a debate, nunha xornada o sábado 8 de xullo en Pontevedra, organizada pola eurodeputada Lídia Senra, en colaboración coas asociacións Anova Terra, Irmandade Illa de Tambo, Colectivo pola Defensa do Patrimonio A Forneiriña, Umia Vivo e Plataforma pola Defensa do Patrimonio Termal


Xornada
A XESTIÓN SUSTENTÁBEL DO TERRITORIO
Sábado 8 de xullo de 2017
Pontevedra


O vindeiro sábado 8 de Xullo, deste 2017, terá lugar en Pontevedra, a xornada A XESTIÓN SUSTENTÁBEL DO TERRITORIO. DEBATE PARA AVANZAR NA GALIZA E EN EUROPA. Organizada pola eurodeputada Lídia Senra, en colaboración coas asociacións Anova Terra, Irmandade Illa de Tambo, Colectivo pola Defensa do Patrimonio A Forneiriña, Umia Vivo e Plataforma pola Defensa do Patrimonio Termal, a xornada está aberta á asistencia de todas as persoas que queiran participar, sen necesidade de inscrición previa.

O obxectivo da xornada será reflexionar entre todos e todas sobre a falta de respecto cara ao territorio que está a amosar a Administración galega e estatal e o desleixo e ataques que está a padecer o patrimonio arqueolóxico e cultural, os solos agrogandeiros e as augas termais e recursos hidrolóxicos da Galiza. Para iso, e tamén coa meta de poñer enriba da mesa alternativas para unha xestión sustentábel e solucións de futuro, desenvolveranse en horarios de mañá e de tarde varios relatorios e debates que abordarán os diferentes temas.

Programa do evento. | Acceder/Baixar.

Oficina de Lídia Senra na Galiza
Tlf.: +34.698.144.067 / 698.120.268
Tlf.: +34.881.817.443

www.ageuropa.gal

Enviado por:
AGE Europa - Galiza
-age.europa.galiza@gmail.com-
29 de junho de 2017 12:42
____________

mércores, febreiro 08, 2017

Chegan ao Parlamento Europeo os trinta alcaldes e concelleiros galegos acompañados pola eurodeputada galega Lídia Senra


Lídia Senra participa, xunto a 30 alcaldes e concelleiras e concelleiros galegos, no Encontro Anual Realpe de representantes Locais Electos da Esquerda Europea. | Chegan ao Parlamento Europeo os trinta alcaldes e concelleiros galegos acompañados pola eurodeputada galega Lídia Senra. | Entre eles Álvaro Montes Celeiro, de Ferrol; Gustavo Pita Carballeira, de Ares; Xosé Manuel Pérez Sardiña, de Cabanas e María Chao Martínez, das Pontes.


A deputada galega Lídia Senra participará este mércores en Bruxelas, a partir das 15:00 horas, no Parlamento Europeo, no encontro anual REALPE de representantes locais electos, que organiza o Grupo Confederal da Esquerda Unitaria Europea/Esquerda Verde Nórdica (GUE/NGL) baixo o título de “Emprego, dereitos sociais e solidariedade desde os municipios”. Senra asistirá á xornada de debate acompañada por trinta persoas que na actualidade exercen de alcaldes ou concelleiras e concelleiros nos municipios galegos.

Na xornada, que se prolongará durante toda a tarde do mércores e a mañá do xoves, intercambiaranse experiencias entre cargos municipais de diferentes lugares da Unión Europea sobre políticas para o fomento do emprego, da defensa dos dereitos sociais e da acollida de persoas refuxiadas.

De Galiza, na iniciativa internacional participarán os alcaldes de  Salceda de Caselas e A Pobra do Caramiñal, Marcos Besada e Xosé Lois Piñeiro, respectivamente; así como os tenentes de alcalde de Cambados e Ferrol, Constantino Cordal Rodríguez e Álvaro Montes Celeiro. Tamén integran este grupo concelleiros e concelleiras como Fabiola Durán Pedroso, de Arbo; Sonia Vidal e Eladi Cid Babarro, de Xunqueira de Ambía; María Chao Martínez, das Pontes; Antonio Castro, de Rianxo; Mar Blanco Casais, da Estrada; Carlos Lorenzo Simón, de Toén; Ánxela Vizoso, de Cangas; Óscar Carrete, de Folgoso do Courel; Jorge González Lamas, de Pereiro do Aguiar, Jorge Vázquez Rodríguez, de Trives; Santiago Martínez López e Saleta Fernández de la Torre, de Cuntis; Manuel Seixas Caamaño e Noelia Estévez García, de Noia; Gustavo Pita Carballeira, de Ares; Maribel García Díaz, de Monforte; Celsa Oreiro Bermúdez e Óscar Blanco Tasende, de Val do Dubra; Manuel Siverio Miras Liñares, de Oroso; ou Xosé Manuel Pérez Sardiña, de Cabanas.

Todas e todos eles chegaron xa este martes ao mediodía a Bruxelas e comezaron a súa viaxe pola capital europea realizando hoxe pola tarde unha visita guiada ao Parlamento Europeo.

Lídia Senra, eurodeputada galega, integrada no Grupo Confederal da Esquerda Unitaria Europea/Esquerda Verde Nórdica (GUE/NGL)
lidia.senra@europarl.europa.eu

http://ageuropa.gal/


Enviado por:
AGEe Europa
-ageeneuropa@gmail.com-
7 de fevereiro de 2017 16:58
_____________

sábado, febreiro 04, 2017

A eurodeputada galega Lídia Senra en Ferrol, o sábado 4 de febreiro, coa Xente do Mar, nunha rolda polos portos galegos, para abordar a regulación sobre a conservación dos recursos pesqueiros e a protección dos ecosistemas mariños


Lídia Senra en Ferrol sobre pesca este sábado. | Reunión de Lídia Senra con persoas pertencentes ao sector pesqueiro galego.


A deputada galega Lídia Senra continúa este sábado, 4 de febreiro, coas reunións co sector pesqueiro en diferentes puntos do litoral galego. Concretamente, Senra estará ás 11:00 horas na Confraría de Pescadores de Ferrol (no peirao de Curuxeiras). O obxectivo deste encontro é continuar coas xuntanzas con pescadores e pescadoras que Lídia Senra comezou en xaneiro en Corcubión, A Pobra do Caramiñal e Combarro, para abordar as modificacións para o sector que pretende introducir a UE mediante a Proposta de Regulamento do Parlamento Europeo e o Consello sobre a conservación dos recursos pesqueiros e a protección dos ecosistemas mariños con medidas técnicas. O encontro deste sábado en Ferrol está aberto aos medios de comunicación.

Encontro informativo con Lídia Senra e recollida de opinións

PROPOSTA DE REGULAMENTO DO PARLAMENTO EUROPEO E O CONSELLO SOBRE A CONSERVACIÓN DOS RECURSOS PESQUEIROS E A PROTECCIÓN DOS ECOSISTEMAS MARIÑOS CON MEDIDAS TÉCNICAS

Sábado 4 Febreiro, ás 11:00hrs, na Confraría de Pescadores de Ferrol, no Peirao de Curuxeiras, s/n Ferrol, Encontro con Lídia Senra, eurodeputada galega
__________

Máis información e/ou entrevistas:
Lídia Senra, eurodeputada galega, integrada no Grupo Confederal da Esquerda Unitaria Europea/Esquerda Verde Nórdica (GUE/NGL)

lidia.senra@europarl.europa.eu

https://www.facebook.com/LidiaSenraRodriguez/

https://twitter.com/LidiaSenra

http://www.telegram.me/AGEuropa

http://ageuropa.gal/


Enviado por:
Comunicación Lídia Senra
-comunicacionlidiasenra@gmail.com-
3 de fevereiro de 2017 13:23

_____________________

mércores, agosto 10, 2016

"A nosa voz en Europa", publicación periódica para dar a coñecer de forma directa a actividade política e social da eurodeputada galega Lídia Senra


Sae á luz o primeiro número do boletín informativo periódico “A nosa voz en Europa”. | A revista, que se reparte en Galiza de forma gratuíta, nace para dar a coñecer de forma directa o traballo da eurodeputada de AGEe. | Lídia Senra fai un chamamento a incluír na axenda galega os asuntos abordados nas institucións da UE, que “afectan a diario ás nosas vidas”.

Lídia Senra, eurodeputada de Alternativa Galega de Esquerda en Europa (AGEe), integrada no Grupo Confederal da Esquerda Unitaria Europea/Esquera Verde Nórdica (GUE/NGL), ven de lanzar o primeiro número do boletín informativo “A nosa voz en Europa”, un boletín que nace con vocación de ser unha publicación de carácter periódico, e que pretende que a poboación galega coñeza de forma directa o labor que está a realizar nas institucións europeas para defender as loitas das galegas e galegos en todos os sectores.

A versión impresa do numero 1 de “A nosa voz en Europa”, que conta cunha tirada inicial de 1.500 exemplares, está a ser xa distribuída de xeito gratuíto na Galiza; ademais, todas aquelas persoas que o desexen, tamén poden acceder xa á versión dixital da revista en PDF, a través da propia web de AGEe. O obxectivo de iniciar este novo modelo informativo é incidir na axenda diaria galega e que a maioría de homes e mulleres tomen conciencia de que os asuntos abordados tanto na Comisión Europea como no Parlamento Europeo, a pesar de tratarse de lugares tan afastados de Galiza como poden ser Bruxelas ou Estrasburgo, afectan a diario ás nosas vidas e son temas que se deben ter presentes e seguir moi de preto.

Lídia Senra destaca que durante o tempo que leva sendo eurodeputada ven observando como “moitas decisións que atoparemos no DOG e no BOE dentro de varios anos se están decidindo agora no Parlamento Europeo e sen embargo acostuman a pasar desapercibidas neste momento”. “Despois, cando as apliquen, darémonos conta do dano que provocan no noso día”, advertiu.

Cunha maquetación e deseño a toda cor, realizado polo estudio compostelán Numax, o primeiro número de “A nosa voz en Europa” recolle a actividade que se desenvolveu desde que comezou a presente lexislatura europea, en xullo de 2014, e até principios desde ano 2016. Neste tempo, a eurodeputada de AGE rexistrou en Bruxelas 140 preguntas parlamentarias por escrito á Comisión e ao Consello Europeo relativas a agricultura e alimentación, sector pesqueiro, dereitos humanos e sociais, mulleres, sanidade, ensino, emprego, medio ambiente, benestar animal, infraestruturas ou tratados de libre comercio.

No boletín tamén se recollen as xuntanzas de traballo mantidas por Lídia Senra neste tempo, as súas intervencións nas sesións plenarias e nas diferentes comisións, así como todas as xornadas organizadas por AGEe en colaboración co GUE/NGL e con outras organizacións en Galiza e en Bruxelas.

A idea é continuar o camiño e poder publicar a finais deste ano o segundo número da revista, recollendo toda a actividade do 2016; e a partir de aí, que o boletín teña un carácter semestral nos sucesivos 2017, 2018 e 2019, ano no que remataría a lexislatura actual.

Lídia Senra, eurodeputada de Alternativa Galega de Esquerda en Europa (AGEe), integrada no Grupo Confederal da Esquerda Unitaria Europea/Esquerda Verde Nórdica (GUE/NGL).

lidia.senra@europarl.europa.eu

Equipa de Comunicación AGEe:
Alternativa Galega de Esquerdas en Europa - Oficina en Bruxelas:
vera.montotovazquez@europarl.europa.eu
Alternativa Galega de Esquerdas en Europa - Oficina en Galiza:
age.europa.galiza@gmail.com
Xornal dixital de AGEe:
http://ageuropa.gal/

Boletín “A nosa voz en Europa”, formato PDF. | Acceder/Baixar.

   



Enviado por:
SENRA RODRÍGUEZ Maria Lidia OFFICE
-lidia.senra-office@europarl.europa.eu-
9 de agosto de 2016 11:50
__________________________

xoves, xullo 28, 2016

Seminario no Parlamento Europeo sobre a “Defensa e protección da pesca artesanal e a pequena escala” que celebrará o 7 e 8 de Setembro e contará con participación de profesionais da pesca e do marisqueo da Galiza


Impulsamos o seminario “Defensa e protección da pesca artesanal e a pequena escala” no Parlamento Europeo. | Convocado a iniciativa da eurodeputada de AGEe, completan o núcleo coordenador do evento o Partido Comunista Portugués e o Sinn Féin. | Terá lugar no PE (Bruxelas) os vindeiros 7 e 8 de setembro, contando ca participación de profesionais da pesca e do marisqueo da Galiza.


Que Galiza é a zona pesqueira máis importante da Unión Europea (UE) ficou comprobado in situ polo Parlamento Europeo (PE) a través da visita do Comité de Pesca ao noso País, promovida pola eurodeputada de Alternativa Galega de Esquerda en Europa (AGEe), Lídia Senra, no pasado mes de marzo [1].

Agora, “cómpre seguir mantendo a presión sobre as institucións europeas para que sexan postas en marcha medidas contundentes pola defensa e mantemento do noso sector pesqueiro, que representa case o 7% do PIB galego, sendo o 80% da nosa flota de pesca artesanal e a pequena escala, e a Galiza o país onde máis pesca deste tipo se concentra de todo o Estado, xa que temos unha frota de aproximadamente 4.500 barcos”, apuntou.

Baixo esta perspectiva de traballo, a eurodeputada de AGEe, titular suplente na Comisión de Pesca do Parlamento Europeo para o Grupo da Esquerda Verde Nórdica-Esquerda Unitaria Europea (GUE/NGL), está a promover a realización do seminario “Defensa e protección da pesca artesanal e a pequena escala[2], que terá lugar os vindeiros 7 e 8 de setembro no Parlamento Europeo en Bruxelas.

Alternativa Galega de Esquerda en Europa (AGEe) estará acompañada na coordenación deste evento internacional polo Partido Comunista Portugués (PCP) e o irlandés Sinn Féin, ámbalas dúas formacións políticas representantes de pobos cunha fonda tradición pesqueira, coma o galego, e ca que AGEe comparte o obxectivo de “loitar polo desenvolvemento dun sector pesqueiro europeo no que a sustentabilidade sexa o obxectivo principal, que garanta o maior número de postos de traballo posíbel, proporcione alimentos de calidade, e cuxa actividade profesional, lonxe de esquilmar os recursos, contribúa ao mantemento dunhas rías, mares e océanos sans e cheos de vida”.

Este seminario contará con catro mesas informativas e de debate. A primeira delas, que dará inicio na tarde do mércores 7, abordará o impacto dos acordos internacionais de pesca da UE na pesca a pequena escala. Seguidamente, logo dunha pequena pausa, analizaremos as consecuencias da Política Pesqueira Común (PPC) nas comunidades costeiras.

Na mañá do día 8 o encontro centrarase na faciana máis humana da actividade pesqueira da UE, debullando o papel das mulleres na pesca e as actuais condicións dos dereitos dos/as traballadores/as no mar, así como as cuestións relativas á súa seguridade.

Ademais dunha delegación de homes e mulleres do mar que se desprazarán dende a Galiza, as distintas organizacións políticas integrantes do GUE/NGL foron convidadas xa a facilitar a participación de persoas vinculadas á pesca de cadanseus países, polo que a eurodeputada Lídia Senra agarda para este encontro a compilación “dun interesante mosaico de experiencias internacionais que nos vai proporcionar información directa sobre a situación da pesca sustentábel, artesanal e a pequena escala na UE, ao tempo que vai permitir facilitar enriquecedores intercambios entre persoas que desenvolven este tipo de pesca nos distintos Estados membro”.


Dende a súa chegada ao Parlamento Europeo, a eurodeputada galega vén impulsando numerosas iniciativas a prol da protección e apoio ao sector pesqueiro galego [3], tanto en sede parlamentaria -a través de intervencións na Comisión de Pesca, Sesión Plenaria, encontros co sector no Parlamento Europeo, rexistro de preguntas parlamentarias [4] ou interlocucións cas distintas Presidencias semestrais da UE-, como na Galiza -destacando a convocatoria da xornada “As pescas e a acuicultura na Galiza no contexto da Política Pesqueira Común (PPC): retos e propostas de futuro” en Cangas en novembro de 2005 ou a xornada “A problemática da contaminación do medio mariño nas pescas e o marisqueo da UE”, celebrada en Ferrol en maio deste ano-.

Bruxelas, a 27 de Xullo de 2016.

[1] [NdP260316AGEe] A Comisión de Pesca coñecerá a implementación da PPC na Galiza a instancias da eurodeputada de AGEe, [NdP010416AGEe] AGE logra que por primeira vez a Comisión de Pesca do Parlamento Europeo visite Galiza de forma íntegra.
[2] Adxuntamos cartaz, polo dagora na súa versión provisional en inglés. Achegaremos o programa cando estean confirmadas a totalidade das persoas relatoras. Adxuntamos imaxe de arquivo correspondente á manifestación contra a Lei de Acuicultura celebrada o 27 de febreiro de 2016 en Santiago de Compostela.
[3] Compendio de inciativas recollidas na web de Alternativa Galega de Esquerda en Europa (AGEe): http://ageuropa.gal/category/pesca/
[4] Deguace e cotas. | Colocar a pesca artesanal acidental fora dos TAC. | Distribución das quotas de sarda pelo Estado espanhol. | Reparto das cotas de pesca entre o cerco galego. | Etiquetado produtos acuicultura e pesca. | Prohibición da pesca de deriva con redes artesanais e tradicionais. | Recursos mineros en alta mar. |  Gobernanza dos océanos e enerxía.

[Vídeo] Lídea Senra traslada as prioridades galegas no sector pesqueiro e agrícola á Presidencia eslovaca da UE.

O 12 e 13 de xullo tivo lugar no Parlamento Europeo a comparecencia da ministra eslovaca de Agricultura e Desenvolvemento Rural en calidade de presidenta do Consello de Agricultura e Pesca, ao respecto das prioridades das Presidencia eslovaca do Consello da UE para este semestre.

Como coordenadora para o Grupo da Esquerda Verde Nórdica-Esquerda Unitaria Europea (GUE/NGL) na Comisión de Agricultura do Parlamento Europeo, e suplente na Comisión de Pesca , a eurodeputada de Alternativa Galega de Esquerda en Europa (AGEe), Lídia Senra, tivo a posibilidade de trasladar as súas consideracións directamente á ministra Gabriela Matečná.
En relación ao sector pesqueiro, a eurodeputada de AGEe reiterou á ministra Matečná que o reparto de asignacións de cotas aos Estados en base ao principio de estabilidade relativa “supón unha inxustiza moi forte con países como o meu, Galiza, que é a maior zona pesqueira da Unión Europea”, polo que debe ser revisado urxentemente.

Con respecto ao sector agrícola, Senra alentou á Ministra a que “asuman dunha vez por todas que a liberalización do sector leiteiro está a ser un completo fracaso con gravísimas consecuencias para as gandeiras e gandeiros europeos, e que a solución pasa novamente por contaramos cunha política leitera pública forte e estábel”.

Canle de ALTERNATIVA GALEGA DE ESQUERDA EN EUROPA. | Ir á canle. | Ir á vídeo.

---

Lídia Senra, eurodeputada de Alternativa Galega de Esquerda en Europa (AGEe), integrada no Grupo Confederal da Esquerda Unitaria Europea/Esquerda Verde Nórdica (GUE/NGL).

lidia.senra@europarl.europa.eu

Equipa de Comunicación AGEe:
Alternativa Galega de Esquerdas en Europa - Oficina en Bruxelas:
vera.montotovazquez@europarl.europa.eu
Alternativa Galega de Esquerdas en Europa - Oficina en Galiza:
age.europa.galiza@gmail.com
Xornal dixital de AGEe:
http://ageuropa.gal/

   


Enviado por:
SENRA RODRÍGUEZ Maria Lidia OFFICE
-lidia.senra-office@europarl.europa.eu-
27 de julho de 2016 11:19
___________________