Amosando publicacións coa etiqueta Monte Galego. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Monte Galego. Amosar todas as publicacións

mércores, marzo 17, 2021

En Ferrol, como noutros lugares da Galiza imo-nos mobilizar contra o 'Plan Forestal do PP', no Día da Árbore, por un Monte Galego con Futuro, este domingo 21 de marzo, ás 12 do mediodía na Praza Amada Garcia, diante deo edificio da Xunta


Non ao Plan Forestal do PP, mobilización no Día da Árbore en toda Galiza

Este domingo 21 de marzo en toda Galiza, tamén en Ferroterra nos mobilizaremos, ás 12 do mediodía na Praza Amada Garcia, diante do edificio administrativo da Xunta de Galicia.

Demandamos á Xunta que concrete o paquete de medidas para facer efectiva a moratoria do eucalipto.

Tras do anuncio da Xunta de Galicia dunha moratoria para a plantación de eucaliptos a plataforma Por un Monte Galego con Futuro [1] alégrase de que por fin o Goberno Galego recoñeza o grave problema económico e ambiental que ten Galiza polo monocultivo do eucalipto.

A plataforma Por un Monte Galego con Futuro denuncia que a moratoria non terá valor ningún se non se establecen a través dun regulamento de medidas específicas para aplicala de maneira efectiva impedindo novas plantacións de eucalipto mediante un reforzamento das medidas de control e vixilancia.

O Plan Forestal Galego de 1992 establecía como limiar que no ano 2032 as plantacións de eucalipto ocuparían 245.000 hectáreas. Segundo os últimos datos do Inventario Forestal de Especies Produtivas –realizado cada década polo ministerio–, en 2018 eran xa 300.500 hectáreas de monocultivo de eucalipto e outras 121.700 hectáreas nas que a especie se atopaba presente dalgún modo. É dicir, case o dobre das previstas para 2032. A falta de realizarse o novo inventario forestal encargado polo goberno galego xa hai voces autorizadas alertando que esta especie exótica invasora pode ocupar xa preto das 600.000 hectáreas en Galiza.

A plataforma sinala que o anuncio da moratoria por parte do goberno galego prodúcese escasas horas despois de aprobar un novo Plan Forestal Galego que responde unicamente a intereses produtivistas e de carácter privado. Un plan que pon a ordenación dos usos do monte en mans das empresas madeireiras e forestais e deixa de lado o interese xeral. Un plan que non contempla a necesidade de manter unha reserva ecolóxica de hábitats naturais e garantir así os servizos ecosistémicos dos montes galegos.

Un novo Plan Forestal, que segundo denuncia esta plataforma fomenta, o monocultivo e o aumento de especies pirófitas e invasoras ata acadar 1,4 millóns de hectáreas de piñeiros e eucaliptos en 2040, e o aumento de 3 millóns de m3 de cortas anuais de madeira de baixo valor engadido ata acadar os 12 millóns de m3 de cortas/ano. Un plan que propón aumentar aínda máis a superficie ocupada por eucalipto E. nitens, pese a ter traspasado xa en máis do dobre as previsións para 2030, e en detrimento das masas forestais autóctonas que apenas sufrirán incremento nos vindeiros 20 anos.

Este plan, indican, non fai máis que agravar a situación actual. Unha situación que o propio goberno galego recoñeceu co anuncio da moratoria para prohibir máis plantacións de eucaliptos.

A plataforma solicita ao Parlamento Galego a devolución do novo Plan Forestal Galego ao Consello Forestal para realizar unha nova redacción axeitada ás necesidades do país e na que poidan participar todas as organizacións relacionadas co monte e co medio rural.

Organizacións asinantes

Organizacións que conforman a plataforma Por un Monte Galego con Futuro:
A Estruga, A Rente do Chan-Pladever, A Ría Non se Vende, A Terra Non se Vende (ATNSV), Agrupación Micolóxica Naturalista Liboreiro, Amarelante Sociedade Cooperativa Galega, Amigos da Terra, Anduxía, Asociación Ambiental Petón do Lobo, Asociación Ambiental Senda Nova, Asociación de Amigos e Amigas dos Bosques “O Ourol de Anllóns”, Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA), Asociación para a defensa medioambiental Salvemos Monteferro, Asociación pola Defensa da Ría (APDR), Asociación Galega de Amigos do Camiño de Santiago (AGACS), Asociación Galega de Apicultura (AGA), Asociación Galega Cova Crea, Asociación Cultural Bidueiro, Asociación Galega de Custodia do Territorio (AGCT), Asociacion de Custodia do Territorio Brexa, Asociación Frouma, Asociación Medioambiental Galicia Ambiental, Asociación Medioambiental Grupo Lobo, Asociación Monte Galego, Asociación Montes de Galiza (MONTEGAL), Asociación Naturalista Baixo Miño (ANABAM), Asociación Naturalista Hispella, Asociación Rebinxe, Asociación Rexeneración Autóctona, Asociación Veciñal do Saviñao, Colectivo Agrocuir da Ulloa, Comando Ghichas, Confederación Intersindical Galega (CIG), Ecoloxistas en Acción, Federación Ecoloxista Galega (FEG), Federación Rural Galega (FRUGA), Foro do Camiño, Fundación Eira, Greenpeace, Grupo Naturalista Hábitat, Instituto de Estudos Miñoráns, Mariña Patrimonio, Organización Galega de Comunidades de Montes (ORGACCMM), Plataforma Pola Defensa da Ría de Vigo «CÍES», Plataforma pola Protección da Serra do Galiñeiro, Quercus Sonora, Salvemos as Fragas de Catasós, Sindicato Labrego Galego, Sociedade Galega de Ornitoloxía (SGO), SOS Groba, SOS Suído Seixo, Terra Chá Sostible, Verdegaia e Véspera de Nada.

Novas relacionadas

💚 O novo Plano Forestal da Xunta: Máis eucalipto e menos consenso social que nunca

💚 Os colectivos contrarios á revisión do Plan Forestal acoden ao Parlamento para pedir a súa retirada

💚 Máis de 70 colectivos esiximos conxuntamente a retirada do novo Plano Forestal

[1] Demandan á Xunta que concrete o paquete de medidas para levar a cabo a moratoria do eucalipto 4/03/2021 | Ir á Web.

Fonte: ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza | Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela | Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal
_______

venres, febreiro 12, 2021

A delegación de Adega de Ferrolterra convida a asinar o manifesto a favor da saúde e fututo do noso monte e contra o plan forestal da Xunta, que vai implicar unha maior eucaliptización da Galiza

A delegación de Adega de Ferrolterra convida a asinar o manifesto a favor da saúde e futuro do noso monte e contra o plan forestal da Xunta, que vai implicar unha maior eucaliptización da Nosa Terra.

Asina por un novo Plan Forestal que rexeite o eucalipto

Uns 50 colectivos galegos rexeitan a revisión do PP do Plan Forestal que implicará unha maior eucaliptización do país e deixar o monte galego en mans privadas con fins unicamente produtivistas. Apoia ti tamén a nosa petición por un monte galego con futuro!: http://chng.it/FM6WNhNTXG

Consulta tamén as 10 razóns polas que debemos rexeitar a Revisión que fai o PP do Plan Forestal, e que pretende aprobar neste primeiro trimestre de ano.

Enviado por:
adegatrasancos@adega.gal
-adegatrasancos@adega.gal-
11 de fevereiro de 2021 04:29

_______

martes, novembro 05, 2019

Xornada de Usos Multifuncionais do Monte, 16 Novembro - No local da xunta veciñal de Doniños (Fontá) - Organizada pola Asociación de Comuneiros do Chá


O sábado 16 de Novembro no local da xunta veciñal de Doniños (Fontá) terá lugar unha Xornada de Convivio en torno ós Usos Multifuncionais do Monte, organizada pola Asociación de Comuneiros do Chá.

Contaremos coa participación pola mañá de membros de dous montes veciñais en man común que nos contarán as súas experiencias con cabalo galego de monte, vacas cachenas, aproveitamento de resinas en plantacións forestais de pinus pinaster, apicultura, cabras, porco celta, aproveitamento de cogumelos, castañas e todo o traballo de dinamización social que están a levar a cabo nas súas parroquias.

CMVMC de Carballo (Friol)
CMVMC de Esteiro (Muros)

Haberá ocasión de debater e facer preguntas acerca de cuestións organizativas, de integración comunitaria, técnicas, administrativas e burocráticas, de rendabilidade, etc.

A organización convidará ás persoas asistentes a un xantar popular con carne de gando de monte á brasa.

Pola tarde contaremos coa Asociación Galega de Froita Autóctona (AGFA) cos que poderemos aprender acerca de variedades de froita autóctona (mazás, peras, cerdeiras, froita de óso) e castiñeiros, comercialización, plantación, pragas, etc.

Remataremos con magosto e foilada.

PROGRAMA
11:00 a 13:30hs - MESA REDONDA
EXPERIENCIAS MULTIFUNCIONAIS NO MONTE
Interveñen: CMVCM Carballo de Friol e CMVMC Esteiro de Muros.

13:30 a 16:00hs - XANTAR COMUNITARIO
A organización convidará ás persoas asistentes a carne á brasa.

16:30 a 17:30hs - CHARLA-COLOQUIO
Intervén: AGFA (Asociación Galega de Froiteiras Autóctonas).

18:00hs - MAGOSTO - FOLIADA

LOCAL DA XUNTA VECIÑAL DE DONIÑOS (FONTÁ).
ORGANIZA: ASOCIACIÓN DE COMUNEIROS DO CHÁ.


Enviado por:
fernando Martínez
-feryanezmarcelin@gmail.com-
4 de novembro de 2019 17:27

_________________

martes, xullo 09, 2019

Da comezo a campaña, 'Por un monte galego con futuro', lanzada por entidades ecoloxistas, sociais e sindicais da Galiza



A campaña "Por un monte galego con futuro" dá comezo


ADEGA, Amigos da Terra, APDR, Asociación FROUMA, Asociación Galega de Apicultura, CIG, FRUGA, Comando Ghichas, ORGACCMM e SLG, entre outras, presentaron esta mañá, en rolda de prensa, unha proposta conxunta “Por un monte galego con futuro” e cuestionaron tanto as que se están a barallar na revisión do Plan Forestal que está a tramitar a Xunta de Galiza, como as medidas contempladas na Estratexia Galega contra o Cambio Climático. 

As organizacións convocantes consensuaron un documento no que se recollen toda unha serie de valoracións e propostas que permitirán favorecer o papel dos ecosistemas forestais para, no actual contexto de mudanza climática, mitigar os efectos do quecemento global, mais non só como reservorios de carbono, senón tamén como fornecedores de  servizos ecosistémicos, como o mantemento da biodiversidade, a regulación do ciclo da auga, a fertilidade do solo, a capacidade de purificación da auga e do ar ou a loita contra a erosión, entre outros.

Eucalipto e especies de crecemento rápido

Por iso cuestionaron o recente borrador da Estratexia Galega contra o Cambio Climático no que “só interesa fixar máis carbono en máis madeira o máis rápido posíbel”, o que ao seu entender “potenciará o cultivo do eucalipto e doutras especies de crecemento rápido”. Especies que se ven ademais favorecidas, para o seu uso en repoboación, no Decreto 163/2014 do Estado español para a compensación e absorción de dióxido de carbono.   A este respecto lembraron que o recente informe do IPBES (Panel Internacional para a Diversidade Biolóxica, UNESCO) cifra en 290 millóns de hectáreas a superficie de bosques naturais perdidos no planeta entre 1990 e 2015, e en 110 millóns de ha o aumento das plantacións forestais no mesmo período.  Por iso advertiron que “unha plantación forestal non pode ser considerada un bosque, e menos se se trata de especies invasoras e de crecemento rápido que, como os eucaliptos, empobrecen o solo e diminúen a biodiversidade. Nin sequera contribúen a fixar carbono neto ao favorecer as cortas en ciclos curtos para queimar en plantas industriais de biomasa”.

Plan Forestal: 35.000 ha de eucalipto máis

Subliñaron que o Plano Forestal que está a tramitar a Xunta promove a ocupación de 35.000 ha máis de eucalipto sobre un exceso de 300.000 Ha con respecto á planificación anterior. Fronte a iso reclamaron que as Administracións galega e estatal aposten por unha planificación para o monte galego que teña en conta o actual contexto de perda acelerada de biodiversidade e dos efectos do cambio climático, e que non se use isto como escusa para seguir potenciando as repoboacións con eucaliptos e outras especies invasoras.   Apostan, ademais, polo peche do ciclo produtivo da madeira na Galiza, de xeito que cunha regulación do monte adecuada, que favoreza a biodiversidade, mais permita a explotación forestal ordeada, se recupere o tecido industrial que se dedicaba aos aproveitamentos forestais, algo que permitiría a recuperación de postos de traballo e a fixación de poboación no rural.

Anulación da actual proposta do Plan Forrestal

As organizacións sindicais, ecoloxistas e do mundo rural coincidiron en valorar que na posta en valor do monte, de xeito multifuncional e sustentábel, ten incidencia a estrutura da súa titularidade. Lembraron que as recomendacións da FAO e da mesma Unión Europea indican que hai que camiñar cara unha tenencia máis xusta destas terras e cara á devolución destas ás colectividades locais. Fronte a isto denunciaron que ”en Galiza existe unha titularidade que xa cumpre estes preceptos, que son os montes veciñais en man común. Mais, o que fai o Partido Popular con este tipo de titularidade do monte é proceder á súa privatización”. 

Por iso demandaron a anulación da actual proposta de revisión do Plan Forestal de Galiza e a elaboración dun novo documento que parta de información actualizada sobre a situación do monte galego, dunha participación equilibrada de todos os axentes sociais, e que siga como principios reitores a diversidade de hábitats e especies, a multifuncionalidade de usos, o fomento do arborado autóctono, o mantemento dos servizos ecosistémicos, a non privatización dos montes veciñais, a creación de emprego e a sustentabilidade económica e social.
Medidas concretas

Consulta a continuación a proposta de medidas concretas elaborada polos colectivos asinantes da campaña "Por un monte galego con futuro":

PROPOSTA POR UN MONTE GALEGO CON FUTURO

Entidades asinantes

    Asociación pola Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA)
    Asociación Frouma
    Asociación Cultura Bidueiro
    Asociación Galega de Apicultura (AGA)
    Asociación Pola Defensa da Ría (APDR)
    Amarelante S. Coop. Galega
    Amigos da Terra
    Amigos e Amigas dos Bosques "O Ouriol do Anllóns"
    Colectivo Agrocuir da Ulloa
    Confederación Intersindical Galega (CIG)
    Comando Ghichas do Valmiñor
    Cova Crea
    Federación Rural Galega (Fruga)
    Kunterbunt Design
    Montegal
    Organización Galega de Comunidades de Montes (ORGACCMM)
    Petón do Lobo
    Sindicato Labrego Galego (SLG)
    Verdegaia

adegatrasancos@adega.gal ADEGA (Asociación pola Defensa Ecolóxica de Galiza) Delegación de Ferrolterra Apartado de Correos 481, C.P.: 15480 - Ferrol ASÓCIATE!!! www.adega.gal >

Enviado por:
ADEGA-Ferrolterra
-adegatrasancos@adega.gal-
8 de julho de 2019 17:15

___________

sábado, xuño 09, 2018

Chamamento en Monforte a ordenar o monte e acabar co monocultivo de eucalipto e piñeiro para previr o lume - Lídia Senra denuncia o 'desprezo' que a Xunta de Galiza ten pola poboación das zonas máis abandonas e que tras os incendios quedan en mala situación - Expertos na materia piden un cambio de sistema e ensaiar fórmulas como os cortalumes vexetais ou de pastoreo fronte aos que abren pesadas máquinas


Chamamento en Monforte a ordenar o monte e acabar co monocultivo de eucalipto e piñeiro para previr o lume· | Lídia Senra denuncia o “desprezo” que a Xunta de Galiza ten pola poboación das zonas máis abandonas e que tras os incendios quedan en mala situación. | Expertos na materia piden un cambio de sistema e ensaiar fórmulas como os cortalumes vexetais ou de pastoreo fronte aos que abren pesadas máquinas.

Persoas expertas en materia medioambiental, rural e forestal, bombeiros, biólogos, axentes sociais e representantes políticos reclaron hoxe en Monforte un cambio de sistema e unha ordenación do territorio e do monte, que poña fin ao monocultivo de eucalipto e piñeiro que está proliferando nas últimas décadas, como medida de protección fundamental para facer prevención e atallar a lacra dos incendios forestais desde a raíz. Así se está poñendo de manifesto, na xornada organizada pola eurodeputada Lídia Senra, que baixo o título ‘Os incendios forestais na UE: Alternativas de protección’, se está a desenvolver durante todo este sábado na Casa da Cultura de Monforte.

Lídia Senra, encargada de inaugurar hoxe pola mañá a xornada, denunciou que “unha vez que o lume prende, e ante o abandono da actividade agraria e gandeira que hai no rural galego, apagar o lume é difícil”, mentres que “onde hai actividade e un rural vivo, o lume non avanza así de fácil”. Así, chamou a reflexionar sobre as causas do lume e sobre as medidas que se deberían implementar para poñer fin ao abandono do medio rural, e tamén sobre como se están facendo os cortalumes e as agresións que están supoñendo as prácticas que está levando a cabo a Xunta de Galicia.

A europarlamentaria tamén criticou a privatización dos servizos de extinción e a precariedade dos traballadores e traballadoras, pero considerou tamén fundamental reflexionar sobre aqueles pobos nos que o nivel de abandono é moi grande e nos que queda pouca xente e moita terra sen cultivar. Senra denunciou que a Administración está a practicar un desprezo por esta xente e estas zonas abandonadas, nalgúns casos abrindo pistas tras os lumes con grande maquinaria sen consultar coa poboación e cun forte impacto ambiental. Así, tras reclamar unha vez máis que se declare o eucalipto como especie exótica, Senra instou a convencer á sociedade da necesidade de actuar e de rematar co monocultivo de especies pirófitas. Na mesma liña, reclamou respectar as distancias de plantación ás casas e establecer liñas de protección. “Hai pobos en situacións que supoñen un auténtico atentado, con piñeiros ata as portas das casas”, dixo.

A xornada, que se estrutura en varias mesas de debate, comezou cun coloquio sobre “Cortalumes verdes e outras alternativas aos cortalumes de terra espida”, moderada pola concelleira de Esperta Monforte, Maribel García Díaz. A edil arremeteu contra as políticas que están a rematar coas explotacións agrarias en beneficio das explotacións forestais e pediu unha ordenación do territorio con alternativas sostibles e viables e co establecemento dun dispositivo de prevención e extinción dos lumes profesional e público.

Antonio Rodríguez García, gandeiro de cabrún de leite e membro da Coordinadora de Organizacións de Agricultores e Gandeiros (COAG), explicou como funciona a Rede de áreas de pasto e cortalumes animais en Andalucía, onde o Goberno autonómico apostou por este programa tras moita presión dos gandeiros. Trátase dun pastoreo controlado, un traballo polo que se paga, que actúa de cortalume e como instrumento de prevención e conservación e servizo á sociedade. Así, mediante un contrato laboral entre a Administración e o ou a gandeira, as vacas, ovellas e cabras son conducidas a pastar polas zonas que están consideradas para actuar como cortalumes.

O andaluz recoñeceu estar sorprendido polo cerca que a maleza alta está das casas en moitos lugares da Galiza, e animou aos galegos e galegas a presionar á Xunta para que aquí se implante un sistema semellante de cortalumes sostibles de pastoreo como medio tamén para proporcionar unha renda nova para os gandeiros e para manter un rural vivo.

Claudio Quintillán Vallejo, técnico de Explotacións Forestais e Membro da Asociación Galega de Comunidades de Montes, centrou a súa intervención en expoñer a situación de abandono na que está o rural e o monte galego, provocando o avance dos incendios. “Se os montes siguen nas condicións de impulso do monocultivo de eucalipto e piñeiro actuais, ímonos atopar grandes lumes que non se poden parar nin metendo enormes bulldozer nin abrindo pistas de cortalumes como se empeña a Xunta”, denunciou. Así, asegurou que os monocultivos “non respectan nada, non se respectan as vagadas nin as divisorias, hai unha continuidade da vexetación que non ten fin”, o que provoca situacións como a do ano pasado, un lume iniciado en Ponteareas que chega a Moaña, por culpa deste modelo que a Xunta non trata de modificar a pesar dos incendios ano tras ano.

Quintillán explicou que se non temos unha ordenación do territorio e do monte, por moita barreira que fagamos, o problema seguirá e chamou a ir ao fondo da cuestióne á orixe. Así, reclamou que se poña fin á masa continuada de especies altamente inflamables como son o eucalipto e o piñeiro, e propuxo aproveitar as vagoadas para plantar outras especies ou establecer un control de vexetación mediante pastoreo de gando. “Os cortalumes con máquinas, ademais do impacto visual que provocan e da erosión, tense demostrado que nalgúns sitios en pendente actúan de chimenea e polo tanto aínda comprometen máis o avance dos incendios forestais”, dixo. “Se o monte non é multifuncional e non se aposta por aproveitar en cada zona a potencialidade que ten, diversificando as producións e volvendo á madeira frondosa de calidade, ao pastoreo do gando, ao cultivo de cogumelos, á produción de mel, de herbas aromáticas, ao coidado de patrimonio,…, se non valorizamos todo isto e non hai unhas aposta da administración por mudar o modelo é moi complicado poder facerlle fronte ao lume”, concluiu.

Na mesma liña, Felipe Castro López, axente medioambiental da Xunta de Galicia, lembrou como fai décadas a ordenación do territorio na Galiza era moi diferente e os espazos estaban diferenciados, de forma que os montes estaban nas zonas máis afastadas, e as zonas habitadas estaban protexidas polas terras agrarias e por frutais e árbores que non supoñían perigo ningún. Castro reclamou eliminar as especies pirófitas por unha vexetación protectora e máis verde, que non se seque no verán, e apostou por rarear os piñeiros e eucaliptos e ter limpo o solo, así como as estradas.

Sobre o lume de Chavaga acontecido a mediados de outubro do 2017

A segunda mesa da xornada durante a mañá estivo protagonizada pola Asociación de Veciños e Veciñas de Chavaga, a través de Luisa Pallares González e María Teresa Rodríguez Rodríguez, e polo enxeñeiro forestal e membro da Asociación Forestal Frouma Diego Sánchez Agra.

Sánchez Agra denunciou que de sempre, na Galiza, as faixas de protección non se cumpriron e que a Administración moitas veces, cando había unha denuncia neste sentido, miraba para outro lado. “Agora, tras os lumes do ano pasado, estamos indo ao lado totalmente oposto: Pasamos de que a Xunta non fixo nada durante todos estes anos a que agora implante unha política do medo, dicindo até que se vai expropiar o monte a quen non o limpe. Esta política do medo lévanos a que a xente pense que se ten que arrasar con todo no monte”, criticou. “As faixas de protección son moi importantes e hai que evitar as especies pirófitas en altas densidades, pero a política do medo estanos levando a que a xente pense que ten que cortar ata as froiteiras cerca da casa e iso non é”.

As veciñas de Chavaga, lugar que sufriu un dos lumes de mediados de outubro do 2017, críticas coa actitude promovida pola Xunta, denunciaron como a maquinaria pesada desfixo moitos terreos pasados os lumes e informaron sobre a denuncia que cursaron a este respecto.

A xornada continuou pola tarde, co coloquio ‘Aprender dos erros. O sistema de emerxencias e extinción dos lumes forestais’, no que participan como ponentes Benxamín Balboa Cereijo, bombeiro forestal; Davide Rodríguez Estévez, tamén bombeiro forestal e deputado de En Marea no Parlamento Galego; e Manuel Martínez Méndez, bombeiro e representantes sindical da CIG en Ourense, membro da Plataforma Asociativa de Sindicatos de Bombeiros Forestais. Vanesa Garrido Blanco, membro de C@urel Vivo, introducirá e moderará esta parte.

E última das mesas, sobre ‘Fronte ao abandono da terra, a valoración do monte’, con Víctor Álvarez Arias, técnico da Consellería do Medio Rural e concelleiro en Lugo por LugoNovo; Félix Domínguez Cortiñas, alcalde de Manzaneda; e Paula Verao, deputada de En Marea no Parlamento Galego, que fará de moderadora.

Monforte, 9 de xuño de 2018.

Lídia Senra, eurodeputada galega, integrada no Grupo Confederal da Esquerda Unitaria Europea/Esquerda Verde Nórdica (GUE/NGL). |  Tlf: 609 845 861,
lidia.senra@europarl.europa.eu | http://ageuropa.gal/ https://www.facebook.com/LidiaSenraRodriguez

Documentación.-
Información e vídeos resumo da xornada ‘Os incendios forestais na UE: O negocio do lume’, que se celebrou en Ourense en outubro do 2016, aquí:

https://ageuropa.gal/ourense-acolle-este-sabado-unha-xornada-critica-internacional-sobre-os-incendios-forestais/

https://ageuropa.gal/lidia-senra-esixe-maior-esforzo-publico-en-determinar-as-causas-que-hai-detras-dos-incendios-forestais/

https://ageuropa.gal/agee-xunto-a-experts-forestais-e-bombeirs-esixe-unha-politica-consensuada-de-pais-fronte-ao-lume/

https://www.youtube.com/watch?v=PbLOP2XK6cYhttps://www.youtube.com/watch?v=6K_TDHmdd-k

Enviado por:
AGEe Europa
-ageeneuropa@gmail.com-
9 de junho de 2018 16:12

_________

domingo, abril 22, 2018

A Marcha Mundial das Mulleres participa este domingo 22 de abril, en Compostela, na manifestación nacional na defensa do monte comunal, convocada pola Organización Galega de Comunidades de Montes


Manifestación en defensa do monte comunal hoxe domingo 22 de abril


EN DEFENSA DO MONTE COMUNAL  

Dende a Marcha Mundial das Mulleres queremos reivindicar a importancia que teñen para as mulleres e toda a poboación galega os nosos montes e natureza. Este domingo, 22 de abril está convocada unha manifestación pola defensa do monte veciñal e da súa titularidade comuneira, en Santiago de Compostela, pola Organización Galega de Comunidades de Montes.

O goberno do PP introduciu, sen apoio de ningún outro grupo parlamentario, modificacións na Lei de Montes en man común. Estas modificacións facilitan o proceso para debilitar unha figura democrática e pertencente á veciñanza como son as comunidades de montes, favorecendo a cesión dos montes a empresas privadas. Isto supón un grande perigo, xa que aparte de privatizar espazos dos que pode desfrutar toda a veciñanza, entrega os nosos montes a intereses privados, que, polos proxectos apoiados por este goberno, podemos imaxinar destinados á explotación de madeira de crecemento rápido, actividades extractivas e proxectos de forte impacto medioambiental.

Queremos un modelo de monte vivo e multifuncional. Queremos fragas cheas de vida e non eucaliptais que empobrecen a nosa terra. O modelo forestal que a Xunta propón para cambiar o Plan Forestal de Galicia para o futuro do monte galego nos vindeiros 20 anos é un aumento de 25.000 hectáreas para o eucalipto, cando un ditame da Comisión Científica do Ministerio de Agricultura e Medio Ambiente o cualifica como especie invasora e recomenda dar pasos para o seu control e erradicación. O sector da madeira producida na Galiza, lonxe de representar a riqueza para o país que proclama o PP, non supón grandes ingresos para as/os pequenas/os propietarias/os senón para a real beneficiada: Ence.

Imos consentir que continúen depredando o noso país con estas políticas de visión curtopracista e primando os intereses duns poucos? Dende a Marcha Mundial das Mulleres da Galiza apoiamos esta manifestación e animámoste a participar.

Un saúdo feminista

Marcha Mundial das Mulleres Galiza

'As mulleres decidimos'
Coordenadora Nacional Galega
Marcha Mundial das Mulheres
Marcha Mundial das Mulleres
Rúa Romil, 20, baixo
36202 Vigo-Galiza
CIF G-15773013
Teléfonos de contacto:
Coord. A Coruña 639 78 76 26
Coord. Compostela:  647735737
Coord. Vigo: 630486886
Coord. Ourense: 652140217
Coord. Ferrolterra: 636 87 86 06
Comunicación:
http://www.feminismo.info
@MMMGaliza


Enviado por:
Marcha Mundial das Mulleres - Galiza
-marchagaliza@gmail.com-
20 de abril de 2018 10:03

________

martes, xaneiro 02, 2018

Lumes Nunca Mais, nunha acción artístico-reivindicativa no tren de vía estreita na estación de Moeche - Retención dunha hora onde pintaron maquina e vagóns contra os incendios forestais mencionando á multinacional papeleira Ence


Lumes Nunca Mais, nunha acción artístico-reivindicativa no tren de vía estreita na estación de Moeche

Este sábado 30 de decembro, un grupo de activistas, fala-se de entre 15 e 20 persoas, retiveron perante un tempo, pouco máis dunha hora, o comboio, mentres pintaban un dos laterais do tren -maquina e vagóns, contra os incendios forestais, mencionando expresamente á multinacional papeleira Ence.

O comboio quedou parado, impedindo-se que continuara a ruta, cortando a circulación coa colocación de troncos nas vías.

Segundo o xornal local Diario de Ferrol, "o suceso produciuse en torno ás once e media da mañá, cando o tren da antiga FEVE que partiu da estación de Ferrol se detivo na estación de Moeche para recoller a un pasaxeiro. Este, que, segundo explicaron algunhas testemuñas, subiu ao vagón embozado, tapando a súa cara, tirou da alarma do tren e procedeu a efectuar algunhas outras manipulacións. O condutor viu polas cámaras o sucedido e tivo que deter o tren, ademais, pola presenza na vía de troncos de árbores, que foron colocados de forma inmediata por outros individuos que se atopaban esperando a chegada do tren".

Un outono de incendios e mobilizacións

Neste Outono, miles de persoas encheron as rúas e prazas de Galiza para erguer un “Nunca Máis” contra a vaga de incendios forestais que asolaron a nosa Terra, perante días. “Lume nunca máis” era o berro de orde das mobilización que denunciaban o desastre provocado polo lume no monte e núcleos poboados, mesmo chegaron até as cidades de Ourense e Vigo. A incompetencia do Goberno e da Xunta foron denunciados nas mobilización populares convocadas na alerta de emerxencia dada polos movementos sociais e veciñais, indignados. A veciñanza sustitueu onde non chegaban os medios de extinción oficial.

A eucaliptización, a política forestal do Partido Popular, a falta de prevención, e os recortes en medios e persoal de extinción, foron denunciados, nas mobilización e nun Manifesto en Defensa do Monte Galego.

Nunha forte campaña mediática orquestrada desde a secretaria xeral do PP galego, afondaban na idea de que os lumes estaban provocados por unha trama clandestina de terroristas incendiarios, insistindo nesta idea, probabelmente xurdida da cabeza dun Miguel Tellado, convertido nos últimos tempos nun valorado estratega e esperto en técnicas do marketing político. Que seguiron mantendo erre que erre, a pesar de que a fiscalía non atopou indicios da existencia de tal trama. Chegando a deter-se a persoas perante días, para facer cadrar as súas teorías.

As mobilizacións demandaban unha nova política forestal para o monte galego: un novo ordenamento territorial, a multifuncionalidade do monte ou un Plano Forestal que contemple os montes como algo máis que subministradores de madeira barata, sobre todo para Ence. Incrementar os esforzos e os investimentos en prevención, planificar e desenvolver programas de rexeneración hidrolóxico-forestal nos montes queimados para evitar a perda de solo e a erosión, prohibindo a mudanza de usos e a especulación nestes terreos, son outras das propostas. Así como promover o incremento dos montes públicos e reforzar o papel das Comunidades de Montes Veciñais en Man Común e a profesionalizar os equipos de prevención, detección, extinción e rexeneración nos incendios.

Enlaces de interese:

Por un Monte Vivo. O Comité de Defensa do Monte Galego -CDMG- é unha plataforma formada por diferentes organizacións unidas para reclamar unha nova política agro-forestal e de loita contra o lume. | Buscar Facebook e Twitter.
______________________

luns, novembro 27, 2017

34 persoas de 18 colectivos diferentes de defensa do monte viaxarán ao Parlamento Europeo o 6 e 7 de decembro a proposta da eurodeputada galega Lídia Senra, onde denunciarán o desleixo da Xunta, que en conivencia cos intereses da industria celulosa, non está a protexer os xacementos arqueolóxicos Iniciativa para sensibilizar á UE da destrución de patrimonio galego que está provocando o eucalipto


Iniciativa para sensibilizar á UE da destrución de patrimonio galego que está provocando o eucalipto. | 34 persoas de 18 colectivos diferentes de defensa do monte viaxarán ao Parlamento Europeo o 6 e 7 de decembro a proposta de Lídia Senra. | Denunciarán o desleixo da Xunta, que en conivencia cos intereses da industria celulosa, non está a protexer os xacementos arqueolóxicos.

A eurodeputada galega Lídia Senra promoverá unha serie de actividades encamiñadas a internacionalizar no Parlamento Europeo a problemática de eucaliptización que sofre o patrimonio galego. Así o anunciou este venres pola mañá, durante unha rolda de prensa que deu en Santiago, acompañada polo presidente da Asociación Mariña Patrimonio, Manuel Miranda Ruíz. Senra explicou que un total de 34 persoas pertencentes a 18 colectivos diferentes de defensa do patrimonio cultural, arqueolóxico e natural, ecoloxistas, arte rupestre e montes viaxarán até Bruxelas os días 6 e 7 de decembro para denunciar no ente comunitario a situación de ameaza que está a provocar o monocultivo de eucalipto na nosa terra.

A europarlamentaria explicou que a visita foi pensada tendo en conta que o próximo ano, 2018, será declarado pola UE como o Ano Europeo do Patrimonio Cultural e, neste contexto, é un bo punto de partida que se poña en valor o patrimonio cultural que albergan os nosos montes e que “está ser destruído a consecuencia da falta de interese por parte de quen debería conservalo, que son as Administracións públicas”. “Esta visita é oportuna para contribuír a visibilizar na UE o que pasa na Galiza”, dixo. Así, Senra reclamou que o eucalipto sexa declarado como especie exótica invasora e criticou a resistencia que está poñendo o Estado español no marco do Convenio de Berna do Consello de Europa, en conivencia coa industria forestal, para que isto sexa posible.

Manuel Miranda acusou á industria celulosa do eucalipto de estar provocando unha destrución masiva do patrimonio arqueolóxico, “como demostran os centos de denuncias presentadas nos últimos anos” e tendo en conta que “só se denuncia unha pequena parte do total de agresións”. Neste contexto, Miranda explicou que “queremos informar á UE e denunciar alí o que non está facendo a Xunta aquí para protexer o patrimonio”. “A xunta está mirando para outro lado e está incumprindo o seu deber, tamén moral, de protexer o patrimonio, atendendo aos intereses dunha industria celulosa totalmente insensible e irresponsable”, afirmou. “Os xacementos arqueolóxicos están protexidos pola lei e non se poden danar para plantar eucaliptos nin outras árbores. Polo tanto, a Xunta debe actuar e facer cumprir a lei, algo que non fai”, denunciou.

Para o representante de Mariña Patrimonio, a relación entre a Xunta e a industria celulosa é “como mínimo de corrupción, desleixo e complicidade”. “A sociedade ten claro que a Xunta non actúa na defensa do patrimonio porque hai intereses comúns coa industria celulosa. Din que hai que plantar eucaliptos porque esa industria é moi rendible. Se é así, deberían empregar parte desa rendibilidade en protexer os xacementos arqueolóxicos e non en destruílos”, argumentou. Ante esta situación, defendeu que “non queda outro remedio que que a sociedade civil, as asociacións, actuemos”. “Estamos seguros de que podemos atallar esta desfeita. Hai que esixirlle á Xunta e á industria que cumpran as leis autonómicas, estatais e europeas. Tócanos denunciar publicamente a industria do eucaliptos e explicarlles aos consumidores europeos que estamos ante unha industria que destrúe boa parte do patrimonio europeo”, insistiu.

No grupo de persoas que se desprazarán a Bruxelas para participar desta iniciativa, haberá membros do Sindicato Labrego Galego, do SOS Arte Rupestre Galega, da Sociedade Antropolóxica Galega, da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Salcedo, do Colado do Vento, de Cousa de Raíces, da Asociación para o Fomento do Deseño Sostible Kunterbunt, de Adega, da Asociación Nordés, da Asociación Amig@s de historiadegalicia.gal, do colectivo A Rula, da Asociación Mariña Patrimonio, da Asociación Cultural Irmandade de Santo Estevo, de Amigos do Patrimonio de Castroverde, de Anova Terra, Umia Vivo, Irmandade Illa de Tambo e do Colectivo da Defensa do Patrimonio A Forneiriña.

Durante a visita ao Parlamento Europeo, a delegación galega reunirase con representantes da Comisión Europea competentes na materia para explicarlles a situación que se está a vivir na Galiza, e tamén con eurodeputados doutros países, especialmente alemáns, xa que a maior parte da produción de Ence é exportada. Concretamente, un 23% vai para Alemaña, un 16% vai para Italia, e só o 5% queda no Estado español. O obxectivo é sensibilizar á poboación internacional do problema que arrastra a política da pasteira e a eucaliptización na nosa terra e esixirlle á comunidade internacional que fagan cumprir os mínimos de respecto á natureza, patrimonio e desenvolvemento sostible do monte. “O 95% da celulosa que produce Ence vai para o mercado europeo e desgraciadamente o mercado europeo non sabe o custe que ten esa celulosa para o patrimonio galego e polo tanto europeo. Queremos que o consumidor europeo saiba que eses folios que usa están provocando unha destrución masiva do noso patrimonio”, explicou Miranda.

Tamén se levarán a cabo unha serie de coloquios centrados en “A destrución do patrimonio galego por parte do sector industrial madeireiro”, “O desleixo da Xunta de Galiza co patrimonio cultural galego e a problemática dos incendios” e “Artellando solucións para protexer o patrimonio fronte á eucaliptización”.

Senra defendeu na rolda de prensa que unha sociedade “non se pode rexer pola rendibilidade económica que poida ter para uns poucos a plantación dunha especie en concreto, porque o monte ten un valor máis alá da rendibilidade económica dun monocultivo. Aporta biodiversidade e moitísimas cousas que necesitamos como o dereito a ter auga libre de contaminación”. “Cando un monocultivo se implanta a biodiversidade pérdese. Estamos falando de que está en perigo o futuro de toda a sociedade, non só de catro empresas multinacionais que se lucran de poñer o país a monocultivo de eucalipto”, dixo. Así, defendeu que o monte “é a despensa das granxas e das casas labregas e esa ten que seguir sendo unha das súas funcións. Hai que facer unha política agraria que contemple o monte como un complemento da agricultura”. Tamén chamou a reflexionar sobre as miles de perdas que xera o lume neste país. “A sociedade está contribuíndo economicamente a apagar eses lumes para o rendemento desa industria”, dixo. “A extinción máis eficaz é a prevención e a prevención pasa por non perder persoas que traballen as terras agrarias ou por acabar co monocultivo de eucalipto e por unha política agraria que volva a agroecoloxía”, concluíu.

Santiago, 24 de novembro de 2017. 

Lídia Senra, eurodeputada galega, integrada no Grupo Confederal da Esquerda Unitaria Europea/Esquerda Verde Nórdica (GUE/NGL). | lidia.senra@europarl.europa.eu | http://ageuropa.gal/
Enviado por:
AGEe Europa
-ageeneuropa@gmail.com-
24 de novembro de 2017 13:38
___________________

martes, xullo 05, 2016

A eurodeputada galega Lídia Senra ve nefasta a política de loita contra os incendios forestais que alimenta a cultura do negocio do lume - Demanda no pleno do Parlamento Europeo a fin da precarización do persoal dos servizos contra lumes en Galiza e que todo o servizo de extinción sexa público


Lídia Senra ve nefasta a política de loita contra os incendios forestais que alimenta a cultura do negocio do lume. | Demanda no pleno do Parlamento Europeo a fin da precarización das bombeiras/os en Galiza e que todo o servizo de extinción sexa público. A eurodeputada de AGE considera prioritario determinar que intereses hai detrás dos lumes e esixe medidas que acaben co abandono do rural.


Lídia Senra, eurodeputada de Alternativa Galega de Esquerda en Europa (AGEe), integrada no Grupo Confederal da Esquerda Unitaria Europea/Esquerda Verde Nórdica (GUE/NGL), interveu este luns pola noite nas quendas de minuto libre de palabra do pleno do Parlamento Europeo, en Estrasburgo, para levar á Eurocámara, agora que comeza o verán, a problemática dos incendios forestais.

Durante a súa intervención, a eurodeputada galega advertiu sobre a situación que se vive todos os anos no sur de Europa e, nomeadamente na Galiza, unha vez que chega o verán: Os incendios forestais que estragan miles e miles de hectáreas. “No meu país, a Galiza, estes días asistimos á mobilización do persoal de extinción de incendios da empresa pública Seaga e da Xunta, que denuncian a precarización laboral na que se encontran, con contratos de apenas tres meses no ano”, asegurou Lídia Senra, quen atribuíu esta situación a unha “consecuencia” dunha “política de extinción totalmente nefasta que beneficia á empresa privada e dificulta a loita eficaz contra os incendios ao mesmo tempo que crea unha cultura do negocio do lume”, dixo.

A membro de AGEe avogou por, desde as institucións, actuar en tres niveis.

Primeiro: Determinar as causas e os intereses que existen detrás dos incendios provocados.

Segundo: Políticas activas para acabar co abandono do medio rural e promover a instalación de labregas e labregos e un modelo forestal sustentable.

Terceiro: Todo o servizo de extinción de incendios debe ser público. É necesario acabar coa precarización e a inseguridade do persoal que combate os incendios e tamén dignificar a profesión dos e das bombeiras forestais.

Santiago, a 5 de Xullo de 2016.

Enlace coa Intervención de Lídia Senra no pleno do Parlamento Europeo sobre os incendios forestais este 4 de Xullo de 2016] | Ir á Canle.

-->>>

Lídia Senra, eurodeputada de Alternativa Galega de Esquerda en Europa (AGEe), integrada no Grupo Confederal da Esquerda Unitaria Europea/Esquerda Verde Nórdica (GUE/NGL).

lidia.senra@europarl.europa.eu

Equipa de Comunicación AGEe:
Alternativa Galega de Esquerdas en Europa - Oficina en Bruxelas:
vera.montotovazquez@europarl.europa.eu
Alternativa Galega de Esquerdas en Europa - Oficina en Galiza:
age.europa.galiza@gmail.com
Xornal dixital de AGEe:
http://ageuropa.gal/

   


Enviado por:
AGE Europa - Galiza
-age.europa.galiza@gmail.com-
5 de julho de 2016 11:14
__________

mércores, marzo 11, 2015

Actividades fin de semana en Pontedeume do Colectivo Terra - Venres 13 de marzo: Mesa redonda sobre a xestión dos nosos montes - Sábado 14 de marzo: Actuación do cantante de Limodre Roger de Flor, con novos temas


Actividades fin de semana en Pontedeume do Colectivo Terra

Venres 13 de marzo:
"A xestión dos nosos montes: Problemática e alternativas" tres relatores tentarán aclararnos diferentes cuestións que afectan aos nosos montes como a eucaliptización, situación na Galiza, problemáticas,...

Sábado 14 de marzo:
Actuación do cantante de Limodre Roger de Flor, con novos temas.

Esta próxima fin de semana o Colectivo Terra realiza dúas actividades

A primeira será o venres 13 de marzo ás 20:00 na Casa da Cultura. Baixo o título "A xestión dos nosos montes: Problemática e alternativas" tres relatores tentarán aclararnos diferentes cuestións que afectan aos nosos montes como a eucaliptización, situación na Galiza, problemáticas,... Opcións, cultivos alternativos, exemplos reais, beneficios,... Ademais da situación das axudas, viabilidade económica,... Haberá tempo para o debate e tentarase aclarar as diferentes dúbidas que xurdan.

A segunda actividade da fin de semana será un concerto o sábado 14 ás 20:30 no noso local (Rúa Boa Vista, 8). Visitaranos o cantante de Limodre Roger de Flor. Presentaranos novos temas así como os máis clásicos do seu repertorio. Non podedes faltar a esta cita. A entrada será de balde e pasarase a gorra ao final da actuación.

Roger de Flor (vídeo):
https://www.youtube.com/user/videosrogerdeflor

Colectivo Terra (Pontedeume).
Correo-e:
colectivoterra@gmail.com
Blogue do Colectivo:
http://colectivo-terra.blogspot.com.es/


Enviado por:
Colectivo Terra
-colectivoterra@gmail.com-
10 de março de 2015 20:19
_______________

venres, outubro 04, 2013

Por unha Galiza sen lumes - Manifestación nacional en Compostela


"POR UNHA GALIZA SEN LUMES, POR UN RURAL CON FUTURO"

MANIFESTACIÓN NACIONAL
DOMINGO, 6 DE OUTUBRO
ÁS 12 DO MEDIODÍA
DESDE A ALAMEDA DE
SANTIAGO DE COMPOSTELA
A sociedade galega alza a voz novamente contra a barbarie dos incendios e contra a política rural e medio ambiental que leva ao progresivo desmantelamento do noso medio tradicional e ao consecuente abandono da terra que cada ano acaba pasto dos lumes e da especulación.

BASTA XA de deixar o monte galego ao abandono, pasto do lume, ao desleixo e á especulación, pois o rural pode e ten que ter futuro, un futuro que se a Xunta non está disposta a liderar, e prefire seguir sen investir un só euro e sen adoptar unha soa medida concreta para recuperar o monte e atallar o problema de escorrentías que se aveciña, debe apartarse definitivamente do camiño e deixar que sexa a comunidade local coa axuda de voluntariado a que tome a iniciativa.

Dende ADEGA apoiamos esta iniciativa e convocamos a socias/os e simpatizantes a acudir masivamente este domingo a Compostela para esixir UNHA GALIZA SEN LUMES E UN RURAL CON FUTURO. Busca a nosa faixa no paseo central da Alameda.

Polo Monte Pindo, polos nosos espazos naturais aldraxados, polo teu país, acode a Compostela este domingo 6 de outubro ás 12 na Alameda!

Máis info: local nacional (981 570099),  na nosa web: www.adega.info , en Facebook e Twitter.

Enviado por:
ADEGA
-adega@adega.info-

4 de outubro de 2013 12:50
________________

Enlace relacionado:
Evento no facebook
UNHA GALIZA SEN LUMES E UN RURAL CON FUTURO
https://www.facebook.com/events/327274247419072/
______________________

xoves, setembro 26, 2013

A Plataforma en Defensa do Servizos Públicos de Prevención e Defensa Contra Incendios Forestais convocan unha unha Manifestación Nacional, para este Domingo 29 de Setembro en Compostela


A Plataforma en Defensa do Servizos Públicos de Prevención e Defensa Contra Incendios Forestais convocan unha unha Manifestación Nacional, para este Domingo 29 de Setembro, que sairá ás 12 do medio día desde a Estación do tren de Compostela.

En demanda de:

1º.- Un servizo único, público e profesionalizado de prevención e extinción, que a maiores de apagar os lumes realice a prevención nas zonas de alto risco e maior valor ecolóxico, contratado e xestionado única e directamente pola Xunta de Galicia.
2º.- Unha ordenación do territorio, evitando o despoboamento do rural, favorecendo o acceso aos servizos básicos, evitando a forestación das terras agrícolas, e convertendo o mesmo nunha fonte de emprego e riqueza. Só cando a xestión sustentable do monte e do rural sexa unha posibilidade de traballo real para moitos e moitas, será cando a poboación no seu conxunto defenda dos lumes.
3º.- Unha política forestal de verdade, que evite as especies pirófitas, que aproveite a súa diversidade de producción e non só madeireira, con alternativas sustentables e que respeten o noso modo de vida tradicional. Hai que potenciar o papel das Comunidades de Montes e a concentración na xestión forestal, impedindo a súa privatización e a entrada de capital especulativo.
4º.- Fomentar na sociedade e nas escolas unha cultura de defensa dos nosos valores ambientais, paisaxísticos e naturais, entendendo que os mesmos son un ben de todos e todas e que non podemos perder.
5º.- Creación dunha mesa de diálogo con todos os sectores afectados (propietarios, empresas, traballadores do sector, ecoloxistas, etc.) e con participación de todos os partidos políticos que sente as bases dun cambio de modelo máis que necesario xa, imprescindible. [Manifesto Completo].

Enviado por:
André M. Ces
-andre.martinez.ces@gmail.com-
25 de setembro de 2013 09:53
____

mércores, setembro 04, 2013

Por unha Asemblea Galega contra o Lume. 10 medidas “de país” contra a desfeita


O pasado 30 de Agosto, un grupo de activistas, en representación das entidades que inicialmente asinaron o documento "Por unha Asemblea Galega contra o Lume: 10 medidas de país contra a desfeita", presentaron no rexistro xeral da Xunta, as máis de 2.500 sinaturas recollidas apoiando o citado documento. Entre as organizacións inicialmente asinantes está o noso Colectivo Ártabra 21. A continuación transcribimos o interesante manifesto e chamamos a difundir-lo e somar-se a o mesmo.

Por unha Asemblea Galega contra o Lume. 10 medidas “de país” contra a desfeita

As organizacións e persoas asinantes do presente documento entendemos que os recentes lumes non foron máis que o inicio da campaña de incendios que ano tras ano esnaquizan Galiza enteira. As accións de prevención e extinción que tras máis de 25 anos se veñen tomando polos distintos gobernos, case que sempre do Partido Popular, demostráronse e demóstranse insuficientes e sobre todo erradas. Proba disto é que non hai ano no que as lapas non sexan portada dos medios de comunicación, arrasen grandes extensións de monte baixo e arborado, acaben co mellores entornos ecolóxicos do noso pais como sucedeu estes días pasados en Chandrexa de Queixa espazo da Rede Natura e non poñan en perigo ou acaben coa vida de veciños e veciñas de Galiza.

Dende 1988 até hoxe en Galiza, e segundo datos oficiais, téñense producido máis de 100.000 incendios forestais que queimaron máis de 500.000 has. de monte, das que preto de 200.000 has. eran de arboredo. Desde 1995, hai uns 10.000 incendios ao ano, un incendio por cada 2 Km2 de superficie forestal –a media estatal é dun incendio por cada 25 Km2. En Galiza, co 7,7 % da superficie forestal estatal, acontecen o 45% de todos os incendios, estando un 30% da superficie forestal afectada.

O monte é un sector estratéxico para a sustentabilidade ecolóxica e social do país noso. Os incendios causan graves prexuízos ambientais, sociais e económicos. Seguen a ser un dos principais problemas da nosa terra. Non é posíbel avanzarmos na solución deste problema que nos atinxe a todos e todas sen información, educación ambiental e participación social.

As persoas e organizacións abaixo asinantes emprazamos ao goberno da Xunta a tomar en consideracións as medidas que abaixo se enumeran. Alertamos a todos os galegos e galegas de ben para que o pobo na súa totalidade funcione como o servizo de alerta, posta en coñecemento e denuncia diante das autoridades competentes de todos os datos e informacións relativas a existencia de lumes, ás causas do inicio dos mesmos e ás posíbeis faltas de operatividade na súa prevención e extinción.

Do mesmo xeito, quedamos emprazados e emprazadas, como Asemblea Galega Contra o Lume, para esixir das distintas administracións con competencia as medidas correctoras necesarias nas políticas de prevención e extinción que se están a aplicar, para rematar dunha vez por todas coa lacra dos incendios que ano tras ano producen o dano ecolóxico máis importante ao territorio galego, e empregando se fose preciso a mobilización dos galegos e das galegas para a consecución deste fin.

DEZ MEDIDAS PARA LOITAR EFICAZMENTE CONTRA OS LUMES

1. Un ordenamento territorial acorde coas características do noso país, no que o monte ocupa uns 2/3 do territorio e coa maior densidade de núcleos de poboación de Europa. Evitar o despoboamento, o abandono dos usos tradicionais e a forestación de terras agrarias ao tempo que se fomentan alternativas produtivas sustentábeis para o medio rural.

2. Unha nova política forestal que promova a multifuncionalidade do monte e protexa as súas funcións ecosistémicas (regulación do ciclo hídrico, sumidoiro de carbono, reserva de biodiversidade) e sociais.

3. Un novo Plano Forestal que contemple os montes como algo máis que subministradores de madeira barata para triturar ou queimar, que limite a expansión das especies pirófitas e alóctonas e que promova unha silvicultura preventiva e sustentábel.

4. Incrementar os esforzos e os investimentos en prevención, que deberían ser superiores aos de extinción. Os labores de prevención, vixilancia, loita contra o lume e rexeneración deben desenvolverse durante todo o ano.

5. Planificar e desenvolver programas de rexeneración hidrolóxico-forestal nos montes queimados para evitar a perda de solo e a erosión, prohibindo a mudanza de usos e a especulación nestes terreos.

6. Labores de rexeneración da vexetación natural nas zonas queimadas.

7. Promover o incremento dos montes públicos e reforzar o papel das Comunidades de Montes Veciñais en Man Común, impedindo a súa privatización e a entrada de capital especulativo no monte.

8. Profesionalizar os equipos de prevención, detección, extinción e rexeneración nos incendios, que deben estar baixo un mando único dependente da Xunta de Galicia, evitando privatizar os seus servizos.

9. Rapidez e transparencia no acceso á información sobre os lumes, poñendo a disposición da cidadanía as ferramentas informáticas e de comunicación precisas.

10. Fomentar a Educación Ambiental a todos os niveis para promover na sociedade valores e comportamentos compatíbeis coa preservación do medio. Formar e informar especialmente ás Comunidades e propietarios de montes, para promover o sentimento de vencello e identidade positiva entre a veciñanza e o monte.

CODA: Os incendios deberían tratarse como un “asunto de país”, fuxindo da utilización partidista, a demagoxia e o curtopracismo. Ningún goberno pode resolver os lumes nunha lexislatura. Cómpre pois un amplo consenso político e social na loita contra os lumes.

Sinaturas:

ADEGA, ALTERMUNDO, AMARANTE, ANAGACI, ASOCIACION PETÓN DO LOBO DE CORCOESTO, COLECTIVO ARTABRA 21, FEDERACION ECOLOXISTA GALEGA, FORO SOCIAL DE CANGAS, FUCO BUXAN, PLATAFORMA FRAGAS DO EUME, PLATAFORMA POLA DEFENSA DE CORCOESTO E BERGANTIÑOS, SLG, VERDEGAIA

A petición en change.org, dirixida ao Presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, por unha nova política forestal que evite os incendios.
___________________

domingo, xuño 17, 2012

Traballadores e traballadoras de SEAGA mobilizan-se contra o desmantelamento do servizo público de prevención e extinción contraincendios - Por un rural vivo, non á Lei de Montes dos dereitistas do PP - Vídeo


MANIFESTACIÓN DE TRABALLADOR@S DE SEAGA
SANTIAGO DE COMPOSTELA,
DESDE A ESTACIÓN DE TRENS
20 DE XUÑO, ÁS11 DA MAÑÁ

Se queres ir no Autobus desde Ferrol chama
aos telefonos: 981358750 ou 663075082

COMUNICADO D@S TRABALLADOR@S DE SEAGA PARA A MANIFESTACIÓN DO 20 DE XUÑO

Neste tempo de incertidume, inseguranza e dúbidas temos ante nós unha nova campaña de verán. Vimos de experiencias traumáticas para o noso monte. Desde o inverno houbo 16.000 Ha. queimadas en menos de 6 meses e espazos protexidos destruidos (Xurés, Invernadoiro, Fragas do Eume), sen que a Xunta contratase persoal, nin de prevención, nin de extinción, nin de rexeneración. Produciuse a morte do compañeiro Hixiño cando traballaba na extinción dun lume, e lembrámonos tamén de Xulio e Rodrigo, compañeiros nosos de SEAGA. Como sabedes o camiño andado até aquí foi longo e cheo de atrancos. Se recapitulamos, som moitos anos de loita contra o lume e contra as condicións laborais que vimos sufrindo os traballadores e as traballadoras de SEAGA. Queimados, vimos dicer abonda!

Denunciamos a irracionalidade do actual modelo forestal que esquece os servizos ambientais e sociais do monte e da biodiversidade, que fomenta os monocultivos e que permite a proliferación de especies pirófitas, como consecuencia da miopía dun sistema de loita contra o lume que segue primando a extinción e o desbaldimento de recursos en lugar de investir en prevención.

Tememos porque se perda unha xeración de persoal do servizo de prevención e extinción contraincendios con experiencia e coñecementos. Tememos porque este servizo non sexa estábel. Tememos porque este servizo sexa privatizado. Ano após ano, somos unha poeira que a leva o vento do goberno que xestiona o servizo.

Após 228 denuncias de traballadores e traballadoras de SEAGA contra a fraude do sistema de contratación, fundamentadas por sentenzas do Tribunal Supremo, a empresa segue a ofrecer mais precariedade, inseguranza e disminución do servizo, reducindo irresponsabelmente os meios na loita contra os incendios.

Reclamamos uns servizos unificados e públicos polas listas da Xunta de Galiza, cunha valoración obxectiva da experiencia, recoñecéndose aos traballadores e traballadoras de SEAGA o tempo traballado. Reclamamos un convenio que regule o sector recollendo as necesidades específicas dos e das traballadoras. No caso de continuarmos en SEAGA, reclamamos un convenio própio que regule o persoal, tempo de traballo, funcións dos postos,... así como un número de postos de traballo que se corresponda coas necesidades reais do servizo, e non eses ridículos 500 postos estimados pola Xunta. E reclamamos tamén a retirada da Unidad Militar de Emergencias e das patrullas do Ejercito de Tierra das labouras contraincendios forestais.

Queremos un rural vivo, que fixe poboación  que se asente no rural para aproveitaren os  recursos que ofrece o monte, respectando os seus ritmos biolóxicos, promovendo a prantación de árbores autóctonas e unha xestión forestal que integre as tres funcións básicas do monte (ambiental, productiva e de uso social) e procure o aproveitamento múltiple do monte (madeira, gando, froitos e cogomelos, etc.)

Pedimos a derogación da nova Lei de Montes porque achegará o lume ás casas reducindo as faixas de protección de 100 metros a 50; limitando a capacidade de xestión e decisión das comunidades de montes; e que ten unha visión productivista do monte galego primando o uso exclusivamente madeireiro; e que permitirá grandes extensións de monocultivo de especies, o que supón unha clara regresion na xestión forestal.

Apelamos á unidade dos traballadores e das traballadoras de SEAGA, á participación nas asembleas e a loitar polos seus dereitos e por un monte sostíbel.
  • O MONTE QUEIMADO E NÓS NO PARO.
  • O MONTE A MONTE E NÓS NA CASA.
  • SEAGA SOLUCIÓN.
ANÓTATE NOS AUTOBUSES QUE SAIRÁN DESDE A TÚA COMARCA:
Ferrol: 981358750 / 663075082
A Coruña: 981169293 / 981169894 / 646597051
Verín: 988412345
Ourense: 988233134 / 607936734
Vigo: 986827945 / 986827900 / 630893184
Pontevedra: 986852950 / 672295227
Lugo: 982225812 / 676249840


Enlaces de interese
:

Enlace ao blogue coas novas que recollen a información sobre a situación a en SEAGA.

http://bombeirosforestais.blogspot.com.es/

SEAGA - CAMPAÑA CONTRAINCENDIOS FORESTAIS DE GALIZA 2012from Mourelo on Vimeo.

Enviado por:
André M. Ces
-andre.martinez.ces@gmail.com-
17 de junho de 2012 17:14
____________________________

venres, xuño 08, 2012

En defensa dos nosos montes en defensa do noso agro - Este sábado e Domingo, 9 e 10 de Xuño, a cita é en Compostela - Manifestacións Nacionais por un agro vivo, racional e sustentábel - Na nosa Comarca tamén hai tres citas moi importantes: a defensa do Río Baa, a Asemblea Cidadá sobre Reganosa e a manifestación comarcal polo sector naval

Este fin de semana en Compostela van ter lugar dúas manifestacións nacionais en defensa do noso agro. Na nosa Comarca temos tamén varias citas moi importantes: a Segunda Andaina polo Río Baa, sobre as 10:45 horas, no Polígono Vilar do Colo, na defensa dun río ameazado, sobre todo pola presencia duns residuos tóxicos almacenados a intemperie; e ás 12 do mediodía unha Asemblea Aberta á Cidadanía para informar e debater sobre a última Sentenza do Tribunal Supremo sobre Reganosa que anula a modificación do PXOM, por carecer de Declaración de Impacto Ambiental que amparou a construción de Reganosa, desta vez na Praza do Concello de Ferrol, diante do Pazo Municipal. ADEGA tamén estará presente nestas dúas mobilizacións, polo medio ambiente, pola nosa seguridade e pola vida. E o domingo 10 de Maio a mobilización comarcal polo sector naval, ás 12 do mediodía desde o Inferniño.

9 de xuño, sábado - MANIFESTACIÓN POR UNHA LEI GALEGA DE MONTES MULTIFUNCIONAL E SUSTENTÁBEL

Con motivo do Día Mundial do Medio Ambiente, convidámoste desde ADEGA, FRUGA, CIGA e ORGACCMM a acompañarnos na manifestación que terá lugar o sábado, día 9 de xuño ás 12h na estación do tren, en Santiago de Compostela "Por unha lei de montes de Galiza". SeÉ unha oportunidade para reivindicar un futuro para os nosos montes e contra a privatización, o monocultivo e a falta de políticas de prevención contra os lumes forestais que establece a nova lei de montes.

As nosas reivindicacións:
  • O recoñecemento dos montes comunais e dos seus dereitos.
  • A non privatización dos montes para intereses especulativos.
  • A non privatización da loita contra os lumes e a non derrogación da lei de prevención de incendios.
  • A non forestación das terras agrarias.
  • A non invasión do monte con cultivos enerxéticos.
  • Que o monte galego sexa multinfuncional e sostible.

Convoca: Organización Galega de Comunidades de Montes; Apoian: ADEGA, CIG, FRUGA (Alianza por un medio rural galego vivo).

BUSES DENDE LUGO: Desde Lugo (no caso de acadar un número mínimo de persoas), sairá un autobús de diante do edificio dos sindicatos, na ronda da muralla, ás 10 da mañá. É imprescindible apuntarse, chamando aos teléfonos 982.815678 ou 681.027859 (Lois). O prezo será de 5 euros, do resto do custe faranse cargo as organizacións convocantes.


10 de xuño, domingo - MANIFESTACIÓN CONTRA AS FUMIGACIÓNS EN COMPOSTELA

Únete ao enxamio que percorrerá Compostela este domingo 10 de xuño contra as fumigacións!

A Plataforma contra as fumigacións, da que fai parte ADEGA, vai defender un país sen pesticidas este domingo nas rúas de Compostela. As voces de abelleiros, labregos, ecoloxistas, e máis de 40 organizacións sociais de todo o país van crear un zunido imposible de calar! Agora non poderán borrar as nosas voces como fixeron con centos de protestas na súa páxina de Facebook.

 A Xunta de Galiza terá que escoitar o clamor en contra dunhas fumigacións que van contra o sentido común, contra as leis e o que é máis importante, contra o futuro da agricultura, dos ecosistemas e da saúde de milleiros de galegas e galegos que viven nas decenas de puntos que xa están marcados no mapa militar desta guerra contra a nosa soberanía alimentar e para maior gloria da auténtica praga: o eucalipto!

En Internet xa somos case 100.000 persoas a dicirlle NON ás fumigacións e SI á vida das abellas, vítimas na primeira liña deste ataque frontal contra a supervivencia da natureza da que nos alimentamos e da que somos parte intergrante. Agora xuntaremos milleiros de voces tamén nas rúas da capital de Galiza para deixarlles claro aos que poñen o diñeiro e asinan as autorizacións, que non imos permitilo e que coa comida e a auga que consumimos nós e os nosos fillos non se xoga. Co noso monte non se xoga! Nin unha pinga dese veleno na nosa auga, na nosa terra!

Xa o dicían os nosos vellos: se morren as abellas, morremos nós!

Máis información: local nacional (981 570099),  na nosa web: www.adega.info ou en Facebook

Máis información:

http://fumigacionsnon.org/


Enviado por:
ADEGA
-adega@adega.info-
8 de junho de 2012 00:06
ADEGA-Informa: vindeiros eventos e actividades
__________________

gzvideos STOP FUMIGACIÓNS TÓXICAS - Manifestación Nacional - 10/06/12 #fumigacionsNON


___________________________

domingo, abril 01, 2012

Segundo o último informe da Xunta, o lume arrasou 750 hectáreas nas Fragas do Eume - Vídeo - Vaise constituir en réximen de autoconvocatoria a Plataforma en Defensa das Fragas do Eume, este Luns 1 de Abril en Pontedeume, ás 8 da Tarde - Enlaces coa Noticia - Informe da Xunta de Galicia


Diante da Casa do Concello de Pontedeume

O Luns 2 de Abril ás 20.00 horas diante da Casa do Concello de Pontedeume vaise constituir en réximen de autoconvocatoria a Plataforma en Defensa das Fragas do Eume.

A intención e constituir en réximen de autoconvocatoria a Plataforma en Defensa das Fragas do Eume e que se conformara por persoas a título individual, entidades políticas, AAVV, asociación culturais, sindicatos, empresas, etc. para demandar, denunciar, exixir medidas que sirvan para

1º.- Sensibilzar a opinón pública do valor ecolóxico que ainda conserva o Parque Natural das Fragas do Eume.

2º.- Exixir unha investigación exahustiva das causas que provocaron o incendio e exixir responsabilidades penais e políticas se as houber.

3º.- Exixir da administración medidas para paliar no posible as causas desastrosas causadas polo incendio no ecosistema do Parque natural.

4º.- Exixir medidas políticas para que ninguén se beneficie e lucre de xeito directo ou indirecto das consecuencias do incendio.

Evento no facebook



Enlaces coa noticia nos medios a través de Google Noticias.

A Consellería do Medio Rural e do Mar informa da situación dos lumes con datos recollidos ata ás 14,00 horas de hoxe. | Continúa activo o incendio que se iniciou no concello coruñés da Capela e que tería afectado, segundo as últimas estimacións provisionais, a unha superficie dunhas 750 hectáreas, das que 500 serían de arborado e o resto de raso. | Segue activado o nivel 1, como medida preventiva. | Nos labores de extinción actúan, ademais dos medios propios da Xunta, 275 efectivos da Unidad Militar de Emergencias (UME) | Informe da Consellaría 01.04.2012 14:00 horas|

Unha moi boa e completa información en Praza Pública O lume segue a arrasar o paraíso das Fragas do Eume _____________________