venres, febreiro 20, 2009

Nevarada

Nove Ondas
Por Rosa Aneiros [*].
17/02/2009


As nevaradas escorregaron polas levadas de febreiro e descubriron a paisaxe que habitaba muda baixo o xeo. E estoura, coas violencia estridente das mimosas, a luz de marzo.

Un día alguén berrou: Galicia non se vende! e unha pintada nunha parede contestoulle: Non se vende, regálase! Os famosos 500 metros para a construción no litoral supuxeron un paso que foi excesivo para uns e escaso para outros.

A toma de conciencia dos valores paisaxísticos e patrimoniais dun país non é exercicio doado. A crítica debe ser sa e, sobre, todo, útil. Han turrar os intereses e hase encontrar a vía do diálogo para conciliar posicionamentos. Os cidadáns teñen o deber de amosar a súa actitude crítica coas decisións nas que non están de acordo.

O servilismo -ás siglas por un lado e aos votos polo outro- só pode empobrecer os discursos e urxe a discrepancia dentro do respecto para avanzar. Iso si, cómpre non deixarse cegar nunca polo fume das decepcións que fagan esquecer o punto de partida real. O que recuamos. O que avanzamos.

Por iso, e trala nevarada da campaña, a primavera post-eleccións, o momento en que todos veremos o que había tanxible abaixo de tantas promesas de xeo. Os votos non se venden nin se regalan. Gáñanse. Velaí a verdadeira democracia.

Enlace co artigo orixinal en Galicia-e

Licenza Creative Commons 2.5
________________

[*] Rosa Aneiros (Meirás-Valdoviño, 1976) é xornalista e traballa no Consello da Cultura Galega. Colabora habitualmente en distintos medios de comunicación impresos e dixitais, entre eles culturagalega.org (sección Agardando as lagarteiras), Diario de Pontevedra, El Progreso, Galicia Hoxe, Diario de Ferrol (a través da axencia AGN), El País, Grial, Fadamorgana ou Casa da gramática, ademais do programa “Un día por diante” da Radio Galega. En 1999 presentou a súa primeira novela, Eu de maior quero ser á que seguiron Corazóns amolecidos en salitre (2002), Resistencia (Xerais, 2003), O xardín da media lúa (Galaxia, 2004), o volume recompilatorio de artigos literarios Agardando as lagarteiras (culturagalega.org, 2003) e Veu visitarme o mar (Xerais, 2004). Ten publicados relatos nos volumes colectivos Narradoras (Xerais, 2000); Relatos (1999), Relatos gañadores do Pedrón de Ouro 1998-1999-2000 (2001) ), Seis ferroláns (2003), Alma de beiramar perdida (2003), Botella ao mar (2003) ou Narradio (Xerais, 2003). Conta no seu haber con recoñecementos como o Modesto Rodríguez Figueiredo (Pedrón de Ouro, 1998); o Manuel Lueiro Rey (1996); o Manuel Murguía (2001), o Carvalho Calero (2001), o Premio Arcebispo Juan de San Clemente (2003), o Premio Careón 2006 ou o Premio da Crítica Losada Diéguez (2005), ademais do Premio Caixanova Francisco Fernández del Riego en 2007 polo artigo xornalístico “A última vaca”. Ao pé do abismo (Xerais, 2007) recolle a súa obra xornalística.[Fonte: Edicións Xerais]
____________________


Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.

Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.

Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon