Amosando publicacións coa etiqueta Saneamento. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Saneamento. Amosar todas as publicacións

sábado, agosto 27, 2022

A Plataforma no Pleno do 25 de agosto onde se pretendian aprobar 6 anos das contas irregulares de Emafesa e eximir a Emafesa da súa respondabilidade polo incumprimento das súas obrigas respecto ao saneamento do rural - O Pleno visto polos medios locais


Intervención de Lupe Ces no nome da Plataforma na Defensa dos Servizos Públicos, pola Remunicipalización, no Pleno Municipal do Concello de Ferrol

Sr Alcalde, concelleiras e concelleiros:

O goberno municipal trae a pleno a aprobación das contas de EMAFESA dos anos 2016, 2017, 2018, 2019, 2020 e 2021, sen explicar por que non se tiñan aprobado, e que foi o que cambiou para que agora haxa que aprobalas. Cando a propia auditoría que acompaña esas contas di que non se realizaron as Xuntas de Accionistas correspondentes para aprobalas e a Interventora xeral do Concello, anima á aprobación das mesmas dicindo aos concelleiros e concelleiras que “non xera ningún tipo de responsabilidade, e que tampouco significa estar de acordo coa xestión da empresa”, como se as cantidades e partidas reflectidas nas mesmas, non responderan a actuacións concretas tantas veces denunciadas neste pleno por, cando menos, irregulares. Isto ben reflectir, non só unha mala xestión dos diferentes gobernos municipais, senón que tamén toda unha mala xestión da parte privada Socamex que controla Emafesa, sen apenas fiscalización. Parte privada que impón ao Concello de Ferrol un xerente, Alejandro Pisa Jaraba, que amosa incompetencia na xestión de Emafesa, e ao noso entender só responde aos intereses de Socamex, sen importarlle a calidade do servizo, nin os intereses da veciñanza de Ferrol.

Tamén leva a aprobación unha Addenda 1ª ao Protocolo de Execución Concertada entre o Concello de Ferrol e EMAFESA para a xestión, explotación, mantemento e conservación do sistema de saneamento e depuración. Proposta acompañada por un informe de motivación asinado polo alcalde Ángel Mato, e o xerente de EMAFESA, Alejandro Pisa. Un informe que intenta xustificar a mala xestión da empresa, ao abeiro das distintas sentencias xudiciais que lle foron favorábeis ao longo destes anos, e que chega ao delirio cando asegura que o saneamento da zona rural non se puido realizar pola suspensión da taxa ou os problemas derivados da pandemia, cando este compromiso estaba recollido no Protocolo de Execución Concertada desde o ano 2014, ou como se EMAFESA non facturara mais de 7 millóns 129 mil euros cobrando unha taxa, á veciñanza, cando non se prestaba o servizo, polo tanto tampouco se realizou o gasto previsto. Agora pretenden eximir a EMAFESA e aos tres gobernos municipais de non ter acometido o saneamento do rural. Coa aprobación desta addenda pretenden fuxir de calquera responsabilidade e condicionar a súa aprobación coa execución do saneamento do rural, que tamén vai estar xestionado por EMAFESA. Temos que dicir á veciñanza do rural, que este goberno vai poñer ao raposo a coidar do galiñeiro do saneamento no rural, e aí nos van ter á Plataforma para apoiar, denunciar e mobilizar, pero hoxe non podemos máis que mostrar o noso desacordo con esta addenda e con esta aprobación de contas.

Neste informe, o Sr Mato e o Sr Pisa, botan balóns fora, que se Narón porque non acepta a cantidade do que se lle pide, que se a suspensión da taxa, que se o COVID19... todo menos asumir que houbo e hai unha mala xestión por parte de EMAFESA e os distintos gobernos municipais que manteñen abertas moitas vías por onde se desangra unha e outra vez a esta cidade. E non falamos só da xestión da depuración, tamén falamos dos contadores, das facturación de caño libre, das lecturas estimadas irregulares e avultadas, da non retirada de tramos de tubaxe de fibrocemento, da non retirada dos emisarios sumarinos como o que emerxe na praia de Caranza, do impago do Canon Concesionario ao Concello, do cobro por duplicado de parte da xestión da rede de saneamento que agora xestiona Acuaes e Viaqua, de financiar-se co diñeiro que se lle cobra ás veciñas e veciños pola recollida e transporte do lixo e do Canon da Auga, ...

Vémonos na obriga de vir de novo ante este pleno para asegurar que este intento de legalizar e branquear a mala xestión de EMAFESA e o mal goberno de Rey Varela, Jorge Suárez e Ángel Mato, non queda sen  oposición por parte da veciñanza que levamos anos intentando defendermo-nos de todos estes abusos, aos que haberá que somar, tal e como informa a Interventora Xeral no seu “Informe de control financeiro”, o aumento exponencial dos custes eléctricos do sistema que superaron para o ano 2021 o millón de euros. As perdas deste exercicio de 2021, pretende a empresa, como así o expón no informe de xestión, que sexan compensadas mediante subvención ou o mesmo canon concesional. Un sistema de saneamento insostíbel, e a mala xestión outra vez a costa da veciñanza de Ferrol. Un canon concesional que debera ser usado para a mellora do sistema ou para abaratar o servizo e investir en eficiencia enerxética, até agora usado para financiar á empresa mediante a falta de pago do mesmo, e agora xa abertamente se solicita o seu uso para tapar a mala xestión.

A outra grande desculpa en canto á situación das contas de EMAFESA, o conflito veciño concello de Narón, volve a situarnos nunha situación produto do electoralismo e da incompetencia dos gobernos desta cidade, que non admitiron a posibilidade de colaboración e unha xestión conxunta do que é unha infraestructura supramunicipal, por máis que estea localizada na sua maior parte en territorio do Concello de Ferrol. EMAFESA non pode admitila polo que implica de control e rendición de contas a outras instancias que non sexan gobernos ben atados a través dos seus representantes nos consellos de administración.

Queremos que a depuradora volva a mans de Augas de Galicia, mentres non haxa unha xestión mancomunada; queremos a apertura dun expediente administrativo a EMAFESA; queremos unha auditoria integral, tantas veces anunciada; queremos a apertura dunha oficina municipal para recoller directamente as queixas da cidadanía polo mal servizo, abusos e incumprimentos; queremos a recuperación da xestión 100% pública destes servizos básicos.

 Sabemos que hoxe se pretende pechar a posibilidade de que todo iso aconteza, mais esta Plataforma vai seguir pelexando, porque como di a frase que se atribúe a Abraham Lincoln, “Podes enganar a todo o mundo algún tempo. Podes enganar a algúns todo o tempo. Pero non podes enganar a todo o mundo todo o tempo”.

Aproveitamos tamén para amosar a nosa solidariedade cos traballadores de parques e xardín, dicindo que hai servizos públicos que hai que remunicipalizar de maneira urxente.

Ferrol, a 25 de agosto, de 2022


O Pleno nos Médios:

💧 La Voz de Galicia. | O pleno de Ferrol tomba as contas de Emafesa e apraza a votación do saneamento rural. | Rocío Pita Parada - Ferrol - La Voz - 25 ago 2022 . Actualizado ás 23:15 h. | O goberno retirou o punto da orde do día para evitar que fose rexeitado. | O alcalde, Ángel Mato, aceptou retirar o punto. Pero antes tivo que escoitar á representante da Plataforma pola Remunicipalización, Lupe Ces, que o advertiu de que «vai poñer ao raposo a coidar do galiñeiro do saneamento no rural», en alusión ao socio privado de Emafesa, Socamex. | Ir á Web.

💧 Diario de Ferrol. | El pleno rechaza las cuentas de Emafesa y el rural debe postergar el saneamiento. |   Redacción 26 de agosto de 2022, 00:03 | La gestión de la empresa mixta de aguas –Emafesa–, las cuentas, el saneamiento o los cobros a ciudadanos y Concellos vecinos volvieron a centrar un pleno que, pese a celebrarse en el mes de agosto, fue tan o más denso que los de los meses más laborables por execelencia. | Como en todo debate relativo a la gestión del servicio del agua, la Plataforma pola Remunicpalización, con Lupe Ces como representante, intervino en el pleno reclamando una auditoría integral, una oficina para recoger demandas cidadanas, una gestión 100% pública del servicio, la apertura de un expediente administrativo a Emafesa y que la depuradora vuelva a manos de Augas de Galicia, entre otras cuestiones. | Ir á Web.

💧 Enfoques. | El pleno de Ferrol aprueba reclamar a Narón 3,5 millones por el saneamiento. | PP y BNG rechazaron aprobar las cuentas de Emafesa de los ejercicios 2016, 2017, 2018, 2019, 2020 y 2021. |  Autor Redacción
25 agosto, 2022. | El pleno ordinario de Ferrol, correspondiente al mes de agosto y celebrado esta mañana, dio luz verde esta mañana a varios asuntos relacionados con el sistema de saneamiento de la ría. Uno de los puntos más importantes se retiró del orden del día. Se trata de la propuesta de aprobación de la adenda 1ª al Protocolo de Ejecución Concertada (PEC), de 2014, entre el Ayuntamiento de Ferrol y Emafesa para la gestión, explotación, mantenimiento y conservación del sistema de saneamiento y depuración, se retiró de la orden del día. | Ir á Web.

💧 Radio Cope. | La oposición “acorrala” al gobierno de Mato. | El PSOE no logró aprobar las cuentas de seis años de Emafesa, retiró del orden del día el proyecto para el saneamiento de la zona rural y pierde la votación de las zonas verdes. | Ir á Web.

💧 Ferrol 360. | PP y BNG tumban en el pleno de Ferrol las cuentas de Emafesa de los últimos seis años. | Viernes 26 agosto 2022 | 11:31 | Nuevo pleno tensionado este jueves en el Concello de Ferrol. Casi cinco horas de debate ―que puede visualizarse en este enlace de nuevo― en las que se ha abarcado la gestión de la empresa mixta de aguas Emafesa y una vez más el pliego al que están esperando los trabajadores de Parques y Jardines. Con instantes de nerviosismo y faltas de respecto, lo cierto es que ha sido nuevamente una sesión especialmente complicada para la edil de Servizos, Ana Lamas. | Tomó la palabra Lupe Ces como representante de la Plataforma pola Remunicipalización, acompañada de un nutrido grupo que sujetaba pancartas en las que se pedía que Emafesa fuera un servicio público al 100 %. El colectivo también solicitó una auditoria a las cuentas de la empresa mixta y la apertura de un expediente administrativo, además la apertura de una oficina que atienda a las demandas de la ciudadanía y que la depuradora vuelva a ser gestionada por Augas de Galicia, entre otras. | Ir á Web.


✅ Enlace ao Texto da intervención da Plataforma no Pleno | Acceder/Baixar.

✅ Vídeo da Intervención de Lupe Ces no Pleno. | Ir á Canle da Plataforma.

✅ Vídeo do Pleno que comeza no minuto 17. | Ir á Canle do Concello de Ferrol.

PLATAFORMA NA DEFENSA DOS SERVIZOS PÚBLICOS, POLA REMUNICIPALIZACIÓN

Abonda de saqueo! Hai outras alternativas!
Pódese, débese e precísase!

remunicipalizacion.plataforma@gmail.com

https://plataformaferrol.blogspot.com

_______

venres, agosto 26, 2022

Intervención da compañeira Lupe Ces, no Pleno celebrado o 25 de agosto, onde o Goberno Municipal quixo dar carpetazo á xestión do saneamento, sen que ninguén asuma responsabilidades e ocultar o mal goberno e a mala xestión en todo o referente ao sistema de saneamento e depuración - Vídeo da intervención e enlace ao texto - Enlace ao vídeo completo do Pleno


Intervención da compañeira Lupe Ces, portavoz da Plataforma, no Pleno Ordinario celebrado o 25 de agosto de 2022, onde o Goberno Municipal quixo aprobar, entre outros asuntos, tres de suma importancia, para deste xeito dar carpetazo á xestión do saneamento, sen que ninguén asuma responsabilidades e ocultar o mal goberno e a mala xestión en todo o referente ao sistema de saneamento e depuración que vimos padecendo, durante mais dunha década, confiando en que a veciñanza, nos esquezamos do mal que xestionaron todo este asunto, tanto os diferentes gobernos municipais, como Socamex que é a parte privada que leva o temón e controla a xestión da Empresa Mixta de Augas de Ferrol e como Augas de Galicia (que a responsábel é a Xunta de Galicia).

Chama a atención que coa aprobación da 1ª Addenda ao Protocolo de Execución Concertada queiran eximir a EMAFESA de toda responsabilidade por non ter investido nin un só euro no saneamento do rural, investimento ao que estaba comprometido desde xuño de 2014, fai xa oito anos.

Estes asuntos que se trataron no Pleno foron:

 ✔ En primeiro lugar o goberno municipal do alcalde Ángel Mato, leva ao Pleno a proposta de aprobación das contas de EMAFESA dos exercicios 2016, 2017, 2018, 2019, 2020 e 2021. | Este punto foi rexeitado polo Pleno, cos votos do PP e o BNG.

  ✔ En segundo lugar leva a proposta de aprobación da addenda 1ª ao Protocolo de Execución Concertada entre o Concello de Ferrol e EMAFESA para a xestión, explotación, mantemento e conservación do sistema de saneamento e depuración. | Este punto foi retirado polo Alcalde, a petición do PP para chegar a un acordo co goberno Municipal.

  ✔ E en terceiro lugar, a proposta de aprobación das reclamacións ao Concello de Narón por débedas contraídas co Concello de Ferrol, en concepto de saneamento. | Este punto foi aprobado polo Pleno, cos votos do PP e o PSOE.


✅ Enlace ao Texto da intervención da Plataforma no Pleno | Acceder/Baixar.

✅ Vídeo do Pleno que comeza no minuto 17. | Ir á Canle do Concello de Ferrol.

PLATAFORMA NA DEFENSA DOS SERVIZOS PÚBLICOS, POLA REMUNICIPALIZACIÓN
Abonda de saqueo! Hai outras alternativas!
Pódese, débese e precísase!

remunicipalizacion.plataforma@gmail.com

https://plataformaferrol.blogspot.com

_______

xoves, decembro 30, 2021

A Plataforma interviu no Pleno do Concello de Ferrol convocado en sesión ordinaria onte mércores 29 de decembro, no punto 9 da orde do día, onde se abordou a proposta de aprobación da Segunda Addenda ao Convenio de colaboración entre Augas de Galicia e o Concello de Ferrol para a formalización da encomenda de xestión da explotación, mantemento e conservación do sistema de saneamento e depuración do Concello de Ferrol - Vídeo da intervención e do debate no Pleno


O Pleno Municipal en sesión Ordinaria que se celebrou no Palacio Municipal, o mércores 29 de decembro de 2021, ás 7 da tarde, no punto 9, abordou-se a proposta de aprobación da SEGUNDA ADDENDA ao Convenio de colaboración entre Augas de Galicia e o Concello de Ferrol para a formalización da encomenda de xestión da explotación, mantemento e conservación do sistema de saneamento e depuración do Concello de Ferrol.

Por medio de Lupe Ces, a Plataforma na Defensa dos Servizos Públicos pola Remunicipalización, interveu no citado Pleno para solicitar que se entregue a Augas de Galicia a xestión do sistema de saneamento e depuración (incluído o que xestiona ACUAES) porque este ten un carácter supramunicipal e a xestión debe ser única e centralizada, para optimizar custes e aproveitar as sinerxías, mentres non se constitúe un ente supramunicipal para a xestión do sistema. E apoiamos a creación dese ente supramunicipal entre os dous concellos, sempre que se trate da xestión directa mancomunada dunha empresa pública que reverta os beneficios en mellorar o sistema reducindo custes enerxéticos e custes ambientais. Para iso temos exemplos onde mirar como pode ser o modelo da Coruña, Arteixo, Cambre, Culleredo e Oleiros que constituíron en 2013, a empresa pública Edar Bens SA, co fin de xestionar de xeito conxunto a depuración das augas residuais dos cinco concellos, convertendo-se na primeira empresa supramunicipal de Galiza.


Texto da intervención da Plataforma no Pleno Municipal de Ferrol de hoxe, por Lupe Ces

Boas tardes!

A Plataforma na Defensa dos Servizos Públicos pola Remunicipalización toma a palabra neste pleno municipal para solicitar no seu nome, e no nome das veciñas e veciños de Ferrol amantes do bem común e practicantes do sentido común, que se devolva a xestión das infraestruturas do servizo de saneamento e depuración a Augas de Galicia, mentres non se críe un ente supramunicipal, de carácter público, que afronte a xestión deste servizo.

Nesta cidade estamos no “Día da marmota”,  como lle pasaba a Bill Murray no filme "Atrapado no tempo", e deste bucle nom se sae se nom se actúa de xeito diferente, correcto e xusto. No caso desta corporación, se non se actúa en defensa dos intereses da veciñanza deste Concello e non no interese dunha empresa que consegue, unha corporación tras outra, que todo se organice en función dos intereses empresariais da parte privada de EMAFESA.

Vimos outra vez a dicir e repetir, e asín o faremos o tempo e as veces que faga falta, que EMAFESA debe estar fóra da xestión de calquera servizo de Ferrol. Unha empresa que só merecera neste momento un expediente por incumprimentos de contrato e unha auditoría completa por irregularidades.

Non se pode confiar nesta empresa tal e como foi a sua xestión ao longo destes anos, pola cantidade de irregularidades e incumprimentos que ven realizando: lecturas estimadas abusivas para facerse con liquidez a consta da veciñanza; facer definitivo o que era provisional, aplicando consumos lineais por non instalar contadores nos barrios de Recimil e San Pablo; cobro da depuración sen que se prestase o servizo enganando ate ao mesmo goberno municipal; non facendo ningún investimento no saneamento do rural, sendo este un dos compoñentes para o cálculo do prezo da taxa que se nos cobra; retención e non pago do canon concesional, chegando a deber ao Concello máis de 6 millóns de euros; retención do canon da auga despois de telo recadado...

O “Día da marmota” Señor Mato. Mentres, vostede afirma en Radio Voz que EMAFESA é unha empresa “pública” e modélica. Nós retámoslle a que publique as actas dos seus consellos de administración e as súas contas, e logo probe a solicitar un cambio na xerencia da empresa a ver como lle vai. Ou por exemplo esixa e publique os datos de canto recada a empresa SOCAMEX, a parte privada, subcontratada pola propia EMAFESA, cobrando 120€ a hora ou fracción, por resolver os problemas de atascos no saneamento que teñen as comunidades nos edificios desta cidade. A onde van parar os lodos que recolle? Está incluído no prezo do servizo a xestión deses lodos cando a propia SOCAMEX o que fai é verte-los no sistema de depuración da cidade? Cobra pola auga consumida por este servizo, cando sabemos que a colle directamente do sistema? Como explica vostede que se nos siga cobrando igual polo concepto de saneamento (rede de sumidoiros), cando unha parte moi importante da rede (rexistros, colectores, interceptores) xa non os xestiona EMAFESA que os leva ACUAES e xa os pagamos no concepto de depuración?

A parte pública de EMAFESA, o seu goberno municipal, nen sabe nen quere saber. Cando o seu labor ten que ser de fiscalizador e garante da xestión, vostede como os seus antecesores, só están para tomar acordos que aumenten o volume de negocio de EMAFESA, e tapen as súas vergoñas.

EMAFESA empresa modelo de xestión? Pois algo pasará para que este Pleno leve sen aprobarlle as contas dos exercicios 2016, 2017, 2018, 2019 e 2020. Cinco anos sen que se lle aproben as contas, iso só se pode traducir en irregularidades, desconfianza, incompetencia e mala xestión.

O “Día da marmota”. Augas de Galicia propúxolles tres alternativas nun documento que agora coñecemos: devolver a xestión a Augas de Galicia; criar un ente supramunicipal ou continuar como estamos, no “Día da marmota”, iso si regulando  e coordinando o que non se deu feito en sete anos. Un documento que tampouco é neutral. Está claro polo contido do documento que Augas de Galicia non quere para nada a xestión do sistema, e o da constitución do ente supramunicipal, aínda que o cualifique do ideal, parece que está moi lonxe, pola incapacidade que amosaron os concellos para poñerse de acordo nesta solución, ou mais ben debemos dicir polo encantamento que exerce Socamex sobre o goberno municipal.

Temos que lembrar que Narón e Ferrol, chegaron a un acordo o 17 de agosto de 2018, asinado por Jorge Suárez e Marián Ferreiro, para que fora ACUAES a partir do 1 de agosto de 2019 quen xestionara o sistema, mentres non se creara o ente supramunicipal, estando esta sociedade estatal de acordo e facendo os estudos correspondentes, publicados en marzo de 2019, por uns custes de explotación un 22% inferior ao que nos sae con EMAFESA.  Acordo que todos os grupos municipais coñecen e que foi remitido ao daquela director xeral de Augas de Galicia, Roberto Rodríguez. Algún dia saberemos quen truncou este acordo? A transparencia non é o forte dentro de todo este proceso, todo o esforzo realizado por tanta xente quedou en baldío.

Estamos no “Día da marmota” porque vostede como os seus antecesores tropezan na pedra de Narón, que defende á sua veciñanza, e non dan co xeito de evitar o obstáculo, unha e outra vez. EMAFESA quere cobrar en base a uns cálculos que Narón non acepta e que a unha parte da veciñanza de Ferrol, se nos veñen aplicando inxustamente desde o ano 2014. Poderémonos librar do obstáculo que representa quen xestiona EMAFESA?

Hoxe votan seguir no “Día da marmota”. Nós desde esta Plataforma pedímoslles que non o fagan, que fagan frente común con Narón e devolvan a xestión do saneamento e depuración a Augas de Galicia, única entidade que asumiu con carácter indefinido esa xestión nun convenio subscrito o 27 de decembro do ano 2013 coa Confederación Hidrográfica do Miño-Sil, e se poñan a traballar na creación dun ente supramunicipal para unha xestión pública deste servizo.

Entregue a Augas de Galicia a xestión do sistema de saneamento e depuración (incluído o que xestiona ACUAES) porque este ten un carácter supramunicipal e a xestión debe ser única e centralizada, para optimizar custes e aproveitar as sinerxías. Todo isto mentres non se constitúe un ente supramunicipal para a xestión do sistema. Esta Plataforma apoia a creación dese ente supramunicipal entre os dous concellos, sempre que se trate da xestión directa mancomunada dunha empresa pública que reverta os beneficios en mellorar o sistema reducindo custes enerxéticos e custes ambientais.

Para iso temos exemplos onde mirar como pode ser o modelo da Coruña, Arteixo, Cambre, Culleredo e Oleiros. Estes concellos  constituíron en 2013, a empresa pública Edar Bens SA, co fin de xestionar de xeito conxunto o saneamento e depuración das augas residuais dos cinco concellos, convertendo-se na primeira empresa supramunicipal de Galiza.

Estes meses, a suba exponencial dos custes da electricidade debera ter feito sacar as cores a quen planeou e aprobou o sistema de saneamento imposto á nosa cidade. Un sistema insostíbel económica e ambientalmente. Non se trata de levantar outra vez as rúas da cidade como afirmou o Sr Suárez no pleno do pasado mes de xullo, nun intento de ridiculizar a quen cuestionamos o actual sistema. Trátase de esixir ás administracións autonómica e estatal, que contribúan para realiza as transformacións necesarias, para que o sistema sexa máis sostíbel (transformación gradual nun sistema separativo, innovación tecnolóxica, aproveitamento das augas residuais -biogás-  e  a súa caída como fonte de enerxía, instalación de turbinas eólicas, paneis de enerxía solar, optimización e redución dos custes eléctricos...) seguindo o modelo da nomeada empresa supramunicipal pública EDAR BENS.

Estas melloras no sistema tan necesarias, non se van conseguir permitindo unha xestión privada do servizo. Lembren que EMAFESA ten no 3% do facturado un dos piares do seu negocio; que fai negocio co caudal aumentado; que fai negocio aumentando o consumo.

Sr. Alcalde, señores e señoras concelleiras, nós quixeramos despertar do “Día da marmota”, non o impidan vostedes co seu voto.

#EmafesaCenPorCenPublica
#Remunicipalizar
#Remunicipalización
#Emafesa

PLATAFORMA NA DEFENSA DOS SERVIZOS PÚBLICOS,
POLA REMUNICIPALIZACIÓN
Abonda de saqueo! Hai outras alternativas!
Pódese, débese e precísase!
Correo-e: remunicipalizacion.plataforma@gmail.com
Web: https://plataformaferrol.blogspot.com.es/
Facebook: @RemunicipalizarFerrol   |  Twitter: @municipalizarFT
_______

luns, decembro 20, 2021

Rolda de prensa da Plataforma sobre a xestión do sistema de saneamento e depuración da marxe norte da Ría de Ferrol - Vídeo


Hoxe pola mañá, 20 de decembro, membros da Plataforma na defensa dos servizos públicos, pola remunicipalización realizaron unha rolda de prensa nas escaleiras exteriores do Palacio Municipal de Ferrol sobre a xestión do sistema de saneamento e depuración da marxe norte da Ría. Lupe Ces foi a encargada de falar no nome da Plataforma.

A razón de convocar esta rolda de prensa é o feito de que a encomenda de xestión das instalacións EBAR, EDAR, emisario terrestre e emisario submarino, do sistema de saneamento e depuración, caduca o 31 de decembro deste ano 2021, e esta Plataforma quere facer pública a súa posición ao respecto. Na actualidade estas instalacións están xestionadas por EMAFESA como encargada final dun encadeamento de encomendas de xestión por convenios, entre a Confederación Hidrográfica Miño-Sil e Augas de Galicia, entre Augas de Galicia e o Concello de Ferrol e un caducado Protocolo de Execución Concertada entre o Concello de Ferrol e Emafesa.

Outra das razóns é que chegou a coñecemento desta Plataforma a existencia dun documento elaborado pola propia Augas de Galicia (Xunta de Galicia) para dar unha saída a esta situación que mantén ademais en conflito aos concellos de Narón e Ferrol. Tratado nunha reunión a tres bandas (o martes 26 de outubro), polo que sabemos, sen chegar a ningún acordo. Un documento onde se ofertan tres saídas diferentes para a xestión das infraestruturas:

    • A primeira, que a xestión das instalacións sexa devolta a Augas de Galicia e que ACUAES siga xestionando os tanques de tormenta, colectores e interceptores.
     
    • A segunda saída proposta é a creación dun ente supramunicipal que se encargue da xestión de todo o sistema, coa participación das empresas mixtas (EMAFESA e COSMA) e que dentro de 6 meses asuma a xestión do sistema de interceptores que leva ACUAES con VIAQUA.
     
    • A terceira é manter por separado a xestión de cada concello, cunha maior asunción de carga por parte do concello de Ferrol, como viña sendo até agora.

    • O concello de Narón manifestou xa o seu rechazo á terceira opción, apoiando a primeira, que a xestión sexa asumida por Augas de Galicia, mentres non se crea o ente supramunicipal necesario para darlle unha xestión de ámbito local.

    • A postura desta Plataforma coincide con devolver a Augas de Galicia a xestión do sistema de saneamento e depuración (incluído o que xestiona ACUAES) porque este ten un carácter supramunicipal e a xestión debe ser única e centralizada, para optimizar custes e aproveitar as sinerxías, e porque non se pode confiar na empresa que o ven xestionando ao longo destes anos pola cantidade de irregularidades e incumprimentos que desde hai anos ven realizando: lecturas estimadas abusivas para facerse con liquidez a consta das abonadas; facer definitivo o que era provisional, aplicando consumos lineais por non instalar contadores nos barrios de Recimil e San Pablo; cobro de depuración sen que existise o servizo enganando ate o mesmo goberno municipal; non facendo ningún investimento no rural, sendo este un dos compoñente para o cálculo do prezo da taxa que se nos cobra; retención e non pago do canon concesional; retención despois de telo recadado do canon da auga... E apoiamos a creación dese ente supramunicipal entre os dous concellos, sempre que se trate da xestión directa mancomunada dunha empresa pública que reverta os beneficios en mellorar o sistema reducindo custes enerxéticos e custes ambientais. Para iso temos exemplos onde mirar como pode ser o modelo da Coruña, Arteixo, Cambre, Culleredo e Oleiros  que constituíron en 2013, a empresa pública Edar Bens SA, co fin de xestionar de xeito conxunto a depuración das augas residuais dos cinco concellos, convertendo-se na primeira empresa supramunicipal de Galiza.

    • Nese sentido tamén queremos engadir que Augas de Galicia debe asumir a xestión do sistema para transformalo conforme a criterios de sustentabilidade, respecto ao medio e optimización de custos. Asistimos a unha suba do custe eléctrico exponencial. O modelo imposto ao concello de Ferrol é un modelo insostible, que non só é unitario (eliminando a separación de augas pluviais e residuais), senón que ademais, ten unha estación de bombeo para lanzar as augas residuais a case 50 metros de altura para que completen o seu camiño ate a EDAR de Prioriño. Un despropósito que cada día sae máis caro e que se debe transformar inspirándose nos modelos antes citados de aproveitamento enerxético e redución de custes ambientais de EDAR BENS.

    • O goberno municipal de Angel Mato, ante esta situación actúa con total falta de transparencia, ocultando o documento e sen dar conta do acontecido nas reunións a tres bandas, sen dar conta nas comisións informativas municipais, nin convocar xunta de portavoces, ... Actuando así para continuar na sua liña de favorecer o aumento de negocio da empresa mixta EMAFESA e o seu socio privado SOCAMEX, que nestas alturas non deberan xestionar ningún servizo municipal, dadas todas as  irregularidades e incumprimentos que como mínimo deberan estar recollidos nun expediente administrativo por incumprimento de contrato.

A Plataforma reiteramos:

Que Augas de Galicia debe asumir a xestión do servizo de saneamento e depuración no seu conxunto mentres non se cree o ente supramunicipal que se faga cargo da xestión a nivel local.

Que Augas de Galicia debe asumir as transformacións necesarias do sistema para facelo máis sostíbel (transformación gradual nun sistema separativo, innovación tecnolóxica, aproveitamento das augas residuais -biogás-  e  a súa caída polo emisario terrestre como fonte de enerxía, turbinas eólicas, enerxía solar, optimización e redución dos custes eléctricos...) seguindo o modelo da nomeada empresa supramunicipal pública EDAR BENS.

Exiximos transparencia e compromiso na defensa dos intereses das veciñas e veciños de Ferrol, por parte do Alcalde, señor Mato e o seu goberno, facendo fronte común co concello de Narón, poñendo punto e final aos abusos da empresa EMAFESA no noso concello, impedindo que aumente de xeito irregular o seu volume de negocio .

O fin último desta Plataforma é recuperar para a xestión pública os servizos básicos agora privatizados... Sabemos que a maioría da representación política no Concello non está pola labor, mesmo no caso da limpeza viaria e recollida de residuos sólidos, que terían agora a oportunidade, prefiren estar cunha prorroga ilegal dun contrato caducado hai 7 anos, a rescatar o servizo para a xestión pública. No caso concreto do servizo de saneamento e depuración estaría complicado porque neste momento, na corporación cohabitan o alcalde e dous ex-alcaldes, cuxa política propiciou a posición de abuso e impunidade da empresa EMAFESA e o seu socio privado SOCAMEX,  que cobrou á veciñanza máis de 7 millóns de euros por un servizo que non prestaba. Cobrando-nos como se foran máis de 67 millóns de m³ de augas residuais as que pasaron pola depuradora, cando na realidade só foron pouco máis de 9 millóns e cobrando como si se consumiran máis de 37 millóns de Kw/h cando en realidade só foron pouco máis de 7 millóns. Cargando deste xeito os falsos custes, de 31 meses do período (setembro de 2014 a marzo de 2017) que durou a reparación, arranque, posta en marcha e probas do sistema, a unha parte da veciñanza de Ferrol.


#EmafesaCenPorCenPublica
#Remunicipalizar
#Remunicipalización
#Emafesa

PLATAFORMA NA DEFENSA DOS SERVIZOS PÚBLICOS,
POLA REMUNICIPALIZACIÓN
Abonda de saqueo! Hai outras alternativas!
Pódese, débese e precísase!
Correo-e: remunicipalizacion.plataforma@gmail.com
Web: https://plataformaferrol.blogspot.com.es/
Facebook: @RemunicipalizarFerrol   |  Twitter: @municipalizarFT
_______

mércores, marzo 31, 2021

Emafesa atrasou dous meses a emisión dos recibos correspondentes a Novembro/Decembro 2020, facendo-os chegar ás vivendas varios días despois do seu vencemento - Atraso na emisión dos recibos de Emafesa, hackers e 'cartel da limpeza' - Paradoxos e negativas de Emafesa - Custes reais de explotación da depuración


Atraso na emisión dos recibos de Emafesa, hackers e "cartel da limpeza"

Os recibos de Emafesa elaboran-se na sede central de Urbaser en Madrid, que á súa vez é a empresa matriz de Socamex (parte privada de Emafesa). Parece ser que os servidores informáticos, onde se almacena a base de datos, ao menos, de todo o Estado, incluído os de Ferrol (Emafesa), recibiron un ciberataque por parte de hackers que "esixiron unha contraprestación para non facer pública a información que obtiveron ao introducirse de forma presuntamente ilegal nos servidores da compañía". Mágoa que eses segredos non saian á luz, e por outra banda, agardemos que os nosos datos persoais non sexan vendidos. Dá a casualidade que o hackeo coincidiu co proceso de venda do xigante das empresas chamadas medioambientais, propiedade da Firion Investments, unha empresa controlada indirectamente polo fondo da industria Huayu, no que participan Jiangsu Dagang Co Ltd e China Tianying Inc (CNTY), fondo transnacional de orixe chinés que comprou Urbaser en 2016, ao consorcio transnacional de Florentino Pérez (ACS). Un ano antes (2015) Urbaser fora sancionada xunto con outras 50 empresas polo que se coñeceu como o "cartel da limpeza". A Comisión Nacional dos Mercados e a Competencia (CNMC) impuxo unha multa histórica de 98 millóns ás principais compañía do sector por pactar prezos para repartirse o mercado das concesións municipais da limpeza.

Paradoxos e negativas de Emafesaamosamos na imaxe

O recibo correspondente a Novembro/Decembro de 2020, con data do 23 de xaneiro de 2021, está chegando aos nosos fogares estes días. Paradoxo é que cheguen ás caixas de correos das vivendas con posterioridade á data de vencemento que no caso deste recibo que amosamos na imaxe, como doutros miles, é o 23 de marzo deste ano 2021.

Emafesa atrasou dous meses a emisión dos recibos, por mor do mencionado hackeo dos seus servidores, facendo-os chegar ás vivendas varios días despois do seu vencemento. Tamén resulta paradoxo que sendo o recibo de 23 de xaneiro de 2021, no apartado das mensaxes -situado na parte baixa do recibo- coloquen unha débeda con data posterior: 16 de marzo deste ano 2021. Cousas máxicas de quen emite os recibos.

E por último no apartado dos paradoxos, na mesma zona de mensaxes do recibo di textualmente Emafesa que "se necesita factura, póñase en contacto con nós", cousa que fixeron varias persoas despois de pagar, pedindo a emisión dun novo recibo, coas facturas correspondentes ao pago do tratamento dos residuos sólidos urbanos que corresponde a Sogama; da factura recollida e transporte de residuos (RSU) que corresponde a Urbaser; da factura da taxa do Canon da Auga que corresponde a Augas de Galicia; e polo conxunto de conceptos da factura da auga, por todos os conceptos excepto o de "Cobro Fraccionado Taxa Depuración (Atrasos)" que corresponde a Emafesa; e esta, en vez de emitir un novo recibo con esas facturas, responde que é legal que poña o do "Cobro Fraccionado...". Emafesa claro que pode redactar o recibo como queira, mas nós temos o dereito a pagar aquilo que pensamos que nos corresponde, nen un céntimo máis. O que se lle pide a Emafesa é que emita factura do que se pagou, todo menos o dos supostos atrasos no concepto xa mencionado de "Cobro Fraccionado...", por considerar que non se prestou ese servizo ate pasado o 3 de abril de 2017 e que é discriminatorio -no caso de que tivera que ser así- cargar os custes da reparación, probas e mantemento, só sobre unha parte da veciñanza de Ferrol, deixando libre de pago a outra parte que polo de agora non están pagando nada ate que se poña  en funcionamento o sistema de interceptación d'A Malata (como é lóxico) e o do saneamento da zona rural (polo de agora no mundo do esquecemento);  e á veciñanza de Narón que non se lles comezou a cobrar ate despois do citado 3 de abril de 2017 (como tamén é lóxico). Quen realmente se tiñan que facer cargo deses custes eran os concellos de Ferrol e Narón, Augas de Galicia e a Confederación Hidrográfica del Miño-Sil que encomendou a xestión a Xunta e Augas de Galicia mediante Convenio, entidade que daquela era a propietaria da depuradora e emisario submarino (EDAR) e o cruce e impulsora d'A Malata (EBAR).

Custes reais de explotación da depuración

A Plataforma, e sabe-o de sobras o Concello, denunciou que os custes reais de explotación da depuración, anteriores ao 3 de abril de 2017, cando aínda non estaba conectado o sistema de saneamento e depuración, son moito menores que os valores utilizados para calcular a taxa que se nos está cobrando como Atrasos de Depuración. A estafa continúa, e a nosa denuncia tamén.


Documentos de Referencia:

✔ Cartas ao Concello e e Emafesa, solicitando a emisión de novos recibos coa facturas pagadas (Sogam, Urnbaser, Augas de Galicia e Emafesa (Sen Atrasos). | Acceder/Baixar Carta a Emafesa. | Acceder/Baixar Carta ao Concello.

✔ Escrito de resposta de Emafesa negando-se a emisión de novo recibo coas facturas. | Acceder/Baixar.

#EmafesaCenPorCenPublica
#Remunicipalizar
#Remunicipalización
#Emafesa

PLATAFORMA NA DEFENSA DOS SERVIZOS PÚBLICOS,
POLA REMUNICIPALIZACIÓN
Abonda de saqueo! Hai outras alternativas!
Pódese, débese e precísase!
Correo-e: remunicipalizacion.plataforma@gmail.com
Web: https://plataformaferrol.blogspot.com.es/
Facebook: @RemunicipalizarFerrol   |  Twitter: @municipalizarFT
_______

martes, novembro 24, 2020

A Plataforma irá aos barrios onde abrirá mesas informativas sobre como reclamar ao Concello, despois das cartas de Emafesa requirindo o pago por un servizo de depuración non prestado - Calendario de Mesas Informativas


A Plataforma informará nos barrios mediante mesas informativas sobre como reclamar ao Concello, despois das cartas de Emafesa requirindo o pago por un servizo de depuración non prestado. Mesas onde facilitará os modelos de escritos e as instrucións para facer efectiva dita reclamación. Ademais de informar e facilitar modelos de escritos, a través das súas contas nas redes sociais median, as consultas na conta de correo-e [remunicipalizacion.plataforma@gmail.com] e na súa Web.

MESAS PARA DIFUNDIR O MODELO DE CARTA E INFORMAR

Martes 24 de Novembro, de 11:00 a 12:30 horas, no Mercado de Caranza.

Mércores 25, co mesmo horario na praza da Ilustración, diante de Emafesa.

Xoves 26, co mesmo horario diante do Edificio da Xunta.

Venres 27, co mesmo horario, no Inferniño, nas inmediacións da Farmacia (Esquina Estrada de Castela con Sánchez Calviño).

E o luns 30, co mesmo horario nas inmediacións da porta traseira de entrada ao Rexistro no Concello.

ACTIVIDADE NAS MESAS-INFO

Nas mesas informamos, entregamos modelos, axudamos acubri-los e os recollemos se queredes que o entreguemos desde a Plataforma.

PARA REXISTRAR


Cubrir o modelo de petición ao Concello e presentar no Rexistro Xeral, mais antes por mor da pandemia polo Covid-19, hai que pedir Cita Previa (Hai unha lista de espera de 7 a 10 días)  no 981 944 000, Ext. 230. Polo que recomendamos a quen poida que o envíe por correo-e ao rexistro do Concello, escaneando antes o modelo cuberto e asinado, mais lembra de gardar a mensaxe que se envía, pois é o xustificante de ter enviado. Mais polo xeral o Xefe de Rexistro, remite un xustificante de entrada no mesmo, coa data e asignando un número.

