Unha vez máis, e xa van 104, un buque gaseiro entra na Ría de Ferrol, para descargar gas natural licuado nos xigantes depósitos de Reganosa, no Peirao de Punta Promontorio en Mugardos. Tamén son 104 as concentracións sonoras, do Comité Cidadán de Emerxencia para a ría de Ferrol, para denunciar e protestar por este feito. Pois un buque gaseiro cargado com miles de toneladas de GNL/LNG, para a Planta de Gas, entrando polo sinuoso, estreito e de pouco calado canle de entrada da Ría de Ferrol -de máis de 4.000 metros de longo, supón un perigo engadido a propia presencia da Planta Regasificadora no corazón da nosa Ría. Temos que lembrar que é unha instalación moi perigosa, ao lado dun complexo petroquímico -Forestal del Atlántico, tamén moi perigoso, e a pouco máis de 1.000 metros onde están atracados "buques de guerra" que no caso de accidente grave en calquera das dúas instalacións podería provocar unha catástrofe de destrución masiva, con miles de mortes. Ademais é unha planta de gas que se fixo contra a opinión da cidadanía, con corrupción e para beneficio duns poucos cobizosos que recibiron e reciben diñeiro público, de todas e todos nós.
Reganosa continua co novo negocio especulativo
Denunciaba, Manuel R. Carballeira, o compañeiro "Lalán", coordenador do Comité, o novo negocio de Reganosa, consistente e especular co gas. Reganosa que se construíu coa desculpa de ser estratéxica para Galiza, pasou a ser estratéxica para Madrid co famoso gasoduto da meseta que xa non vai ser tal, pois non figura no Plano Enerxético do Estado, a ter un novo negocio especulativo que non ten nada que ver con supostas necesidades enerxéticas da Galiza ou da Meseta Castellana. Entra gas para cumprir cos mínimos estabelecidos e recibir subsidio e logo o vende, ás veces nen pasan 24 horas nos depósitos de Mugardos, pois chega outro gaseiro para cargar realizando a perigosa manobra, moi perto dos núcleos de poboación. A nosa seguridade e a nosa vida, de novo en perigo, só para que segan amasando diñeiro uns poucos e xustificar o seu despropósito gasista, non lles importa, para nada, nen a nosa vida nen a Ría.
Alegando contra unha nova decisión inxusta do Pleno do concello de Mugardos
Por outra banda hai poucos días o Pleno do Concello de Mugardos aprobaba unha modificación do seu PXOM -Plano Xeral de Ordenación Municipal, para legalizar a construción de Reganosa en terreos que non eran aptos para a instalación da mesma, cousa que denunciaramos e que o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia -TSXG- así considerou en Sentenza. Entidades que conforman o Comité Cidadán de Emerxencia presentaron alegacións ante este novo despropósito da mairía dos grupos políticos con presencia no concello -BNG [que goberna], PP e PSOE. Ante a ilegalidade, a política de feitos consumados, unha vez máis, é a que impera.
Os días 14 e 17 de Novembro xuízo contra unha causa xusta
O compañeiro "Lalán", lembrou que os vindeiros 14 e 17 de Novembro está prevista a celebración do Xuízo polos feitos de Maio de 2007, cando o primeiro buque gaseiro para Reganosa, o "Galicia Spirit", non puido entrar na Ría. Pois a cidadanía, ante a non asunción de responsabilidades das autoridades para impedir a entrada ilegal dun buque que ameazaba a nosa seguridade e a nosa vida, plantou cara a tanto despropósito e manifestou-se, por terra e por mar, contra a entrada dun buque, cargado con miles de toneladas de GNL/LNG para Reganosa, que quería entrar ilegalmente na nosa Ría. Unha "CAUSA XUSTA SUPERIOR" obrigou-nos a tomar a decisión de saír á bocana da Ría, para denunciar o intento de desembarcar a perigosa carga a unha planta que nen se queira daquela tiña a licenza de funcionamento que foi outorgada posteriormente en Outubro dese ano, cousa que tamén temos recorrida. E que nen se queira ten en funcionamento un Plano de Emerxencia Exterior, requisito indispensábel para operar, despois de catro anos de funcionamento ilegal.
Solidariedade coa Xente do Mar acusada por defender o seu medio de vida, o seu posto de traballo, a nosa seguridade, a nosa vida e a Ría !
Carmelo, Torrente, Tino, Anita, ... ! A Loita Continua ! Veredes-lo cos nosos ollos!
POLA DEFENSA DA VIDA, DA NOSA SEGURIDADE E DA RÍA !!
CESE DA ACTIVIDADE E DESMANTELAMENTO DE REGANOSA !!
PLANTA DE GAS FORA DA RÍA !!
Galería Fotográfica de Susete'70 - Galería Anti-Reganosa.
_____________
Enlaces relacionados:
Ártabra 21: O Comité Cidadá fai pública a 3ª Sentenza do TSXG contra REGANOSA e reclama á Xunta de Galicia que retire os recursos ante o Tribunal Supremo
Ártabra 21: O "LNG Enugu", un buque gaseiro cargado con miles de toneladas de GNL/LNG anuncia a súa entrada na Ría de Ferrol, para este Xoves 10 de Novembro - O Comité Cidadán de Emerxencia convoca unha acción de protesta e denuncia, desta vez ás 7 da Tarde en Esteiro, na Praza do Himno Galego
__________________________
Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.
Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.
Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon