xoves, marzo 19, 2020

Iniciativa municipal da organización política Ligando diante da crise do novo coronavirus (Covid-19)


AO SR. ALCALDE DO CONCELLO DE FERROL

IOLANDA TEIXEIRO REI, con D.I nº xx.xxx.xxx-x, con enderezo en xxx xxxxx xxx xxx, Ferrol, e en calidade de Delegada da organización política LiGanDo en Ferrol

EXPÓN:

A sociedade mundial está fondamente preocupada pola pandemia do Coronavirus COVID-19. A nosa organización comparte esta preocupación e fai súas as medidas e recomendacións que se tomen desde as distintas administracións que estean avaladas por criterios científicos, pois entendemos que en estados de emerxencia debe extremarse o comportamento cívico que obriga a deixar a un lado a confrontación e primar as posturas de colaboración e axuda mutua. É por isto que durante o tempo que dure a emerxencia sanitaria, LiGanDo aparca o seu labor crítico ao goberno municipal en aras de axudar e fomentar un comportamento de convivencia entre a veciñanza. A nosa postura vai estar máis en modo construtivo e de colaboración que en poñer a atención nos erros políticos e de xestión. Pedímoslle ao goberno municipal un comportamento á altura da situación e que non pretenda sacar réditos políticos desta situación na que todos e todas nos temos que axudar e colaborar para superala o antes posibel e co menor número de víctimas.

Ás organizacións do Decrecemento, esta emerxencia sanitaria non nos colle por sorpresa; despois de todo, levamos moito tempo alertando sobre a posibilidade de situacións similares. Entre os  riscos que se barallan no movemento Decrecentista a respecto das consecuencias negativas do cambio climático están as pandemias e epidemias. Os especialistas e científicos do IPCC (panel intergubernamental sobre o cambio climático) teñen establecido e feito público que o incremento de temperatura en zonas habituadas a un clima máis frío, pode provocar a aparición de virus descoñecidos e que estes dean lugar a pandemias e/ou epidemias. Tamén está o perigo da desconxelación do permafrost dos glaciares e os polos. Esta desconxelación, como xa teñen advertido os expertos, está traendo á vida virus e bacterias do pasado que tamén son un foco altamente perigoso de contaxios para a poboación mundial.

Dentro das medidas e suxestións que o Goberno Central, Xunta de Galiza e o Concello de Ferrol teñen tomado para esta situación de emerxencia sanitaria, botamos en falla catro aspectos fundamentais que cómpre que o noso concello efectivice á maior brevidade posibel e que ademais eleve a instancias superiores para o seu coñecemento e toma en consideración, se procede.

É por todo ilo que LiGanDo Ferrol

SOLICITA/SUXIRE:

1º- Que todo o persoal de atención domiciliaria estea obrigado a desenvolver o seu traballo coa formación e os medios necesarios para non converterse nun vector de contaxio do COVID-19. A case totalidade das persoas que son atendidas polas traballadoras de atención domiciliaria diversas forman parte do grupo de maior risco de mortalidade diante do COVID-19. Estamos a falar de persoas de avanzada idade e/ou inmunodeficientes.

Desde LiGanDo entendemos que o Concello debe establecer medidas para que:

➤ Todas as persoas que prestan servizo de atención domiciliaria deban tomar as medidas de desinfección necesarias antes de acudir a cada fogar onde desenvolven o seu traballo. Tamén deben acudir coa correspondente máscara sanitaria para evitar contaxiar ás persoas que axudan a coidar.

➤ Todas as persoas que prestan servizo de atención domiciliaria deben causar baixa de inmediato ao menor síntoma de enfermidade que as relacione como posibel enferma do COVID-19.

2º- Son moitas as persoas que, por motivos diversos, van sufrir as consecuencias colaterais desta pandemia. Consecuencias económicas e, polo tanto, de dificultade de acceso a bens de primeira necesidade como pode ser unha correcta alimentación.

As familias en situacións máis extremas de necesidade e pobreza van ser máis vulnerabeis por culpa deta crise. Por exemplo, moitas familias vanse atopar que, ao terse suspendido as clases, os seus fillos e fillas non poderán facer as comidas gratuitas ou subvencionadas que recebían no colexio, e isto vai incrementar de xeito importante, as necesidades alimentarias familiares.

No caso de persoas maiores e/ou inmunodeficientes, saír facer a compra é un factor de perigo elevado que non debe ser ignorado polo goberno municipal.

Así como tamén se debe dar atención ás persoas sen fogar, en situación de desarraigo que son as máis vulnerabeis.

Desde LiGanDo, entendemos que o Concello debe establecer medidas para que en colaboración con protección civil, os establecementos de alimentación e hostalería locais se poña en marcha, de xeito inmediato, un servizo municipal de catering e de entrega de alimentos e bens de uso básico, sendo este gratuito para as familias máis necesitadas.

3º- Desde LiGanDo entendemos que as administracións por si soas non van ser capaces de cubrir todas as necesidades de atención cidadá, polo que urxe facer un chamamento ao comportamento cívico de toda a veciñanza e afondar no comportamento da AXUDA MUTUA E A COLABORACIÓN ENTRE A VECIÑANZA, sen distinción de procedencia, trazos faciais, idioma, orientación sexual, crenzas relixiosas, ideoloxía política...

4º- O Concello debe demandar un cumprimento extremo das medidas de corentena e illamento a todas as persoas que teñan viaxado ou teñan decidido vir pasar ao noso concello a emerxencia sanitaria e procedan de zonas do Estado Español altamente infectadas ou de calquera outra parte do mundo.

Ficamos á súa disposición para o que fora necesario e estea na nosa man axudar.

Asinado: Iolanda Teixeiro Rei

LIGANDO-LGD

http://www.ligando.org/

Facebook | Twitter



Enviado por:
Iolanda Teijeiro
-ligando.ferrol@gmail.com-
17 de março de 2020 10:05

______


Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.

Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.

Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon