Amosando publicacións coa etiqueta ODS-Coia. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta ODS-Coia. Amosar todas as publicacións

xoves, xuño 28, 2018

Os Tribunais volven a condenar á Xunta pola pésima xestión da Risga - Unha pequena vitoria máis conseguida grazas ao esforzo e valentía dunha perceptora da RISGA cansa de ser obxecto de control e maltrato por parte da Xunta


Unha moi interesante nova, envian-nos as compañeiras e compañeiros de ODS de Coia (Vigo) en referencia a unha nova sentenza, logo de gañar (En 23 de novembro de 2016) contra a Consellaría de Política Social da Xunta de Galicia no Xulgado do Contencioso Administrativo de Vigo, unha moi importante sentenza onde lle daba a razón á persoa afectada (Lucia) por está negar-lle o Risga, por estar vivindo na mesma vivenda onde outra persoa cobraba a mesma renda de inxerción social. Despois de condenada a Consellaría de Política Social, Lucia "reclamou á Xunta os danos e prexuízos sufridos con esa decisión, tales como o aumento dos gastos que supuxo o cambio de vivenda, a mudanza... e sobre todo, o padecemento moral e a angustia psicolóxica que dita situación lle provocou… Coma sempre a Xunta negou dita responsabilidade, e Lucía tivo que volver aos Tribunais...". De novo unha sentenza da-lle a razón...

Hai pouco máis dun ano contábamos como Lucía, unha rapaza da nosa cidade, viña de gañar unha batalla persoal e xudicial coa Xunta [1].

Lucía recorreu no Xulgado a resolución da Xunta que a obrigaba á mudarse de domicilio por estar convivindo con outra perceptora da RISGA, baixo ameaza de retirarlle a prestación. Lucía levou dita decisión á vía xudicial e o Xulgado Contencioso Administrativo nº1 de Vigo, deulle a razón e ditou sentenza anulando dita resolución por ser contraria a dereito.

Así a sentenza deixaba claro que a Xunta non pode prohibir a percepción de máis dunha RISGA por domicilio e literalmente sinalaba: “Sería INVEROSÍMIL que dúas persoas que perciben sendas prestacións para eludir a sua exclusión social tiveran que excluírse mutuamente, para non incorrer en esaxerada inclusión”.

Ante dita resolución xudicial, Lucia reclamou á Xunta os danos e prexuízos sufridos con esa decisión, tales como o aumento dos gastos que supuxo o cambio de vivenda, a mudanza... e sobre todo, o padecemento moral e a angustia psicolóxica que dita situación lle provocou… Coma sempre a Xunta negou dita responsabilidade, e Lucía tivo que volver aos Tribunais.

Novamente, o Xulgado do Contencioso Administrativo de Vigo volveu a darlle a razón a Lucía e ditou a sentenza nº 153/2.018 de 20 de xuño pola que se declara a responsabilidade da Consellería de Política Social e a condena a responder polo sufrimento e prexuízos causados á compañeira, por medio do aboamento dunha indemnización económica á mesma.

Unha pequena vitoria máis conseguida grazas ao esforzo e valentía dunha perceptora da RISGA cansa de ser obxecto de control e maltrato por parte da Xunta. Como a todas nós, Lucía estaba farta das políticas miserentas desta Consellería, incapaz de solucionar os problemas das persoas, e que lonxe de garantir unha vida digna para todas, afonda na exclusión e no empobrecemento.

Non podemos seguir soportando estas situacións. Compre dicir basta. Compre unha solución íntegra e digna para as persoas. Compre a Renda Básica das Iguais e moitísimo máis, xa!

Coia, xuño 2018

Documentación.

Sentenza 000153/2018 do Xulgado do Contencioso-Administrativo de Vigo  nº1 do 20 de xuño de 2018. | Acceder/Baixar.

[1] Un xuíz recoñece que nun mesmo domicilio poden convivir varias perceptoras de RISGA. | Contencioso Administrativo nº1 de Vigo, na sentenza nº 389 de 23/11/2016. | Por ods de coia on Mar, 31.01.2017. | Ir á Web.

OFICINA DEREITOS SOCIAIS - COIA (ODS-Coia)
odscoia.arkipelagos.net | odscoia@riseup.net |@odscoia | tel: 696 618 732 - 679 758 663. | Estamos os luns de 17h00 a 19h00 en Coia, nos locais da parroquia do Cristo da Vitoria (rúa Baiona 9, Vigo).
______________

sábado, xaneiro 13, 2018

Campaña de alegacións colectivas ao decreto da RISGA - Fronte a “esmola social” da RISGA e do resto de políticas sociais propoñemos a creación dun novo dereito que supere a política vixente prestacións e axudas sociais que non eliminan nin o empobrecemento nin a desigualdade - Modelos Alegacións


A finais de ano a Xunta penduraba o borrador do decreto que desenvolve a lei da RISGA. Xunto á publicación deste documento abren un período para presentar alegacións que finaliza o 19/01/2018.

Dende a ODS-Coia elaboramosuse unha proposta de alegacións, que animamos a presentar nos rexistros da Xunta antes do 19 de xaneiro a todas aquelas persoas comprometidas coa xustiza social (só tes que encher os teus datos e asinar).

Fronte a “esmola social” da RISGA e do resto de políticas sociais propoñemos a creación dun novo dereito que supere a política vixente prestacións e axudas sociais que non eliminan nin o empobrecemento nin a desigualdade. Fronte a isto propoñemos un novo dereito: a Renda Básica das iguais que garanta, xunto a outras medidas, unha vida digna para todas as persoas. Na transición cara ese novo dereito propoñemos unha serie de medidas de urxencia que detallamos nos seguintes puntos:
  • Contía digna: ninguén cobrando menos de 890 €/mes por persoa (metade da renda per cápita da Galiza, dividida entre todas as persoas residentes no país). Así como a eliminación do IPREM que leva 6 anos conxelado.
  • Dereito para aquelas que residan na Galiza, con independencia do seu pasaporte e situación administrativa.
  • Brevidade e simplicidade na tramitación: as resolución as fai a Xunta, sen pasar polos servizos comunitarios dos concellos, e ten que estar resolta nun prazo máximo dun mes dende a solicitude.
  • Compatibilidade con axudas e prestacións (PNC, Axuda familiar, RAI...) de contía inferior mentres non desaparezan.
Botade-nos unha man enchendo a alegación que podedes descargar. Formato pdf. | Acceder/Baixar.

As podedes enviar de varias formas:

1- Enchendo o formulario na web da Xunta onde está subido o borrador. | Acceder/Baixar.

2- Meténdo-a a través do rexistro da Xunta.

3- Achegándo-a ao noso mail (odscoia@riseup.net) e dende aí as enviamos nós.

--
OFICINA DEREITOS SOCIAIS - COIA (ODS-Coia)
odscoia.arkipelagos.net | odscoia@riseup.net |@odscoia | tel: 696 618 732 - 679 758 663. | Estamos os luns de 17h00 a 19h00 en Coia, nos locais da parroquia do Cristo da Vitoria (rúa Baiona 9, Vigo)


Enviado por:
Oficina Dereitos Sociais - Coia
-dereitossociais@gmail.com-
11 de janeiro de 2018 22:13

____________________________

martes, xaneiro 17, 2017

A mobilización popular consigue a renuncia da acusación contra o activista Diego Lores - Onte chegaba a comunicación ao peche que viña mantedo a veciñanza de Coia na igrexa do significativo barrio vigues - "Quéren-nos en soidade, teran-nos en común",


O pasado xoves 12 de xaneiro, tiña lugar un acto en Ferrol, en solidariedade coa loita veciñal contra o malgasto no barrio vigués de Coia, concretado na loita da Rotonda, onde o alcalde  vigués, o socioliberal Abel Caballero, empeñou-se na colocación dun barco pesqueiro -o Bernardo Alfageme- na rotonda do barrio, gastando centos de miles de euros, mentres moita xente do barrio estaba pasando moitas necesidades e nos servizos sociais municipais escaseaban os recursos. Foi unha loita veciñal exemplar, mais onde desde a Alcaldía ordenou-se utilizar a violencia contra a veciñanza e así foi imposto o malgasto coa colocación do barco pesqueiro na rotonda pola forza. Un axente rompeu un dedo no forcexeo e aproveitaron para acusar ao activista Diego Lores de atentado, a pesar de que o Fiscal non veu indicios de delito algún, a acusación particular solicitaba tres anos e medio de prisión e mais de 30.000 euros de responsabilidade civil. Todo un despropósito auspiciado pola alcaldía. A mobilización popular non se fixo agardar, desde a propia veciñanza, até organizacións sociais, sindicais e políticas. A relación de persoas do mundo da cultura, das artes, dos movementos sociais, ... que asinaron o manifesto, é unha mostra do significado popular da loita veciñal e da calidade humana de Diego Lores e d@s activistas do barrio vigués. En Ferrol proxectou-se un pequeno corto que convidamos a ver: #MoitoPeixeRompeARede que resume a loita popular contra o malgasto na rotonda. Baixo o lema "Quéren-nos en soidade, terán-nos en común", tivo lugar unha Palestra-Coloquio á que se achegarón activistas da Asembleia Aberta de Coia. Desde as Marchas da Dignidade Ferrolterra, colleu-se a testemuña da solidariedade, repartindo-se follas informativas na Feira de Ferrol deste pasado Domingo e convocou-se unha concentración onte no Palco da Música do Cantón. Onte mesmo chegaba a nova de que retiraban a acusación e o proceso quedaba sobreseido e arquivado, Diego Lores, non ía ser xulgado e a mobilización popular conseguiu gañar a loita. Hoxe tiña lugar unha Rolda de Prensa pola mañá, para posteriormente dirixir-se até a Rotonda de Coia, para seguir denunciando o malgasto e a represión, pois hai que lembrar que desde que comezaron as protestas pacíficas en 2014, sufriron xa numerosas multas, detencións e a condena do activista Xurxo Romero.


Marchas da Dignidade Ferrolterra

#ColumnaFerrolterra

marchasdadignidadeferrolterra@gmail.com


Teléfono Ferrolterra
635 229 857

Páxina no Facebook da asemblea Aberta de Coia:
https://www.facebook.com/asembleaabertacoia/

Web de ODS:
http://odscoia.arkipelagos.net/

__________

domingo, maio 22, 2016

A auga é un dereito básico para todas as persoas, unha reportaxe desde Vigo: Vídeo #AugaParaTodas


As compañeiras e compañeiros de da Oficina de Dereitos Sociais do barrio de Coia en Vigo, envían-nos unha reportaxe audiovisual de interese, desde Ártabra 21, publica-mo-la, non podía ser menos, para difundir a actividade social das organizacións comprometidas co benestar social e a loita pola xustiza e os dereitos civís e humanos, desde o sur da Galiza.

A auga é un dereito básico. O acceso a este servizo non debería estar en mans de empresas privadas, que fan negocio mentres a administración se desentende e non se garante que persoas sen recursos vivan situacións terríbeis como a do corte deste subministro.

Na reportaxe falamos con afectadas polos cortes de auga en Vigo, coa Oficina de Dereitos Sociais de Coia, e escoitaremos tamén aos responsábeis da empresa Aqualia, que xestiona o acceso ao dereito básico da auga no concello de Vigo.

Queremos escoitar outras voces, visibilizar o que acontece na cidade de Vigo, onde os dinosetos saíron gratis porque foi Aqualia quen os pagou, ademais de se facer cargo de humanizacións de rúas, e onde non existe un protocolo para aquelas persoas que non poden pagar as facturas da auga.

#AugaParaTodas porque é un dereito, un ben común, e porque queremos que rematen os cortes de auga.

