Amosando publicacións coa etiqueta UGT. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta UGT. Amosar todas as publicacións

mércores, marzo 10, 2021

Suceso da Folga Xeral Comarcal en Ferrolterra, Eume e Ortegal este 10 de Marzo de 2021, no Día da Clase Obreira Galega - Ferrolterra Existe ! - Vídeos e Galería Fotográfica


Diante da situación de emerxencia social e económica, os sindicatos CIG, CCOO e UGT convocaron unha xornada de folga xeral nas comarcas de Ferrolterra, Eume e Ortegal para hoxe 10 de Marzo, o mesmo día que se conmemoran a loita obreira do 72 en Ferrol e a morte de Amador Rei e Daniel Niebla, por disparos da policía franquista. A folga está tendo un significado suceso á que respondeu a clase traballadora e a veciñanza das Comarcas. Ás 12 do mediodía partía unha manifestación desde a Gándara que rematou na praza da cabeceira das Pías, onde está situada unha réplica da antiga Porta Nova de Ferrol que lle dá nome a esa praza, nas inmediacións do monumento Dez de Marzo, á Solidariedade da Clase Traballadora, onde se efectuou unha ofrenda floral na que participaron, mulleres e homes represaliados nos sucesos do 72 e unha nena e un neno, simbolizando o futuro esperanzador de loita, dereitos e benestar para estas comarcas, gopeadas polos gobernos de quenda. Ferrolterra Existe ! Viva o 10 de Marzo !! Viva o Día da Clase Obreira Galega !!

A progresiva desindustrialización e destrución de emprego, o incremento das exclusión e a falta de proxectos de futuro son un feito palpábel, perda de postos de traballo e recursos económicos e sociais, en todos os sectores. O sindicatos reivindican "feitos concretos", solucións urxentes, "que existen e que ademais están máis que discutidas e plasmadas en centos de documentos". Por iso, para as centrais sindicais está nas mans do Goberno galego e do Goberno español poñer en marcha de inmediato esas solucións que dependen da vontade política.

O acto central desenvolveu-se na praza onde interviñeron os secretarios comarcais das tres centrais sindicais, Manel Grandal (CIG), Santi Díaz (CCOO) e Toni Díaz (UGT) e rematou co canto do Hino Galego.





Galería Fotográfica

_______
































martes, febreiro 02, 2021

As organizacións sindicais acordan mudar a folga xeral en Ferrolterra para o 10 de marzo, coincidindo coa conmemoración do Día da Clase Obreira Galega


 
Os secretarios comarcais de CIG, UGT e CCOO compareceron esta mañá en rolda de prensa para informar de decisión de trasladar a convocatoria da folga xeral en Ferrolterra, Eume e Ortegal para o 10 de marzo, Día da Clase Obreira galega, a causa da situación sanitaria e das limitacións na mobilidade. Para ese día está prevista tamén unha manifestación que sairá ás 12 horas dende a rotonda do Alcampo (na Avda. da Gándara) e discorrerá pola estrada de Castela até a Porta Nova.

Manuel Anxo Grandal, secretario da CIG de Ferrol, subliñou que esta non foi unha decisión doada, tendo en conta a crítica situación Sociolaboral e económica da comarca "que precisa de medidas e actuacións urxentes por parte dos gobernos". Por iso, lanzou un chamamento  a toda a cidadanía "para lograr que tanto a folga como a mobilización sexan un éxito de participación".

Grandal puxo como exemplo da crise da comarca o peche de Gamesa, o desmantelamento da central das Pontes no marco dun proceso de transición enerxética que non é xusto, a falta de carga de traballo en Navantia, o ERE de Galicia Téxtil, a destrución produtiva da ría, o abandono do sector agrogandeiro, ou os peches no sector servizos, acelerados pola pandemia, pero que xa se viñan arrastrando de antes.

Ferramenta fundamental de loita

Neste senso, subliñou que a folga é a ferramenta de loita que ten a clase traballadora, polo que animou a saír á rúa este 10 de marzo "data de conmemoración do asasinato de Amador e Daniel en 1972 no marco dunha loita obreira pedindo xustiza social", e neste 2021 "iso é o que temos que reclamar tamén nós, xustiza social". "Xogamos-nos un dereito fundamental, poder vivir e traballar dignamente na nosa terra e, como tal dereito, temos que defendelo", afirmou Grandal.

Denunciou que as comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal esmorecen por inanición e son as administracións española e galega ás que teñen que aplicar medidas concretas e urxentes para reverter o peche de industrias, a destrución de emprego, o incremento da exclusión social, a perda de poboación, o deterioro dos servizos públicos ou o déficit histórico de infraestruturas na comarca. "Xa non valen máis mesas, nin máis estudos, nin máis milongas, a Xunta e o Goberno español teñen que tomar decisións políticas de inmediato e facer os investimentos necesarios", aseverou.

Grandal reiterou o chamado á participación masiva na folga e mobilización do 10 de marzo para, precisamente, premer e obrigar as administracións a actuar "porque as medidas que se necesitan dependen da vontade política. Porque nos xogamos existir ou non existir".

Fonte: Avantar. | Ferrol - Creative Commons.
_______

venres, xaneiro 22, 2021

CIG, CCOO e UGT convocan folga xeral en Ferrolterra, Eume e Ortegal para o 25 de febreiro, para esixir dos Gobernos medidas inmediatas que permitan reverter a desindustrialización e a perda de emprego nestas comarcas


25 de Febreiro de 2021
Folga Xeral nas comarcas
Ferrolterra, Eume e Ortegal


Dada a situación de emerxencia social e económica, os sindicatos CIG, CCOO e UGT acordaron convocar unha xornada de folga xeral nas comarcas de Ferrolterra, Eume e Ortegal para o vindeiro xoves 25 de febreiro, á que chaman a secundar a toda a clase traballadora e toda a cidadanía da bisbarra.

"Son os propios acontecementos os que nos levan a esta convocatoria, acontecementos dos que viñamos alertando, e mesmo denunciando, a través de mobilizacións como a cadea humana realizada o pasado 17 de decembro", explican dende as tres centrais sindicais.

A progresiva desindustrialización e destrución de emprego, o incremento das exclusión e a falta de proxectos de futuro son un feito palpábel: Endesa sen alternativa, Gamesa pechada na práctica, o naval sen carga de traballo, o peche continuo de empresas e negocios etc., "coa conseguinte perda de postos de traballo e recursos económicos e sociais".

As comarcas precisan "feitos concretos"

Unha situación que necesita de solucións urxentes, "que existen e que ademais están máis que discutidas e plasmadas en centos de documentos". Por iso, para as centrais sindicais está nas mans do Goberno galego e do Goberno español poñer en marcha de inmediato esas solucións que dependen da vontade política.

"Esa é a nosa esixencia, non caben máis demoras, non caben máis debates estériles, só cabe actuar, e iso é o que demandamos, carga de traballo para o naval, unha transición ecolóxica xusta sen perda de postos de traballo, proxectos de enerxías renovábeis que leven acompañados proxectos industriais, infraestruturas que nos deben dende hai décadas, inversións que atarían proxectos industriais etc", aseveran.

Advirten que xa se acabou "o tempo das promesas e das milongas" e o que precisan as comarcas son feitos concretos "e non imos parar até conseguilos".

"Non estamos dispostos a asumir que as nosas comarcas morran por inanición, non sen pelexalo. É por isto o noso chamamento á Folga Xeral, ferramenta dura pero necesaria, porque nos xogamos existir ou non existir, xogámonos poder compartir a vida cos nosos fillos e fillas e cos veciños e veciñas, ou asumir que teñen que emigrar. Xogámonos un dereito fundamental, poder vivir e traballar dignamente na nosa terra e, como tal dereito, temos que defendelo".

Fonte: Avantar.
_______

sábado, decembro 12, 2020

Folga Comarcal o 17 decembro, ante a situación de emerxencia social e económica que están a padecer as nosas comarcas - Un paro parcial xeral, entre as 10 a 14 horas, convocada polas centrais sindicais CC.OO., UGT e CIG


Os Sindicatos CC.OO., UGT e CIG, dada a situación de emerxencia social e económica que están a padecer as nosas comarcas, tomamos a decisión de facer unha mobilización para o próximo día 17 de decembro, con chamamento a toda a cidadanía, na demanda de solucións urxentes que permitan reverter esta situación. Unha situación que se está a plasmar no día a día, co peche continuo de empresas e negocios, o baleiro que se presenta no sector naval, así como a ameaza que pende sobre Endesa e Gamesa, Sertor mariqueiro, Hostelería, Comercio, etc, coa consecuente perda de postos de traballo e recursos económicos e sociais.

- A folga será o día 17 de decembro (xoves) desde as 10:00 ata as 14:00 horas.

- Se creará unha cadea humana desde a Praza de Armas de Ferrol ata o Concello de Narón, atravesando toda a Estrada de Castela, de 11:00 a 13:00 horas.

- A convocatoria afecta a todos os sectores económicos da Comarca Ferrol-Eume-Ortegal.

- O obxectivo da folga é facilitar a todos os traballadores e traballadoras das citadas comarcas a asistencia a mobilización.

Pola Comarca!!!!!

O 17 de decembro, ás 11 horas.

Cadea humana entre os Concellos de Ferrol e Narón.

Todos e todas á Estrada de Castela.

ÚNETE!!!!

Enviado por:
Inácio GZ
-inaciogz@gmail.com-
3 de dezembro de 2020 16:01

_______

xoves, abril 30, 2020

1º de maio para a Reflexión, manifesta o Secretario Comarcal de CCOO de Ferrol, Santiago Díaz Gómez - Primeiro de Maio de 2020 - Comunicado de UGT e CCOO: Traballo e servizos públicos: outro modelo social e económico é necesario


PRIMEIRO DE MAIO PARA A REFLEXIÓN

A crise do coronavirus veu remover os cimentos do sistema. Veu cuestionalos e, a estas alturas, deberiamos celebrar este primeiro de maio cun exercicio de reflexión, non só sobre o mundo do traballo, como a data require, senón tamén sobre o modelo de sociedade que compartimos ata hoxe, e o que queremos para o futuro. Os sindicatos non naceron só para mellorar as condicións laborais e salariais da clase traballadora, naceron tamén para mellorar as condicións de vida da sociedade na que se insiren.

A reflexión sobre a cuestión laboral propiamente, obrigada e habitual na celebración do primeiro de maio, pasa nestes momentos por cuestións esenciais, pero non novas para CCOO: seguridade e prevención de riscos laborais, defensa dos servizos públicos de calidade, dignificación do traballo das persoas que exercen as funcións básicas: sanidade, educación, seguridade, limpeza, abastecemento, transporte, coidados de maiores e dependentes, etc. CCOO debe apostar como fixo sempre por estas prioridades. Nesta situación de urxencia revélanse como traballadoras e traballadores esenciais, persoas con contratos e salarios precarios. Persoas que agora están en primeira liña e ás que pedimos que nos saquen deste pesadelo. Agora que vemos ás coidadoras das nosas nais, pais e avós traballando en precario e con salarios de pobreza, ten máis sentido que nunca a frase “O contrario da pobreza é a xustiza”.

A reflexión, neste caso obrigada polas circunstancias, a cerca do sistema económico e social en que vivimos ata hoxe, pasa por analizar a fraxilidade dese modelo que, criamos asentado nunha globalización que hoxe é parte do problema e non parte da solución.

Desde CCOO apostamos desde sempre por un sistema onde os servizos públicos vertebren o benestar social. Ademais, nestes días, moitas persoas comparten un dos nosos eixes de actuación; ese que se basea en que só a unidade, a solidariedade e a cooperación fan avanzar a sociedade. A grandes males, grandes remedios, di a sabedoría popular, a historia demostra que a solución aos grandes problemas faise sempre de xeito colectivo. O que, de tanto repetirse, tomábase como unha consigna oca, é hoxe o mellor valor que podemos transmitir ás nosas fillas e fillos.

Feliz 1º de maio

Vivan as CCOO

Santiago Eloy Díaz Gómez
Secretario da Unión comarcal de CCOO Ferrol.


Primeiro de Maio de 2020 - Traballo e servizos públicos: outro modelo social e económico é necesario

Celebramos o 1.º de Maio, Día Internacional do Traballo, en pleno confinamento motivado polo COVID-19, virus que percorre o mundo e que se manifestou con especial incidencia no noso país. Todo se ve afectado pola extensión da pandemia; miles de persoas faleceron, o noso tecido produtivo quedou gravemente danado, millóns de postos de traballo están en perigo e centos de miles de persoas atópanse sen recursos fronte á crise.

O  1.º de Maio, xornada de solidariedade internacionalista

O COVID-19 está afectando a todo o mundo, aínda que o faga con diferente intensidade, e en todo o mundo se puxo de manifesto a fraxilidade e inxustiza do modelo social e económico imperante. O 1.º de Maio é a mellor ocasión para reivindicar unha nova orde mundial máis xusta e solidaria que sitúe as persoas e o seu benestar por diante dos intereses económicos duns poucos. É tamén a ocasión de recordar a memoria dos e das sindicalistas que son perseguidos, despedidos, ameazados ou asasinados en calquera lugar da Terra por defenderen ese mundo máis xusto, onde a repartición da riqueza, o valor do traballo e a liberdade sindical van da man.

Enfrontar a crise desde as institucións europeas

Europa debe ter o protagonismo que ata agora non deu asumido. A crise é de tal magnitude que está poñendo en dúbida os alicerces do logro máis importante do noso continente: a Unión Europea.

As institucións europeas deben aceptar que as políticas de austeridade que impuxeron na pasada crise debilitaron os mecanismos de protección social e laboral nos que se está cebando a pandemia, e renunciar a elas definitivamente para enfrontar a crise de forma verdadeiramente solidaria.

Ata agora, malamente se alcanzou un acordo para liberar unha primeira partida de medio billón de euros destinados a afrontar os efectos máis perniciosos da crise. Pero cómpre máis decisión e vontade política. Necesitamos unha verdadeira ferramenta unitaria de investimento en Europa e unha iniciativa fiscal coordinada. Nesta conxuntura urxe impulsar a capacidade para emitir débeda común que axude a financiar un gran plan de choque europeo contra a crise e pola reconstrución económica. Os sindicatos españois, xunto coa Confederación Europea de Sindicatos, traballamos nesa dirección, porque non está en xogo unicamente a recuperación das economías nacionais: está en xogo o futuro da Unión Europea.

Unha vía diferente. Enfrontar a crise no noso país

Desde o primeiro momento, as organizacións sindicais presentamos propostas para evitar que a crise destrúa emprego e deixe na pobreza máis absoluta amplas capas da nosa cidadanía: a promoción e primacía dos mecanismos de axuste temporal, as suspensións e reducións de xornada —a través do mecanismo dos ERTE—; as prestacións por desemprego a contador cero para todas as persoas afectadas, tivesen ou non adquirido o dereito a elas; as axudas e subsidios extraordinarios, etc., son, en gran parte, o resultado da esixencia sindical no marco do diálogo social. Son instrumentos aínda insuficientes, pero que sitúan a resposta á crise nunha vía diferente, centrada na atención aos problemas das persoas e nunha nova forma de percibir as necesidades deste país.

Queda moito por facer


Agora, é necesario prorrogar os mecanismos de axuste temporal do emprego, deseñados para o estado de alarma, o tempo que sexa preciso para soster o noso tecido produtivo e a supervivencia digna das persoas traballadoras. É imprescindible cubrir as necesidades daquelas que carecen de calquera tipo de prestación. Con esta finalidade, o movemento sindical esixe a regulación urxente dun ingreso mínimo vital, como xa fixemos na lexislatura anterior promovendo unha iniciativa lexislativa popular. E debe garantirse que a recuperación da actividade económica se leva a cabo sen poñer en risco a saúde dos traballadores e as traballadoras.

Pero hai que ir máis alá e determinar as liñas dun novo modelo produtivo e social que sempre reivindicamos e que a crise do coronavirus demostra que é inadiable. Máis e mellores servizos públicos: sanidade, atención ás persoas maiores e ás dependentes, educación, etc. Intervención pública nos sectores estratéxicos (enerxía, subministracións, servizos financeiros, industria) que garanta, asemade, a resposta ante situacións críticas e unha maior eficiencia e menor dependencia dun mercado que se articula baixo o principio do máximo beneficio e que carece de sensibilidade ante os problemas das persoas. Investimento en ciencia, tecnoloxía e innovación, que oriente a recuperación cara a un modelo de desenvolvemento económico xusto e ambientalmente sostible.

Para todo iso é necesario un gran pacto. Un pacto ao que as organizacións sindicais estamos, sen dúbida, dispostas, pero que para que teña éxito debe contar co compromiso do conxunto de forzas políticas. Estamos nun momento transcendental na historia do noso país. Todas as forzas políticas, económicas e sociais deben actuar unidas se se quere estar á altura das circunstancias.

Un 1.º de Maio dedicado ás persoas traballadoras que están en primeira liña
As persoas que, a pesar do risco de contaxio e dos deficientes medios de protección, están salvando vidas, axudando as persoas maiores, dependentes e con discapacidade, as que garanten o funcionamento dos servizos esenciais que require a nosa economía son as verdadeiras protagonistas desta crise. Tamén o son aquelas que teletraballan e as que se reincorporaron á actividade, as que perderon o emprego ou non o tiñan e lles vai ser máis difícil atopalo. Todas elas son un exemplo para este país e non debemos esquecelo cando isto pase. Para lembralo hoxe e sempre, neste Primeiro de Maio o movemento sindical réndelles homenaxe.

As nosas reivindicacións neste 1.º de Maio

Como organizacións internacionalistas e solidarias, somos conscientes de que só unha resposta global pode ser a solución a unha crise global. A solidariedade e a colaboración sindical internacional teñen neste momento, neste Día Internacional, máis importancia ca nunca. Conscientes de que este é un 1.º de Maio especial, atrapados polo coronavirus e o confinamento, sen manifestacións nas rúas e sen actos públicos, faremos da mobilización das ideas en centros de traballo, medios de comunicación e redes sociais a nosa principal manifestación:

1. Reivindicamos un novo modelo económico e social que teña como prioridade os dereitos e o benestar das persoas.

2. Reivindicamos o traballo como principal factor de cohesión social, exemplificado neste tempo polas traballadoras e traballadores dos sectores esenciais e dos servizos públicos, de maneira singular por todo o persoal sanitario.

3. Reivindicamos condicións de traballo dignas e salarios suficientes, e denunciamos as reformas que se fixeron para desvalorizar e precarizar o emprego.

4. Reivindicamos o papel da muller traballadora nunha sociedade máis igualitaria e xusta. Moitos dos sectores laborais que hoxe están salvando vidas, facilitándonos a provisión de alimentos ou evitando que se estenda a pandemia son sectores feminizados, nos que moitas destas traballadoras non chegan nin a mileuristas.

5. Reivindicamos, hoxe con máis forza se cabe, unha Unión Europea máis social e politicamente máis unida e máis solidaria.

6. Reivindicamos algo que de sempre consideramos un piar esencial do estado de benestar: os servizos públicos, que sufriron os recortes durante a xestión neoliberal da crise de 2008 e cos que algúns poderes autonómicos se asañaron e que deben ser considerados un ben social agora e sempre.

7. Reivindicamos, ante o drama humano, social e económico que está causando o coronavirus, que as políticas públicas (e tamén privadas) atendan sobre todo as persoas e sectores máis vulnerables. Neste sentido, hai que poñer en marcha canto antes un ingreso mínimo vital.

8. Reivindicamos un pacto de Estado para combater o COVID-19 e reconstruír a estrutura económica e produtiva do noso país, garantindo que non deixamos a ninguén atrás. Sindicatos e organizacións empresariais estamos chamados a desempeñar un papel determinante neste proceso.

9. Reivindicamos o pulo de políticas sectoriais a curto prazo nos sectores que máis van sufrir a caída de actividade, así como a recuperación dunha base industrial para o noso país que garanta o aprovisionamento de bens básicos. Tamén o investimento en investigación, desenvolvemento e innovación, que no ámbito sanitario, pero non só nel, vólvense demostrar imprescindibles para un país.

10. Reivindicamos unha estratexia económica e social de desescalada e saída da crise acompañada dun cambio de modelo produtivo, respectuoso co medio ambiente e asentado no emprego estable e con dereitos.

Viva o 1.º de Maio!

Vivan as traballadoras e os traballadores de todo o mundo!

SIndicato Nacional de CCOO de Galicia:
http://www.ccoo.gal/webgalicia/

Unión Xeral de Traballadores - UGT - Galicia
https://www.ugtgalicia.org/

Yolanda Quintía Salido
Área de Administración
Unión Comarcal de CC.OO. de Ferrol
rúa María, 42-44 baixo // 15402 // Ferrol
Tfno: 981 369300 RPV 71314
Fax : 981 350353 RPV: 71104
ucferrol@galicia.ccoo.es
yquintia-ferrol@galicia.ccoo.es

Info baseada na enviada por:
YOLANDA QUINTIA SALIDO
-yquintia-ferrol@galicia.ccoo.es-
30 de abril de 2020 11:57
_______



_______

xoves, xaneiro 23, 2014

Os Secretarios Xerais de CIG, CCOO e UGT, convocan, unha xuntanza nacional da Alianza Social Galega en Compostela

O pasado 16 de Xaneiro de 2014, Xesús Seixo Fernández da CIG, Xosé Manuel Sánchez Aguión de S.N. de CCOO de Galicia e José Antonio Gómez Gómez de UGT Galicia, asinan unha convocatoria para reunir en Compostela a Alianza Social Galega, na súa misiva alegan que "ante a grave situación que estamos a padecer en Galicia como consecuencia das decisións adoptadas polos Gobernos Central e da Xunta en forma de recortes públicos e de dereitos e liberdades, e ante o horizonte de que se teime en agudizar os seus efectos sobre a cidadanía en forma de máis recortes, desde as tres organizacións sindicais queremos propoñervos celebrar unha xuntanza das organizacións e entidades que conforman a Alianza Social Galega co obxectivo de promover unha mobilización social en Galicia que poña freo a esta escalada antisocial".

Na citada xuntanza quere-se debater e consensuar un Manifesto Nacional dirixido a todo o pobo galego onde se faga un chamamento á mobilización social contra as políticas neoliberais, inxustas, ... que nos arruínan, empobrecen e precarizan como  como persoas e como País.

A xuntanza está convocada para o vindeiro Luns, 27 de xaneiro, ás 17:00 horas no salón de actos do CERSIA, na rúa Alcalde Raimundo López de San Lázaro, en Santiago de Compostela.

A Alianza Social Galega está integrada, a nivel nacional, polas seguintes organización:
A Mesa pola Normalización Lingüística; ACSUR Galicia; Asemblea de Cooperación Pola Paz; Asociación Fuco Buzán; Asociación Galega de Historiadores; Asociación Galega de Mariscadoras/es; Asociación Monte Pindo Parque Natural; Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galicia (ADEGA); Asociación Sociocultural Namentras; Asociación Sociopedagóxica Galega Colexio de Educadores/as Sociais de Galicia; Comisión pola recuperación da memoria histórica da Coruña; Comités Abertos de Facultade; CONFAPA Galicia; Confederación Intersindical Galega (CIG); Confraría Pescadores Póboa do Caramiñal; Coordinadora Galega de ONGs; Escola Viva; Fed. ANPAS Compostela; Federación de Asociacións Culturais Galiza Cultura; Federación de Asociacións de Mulleres Rurais; Federación de Profesionais e Autónomos/as de Galicia; Federación Galega d Medio Ambiente; Federación Galega de Bandas de Música Populares; Federación Provincial APAS Lugo; Federación Rural Galega; Fundación 10 de Marzo; Fundación Castelao; Fundación Defensa dos Consumidores; Fundación Estudo e Divulgación da Cuestión Social e Sindical na Galiza; Fundación Galiza Sempre; Fundación Luís Tilve; Fundación Paz e Solidariedade; Iniciativa Estudantil Galega; Iniciativa Galega Pola Memoria; Instituto de Cooperación ao Desenvolvemento de Galicia ISCOD; Instituto Galego da Historia; Liga Estudantil Galega; Movemento polos Dereitos Civís; Nova Escola Galega; Plataforma Defensa Ensino Público; Plataforma Defensa Sistema Público Galego de Servizos Sociais; Plataforma Galega Defensa Ensino Público; Plataforma polo Emprego (Asociación); Plataforma Queremos Galego; Seminario Galego de Educación para a Paz; Sindicato de Estudantes; Sindicato de Xornalistas; Sindicato Labrego Galego; Sindicato Nacional de CCOO de Galicia; Sindicato Traballadores e Traballadoras Ensino Galicia; SOS Sanidade Pública; Unión de Autónomos de Transporte Carretera e Mar; UGT Galicia; Unión de Profesionais e Traballadores Autónomos; Unións Agrarias; USTG; Xustiza e Sociedade.
____________

domingo, xuño 17, 2012

CCOO e UGT convocan manifestacións en máis dun cento de cidades do Estado, para o mércores 20 de Xuño, contra a reforma laboral e en defensa doutra política social e económica - Á manifestación de Ferrol soma-se á convocatoria a USTG



CCOO, UGT e USTG convocan unha manifestación para o día 20 de xuño contra a reforma laboral

No marco dunha convocatoria a nivel estatal promovida polos sindicatos CCOO e UGT, as unións comarcais destas dúas centrais, xunto á USTG, organizaron para o próximo día 20 unha manifestación na cidade naval para protestar contra os duros recortes sociais e a reforma laboral promovida polo Goberno do PP de Mariano Rajoy. A mobilización, que se desenvolverá baixo o lema “Defende vos teus dereitos. Non cales! Queren acabar con todo”, partirá ás oito da tarde desde a praza do Inferniño.

Os responsables dos tres sindicatos, Xulio Abelleira, Cesáreo Fraga e Gregorio Freire, respectivamente, compareceron en roda de prensa para explicar o obxectivo da convocatoria e ao mesmo tempo facer un chamamento á participación da cidadanía para protestar polas actuais políticas do goberno estatal.

Tamén para “rexeitar a agresiva reforma laboral”, que, segundo recordou Abelleira, reduce o salario dos traballadores, afecta gravemente á negociación colectiva ou reforza o poder dos empresarios, entre outras cuestións, supoñendo, dixo, “ou recorte do Estado de Benestar”. Ademais, esixiu ao Goberno liderado por Rajoy, en relación ao rescate de 100.000 millóns de euros para recapitalizar a banca española, que “explique ou alcance deste acordo, xa que ou único que está a facer é crear confusión”. O responsable da Unión Comarcal de CCOO asegurou que coa manifestación do próximo día 20 preténdese dar continuidade á estratexia “de manter este nivel de participación para forzar ao Goberno a acadar un gran pacto para saír desta situación e que se conte cos cidadáns e vos traballadores”.

Abelleira afirmou que malia os esforzos para buscar posturas conxuntas coa CIG de face ás mobilizacións, “non nos parece o máis adecuado facer unha folga” –en relación á xornada de loita que a central nacionalista convocou para o próximo día 28 de xuño e que inclúe unha manifestación e un paro de nove da mañá a dúas da tarde.

Pola súa banda, o responsable de USTG, Gregorio Freire, considerou que “os problemas de Galicia son iguais aos do resto do estado español”, polo que defendeu este tipo de mobilizacións a nivel estatal para facer fronte aos ataques. “Si non somos capaces de facer unha formulación unitaria e deixar á marxe ideoloxías políticas particulares, estase facendo un fraco favor aos traballadores”, engadiu.

Finalmente, Cesáreo Fraga, responsable comarcal de UGT, empezou aludindo ao rescate financeiro que, segundo dixo, “nos vai custar entre 3.000 e 4.000 millóns de euros cada ano en intereses, e isto si que é déficit”. Tamén dixo que quen goberna agora España non é Rajoy, senón a “troika e Merkel”, nunha clara crítica cara á xestión e políticas do actual executivo estatal.

Fronte ao chamamento que días pasados a CIG fixo ás bases de CCOO e UGT para que os seus sindicatos apoiasen a mobilización do día 28 da central nacionalista, Fraga quixo deixar claro que “non meu, todos os delegados apostan por esta estratexia de manter a presión sobre os políticos para acadar fins como ou dique flotante, ou saneamento dá ría...”, dixo.

Noticia publicada no Diario de Ferrol o 15 de Xuño de 2012.



Enlace relacionado:

Ártabra 21: CCOO e UGT mobilizaronse en defensa do sector público e pola dignidade dos empregados - Convocatoria de manifestacións para o vindeiro 20 de Xuño en defensa doutra política social e económica
_______________