luns, agosto 17, 2009

O pleno aproba o rescate da concesión do párking do mercado por incumprir o contrato

O concelleiro Ramón Veloso destaca a unión política en torno á medida, que non recibiu ningún voto contrario

O pleno de Ferrol aprobou o pasado venres 7 de agosto o rescate da concesión do párking emprazado no mercado da Magdalena. Unha votación sen ningún voto negativo. Na práctica, segundo explicaba o concelleiro de Facenda e portavoz do goberno municipal, Ramón Veloso, a decisión adoptada en sesión plenaria permitirá poñer fin aos reiterados incumplimentos por parte da concesionaria. De feito, o actual goberno local iniciaba hai un ano o expediente para o rescate da concesión tras constatar a grave situación que atravesaba o servizo e a merma que estaba a supor para os placeiros do mercado municipal.

Máis polo miúdo, Ramón Veloso lembraba que o 15 de maio de 2008 se iniciaba o procedemento administrativo para recuperar a xestión das instalacións logo de constatar por un lado a cesión encuberta do contrato á empresa Esppor Ogic S.L. sen autorización do Concello de Ferrol, e pola outra, os incumprimentos respeto dunha serie de melloras recollidas no contrato de concesión. A Administración local solicitaba entón un informe ao Consello Consultivo de Galicia, un documento en todo caso preceptivo e non vinculante, cuxa resolución, emitida o pasado 3 de xullo, determinaba por unanimidade que procedía a resolución. Neste tempo, o Concello tamén encargaba unha auditoria á que a empresa concesionaria, a firma Sofranda, se negaba. Deste xeito e á vista dos informes favorables tanto do secretario como do interventor municipais e finalmente do Consello Consultivo, se aprobaba por unanimidade o rescate da concesión. Primeiro no transcurso dunha Comisión Extraordinaria e Urxente de Facenda e posteriormente na sesión plenaria extraordinaria, ambas celebradas o pasado día 7 pola mañá.

Agora, segundo explicaba Ramón Veloso e logo de notificarlle a decisión á firma, a Administración local ten previsto executar a garantía definitiva depositada pola entidade por importe de 10.000 euros ao tempo que iniciará o proceso de liquidación do contrato resolto. E, ao fío, Ramón Veloso confirmou que o aparcadoiro do mercado da Magdalena continuará aberto mediante a xestión do propio Concello de maneira que praceiros e cidadáns poidan disfrutar deste servizo fundamental para a dinamización destas instalacións municipais.

Fonte: Concello de Ferrol
_____________


Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.

Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.

Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon