Amosando publicacións coa etiqueta Nós Diario. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Nós Diario. Amosar todas as publicacións

sábado, maio 23, 2020

Subscribirse a 'Nós Diario' é moito máis - O proxecto xornalístico non vería a luz se non fose polas persoas subscritoras que o fixeron posíbel no lanzamento e que día a día contribúen a manter unha cabeceira singular no panorama informativo


O proxecto xornalístico non vería a luz se non fose polas persoas subscritoras que o fixeron posíbel no lanzamento e que día a día contribúen a manter unha cabeceira singular no panorama informativo. Aínda que son tempos difíciles, 'Nós Diario' quere ir a máis. Explicámosche os nosos motivos.

A realidade que ninguén conta... é a que conta. Un dos aspectos máis interesantes que nos fan chegar sobre os nosos primeiros 100 números é que somos os que contamos máis. Si, tendo uns medios limitados, somos das poucas voces críticas no panorama informativo galego. Queremos desenvolver novas liñas de investigación, mais iso implica ter máis recursos e para Nós Diario, os recursos proveñen da subscrición.

Emerxer a  realidade galega

Moitas temáticas que trae á actualidade Nós Diario non están ben tratadas na maioría dos medios de comunicación galegos. De aí que busquemos un oco no panorama informativo con enfoques que teñen por norte que a realidade galega -magmática e plural- teña respiradoiros a través dos poros de papel das páxinas. Non só falamos de cuestións relacionadas coa educación ambiental, coa igualdade de xénero, cos dereitos laborais... tamén nos preocupa a capacidade de producir alimentos, de transformar materiais, de investigar, de innovar, de que as universidades galegas teñan un espazo para achegar na mellora das condicións de traballo dos galegos e galegas, sen necesidade de emigraren. A túa subscrición contribúe a colocar en primeira liña esas temáticas e a condicionar que outros medios tamén as teñan presentes.

Un medio sostíbel

Nós Diario -na súa edición na web- publica a maioría dos contidos en aberto, porque a información crítica e en idioma galego non pode ficar fechada nun momento transcendental para o futuro da lingua. Precisamos atraer novos públicos para ela e non hai mellor escaparate que a web, mais este esforzo precisa da colaboración de todas e de todos nós. Se te subscribes á edición en papel ou a réplica para a lectura en liña, estás contribuíndo a agrandar o espazo informativo da lingua galega e a facelo con información centrada na Galiza e con calidade.

12 + 1 cabeceiras  editadas na Galiza

Pensamos que hai públicos para todos os gustos e que queren ler en formatos distintos, papel ou dixital. Sempre nos sorprendeu quen dicía que o papel non tiña sentido sen reparar que até a chegada de Nós Diario as 12 cabeceiras de prensa escrita editadas na Galiza (ás que hai que sumar máis editadas en Madrid) están redactadas en español, con espazos marxinais para a lingua galega. Iso si é sorprendente. Nacemos para corrixir unha anomalía no papel, e somos conscientes de que para chegar a máis públicos hai que comezar desde abaixo. Por iso ao subscribirte a Nós Diario contribúes a que no papel -e tamén no dixital- a presenza da información galega -en contidos e lingua- teña máis espazo e procuremos condicionar e mostrar o absurdo dun 12-0 ou dun 12-1.

A información  sempre a paga alguén

Manter unha axenda informativa galega é un esforzo colectivo, a comezar polo cadro de persoal de Nós Diario. Mais a información que les -en tinta ou en píxel- ten un prezo. Esta vocación de estar ao servizo dos intereses das galegas e dos galegos debe ser apoiada polas persoas subscritoras, que queren ver emerxer noticias que non están na axenda dos grandes bancos que son hoxe -na práctica- o soporte da inmensa maioría dos medios. A información non é gratis, alguén a financia, se ti non es, ten a certeza de que son as grandes empresas ou os Gobernos.

Un 'bonus track': O semanario 'Sermos Galiza'

Subscribirse a Nós Diario tamén ten premio para as persoas subscritoras. En dúas semanas chegaremos ao número 400 do semanario Sermos Galiza, que nos acompaña desde 2012. Reformulámolo como un agasallo para a vista -e os sentidos-, para que fose unha revista que non se esgota nun día nin dous, mesmo para coleccionar. Onde a fotografía nas reportaxes ten un papel central e tamén a música, a literatura, o cinema, o teatro, a arte, etc... As manifestacións culturais non son cousa dun día, hai riqueza e variedade de opcións que deben ser mostradas. A túa subscrición contribúe a que a investigación de fondo, as reportaxes temáticas, a cultura no sentido máis amplo, saian reforzadas desta nova crise.

Cen subscricións máis para celebrarmos os 100 números

Nós Diario saía á rúa no día de onte con esta ilustración de Pepe Barro, un dos máis recoñecidos grafistas da Galiza, autor do deseño do xornal para conmemorar os cen primeiros números desde aquel 'cero' presentado no mes de novembro de 2019 no marco do Culturgal, e tras o primeiro, que vira a luz o 2 de xaneiro de 2020. Unha celebración á que se sumará en poucas semanas a publicación Sermos Galiza, que fai 400 números e que acompaña cada sábado o diario.

Fonte: https://www.nosdiario.gal/
_______

sábado, febreiro 15, 2020

En Nós Diario: Quecendo motores de cara ao 5-A - Os partidos políticos galegos aproveitarán a primeira fin de semana, tras a convocatoria das eleccións ao Parlamento por parte do presidente da Xunta, para pór a punto a maquinaria electoral


O 5 de abril, a cidadanía galega elixirá nas urnas quen a representará os vindeiros catro anos no Hórreo. As formacións políticas que se presentarán ás eleccións nacionais, tras a convocatoria por parte do presidente a pasada segunda feira, teñen previstos diversos actos para esta fin de semana. Quecemento de motores de cara a unha longa e decisiva carreira electoral.

PP

O Partido Popular ten previsto para este sábado en Vigo o acto de proclamación de Alberto Núñez Feixoo como candidato á Xunta. Os populares galegos agardan que o evento sexa "masivo", para dar testemuño de que a formación está "activada, mobilizada e ilusionada" e conseguir a cuarta maioría absoluta.

O obxectivo, segundo indicou na sexta feira en conferencia de prensa o secretario xeral do PPdeG, Miguel Tellado, é "continuar dando a Galiza a estabilidade e o crecemento que merece e necesita".

PSOE


O secretario xeral do PSOE na Galiza, Gonzalo Caballero, asiste este sábado ao Comité Federal do partido na súa sede en Madrid. A partir das 10.30 horas, estaba previsto que se desenvolvese a reunión do máximo órgano do partido entre congresos, que comezará coa análise política a cargo do secretario xeral e actual presidente do Goberno español, Pedro Sánchez.

BNG

A partir das 12 horas deste sábado, a portavoz nacional do BNG e candidata a presidir a Xunta, Ana Pontón, participará na capital na segunda mesa do espazo Pensar Galiza. O encontro terá lugar na Casa das asociacións, a antiga estación de Cornes. Pensar Galiza, segundo informa a formación, "é un proceso de contacto e interlocución ─estruturado en once grupos de traballo─ con distintos colectivos de cara a intercambiar propostas que poidan servir para enriquecer o programa electoral".

Anova

Anova terá tamén este sábado unha reunión da súa dirección, a unha semana de vencer o prazo para o rexistro de coalicións ás eleccións do 5 de abril, unha cita na que o espazo político do que facía parte e que logrou ser segunda forza nos comicios de 2016 podería estar representado por tres listas diferentes.

Anova traballa nunha "coalición alternativa sen deixar a porta pechada" a Podemos, mais un acordo amplo pasa por reeditar o espírito de coalicións anteriores, e é unha hipótese afastada nestes momentos, sinalaron fontes da formación. Nesta candidatura alternativa estarían a formación nacionalista fundada por Xosé Manuel Beiras e mais as mareas municipalistas, así como outros colectivos.

Podemos

O panorama dentro do que se deu en chamar "esquerda rupturista" comezouse a despexar na sexta feira, cando o líder de Podemos Galicia e deputado no Congreso, Antón Gómez-Reino, confirmou a súa candidatura ás primarias da súa formación. O partido morado aposta por manter a fórmula Galicia en Común (na que figura Esquerda Unida mais non Anova) para concorrer ás urnas con Gómez-Reino como referencia.

De feito, o líder de Podemos, Pablo Iglesias, aterrará en Galiza para participar no lanzamento da candidatura o 29 de febreiro, días despois de que culmine o proceso de primarias desta formación.

En Marea

Tamén este sábado terá lugar a reunión do Consello das Mareas, máximo órgano de dirección de En Marea, que nos últimos días fixo un chamamento á Anova e ás candidaturas municipalistas de Santiago e da Coruña de cara á explorar unha alianza.

O partido que lidera Luís Villares reiterou a súa vontade de estar nas eleccións do 5 de abril, ben en alianza con outras forzas do ámbito soberanista ben en solitario.



Publicado en Nós Diario. | 15.02.2020 |


https://www.nosdiario.gal/
_______________

venres, febreiro 07, 2020

O PP perde a Alcaldía de Fene, que pasa ao BNG - Juventino Trigo pasa ser o novo alcalde ao ser aprobada a moción de censura presentada por nacionalistas, PSOE e Esquerda Unida.

Juventino Trigo é parabenizado por veciños e veciñas finalizado o pleno extraordinario. (Iago Varela)

O PP perde a Alcaldía de Fene, que pasa ao BNG


Juventino Trigo pasa ser o novo alcalde ao ser aprobada a moción de censura presentada por nacionalistas, PSOE e Esquerda Unida.

Juventino Trigo (BNG) volve á Alcadía de Fene. O rexedor nacionalista fora despoxado do bastón de mando en 2018 por unha moción de censura presentada polo PP e Somos Fene, unha marea local desautorizada por En Marea. Nas eleccións de 2019, o BNG atinxía 6 representantes, os mesmos que PP, PSOE lograba 4 e Esquerda Unida 1. A Alcaldía fora parar o candidato popular, Gumersindo Galego.

Esta sexta feira, a moción de censura presentada por BNG, PSOE e EU saíu adiante no pleno extraordinario e afastou do poder a Gumersindo Galego, ao que a até agora oposición responsabilizaba de dirixir “un goberno agónico, sen orientación, sen apoio interno nin externo e cunha xestión moi negativa para o pobo de Fene". “Parou en seco a actividade e xestión administrativa", e "foi incapaz de impulsar actividades e proxectos máis aló do que viña facendo por inercia", denunciaban.

A moción de censura saiu adiante con 9 votos a favor e 6 en contra. O novo alcalde prometeu o cargo "por imperativo legal" e apelou a traballar para "a rexeneración política de Fene.
Juventino Trigo (BNG) novo alcalde de Fene pic.twitter.com/yNcc6VegAg
patricia hermida (@Patri_Hermida)
February 7, 2020
Publicado en Nós Diario | 07.02.2020
_______

xoves, xaneiro 02, 2020

Xa á venda nos quioscos o nº1 de 'Nós Diario' - Un xornal diario progresista, galego e en Galego


Xa podes comprar "Nós Diario", pois o Nº 1 xa está nos Quioscos.

Apoia á prensa progresista, galega e en Galego.

https://www.nosdiario.gal/

Faite asinante de Nós Diario

Tamén a través das subscricións, puntualmente na caixa de correos ou na porta da túa casa.

Nós Diario xa logrou o mínimo de 3.000 subscricións para facer viábel o proxecto dun xornal en galego que comezou a saída regular hoxe 2 de xaneiro de 2020. Mais precisamos aumentar o número de asinantes para ofrecer a mellor calidade xornalística posíbel tanto en papel como na rede.

Para facer-se asinante | Ir á Web.

---

mércores, decembro 25, 2019

Resolvémosche as dúbidas sobre Nós Diario - A Quinta feira, 2 de xaneiro de 2020, sairá á rúa o primeiro número de Nós Diario, tanto en papel como en soporte dixital


Quinta feira, 2 de xaneiro, sairá á rúa o primeiro número de Nós Diario, tanto en papel como en soporte dixital
. Apenas quedan uns días. Esta quinta, 26 de decembro, non se editará o semanario Sermos Galiza por descanso do persoal. O último número no seu actual formato foi o 377, publicado a pasada semana. Agora, pasará a formar parte de Nós Diario todos os sábados, como suplemento de fin de semana.


Cando se publicará o primeiro número?


Despois da publicación do número cero, de proba, que se presentou o 30 de novembro de 2019 no Culturgal, Nós Diario sairá á rúa o 2 de xaneiro tanto no soporte en papel como no soporte dixital. A partir de entón publicarase de terzas feiras a sábados en papel e os 365 días do ano en www.nosdiario.gal.


Por que cinco días á semana en papel?


Nós Diario publicarase en papel cinco días á semana, algo habitual na imprensa europea-, de terzas feiras a sábados. Unha edición en papel cinco días á semana supón un aforro nos custos de produción que fan viábel o proxecto e garante o dereito ao descanso de fin de semana das traballadoras e traballadores. Eses dous días sen edición impresa manteremos actualizado o diario dixital.


Que acontecerá con Sermos Galiza?


O diario dixital www.sermosgaliza.gal virará en www.nosdiario.gal e permitirá o acceso a todas as informacións de Sermos Galiza publicadas desde o seu inicio. O semanario en papel Sermos Galiza, que esta semana suma 377 edicións, desaparece na súa forma actual e pasará a formar parte de Nós Diario os sábados, como suplemento de fin de semana. Presentará unha aparencia e uns contidos diferentes ao actual semanario.


A subscrición ao suplemento é independente á do diario en papel?


Non. A subscrición é a Nós Diario e o prezo inclúe o suplemento de fin de semana Sermos Galiza, co cal, se es subscritora ou subscritor de Nós Diario recibirás de terzas a sextas o diario en papel e os sábados recibirás o diario en papel e mais o seu suplemento semanal Sermos Galiza.


Canto custará Nós Diario nos quiosques?


De terzas a sextas, 1,50 euros. Os sábados, 3 euros, pois inclúe o suplemento fin de semana.


Canto aforro se me subscribo a Nós Diario?


Subscribíndote obterás un importante aforro a respecto da compra día a día. Existen varias posibilidades de subscrición.

Versión en papel con acceso ao diario dixitalizado na nube:

➤ 12 pagamentos mensuais por un importe de 27 euros ao mes.
➤ 4 pagamentos anuais por un importe de 78 euros ao trimestre (26 euros ao mes).
➤ 2 pagamentos anuais por un importe de 150 euros ao semestre (25 euros ao mes).
➤ 1 pagamento anual por un importe de 288 euros ao ano (24 euros ao mes).

Acceso ao diario dixitalizado na nube:

➤ 12 pagamentos mensuais por un importe de 20 euros ao mes.
➤ 4 pagamentos trimestrais por un importe de 57 euros ao trimestre (19 euros ao mes).
➤ 2 pagamentos semestrais por un importe de 108 euros ao semestre (18 euros ao mes).
➤ 1 pagamento anual por un importe de 204 euros ao ano (17 euros ao mes).


Que é o acceso ao diario dixitalizado na nube?


Todas as persoas subscritoras ao papel terán acceso de balde ao diario dixitalizado na nube, que vén ser unha versión en PDF -mais sen posibilidade de descarga- do diario en papel.

Ademais, é posíbel subscribirse só ao diario dixitalizado, sen papel, cuxos custos son menores debido a que non é necesario distribuílo de maneira física.


Que sustentará a viabilidade de Nós Diario?


Nós Diario non conta con ningún gran medio de comunicación detrás. De feito, Sermos Galiza S.A. é unha iniciativa colectiva conformada por máis de 900 accións. Contamos co apoio económico de máis de 3.000 persoas, a cifra mínima de asinantes que garante a estabilidade financeira do medio. Continuamos a medrar.


Aínda é posíbel subscribirse a Nós Diario ou facerse accionista de Sermos Galiza S.A.?


Si, tes toda a información sobre as distintas modalidades de subscrición na web www.nosdiario.gal. É posíbel subscribirse desde 20 euros cada mes ou, o que é o mesmo, por 60 céntimos ao día, menos do que custa un café.

Este sería o prezo da subscrición ao diario dixitalizado na nube. Tamén permanece aberto o prazo para facerte accionista da empresa. Tes toda a información dispoñíbel no teléfono 881959597.


Podo agasallar subscricións ao diario?


Nós Diario pode ser o mellor agasallo para as persoas de pensamento aberto, actual e implicadas que non ven reflectidas na prensa convencional as súas ideas de avance social e que queren un medio galego, é dicir, aquel que coloca a lingua propia como único idioma de comunicación e Galiza como miradoiro.

O Nadal mais tamén un aniversario poden ser a escusa perfecta para agasallar unha subscrición que permitirá rachar coa anormalidade que supón que da ducia de cabeceiras diarias que operan no país ningunha saia en galego nin teña Galiza como centro. Todas as modalidades de subscrición en www.nosdiario.gal.


Como se garante a súa independencia?


Sermos xornalistas implica asumirmos un compromiso coa sociedade, sen censuras, sen autocensuras, sen presións e sen clientelismos. Quen renuncia a iso, deixa de ser xornalista e pasa a ser escritora ao ditado ou relacións públicas. Nós Diario, en todos os seus soportes, quere ser unha prensa libre e incorruptíbel.

Un medio que practique xornalismo crítico e que non estea amordazado pola subvención nin pola banca. Acreditamos en que unha sociedade libre non se consegue sen prensa independente que renda contas perante a verdade, a honestidade e o interese galego.

Sustentar a nosa viabilidade económica no conxunto de persoas asinantes permitiranos editar cada día un xornal plural e practicar un xornalismo sen cancelas, un xornalismo de calidade.


Que temáticas tratará Nós Diario?


Traerá ao primeiro plano informativo as temáticas que se botan en falta na axenda mediática da Galiza. Cuestións como a cultura galega, o traballo, os feminismos, a lingua, a diáspora, os dereitos civís, a historia, a memoria, o ecoloxismo...

Todo o que interesa a un público de pensamento aberto, actual e implicado, que non ve reflectidas na prensa convencional as súas ideas de avance social. Todo en base a unha ollada construtiva cara á realidade galega para contribuír a que o pobo galego conforme a súa opinión sobre información obxectiva e contrastada.


Web
https://www.nosdiario.gal/

Facebook
https://www.facebook.com/NosDiarioGZ/

Twitter
https://twitter.com/NosDiario

Dirección
Avenida de Lugo, 2-A, Entresollado A
15702 - Santiago de Compostela


Teléfono
(+34) 881 95 95 97

E-mail
xerencia@sermosgaliza.gal
__________________

venres, maio 17, 2019

'Nós Diario', a realidade dun xornal en galego, ... Por Xosé Lois García


Por Xosé Lois García [*]
17.05.2019


Aproxímase a aparición do xornal: “Nós Diario”. Con el ábrese un xigantesco e preciso pórtico de información no idioma galego. As imprecisións son un vello síntoma que enarbora o xornalismo en español, tan mediatizado polos poderes oligárquicos e por administracións estatais e autonómicas en Galiza. As estimadas e case millonarias subvencións que reciben localizados xornais galegos reverten o favor en fidelidade ao vulnerar unha información veraz, en vez de informar sobre a autenticidade real que tantas veces é terxiversada e, no caso máis grave, negada. Todo este volume de diñeiro serve para comprar desinformación, omisión e dar unha orientación nesgada, a que nos ofrecen eses medios? Non hai máis que ver a estatística do DOG sobre as axudas xornalísticas que certos medios reciben da Xunta. Esas poderosas cifras revelan múltiples orientacións do que é capaz de facer “don dinero” coa información en negativo, axudar a gañar eleccións sempre do mesmo lado. Estas premisas hai tempo que as teñen descuberto lectores pragmáticos que non se deixan guiar pola falsa e cobizosa evidencia xornalística que domina o panorama galego.

“Nós Diario” preséntase como opción a cubrir un espazo que non temos. Mais un espazo relevante e ausente dunha información que retome ese síntoma progresista que ten o noso país e que se foi realizando aos poucos até tomar a decisión de organizar un xornal. Que valor hai que ter nestes tempos de desoídas e desencontros, unificar ideas e esforzos e ser nós quen erga os alicerces dun xornal que sexa a voz dunha rexeneración de actitudes que florecen no noso país ás que se lles nega o seu brillo. Un xornal que procurará a veracidade informativa para divulgala. Precisamos dun medio que inicie un debate plural que responda aos intereses da nosa identidade para resolver localizados problemas.

É verdade que o xornalismo xurdiu en momentos moi críticos, naqueles espazos nos que prevalecía un dominio ditatorial. O estrondo triunfal da Revolución Francesa creou elementos sólidos en favor da democracia, da república e da liberdade, por medio de xornais, gacetas e folletíns. Mais aí estaba a idea e o espírito revolucionario daquela prensa. En sucesivos episodios revolucionarios da Europa do século XIX, a protagonista foi a información liberadora que daban os xornais. Por tanto, non hai rexeneración posíbel sen unha óptima información. Como dixo o escritor brasileiro Machado de Assis: “Tudo se regenera: tudo toma unha nova face. O xornal é un síntoma, un exemplo desta regeneração. A humanidade, como o vulcão, rebenta unha nova cratera quanto mais fogo lhe ferve no centro”.

Naquela altura de álxida repercusión da prensa, sinala Machado de Assis: “O jornal matará o livro? O livro absorverá o jornal?” Esta era a preocupación daquela nobreza asentada no seu barroquismo, que pensaba que os xornais estaban creando uns adeptos pola lectura nas clases populares, as máis desprotexidas economicamente que optaron pola lectura e creando desasosego. Aínda sinala Assis: “O jornal é a verdadeira forma da república do pensamento. É a locomotiva intelectual em viagem para mundos desconhecidos, é a literatura comum, universal, altamente democrática, reproducida todos os dias, levando em si a frescura das idéias e o fogo das convincções”. Nesta dirección orixinaria camiña “Nós Diario”, coa vocación de liberdade e de contar día a día as transcendencias que acontecen no noso país. E, por suposto, vai ocupar por primeira vez un lugar importante na prensa en Galiza, desta vez como diario.


A vinda deste xornal en galego non deixa de ser un proxecto de fidelidade ao noso país

Os que tentan divulgar o precipicio do proxecto están orquestrando de que xa non hai máis lugar para os medios, que o dixital está devorando o formato papel. A este tema tan especulativo como incendiario deu puntual resposta, nun recente artigo en Sermos, a súa directora María Obelleiro, sinalando: “Cando apareceu a televisión, prognosticábase que sería a fin da radio. Cando chegou a internet, dicíase que desaparecería a televisión. Cando irromperon os libros electrónicos, e anunciábase o fin dos libros en papel. Mais nada disto aconteceu”.

A vinda deste xornal en galego non deixa de ser un proxecto de fidelidade ao noso país, que constata o rigor e belixerancia pola defensa da nosa lingua. Sen o vehículo lingüístico non podemos ter o respiro do herdo identitario en súa plenitude. A lingua é a que nos proporciona interiorizarnos na comprensión cultural e social e expresarnos na nosa lingua orixinaria debe ser un elemento de expresión que nos unifica en outras demandas. A lingua é o pulmón da nosa identidade, o saben ben os que queren aniquilar o seu respiro. Por tanto, “Nós Diario” exercerá de mastro direccional dun proxecto informativo que, ademais de suplir carencias, poñerá en valor todo aquelo que foi depredado ou está en vías de repoñer o noso patrimonio inmaterial e material. Este proxecto xornalístico non deixa de ser ilusionante para unha nación anulada, con silencios colonialistas. É moi importante, en tempos de confusión, manter diariamente unha cabeceira xornalística en galego. A creación deste xornal reflexa a dialéctica de autoestima polo noso país.

[*] Xosé Lois García Fernández, nado en Merlán (Chantada) o 22 de abril de 1945, é un escritor. Galipedia | Web de Xosé Lois Garcia. |  AELG.

Públicado en Sermos Galiza - 09.05.2019 | Baixo lizenza Creative Communs.

Para saber máis: "Nós Diario".

https://www.nosdiario.gal/

Facebook | Twitter
________________________

mércores, maio 08, 2019

'Nós Diario', o nome do xornal en papel que impulsa Sermos Galiza - Após realizar a Xunta Xeral de Accionistas, Sermos Galiza S.A. presentou publicamente o cabeceiro de Nós Diario, o xornal en papel, con edición dixital os 365 días do ano, que verá a luz a finais de 2019


Nós Diario, o nome do xornal en papel que impulsa Sermos Galiza. | Após realizar a Xunta Xeral de Accionistas, Sermos Galiza S.A. presentou publicamente o cabeceiro de Nós Diario, o xornal en papel, con edición dixital os 365 días do ano, que verá a luz a finais de 2019.


Sermos Galiza S.A. presentou o cabeceiro e as características principais de Nós, o diario en galego que verá a luz a final de ano. Fíxoo nun acto que decorreu na mañá do sábado, após a Xunta Xeral de Accionistas, na Nave de Vidán en Compostela, onde se fixeron públicas as principais liñas de deseño do diario en papel, que nacerá á par dun diario dixital cunha importante presenza audiovisual.

O primeiro en tomar a palabra foi Xoán Costa, presidente do Consello de Administración de Sermos Galiza S.A., quen lembrou as datas significativas que marcaron a posta en marcha do diario en galego. “A primeira, o 24 de novembro de 2017, día en que fixemos pública a intención de ofrecer máis contidos a través dun diario en papel durante cinco días á semana. A decisión susténtase en dúas ideas base: un diario en papel é necesario e é posíbel”, expuxo o tamén conselleiro delegado, que foi debullando a cronoloxía da iniciativa.

Costa afirmou que o proxecto foi concibido “sobre o marco da pluralidade e do diálogo entre Sermos Galiza S.A. e todas as asociacións e organizacións colectivas que confían nas capacidades dunha Galiza real, na certeza de que esta iniciativa ten que abranguer e ser participada por todas as persoas que conforman a nosa base lectora”. “É así como queremos construír este diario de intereses galegos, profesional e colaborativo para así ofrecer información e análise con rigor e perspectiva propia ao servizo, sempre, do pobo galego”, engadiu.

"Os primeiros números cero do diario en papel verán a luz a finais de ano e a partir do 2 de xaneiro de 2020 sairá ás rúas de terzas feiras a sábados e no formato web, todos os días do ano"

Desde hoxe comeza a conta atrás para que no final deste ano poidamos ter nas mans un diario que servirá para facer normal o que agora é unha anomalía, para traer ao primeiro plano informativo todos os temas que agora non se ven reflectidos na prensa convencional, para botar unha ollada construtiva cara á realidade galega, para contribuír a conformar, como pobo, unha opinión obxectiva e contrastada sobre todo o que nos afecta”, destacou. Os primeiros números cero do diario en papel comezarán a prepararse no mes de outubro e verán a luz a finais de ano e a partir do 2 de xaneiro de 2020 o diario en papel sairá ás rúas de terzas feiras a sábados e no formato web estará actualizado todos os días do ano.

Un xornalismo socialmente responsábel

María Obelleiro, directora de Sermos Galiza, interveu para dar a coñecer as características do diario, que apostará, dixo, nun “xornalismo socialmente responsábel, con información rigorosa baseada en datos e fontes fidedignas que non dirixirá o lectorado, senón que contribuirá a que sexan as lectoras e os lectores quen conformen a súa opinión en base á obxectividade e ao contraste”. “Así é como queremos construír a actualidade, pois o xornalismo non debería buscar máis recompensa que a satisfacción de facilitarlle ao lectorado máis elementos de xuízo para se formar unha idea do mundo”, salientou.

A xornalista expuxo a estrutura do diario en papel, que contará con catro seccións principais que evitarán a lectura fechada dos medios convencionais. Así, presentará a información nos módulos Galiza, Economía-Traballo, Internacional e Cultura-Axenda. Ademais, incorporará tres seccións de ruptura (Opinión, En foco e Última, que cada día recollerá o editorial coa análise do medio en relación á actualidade).

A respecto da axenda, a xornalista apuntou que “Nós Diario quere situarse na vangarda, con temáticas que carecen de espazo na axenda mediática e que afectan e preocupan ás galegas e galegos”. “Cultura, traballo, ecoloxía, feminismos, lingua, historia, diáspora, economía, memoria, dereitos e liberdades civís, mobilidade… son algúns dos fíos que tecerán os textos do xornal”, agregou.

"O proxecto vai alén do diario en papel, pois a aposta é multisoporte, cun dixital que se actualizará os 365 días do ano e que potenciará o contido audiovisual"

A directora de Sermos Galiza puxo énfase na característica multisoporte de Nós Diario, pois o proxecto vai alén do xornal en papel –que se publicará de terzas a sábados, este día co Sermos Galiza como suplemento fin de semana– para reforzar a aposta no dixital, que se actualizará os 365 días do ano e que potenciará as pezas audiovisuais, unha tendencia consolidada na rede. A reflexión e a información en profundidade virá da man de Sermos Galiza, pois o actual semanario vira en suplemento de fin de semana.

Pepe Barro: “O novo deseño debe expresar futuro

Pepe Barro, deseñador, responsábel da creación do proxecto gráfico, tomou a palabra para explicar que Nós “xa fala de historia, de cultura, de galeguismo. O novo deseño debe expresar futuro e, tal como fixo Castelao, usamos os códigos do noso tempo, do deseño internacional”. “Procuramos unhas letras con valores branco-negro semellantes ao ‘Nós’ histórico, e só revirando o acento, ampliándoo e pintándoo de azul dicimos Galiza: todos e todas ‘a nosa voz entenden’”, sinalou.

O deseñador subliñou o uso da tipografía do profesor galego da Universidade de Vigo, Marcos Dopico. “A Atlántica Serif Display é unha versión das clásicas letras con remates –serif– para tamaños grandes, concibida cunha forte personalidade que dará carácter aos titulares do xornal. Máis Grotesk é a versión de Dopico das clásicas letras de pau seco que en Nós Diario estarán de apoio. Isaac Estreita é tamén outra tipo que reinterpreta un canon, desta vez o das letras estreitas ou condensadas”, afirmou o grafista. Para corpo do texto, Barro optou pola Georgia, unha tipografía caracterizada pola súa lexibilidade.

O nome

A denominación Nós é unha creación orixinal de Castelao que responde a unha encomenda do escritor Eladio Rodríguez, que en 1918 bota a andar unhas páxinas especiais sobre literatura galega no xornal coruñés El Noroeste. A denominación e a súa forma gráfica son parte do deseño da cabeceira que realiza Castelao.

Despois foi o título do seu Álbum Nós e logo, no mesmo ano da exposición pública do Álbum, pasou a dar nome á revista. En 1920, tal como apunta Vicente Risco: “O Castelao foi o padriño: o tíduo Nós pertenecíalle a il; era o do seu fermoso álbum, no que Galiza xeme, chora, maldizoa e rebélase en cincuenta sepias ademirábeles”. Co mesmo pronome plural, en 1927 Ánxel Casal nomea á súa editora: Nós, Pubricacións Galegas e Imprenta. Co diario en papel, que aspira a ampliar o espazo galego de comunicación e a ser referente no panorama mediático da Galiza, Nós continúa na vangarda e camiña cara ao futuro.

"As persoas participantes foron agasalladas cunha publicación especial de doce páxinas que amosan parte do deseño de Pepe Barro"

Ao rematar o acto, Sermos Galiza entregou ás persoas asistentes unha publicación especial de doce páxinas en que se amosan parte do deseño de Pepe Barro e onde escriben o propio grafista, Xoán Costa, María Obelleiro e a catedrática de Comunicación Audiovisual Margarita Ledo. Na próxima semana este adianto do deseño de Nós Diario será entregado ás persoas subscritoras de Sermos Galiza co semanario.

A subscrición, o paso necesario


Sermos Galiza, S.A. marcou en 3.000 as presubscricións mínimas para garantir a estabilidade financeira precisa que permitiría manter a edición do diario. Despois de percorrer Galiza para difundir o proxecto, acadáronse. Así o lembraba o presidente do Consello de Administración, quen agradeceu o apoio de todas as persoas asinantes. As subscricións, advertía, "son o pasaporte a unha viaxe que nos levará a facer de Nós Diario un xornal forte, aberto a todas e a todos os que apostan no desenvolvemento económico, social e cultural do noso país".

Cantas máis mans sirvan como base do diario, máis calidade xornalística poderemos ofrecer”, salientaba Costa, “o apoio económico é a mellor maneira de garantir a estabilidade necesaria para poder ofrecer un xornalismo de calidade”.

⏩ Nesta ligazón recóllense as distintas modalidades de subscrición.

⏩ Publicado en Sermos Galiza - 04.05.2019 | Baixo Licenza Creative Commons by-nc-nd/2.5.

⏩ Álbum fotográfico do acto de presentación. | Ir á Web.
________