Amosando publicacións coa etiqueta BNG. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta BNG. Amosar todas as publicacións

sábado, febreiro 27, 2021

O BNG comeza unha campaña demandando a transferencia e gratuidade da AP9 - O sábado 27 de febreiro, vaise realizar unha acción informativa/reivindicativa en todas as entradas-saídas da Autoestrada - Na nosa Comarca pola mañá ás 11:30 hs, en Pontedeume-Cabanas, Fene, Neda, Narón e Ferrol - E o domingo 28 Caravana en Coruña


O BNG comeza unha campaña demandando a transferencia e gratuidade da AP9

Ferrolterra non pode aturar máis a aldraxe e estafa da AP9


Unha representación do BNG nos diversos concellos da comarca -encabezada polo deputado no Parlamento Galego, Ramón Fernández "Mon"- explicaron hoxe nas proximidades da AP9 as razóns e o contido da campaña que nos vindeiros días vai desenvolver o BNG ao respecto do impacto da AP9 nas comunicacións e na economía comarcal; así como para demandar o cumprimento por parte do goberno do Estado dos compromisos que foran asumidos hai agora un ano, canda o apoio do BNG á investidura de Pedro Sánchez.

Sobre esta situación, Mon Fernández fixo alusión á situación de "aldraxe estafa que supón a AP9 para o conxunto da cidadanía e, moi especialmente, para o desenvolvemento das actividades económicas” facendo fincapé en que “nunha situación de emerxencia coma a que vive a nosa comarca, o que está a facer a AP9 é empobrecer aínda máis as nosas economías”.

Ao respecto das iniciativas a desenvolver nos vindeiros días, o deputado do BNG fixo referencia “ás mocións que o BNG está a presentar nos diversos concellos da comarca para demandar o fin desta aldraxe, demandando a transferencia e o cumprimento que o goberno central está a incumprir, non co BNG, senón coa cidadanía galega

Ao mesmo tempo, o vindeiro sábado 27 de febreiro vaise realizar unha acción informativa/reivindicativa en todas as entradas-saídas da AP9 na nosa comarca.

Sábado día 27 de febreiro ás 11.30 horas.

Serán en:

✅ Ferrol (na entrada da autopista do porto, ao pé da pasarela peatonal).
Narón (entrada na AP-9).
Neda (na curva do Regueiro).
Fene (na rotonda de Vilar do Colo) e en Cabanas (ao carón da rotonda da entrada á AP-9).


O domingo Caravana pola rebaixa das peaxes da AP-9

Este domingo 28 organizamos unha caravana de coches pola rebaixa das peaxes da AP-9. Participa! 🙋‍♀️

⏳ Hora: ás 11h.
📌 Punto de reunión: aparcadoiro da Facultade de Informática (A Coruña).
📌 Punto de chegada: Delegación do goberno español.

Abonda xa! O goberno español non cumpre con Galiza.



Ferrol | Web | Facebook | Twitter.


Ferrolterra | Web.



Enviado por:
Inácio GZ
-inaciogz@gmail.com-
25 de fevereiro de 2021 20:50


______ _______

martes, febreiro 23, 2021

As forzas nacionalistas exixen coñecer a verdade sobre o golpe de Estado do 23-F - Nestor Rego critica a tentativa de 'branqueamento' da monarquía


As forzas nacionalistas exixen coñecer a verdade sobre o golpe de Estado do 23-F . | Felipe VI reivindica o papel do rei Juan Carlos en defensa da democracia

O 40 aniversario do golpe do 23 de febreiro de 1981 marcou esta terza feira a actualidade política do Estado español. O acto central da xornada desenvolveuse no Congreso dos Deputados, nun acto presidido polo rei, Felipe VI, e onde participaron as formacións que conforman o Executivo de coalición, así como as principais organizacións políticas do ámbito estatal, como o Partido Popular, Ciudadanos e Vox. No marco do mesmo, Felipe VI reivindicou o papel do rei Juan Carlos I en defensa da democracia e destacou o seu rol para parar o golpe de Estado.

Ante aquela inaceptábel fractura da lexítima e legal orde democrática, o rei Juan Carlos I asumiu como xefe do Estado a súa responsabilidade e o seu compromiso para que se tomaran ‘todas as medidas necesarias para manter a orde constitucional dentro da legalidade vixente”, destacou o monarca, quen fixo unha defensa fechada do texto da Constitución española de 1978. Así, afirmou o seu compromiso “máis firme e forte que nunca” coa norma e aproveitou a ocasión para expresar a “inequívoca vontade da Coroa de ser unha institución que inclúa, integre e una todos os españois”.

A ‘ruptura democrática co réxime do 78’

As forzas nacionalistas asinantes da Declaración de Llotja de Mar desmarcáronse do acto e aproveitaron a data para facer público un manifesto onde apostaron “pola ruptura democrática”. Así, un texto asinado polo BNG, CUP, EH Bildu, ERC, Junts per Catalunya e PDeCAT, reclama a “ruptura democrática co réxime do 78, o cal supón a negación nacional e social dos dereitos e liberdades das nosas sociedades e os nosos pobos. O réxime do 78 e os piares que o sosteñen son o cadeado que impide que a cidadanía catalá, vasca, galega, así como as clases populares deste Estado, avancemos cara a un escenario democrático baseado na liberdade nacional e a xustiza social”.

Hai hoxe 40 anos, tras os acontecementos do 23-F, unha operación de Estado reforzou e blindou os piares e valores do réxime estabelecido na mal chamada transición democrática española, coa figura do Rei e o Exército como os seus maiores garantes. Piares e valores antidemocráticos de onde nacen a represión, a desigualdade, a inxustiza, a corrupción, a conculcación de dereitos e o recorte de liberdades que se manteñen até o día de hoxe”, sinalan as formacións asinantes do manifesto, quen cuestionan o relato oficial sobre o golpe e discrepan sobre o papel xogado no mesmo polos aparatos do Estado.

Máis aló da versión oficial, existen fundados indicios de que o golpe de 23 de febreiro foi algo planificado e orquestrado non por catro militares descontentos, senón por toda unha operación de Estado que permitese salvar o réxime do 78 até os nosos días. É hora de coñecer todo o ocorrido en nome da verdade e a memoria democrática”, afirman no seu chamado as organización nacionalistas, quen deron conta da presentación "dunha iniciativa conxunta para esixir que, 40 anos despois do 23-F, se coñeza con exactitude cada documento, cada gravación, cada información significativa que obre en poder do Estado español e que achegue 'luz e taquígrafos' aos verdadeiros acontecementos que alumaron o golpe”.

Rego critica a tentativa de "branqueamento" da monarquía

O portavoz do Bloque Nacionalista Galego no Congreso dos Deputados, Néstor Rego, foi un dos parlamentarios que non participou dos actos oficiais en lembranza do 40 aniversario do golpe de Estado. En declaracións a Nós Diario, afirma que “as forzas soberanistas e republicanas que estivemos aquí non queríamos participar de ningunha maneira nun acto que ten como obxectivo fundamental o branqueamento desta monarquía anacrónica e corrupta”. “Porque non é que haxa dúbidas sobre o papel do Borbón naquela altura”, continúa Rego, “o que hai son evidencias da súa participación nun golpe de Estado do que se apeou cando viu que fracasaba e, en todo caso, é cuestionábel que fracasase totalmente porque serviu para aprobar a Lei orgánica para a harmonización do proceso autonómico e marcar os límites da democracia”.

Relacionados

Nós Diario - 23.02.2021 | 23-F: o soberanismo defende no Congreso a “ruptura” coa “herdanza, privilexios e bases do Réxime do 78”. | Formacións vascas, catalás e galegas exixen “luz e taquígrafos” sobre o ocorrido no Golpe de estado do 23 F. | Ir á Web.|

Publicado en Nós Diario. | 23 de febreiro de 2021.

Enviado por:
Inácio GZ
-inaciogz@gmail.com-
23 de fevereiro de 2021 19:43

_______

venres, febreiro 19, 2021

Ana Pontón explicou en Ferrol os proxectos para o sector enerxético e industrial recollidos no 'Xerar Futuro, Galiza Next' por valor de 1.162 millóns de euros - Aposta por converter Galiza en líder de enerxías renovables e eco-sociais, tendo en conta que o País é unha potencia en produción de electricidade - Pon como obxectivo que a industria represente o 25% do PIB en 2030 - BNG propón un centro de almacenamento de enerxía nas Pontes dentro dos proxectos financiables con fondos europeos


BNG elixiu Ferrol para presentar as súas propostas para reactivar o sector industrial e enerxético que recolle no documento 'Xerar Futuro, Galiza Next', programa presentado pola formación nacionalista para mobilizar un investimento de 14.380 M€ en dez anos, con cargo aos fondos de recuperación europeos, cifra da que 1.162 M€ son para poñer en marcha as actuacións relativas a eses dous sectores.

En relación ao sector enerxético o investimento os proxectos suman 412 M€ para unha estratexia que ten como obxectivo converter Galiza en líder en enerxías renovables e eco-sociais, “tendo en conta que somos unha potencia en produción eléctrica”, explicou a portavoz nacional, Ana Pontón, durante a presentación.

Como punto de partida, o Bloque aposta por unha planificación dese o público, e para iso propón unha empresa pública de enerxía cun capital de 50 M€, “desde a que dirixir a transformación enerxética e marcar a estratexia que lle permita a Galiza beneficiarse do feito de ser produtora neta de electricidade. O rescate das concesións hidroeléctricas sería un dos obxectivos desta empresa pública”, indicou.

Outra das propostas é a posta en marcha dun Centro de almacenamento de enerxía cun investimento de 100 M€, “porque a capacidade para almacenar enerxía é unha cuestión clave para afrontar a descarbonizción e unha transición enerxética xusta”, indicou Pontón, quen tamén explicou porqué este centro debe  estar no concello das Pontes.

É a localización perfecta pola súa experiencia no sector enerxético e pola urxencia de darlle alternativas ao peche de ENDESA. Noutras palabras, convertamos a transición enerxética nunha oportunidade, de tal xeito que as instalacións do centro de almacenamento vaian en paralelo á instalación de fontes renovables no propio concello”, salientou.

Entre as proposta enerxéticas, a constitución de Comunidades locais de enerxías renovables, -figura xurídica que xa existe na UE-, cun investimento  de 212 M€, “para avanzar no beneficio social da enerxía entendida como un ben público e non como mercadoría con beneficios millonarios para un puñado de multinacionais”, indicou a líder nacionalista, “promovendo un sistema máis eficiente, máis xusto e colaborativo dos recursos enerxéticos”.

En canto ás medidas para impulsar o sector industrial, 'Xerar Futuro, Galiza Next' parte da premisa de que este País precisa con urxencia unha estratexia industrial capaz de xerar valor engadido e emprego nos sectores con máis potencial: naval, automoción, aeroespacial, robótica, químico-farmacéutico, forestal, agrogandeiro e mar-industria.

Plan de fomento da actividade tecnolóxica e industrial

O obxectivo deste plan é conseguir que no prazo dunha década o sector industrial aporte o 25% do PIB galego, e para iso propoñemos un Plan de fomento da actividade tecnolóxica e industrial a dez anos e cun investimento de 1.250 M€, para a promoción dun tecido industrial orientado á creación de valor engadido e emprego de calidade”, indicou.

Destacou a proposta dun centro de reparación naval na Ría de Ferrol, unha vella demanda que se pode financiar con cargo aos fondos europeos de recuperación.

Non me canso de dicilo, se algo precisa esta comarca é compromiso político para poñer en marcha unha estratexia de futuro.  E no relativo ao sector naval, o problema de fondo sigue aí: o acceso á construción naval civil, vetada na práctica, e non hai ningunha folla de ruta para captar carga de traballo nas reparacións, na eólica mariña, en carenas e outros nichos de mercado dentro deste sector”, argumentou.

Plan de rexeneración produtiva das rías


Pontón tamén explicou o Plan de rexeneración produtiva das rías, cun investimento de 1.096 M€, un dos plan estratéxicos de 'Xerar Futuro, Galiza Next'.

Un proxecto de país que ten por obxectivo a recuperación integral dun ecosistema único, xerador de riqueza e de emprego, que recolle actuacións en tres áreas: rexeneración e recuperación ambienta, investigación científica e comercialización e transformación”, explicou.

No ámbito da recuperación ambienta inclúe recuperar todas as rías máis contaminadas, completar e modernizar a rede de saneamento dos concellos a carón das rías, que deben ter unha depuración integral das augas residuais, recuperación de espazos danados por obras públicas para restablecer no posible á situación previa e rexeneración dos fondos das rías a través das necesarias dragaxes adaptadas as necesidades de cada ría.

En definitiva, 'Xerar Futuro, Galiza Next' “é unha proposta do BNG para converter esta crise nunha oportunidade, para conseguir que tras a pandemia emerxa a Galiza do futuro: unha Galiza ecolóxica, científica, social e feminista”, concluíu Pontón unha presentación na que tamén participou o deputado de Ferrol Ramón Fernández e o portavoz municipal, Iván Rivas.


Hoxe a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, presentou en Ferrol as propostas para o sector industrial e enerxético recollidas no programa 'Xerar Futuro, Galiza Next' | Acceder/Baixar.

Ademais do mencionados que presentaron o acto, Iván Rivas e Mon Fernández, este contou coa presenza de persoas relatoras das propostas como Kiko da Silva e Xosé Manuel Golpe, ademais de representantes do BNG das comarcas.

#UnhaNovaGaliza está por chegar #GalizaNext.

Fonte: BNG | 19 feb. 2021 - 14:07

Bloque Nacionalista Galego
Avda. Rodríguez de Viguri, 16 baixo
15703 Santiago de Compostela - GALIZA
Correo: sedenacional@bng.gal - Teléfono: 981555850
Web: https://www.bng.gal/

Enviado por
Inácio GZ
-inaciogz@gmail.com-
17 de novembro de 2020 18:08

_______

domingo, xaneiro 31, 2021

BNG denuncia no Congreso o procedemento de contratación do servizo de mantemento de Navantia Ría de Ferrol - Néstor Rego destacou que os pregos elaborados pola empresa pública para a contratación deste servizo conteñen unha división do mesmo en oito lotes e ao mesmo tempo limitan a un máximo de dous os lotes por adxudicatario, o que suporá a fragmentación obrigada na prestación do servizo


O portavoz do Bloque Nacionalista Galego no Congreso, Néstor Rego, vén de instar o Goberno español a paralizar o procedemento de contratación do servizo de mantemento no centro de Navantia Ría de Ferrol e a elaboración duns novos pregos que promovan a prestación do servizo por un único adxudicatario. Iniciativa que tamén será debatida no Parlamento Galego a instancia do deputado nacionalista Ramón Fernández Alfonso.

O BNG advirte que vai provocar a división do cadro de persoal que viña prestando este servizo desde o ano 2016. Os pregos elaborados pola empresa pública para a contratación deste servizo conteñen unha división do mesmo en 8 lotes e a limitación para os licitadores que concorran ao procedemento a seren adxudicatarios de máximo 2 lotes.

Néstor Rego salientou que “a ninguén relacionado co sector na comarca de Ferrol se lle escapa que este é precisamente un dos obxectivos que a dirección de Navantia persegue con estas medidas, coa intención de debilitar a capacidade de resposta dun cadro de persoal que se ten significado na defensa dos seus dereitos colectivos”.

Esta división responde a unha interpretación perversa da Lei de Contratos do Sector Público que, aínda que permite a división, establece que non se aplique cando a realización independente das prestacións dificulte a correcta execución do contrato do punto de vista técnico, ou que o risco para esa correcta execución proveña da necesidade de coordinar as diferentes prestacións realizadas por unha pluralidade de contratistas diferentes. “Resulta evidente que a prestación do servizo de mantemento, básico para a produción, por distintos contratistas vai causar discrepancias, descoordinación e retrasos. Non hai causas técnicas nin xurídicas que avalen esta división, só pode apreciarse un intento de penalizar ao cadro de persoal e por en risco a súa continuidade” declarou Rego. “Tamén avala esta tese que o centro de Navantia Ría de Ferrol sexa o único que licita o contrato por lotes, mentres que o resto seguen a manter a unidade no servizo” continuo o deputado nacionalista.

En definitiva, o BNG considera que non existe xustificación para a fragmentación en lotes do contrato, e entende que debe apostarse pola prestación do servizo a través de un único adxudicatario, pois favorece a polivalencia funcional do persoal, evita a subactividade e ao mesmo tempo reduce os custos indirectos de estrutura. É dicir, implica unha maior estabilidade no emprego para os traballadores e traballadoras, e unha garantía de calidade na prestación do servizo.

Fonte: BNG. | 29 xan. 2021 - 15:24
_______

sábado, xaneiro 23, 2021

BNG presenta o proxecto de Recuperación Produtiva das Rías Galegas cun investimento de 1.096 millóns de euros, un proxecto de país, de 1.096 millóns de euros de orzamento, con cargo aos fondos UE-Covid, que beneficia de cheo á economía real, con gran impacto en termos de emprego e de cohesión social de norte a sur - Vídeo


Ana Pontón: “É un proxecto de país, con cargo os fondos UE-Covid, que beneficia de cheo á economía real, con gran impacto en termos de emprego e de cohesión social de norte a sur

✔ Levará a proposta á Comisión parlamentaria de reactivación para obter o respaldo dos outros grupos da Cámara.

✔ Inclúe medidas en materia ambiental, no ámbito da investigación científica e para a dixitalización, comercialización e transformación do sector do mar.

O BNG presenta o Proxecto de Recuperación Produtiva das Rías Galegas. É un proxecto de país, de 1.096 millóns de euros de orzamento, con cargo aos fondos UE-Covid, que beneficia de cheo á economía real, con gran impacto en termos de emprego e de cohesión social de norte a sur.



[FONDOS NEXT GENERATION]

A portavoz nacional, Ana Pontón, presentou na Coruña o Proxecto de Rexeneración Produtiva das Rías Galegas cun investimento de 1.096 M€, como proposta para ser financiada con cargo aos fondos de recuperación europeos. A líder do BNG salientou que se trataba “dun proxecto de país que beneficia de cheo á economía real, a un sector produtivo estratéxico e de enorme repercusión en termos de empregos e de cohesión social de norte a sur”.

A proposta ten como obxectivo a recuperación integral dun ecosistema único, xerador de riqueza e de emprego, e recolle actuacións en tres áreas: rexeneración e recuperación ambiental, investigación científica e dixitalización, comercialización, e transformación do sector produtivo derivado das rías, explicou Pontón, quen avanzou que trasladará a proposta á Comisión parlamentaria de reactivación económica e social, para recabar o apoio das outras forzas políticas.

Trátase, indicou, dun proxecto en consonancia coas políticas definidas pola UE para obter fondos de recuperación. En concreto, encaixa en tres liñas prioritarias para acceder ás axudas: conservación e restauración de ecosistemas e da súa diversidade; preservación do espazo litoral e dos recursos hídricos e transformación e dixitalización da cadea loxística do sistema agroalimentario e pesqueiro.

O obxectivo é conseguir a recuperación ambiental integral e produtiva das rías para crear riqueza e emprego de calidade no complexo mar-industria. Todo acompañado da investigación científica oportuna e da transformación, dixitalización e comercialización da actividade marisqueira, e desde a colaboración público-privada”, explicou Pontón.

O Next Generation supón para o Estado 72.000 M€ a fondo perdido e a posición do BNG articúlase en tres premisas: Galiza debe recibir un mínimo de 12.600 M€ deses fondos, a xestión directa dos mesmos e que as axudas cheguen aos sectores máis impactados, ao tecido empresarial de pequenas e medianas empresas que sustentan o emprego e non ás multinacionais do IBEX.

As medidas no ámbito da recuperación ambiental supoñen o groso do investimento, pois absorben 950 M€ do total, e inclúen actuacións para suprimir todas as zonas C, aquelas nas que a contaminación impide o consumo do produto. Ademais, medidas para completar e modernizar a rede de saneamento en todos os concellos a carón das rías, esixencia que tamén deben cumprir as industrias.

Trátase de evitar que chegue ao mar ningún tipo de contaminación biolóxica, química ou física. Lamentablemente, as 18 rías galegas, toda e cada unha delas, precisa de actuacións en materia de saneamento, en maior ou menor medida”, salientou.

Tamén se inclúe recuperar os espazos danados por obras públicas, en particular de infraestruturas portuarias, viarias ou industrias en desuso; a rexeneración dos fondos a través das necesarias dragaxes adaptadas a cada caso, e o control dos ríos como principal fonte de auga doce e de nutrientes esenciais para a produtividade marisqueira.

Consorcio de investigación

A investigación científica é a segunda pata do proxecto cun investimento de 59 M€ , pois é a base para rexenerar e incrementar a produción das rías. Entre as medidas incluídas, a creación dun consorcio que coordine todos os centros de investigación relacionados co sector para dispoñer do maior complexo científico e tecnolóxico europeo de estudo e coñecemento do mar.

Igualmente, proxectos para a recuperación das zonas improdutivas ou de baixo rendemento, plans de explotación, crear bancos de semente autóctona para bivalvos a modo de granxas de produción de semente, desenvolvidas por un ente mixto conformado polo sector e pola Xunta. A investigación tamén pasa por un proxecto de control de doenzas e de especies invasoras así como pola reciclaxe e aproveitamento dos refugallos de bivalvos.

Sociedade público-privada para a comercialización

En relación á dixitalización, transformación e comercialización, o proxecto propón unha sociedade público-privada para a promoción e comercialización que poña en valor o produto das rías, -marisco, peixe fresco, conserva e produtos transformados-, tanto dentro como fora do país. Tamén, unificar as lonxas, ampliar mercados e a posibilidade da venda directa. Para estas medidas o proxecto suma un investimento de 29 M€.

Presentamos un proxecto esencial para Galiza que permitirá aproveitar os fondos europeos para a reactivación económica e social, un proxecto capaz de contribuír a saír da crise da COVID, revalorizando a nosa riqueza produtiva nun para xerar emprego nun sector estratéxico”, concluíu, nun acto no que tamén interveu o portavoz municipal, Francisco Jorquera, e coa presenza da deputada pola Coruña, Mercedes Queixas, da portavoz en Bruxelas, Ana Miranda, do deputado Nestor Rego, e da portavoz parlamentaria de pesca, Rosana Pérez.

Enlace ao documento: Proxecto para a Recuperación Produtiva das Rías Galegas. | 12 páxinas en formato pdf.  | Acceder/Baixar.

https://www.bng.gal/

Bloque Nacionalista Galego
Avda. Rodríguez de Viguri, 16 baixo
15703 Santiago de Compostela
GALIZA
CIF: G32014003
Correo: sedenacional@bng.gal
Teléfono: 981555850
Sigue ao BNG polo WhatsApp.

Enviado por:
Inácio GZ
-inaciogz@gmail.com-
22 de janeiro de 2021 17:47

_______

sábado, decembro 12, 2020

Acto homenaxe a Carvalho Calero en Ferrol, hoxe sábado 12 de decembro, ás 12 do mediodía, ao pé da súa casa natal en Ferrol Vello, organizado polo BNG

Acto homenaxe a Ricardo Carvalho Calero

A RAG desbotou trasladar ao ano 2021 a conmemoración do ano Carvalho Calero tal e como reivindicaba o tecido cultural galego, organizacións políticas como o BNG e institucións públicas como o Concello de Ferrol ou o Parlamento de Galiza.

Esta decisión só se explica desde o interese da RAG por pechar en falso os actos conmemorativos dun autor, como é Ricardo Carvalho Calero, desprezado pola oficialidade cultural polas súas posicións políticas e lingüísticas. Neste contexto é onde tamén se explica a decisión de celebrar en Compostela os actos oficiais de homenaxe, previstos para este sábado día 12, cando nunca un autor ou autora designado para conmemorar o Día das Letras Galegas foi homenaxeado fora do seu lugar de nacemento.

Por este motivo desde o BNG de Ferrol promovemos a celebración dun acto de homenaxe e reivindicativo da figura de Ricardo Carvalho Calero na nosa cidade a celebrar o vindeiro sábado 12 de decembro ás 12 horas ao pé da súa casa natal.

O acto que celebraremos cumprindo as medidas de seguridade que nos impón a Covid -19, uso de máscaras e distancia de seguridade.

BNG Ferrol.

Ferrol | Web | Facebook | Twitter.


bng@ferrol.es

_______

domingo, outubro 25, 2020

O BNG acusa ao goberno local de negarse a abordar o problema de fondo do saneamento, diante das declaracións feitas polo Alcalde considera que Angel Mato está a eximir de responsabilidade, coas súas omisións, tanto ao Ministerio de Fomento como á Xunta


O Bloque Nacionalista Galego de Ferrol diante das declaracións feitas esta mañá polo Alcalde considera que Ángel Mato está a eximir de responsabilidade, coas súas omisións, tanto ao Ministerio de Fomento como á Xunta, responsábeis principais dun sistema de saneamento inasimilable para a cidade.

O BNG censura que por parte do goberno municipal non se queira abordar o problema de fondo do saneamento e se limite a discutir a porcentaxe que debe pagar sen poñer en dúbida o modelo, nin a forma de xestión e indícalle que a mellor maneira de deixar de pagar o 100% polos custos de saneamento é devolverlle a EDAR ao seu propietario Augas de Galiza.

Iván Rivas, portavoz municipal do BNG, indicou que o convenio con ACUAES debe rectificarse desde tres perspectivas. A primeira, a que ten que ver co computo das porcentaxes de consumo, nas que Ferrol está moi lonxe de supoñer o 70% destas.

A segunda , e que ignora o Alcalde da cidade, é que desde o Mº Fomento se pretende que os ferroláns e as ferrolás pasen a pagar o 25% dunhas obras que cando se asinou o convenio se limitaba ao 10% e que debería asumir integramente o Estado por tratarse dunha obra declarada de interese xeral en 1997.

Isto acontece por responsabilidade exclusiva de ACUES que rematou as obras en 2017, cando o seu compromiso era ter todo rematado en decembro de 2015, e produto deste atraso perdeu parte da financiamento da UE, algo que o goberno local obvia.

E a terceira, ten que ver con que o modelo de saneamento escollido incumpre todo o marco legal que existe ao redor dos sistemas de depuración, mesturando augas pluviais e fecais e que supón uns custes medioambientais e económicos que o actual Alcalde tamén ignora.

Para o BNG compre reclamar ao Ministerio de Fomento o firme compromiso económico para transformar a actual infraestrutura en separativa dado que foi exclusivamente o Estado o responsable da súa construción, pero que pretende que paguemos todos e todas as ferrolás.

Por outra parte hai que lembrar que ACUAES non ten ningún contrato para xestionar os interceptores e os tanques de tempestades e por tanto os importes a aboar deberían ser valorados por este concello previamente a facer efectivo o seu pago, tanto os derivados da construción das obras como os derivados da súa xestión.

Do mesmo modo a mellor maneira de resolver o conflito con Narón é entregar a depuradora ao seu lexítimo propietario, Augas de Galicia, deixando de pagar o 100% da depuración. Deste modo Augas de Galicia emitirá unha factura a cada concello de maneira independente. A partir de aí o concello de Ferrol decidirá aboar ou revisar esa factura pero cando menos pero deixaremos de pagar o 100% dos custes como acontece desde 2014.

Hai que lembrar que ademais de asumir o 100% dos custes de depuración , en base a este convenio eximimos do pago dos tributos correspondentes por esta infraestrutura ao seu propietario, Augas de Galicia e ao seu xestor, EMAFESA, e os veciños e veciñas pagan o custe da reparación dunha EDAR defectuosa que non podía funcionar cando se nos entregou.

O convenio con Augas de Galicia é anual, e por tanto compre que o goberno local deixe sen efecto este convenio o antes posible para evitar ter que seguir asumindo uns custes que non nos corresponden.

Ferrol a, 22 de outubro, de 2020.

Ferrol | Web | Facebook | Twitter.


bng@ferrol.es





Enviado por:
Inácio GZ
-inaciogz@gmail.com-
23 de outubro de 2020 11:07

_______