mércores, agosto 26, 2009

O Colectivo Ártabra 21 reitera a súa oposición á construción dun novo estacionamento soterrado na Praza do Concello [Praza de Armas]



Estes días asistimos a un debate social nos medios de comunicación locais, a raíz da aprobación por parte do Pleno do Concello de Ferrol [06.07.2009] do "Estudo de Viabilidade do Párking da Praza de Armas", co voto a favor do PSOE e BNG, e a abstención do resto -PP, EU e IF-, estudo de viabilidade elaborado pola firma IDOM, e que proxecta un estacionamento soterrado de 8.200 m2, tres plantas e un mínimo de 320 prazas [publicado o anuncio de exposición pública no BOP o 14.07.2009].

Unha vez aberto un período de alegacións dun mes a partir da citada data de publicación, presentaron-se máis dun cento de alegacións, a maioría de particulares, unha do PP e outras de diferentes entidades [segundo varios medios de comunicación local], na súa maioría só cuestionan asuntos referentes a cantidades: que "o estacionamento non oferta suficientes prazas" [oferta 320, frente ás 116 actuais]; que o prazo de execución das obras ten que ser menor, alguén demanda que sexa entre 6 e 8 meses [no Estudo figuran 24]; preocupados tamén polo "canon" [400.000 € por unha adxudicación de 40 anos] e outros asuntos de interese para comerciantes e residentes. Algunha entidade como a asociación Ferrol se mueve, achega unhas 2.000 sinaturas de apoio ás súas demandas; o Centro Comercial Aberto da Magdalena - ACOF e a asociación veciñal Pedro Padrón van na mesma dirección [máis esta última, segundo o Diario de Ferrol, eleva a 480 a capacidade de prazas do estacionamento].

A asociación ecoloxista VERDEGAIA é a única entidade que presentou alegacións cuestionando-se a idoneidade e necesidade do propio estacionamento. Actuación loábel que ten o noso recoñecimento e apoio. Precedido este posicionamento, de Verdegaia, por un artigo titulado "Peotanización e pacificación do tráfico na Magdalena", publicado o 2 de Agosto de 2009 no semanario Nordesía, separata dominical do xornal comarcal Diario de Ferrol, asinado pola arquitecta ferrolá Olga Fra Gálvez [que formou parte da equipa de redacción, dirección e coordinación do PERI - Plan especial de protección e rehabilitación do barrio da Magdalena - aprobado o 27.09.2007] e o activista social Alexandre Carrodeguas.

Por outra banda o colectivo Masa Crítica de Ferrol, manifestou publicamente o seu desacordo coa construción do estacionamento, apostando por uns barrios libres de coches e a potenciación doutro tipo de mobilidade urbana, máis saudábel e sustentábel, baseada en ir a pé aos sitios, ou utilizar a bicicleta e tranporte público. Esquerda Unida, até hai pouco tempo formaba parte do goberno municipal, non presentou alegacións, mais anunciou a súa oposición ao estudo de viabilidade e que pedirá a súa retirada no pleno no que se traten as alegacións, aínda que, como xa dixemos con antelación, á hora da presentación á aprobación do estudo de viabilidade no pleno do 6 de Xullo, esta organización política optou pola abstención. Pois realmente esta organización só demanda un novo estudo de viabilidade, sen cuestionar-se a necesidade da construción dun novo estacionamento, precisamente este foi un dos asuntos que lles criou un conflito interno á par doutro co PSOE o seu antigo socio no goberno local. A organización política Nós-UP, tamén manifestou a súa posición contraria á construción dun novo estacionamento.

Parece-nos importante resaltar que o propio Concello, cos votos a favor de todos os grupos, é dicer por unanimidade, no Plan Urban de Ferrol, aprovou unha cousa moi diferente ao que se pretende facer na Praza do Concello [Praza de Armas], pois na páxina 25 do citado plano di textualmente:

"A iniciativa URBAN insérese nun conxunto de accións dirixidas ao obxectivo común da recuperación urbana. Planificación urbanística para a protección e a rehabilitación; Programas de Rehabilitación de edificios e vivendas; Centro Comercial Aberto; Novos equipamentos culturais da cidade; Programa de reurbanización parcial da Magdalena, construción de estacionamentos periféricos disuasorios; Programa de reurbanización xeral de Ferrol Vello; Proxecto de peonalización, reordenación de tráfico e potenciación do transporte público na Magdalena; Servizo público de bicicletas; son outras tantas accións que conflúen co Proxecto URBAN nunha estratexia integral de recuperación urbana".

Este plano esta cheo de propostas sustentábeis a todos os niveis, mais no referente á mobilidade urbana, as súa propostas son moi razonabeis, polo que recomendamos a súa leitura e detido análise. O paradóxico é que foi presentado  publicamente o 29 de Xuño, só uns días antes de aprobar-se o "Estudo de Viabilidade do Párking da Praza de Armas" [06.07.2009]. O que non se pode entender, entre moitas outras cousas, é que si se está elaborando un "Plano de Mobilidade Urbana para Ferrol" [páxina 32 do Plan Urban] como é que se pretende facer un estacionamento soterrado no medio do casco histórico, animando deste xeito aos vehículos particulares motorizados a entrar no mesmo?, como se pode facer este "equipamento" que ten que ser periférico, no mesmo corazón do centro? e o que é pior como se pode facer o equipamento antes que a planificación estexa rematada?.

O Colectivo Ártabra 21 reitera a súa oposición á construción dun novo estacionamento soterrado na Praza do Concello [Praza de Armas], tal e como acordamos na reunión aberta con diferentes persoas e colectivos, celebrada o pasado 15 de Xullo. Nesa mesma reunión acordouse promover no mes de Setembro o debate, a unión e a acción dos colectivos e diferentes organizacións co obxectivo de artellar un movimento opositor ao proxecto e que conciencie á cidadanía na necesidade de "reducir a mobilidade forzada e deixar de fomentar o uso innecesario dos vehículos motorizados". Un movimento opositor que teña entre as súas demandas e propostas políticas de mobilidade urbana, o dar "prioridade aos medios de transporte respectuosos co medio ambiente, -en particular, os desprazamentos a pé, en bicicleta ou mediante o transporte público- ...".

O Colectivo Ártabra 21, abriu un blogue público:  http://mobilidade-urbana.blogspot.com/,  para armar-nos de argumentos e facilitar o debate e a toma de decisións, en todo o referente á "Mobilidade Urbana" .

Posición Pública do Colectivo Ártabra 21

SOBRE O ESTUDO DE VIABILIDADE DO APARCAMENTO

O colectivo Ártabra21 lembra que neste pasado mes de Febreiro nos opuxemos e rexeitamos o proxecto do actual goberno municipal en construír un aparcadoiro na Praza de Armas - Praza do Concello.

Contestamos de igual modo ao estudo de viabilidade para a construción do aparcamento a que entendemos que vulnera as conclusións da AXENDA21 LOCAL celebrado en Ferrol no ano 2003-2004, e as recomendacións da UNESCO na súa comisión Vial para os Cascos Históricos.

Saúdo!

Colectivo Ártabra21.

Anexos:

ANEXO -I-

PRAZA DE ARMAS – PRAZA DO CONCELLO

O Colectivo Ártabra21 quere lembrar que no mes de Febreiro deste ano emitimos un comunicado, rexeitando os planos do goberno local en rescatar a concesión da Praza de Armas – Praza do Concello para a construción dun aparcamento.

Pensamos que este proxecto de construír un aparcamento atenta e vulnera o pacto e acordos contemplados na propia Axenda21 Local, ademais de non respectar os acordos alcanzados nas conclusións dos debates desta Axenda 21 realizados nesta cidade de Ferrol durante os anos 2003 e 2004.

Na última década, entidades e forzas conservadoras, realizaron varios intentos para PRIVATIZAR varios ESPAZOS E PRAZAS PÚBLICAS da nosa cidade a cal tivo unha decidida resposta cidadá co fin de PRESERVAR E DEFENDER ESTAS PRAZAS da constante ameazada da ESPECULACIÓN.

Debemos entender que este barrio da Magdalena, a diferenza doutros, está situado dentro dun CASCO HISTÓRICO onde teñen que se definir unhas políticas específicas e protectoras, impulsando ZONAS PEONÍS como prioridade principal das persoas fronte aos coches.

Recollemos algún exemplo como a UNESCO que recomenda e advirte á cidade de Córdoba para ser Capitalidade Cultural do ano 2016....

"Quen dixo que ser Capital Cultural de Europa sería fácil? Como comezo, un bon asento histórico e cultural es imprescindíbel, mais no sólo de historia vive o home, tamén de presente. E no presente, o urbanismo sostíbel e a mobilidade ocupan gran parte do interese das institucións. De aí a recomendación ou, mais ben, a advertencia da Cátedra de Seguridade Vial da Unesco: si Córdoba é preseleccionada en 2010 para optar a Capitalidade en 2016, deberá someter-se a importantes restricións no fluxo de vehículos no interior do seu casco histórico".

Institucións como a UNESCO e a propia AXENDA 21 LOCAL advirten e recomendan a construción de APARCAMENTOS DE BORDE ou ARREDOR DOS BARRIOS HISTÓRICOS como ALTERNATIVA ao tráfico rodado.

Este é o caso do Aparcadoiro da PRAZA  DE ESPAÑA – PRAZA DE PORTA NOVA, onde no ano 1999, o Pleno do Concello Ferrol aprobou por unanimidade iniciar as políticas de REHABILITACIÓN DO CASCO HISTÓRICO E ZONA PEONIL NO BARRIO DA MAGDALENA.

Entendemos que se debe impulsar un transporte público de calidade como alternativa ao uso do transporte privado así como viais de servizo público, ademais da implantación de CARRÍS–BICI.

O COLECTIVO ÁRTABRA 21, DEFENDE E SALIENTA ESTE SINGULAR E REPETÍBEL CASCO HISTÓRICO DO BARRIO DA MAGDALENA POLO QUE INSTAMOS AO GOBERNO MUNICIPAL QUE RETIRE ESTE PLANO DE VIABILIDADE.

INSTAMOS AO GOBERNO A QUE RECTIFIQUE E IMPULSE ESTE CASCO HISTÓRICO COMO ZONA PEONIL CO FIN DE PRESERVAR E SALVAGARDAR ESTE IMPORTANTE PATRIMONIO ARQUITECTÓNICO PARA USO E GOZO DA CIDADANÍA.

Ferrol a 24 de Agosto de 2009.

Colectivo Ártabra21

ANEXO -II-


Enviado por:
Colectivo Ártabra 21
artabra21@gmail.com
25 de agosto de 2009 01:15

--

Colectivo Ártabra 21
Xurdimos a favor dunha política xusta, democrática, participativa e sustentábel, responsábel cara ao futuro da humanidade, respeituosa e defensora do medio natural
Ferrol, Terra de Trasancos e Bezoucos
Blog do Colectivo Ártabra 21
http://artabra21.blogspot.com/

____________________

Enlaces relacionados:
Outros enlaces de interese:
__________________


Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.

Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.

Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon