Vía Galega chama a participar na manifestación do 18 de abril en Compostela co lema: "Galiza nación, un pobo con dereitos"
Esta plataforma agrupa 65 asociacións culturais e sociais que defenden esixir o dereito á autodeterminación para construír unha sociedade galega con plena democracia, liberdade e igualdade
A Plataforma Vía Galega, que integra máis de 65 asociacións culturais e sociais, convoca unha manifestación nacional para o domingo 18 de abril en Santiago de Compostela co lema “Galiza nación, un pobo con dereitos”.
O portavoz desta plataforma, Anxo Louzao, realizou un chamamento a participar nesta manifestación “para esixir o dereito á autodeterminación, a exercer o dereito a decidir, para construír unha sociedade galega con plena democracia, liberdade e igualdade e benestar social”. A mobilización partirá o domingo 18 de abril ás 11.30 da Alameda de Compostela e rematará na Praza da Quintana, cun acto final conducido pola actriz Isabel Risco, coa intervención de María Xosé Bravo, da portavocía de Vía Galega, e a lectura dun manifesto por parte do escritor Suso de Toro e da actriz Neves Rodríguez.
Anxo Louzao insistiu, en rolda de prensa, na necesidade de facer fronte “á cada vez maior centralización política, como se comprobou coas actuacións relacionadas coa pandemia, e a combater o neoliberalismo e a españolización galopante á que esta entregado o Goberno de Feixoo, procurando destruír a nosa identidade, lingua e cultura e anularnos como pobo”.
Malia as limitacións e inconvenientes derivadas da pandemia, Vía Galega organizou ao abeiro desta campaña coloquios en 25 vilas e cidades sobre a condición nacional de Galiza e os seus dereitos como pobo, ademais de editar e distribuír milleiros de folletos explicativos e de cartaces.
A campaña tamén contou coa elaboración dun vídeo que define as características que conforman a nación galega e que fai un percorrido histórico e reivindicativo. Neste punto, agradeceu e destacou a participación de persoas referentes da sociedade galega como Manolo Rivas, Isabel Risco, Suso de Toro, Olaia Maneiro, Xurxo Souto, Pilar García Negro, Francisco Rodríguez, Neves Rodríguez, Antón Ruanova e Pilar Pallarés, que explicaron a súa percepción da condición nacional de Galiza.
Esta manifestación é a culminación da campaña que durante os últimos meses desenvolveu Vía Galega por todo o país para divulgar as características que conforman a nación galega e os dereitos que lle asisten como tal. Outro dos obxectivos foi “procurar que sexa máis pobo o que asuma conscientemente a realidade obxectiva de que Galiza é unha nación, con vontade colectiva de existir”, xunto con “apuntalar e estender a conciencia nacional, desterrando a mentira e o engano de que Galiza é un pais subsidiado”.
“Acrecentar a autoestima como pobo e mostrar a necesidade de termos soberanía política, poder político pleno, para rematar coas agresión se inxustizas que sufrimos como país e construírmos por nós mesmos unha Galiza libre e con futuro”, foron outros dos fins marcados nesta campaña que conclúe o 18 de abril con este acto.
Como é obvio, neste acto cumpriranse todas as medidas e normas de seguridade impostas como consecuencia da COVID-19, “de aí que solicitamos dos e das manifestantes que eviten portar faixas, aínda que poden levar bandeiras e cartaces individuais”, explicou Anxo Louzao.
Santiago de Compostela, a 7 de abril, de 2021
Canle de Vía Galega.
Fonte: Vía Galega.
Enviado por:
Inácio GZ
-inaciogz@gmail.com
8 de abril de 2021 10:45
_______
Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.
Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.
Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon