luns, xaneiro 13, 2014

O BNG acusa ao PP de asinar a pena de morte da enseada da Malata


O Bloque Nacionalista Galego acusa ao Partido Popular de asinar a pena de morte à enseada da Malata e à ría de Ferrol e chama a mobilizarse contra a decisión do Ministerio de Fomento do goberno de España de aprobación de decantarse polo trazado sur para o enlace ferroviario ao porto exterior de Ferrol.

O BNG censura que o Goberno Central, nunha decisión totalmente cuestionábel, se reafirme na alternativa Sur como a máis adecuada para a construción do enlace ferroviario ao porto exterior. en base a propia Declaración de Impacto Ambiental e ao estudio informativo que sustenta esta resolución e que non ten en conta a multitude de alegacións presentadas a este trazado as eivas dos documentos nin a forte oposición social a opción escollida asi como que non se pode considerar ambientalmente viable este proxecto, xa que o mesmo vai incidir de xeito negativo nesta zona como incidiu, no seu día, a decisión de rechear o peirao carboeiro avalada polos partidos estatais en Madrid, As medidas correctoras para salvar a enseada da malata son escasas e ineficaces e fican sen resolver aínda cuestións como, recolle a resolución do 2 de xaneiro, sobre os níveis de ruido en zonas do trazado,algunhas urbanas.

Iván Rivas, portavoz municipal do BNG, reitera que o trazado sur, alternativa escollida por Fomento e respaldada polo goberno municipal do PP en Ferrol, só vai aumentar a degradación da ría e da enseada da Malata, que soporta un sector importante na cidade como é o relativo ao marisqueo. Indicou, así mesmo, que o trazado sur é unha alternativa que se escolleu unicamente por un criterio económico, que ten unha dubidosa racionalización en base ao propio estudo informativo, e que o impacto que vai ter sobre a degradación da ría e da enseada da Malata non vai ser mitigado por ningunha medida correctora e menos cando a única que se contempla é unha pasarela peonil que acompañará a este trazado e un viaduto sobre a mesma.

Ferrol 3 de xaneiro de 2014.

Grupo Municipal do Bloque Nacionalista Galego

Telf: 981.94.40.31
Fax: 981. 94.52.35
bng@ferrol.es

BNG-Ferrol
Rúa Naturista López Seoane, nº 13 baixo
15403 Ferrol
ferrol@bng-galiza.org
Telf.: 981 364 058
Fax: 981356 700
Resp. comarcal:
Mercedes Tobío Rodríguez


Web:
http://www.bng-galiza.org/ferrol/

Correo-e:
bngferrol@gmail.com

Facebook:
https://www.facebook.com/bng.ferrol

Twitter:
https://twitter.com/bngferrol

Enviado por:
Inácio GZ
-inaciogz@gmail.com-
13 de janeiro de 2014 13:50
http://espazoartabro.blogspot.com/
______________

En perigo o dereito de folga


Transcorridos máis de seis anos desde o estoupido da crise capitalista, e da guerra desatada polo bloque oligárquico–burgués contra a clase obreira e o pobo, o Estado capitalista fixou un novo obxectivo: destruír o dereito de folga dos traballadores e traballadoras.


Un dereito conquistado pola loita obreira.

Os dereitos nunca caeron do ceo, nin foron outorgados graciosamente polas clases dominantes. Foron conquistados historicamente en constante e dura loita por quen non tiña nas súas mans o poder, a forza organizada do Estado. Iso sucedeu co dereito de folga. Foi a dura loita proletaria librada contra o fascismo a que obrigou a recoñecer o dereito de folga recoñecido polo Real Decreto–Lei 17/1977, de 4 de marzo, de Relacións de Traballo, posteriormente regulamentado no artigo 28.2 da Constitución de 1978 e interpretado pola Sentenza do Tribunal Constitucional de 8 de abril de 1981, que mantivo a vixencia do Real Decreto de 1977 aínda que anulando algúns preceptos inconstitucionais.

A concepción empresarial do dereito de folga.

Para a clase obreira o dereito de folga sempre foi o dereito obreiro a parar a produción, a atacar o beneficio capitalista extraído da explotación da forza de traballo. Con todo, no marco da democracia burguesa, o dereito de folga convértese nun dereito formal: vostede ten dereito de folga sempre que non pare a produción, isto é sempre que o exercicio do seu dereito non afecte aos beneficios empresariais. E neste marco debe analizarse o debate sobre os servizos mínimos e sobre a actuación dos piquetes.

Ata a data era habitual que a patronal e o Estado impuxesen uns servizos mínimos claramente abusivos. O obxectivo? Baleirar de contido o dereito a folga, converténdoo nun dereito formal e, con iso, protexendo os beneficios capitalistas. Eses servizos mínimos, polo xeral, eran impugnados xudicialmente polos sindicatos, obtendo na maior parte dos casos sentenzas favorábeis que declaraban abusivos os servizos mínimos meses logo de finalizar a folga, polo que o único que se obtiña era unha indemnización por terse vulnerado un dereito fundamental. Na práctica, os servizos mínimos abusivos eran combatidos pola acción dos piquetes, instrumentos defensivos da clase obreira ante os abusos patronais que trataban de impedir que os obreiros e obreiras parasen a produción a través da folga.
Todo depende da correlación de forzas.

E é que cando falamos de dereitos falamos fundamentalmente de correlación de forzas. A hexemonía da socialdemocracia e do oportunismo no seo das organizacións sindicais, reducindo as reivindicacións ao económico, ao inmediato, sen vinculación algunha cun proxecto emancipador vinculado á loita polo poder, desarmou terribelmente á clase obreira. Impúxose un sindicalismo burgués que terminou atrapado nas redes estatais tecidas para desmobilizar e corromper ás organizacións de clase. A dinámica mobilización–negociación, propia do pacto social, alterouse co estoupido da crise.

A patronal xa non está en condicións nin disposta a ceder, tal e como vimos tralas tres últimas folgas xerais. Ademais, os capitalistas son conscientes da extrema debilidade das organizacións sindicais, enredadas en casos de corrupción que son oportunamente lembrados pola campaña antisindical posta en marcha polos monopolios da comunicación, e sen máis proxecto que ofrecer que a vella monserga dun capitalismo con rostro humano que se torna imposíbel ante os ollos dunha clase obreira esnaquizada, que sofre a diario, que ve empeorar exponencialmente as súas condicións de vida e traballo e comproba nas súas carnes a esencia da ditadura capitalista. Non hai límites infranqueábeis na guerra actual á que se somete á clase obreira: convenios colectivos, dereitos de reunión e manifestación, dereitos de folga… Arrasarán con todo se non o impedimos.

Nós producimos, nós decidimos.

Non hai saída para a clase obreira no capitalismo. A única alternativa é organizar as forzas obreiras e populares para preparar un cambio no poder, para derrocar o capitalismo e levantar un modelo de sociedade protagonizado polas forzas do traballo: o socialismo–comunismo. É un camiño difícil e cheo de perigos, pero é o único camiño se non queremos seguir sendo os escravos do século XXI. E será aínda máis complicado se os monopolios e o seu Estado eliminan o dereito de folga. A única resposta posíbel é deixar claro ao inimigo de clase que só recoñeceremos como lei os intereses da clase obreira e dos sectores populares. Non nos someteremos, seguiremos loitando, seguiremos defendendo a vida fronte á condena a matar que significa a escravitude capitalista.

Non hai vías intermedias, cada día está máis claro nesta guerra de clases: ou eles ou nós.

RMT.

[Fonte: UyL]

Publicado na Revista Dixital o 27 de Decembro de 2013

Actualizacións da web de Forxa! e da Revista Dixital (a 10/01/2014)

Enviado por:
Forxa!! Construír o partido, preparar a revolución!!
-forxagz@gmail.com-
10 de janeiro de 2014 11:22

_____________________

O Grupo Municipal de Esquerda Unida esixe continuar coa rehabilitación e entrega de pisos no barrio de Recimil para o presente ano 2014


O GRUPO MUNICIPAL DE ESQUERDA UNIDA ESIXE DO GOBERNO LOCAL DAR CONTINUIDADE NO PRESENTE ANO Á REHABILITACIÓN E ENTREGA DE PISOS BALEIROS  NO BARRIO DE RECIMIL.


A nosa organización non pode darse por satisfeita coas ao redor de 30 vivendas que ata o momento foron destinadas a este fin xa que é necesario recordar son bastantes máis de cen as familias en dificultades que solicitaron no seu momento a inclusión nese plan e que esperan a día de hoxe, sen ningún tipo de información, unha solución a tan urxente demanda. | O grupo municipal de Esquerda Unida espera que o goberno local do PP sexa diligente para dotar ao citado barrio dos servizos e recursos para que a citada ocupación se produza con todas as garantías de normalidade. Do mesmo xeito naqueles asuntos onde a responsabilidade corresponda a outras administracións, como educación, é o Concello o que debe esixir a dotación humana e material oportuna para garantir unha plena integración dos novos residentes.

 O concelleiro de Esquerda Unida, Suso Basterrechea, preguntou hoxe na comisión de servizos sociais sobre a previsión do goberno local no sentido de continuar coa rehabilitación e entrega de pisos no barrio de Recimil para o presente ano. A concelleira responsable do área non puido ofrecer unha resposta á referida pregunta, silencio elocuente e que, se o sumamos á ausencia dunha partida específica nos recentemente aprobados orzamentos do Concello, levan á conclusión de que o goberno que dirixe Rey Varela non ten programado nada neste sentido para o 2014, nin rehabilitación, nin vivenda social, nin políticas de emprego que integren ámbalas dúas cuestións.

Esquerda Unida quere recordar que foron máis de cen as familias que iniciaron en decembro do 2010 todos os trámites que lles permitiron ser incluídas na lista elaborada polo Concello nese sentido. As preto de trinta vivendas entregadas ata a data amósanse claramente insuficientes. A nosa organización é coñecedora de que crece a inquietude entre este colectivo que, ademais, ve como a súa situación familiar agrávase co paso do tempo sen merecer unha explicación ou unha previsión por parte do goberno do PP.

O grupo municipal de Esquerda Unida entende que ademais este labor debería xerar postos de traballo directos. O Goberno municipal non é quen de activar unha bolsa de emprego para rehabilitar as vivendas, confirmando que nin cre no emprego público nin nas políticas sociais de integración. Está moi ben un urbanismo moderno, pero quizáis outros aspectos, como o desemprego, a pérdida constante de poboación e unha cobertura social integral, que é posible,  parece prioritario, ou, cando menos, deberían estar tamén na axenda política dun goberno digno. Non parece normal queixarse do problema demográfico da cidade sen tratar de habilitar políticas sociais e laborais que poidan aliviar unha tendencia de desastrosas consecuencias.

Esquerda Unida tamén quere informar de que o seu referido concelleiro Suso Basterrechea solicitou nunha recente comisión de educación que o Concello de Ferrol esixa da Xunta de Galicia que recupere o profesor de apoio suprimido ao comezo do curso e que obriga agora a compartir entre o colexio de Recimil, o Manuel Masdías e o San Xoán os dous agora destinados a devandito fin. O grupo municipal sempre mostrou o seu rexeitamento a un recorte que, agora, coa chegada de novos nenos ao citado centro de Recimil resulta moito máis evidente.

En conclusión, opacidade, falta de vontade para resolver os conflitos, ausencia de comunicación coa cidadanía caracterizan unha vez máis a este alcalde que, por un lado reivindica no discurso de San Xiao unidade e por outro desacredita as organizacións sindicais, aos partidos da oposición e ao tecido asociativo que defende as persoas con necesidades reais e cotiás máis alá de inalcanzables como o RISGA, que a nosa organización propón substituir por unha Renda Básica Cidadá, máis xusta e solidaria.

Ferrol, 9-1-2014

Esquerda Unida de Ferrol
R/ do Sol 124 Entrechán Esquerda
981944035
www.euferrol.org
https://www.facebook.com/esquerdaunida.ferrol
https://twitter.com/EUFerrol
http://www.esquerdaunida.org/ferrol.html

Enviado por:
Ferrol Esquerda Unida
-eu-ferrolterra@esquerdaunida.org-
9 de janeiro de 2014 16:41

Boa tarde, Achegamos nota de prensa sobre a nula previsión do goberno municipal de continuar coa entrega das vivendas desocupadas de Recimil, segundo se desprende da actitude da concelleira responsable na Comisión da Área de Benestar Un saúdo

__________________

Foto da Asociación Veciñal San Fernando.
_________________

domingo, xaneiro 12, 2014

O Comité Cidadán de Emerxencia convoca unha nova concentración de protesta, o Luns 13 de Xaneiro, ante a entrada na Ría do 'LNG Bayelsa', cargado con gas natural licuado para a ilegal e perigosa Reganosa


CONCENTRACIÓN EN FERROL,
NA PRAZA AMADA GARCIA
DIANTE DO EDIFICIO DA XUNTA
ÁS 7 DA TARDE, DO LUNS 13 DE XANEIRO

O 'LNG Bayelsa', procedente do porto caribeño, de Port Bony, en Nixeria. É un buque gaseiro de grande porte, pois ten 288 metros de eslora por 49 de manga e un calado de 11,2 m, cargado con miles de toneladas de GNL/LNG para a ilegal e perigosa Reganosa, ten anunciado a súa entrada na Ría de Ferrol, para o Luns 13 de Xaneiro de 2013. Esta entrada dun buque cargado con gas natural licuado para Reganosa, supón xa a 160, desde que o fixera o LNG "Galicia Spirit" en Maio de 2007.

Esta é a trinta e cinco entrada que se produce despois de ditada a Sentenza polo Tribunal Supremo, onde a planta xa foi declarada ilegal, en sentenza inapelábel.

Diante do aumento da ameaza contra a seguridade e a vida, que supón a entrada do buque gaseiro, xunto á propia instalación da Planta de Gas en Mugardos, o Comité Cidadán de Emerxencia convoca unha acción de protesta e denuncia, consistente nunha Concentración Sonora, o mesmo Luns, ás 7 da Tarde, en Ferrol, na Praza Amada Garcia, diante do Edificio Administrativo da Xunta de Galicia.


Foto: Carlos Rodríguez (Blogue)

Características do buque.-
Nome.- LNG Bayelsa, Bandeira.- Bermudas, Eslora.- 288 m, Manga.- 48.2 m, Puntal.-62.57 m, Calado.- 12.3 m, Capacidade.- 137.500 m³ de GNL
  • QUE SE CUMPRA A SENTENZA DO TRIBUNAL SUPREMO XA! 
  • POLA DEFENSA DA VIDA, A NOSA SEGURIDADE E A RÍA  !!
  • CESE DA ACTIVIDADE E DESMANTELAMENTO DE REGANOSA  !!
  • PLANTA DE GAS PECHE XA !!
  • PLANTA DE GAS FORA DA RÍA   !!
10 razóns para preguntar-se ... Por que Reganosa ten que saír da nosa Ría e das nosas Vidas ?

O COMITÉ CIDADÁN DE EMERXENCIA PARA A RÍA DE FERROL, TAMÉN NECESITA NESTES MOMENTOS AXUDA ECONÓMICA, PARA CONTINUAR COS PROCESOS XUDICIAIS E ADMINISTRATIVOS ABERTOS: COLABORA.

Comité Cidadán de Emerxencia para a Ría de Ferrol
comitecidadan@gmail.com
www.comitecidadan.org
@ComitCEmerxenc


Información baseada na enviada por:

comitecidadan
-comitecidadan@gmail.com-
10 de janeiro de 2014 22:09
____________

xoves, xaneiro 09, 2014

Radiografía das 300 mil vivendas baleiras de Galicia, ... Por Marcos Pérez Pena


Cando nestes días a PAH de Vigo-Tui e Baixo Miño protestaba ante o Concello pola situación de Analía Méndez, sinalaba con frecuencia ao evidente paradoxo de que esta e outras familias poidan quedar na rúa, sen acceso posible a inmoble ningún, cando só no termo municipal vigués hai máis de 18 mil vivendas baleiras. A situación repítese en toda Galicia, onde segundo as cifras do Censo do INE correspondentes a 2011 hai case 300 mil vivendas baleiras (299.396).
Chama a atención, igualmente, que desas 300 mil vivendas baleiras existentes en Galicia, máis de 75 mil foran construídas na última década, coincidindo coa burbulla inmobiliaria, e outras 27 mil correspondan á década dos noventa
120.069 están na Coruña, 78.152 en Pontevedra, 55.936 en Ourense e 45.239 en Lugo. E en total representan case o 30% do total de inmobles principais existentes en Galicia (1.059.233); a proporción é aínda maior en Ourense (40,7%) e Lugo (33,3%) e supera en moito á proporción de vivendas baleiras en toda España (ao redor do 20% do total).

Chama a atención, igualmente, que desas 300 mil vivendas baleiras existentes en Galicia, máis de 75 mil foran construídas na última década, coincidindo coa burbulla inmobiliaria, e outras 27 mil correspondan á década dos noventa. É dicir, máis de un de cada tres inmobles baleiros de Galicia son novos ou case novos.
Por concellos, cómpre salienta que é a cidade da Coruña o que acumula un meirande número de inmobles deshabitados, un total 19.283 vivendas baleiras (4.057 construídas na última década), seguida de Vigo con 18.588 (3.982) e Ourense con 14.561 (3.238). O número é moi elevado igualmente en Lugo, con 12.370 (1.962), Compostela con 9.512 (2.318), Ferrol con 8.318 (914), e Pontevedra con 6.886 (1.549). Vilagarcía, Sanxenxo, Ames, Lalín, Arteixo, Culleredo, Carballo, Monforte ou Narón tamén superan as tres mil vivendas baleiras en todos os casos.

Ante esta situación unha das demandas dos colectivos que traballan por un acceso universal á vivenda, recollido da Constitución, é que as administracións públicas poñan a disposición das persoas sen fogar ou en risco de perder a súa vivenda (por un lanzamento hipotecario ou pola imposibilidade de facer fronte ao pago do aluguer) o parque de vivendas do que dispoñen. Unha das consecuencias da crise económica e do rescate e nacionalización das entidades bancarias quebradas foi que a meirande dos seus activos inmobiliarios foron recollidos pola Sociedade de Xestión de Activos Procedentes da Reestruturación Bancaria (Sareb), o chamado banco malo, e de propiedade estatal.

A Sareb acumula activos inmobiliarios valorados en 65 mil millóns de euros, o que a converte sobre o papel na meirande inmobiliaria de Europa, aínda que moitos destes activos terán finalmente un valor moito máis reducido. En calquera caso, o Estado posúe a través do Sareb máis de cen mil inmobles novos e un número moi importante de predios que nos últimos meses comezou a poñer á venda, tamén en Galicia.

Por Marcos Pérez Pena, publicado no xornal Praza Pública 7 de xaneiro de 2014
Licenza Creative Commons by-sa.

Praza   Pública precisa de Ti:
A forza de Praza Pública son os seus lectores e lectoras. Praza é un medio da súa comunidade de lectores. A existencia do xornal depende das achegas realizadas por todos nós [+info].
___________________

Baleiro, ... Por Amadeo Varela


Por Amadeo Varela [*]
09.01.2014


O das gradas dos estaleiros; o das pequenas empresas e comercios pechados; o das vivendas abandonadas; o das cabezas pensantes que terían que atopar solucións para encher tanto baleiro.

Non é a primeira vez que os estaleiros fican sumidos neste clamoroso silencio; máquinas paradas, guindastres inmóbiles e traballadores tristes e silandeiros, desesperados pola falta de traballo que traerá aparellada a falta do soldo con que manter á familia. Non, non é a primeira vez, nin a segunda, pero puidera ser a derradeira se non saímos todos na defensa do traballo, de todo o traballo que, malia ser declarado na Constitución como un dereito e un deber, estase a converter nun privilexio. E hai tamén un doloroso baleiro nos corazóns dos vellos traballadores que investiron toda a  vida nas súas empresas; nos da xente maior, que contemplan impotentes como a vida esmorece sen poder disfrutar da compaña de fillos e netos emigrados. Baleiro, maldito baleiro.

Publicado no Diario de Ferrol | 06.01.2014.

[*] Amadeo Varela Rodríguez -Ferrol 1936, foi traballador de BAZAN, é o autor de "Recordos do vello Racing" publicado no 2000, "Bazan e Ferrol - Unha simbioses perfecta?" (a historia dunha época, "... detrás de cada barco que nace, hai moitas horas de esforzo. Nesa tarefa, miles de traballadores foron gastando a súa saúde e a súa vida") publicado no 2003 e coautor de "Retallos da Memoria II" ("Memorias de neno" sobre a súa vida de pequeno nunha familia republicana perseguida), publicado no 2009. Autor de numerosas cartas e artigos na prensa local. Autor de sitios na rede sobre Ferrol. Cofundador da Asociación San Fernando para defender o Patrimonio Histórico do barrio ferrolán de Recimil contra a súa pretendida demolición, membro do Colectivo Recimil co que promoveu a Plataforma Ártabra 21 e a Plataforma en Defensa dos Espazos Públicos. Na actualidade forma parte do Colectivo Ártabra 21.

Foto: Anxo Miján.
_________________

Boletín nº21: Xaneiro 2013 Colección Working Papers de Economía Crítica e Crítica da Economía

Economía Crítica e Crítica da Economía (ECCE) [*]

Como outros anos, a continuación facémosvos chegar o listado de documentos de traballo, artigos e relatorios de economía crítica que recompilamos ao longo do pasado ano 2013, así como os de 2012, xa que introducimos algúns textos novos que non se atopaban no listado que nos enviamos fai un ano.

Xa sabedes que podedes consultar en calquera momento todos os traballos recompilados desde fai anos no seguinte enlace:

http://www.economiacritica.net/?page_ide=305

Un saúdo e os nosos mellores desexos para o ano novo de loita que comeza

Consello de Redacción de ECCE
Economía Crítica e Crítica da Economía

Working Papers, Artigos e Libros

Nesta sección incluiremos os documentos de traballo de membros de Economía Crítica e Crítica da Economía -ou nalgúns casos de xente moi próxima ao movemento. En ocasións estarán dispoñible on-line (nese caso bastará pinchar sobre o enlace), e outras veces será necesario ter acceso a determinadas bibliotecas universitarias.

Boletín nº21: Xaneiro 2013 Colección Working Papers

2013
2012
[*] Economía Crítica e Crítica da Economía é actualmente un espazo dinámico de comunicación nos que mozos investigadores de ciencia social traen a colación temas tanto estructurales como de conxuntura, e que ten como obxectivo divulgar artigos e documentos que, sendo críticos coa visión convencional da teoría económica, permitan sentar as bases dunha nova forma de comprender e entender o sistema económico capitalista e a vida social en xeral.

Manifiesto orixinal EEC (591)
Manifiesto de Bilbao (514)
 

Máis información en:
http://www.economiacritica.net/

Enviado por:
Economía Crítica y Crítica de la Economía (ECCE)
-aquesada@aquesada.com-
5 de janeiro de 2014 12:22

__________

Esquerda Unida de Ferrol en defensa da Aula de Ecoloxía Urbana na súa actual localización - Un elemento imprescindible no equipamento pedagóxico da cidade


O CONSELLO LOCAL DE ESQUERDA UNIDA FERROL ESIXE DO CONCELLO O MANTEMENTO DO AULA DE ECOLOXÍA URBANA NO SEU ACTUAL EMPRAZAMENTO.

Esquerda Unida sinala que o nivel de visitantes, as actividades desenvolvidas nun equipamento único no Estado nas súas formulacións así como o conxunto didáctico que conforma con Aquaciencia son razóns máis que suficientes para mantelo no Parque Raíña Sofía.

O Consello Local indica a estreita relación existente entre este servizo pedagóxico e os centros educativos da comarca con numerosos compromisos adquiridos para este mesmo curso escolar.

O Consello Local de Esquerda Unida quere remarcar o seu compromiso cunhas instalacións que recibiron o pasado ano 6.746 visitas e que ofreceron actividades únicas no Estado nas súas formulacións. Cuestións todas elas que fan do Aula de Ecoloxía Urbana un elemento imprescindible no equipamento pedagóxico da cidade. Queremos poñer en valor o triángulo didáctico que establece co Museo da Natureza da S.G.H.N. e con Aquaciencia situada tamén no Parque Reina Sofía. Estas infraestructuras conforman un conxunto único, algo do que Ferrol pode estar orgulloso e que merece un tratamento destacado dende o goberno da cidade.

Esquerda Unida sinala que a Aula de Ecoloxía Urbana, pola súa natureza, mantén un programa de actividades en relación cos diversos centros ou asociacións pedagóxicas da comarca axustado ao calendario escolar. Neste curso 2013-2014 estaban previstas multitude de actividades formativas, algunhas ata de carácter semanal, con diversos colexios, grupos de adultos ou con asociacións como Aspanaes. Todo iso fai necesario prorrogar o contrato durante seis meses máis, como así se contempla, e non pechar o servizo o próximo mes de febreiro como pretende o goberno do PP. Do mesma xeito, e como resultado de todo o apuntado anteriormente, pedimos a continuación desta infraestrutura pedagóxica e cultural no seu actual emprazamento por resultar a máis adecuado para desenvolver a súa actividade.

O Consello Local de Esquerda Unida ten claro que modelo de cidade defende e cales son as prioridades á hora de conseguila. Unha instalación como a referida, asentada e implicada no tecido formativo da cidade, que promove e defende valores ecolóxicos e de sustentabilidade sempre merece un trato preferencial. Non pode en ningún caso verse subordinada a outro tipo de intereses, e moito menos empresariais privados,  e non cabe outra solución que non pase por manter ou incrementar o valor desta Aula de Ecoloxía Urbana nos seus parámetros actuais, tal e como demandan os seus traballadores, o tecido educativo da cidade e a nosa organización.

Ferrol, 8-1-2014.


Esquerda Unida de Ferrol
R/ do Sol 124 Entrechán Esquerda
981944035
www.euferrol.org
https://www.facebook.com/esquerdaunida.ferrol
https://twitter.com/EUFerrol
http://www.esquerdaunida.org/ferrol.html

Enviado por:
Ferrol Esquerda Unida
-eu-ferrolterra@esquerdaunida.org-
8 de janeiro de 2014 16:33

Boas tardes, Achegámosvos nota de prensa sobre a intención do goberno municipal de desmantelar a Aula de ecoloxía urbana.

__________________

martes, xaneiro 07, 2014

Presentación do libro "Diseño sin diseño: 50 objetos anarquista" - O mércores 8 de xaneiro de 2014, ás 8 da Tarde, no Espazo Libertario

Presentación do libro "Diseño sin diseño: 50 objetos anarquista"

O mércores 8 de xaneiro de 2014, ás 20:00 horas, no Espazo Libertario (Avenida de Esteiro, 10, baixos) de Ferrol, terá lugar a presentación do libro "Diseño sin diseño: 50 objetos anarquistas", de Rafael Zarza e Koldo Artieda, editado por "Vacaciones en Polonia" e a "Fundación Anselmo Lorenzo". No acto participarán representantes das dúas editoriais que coeditan o libro.

O libro ofrece 65 imaxes a cores e outras 65 a branco e negro, representativas das concepcións estéticas do anarquismo hispano e constitutivas da aportación do arte ao proceso revolucionario libertario.

Mais información en:

http://vacacionespolonia.files.wordpress.com/2012/01/dsd-dossier.pdf

--
Unión Libertaria - unionlibertaria.org
Av Esteiro 10 baixo
Ferrol

Enviado por:
Unión Libertaria
-unionlibertaria@gmail.com-
7 de janeiro de 2014 10:53

____________________

domingo, xaneiro 05, 2014

A 'Guía para o descenso enerxético', un pequeno libro vai encetar unha revolución en Galiza, ... Xa falta moi pouco - Vídeo de presentación

A  'Guía para o descenso enerxético' é un proxecto de libro da 'Asociación Véspera de Nada' por unha Galiza sen petróleo, unha publicación que quere contribuír decisivamente á posta en marcha dunha transformación revolucionaria en Galiza para sobrevivirmos ao colapso da civilización baseada no petróleo.

Un colapso

A civilización industrial afronta o seu colapso a causa da queda irreversible da súa base enerxética principal: o petróleo. Non hai enerxía que poida substituír o petróleo a tempo e na escala precisa para seguir termando da sociedade de consumo capitalista.

Un país

Galiza, despois dun proceso recente e incompleto de industrialización, atópase con que ese modelo económico e social está a deixar de ser viable, e debe volver de novo a súa ollada ao rural para buscar a súa única riqueza real.

Un libro

Máis de dous anos de pescuda e análise para compilar unha guía que axude a galegas e galegos a nos adaptarmos con urxencia a un contexto totalmente novo e imprevisto, a construír unha Galiza sen petróleo.

Unha revolución

Tras o petróleo ábrese un periodo inédito na historia humana. Un periodo de riscos e ameazas como nunca antes tivo que afrontar a nosa especie. Pero tamén unha crise que pode dar nacemento a unha sociedade radicalmente diferente.


http://youtu.be/W0Hgg0l6QDg

Máis información:
http://galiza.pospetroleo.com/
__________

venres, xaneiro 03, 2014

Unha nova cooperativa para a xeneración e consumo de enerxía renovábel: Nace Nosa Enerxía Sociedade Cooperativa Galega

Nace a Sociedade Cooperativa Galega: 'Nosa Enerxía'

Nosa Enerxía é unha cooperativa de xeración e consumo de enerxía renovábel. A primeira cooperativa de enerxía verde na Galiza e a sexta no territorio do Estado Español.

Nosa Enerxía é o proxecto cooperativo no ámbito enerxético en Galiza. O proxecto que pretende recuperar a soberanía enerxética na Nosa Terra.

Nosa Enerxía ten por obxecto "a procura de bens e servizos para o uso ou consumo das súas persoas socias e das persoas que convivan con elas, producindo os bens e servizos que proporcionen ou adquiríndoos de terceiras persoas, así como a defensa e promoción dos dereitos dos consumidores ou consumidoras e usuarios ou usuarias".

Desde Nosa Enerxía pensan acadalo realizando as seguintes actividades:
  1. Subministrar enerxía, procedente de fontes renovábeis, ás persoas socias da cooperativa.
  2. Producir enerxía mediante fontes renovábeis para as persoas socias da cooperativa e para a rede eléctrica.
  3. Proporcionar produtos e servizos relacionados.
  4. Difundir e promover a actividade cooperativa na sociedade.
Por outra banda estas son as alternativas a nivel do territorio do, polo de agora, Reino de España que tamén traballan en proxectos cooperativos no ámbito enerxético :
Som Enerxía - A cooperativa de enerxía verde
http://www.somenergia.coop/es/
Som Enerxía cooperativa sen ánimo de lucro que comercializa enerxía 100% Verde.

Zencer - A túa enerxía.
http://www.zencer.es/
Zencer cooperativa de consumidores e usuarios de enerxía eléctrica en Andalucía.

GoiEner - Cooperativa de xeración e consumo de enerxía renovable
http://www.goiener.com/
GoiEner é unha cooperativa de consumidores/as e xeradores/as de enerxía verde que se vai xestando desde hai anos, con máis de 1000 persoas sociais, localizadas principalmente en Euskal Herria.

Ecooo - Desobendiencia solar 100.3
http://www.ecooo.es/
Ecooo empresa de non lucro onde poder participar na revolución solar. Unen persoas por unha economía real e sostíbel.

Enerpluscoop - Cooperativa
http://www.enerplus.coop/
Enerpluscoop, a primeira cooperativa de enerxías renovables de Cantabria.
Polo de agora estas son as cooperativas a nivel de estado que están procurando un novo modelo enerxético, nunha primeira fase na distribución e comercialización e nunha segunda a mesma produción, así é como se van construíndo os contrapoderes necesarios e unha nova vía de construción da economía social e solidaria, para saír do Capitalismo, amosando un novo modelo alternativo ás grandes corporacións da enerxía. Corporacións privadas que nos rouban, grandes oligopolios que nos someten e explotan, que se fixeron co que é de tod@s para facer grandes negocios, para lucrar-se uns poucos, e empobrecer-nos, aínda máis, á maioría da poboación.

A xente de 'Nosa Enerxía' presenta-se deste xeito:
"O obxectivo central que nos fixamos é converternos nunha organización de referencia no sector enerxético, ofrecendo un modelo totalmente diferente que aposte polas fontes de enerxía renovables, a promoción dos valores da economía social, a promoción do emprego, fomentar un tecido produtivo enerxético autóctono que sirva para desprendernos das técnicas de xeración de enerxía dependentes do carbono, a intercooperación, a protección do medio ambiente, a democratización do consumo enerxético e a sustentabilidade. En resumo, un actor dinámico no cambio do modelo enerxético na sociedade".

"Nosa Enerxía nace como a primeira cooperativa enerxética galega que terá por obxecto a produción, distribución e comercialización de enerxía de orixe renovable certificada, distribuíndo produtos e servizos relacionados, a un prezo competitivo e estable. Esta cooperativa promoverá proxectos de xeración de enerxía renovable de xeito distribuído e para autoconsumo, principalmente no ámbito de Galicia".
Desde Ártabra 21 damos-lles a ben vida e desexar moito suceso no proxecto cooperativo, tan necesario para o noso país e o medio ambiente. Sómemo-nos ao proxecto impulsado pola xente de 'Nosa Enerxía', axudemos e colaboremos, este é un moi bon momento. Desde o Encontro Social de Ferrol Terra e Arméria Sociedade Cooperativa Galega, deberíamos de colaborar e apoiar á xente que leva adiante este novo proxecto.

Para poñer-se en contacto:
nosaenerxia@nosaenerxia.com
Twitter:
https://twitter.com/NosaEnerxia
Facebook:
https://www.facebook.com/NosaEnerxia


Tres moi interesantes artigos de Marcos Pérez Pena en Praza Pública:

Hai outras formas de ter enerxía

".. comezou a traballar Nosa Enerxía Sociedade Cooperativa Galega, na que colaboran ao redor de 120 persoas. Neste momento buscar reunir os 3000 euros necesarios para dar de alta a cooperativa. O seu obxectico idea é darse de alta antes de que finalice este anos e xa no 2014 comezar a comercializar enerxía renovable. No actual grupo promotor actual hai unhas 17 persoas e buscan xuntar uns 30 socios promotores que acheguen uns 100 euros cada un". 02.10.2013 - [Ler máis ...]

Europa fomenta o autoconsumo enerxético e a descentralización e o Goberno español fai todo o contrario

... "En distintos lugares de España están a nacer, e a crecer con forza, cooperativas de comercialización e produción eléctrica: a vasca Goiener, a cántabra Enerplus, a andaluza Zencer, a valenciana Nercoop, ou a catalá Som Energia, con dez mil socios en todo o Estado (tamén en Galicia, onde contan cun grupo territorial). Ademais, o pasado 21 de setembro Nosa Enerxía Sociedade Cooperativa Galega celebrou a súa asemblea constituinte e escolleu o seu Consello Reitor. Trátase dunha iniciativa netamente galega, que nestes momentos traballa nos trámites administrativos necesarios para comezar a súa actividade" ... 04.10.2013 - [Ler máis ...]

A incerteza eléctrica eleva o interese polas cooperativas de enerxía

..."Neste contexto cada vez máis ollos xiran cara ás cooperativas de comercialización e produción eléctrica, coma a vasca Goiener, a cántabra Enerplus, a andaluza Zencer, a valenciana Nercoop, ou a catalá Som Energia, con dez mil socios en todo o Estado (tamén en Galicia, onde contan cun grupo territorial), ou a galega Nosa Enerxía Sociedade Cooperativa Galega. Todos eles buscan 'cambiar o modelo enerxético actual e democratizar a enerxía, consumir enerxía verde e tamén apostar pola economía social e verde'."... 23.12.2013 -  [Ler máis ...]

____________