Amosando publicacións coa etiqueta Xosé María Dobarro Paz. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Xosé María Dobarro Paz. Amosar todas as publicacións

venres, outubro 15, 2010

Audio e repotaxe fotográfica da Conferencia que "O Capitâo de Avril”, Otelo Saraiva de Carvalho, deu en Ferrol o pasado 8 de Outubro - Artigo de Xosé María Dobarro Paz

O pasado Venres 8 de Outubro de 2010, tivo lugar en Ferrol unha conferencia "A Revolución dos Cravos en primeira persoa" de Otelo Saraiva de Carvalho, organizada pola Asociación Cultural Lefre de Caldereta de Ferrol. Otelo Saraiva de Carvalho, "O Capitâo de Avril”, era o responsábel da comisión coordinadora do MFA, e foi el, quen dirixiu o movimento das tropas que acabaron coa ditadura en Portugal en 1974. O interesante acto realizou-se no Salón de actos que Fundación Caixa Galicia ten no Cantón de Ferrol, presentado por Bernardo Maiz Vázquez e Xosé Mª Dobarro Paz, ademáis de Manuel Alonso Varela "Manolo Bacallau", acto que tamén foi acompañado coa voz de María Manuela e a música de Xurxo Varela.

Lefre de Caldereta enviou-nos un audio que foi publicado no xornal dixital "Diario Liberdade" a reportaxe fotográfica é de Suso Pazos da AC Fuco Buxán.




Reportaxe Fotográfica:


Asociación Cultural Lefre de Caldereta
www.lefredecaldereta.com
lefre@lefredecaldereta.com



Información baseada na enviada por:

Lefre de Caldereta - Asociación Cultural
-lefre@lefredecaldereta.com-
15 de outubro de 2010 10:24
____________________

Enlace relacionado:

Ártabra 21: A Revolución dos Cravos en primeira persoa: Conferencia de Otelo Saraiva de Carvalho en Ferrol - Venres 8 de Outubro
__________________________

Cravos

Por Xosé María Dobarro Paz [*]
10.10.2010


Hai uns días, nesta quinta feira (xoves) pasada cumprín a sexta década da miña vida. Os azares da vida trouxéronme un inmenso regalo, poder compartir mesa e mantel –para só catro persoas– cun dos vultos –que din os portugueses– máis interesantes que deu a política mundial no século XX: Otelo Saraiva de Carvalho. Ó seu carón a muller que practicamente coñece de toda a vida: María Dina.
O cuarto comensal era Manolo Bacallao, lider incombustible da Asociación Cultural Lefre de Caldereta, organizadora dos actos arredor da persoa que meticulosamente organizou o “25 de Avril”, a “Revolução dos cravos” para botar abaixo a xa moi lonxincua ditadura portuguesa: o salazarismo, o caetanismo ... Evidentemente, non foi el só quen conseguiu esa xesta incruenta, única no mundo. Saraiva de Carvalho poderá ter moitos defectos –como temos todos os humanos–, mais o que non ten en absoluto é o do divismo. É por isto que, cando relata esa historia, fala de moita outra xente que ficou nun plano menor. A vida é así.

Aínda que nunca tiven –que saiba– parentes moi directos militares, a miña condición de nado e criado en Ferrol levoume, inexorablemente, a compartir mil vidas con xente relacionada con esa profesión. E coñezo de todo, como tamén sucede na miña de profesor. As miñas experiencias no exército –fun sarxento de milicias en vida de Franco– non foron especialmente gratas. En varias ocasións vía como me ían largar de alí pouco menos que condenado a galeras. A sorte e a habilidade dialéctica impediuno. E, como xa dixen, había de todo. Pola Academia de Infantería toledana, onde estiven catro meses de su-boficial, andaban oficiais profesionais que acabarían sendo detidos por formaren parte da Unión Democrática Militar. Lembro un par deles.

Daquela xa tivera lugar a “Revolução dos cravos” e o franquismo seguía nas súas. Como dixen antonte, na miña breve intervención na sede de Caixa Galicia, recordo, se como fose de hai catro días, un episodio acontecido en Ribeira poucas semanas despois da caída da ditadura en Portugal. Tivo lugar mentres se toma un algo antes dun xantar de voda.

O meu amigo de toda a vida Vicente Araguas e máis eu estabamos conversando e, por un casual, aparece por alí un seu tío –acho que nesa altura tenente coronel artilleiro, o mesmo corpo que Saraiva de Carvalho– e este sóltalle con toda a naturalidade do mundo algo así como: “A ver se seguimos o exemplo portugués”. Non sei se polo fragor da batalla (unha festa, uns viños, certo barullo ...) ou pola sorpresa o artilleiro ferrolán non respondeu. Fíxolle graza.
Fóra dos actos, falando con Saraiva de Carvalho descubrín que hai militares excepcionais. El é un paradigma. A súa muller, que o coñecía antes, manifestou que non gustara da súa decisión de seguir esa carreira. Mais que o asumira e acabara casando con el. E aí seguen felices xuntos. E agardemos que por moitos anos e con tanta lucidez.

Escoitar a un militar de carreira –aínda que xa lle tiñamos lidas moitas cousas– contar con tanta precisión, con tanto distanciamento (poderiamos dicir obxectividade), a historia dun proceso tan limpo e impresionante é un luxo.
E Lefre de Caldereta é o que nos brindou este inmenso pracer. Parabéns.

[*] Xosé María Dobarro Paz (Ferrol, 1950), é catedrático de Lingua e Literatura Galega na Universidade da Coruña.

Artigo publicado no "Diario de Ferrol"
_____________________________________

luns, setembro 27, 2010

Folga, Folga, ...Folga Xeral

Por Xosé María Dobarro Paz [*]
26.09.2010

FOLGA, FOLGA... FOLGA XERAL
Para Constantino Trillo, in memoriam, que morreu triste e deprimido por acoso laboral

"Contra o paro, contra o capital, folga, folga... folga xeral” berrabamos algúns “inxenuos” hai trinta anos cando nos estaban a desmantelar as industrias da comarca. E acudiamos, puntualmente, ás manifestacións que moitas veces finalizaban no desaparecido estadio do Inferniño. E as súas gradas estaban case –ou máis– cheas que cando xogaba o vello Racing. Naqueles tempos, xa un algo afastados, Tino Trillo era profesor nun instituto de Ferrol e militaba nun dos partidos comunistas escindidos do PC. Andaba sempre coas bandeiras republicanas nas costas e tiña un certo seguimento de xente nova. Tamén algunha de máis idade. Recordo que sempre se poñían na cola das manifestacións para entrar no estadio coas súas bandeiras, dar unha volta á pista de atletismo e subir á torre de maratón colocando a súa –a nosa– insignia. ¡Onde van eses tempos! Folgas xerais que nesa altura houbo que facer. Manifestacións continuas que a xente seguía. E case todas contra o PSOE, a besta negra ó servizo do capitalismo neoliberal. Non, como din os ligh, os supostos modernos, os que –segundo se di, que eu non o creo– chupan de todo aquí e acolá e os que se enriqueceron ilicitamente –eu tampouco o creo– nalgures e nallures. Saberano eles. E que vaian ó ceo libres de pecado. Tino Trillo, como tanta outra xente, acabou crendo neste persoal autodenominado socialista. E por esas andaba cando se lle botaron enriba. Naturalmente, a dereita fascistoide que padecemos. Supoño que actuarían correctamente, porque neste estado de dereito sempre todo se fai ben e acorde coa lexislación vixente. Se Tino vivise iría, con certeza absoluta, á folga do 29. Malia que tivese relación ou militancia no PSOE. Eu, aínda que ese día non teño docencia, tamén vou ir. E quero que me desconten a parte salarial correspondente, que, é moi posible vai ser unha cantidade importante. Máis ou menos 200 euros. Pero a violencia coa que nos está tratando este goberno ós traballadores, que vén sendo unha continuación da de Aznar, á súa vez seguidista da de Felipe González, e a connivencia co gran capital esixe que haxa que dar contestación, e firme e convincente. E, se for posible, moi maioritaria. Canto máis cedamos, máis nos van machacar. De plantarmos cara, se cadra, algo se pode parar. As eleccións municipais –e varias autonómicas– están á beira. Eles verán o que fan. Acabar nos brazos dun PNV que é a dereita pura e dura –amigos do BNG na Galeuscat, por certo– para aprobar uns orzamentos antisociais é grave. Moi pernicioso.

Síntome moi comprometido co proxecto da refundición da esquerda. Paréceme fundamental, pouco para min pero moito para meus fillos, meu neto, meus amigos e amigas máis novos e para a xente que está aí detrás de nós. E por iso o reproduzo:

A asemblea comarcal de Ferrolterra manifesta o seu apoio á folga xeral convocada para o vindeiro 29 do presente mes polas confederacións sindicais de Comisisóns Obreiras a Unión Xeral de Traballadores e a Confederación Intersindical Galega. Esta asemblea defende a necesidade dunha folga xeral para deter a ofensiva do neoliberalismo que no Estado español e no conxunto da Unión Europea estase a traducir nos axustes económicos brutais inxustos socialmente e regresivos laboralmente.

O goberno español está a poñer o poder político ao servizo do capital poñendo en bandexa a posibilidade do desmantelamento completo do estado de benestar e das conquistas sociais derivadas da loita secular do movemento obreiro. Un estado de benestar e unhas conquistas que, cos seus sistemas de educación e sanidade, pensións e protección social, salarios mínimos e dereitos sociolaborais básicos, implican unha certa redistribución da renda exercida polo Estado que, de non facerse, contriburía a aumentar o proceso de acumulación de capital. Eis o que se pretende: nin máis nin menos que esa porción de renda sexa trensferida ás mans do capital.

Ante esta situación a asemblea comarcal de Ferrolterra de Refundando a Esquerda fai un chamamento á participación na folga xeral e convoca a facer un esforzo a prol da unidade sindical”.

[*] Xosé María Dobarro Paz (Ferrol, 1950), é catedrático de Lingua e Literatura Galega na Universidade da Coruña.

Publicado no Diario de Ferrol - 26.09.2010

Enviado por:
A Esquerda
-refundandoaesquerda@gmail.com-
26 de setembro de 2010 18:40
__________________

domingo, setembro 21, 2008

America Latina

America Latina

XOSÉ MARÍA DOBARRO PAZ
21.09.2008

Desde ben cativo sempre sentín a chamada do mar. De neno soñaba con ir a América. Concretamente a Cuba, a La Habana, onde botara ducias de anos enrolado en barcos pesqueiros meu avó mugardés Santiago Paz Gelpi, arrendatario da casa do barrio do “muelle” de Ferrol na que nacíon.

A vida quixo que as primeiras veces que pisei terra americana fose no norte, nesa yankilandia que, pretendendo dominar o mundo, ten un aspirante a presidente que non sabe nin onde situar España nun mapa. Xa non digamos Jalisia, que din -e con toda razón- os da zona onde ultimamente habito. Mister John McCain non sabe nin do presidente do Estado Español.

Pensa que debe ser un Evo Morales calquera a quen lle amargar a vida e os, para min, interesantes proxectos que leva intentando botar adiante. ¡Jodido, mi hermano! Xa non falemos do presidente ecuatoriano Correa.

Pasado un tempo, cando puiden pisar terras latinoamericanas, non foi a amada Cuba o primeiro lugar. Esa circunstancia supuxo o meu namoro de Montevideo e do Uruguay todo. Para sempre.

Logo aterrei no aeroporto José Martí, o daquela Habana soñada. E alí volvín sempre que fun quen de facelo.

Nas mellores e peores circunstancias. Económicas e climáticas. Iso é tan outra cousa do que os nosos mandatarios non souberon facer. Posiblemente non o entenderán xamais. Traballei naquela soñada Habana -de jratís, sen cobrar, que dicimos no meu pueblo, ou cidade sexquicentenaria- e vivín feliz. Sempre que fun -veces abondas, case de máis- usei clase turista. Naturalmente pobre.

Nas miñas estancias só sentín pequenas incidencias ciclónicas. Afortunadamente. Ike -nome que, aló polos cincuenta, andaba polo cume dos edificios madrileños para saudar a presencia do daquela presidente de USA, Eisenhower, que viña recoñecer o goberno fascistoide de Franco- causou grandes estragos na inxustamente maltratada Cuba. Por ese capitalismo imperial apadriñado polos do norte que xa se ve a onde nos queren levar. Todo privatizado. Ata que hai calquera problema e pedimos papas. Aló por Haití e pola imperial Tejas morreron uns cantos. Na machacada Cuba só catro ou cinco imprudentes. ¡Viva o capitalismo! Que nos favorece a todos. A uns, que non é o caso, moito máis que a outros. Moito máis.

E non só esa Cuba pobre a que está a padecer ciclóns e perdas. Tamén están Bolivia ou Ecuador. Uns, os de arriba, queren controlar todo e en todas partes. Outros, algúns dos de abaixo, decidiron andar ó seu xeito. E teñen razón. Mais hai que ir a por eles. "O chalete da serra quen o mantén" E a serra é a morena. Of course.
______________________

domingo, xuño 29, 2008

Falando do “Manifiesto”

Hai uns día, o 23 deste mes de xuño, un grupo de intelectuais españois [Sabater, Pombo, Carlos M. Gorriararn y Carmen Iglesias,...], presentaban un manifesto público en defensa do castelán que ao seu entender está en perigo por mor do avanzo das linguas periféricas nas administracións das comunidades autónomas con lingua propia. Choveron adhesiós que non imos relacionar, pois longa é a lista, quen teña interese neste enlace do buscador google podeas observar. Por certo, no mesmo enlace podese ver que xa hoxe hai 258.000 páxinas en español que conteñen a frase “Manifiesto por la lengua común”. En só cinco días, xa se están pedindo firmas de adhesión.

Polo seu interese e para comezar reproducimos este artigo que o profesor Xosé Maria Dobarro, publica no xornal comarcal "Diario de Ferrol".

TEMPOS E LUGARES

OUTRA VOLTA

XOSÉ MARÍA DOBARRO (*)

O pasado luns presentouse no Ateneo de Madrid, día no que aparecía íntegro nas páxinas de El Mundo e El País, cando menos, un texto denominado “Manifiesto por la lengua común”, asinado por dezaoito denominados intelectuais, condición que eu non son quen para recoñecerlles ou negarlles. O que si lles nego é a razón que pretenden ter. Comezan por recoñecer a súa preocupación desde hai uns anos pola “situación institucional de la lengua castellana” que xera neles unha “inquietud estrictamente política”. Quede claro. O autor, ou autores, deste manifesto establecen unha serie de premisas, so apariencia de verdades obxectivas, que se me antollan falaces. Podería estar todo o mundo de acordo -se cadra con algún pequeno matiz acerca do que é ou non é español por parte dalgúns- con que “Todas las lenguas oficiales en el Estado son igualmente españolas y merecedoras de protección institucional como patrimonio compartido”, inclusive coa continuación deste parágrafo “pero sólo una de ellas es común a todos, oficial en todo el territorio nacional y por tanto sólo una de ellas -el castellano- goza del deber constitucional de ser conocida y de la presunción consecuente de que todos la conocen”, evidentemente porque o coñecemento do español é unha realidade. Xa que logo ¿por que falar de presunción? ¿Preténdese dicir que hai persoas nalgunhas zonas do Estado que descoñecen esa lingua? ou, maliciosamente, ¿sospéitase que de seguir así as cousas no futuro podería habelas?

Tamén poderiamos estar de acordo en que só unha das linguas españolas oficiais é “universalmente oficial en nuestro Estado democrático”, mais xa non, a non ser que se nos explique moi ben o porqué, con que “contar con una lengua política común es una enorme riqueza para la democracia”. Como nada se nos di, un non pode menos que pensar que, segundo os manifestantes, non é demócrata de todo quen non comparta este aserto. Por suposto que “son los ciudadanos quienes tienen derechos lingüísticos, no los territorios ni mucho menos las lenguas mismas”. O que xa non parece tan así é que se nos pretenda convencer de que en determinadas nacións do Estado traten de imporse cousas “en detrimento del castellano (y mucho menos se puede llamar a semejante atropello “normalización lingüística”)”. Nunca vin atropelo ningún -en calquera caso tería sido en sentido contrario, isto é, por parte do español. Velaí o caso dun solicitante de traballo nun hotel vigués rexeitado, e iso que falaba un lote de idiomas- por utilizar o galego como veículo expresivo. Mais esa empresa é privada e o manifesto fala de institucións públicas. Sinceramente, nunca vin que nas chamadas comunidades bilingües se impuxese nada. É unha evidencia que quen quixer desenvolver a súa vida cotiá e profesional en español pode facelo sen problema ningún. O que si podería xerar problemas é querer impor a toda costa este seu modelo. Mais, en todo caso, sempre atopará apoio incondicional de xentes como os asinantes deste manifesto. Nas ditas comunidades bilingües os máis desfavorecidos seguen a ser os que utilizan habitual e espontaneamente o idioma naturalmente xerado nese territorio.

Mais a guinda deste pastel é a premisa cuarta. O texto non ten desperdicio: “Ciertamente, el artículo tercero, apartado 3, de la Constitución establece que las distintas modalidades lingüísticas de España son un patrimonio cultural que será objeto de especial respeto y protección”. Nada cabe objetar a esta disposición tan generosa como justa, proclamada para acabar con las prohibiciones y restricciones que padecían esas lenguas. Cumplido sobradamente hoy tal objetivo, sería un fraude constitucional y una auténtica felonía utilizar tal artículo para justificar la discriminación, marginación o minusvaloración de los ciudadanos monolingües en castellano en alguna de las formas antes indicadas”. Esaxera que algo queda. A xornalista de El Mundo -xornal que apoia incondicionalmente o manifesto- que cobre diariamente as novas relacionadas con este texto vía claramente desde o primeiro día que se trataba dunha cuestión política: “Aunque algunos de ellos están vinculados a UPyD, entre todos representan el espectro ideológico-político español al completo (o que non é certo)”. Tanto é así que cada día aparecen novas de que o PP de aquí e acolá se está aderindo a el e asumíndoo como propio. Son novas ganas de seguir dando a tabarra. ¿Ulo cambio congresual? Mexar fóra de tempo, lugar e testo.

(*) Catedrático da Universidade da Coruña
_____________

Enlaces relacionados:
__________