Amosando publicacións coa etiqueta Sermos Galiza. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Sermos Galiza. Amosar todas as publicacións

venres, novembro 24, 2017

Hai 35 anos: expulsos do Parlamento galego 3 deputados nacionalistas por se negar a xurar a constitución española - A representatividade popular que lles outorgaran os votos de milleiros de galegos e galegas foilles roubada por unha aplicación retroactiva dunha normativa que obrigaba a xurar a 'carta magna', buscando provocar a expulsión dos tres parlamentares electos polo Bloque-PSG (Bautista Álvarez, Lois Dieguez e Claudio López Garrido)

O 24 de novembro de 1982, aos tres deputados -Bautista Álvarez, Lois Dieguez
e Claudio López Garrido, electos nas listas do Bloque-PSG, se lles impide
a entrada no Parlamento Galego (Daquela estaba no Pazo de Fonseca)

"Parlamento sin oposición, Parlamento de cartón"

Hai 35 anos: expulsos do Parlamento galego 3 deputados nacionalistas por se negar a xurar a constitución

O BNG apresenta o avanzo dun documental sobre un feito sen precedentes no Estado español. A aplicación retroactiva dunha normativa que obrigaba a xurar a 'carta magna', buscando provocar a expulsión dos tres parlamentares electos polo Bloque-PSG.

O 24 de novembro de 1982 tres deputados -Bautista Álvarez, Lois Dieguez e Claudio López Garrido-, eleitos pola candidatura Bloque Nacional-Popular Galego-PSG, eran expulsados do Parlamento de Galiza por se negar a xurar a Constitución española e defender os dereitos nacionais de Galiza. 35 anos despois, o BNG presenta o avanzo dun documentario no que se fai memoria dun feito político sen precedentes do Estado español.

O vídeo está concibido como un acto de denuncia e de recoñecemento político aos seus protagonistas, “precisamente nun momento de involución democrática no conxunto do Estado, marcado polo recorte de dereitos e liberdades, -tanto individuais como dos pobos-, e de criminalización das ideas políticas que non encaixan no status quo do actual marco institucional”, indican desde o BNG.


https://youtu.be/YanKkEnSWcQ

Publicado en 23 de nov de 2017 na Canle do BNG - Bloque Nacionalista Galego

O 24 de novembro de 1982 os tres deputados nacionalistas da coalición Bloque-PSG foron expulsados do Parlamento Galego por se negaren a xurar a Constitución Española. A representatividade popular que lles outorgaran os votos de milleiros de galegos e galegas foilles roubada por unha aplicación ideolóxica da lei ao servizo das forzas españolistas. Foi un caso único na historia da "democracia" española. Trinta e cinco anos despois, desde o BNG estamos a elaborar un documental que recupera e trae á actualidade o acontecido, porque hoxe volvemos vivir un claro proceso de criminalización das ideas e de involución nos dereitos democráticos. Os poderes do Estado e o españolismo político, mediático e económico, novamente, perseguen as ideas das e dos que defendemos liberdade, democracia e dereitos para os nosos pobos. Este pequeno teaser é simple adianto do video que vos presentaremos en poucas semanas. Onte, hoxe e mañá, no BNG estamos polo dereito a decidir e as liberdades democráticas. E hoxe toca dar #UnPasoAdiante para as conseguir.

http://www.bng.gal/
| Facebook | Twitter | Youtube |

Fontes: Sermos Galiza e BNG.

Sermos Galiza, é un outro semanario impreso, comprometido co Pobo, a Terra e a Fala que está nos quioscos os xoves, mais tamén pública-se todos os días en formato dixital: http://www.sermosgaliza.gal/. Baixo Licenza Creative Commons. Podes-te facer subscritor/a e/ou Participa. | Ir á Web
__________________

sábado, novembro 18, 2017

O despoboamento do rural galego vai parello ao desmantelamento da actividade agro-gandeira e á expansión expoñencial das plantacións de eucalipto. Trátase de tres feitos intimamente relacionados entre si e tamén cos incendios forestais, que este ano acadaron como poucas veces a categoría de catástrofe e traxedia... así comeza o nº13 do Sermos Adega que vai incluido no Sermos Galiza desta semana - Unha nova Lei para salvar os bosques é o futuro

O secretario da delegación comarcal da Asociación pola Defensa Ecolóxica de Galiza -ADEGA, Miguel Anjo González García, anuncia a saída dun novo suplemento especial de ADEGA, onde se tratan temas moi interesantes desde a óptica medio ambiental. O suplemento vai incluído no último número do semanario, Sermos Galiza. E anima a que se compre o semanario, "deste xeito", di "estarás informándote sobre os importantes temas medioambientais que suceden no noso país, ademais de contribuír á difusión dun semanario en lingua galega".

No Sermos Adega Nº 13, atoparás información sobre a ILP (Iniciativa Lexislativa Popular): "Unha nova lei para salvar os nosos bosques".

A situación do bosque autóctono, acompañada do deterioro de servizos ecosistémicos, a eucaliptización, a ameaza dunha nova especie, o E. nitens, o despoboamento rural inducido, os incendios forestais, e o desafío do cambio climático son as razóns que levaron a “Cousa de Raíces” a promover esta ILP. Todo isto na nova entrega do SERMOS ADEGA, nº 13, nesta semana nos quioscos galegos.

Relación dalgúns artigos que conten:

* "Soutos centenarios queimados non os volveremos ver” -Ramón Varela.

* “Esta ILP busca a xestión sustentábel do monte galego e a adaptación aos retos do cambio climático” -Fins Eirexas.

* “A ILP ten medidas para diminuír o impacto dos lumes, mesmo para vencelos” -Xosé Alfredo Pereira.

* “Galiza, ambicionada como substituto do territorio portugués prohibido ao eucalipto” - >Ramón Varela.

* “Faise imperativo rexenerar os hábitats degradados por plantíos ilegais” -Fins Eirexas.

Compra prensa, galega e en Galego, mais se non tes posibilidade de comprar o Sermos Galiza, ou queres un adianto do Sermos ADEGA nº 13, podes aquí: Acceder/Baixar.

Sermos Galiza, é un outro semanario impreso, comprometido co Pobo, a Terra e a Fala que está nos quioscos os xoves, mais tamén pública-se todos os días en formato dixital: http://www.sermosgaliza.gal/. Podes-te facer subscritor/a e/ou Participa. | Ir á Web.

Nas redes sociais:


ADEGA-Delegación de Ferrolterra
Apartado de Correos 481, C.P.: 15480 - Ferrol
adegatrasancos@adega.gal
www.adega.gal/

Enviado por:
ADEGA-Ferrolterra
-adegatrasancos@adega.gal-
17 de novembro de 2017 16:30
_____________________

luns, outubro 23, 2017

Galiza berra Nunca Máis contra os lumes e contra a depredación do país - Miles de persoas en Compostela, na manifestación que rematou na Praza da Quintana - Esperanza e dignidade do pobo contra as políticas que destrúen Galiza


Galiza berra “Nunca Máis” contra os lumes e contra a depredación do país

Na mañá do domingo volveu emerxer en Compostela o país de Nunca Máis, a esperanza e dignidade do pobo contra as políticas que destrúen Galiza. Foi na masiva mobilización convocada para protestar contra a Lei de Depredación e contra os incendios e a política forestal da Xunta de Galiza.

Unha maré de persoas percorreu na mañá do domingo as rúas de Compostela convocada pola Plataforma contra a Lei de Depredación de Galizaa Lei de Fomento de Iniciativas Empresariais impulsada polo PP desde o Goberno galego–. A mobilización, que inicialmente estaba dirixida a protestar contra a citada normativa, vinculouse posteriormente cos incendios, após a vaga da semana pasada que queimou máis de 35 mil hectáreas e deixou catro persoas falecidas. Precisamente, o momento máis emotivo da xornada foi o do sobrecolledor minuto de silencio polas vítimas.

Feijóo dimite, Galiza non te admite”, “Feijóo escoita, Galiza está en loita” ou “Feijóo dimisión, Tahoces a prisión” foron algunhas das consignas máis coreadas na manifestación que ateigou as rúas de Santiago de Compostela na mañá do domingo. Así, o presidente da Xunta, Alberte Núñez Feijóo, situábase albo das críticas de quen reclamou responsabilidades políticas e de quen denunciou a política forestal do Goberno galego baixo o lema “Lumes Nunca Máis”.

 A manifestación partiu pasadas as 12h da Alameda de Santiago cara á praza da Quintana, onde varios brigadistas, coas súas roupas de traballo, espertaron a ovación das persoas asistentes baixo os berros de “Nunca Máis” e o lema “Con este goberno imos ao inferno”. O director de teatro Quico Cadaval foi a persoa encargada de conducir o acto. Mostra da retranca que o caracteriza, o artista pediu a aplicación do artigo 155 da constitución española ao Goberno da Xunta “pola súa manifesta imcompetencia”.

A praza da Quintana berrou Nunca Máis! Contra o capitalismo depredador que destroza a nosa terra. pic.twitter.com/Y64QEIojEI
— Galiza Contrainfo 🔥 (@gzcontrainfo) 22 outubro 2017.

Tamén tomou a palabra Paulo Carril, un dos integrantes da plataforma e secretario xeral da CIG, quen centrou as críticas nun modelo económico que “non aposta no desenvolvemento económico e social, senón que pretende un modelo baseado no espolio, a depredación e a ruína do pobo galego”. Cargaba, así, contra o “modelo industrial colonial” que dá “renda solta” aos fondos de investimento e poderes económicos”.

A continuación, Carril asegurou que a lei “asenta” a política de “eucaliptización e de abandono do rural”. Denunciou, a continuación, a política forestal da Xunta de Galiza e esixiu a demisión de Feijóo, “nesta catástrofe hai responsábeis e son os membros do PP”, advertiu.

Partidos políticos

Na mobilización, participaron colectivos ecoloxistas, sindicatos, persoal do dispositivo contra os incendios e representantes das formacións políticas En Marea e BNG. Luís Villares, portavoz de En Marea, afirmou en declaracións aos medios que “se a Feijóo lle quedaba algo de reputación como xestor, queimouna durante estes días”.

Ana Pontón, portavoz nacional do BNG, cualificou de “pirómana” a política forestal da Xunta, ao considerar que favorece “a actividade incendiaria”. A nacionalista tamén lle pediu ao Executivlo de Feijóo que “asuma as súas responsabilidades”.

Tamén asistiron o líder de Anova, Antón Sánchez, xunto o alcalde de Santiago, Martiño Noriega, e o ex portavoz nacional de Anova, Xosé Manuel Beiras, que acusou o PP de ser “o gran culpábel dos incendios” por promover empresas que “controlan a utilización da madeira e que queren a eucaliptización de Galiza”.

A Lei de Depredación, un retroceso

A proposición de lei aprobada na terza feira no Parlamento cos votos do Partido Popular e co rexeitamento da oposición implica importantes repercusións nos sectores vinculados á actividade industrial do país, así como no marco lexislativo que regula a protección do patrimonio natural e os prazos de información e exposición públicas.

Nada máis darse a coñecer o contido da proposta –en pleno mes de agosto– espertáronse fortes resistencias por parte dun nutrido grupo de colectivos relacionados co ecoloxismo e coa protección do patrimonio, que denuncian que a lei abre a barra libre aos intereses das grandes empresas, pois dinamita os controis e garantías.

Colectivos que forman parte da plataforma, como Contraminacción, denunciaron que se esta lei chega a existir anos antes “non tería sido posíbel frear atentados ambientais como o proxecto de mina de Corcoesto, a extracción de feldespatos da Limia ou mesmo impedir a Lei de Acuicultura”.

Adega, pola súa banda, sinala que a lei “reduce até a mínima expresións as xa cativas limitacións existentes para protexer o noso medio ambiente, patrimonio ou os intereses sociais”.

O texto modifica leis de calado como a da minaría, a do sector eólico, a de augas ou a do solo en aras de beneficiar proxectos industriais que, denuncia a plataforma, prexudican Galiza.

---
Reportaxen de M. Obelleiro 22 Outubro, publicado en Sermos Galiza o 22 de outubro de 2017, baixo licenza Creative Commons. Imaxes: RP, Adega e Galiza Contrainfo.
________

sábado, xullo 01, 2017

Eucaliptos, patrimonio, ríos... A loita que non cesa!, e unha entrevista a Froilán Pallín , ... xa está na rúa o Sermos-Adega nº11


Os eucaliptos superaron o medio millón de hectáreas na Galiza e mesmo inzaron lugares emblemáticos como a Prazo do Obradoiro compostelá e a Ferrería de Pontevedra, imaxes que reactivaron a loita contra a eucaliptización, da man da Rede Cousa de Raíces, unha loita pola conservación da nosa natureza e dos nosos recursos produtivos, mesmo do patrimonio etnográfico e cultural. Un contexto no que ADEGA e outros colectivos presentaron no último ano máis de 300 denuncias, das que a administración so puido resolver unha de cada cinco, mais que abondan para demostrar o manifesto incumprimento da lei. Unhas páxinas que estaban a escribirse no mesmo intre no que a traxedia do lume se cebaba no pais veciño, sen dúbida acrecentada nas súas dimensións por un monte inzado de eucaliptos e sen o debido ordenamento e coidado.

Poucos éxitos se poden nomear na loita ecoloxista contra a eucaliptización, que non por iso deixa de ser un tema de grande incidencia para o noso medio, a substentabilidade a o futuro ambiental, social e mesmo a seguranza na Galiza. Por iso, estas páxinas do Sermos  ADEGA recollen dous casos de éxito noutros ámbitos, o dique do Miño (Lugo) e a Cova Eirós (Triacastela), despois de longas e intensas loitas contra a desidia das administracións (in)competentes. E aproveitamos para saudar dúas iniciativas que veñen a reforzar este traballo, no eido dos ríos e do patrimonio cultural.

Sermos-Adega nº 11: Eucaliptos, patrimonio, ríos... A loita que non cesa! | 30.06.2017 | Sermos Galiza.

Nota.- Pode-se conseguir nos quioscos e librarías de balde comprando o semanario 'Sermos Galiza' desta semana ou baixando da rede. | Acceder/Baixar.

--
adegatrasancos@adega.gal | ADEGA (Asociación pola Defensa Ecolóxica de Galiza). | Delegación de Ferrolterra. | Apartado de Correos 481, C.P.: 15480 - Ferrol. | www.adega.gal .

Información baseada na enviada por:
ADEGA-Ferrolterra
-adegatrasancos@adega.gal-
30 de junho de 2017 17:56

_________

domingo, abril 23, 2017

A cultura de base do país homenaxea a Francisco Rodríguez como unha figura imprescindíbel - Unhas 300 persoas participaron no acto de entrega do Premio Galiza Cultura - Non quero Paco no pasado. Quero Paco no presente e quero Paco no futuro, dixo durante o evento o seu amigo Balbino - Unha reportaxe de Xosé Mexuto, Director do xornal Sermos Galiza


Hai múltiples Francisco Rodríguez. Todos e cada un deles foron homenaxeados no acto de entrega do Premio Galiza Cultura. Por volta de trescentas persoas acudiron a un restaurante do ferrolán bairro de Serantes -o paraíso da infancia de Rodríguez- para render tributo a unha figura "imprescindíbel, única e irrepetíbel", epítetos que compuxeron o retrato que del fixo Pilar García Negro, a presidenta da Federación Galiza Cultura, a entidade que instituíu un premio convocado por 12 entidades e ao que se adheriron outras 40. Todo o tecido cultural nacional galego, auto-organizado e de base do país.


Colás fotográfico da entrega Premio 'Galiza Cultura' a Francisco Rodríguez, en Ferrol, o 22 de Abril de 2017

Hai un Francisco Rodríguez profesor mozo que se rebela contra a ditadura fascista non en nome dunha abstracción cosmopolita, senón dun país concreto, unha nación negada, unha nación anónima na súa infancia de Serantes. "Eu de cativo non ouvía pronunciar o nome do meu país", evocou na emocionada intervención coa que fechou o acto. Hai un Francisco Rodríguez activista que aterra en Ourense a principios dos 70 do pasado século coa firme determinación de falar galego en toda a parte, custar o que custar, e que contribúe para revitalizar o asociacionismo cultural, a comezar pola Auriense da cidade das Burgas. Hai un Francisco Rodríguez que imparte maxisterio ás súas alumnas e aos seus alumnos, aos que non só lles transmite coñecimentos, senón tamén paixón por unha materia concreta chamada Galiza. Hai un Francisco Rodríguez investigador que resgata da deturpación e da mistificación os clásicos da literatura galega, Curros, Pondal e nomeadamente Rosalía, un dos motores da súa vida (non por acaso é del a primeira tese de doutoramento sobre a autora fundacional da literatura nacional galega). Hai un Francisco Rodríguez político que se nega a aceitar a negación do país e que dedica todos os seus desvelos á construción dun movimento nacionalista galego con capacidade para disputarlle espazos políticos ás organizacións de obediencia estatal.

Todos eses Francisco Rodríguez apareceron no acto de entrega do premio da Fundación Galiza Cultura, un xantar fraternal con máis de trescentos comensais, todas elas persoas con múltiples historias de Francisco Rodríguez que contar, todas elas unidas por un nexo común, o coñecimento dalgún aspecto da biografía do homenaxado e o compromiso pola conquista dunha Galiza distinta, dona de si, non satélite, senón planeta.

Foi un festín da nostalxia, un acto para a recreación saudosa do pasado? En absoluto. Houbo, claro, evocación. Houbo recordacións de episodios e lances do Rodríguez mozo, do Rodríguez novo, do Rodríguez xa máis maduro, tamén do Rodríguez máis recente. Mais houbo vontade expresa por parte de todas as persoas que tomaron a palabra no acto de ollar para o futuro, onde habita ese país por conquistar co que se comprometeu Rodríguez hai cinco décadas, no principio de todo.

Esclareceuno na súa intervención -a penúltima, a que fechou o acto foi a do propio Francisco Rodríguez- Pilar García Negro, presidenta da Federación Galiza Cultura, cando explicou que non por acaso a lenda do premio era "50 anos ao servizo da cultura galega". "Foi en 1967 cando Francisco culminaba a súa licenciatura na Complutense. Nese momento tomou a decisión de retornar a Galiza", dixo. Un retorno-compromiso co país, coa súa lingua e coa súa cultura, e cunha intención clara entre cella e cella: a construción dun movimento político que devolvese a dignidade a Galiza.

O acto estivo en todo momento tinxido de emoción. A que lle puxeron, ao termo do xantar, as intervencións das distintas persoas oradoras. A primeira en tomar a palabra foi Nemesio Barxa, avogado ourensán, membro do consello de administración de Sermos Galiza e presidente da asociación cultural Auriense xa á altura de novembro de 1967.

Barxa optou por facer un perfil "humanístico" de Rodríguez, dun Rodríguez de pouco máis de 20 anos. "Coñecín Francisco Rodríguez a finais dos anos 60 sendo profesor de instituto. Chegou con esa inocencia que aínda conserva e a mirada picaresca que os anos non acabaron de borrar", relatou e con ironía apuntou: "Vino co desleixo dun pobriño que chegaba por aí, así que pensei que o debía tomar baixo a miña protección". Risos xeneralizados.

Aquel mozo comezou a frecuentar a tertulia que Barxa organizaba nas sobremesas na súa casa, mantel e conversas que partillaba con xigantes como Blanco Amor ou, de cando en vez, Manuel María. Non demorou en advertir Barxa que "baixo a súa aparencia algo fráxil o que se agachaba era un espírito realmente indomábel".

A completar o retrato do Francisco Rodríguez en Ourense como motor da Auriense dedicou tamén as súas palabras Norberto Tabares. "Foi a alma da asociación nos primeiros anos 70, daba cursillos en galego, trouxo a falar a xente moi significativa e logo estaba o aspecto humano, Paco suscitaba moitas simpatías e adhesións entre as alumnas e os alumnos".

Da man de Rodríguez, enfatizou Tabares, "toda unha xeración entramos en contacto coa cultura galega". E esa tamén foi a porta para abrazar o compromiso coa política e coa causa nacionalista.

O profesor Rodríguez apareceu evocado no discurso de Xoán Carlos Garrido, filósofo e integrante da Asociación Cultural Vagalumes de A Estrada. Falou en parte como representación da ampla nómina de ex alumnas e alumnos del, algúns deles -como Goretti Sanmartín- presentes no xantar. En todo caso, Garrido precisou: "El non me trouxo á política. Eu xa estaba nela, aínda que organizado noutros espazos. Tardei en caír da burra", brincou.

Ter a coraxe de respeitar as discrepancias -Garrido era daquela discrepante, "agora xa non o son", dixo entre os risos do auditorio. E alimentar todas as expresións do activismo social, desde o ecoloxista, a loita contra os encoros, até o lingüístico. Todo iso aprendérono as alumnas e os alumnos de Rodríguez nos seus anos de profesor na Estrada.

E, mais unha vez, o factor humano. Tal e como tamén explicara Nemesio Barxa na súa evocación ourensá, na Estrada anos depois "Paco era moi querido" e, de feito, "cando fixo falta o demostrou moita xente, con aquela prisión extemporánea absurda de finais dos 80 [acusado de queimar unha bandeira española estivo na antiga prisión da Coruña], daquela mobilizarase toda a cidadanía, todo o alumnado do instituto da Estrada. Puxemos una faixa xigante, do terceiro piso ao baixo, en que se lía Paco, Liberdade".

O Francisco Rodriguez investigador e estudoso da literatura galega apareceu no discurso de Xoán Costa, presidente da ASPG e do consello de administración de Sermos Galiza. Costa salientou que "Rodríguez é membro da ASPG desde o principio" e que a el se deben proxectos de tanta dimensión como a Historia da Literatura Galega, unha iniciativa que nacía coa pretensión de mesmo superar a única que até aquel momento se realizara desde a dignidade e o amor ao obxecto de estudo, a de Ricardo Carvalho Calero. E logo está, sempre está, Rosalía. "Francisco Rodríguez colocou Rosalía no meio do quefacer da ASPG", dixo, non só coa publicación da súa tese de doutoramento e posteriormente coa edición de Estranxeira na súa patria, senón tamén co lanzamento de formatos rosaliáns novidosos, desde o musical até o videográfico.

E non podían faltar as amizades. Non hai vida digna de ser vivida sen amizades. Pediu a palabra para falar do "Paco amigo" un vigoroso home de 88 anos. Balbino Pérez. De Vigo. "Este é un día grande para Galiza, aínda que moitos dos que están aí fóra e que teñen o poder nin o mencionarán", dixo.

"Falábase de que ía vir de Ourense un profe que só falaba en galego. Iso creou unha grande conmoción, unha transformación de coherencia sobre o idioma", relatou na súa quenda César Varela, profesor que partillou aulas con Rodríguez no instituto de Cangas de Morrazo. "Criouse un ambiente tal que unha vez veu falarme unha muller para me dicer: que lle pasa á miña filla? Que lle pasa? Só fala galego e fíxose vexetariana", dixo, para xolda xeral do auditorio.

Non só houbo discursos. Tamén houbo música. Servida por algúns dos componentes de Tempos 4. Tocaron con talento e sensibilidade composicións especialmente caras para Rodríguez, de Rosalía e de Pondal. E até facturaron dúas estreas, Muitas veces nos matos nativos e Carballos de Carballido, ambas do vate de Ponteceso, vigorosamente interpretadas por Alberte López e Xoán Padín. A vocalista Lidia Castrillón deu voz aos versos rosaliáns en Miña Santa Margarida. O combo completábao aos teclados André Pazos, autor tamén da música de todas as pezas.

Foi Pilar García Negro, presidenta da Federación Galiza Cultura, a que tomou a palabra imediatamente antes de que as e os representantes das distintas entidades convocantes do acto a arroupasen para facer entrega do premio ao homenaxeado. Nun discurso cheo de emoción -"este é un día feliz"- compuxo un retrato de Rodríguez como un mozo que con apenas 22 anos asume a frase de Chao Rego, "Eu Renazo Galego", e adquire un compromiso coa nación galega que xa non ten volta atrás.

García Negro puxo o acento na capacidade criadora de Rodríguez, na súa determinación por construír a partir practicamente do nada, como deu pasado dunha "galeguidade furiosa" -perante a inexistencia do país- a unha "galeguidade organizada". Dúas palabras de orde clave para o futuro do nacionalismo galego -"auto-organización" e "auto-responsabilización"- son as que Rodríguez asume como propias para pór en marcha o lanzamento dun proxecto político a construír virtualmente desde cero.

A profesora García Negro ponderou tamén o Francisco Rodríguez intelectual, o pensador, o traballador da cultura galega, o incansábel pronunciador de palestras. E o escritor. Os seus textos "non envellecen", continúan plenamente actuais, o signo distintivo que caracteriza "os clásicos". "Na súa tesina de Curros, de 1973, hai claves fundamentais non só ao respeito do grande escritor, senón a respeito de nós, as galegas e os galegos, que continúan a teren toda a súa validade", dixo.

Categorías fundamentais na sociolingüística como conflito lingüístico ou normalización nas condicións concretas da Galiza débenlle moito a Rodríguez, salientou García Negro, quen non dubidou en atribuírlle os cualificativos de "imprescindíbel", "único" e "irrepetíbel", epítetos cos que el nunca se sentiría cómodo, alérxico como é a toda toda forma de "egotismo".

Os agasallos foron chegando. Do fotógrafo Manuel Blanco. Da asemblea do BNG de Carnota. Visibelmente tocado pola emoción -após ver todo o auditorio posto en pé no momento de receber o premio Galiza Cultura de mans de Pilar García Negro- Rodríguez tomou a palabra para pór o ramo ao acto.

E aí foi Rodríguez puro. Unha intensa evocación do seu paraíso infantil de Serantes -unha economía autocentrada, con toda a xente a traballar "e cos nenos e as nenas, mesmo os aparvados coma min, a xogar"- deu paso a unha reflexión sobre as transformacións operadas na conciencia social a respeito da existencia da Galiza como nación.

"Na miña infancia, eu no escoitaba a palabra Galiza. Era un país sen palabra que o designase, un país anónimo". Ese país sen nome agora ten quen terme del. "Houbo unha tranformación nas conciencias. MInoritaria, si, mais estamos aquí grazas a esas transformacións".

"Fomos capaces de ir recuperando a tradición que había no país de conciencia sobre si mesmo, sobre o seu direito a existir como tal", dixo.

A esa tarefa de construción dunha conciencia galega dedicou as súas enerxías na política e tamén na cultura, sempre co propósito de  "descobrir o agochado e servir proveitosamente a nosa sociedade".

O traballo non foi en van. "Hoxe temos un instrumento", dixo en alusión ao movimento nacional galego, "por máis que necesitamos máis dimensión e máis influencia".

Como sempre, Rodríguez ollando con optimismo para o porvir. Rodríguez, con confianza "no noso potencial". "Estamos en momentos difíceis, mais tamén estamos en momentos de reduplicar o noso potencial e de confiar no futuro".

Hai capacidade, si, mais tamén hai atrancos. E enumerounos: "A atomización, o desamparo, o desnorte, a hostilidade da propia administración, a falla de credibilidade en nós mesmos".

Serantes ao final e ao principio. O Serantes en que -el aínda neno- había algo estraño no ambiente, non nomeado. A sombra dos mortos e dos torturados. Mais tamén o Serantes en que era posíbel que o Rodríguez cativo vise no cinema Arroz Amargo con Silvana Mangano, privilexio que lle era vedado ás nenas e aos nenos do centro de Ferrol. Ese Serantes símbolo do país puxo o fecho ao discurso de Rodríguez, non sen antes chamar a Federación Galiza Cultura para que este premio teña continuidade no futuro e distinga cada ano persoas e colectivos desacomplexadamente comprometidos coa cultura da Galiza.

Concluía así un emotivo acto convocado por trece asociacións culturais -Alexandre Bóveda (A Coruña), Maio Longo (Pontevedra), Vagalumes (A Estrada), Medulio (Ferrol), A Pomba do Arco (Foz), Francisco Lanza (Ribadeo), Auriense (Ourense), O Castro (Vigo), Altofalante (Ribeira), O Galo (Compostela), a cultural e musical Solfa (Compostela) e a Universidade Popular de Corcubión-, ao que se adheriron outras 40 entidades, tal e como recolle o web da Federación Galiza Cultura, e no que -entre outros moitos, a lista sería interminábel- estiveron presentes nomes da cultura como Vítor Vaqueiro, Marta Dacosta, Cesáreo Sánchez Iglesias, Manuel Lourenzo, Marica Campo, Isabel Risco, da lingua como Xosé Ramón Freixeiro Mato ou Marcos Maceira, da política como Guillerme Vázquez, Ana Pontón, Goretti Sanmartín, Iván Rivas, Rubén Cela, Avia Veira, Francisco Jorquera, Alfredo Suárez Canal, Olalla Fernández Davila, ben como a alcaldesa de Moeche e os alcaldes de Fene, San Sadurniño e Carnota; e do sindicalismo como Suso Seixo, Anxo Louzao e Paulo Carril.

"Non quero Paco no pasado. Quero Paco no presente e quero Paco no futuro", dixo durante o evento o seu amigo Balbino. Unha frase que sen dúbida asinarían todas e cada unha das trescentas persoas que acompañaron Rodríguez na entrega desta primeira edición do Premio Nacional Galiza Cultura.

Publicado no Sermos Galiza o 23 de Abril de 2017 - Baixo licenza Creative Commons.

Por Xosé Mexuto

[*] Francisco Rodríguez Sánchez, nado en Serantes, Ferrol, o 22 de novembro de 1945, é un político e crítico literario galego. Catedrático de lingua e literatura castelá dende 1973. É crítico e historiador de literatura galega, especialista en Rosalía de Castro, Manuel Curros Enríquez e Blanco Amor. Foi deputado, polo BNG, no parlamento galego entre 1993 e 1996, e deputado, en Madrid, no Congreso dende 1996 até 2008. [Galipedia] [AELGA] [Terra e Tempo] [BVG].

Federación Galiza Cultura GZCultura
Por un punto de encontro do asociacionismo cultural galego

http://www.galizacultura.gal/

federacion@galizacultura.org

facebook | twitter | youtube | rss

Enlace ao documento 'Francisco Rodríguez: 50 anos ao servizo da cultura galega'. | Acceder/Baixar.
__________

mércores, agosto 03, 2016

A consulta telemática de Podemos Galicia decide a confluencia coa Marea por esmagante maioría, desdecindo o votado pola súa Asemblea Autonómica o pasado venres 29 de Xullo


As bases de Podemos apostan en ir ás eleccións galegas en alianza con En Marea


A opción tivo un 75% dos apoios na consulta telemática. Carmen Santos indica que é un aval para crear unha “fórmula electotal á catalá” en referencia a En Comù Podem.

As bases deron un si rotundo a concorrer en alianza electoral con En Marea ao 25 de setembro. Un 75,6% dos votantes na consulta telemática organizada por Podemos Galiza votou a prol desta opción, un “apoio claro”, en palabras da secretaria xeral, Carmen Santos, que xa anunciou que se ía poñer en contacto coas “forzas irmás”, en referencia a Anova, Esquerda Unida e as marés. Santos interpreta que os resultados do referendo, no que tomaron parte 6.056 inscritos (o 27,6% do censo total e 44,3% do 'censo activo') son un mandato para pular por crear o que cualificou como “fórmula electoral á catalá”, referíndose a En Comú Podem. Desta forma, Podemos non se diluiría en En Marea, que desde a asemblea do pasado sábado é partido instrumental.

A secretaria xeral destacou que "gañou a opción que eu defendía", incidindo en que tivo 4.576 votos (75,6%) fronte aos 1.471 (24,3%) dos partidarios de concorrer en solitario como Podemos, unha opción que fica descartada embora ser a maioritaria na asemblea da pasada sexta feira, e que non era vinculante.

A consulta despexa só en parte o camiño cara ás autonómicas do espazo que constitúen Podemos e as marés. Santos volveu deixar claro que a liña vermella era a de que o seu partido non se ía diluír e que os resultados da consulta eran a favor de ir en alianza, non de se integrar nun partido instrumental. De aí a súa refrencia a En Comú Podem, coligazón onde os actores integrantes manteñen a súa identidade propia. Mais isto bate co aprobado en Vigo, na asemblea xeral da maré constituínte, e na que se apostou por transformar En Marea nun partido instrumental.

Candidato

Preguntada polo candidato, Santos reiterou que só apoiarán un que saia dunhas primarias. O Faro de Vigo informaba na edición desta cuarta feira que Luis Villares, o maxistrado do TSXG que leva semanas sonando como a persoa para liderar a candidatura, descarta ser candidato de En Marea se Podemos rexeita "o partido instrumental".

Publicado en Sermos Galiza baixo Licenza Creative Commons | 03.08.2016

Faite asinante do semanario Sermos Galiza | Apoiando ao xornalismo galego e en galego. | Ir á Web.
_____________

venres, setembro 19, 2014

O Pobo Escoces exerceu o "Dereito a decidir", baixo fortes presións da oligarquía do Reino Unido e do "Deus Mercado" - Un exercicio do Dereito de Autodeterminación Nacional que xa de por si supón gañar en democracia, gañar en soberanía


Desde Ártabra 21 consideramos moi interesante todo este proceso e o exercicio do "Dereito a decidir" por parte do pobo escocés, este 18 de Setembro de 2014.  "Dereito a decidir", que se exerceu baixo fortes presións da oligarquía do Reino Unido e do "Deus Mercado", mais que foi un exercicio do Dereito de Autodeterminación Nacional que xa de por si supón gañar en democracia, gañar en soberanía. Neste artigo, transcribimos
os primeiros apuntes no xornal dixital 'Praza Pública' sobre o resultado e o proceso no referendum de autodeterminación escocés. 'Praza Pública' anuncia que seguira ampliando a información sobre o tema, polo que recomendamos entrar na seu sítio-e. 'Sermos Galiza' tamén contribúe á información con moi bos e amplos reportaxes e opinións, polo que tamén recomendamos acceder ao sitio-e do xornal galego.

Na foto, publicada en RadioFusión, representantes de nacións sen estado en Edimburgo, de organizacións integradas na Alianza Libre Europea [*]

Escocia queda no Reino Unido, pero terá máis autogoberno

Escocia seguirá no Reino Unido. O "non" á independencia escocesa impúxose no referendo celebrado este xoves, segundo os resultados oficiais, co 55,5% dos votos fronte a preto dun 44,5% do si, unha vez publicados os datos das 32 circunscricións rexionais nas que está dividida Escocia.

Segundo eses datos, preto do 85% dos máis de catro millóns de escoceses chamados ás urnas participaron no referendo sobre a independencia. Unha vez coñecidos os datos da circunscrición de Highland, a derradeira en rematar o escrutinio, os votos a favor de seguir no Reino Unido foron 2 millóns e 1,6 apostaron pola independencia.

O si logrou imporse en só catro das áreas electorais, aínda que levou Glasgow, a maior de todas. Alí os independentistas lograron un 53% dos votos. Na capital, Edimburgo, o non obtivo o 61% dos sufraxios. Aberdeen, outra das grandes cidades escocesas, tamén caeu ao lado unionista.

Cameron, satisfeito pola unión das "catro nacións"

Tras coñecer que o resultado era definitivo, o primeiro ministro británico, David Cameron, expresou a súa satisfacción pola decisión do pobo escocés de "manter xuntas ao catro nacións", tras a vitoria do non á independencia de Escocia. "Son un apaixonado do Reino Unido, pero tamén son un demócrata; podería ter prohibido o referendo, pero preferín que o pobo escocés falase", di, nun contexto no que, lembra, esta decisión partiu do "respecto" á elección do Scottish Nacional Party en 2011, en cuxo programa se incluía "un referendo de independencia". "Respectamos a maioría do SNP e démoslle ao pobo escocés o dereito de falar" nunha votación que "será lembrada como unha poderosa manifestación da fortaleza e vitalidade da nosa vella democracia".

Nunha declaración ante a porta da residencia oficial de Downing Street, Cameron sinalou que o "resultado foi claro" e é unha "oportunidade" de cambiar "para mellor" a forma en que a unión é gobernada tras unha votación que, ao seu xuízo, pecha o debate da independencia escocesa para unha "xeración". Neste contexto Cameron diríxese tamén aos "escoceses escépticos" coas súas promesas de maior autogoberno. "O pobo escocés vai ter máis poder" en áreas como a xestión dos impostos e dos orzamentos e tamén dos servizos públicos nun proceso que, reitera, comezará de inmediato.

Pola súa banda, o ministro principal escocés Alex Salmond asegurou que acepta "o veredicto" do pobo escocés, á vez que instou a facer o mesmo aos partidarios do 'si'. Nun acto en Edimburgo no que foi recibido cunha ovación, Salmond agradeceu a Escocia "os centos de miles de votos a favor da independencia" e expresou a súa satisfacción polo bo ton no que se desenvolveu a campaña e a normalidade da xornada electoral.

Unha observadora galega como garante dun proceso "limpo e transparente": Ir a web.

Praza Pública precisa de Ti:
A forza de Praza Pública son os seus lectores e lectoras. Praza é un medio da súa comunidade de lectores. A existencia do xornal depende das achegas realizadas por todos nós [+info].

Sitio-e do referendum sobre a independencia de Escocia (Scotland), onde se pode acceder aos resultados e outras informacións:
http://scotlandreferendum.info/

[*] Organizacións integradas na  Alianza Libre Europea:

___________