Video #AugaParaTodas


https://youtu.be/LwucFc7INRo
--
OFICINA DEREITOS SOCIAIS - COIA (ODS-Coia) | odscoia.arkipelagos.net | odscoia@riseup.net |@odscoia | tel: 696 618 732 - 679 758 663. | Estamos os luns de 17h00 a 19h00 en Coia, nos locais da parroquia do Cristo da Vitoria (rúa Baiona 9, Vigo)

Enviado por:
Oficina Dereitos Sociais - Coia
-dereitossociais@gmail.com-
20 de maio de 2016 16:52

_______________

martes, xuño 02, 2015

A Xunta pretende agochar a miseria da RISGA con contratos precarios


A Xunta pretende agochar a miseria da RISGA con contratos precarios

A Xunta nola quere xogar coa RISGA. Van de preocupadas pola inclusión social anunciando novas medidas, pero o único que fan e engordar o número de persoas que sofren o empobrecemento e a precariedade. Anunciaron hai unhas semanas 1.000 contratos para perceptoras da RISGA. Igual que o ano pasado, e con cartos chegados de Europa, a Xunta subvenciona cunha dotación de 10.000.000 de euros, as nóminas e as cotizacións á Seguridades Social para que os concellos contraten a persoas que estean a cobrar a RISGA.

Ofrecen, como o pasado ano, empregos de 7 meses de duración e do 75% da xornada laboral, para cobrar ao redor de 600 €. Os postos a cubrir son peón/a de xardinaría, peón/a de obra pública, condutor/a, etc., sendo o requisito da orde que sexan postos vinculados a obras e servizos de interese xeral e de utilidade social.

A intencionalidade do goberno autonómico non muda con respecto á convocatoria do ano ano anterior, que é, eliminar o maior número de persoas que cobran a RISGA. Número que a finais do ano pasado xa superaba as 10.000 persoas no noso país.

E despois de sete meses de contrato precario que? A única renda á que se pode acceder é un subsidio de 213 € xestionado desde o servizo público de emprego. Cantidade claramente insuficiente para cubrir as necesidades básicas. Obrigando as persoas a solicitude de axudas de emerxencia social, que son escasas e limitadas. E a comezar de novo o tortuoso camiño de solicitude da RISGA: con numerosas citas nos servizos sociais, control e visitas o domicilio, entrega de abundante documentación e a espera de máis de dez meses da resolución.

Esta medida de emprego temporal e precario, é a solución da Xunta para mellorar as condicións de vida daquelas que encarnamos as cifras das estatísticas:
  • Dous de cada tres desempregadas, unhas 185.000 persoas, non perciben ningún tipo de prestación.
  • 95.000 fogares teñen todos os seus membros no paro, dos cales 18.000 viven en grave situación de pobreza.
  • Un cuarto da sociedade galega vive na exclusión social.
  • Tres de cada dez perceptores da Risga teñen cronificado a súa situación.[*]
A fenda da pobreza agrávase no noso país, a situación de precariedade e exclusión social aumenta sen freo para moitas galegas e galegos. Non cansamos de repetir que a RISGA non é un instrumento eficaz que garanta a inclusión social nin unhas condicións de vida dignas, plenas e en liberdade. Fronte á centralidade do emprego, nós falamos da centralidade da vida: Renda Básica das iguais e moitísimo máis!

Xuño, 2015

ODS-Coia

[*] Datos de Sermos Galiza.

--
OFICINA DEREITOS SOCIAIS - COIA (ODS-Coia) | odscoia.arkipelagos.net | odscoia@riseup.net |@odscoia | tel: 696 618 732 - 679 758 663 | Estamos os luns de 17h00 a 19h00 en Coia, nos locais da parroquia do Cristo da Vitoria (rúa Baiona 9, Vigo).

Enviado por:
Oficina Dereitos Sociais - Coia
-dereitossociais@gmail.com-
2 de junho de 2015 08:26

___________________

martes, maio 05, 2015

O despropósito do Ticket Eléctrico da Xunta: Non se xoga coas necesidades básicas


O despropósito do Ticket Eléctrico da Xunta: Non se xoga coas necesidades básicas


O pasado martes 28 de abril varias ducias de persoas, convocadas pola ODS-Coia, G.A.S. e a parroquia do Cristo da Vitoria, concentrámonos diante da delegación da Xunta de Galicia en Vigo para denunciar que non aceptamos “Ningún negocio coas nosas necesidades”. A través dun acto de entrega colectiva do ticket eléctrico deixamos de manifesto que esta medida nin remata coa pobreza enerxética, a cal sufrimos cada días máis fogares, nin serve para garantir o dereito ao subministro eléctrico, independentemente de ter ou non ingresos.

As respostas da Xunta a necesidades tan básicas como a electricidade é, ademais desta esmola asistencial en forma de ticket, son as seguintes:
  • Unha chea de policía (secreta incluída) e gardas de seguridade, que coma en anteriores ocasións, estaban pendentes dos movementos dun grupo de persoas que acudían a denunciar a “mala vida” que nos ofrecen os poderes a través da presentación desta axuda.
  • Un informe asinado polo xerente do INEGA (Instituto Enerxético de Galicia) en resposta á queixa feita na presentación colectiva do ticket eléctrico realizada o 24 de novembro de 2014. Chama a atención que a resposta chegou días antes de facer pública a convocatoria do acto na Xunta. Pero máis que a data da resposta o chocante é o contido da mesma. Por partes a comentamos:
  • Solicitudes só por vía telemática: o INEGA xustifica a obrigatoriedade e exclusividade da presentación telemática das solicitude, no“alto número de solicitantes potenciais”. Compartimos ese argumento, pero unha cousa é que unha ampla maioría de persoas suframos para pagar as facturas da luz e outra diferente é que sexamos quen de cumprir os restritivos requisitos que establece a Xunta. E sempre e cando teñamos a capacidade de cursar unha solicitude que semella pensada para que non a presentemos.
  • Negativa do Concello de Vigo a colaborar coa documentación: estamos acostumadas a estar no medio das leas entre administracións nas que a peor parte sempre recae sobre nós. Neste caso o concello négase a emitir o informe social da solicitante requirido na convocatoria. Informe social que é absolutamente innecesario, xa que debería ser unicamente o nivel de renda o criterio para conceder ou denegar a axuda, non precisando dun informe dunha traballadora social para acreditar tal extremo.
  • Impedimentos para tramitar a solicitude na Xunta: o xerente parece presumir de que o 24 de novembro mandaron de Compostela dúas funcionarias para axudar cos trámites ás persoas que nos concentramos para solicitar a axuda. Dende a apertura do prazo até a finalización do mesmo, coa excepción do día de dita concentración, na delegación de industria en Vigo o que había era descoñecemento e desinformación e falta de equipos e material para cursar as axudas: a plataforma tiña un funcionamento precario e non existían ordenadores a disposición do público.
  • A miseria da contía da axuda: véndesenos que nesta convocatoria a contía da axuda aumentou até os 90 €, ou 150 de sermos familia numerosa. En tempos en que unha gran parte da poboación sofre a cotío a chamada pobreza enerxética, en que moitas de nós sufrimos cortes de luz por non poder pagar as elevadas facturas, a escaseza do importe das axudas parécennos un insulto. Unha vez máis temos que tragar coa propaganda de medidas miserentas e insuficientes que non serven para nada.
  • Excesiva burocratización das convocatorias: ademais de termos que salvar a presentación telemática, a falla de persoal e equipos para a tramitación, volvemos a sufrir os atrancos administrativos, a esixencia de documentación, unha dobre convocatoria para unha única axuda, que nos obriga a superar a mesma “carreira de obstáculos” para conseguir uns poucos euros.
Esiximos que a Xunta, como o resto das administracións, tome en serio o benestar das persoas, e que, dunha vez por todas, mude a concepción asistencialista e miserenta á que nos ten acostumadas, por medio de políticas que vaian a orixe do problema, que ataquen e rachen con este sistema no que mentres moitas pasamos frío, uns poucos enchen os petos especulando coas nosas necesidades básicas.

Coia, maio 2015

Oficina Dereitos Sociais - Coia

Documentación:
Copia do Informe emitido polo xerente de INEGA da consellería de Economía e Industria | Acceder/Baixar.

-- --
OFICINA DEREITOS SOCIAIS - COIA (ODS-Coia) | odscoia.arkipelagos.net | odscoia@riseup.net |@odscoia | tel: 696 618 732 - 679 758 663. | Estamos os luns de 17h00 a 19h00 en Coia, nos locais da parroquia do Cristo da Vitoria (rúa Baiona 9, Vigo).

Enviado por:
Oficina Dereitos Sociais - Coia
-dereitossociais@gmail.com-
5 de maio de 2015 11:51

___________

domingo, abril 26, 2015

A RISGA: a Xunta condénanos á miseria e á precariedade


Seguen os problemas da RISGA. Polo momento o decreto que ten que desenvolver a Lei 10/2013, do 27 de novembro, de inclusión social de Galicia segue na neveira, mais ben no conxelador. Na consellería falaban de mediados de 2015 como posible data de publicación do mesmo. Polo momento non hai novas, e os tempos fixados na lei están amplamente superados.

Non é que pensemos que o decreto vaia a mellorar a situación actual. Sabemos que consolidará a restritividade na aplicación que sufrimos, porén a aprobación do mesmo pode ser unha oportunidade -se somos quen de xuntar forzas e loitas- para rematar coa indefensión que provoca non ter un marco legal claro e definido.

Mentres agardamos polo decreto, as delegacións provinciais van, paseniño, actualizando os expedientes á normativa vixente aproveitando as revisións anuais dos mesmos. A nova lei mantén moitos dos problemas antigos engadindo, a maiores, novas e máis duras restricións. Facemos unha pequena enumeración dos, vellos e novos, atrancos:
  • Un ano de espera pola RISGA. Na delegación de Vigo están a resolver solicitudes presentadas en decembro de 2014. Os atrasos na Xunta, engadidos á demora na tramitación por parte dos servizos sociais do Concello de Vigo fan que teñamos que agardar máis de un 1 ano para poder cobrar á RISGA. Tanto Xunta como Concello de Vigo están a incumprir os prazos máximos de resolución marcados por lei, que non poden exceder os 3 meses dende o momento da solicitude.
  • Como xa denunciamos varios colectivos, a nova lei deixa fóra da RISGA a cidadáns da Unión Europea que non acrediten “residencia legal. Para poder acreditar esa residencia legal se esixe contar con ingresos económicos, incompatibles á súa vez, coa percepción da RISGA. O que, na práctica, está a supoñer que non se outorguen RISGAs a cidadáns da UE.
  • Imposibilidade de que varias unidades cobren a RISGA se viven nun piso compartido. A Xunta aplica agora o criterio: “unha RISGA por domicilio”. Aínda que sexan unidades familiares con nenxs a cargo.
  • Se tes un emprego precario non podes solicitar a RISGA. Se no momento de presentar a solicitude non estás desempregado non podes solicitar a RISGA. Da igual que sexa un emprego precario, a tempo parcial ou cun salario inferior á contía da RISGA.
  • Péchase a posibilidade de solicitar a RISGA se no momento de facelo percibes algunha axuda. Era moi habitual que perceptoras da RAI (=426€ x 11 meses) iniciasen a tramitación da RISGA con varios meses de antelación a que finalizase aquela, para tratar de no quedar ningún mes sen ingresos; o cal agora non é posible e polo tanto obrígannos a permanecer máis meses sen ningún tipo de ingresos.
A Xunta coas súas políticas sociais, lonxe de ir ás causas da desigualdade e da privación de recursos básicos que cada día sufrimos máis galegas (95000 fogares con todos os membros en paro, 37000 desempregadas en Vigo...), léanos no “labirinto da exclusión social”, avanza no control social das persoas empobrecidas e afonda en discursos que responsabilizan aos individuos de problemas sociais os cales precisan de respostas colectivas.

Fronte a isto tomamos o berro das compas de Alambique: Non tragamos máis ante a pobreza, a exclusión e a precariedade! Xa abonda de esmolas, de facer negocio coas nosas necesidades, de políticas de miseria, de controlarnos a vida, de precariedade... Fartas da súa cobiza seguiremos a traballar, a sumar forzas para superar os “salarios ou rendas para pobres” e dar paso á Renda Básica das iguais e moitísimo máis.

Coia, abril 2015
--
OFICINA DEREITOS SOCIAIS - COIA (ODS-Coia) | odscoia.arkipelagos.net | odscoia@riseup.net |@odscoia | tel: 696 618 732 - 679 758 663. | Estamos os luns de 17h00 a 19h00 en Coia, nos locais da parroquia do Cristo da Vitoria (rúa Baiona 9, Vigo).

Enviado por:
Oficina Dereitos Sociais - Coia
-dereitossociais@gmail.com-
26 de abril de 2015 09:33

___________