Amosando publicacións coa etiqueta A Crise. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta A Crise. Amosar todas as publicacións

venres, decembro 20, 2013

Oligopoly: o xogo da enerxía - Documentario de interese


Nestes días onde estivo a punto de concretar-se un novo atraco-estafa das grandes corporacións da electricidade contra a cidadanía, o documentario que achegamos está de actualidade, para entender o que está pasando co "Recibo da Luz".

Hai pouco máis dun ano, o Domigo 18 de Novembro de 2012, o programa de reportaxes de 'La Sexta' conducido por Jordi Évole dedicaba a reportaxe dese domingo, ao funcionamento do mercado enerxético no, polo de agora, Reino España.

O programa que tivo moito suceso e polémica, polas presións ao que foi sometido polas grandes corporación eléctricas, está feito dun xeito moi comprensíbel, onde descubrimos os "segredos" da  factura da luz, algo incomprensíbel para a maioría.

A estafa do oligopolio que forman as grandes empresas que controlan os mercados da produción e o da comercialización queda ao descuberto.

Unha explicación de pouco menos dunha hora que paga a pena parar-se a ver e escoitar.


OLIGOPOLY: el juego de la energía
from wifiteam on Vimeo.
http://vimeo.com/54678290

____________

Non validado o "tarifazo Eléctrico" que pretendían as corporacións da enerxía - A CNMC decidiu que non procede validar a poxa CESUR realizada onte 19 de Decembro


A Comisión Nacional dos Mercados e a Competencia (CNMC) decidiu que "non procede validar" a poxa eléctrica realizada este xoves (19.12.2013) ante "a concorrencia de circunstancias atípicas e nun contexto de prezos elevados no mercado diario durante as semanas previas".

Competencia explica nun comunicado que informou deste pronunciamento ás 4:15 horas da madrugada deste venres (20.12.2013) á Secretaría de Estado da Enerxía e ao Operador do Mercado Ibérico Español (OMIE), organismo encargado de trasladalo aos axentes participantes na poxa.

A CNMC asegurou que fará público un informe detallando os motivos que xustifican a súa decisión.

O pasado 10 de decembro, a Sala de Supervisión Regulatoria do 'superregulador' iniciara un proceso de información previa para analizar os movementos inusuais que se estaban producindo na fixación de prezos do mercado maiorista.

A CNMC recorda que desde fai catro anos vén realizando propostas de mellora do esquema de poxa.

A poxa celebrada este xoves arroxou un incremento do custo da enerxía do 25,6 %, o que supoñería un alza na tarifa do 10,5 %. A isto había que sumar os peaxes, o que ía levar a un incremento en xaneiro de máis do 11% do recibo da luz.

---
Nota de prensa da Comisión Nacional dos Mercados e a Competencia (CNMC) -en formato PDF: [Acceder ou Baixar].
_______________

Autoconvocatoria cidadá, para este venres 20 de Decembro, diante dunha nova estafa contra a cidadanía, polo anuncio de aumento do "recibo da luz" nun 11,50 %


Venres 20 de Decembro: autoconvocatoria reunión urxente de Asociacións e entidades cidadás


Ante o incremento anunciado hoxe, para xaneiro, no recibo da luz  -11,50 %- unha estafa e un novo atraco para toda a cidadanía por parte dos grandes Grupos Enerxéticos e o Goberno do Partido Popular, neste momento en que o paro e a crise se estáns a cebar xa contra todos e todas e dun xeito moito máis grave cos máis desfavorecidos, pensamos que é preciso manter unha reunión urxente, en réxime de autoconvocatoria, entre as Asociacións e Entidades cidadás e persoas interesadas, para decidir accións de rexeitamento a este novo ataque neoliberal na economía e no benestar de todas e todos.

Data da reunión: mañán, Venres 20 de Decembro ás 18 hs.

Lugar: Local da A.C. Fuco Buxán, Rúa Armada Española 32 baixo, Caranza – Ferrol.

Enviado por:
fucobuxan
-fucobuxan@gmail.com-
19 de dezembro de 2013 15:10

_____________________

Enlaces de interese:

http://ataquealpoder.wordpress.com/category/el-mentiroso-recibo-de-la-luz/

http://www.tarifasdeluz.com/

http://www.electricas.net/

Vídeo de hai un ano (18 de Novembro de 2012).
http://www.lasexta.com/videos-online/programas/salvados/noticias/luz-subir-siempre-porque-debemos-mil-millones_2012111800049.html


____________________________

martes, decembro 10, 2013

Alberto San Juan: 'Algúns empezan a darse conta de que fóra do sistema ... está a vida'

O actor e activista Alberto San Juan [*], xunto a un grupo de intrépidos, lanzou unha proposta escénica de marcado talante subversivo onde se concitan calidade artística e calidez ideolóxica, "porque a nosa revolución prodúcese a través da convergencia placentera de sentimentos e razóns".

Estase pasando fame no noso país, as concertinas testemuñan o talante gobernamental, apróbanse leis mordaza mentres o desemprego permanece desbocado e desarticúlase o noso exiguo estado de benestar: por que acudir ao teatro?

O teatro é unha arte de natureza política. O teatro é unha forma de ver o mundo de xeito colectivo para poder comprendelo mellor, para intentar vivir mellor. O teatro é a experiencia de reflexionar colectivamente sobre o que nos pasa persoal e grupalmente. Ademais, este espazo, o Teatro do Barrio, pretende ser máis que un teatro. Quere ser un lugar onde moitas persoas se xunten para imaxinar outra forma máis xusta e placentera de habitar o mundo ...

Un mundo dominado por un sistema?

O sistema creara unha extensa rede de dependencias para que sentises que ou estabas dentro do sistema ou estabas morto. É dicir, que ou eras capaz de comprarche un piso, ter un traballo fixo, etc. ou a túa vida corría perigo. Neses últimos anos foi este mesmo sistema o que deixou sen traballo e sen casa a miles e miles de persoas, expulsándoas. Tralo impacto brutal do baleiro, moitas desas persoas comezaron a darse conta de que fóra do sistema ... está a vida, aínda que moitos xa perderon a súa vida por esta brutal exclusión.

Cal pode ser a solución a unha situación de colapso como a que estamos vivindo?

Nunca a solución á situación actual poderá ser volver ao que tiñamos, volver ao sistema, volver a un falso benestar, a unha falsa democracia. Unha democracia de aparencias patrocinada polos préstamos bancarios. O realmente apaixonante e revolucionario é atoparnos neste momento coa necesidade ineludible de comezar a construír algo novo. O novo que inventemos deberá nutrirse de todas as experiencias de emancipación anteriores. E, sen dúbida, terá moitos elementos do anarquismo, do comunismo e do socialismo, pero será algo novo, recoñecendo quizá a nosa débeda cunha das sensibilidades máis perseguidas, ignorada e desprezada, como é precisamente, o anarquismo. O que moitos demandamos nestes momentos é que nos deixen gestionar nosa propia vida en común. Recuperar nosa propia capacidade para facelo ben, para facernos ben, por nós mesmos.

Cal debe ser o papel da cultura nun contexto de alienación crecente e onde se nos anima a fuxir do medo a través de paraísos virtuais?

A cultura significa unha mirada crítica sobre o mundo. A cultura é fundamental para romper o muro da ignorancia. E cando rompemos ese muro da ignorancia, o medo deixa de ser un valor inexpugnable.

Por que un teatro de barrio na era da globalización?

Para nós o concepto de barrio é un concepto universal. O barrio son os barrios, calquera barrio, porque o barrio son as rúas e as casas, pero sobre todo somos as persoas.

Por que esta proposta é diferente?

Porque a nosa proposta é claramente de loita, reivindicación e pracer desde a propia autoxestión. Axuntamos para iso calidade artística e coherencia. Somos unha cooperativa onde tomamos as decisións de xeito horizontal.

É o Teatro do Barrio o teatro de Alberto San Juan?

Para nada. Eu levaba toda a vida desexando ter un lugar para facer teatro. Un teatro político, un teatro con humor. Finalmente, tiven a sorte de atoparme cun grupo de amigos cos que creamos o equipo impulsor, onde están persoas como Cote Romero, Mario Sánchez-Herrero, Iñaki Alonso ... que xa acumulaban importantes experiencias creando comunidade, nova economía ...

Que proxectos emergerán neste teatro?

Haberá teatro, haberá música, poesía, debate político directo, vaise a poñer en marcha unha universidade do barrio cuxo academicismo será a antíteses do aburrimento. Aquí o pensar xuntos, emprender accións xuntos terá un sentido lúdico. Podemos pasárnolo ben cambiando o mundo, aínda que ... por suposto, hai moitos elementos tráxicos na situación actual.

Por J. V. Barcia Magaz, publicado no xornal 'La Marea', 9 de Decembro de 2013

[*] Alberto San Juan Guijarro - Cañamares, 1968, é actor.


MásPúblico sociedade cooperativa - Licenza CC BY-SA 3.0.

__________________

venres, decembro 06, 2013

Europa e a esquerda que vén


Entre as primeiras obras máis vendidas no vello continente durante o ano 2012, aparece o vello título do Manifesto comunista. Un rexurdir exitoso relacionado inequivocamente co impacto da convulsión económica (o triunfo da tese neoliberal) e o aumento das inquedanzas por parte dunha cidadanía europea agredida nos órganos vitais do seu cotián. O sólido golpe dun deseño previo no rostro desprotexido dos pobos.


A emenda á totalidade proposta por Marx e Engels en 1848 comeza coa soada sentenza: “Unha estadea percorre Europa: a estadea do comunismo”. Hoxe, con certeza, a esquerda aproxímase máis á figura da estadea non tanxíbel do que á alternativa concreta dunha política rupturista cos esquemas dos xestores do sistema. A emenda non acaba de prosperar.

En 1995 Perry Anderson escribiu que, desde os anos oitenta do século XX, a amálgama de acordos e arranxos, feitos dende a provisionalidade e a improvisación cando non dende a premeditación criminal, que deron lugar ao que arestora é o edificio institucional da Unión Europea adquiriran a “respectable aura da inercia”. Esta confrontaríase, a partir dos anos noventa, con tres eventos: a desaparición do bloque soviético, a reunificación de Alemaña e o Tratado de Maastricht, que desencadearían “procesos cuxas magnitudes só poden compararse coa fin da guerra”.

Ante os efectos no continente europeo da crise financeira internacional, iniciada nos Estados Unidos a finais do 2007, eses tres eventos comezan a dar conta da auténtica magnitude intuída por Anderson.

A desaparición do bloque soviético

O primeiro deles, a desaparición do bloque soviético, actúa como acelerador do proceso globalizador capitalista e como desestabilizador dunha esquerda que, logo un período no que a correlación de forzas permitira unha considerable conquista de dereitos sociais e económicos para as clases traballadoras, recoñecidos no chamado occidente na fórmula do Welfarestate, agora é incapaz de trazar unha vía practicable xa non só para pasar á ofensiva, senón mesmo para a mera resistencia. Unha incapacidade da esquerda que afecta aos que foran os antigos partidos comunistas pero que, sobre todo, afecta a unha socialdemocracia para a que a falta de contrapeso xeopolítico ao capitalismo globalizado e a falta dun movemento obreiro potente e organizado está a segar a condición de posibilidade da súa estratexia política.

A reunificación de Alemaña

A segunda, a reunificación de Alemaña, porque nunca como agora é tan clara a vontade hexemonista dunha Alemaña que parece considerar o sur Europeo coma o seu Lebensraum do mesmo xeito que o proceso unificador dos felices anos 90 -que á vista dos resultados electorais favorables á esquerda no leste alemán dos nosos días máis semella ser percibido coma unha Anschluss que como a orxía de abrazos e benestar prometida- considerou a antiga RDA primeiro, e despois os países do leste europeo, coma o Lebensraum da antiga RFA.

A sinatura do Tratado de Maastricht  e a reforma do artigo 135 da Constitución

A terceira, a sinatura do Tratado de Maastricht -e xa antes o acordo de libre comercio de facto que era a Acta Única-, porque, a asunción dese tratado -que no seu artigo 104 prohibe que os bancos centrais financien aos gobernos- e os que o seguirían -o 123 do Tratado de Lisboa ratifica o dito polo 104 de Maastricht-, até chegar á infame reforma express do artigo 135 da Constitución española, impulsada polo bipartidismo do réxime -que sacraliza a prioridade do pagamento dunha débeda que nunca poderá pagarse sobre os dereitos das persoas- semella cada vez máis evidente a identificación da UE, en tanto que estrutura institucional positiva produtora de legalidade, coa ideoloxía neoliberal.

Tres eventos que pechan definitivamente o ciclo keynesiano dos chamados 30 gloriosos e inauguran unha nova orde, que emerxe entre os cascallos do TINA thatcheriano do finais do século XX, ao servizo de institucións, coma o FMI, o BM ou a Unión Europea, orixinariamente pensadas para outros fins pero que hoxe encarnan procesos de baleiramento da soberanía popular nas democracias liberais. Velaquí un escenario óptimo para a arelada terapia de choque do neoliberalismo.

Con este contexto como pano de fondo a esquerda debátese entre dúas estratexias, a da reforma ou a da ruptura, para superar esta etapa de mercantilismo desenfreado que revoga referendos ou executa directrices de desmantelamento do estado de “medioestar”.

A reivindicación da Fronte Ampla

Para practicamente toda a esquerda europea semella cada vez máis clara a necesidade de unir forzas ante o desafío de proporcións xigantescas que representa o dogma da austeridade imposto pola chamada Troika (Comisión Europea, Banco Central Europeo e FMI). Cómpre, se cadra, cavilarmos arredor da construción dunha nova internacional non sectaria -que recolla o espírito da vella Primeira Internacional- ou dunha unidade de acción, como a reclamada en 2012 polos líderes Jean-Luc Mélenchon e Oskar Lanfontaine nun artigo conxunto dirixido aos pobos francés e alemán. Trátase de artellar a solidariedade europea dos de abaixo fronte ao reparto oligárquico dos de arriba. No noso país esta idea está sendo formulada explicitamente, na reivindicación da Fronte Ampla, polas forzas que compoñen AGE.

Porén, canda este consenso máis ou menos claro, unha contradición atravesa toda a esquerda europea á hora de deseñar a súa estratexia. Contradición que, sen dúbida, será crucial tamén á hora de facer viable a unión de forzas. Xa sexa internamente, coma no caso de Syriza, Die Linke, Parti de Gauche ou Izquierda Unida, xa sexa por separado, coma no caso do Bloco de Esquerdas e o PCP, ou de Syriza e o KKE, ou de ICV e ERC e as CUP, as esquerdas europeas viven no seu interior a pugna entre os que avogan por rachar co euro e recuperar dunha maneira ou doutra a política monetaria como primeiro paso estratéxico e sine qua non para conquistar a capacidade de decisión sobre as políticas económicas, e os que consideran que isto non é prioritario e que aínda hai marxe de manobra para unha reforma das institucións europeas que posibilite tamén a ansiada democratización das decisións económicas.

O programa

O programa reformista pasaría pola unión bancaria, a condonación ou o alivio da débeda dos países do sur por parte dos países do norte, a habilitación do Banco Central Europeo para financiar os países da zona euro, o cesamento da asasina política de apartheid fronteiriza cos cidadáns do sur do mediterráneo que se achegan en busca dunha mellora nas súas vidas, a profundización democrática das institucións europeas para faceren delas auténticos reflexos das arelas sociais do continente e non un selecto club de ricos onde as decisións non pasan por peneira ningunha da soberanía popular e, no caso español, tamén pola abolición do artigo 135 da Constitución.

Que a esquerda queira usar o seu dereito a disparar o último cartucho arredor deste programa non debería ser óbice para que esa mesma esquerda lles fale claramente aos seus cidadáns da dificultade que entraña esta empresa. Como sinalan Leo Panitch e Sam Gindin no seu libro de recente aparición The Making of Global Capitalism: The Political Economy Of American Empire, os estados nación -falamos obviamente dos poderosos coma EEUU ou Alemaña- xogan aínda un papel máis importante, na xestión do capitalismo globalizado, do que se acostuma pensar. E a lóxica dos estados nación segue a imperar na intrapolítica da UE. As probabilidades de que o electorado alemán acceda a asumir un programa como o sinalado máis arriba son ben remotas. E os países do sur, de tanto agardar a que a situación estea madura para que ese programa se leve a cabo, poden ficar tan desangrados que a chegada daquel será completamente inútil. É así que á esquerda se lle debe esixir honestidade e veracidade. De optar pola vía da permanencia no euro, cómpre informar aos cidadáns de cales poden ser os custos, en termos de destrución das economías dos países do sur. E nunca debe negárselles aos cidadáns do sur a posibilidade do impago da débeda e da saída voluntaria do euro como método para conquistar soberanía popular sobre as decisións económicas. En primeiro lugar porque a implosión do euro, tal e como sinalan numerosos autores, non é algo descartable no medio prazo. En segundo lugar porque deixar ese discurso en mans unicamente da ultradereita, como xa está a suceder en Francia e no Reino Unido (neste caso o discurso é anti-UE), é moi perigoso.

O reformismo non-reformista - Unha vía de unidade e ruptura

Do punto de vista do europeísmo tradicional no discurso galeguista cómpre reconsiderar se a UE realmente existente encarna hoxe algún tipo de vía para que o noso país poida ser máis dono de seu. Hoxe, o noso país, o mesmo que todo o sur europeo, é unha reserva de man de obra desindustrializada e terciarizada e unha economía destinada unicamente ao cumprimento co pagamento da décima imposta pola banca do norte. Ningunha liberación, nin sequera cultural, poderá chegar partindo desta situación de vasalaxe.

Na actualidade, cando se fala da UE, cómpre interiorizar que esta se converteu, nesta parte do mundo, no máis prezado dispositivo ideolóxico dos espallados polo Partido da Orde; na vaselina discursiva -cos seus valores asociados de fraternidade, antibelicismo, economía do coñecemento, etc.- con que se revisten as crúas políticas do capitalismo globalizado en Europa. Unha tarefa primordial para a esquerda galega e europea actual é non atender, e sobre todo non reproducir, estes cantos de serea. Coma o lúcido Ulises, tamén nós debemos pór a cera nas orellas para calibrar friamente que significa ser “un novo estado da UE” no momento actual.

A Europa sen fronteiras dos anos de bonanza derivou na Europa das expulsións do excedente da man de obra que antes creara parte da riqueza dos estados membros. Repítense os mesmos conflitos sociais e a mesma falta de organización ou mobilización social para deter as políticas suicidas dos gobernos. A Europa pretendidamente ergueita sobre os piares da cultura clásica volve ser hoxe a Europa caldo do fascismo.

Nós estamos convencidos da necesidade de apostar por unha vía de unidade e ruptura nunha paisaxe de afundimento onde a soberanía dos estados do sur se merca en poxa privada. Un vieiro sólido que, sen descartar conxunturalmente o que Andre Gorz chamaba “reformismo non-reformista”, non teña medo a falarlle claro á cidadanía poñendo a saída do euro e a recuperación estatal da política monetaria sobre o tapete.

Somos Ninguén é un proxecto en construción. No ano V da última crise sistémica do capitalismo globalizado queremos chantar estes alicerces sen saber moi ben -e sen preocuparnos demasiado- como serán as paredes, as fiestras nin o teito [Quen Somos].