A conta de correo do Rexistro Xeral de Ferrol:
rexistro@ferrol.es

#Emafesacenporcenpublica
#Remunicipalizar
#Remunicipalización
#Emafesa
PLATAFORMA NA DEFENSA DOS SERVIZOS PÚBLICOS,
POLA REMUNICIPALIZACIÓN
Abonda de saqueo! Hai outras alternativas!
Pódese, débese e precísase!
Correo-e: remunicipalizacion.plataforma@gmail.com
Web: https://plataformaferrol.blogspot.com.es/
Facebook: @RemunicipalizarFerrol   |   |  Twitter: @municipalizarFT

_______

sábado, novembro 21, 2020

A Plataforma en Rolda de Prensa facendo públicas as reclamacións ao Alcalde de Ferrol, Ángel Mato, despois das cartas de Emafesa requirindo o pago por un servizo de depuración non prestado


A Plataforma en Rolda de Prensa facendo públicas as reclamacións ao Alcalde de Ferrol, Ángel Mato, despois das cartas de Emafesa requirindo o pago por un servizo de depuración non prestado.

A representante da Plataforma nesta comparecencia pública, asegurou que "hoxe temos unha boa noticia porque un novo concello, o manchego de Alcazar de San Juan, municipio de pouco máis de 30.000 habitantes, gobernado polo mesmo partido que goberna no noso concello, iniciou o proceso de remunicipalización do servizo de augas, un novo concello que se suma ao movemento pola recuperación de servizos públicos de calidade, con 100% de xestión pública".[1]

"Pola contra -continuou Lupe Ces- estamos aquí para denunciar que a empresa mixta de augas EMAFESA, está enviando cartas aos veciños e veciñas, con advertencia da vía executiva, para reclamarlle atrasos do 2015 cando o servizo de depuración e saneamento non se estaba dando".[2]

A Plataforma anunciou que van invitar a toda a cidadanía afectada a presentar diante da alcaldía un escrito,[3] onde a maiores de sinalar o feito de que até abril de 2017 o sistema de saneamento e depuración non estaba a funcionar, solicitan do alcalde que execute tres reclamacións.

A primeira fai mención á solicitude que leva cada carta para que o Concello certifique a data de conexión ao sistema da vivenda de quen asina a carta, facendo mención ás distintas lexislacións, mesmo á xurisprudencia dunha sentenza do Tribunal Supremo[4] onde se dita que, só se poderá cobrar unha taxa cando a persoa reciba o servizo directamente, non polo feito de que ese servizo se dea: "... existe unha reiterada doutrina xurisprudencial que declara que a efectiva prestación dun servizo municipal é presuposto imprescindíbel para que poida esixirse taxa por tal concepto, por canto o feito impoñíbel no mesmo vén constituído pola efectiva prestación dun servizo que beneficie ou afecte de modo particular ao suxeito pasivo, sen que a mera existencia do servizo municipal sexa suficiente para constituír a unha persoa en suxeito pasivo da taxa establecida para o seu financiamento".

A segunda solicitude fai mención aos recursos[5] presentados no mes de febreiro, vía rexistro municipal, en relación precisamente a estes cobros, que non foron contestados aínda.

A terceira, que a representante da Plataforma cualificou como "situación vergoñenta", é á que fai referencia á Queixa Colectiva[6] presentada diante da Valedora do Pobo. Unha institución que xa en dúas ocasión fixo requirimentos[7] ao Concello de Ferrol e non tiveron resposta. "Solicitamos que o Concello responda a eses requirimentos da Valedora", mentres a Plataforma chama á veciñanza de Ferrol a seguir loitando contra esta estafa que continua da man de EMAFESA, co seu socio privado SOCAMEX e a colaboración necesaria do goberno municipal.

A Plataforma facilitará ás veciñas e veciños, o modelo de escrito dirixido ao Alcalde, Ángel Mato, por medio de correo-e, colgando o enlace nas redes sociais e na web, así como dentro das posibilidades das restricións pola pandemia polo Covid-19, colocando mesas informativas nos barrios. Escrito para entregar no Rexistro Xeral do Concello. Mais por mor das citadas restricións, hai que pedir cita previa por teléfono no 981 944 000, extensión 230.

Notas.-

[1] Web oficial do concello manchego, Alcazar de Sanjuan. | Asinadas as operacións de crédito por valor de 5´5 millóns de euros para remunicipalizar Augas de Alcázar. | 19.11.2020 | Ir á Web.
[2] Carta enviada por Emafesa ás veciñas e veciños de Ferrol, na primeira quincena de novembro deste ano 2020, requirindo o pago. | Acceder/Baixar.
[3] Modelo de Carta elaborada pola Plataforma, dirixida ao Alcalde como Presidente do Concello de Ferrol e como Presidente do Consello de Administración de Emafesa, contestando a Carta de Emafesa, para entregar pola veciñanza afectada, no Rexistro Xeral do Concello en formato pdf. | Acceder/Baixar.
[4] Sentenza do Tribunal Supremo| EDJ 1996/566 STS (Contencioso) de 20 febrero de 1996 | Tribunal Supremo (Contencioso), sec. 2a, S 20-02-1996, rec. 3377/1992 | Acceder/Baixar.
[5] Recurso presentado por veciñas e veciños de Ferrol en Febreiro de 2020, no Rexistro Xeral do Concello contra os recibos emitidos por Emafesa en concepto de "Atrasos Facturación Servizo Depuración". | Acceder/Baixar.
[6] Queixa á Valedora do Pobo, presentada en febreiro de 2020.
[7] Requirimentos da Valedora do Pobo. | Acceder/Baixar.

#Emafesacenporcenpublica
#Remunicipalizar
#Remunicipalización
#Emafesa
PLATAFORMA NA DEFENSA DOS SERVIZOS PÚBLICOS,
POLA REMUNICIPALIZACIÓN
Abonda de saqueo! Hai outras alternativas!
Pódese, débese e precísase!
Correo-e: remunicipalizacion.plataforma@gmail.com
Web: https://plataformaferrol.blogspot.com.es/
Facebook: @RemunicipalizarFerrol   |   |  Twitter: @municipalizarFT

Enviado por
Plataforma Remunicipalizacion
-remunicipalizacion.plataforma@gmail.com-
20 de novembro de 2020 18:52

_______