Amosando publicacións coa etiqueta Participación cidadá. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Participación cidadá. Amosar todas as publicacións

luns, xullo 23, 2012

Continúa a campaña de recollida de sinaturas en demanda dunha 'Consulta Popular' sobre o novo proxecto da Praza de España (Praza da Porta Nova)




Consulta Popular Praza de España


Continúa a campaña de recollida de sinaturas en demanda dunha CONSULTA POPULAR sobre o novo proxecto da Praza de España, ao que se destinan, ademais dos 58.000 euros xa gastados na elaboración do proxecto, un mínimo doutros 700.000 euros, de maneira inicial, para volver a levantar a superficie da Praza nun malgasto manifesto do diñeiro público e con grave prexuízo para o comercio e a hostalería próximas á Praza que verán como, despois de 10 anos de obras e de contínuas perdas económicas, se lles quere someter a máis obras innecesarias.

Esta campaña está promovida pola Plataforma contra o Malgasto do Diñeiro Público, que compoñen as Asociacións: Ateneo Ferrolán, Sociedade Cultural López Bouza, Colectivo Ártabra 21, Asociación Cultural Fuco Buxán e as asociacións veciñais de: Esteiro, San Xurxo, San Pablo de Catabois, Santa Mariña, Prioriño, San Román de Doniños, O Rosario-Inferniño, San Xoán-Bertón e Ultramar.

Pensamos que cando toda a cidade de Ferrol é un bache, cando as Prazas do Callao, Cantón, Rúa do Sol, Irmandiños, Tunel da Praza de España e cando todas as rúas e camiños do rural están nun estado de conservación lamentable, sen que, durante un ano se fixese ningún arranxo e onde se fixeron arranxos como na Rúa Real, Rochel, etc, xa volven a estar desfeitos.

Cando, pola situación económica  que pasa a cidade, é máis preciso que nunca facer investimentos en servizos sociais, cando non se executan as demandas que os veciños e as veciñas dedidiron no proceso de orzamentos participativos, e que contaban con partida orzamentaria. Cando o coidado das zonas verdes é absolutamente deficiente e a limpeza da cidade é manifestamente mellorable.

Cando temos as torretas de electricidade sen soterrar en Caranza e noutros barrios, canda a Ría está sendo a cloaca onde vai toda a merda. Cando temos infinitas necesidades ao Concelleiro de Urbanismo e Obras non se lle ocurre máis que contratar proxectos: Praza de España, que xa contaba cun proxecto e so queda rematalo, Parque Municipal (que xa contaba cun proxecto), novo Proxecto sobre Mobiliario Urbano no barrio da Madalena, etc, etc. Estes proxectos, con independencia de que se realicen ou non, van supoñer un custo de preto de 180.000 euros innecesarios. Estes proxectos nunca se encargan aos funcionarios municipais do departamento de Urbanismo que poderían facelos perfectamente xa que teñen a capacidade necesaria para realizalos. É un continuo e reiterado malgasto de diñeiro público.

No día de hoxe , sábado 21 de xullo, estivemos recollendo sinaturas no Mercado da Central da Madalena, como se ve nas fotos que achegamos, con moito éxito e cunha recepción absolutamente positiva, da veciñanza de Ferrol, cara á demanda da Consulta Popular e da paralización do novo Proxecto para a Praza de España.

O pasado sábado 14 estivemos no Feirón do Inferniño e o domingo 15 na Feira de Ferrol, en tódolos casos cun resultado altamente positivo. Imos continuar recollendo sinaturas.

O vindeiro xoves día 26 de xullo asistiremos ao Pleno Ordinario do Concello de Ferrol para seguir opoñéndonos ao Malgasto do diñeiro público, o mesmo que faremos no pleno do mes de agosto, setembro, outubro, etc. E outras accións que estamos elaborando.



Documentación:

Escrito ao Alcalde (08.06.2012)

Panfletos.

Folla divulgativa.

Escrito para a recollida de sinaturas solicitando unha Consulta Popular.

Moción ao Pleno (Rexistrada o 12 de Xuño de 2012).

Intervención no Pleno (28.06.2012).



Local Veciñal:
Rúa Fernando VI,
Bloque I baixo
Ferrol -15403
Telef. 981933223
avesteiro@galicia.com
http://avesteiro.blogspot.com/





Enviado por:
avesteiro
-avesteiro@galicia.com-
21 de julho de 2012 13:33

_______________

sábado, xuño 30, 2012

Este Sábado 30 de Xuño: Primeira Sesión das II Xornadas Comunitarias "Estamos proxectando o Mercado de Caranza", trae a túa idea


II Xornadas Comunitarias "Estamos proxectando o Mercado de Caranza", trae a túa idea - 30 de Xuño 1ª Sesión; 14 de Xullo 2ª Sesión e 28 de Xullo 3ª Sesión

O sábado 19 de Maio, celebrabamos a primeira Xornada Comunitaria sobre o Mercado de Caranza, foi a primeira cita para, dentro das propias instalacións do Mercado Municipal, celebrar unha primeira xornada comunitaria para a posta en valor do mercado e comezar a criar colectivamente o proxecto da súa recuperación, foi o primeiro obxectivo que nos marcamos. Desde aquela continuamos, as cinco asociacións do barrio, coa intención de seguir co proxecto comunitario de incentivar e dinamizar a participación veciñal nos problemas que nos preocupan e as necesidades colectivas do barrio. Consideramos no seu momento que o Mercado, a propia edificación depauperada e o espazo que o rodea, en especial a traseira totalmente infrautilizada e abandonada, merecían outro tratamento por parte das autoridades municipais e a propia veciñanza. E niso estamos.

A esa primeira Xornada, continuaron reunión e debates, recollida de información e reflexión sobre o a mesma. Fixemos unha enquisa a comerciantes; e as operadoras e opreradores do Mercado, da cal temos unha análise que debatiremos na primeira sesión deste Sábado 30 de Xuño.

Estas Segundas Xornadas que veñen, divididas en tres sesións que realizaremos os días 30 deste mes e os 14 e 28 do mes de Xullo, teñen o obxectivo de elaborar un anteproxecto no espazo público e un programa de intervención no Mercado, coa intención de presentar-llo ao Concello.

Veciña, veciño, persoa interesada no traballo comunitario de calquera barrio ou lugar, pode participar nestas xornadas que facemos con vontade construtiva, transformadora e coa participación cidadá.


Un obradoiro aberto (sen inscripción previa), mínimo 3 xornadas: 30 de xuño, 14 de xullo e 28 de xullo.

Obxectivos xerais:

    Elaborar un anteproxecto de intervención no espazo público.
    Elaborar un programa de intervención no mercado.
    (para presentarlle ao concello)


Sesión 1: día 30 de xuño


Obxectivos:
  • Presentación do obradoiro
  • Introducción á participación veciñal no urbanismo
  • Acordo sobre programa do mercado.

Programa

11.00 Presentación

11.15 Exposición doutras experiencias de proxectos participados.

12.00 Formación de equipas de traballo e entrega do material.

12.15 Traballo en grupo. Análise das enquisas, propostas do grupo e conclusión de grupo. (1 proposta prioritaria e 2 non prioritarias)

12.45 Presentación e defensa das conclusións das equipas. Banco de propostas.

13.15 Discusión do banco de propostas. Acordo sobre programa de usos.

13.45 Conclusións.

14.00 Remate.

Materiais necesarios:   
  • Pequeno dossier dando información sobre o mercado e o seu uso
  • Actual (1 por grupo)
  • Resume resultados das enquisas.
  • Presentación en powerpoint (automática) para explicar exemplos
  • De participación veciñal en urbanismo.
  • Material de debuxo.
  • pos-its.


Sesión 2: día 14 de xullo

Obxectivos:

Acordo sobre programa do espazo público.


Programa:

11.00 Formación de equipas de traballo e entrega de materiais

11.15 Traballo en grupo. Análise das enquisas. Propostas do grupo e conclusión de grupo. (1 proposta prioritaria e 2 non prioritarias)

12.00 Presentación e defensa das conclusións das equipas. Banco de propostas.

12.30 Discusión do banco de propostas. Acordo.

13.15 Conclusións. Documento de programa para o mercado.

13.30 Remate.

Materiais necesarios:
  • Pequeno dossier dando información sobre o espazo (1 por grupo).
  • Planos do espazo público.
  • Material de debuxo.
  • pos-its.


Sesión 3: día 28 de xullo


Obxectivos:

Anteproxecto do espazo público.

Programa:


11.00 Formación de equipas de traballo e entrega de materiais.

11.15 Traballo en grupo. Propostas do grupo e conclusión de grupo. (1 proposta prioritaria e 2 non prioritarias)

12.00 Presentación e defensa das conclusións das equipas. Banco de propostas.

12.30 Discusión do banco de propostas. Acordo.

13.15 Conclusións. Documento de programa para o espazo público.

13.30 Remate.

Materiais necesarios:
  • Documento do acordo de programa de intervención no espazo público.
  • Maqueta do terreo-espazo público.
  • Módulos-xogo de construcción.
  • Material de debuxo.
  • pos-its.

Enlaces relacionados:   
Xornada Comunitaria sobre o Mercado de Caranza e os Espazos Públicos - Sábado 19 de Maio

Crónica - Desde primeira hora do sábado a actividade do Mercado de Caranza, desenvolvíase dun xeito especial - Xornada Comunitaria en Caranza: 19 de Maio de 2012

Enviado por:
Colectivo A Revolta
-a.revolta.de.trasancos@gmail.com-
30 de junho de 2012 01:12
http://a-revolta-de-trasancos.blogspot.com.es/
___________________

sábado, maio 12, 2012

Entidades veciñais e sociais denuncian a falta de participación cidadá e o despilfarro no enésimo proxecto para remodelar a Praza de España, onde o goberno local do dereitista PP, teima en facer un "Pulmon Park", que xa leva consumido máis de 17 millóns de euros



A. Veciñal de S. Xurxo; Asociación S.C. López Bouza; A.Veciñal de Esteiro; A. Veciñal S. Pablo-Catabois; A.Veciñal O Rosario- Inferniño;  A.Veciñal Prioriño; A. Veciñal S.Xoán- O Bertón; A.Veciñal Stª. Mariña; A.C. Fuco Buxán; Colectivo Ártabra21, varias persoas a título individuais, expresamos o  noso malestar e rexeitamento co Goberno local por non nos convidar a debater a presentación sobre a actuación de 700.000 € para a Praza de España a pesar de ter rexistrada a solicitude de entrevista dende o pasado día 2 de abril.

Pensamos se deberíase deixar a superficie tal e como está na actualidade polo que non entendemos este empezoñamento dos diferentes gobernos en obrar onde a cidadanía esta moi cansa de que se experimente como un  auténtico campo de probas

Doutra banda, parécenos que nesta cidade temos outras necesidades máis importantes e outras prioridades para facer un gasto na superficie que estamos vendo como apuran RECORTES en dereitos sociais e se pechan comedores sociais e outros que estaba previsto abrir non se fala deles.

Estanse a pechar comedores sociais, se reducen as axudas a entidades sociosanitarias, se privatiza a xestión das instalacións culturais, se elimina o Padroado de Deportes e de Cultura, se fala de eliminar o INFACOFE. Sempre co argumento de aforrar cartos e se queren enterrar máis de 700.000 euros nun espazo onde se levan gastado máis de 16 millóns de euros.

O movemento asociativo tivemos que paralizar o proxecto do Goberno Municipal do Partido Popular e Independentes de Ferrol de constuir un edificio comercial de 21 mts de altura. Rescatar ese espazo público custounos aos contribuíntes máis de 7 millóns de euros.

Cando está todo Ferrol sen tapar unha focha desde hai un ano, cando a Rúa do Sol o tunel da Praza de España, Irmandiños, a Avenida da Paz, a Praza do Callao, o Cantón o Parque Raíña Sofía están totalmente degradados e cando a cidade de Ferrol ten moitas outras prioridades e necesidades se pretenden enterrar máis de 700.000 euros de novo.

Queremos lembrar  que  houbo un acordo de participación cidadá para destinar un dos edificios a ser un FORO CIDADÁ con contidos de caracter social e cultural como charlas, asembleas, sala de exposicións, lectura e lugar de encontro cidadá.

Por todo isto reclamamos ao actual Alcalde que faga unha auténtica presentación formal de Participación Cidadá ante a cidadanía e movemento social co obxecto de explicar a necesidade de obrar nesta Praza de todas as ferrolás e ferroláns.


Ferrol, a 11 de maio de 2012.

Enviado por:
_______

venres, abril 27, 2012

Activada outra Asemblea de Barrio - O PP non consigue desactivar a Asemblea de Barrio de Ultramar



O pasado luns día 23 de abril, tivo lugar a segunda parte da 1ª Asamblea de Barrio en Ultramar.

Quero lembrar, que na primeira parte da asemblea celebrada o luns o 5 de marzo, dábase información do desenrrolo do Regulamento de Participación Cidadá, e ao mesmo tempo abríase o prazo de 15 días para a presentación de candidaturas ao Consello da Veciñanza, e propostas de actuacións e melloras do barrio, para ser votadas nesta segunda parte.

Polo tanto na Orde do día desta segunda parte, figuraba a elección de Vicepresidentes, de representantes no Consello da Veciñanza e de propostas.
Como ven sendo habitual en outros barrios e parroquias, o Partido Popular tocou a corneta e mobilizou a un número importante de persoas.

En todo caso os resultados foron os seguintes:

- Vicepresidente por asociacións ou entidades: José Ramón Jove Vidal.
- Vicepresidente a título individual: Luis Rico Castro.
- Representantes no Consello: Antón Gómez García e Mª Dolores García Sánchez.

- Propostas:

Limpeza e saneamento do barrio, sobre todo dos focos de infección de Sartaña (pista polideportiva), oco entre a rúa Nova e a rúa Ponzos, oco detrás da cafetería Valencia e en Sánchez Calviño (detrás do parque infantil).

Remodelación e reurbanización da Praza Sartaña.

Cumprimento da normativa municipal de animais de compañía: recollida de excrementos.

En resumo, obtivemos dúas vicepresidencias, e tamén conquerimos incluir nas tres mais votadas, a proposta pola que vimos loitando o Coletivo Veciñal Sartaña dende hai varios anos. Polo tanto os resultados foron mellores do que se agardaba tendo en conta o feudo e a capacidade de convocatoria que provoca o Partido Popular utilizando os medios que sexan necesarios para conseguir o seu obxectivo, que non é outro que mangonear absolutamente todo, sen voces discrepantes.

Saúde,


Enviado por:
Jove Vidal, José Ramón (FE)
-jrjove@navantia.es-
26 de abril de 2012 15:24

_______________

mércores, abril 25, 2012

Asembleas de Barrio que se van celebrar na vindeiras datas - A participación cidaddá en Ferrol

Asembleas de barrio

Constitución ASEMBLEAS DE BARRIO

A Comisión de Control Provisional do Regulamento de Participación Cidadá,  órgano impulsor do propio regulamento, convida a toda a cidadanía a participar na constitución das distintas ASEMBLEAS DE BARRIO.

Animamos a todos os veciños e veciñas de todas os pensamentos, idades, persoas asociadas/ non asociadas que impulsen e participen de forma individual ou colectiva a formular PROPOSTAS que considere ou CANDIDATURAS para os órganos do seu barrio.   

A Comisión consideramos que estas Asembleas de barrio son órganos importantísimos de Participación Cidadá polo que  facemos un chamamento as entidades sociais de cada barrio ou parroquia co obxecto de fomentar e enriquecer estes foros de debate no seu ámbito territorial.

Lembramos as competencias:

Artigo 32. Competencias das ASEMBLEAS DE BARRIO.

Será competencia das ASEMBLEAS DE BARRIO:

a. Fomentar a participación directa na xestión municipal de cada barrio das persoas que o habitan e das entidades que actúan no seu territorio, establecendo a este efecto os mecanismos necesarios de información, estímulo e seguimento das actividades municipais.

b. Promover a colaboración entre as organizacións do barrio e entre estas e os/as veciños/as.

c. Participar na toma de decisións sobre as actuacións e investimentos que o Concello realice no ámbito territorial da Asemblea:

c.1) Debatindo e valorando os elementos dos plans de actuacións e investimentos do Concello que afecten ao ámbito territorial da Asemblea;
       
c.2) Informando, como mínimo anualmente, ao Concello do funcionamento efectivo e seguimento dos servizos municipais e das necesidades do territorio, con indicación e selección de prioridades para a súa posible inclusión no plan de actuacións do Concello;

c.3) Elaborando propostas para implementar proxectos e programas públicos, novos servizos, etc.

d. Solicitar información do Concello, previa petición razoada, dos temas de interese para a Asemblea.

Lembramos que as seguintes ASEMBLEAS DE BARRIO desta semana serán;

- MÉRCORES-25 DE ABRIL– Barrio de CANIDO ás 19,30 h. no salón actos da SCDR CANIDO

- VENRES -27 DE ABRIL - Parroquia de MANDIÁ-ás 19 h. no seu local.

- SÁBADO-28 DE ABRIL - Parroquia MARMANCÓN -ás 18,30 h no seu local.

Ferrol, a 24 de Abril de 2012.

A Comisión de Control P do RPC.-

comision.gap@gmail.com

www.participacion-ferrol.blogspot.com

Enviado por:
Comision Veciñal
comision.gap@gmail.com
24 de abril de 2012 16:44

_______________

venres, abril 20, 2012

Carta de Francisco Maceira sobre a Asemblea de Barrio: "Participación cidadá no barrio de Esteiro"


Participación cidadá no barrio de Esteiro

A asociación de  veciños á que pertenzo  -Esteiro- ven traballando dende hai anos para mellorar e suplir as carencias  deste emblemático barrio de Ferrol. Clases de pilates, encaixe de  palillos, punto canario, corte e confección, informática, exposicións, sardiñada de San Xoan, ciclos de cine, excursións, reivindicación da escola infantil, do comedor social ... Non chegaría esta folla para enumerar os centos de actividades e proxectos que saen adiante gracias ó traballo desinteresado de xente que emprega o seu tempo libre para beneficio  da comunidade.

Esta semana tivo lugar a votación  de Participación Cidadá para elexir os representantes do barrio ante o concello. Como era de esperar tamén se presentaron  persoas da  Asociación Veciñal de Esteiro. Inexplicablemente non saiu ningún elixido.  O máis votado foi un tipo que na miña vida vin polo barrio. Eu xa sospeitei algo cando vin a sala da votación ateigada e rezumando un glamour inusual en actos participativos. Recordoume  cando na miña aldea os do PP carrexan votantes cara as urnas.  Por suposto que estas artimañas non van amedrentar á asociación veciñal  que xa  confirmou a continuidade do seu traballo. A pesar de ter o concello en contra seguirán loitando pola escola, polo comedor  ou por calquer outro proxecto que supoña un ben para os veciños. Incluso para aqueles que o único que fixeron polo barrio foi ir a votar o día que alguén, dende o concello, descolgou un teléfono.

Francisco Maceira

Esteiro - Ferrol

Enviado por:
Francisco Maceira
-f.maceira@hotmail.com-
19 de abril de 2012 23:33

___________________________

martes, marzo 27, 2012

Asembleas de barrio previstas para a última semana de Marzo - Informa a Comisión de Control Provisional do Regulamento de Participación Cidadá

Asembleas de barrio-Ultima semana Marzo-2012

Constitución de ASEMBLEAS DE BARRIO


A Comisión de Control Provisional do Regulamento de Participación Cidadá, órgano impulsor do propio regulamento, convida a toda a cidadanía a participar na constitución das distintas ASEMBLEAS DE BARRIO.

Animamos a todos os veciños e veciñas de todas os pensamentos, idades, persoas non asociadas que impulsen e participen de forma individual ou colectiva a formular PROPOSTAS que considere ou CANDIDATURAS para os órganos do seu barrio.

Esta Comisión de Control denuncia a esta concellaría de Participación Cidadá pola falta de publicidade diaria tanto nos medios como na páxina web do concello que necesita este proceso constituínte das distintas Asembleas de Barrio polo que acordamos que a propia Comisión de Control publicitará estas sucesivas Asembleas.

A Comisión consideramos que estas Asembleas de barrio son órganos importantísimos de Participación Cidadá polo que facemos un chamamento as entidades sociais de cada barrio ou parroquia co obxecto de fomentar e enriquecer estes foros de debate no seu ámbito territorial.

Lembramos as competencias:

Artigo 32. Competencias das ASEMBLEAS DE BARRIO;

Será competencia das ASEMBLEAS DE BARRIO:
a. Fomentar a participación directa na xestión municipal de cada barrio das persoas que o habitan e das entidades que actúan no seu territorio, establecendo a este efecto os mecanismos necesarios de información, estímulo e seguimento das actividades municipais.

b. Promover a colaboración entre as organizacións do barrio e entre estas e os/as veciños/as.

c. Participar na toma de decisións sobre as actuacións e investimentos que o Concello realice no ámbito territorial da Asemblea:

c.1) Debatindo e valorando os elementos dos plans de actuacións e investimentos do Concello que afecten ao ámbito territorial da Asemblea;

c.2) Informando, como mínimo anualmente, ao Concello do funcionamento efectivo e seguimento dos servizos municipais e das necesidades do territorio, con indicación e selección de prioridades para a súa posible inclusión no plan de actuacións do Concello;

c.3) Elaborando propostas para implementar proxectos e programas públicos, novos servizos, etc.

d. Solicitar información do Concello, previa petición razoada, dos temas de interese para a Asemblea.

Lembramos que as seguintes ASEMBLEAS DE BARRIO desta semana serán:
- MÉRCORES-28– Barrio Ensanche A-Inferniño ás 19,30 h. no salón de actos do Centro Cultural Municipal Carvalho Calero.

- VENRES -30 - Barrio de RECIMIL ás 19,30 h. no Salón de Actos do Edificio Administrativo da Xunta de Galicia.

A Comisión de Control P do RPC.-

comision.gap@gmail.com

www.participacion-ferrol.blogspot.com

Enviado por:
Comision Veciñal
-comision.gap@gmail.com-
27 de março de 2012 13:38

__________