Fonte: http://www.somosninguen.org/


Enviado por:
Inácio GZ
-inaciogz@gmail.com-
6 de dezembro de 2013 13:52
________________________

martes, decembro 03, 2013

Así, así, nengún paso atrás na defensa da Comarca e do Naval


As comarcas de Ferrol en loita, ante unha situación que se está volvendo insostíbel. Despois da significativa mobilización da noite do pasado Venres, 29 de Novembro. De novo as traballadoras e traballadores das comarcas saíron á rúa para protestar e esixir solucións a unha zona deprimida e en declive industrial e social. Ferrol e a súa contorna esmorece porque os gobernos queren. Basta xa de enganos e falsas promesas, non poder ser que tanta mentira de gobernos corruptos, tanta farsa,  ...a resposta debería ser sostida e adecuada.  Resistencia, rebelión e contundencia.

A manifestación comarcal, foi un acto reivindicativo e de unión popular ante tanta incompetencia. As palabras de Manuel Rivas  que viñeron a unir a denuncia de 'Nunca Máis' coas esixencias dunha poboación farta de tanta falsidade e abandono, viñeron lembrar que a nosa forza reside na razón, na unión e na loita. "O pobo unido xamais será vencido".

Unha vez finalizada a manifestación comarcal, os Comités de Navantia de Ferrol e Fene, así como os delegad@s de persoal e comités de compañías auxiliares, pecharon-se no Pazo Municipal de Ferrol. Até o martes, 3 de Decembro, que está previsto que finalice o peche ás 11 da mañá, coincidindo coa convocatoria dunha Asemblea Popular que se celebrará na Praza do Concello, á que asistiran as traballadoras e traballadores dos dous estaleiros. Na Asemblea Popular informara-se do acontecido na xuntanza de Madrid, entre o Comité Intercentros e a Dirección de Navantia, na cal agardaba-se que se presentara o anunciado Plano Estratéxico 2014-2018, hoxe Luns 2 de Decembro.


A noticia nos medios:
  • Ferrolterra volve clamar por unha solución para o naval | Praza Pública.
  • Un encerro no Concello pon fin á multitudinaria protesta do naval | Diario de Ferrol.
  • Ferrol sae á rúa |Radio Fusión.
  • Ferrol bótase á rúa para esixir solucións ao drama do sector naval | Ferrol 360.
  • Multitudinario apoio de Ferrolterra á manife polo naval e futuro da comarca | SermosGaliza.
  • Multitudinaria protesta contra a morte do naval e de Ferrol | Miles de persoas botáronse á rúa pola falta de traballo no sector | La Voz de Galicia.
Fotos da da galería: A. C. Fuco Buxán.

Centrais Sindicais:
______

sábado, novembro 30, 2013

Ferrol Terra Esixe Solucións - Miles de persoas concentraron-se na Praza do Concello nunha especial noite de difuntos, de denuncia e de reivindicación - Vídeo


Unha noite de "defuntos" para unha comarca agonizante. Os traballadores e traballadoras de Navantia remataba o seu feche nos estaleiros para reunirse coa cidadanía que hoxe decidiu participar na vixilia organizada polos sindicatos. A negra sombra das reconversións, a mesma que leva baleirando esta Comarca, convertendo a Ferrol nunha cidade pantasma, erguese ameazante neste final do 2013, en forma de plan estratéxico. A multinacional The Boston Consulting Group é a encargada de elaborar este plan de privatización e desmantelamento dos estaleiros públicos de Ferrol e Fene. O currículum desta consultoría estadounidense, está marcada precisamente por esta habilidade destrutora. Mentres, en Ferrol Terra quéntanse motores para a gran manifestación que percorrerá a cidade o domingo, onde confluirán as manifestacións de Nunca Mais e a defensa dos estaleiros.



http://youtu.be/H5iT6TqJqOM

Centrais Sindicais: __________________