venres, xaneiro 19, 2018

O goberno de Ferrol traza unha diagnose integral do barrio de Recimil - A concelleira María Fernandez Lemos de Urbanismo, Vivenda... e Saínza Ruiz Ferreño de Benestar Social... avanzaron as fases dun plan no que están implicadas todas as áreas de xestión municipal - Entre outros, a intención do Goberno é acondicionar 30 vivendas para destinalas a usuarios de Benestar Social

Barrio de Recimil (Ferrrol) - Foto de Jorge Meis - 20 de xaneiro de 2017

O GOBERNO TRAZA UNHA DIAGNOSE INTEGRAL DE RECIMIL E DESEÑA UNHA INTERVENCIÓN SOCIOCOMUNITARIA MULTIDISCIPLINAR


O Goberno local ven de trazar unha diagnose integral do barrio de Recimil para coñecer, con datos actualizados e rigorosos, a realidade dunha barriada que é o segundo parque mais grande do Estado de vivenda pública e municipal a fin de activar unha intervención sociocomuninaria multidisciplinar real i efectiva para saldar a débeda histórica coa súa veciñanza e procurar a mellora da habilitabidade das súas vivendas e da convivencia dos seus habitantes nun barrio dotado e cohesionado.

As concelleiras de Urbanismo e Vivenda, María Fernández Lemos, e de Benestar Social, Saínza Ruiz, presentaron este mediodía en rolda de prensa os primeiros resultados de varias semanas de traballo dos concelleiros e dos técnicos de todas as áreas do Goberno local, desde Patrimonio a Rehabilitación e Vivenda, pasando por Seguridade, Obras, Centro de Recursos Informáticos (CRI) e Servizos Sociais, coordinados desde a Área de Urbanismo, en reunións quincenais desde o pasado mes de outubro para avanzar no deseño do plan, na recompilación e lectura dos datos e sentar as bases para pasar do diagnóstico a intervención sobre a base duns datos rigorosos e mapificados que sirvan de base a calquera traballo posterior no barrio.

Por primeira vez, facemos unha diagnose técnica multidisciplinar e posta en común no que nos coordinamos e implicamos desde todas as áreas cun traballo en rede moi frutífero e positivo recollendo os datos de todas as áreas: obras, patrimonio, seguridade... para poder presentar esta estratexia que imos seguir de aquí en diante, mais aló do social, para facer de Recimil o que debera ser”, manifestou a concelleira de Benestar.

Todos os membros do Goberno estamos implicados neste plan transversal. ¿Por qué? Porque era un dos obxectivos programáticos do Goberno e porque aprobamos dúas mocións para intervir no barrio”, manifestou a edil de Urbanismo, María F. Lemos. “Cando falamos de Recimil temos que falar das persoas porque todos sabemos dos problemas que ten o barrio e temos que apostar pola rexeneración urbanística e por todos estes plans que farían del un barrio exemplar e un orgullo”, engadiu.

O plan de traballo multidisciplinar para Recimil persegue, en dúas fases (diagnose e execución), os seguintes obxectivos:
  1. Rexeneración e recuperación do patrimonio edificado da cidade no segundo parque de vivenda pública mais grande do Estado con 1.006 vivendas de propiedade municipal- mais desde unha perspectiva sostible, a través de programas de rehabilitación e rexeneración urbana co apoio de financiación externa vía programas e fondos Edusi (UE), POS (Deputación), ARIS, Fondo Social Europeo, Pareer (UE), Caixa Pro Infancia,...
  2. Fixar estratexias que melloren a calidade de vida da veciñanza e a sostenibilidade da cidade.
  3. Desenvolver liñas de actuación na procura da mellora das condicións de vida e o desenvolvemento da eficiencia enerxética nas vivendas e da cohesión social e o equilibrio dos barrios da cidade, e de Recimil, no particular.
Cales foron os primeiros pasos? Logo de constituír esa equipa multidisciplinar, e recompilar os datos e estudos do pasado, cruzar datos entre áreas, pasouse a unha fase activa para facer unha comprobación o mais certeira posible do estado das rendas e alugueiros -logo do último proceso de regularización do censo no barrio artellado desde Patrimonio.

Os encargados de facer este traballo de campo, segundo explicaba a concelleira de Urbanismo, María Fernández Lemos, foron un equipo integrado por un axente da policía municipal, un técnico de Benestar Social, un técnico da Oficina de Rehabilitación e outro de Obras.

A conclusión é que do parque total de 1.006 vivendas son 840 alugadas, con rendas que van desde 5 a 250 euros mensuais, e un total de 102 as vivendas en estudo, isto é algunhas delas con ocupacións irregulares, tapiadas, pendentes de intervención dalgún tipo (revisión, obras de mellora da habitabilidade..) o que, sinxelamente, non se puido acceder as mesmas para coñecer a realidade da vivenda a dos seus habitantes.

Todo isto, foi envorcado nunha base de datos e mapificación do barrio desde o Centro de Recursos Informáticos do Concello para garantir a súa perdurabilidade e deixar este traballo, esta diagnose, a disposición de calquera intervención presente ou futura desta ou doutras Administracións Públicas.

Con respecto aos danos da vivenda, apuntaba Lemos, a causa mais habitual son provocados pola auga (humidades 67%) e xilófagos na estrutura das cubertas. Segundo lembraba hoxe a concelleira de Urbanismo, a mellora da envolvente enerxética de 72 vivendas de 10 portais en dous bloques das rúas Dez do Marzal e Narón con cargo aos ARIS faise, concretamente, nestas construcións porque a diagnose da Oficina de Rehabilitación pon de manifesto que son os que presentaban un peor estado e aconsellaba a intervención mais urxente.

A intención do Goberno é acondicionar 30 vivendas para destinalas a usuarios de Benestar Social, a maiores das 26 que adxudicara o anterior executivo, actualizando o censo da lista de espera dun proceso que se iniciara no ano 2010 e aínda inconcluso.

Para isto, explicaba a concelleira Ruiz, hai que facer a comprobación do estado das 26 anteriores -ocupación real e habitabilidade- e das 30 futuribles coa redacción dunhas novas bases que, ademais de Benestar Social, atendan e incorporen as opcións de adxudicar vivendas a outros segmentos que poidan ter necesidade de vivenda: maiores de 65, comunidade universitaria, familias con menores, diversidade funcional, ... a fin de procurar un barrio cohesionado, equilibrado para unha convivencia interxeracional.

Ferrol, 18 de xaneiro de 2018.-

Gabinete de Comunicación

Fonte: Novas - Web Oficial do Concello de Ferrol
______________________


Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.

Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.

Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon