Amosando publicacións coa etiqueta CCOO. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta CCOO. Amosar todas as publicacións

venres, xaneiro 22, 2021

CIG, CCOO e UGT convocan folga xeral en Ferrolterra, Eume e Ortegal para o 25 de febreiro, para esixir dos Gobernos medidas inmediatas que permitan reverter a desindustrialización e a perda de emprego nestas comarcas


25 de Febreiro de 2021
Folga Xeral nas comarcas
Ferrolterra, Eume e Ortegal


Dada a situación de emerxencia social e económica, os sindicatos CIG, CCOO e UGT acordaron convocar unha xornada de folga xeral nas comarcas de Ferrolterra, Eume e Ortegal para o vindeiro xoves 25 de febreiro, á que chaman a secundar a toda a clase traballadora e toda a cidadanía da bisbarra.

"Son os propios acontecementos os que nos levan a esta convocatoria, acontecementos dos que viñamos alertando, e mesmo denunciando, a través de mobilizacións como a cadea humana realizada o pasado 17 de decembro", explican dende as tres centrais sindicais.

A progresiva desindustrialización e destrución de emprego, o incremento das exclusión e a falta de proxectos de futuro son un feito palpábel: Endesa sen alternativa, Gamesa pechada na práctica, o naval sen carga de traballo, o peche continuo de empresas e negocios etc., "coa conseguinte perda de postos de traballo e recursos económicos e sociais".

As comarcas precisan "feitos concretos"

Unha situación que necesita de solucións urxentes, "que existen e que ademais están máis que discutidas e plasmadas en centos de documentos". Por iso, para as centrais sindicais está nas mans do Goberno galego e do Goberno español poñer en marcha de inmediato esas solucións que dependen da vontade política.

"Esa é a nosa esixencia, non caben máis demoras, non caben máis debates estériles, só cabe actuar, e iso é o que demandamos, carga de traballo para o naval, unha transición ecolóxica xusta sen perda de postos de traballo, proxectos de enerxías renovábeis que leven acompañados proxectos industriais, infraestruturas que nos deben dende hai décadas, inversións que atarían proxectos industriais etc", aseveran.

Advirten que xa se acabou "o tempo das promesas e das milongas" e o que precisan as comarcas son feitos concretos "e non imos parar até conseguilos".

"Non estamos dispostos a asumir que as nosas comarcas morran por inanición, non sen pelexalo. É por isto o noso chamamento á Folga Xeral, ferramenta dura pero necesaria, porque nos xogamos existir ou non existir, xogámonos poder compartir a vida cos nosos fillos e fillas e cos veciños e veciñas, ou asumir que teñen que emigrar. Xogámonos un dereito fundamental, poder vivir e traballar dignamente na nosa terra e, como tal dereito, temos que defendelo".

Fonte: Avantar.
_______

mércores, decembro 30, 2020

Co mantemento non se xoga - Comunicado da posición de CCOO sobre a licitación do mantemento en Navantia e a súa afectación no empreg

Co mantemento non se xoga

CCOO Industria Ferrol critica taxantemente as políticas de subcontratación de Navantia e o claro ataque aos dereitos d@s traballadores/as e a representatividade sindical.

Existen estratexias agochadas tralos procedementos de licitación axeitados aos obxectivos de prexudicar claramente aos colectivos que máis dereitos teñen ou máis forza por estaren organizados e combate-las inxustizas que contra eles se practican.

Neste caso na licitación do contrato de mantemento da Ría de Ferrol, na anterior licitación saíu por lotes, pudendo agrupalos á hora de ofertar e como así foi, levar a meirande parte unha empresa. Observamos que no resto de centros de Navantia licitacións posteriores foron en bloque, sen dividir en lotes e tendo a mesma cantidade de traballos e mesmo en algún centro maior contido e maior presuposto.

Rememoramos dende CCOO que o ano 2019 dende o 23 de setembro ata o 10 de outubro este plantel loitou contra 15 despidos cunha folga indefinida coa que se acadou a readmisión destes compañeiros. Unha folga que paralizou traballos pola falta de mantemento. A Dirección xa por aquel entón loitou de xeito ilexítimo para facer fracasar a folga e non o acadou, e agora quere tomar as represalias na licitación.

O resultado que a Dirección de Navantia quere é dividir a este plantel en diferentes empresas o que comparando con outros centros e sabendo que a división en máis empresas repercutirá na necesidade de máis recursos, menos capacidade de xestionar os picos ou baixadas de traballo e na capacidade de atender as avarías como ata agora. E dende CCOO entendemos que non é necesario ter que argumentar a importancia do mantemento e da atención urxente de calquera tipo de avaría.

Existirá un reparto do persoal entre as diferentes empresas que vai a supoñer que este ano en función dos traballos que sexan adxudicados a cada empresa algún traballador se non se consigue carga de traballo de xeito urxente ou ben por baixada de traballo ou pola intención de Navantia de recuperar traballos pode ver perigrar o seu posto de traballo e o seu dereito de subrogación acadado no vixente convenio do metal asinado por este sindicato.

Polo tanto, instamos a que se revise o modelo de contratación e a imperiosa necesidade de abrir a Comisión Central de Auxiliares cos temas de calado que requirimos nesta Factoría e levan anos prexudicando a meirande parte de traballadores que entran cada día neste centro de traballo, a un e outro lado da Ría.

Así mesmo, se Navantia quere mostrar boa fe respecto desta licitación pode garantir o emprego prioritario deste persoal no mantemento, é dicir, calquer situación que repercuta no emprego destes compañeiros supoña a contratación en calquera das outras empresas de mantemento que resulten adxudicatarias evitando deste xeito a realización de horas extras ou a realización destes traballos por persoal non subrogado mentres o actual subrogado é despedido.

Este plantel require respostas e solucións á súa situación que foi vantaxosa dende que CCOO conseguiu este convenio e agora esta Dirección quere fulminalo por outra vía. Daremos traslado desta proposta á Comisión de Auxiliares para que a traslade á Dirección e se non temos resposta pasaremos á ofensiva.

Estas propostas foron consensuadas no día de hoxe en asemblea por CCOO Industria Ferrol cos afiliados e simpatizantes deste colectivo e co apoio manifestado polo Secretario Xeral de CCOO de Navantia Ferrol de que se loitará nese sentido dende a Sección Sindical.

Ferrol a 30 de decembro de 2020

CCOO Industria Ferrol
                                  
Enviado por:
ROBERTO VILLASUSO VAZQUEZ
-rvillasuso@industria.ccoo.es-
30 de dezembro de 2020 18:22

_______

sábado, decembro 12, 2020

Folga Comarcal o 17 decembro, ante a situación de emerxencia social e económica que están a padecer as nosas comarcas - Un paro parcial xeral, entre as 10 a 14 horas, convocada polas centrais sindicais CC.OO., UGT e CIG


Os Sindicatos CC.OO., UGT e CIG, dada a situación de emerxencia social e económica que están a padecer as nosas comarcas, tomamos a decisión de facer unha mobilización para o próximo día 17 de decembro, con chamamento a toda a cidadanía, na demanda de solucións urxentes que permitan reverter esta situación. Unha situación que se está a plasmar no día a día, co peche continuo de empresas e negocios, o baleiro que se presenta no sector naval, así como a ameaza que pende sobre Endesa e Gamesa, Sertor mariqueiro, Hostelería, Comercio, etc, coa consecuente perda de postos de traballo e recursos económicos e sociais.

- A folga será o día 17 de decembro (xoves) desde as 10:00 ata as 14:00 horas.

- Se creará unha cadea humana desde a Praza de Armas de Ferrol ata o Concello de Narón, atravesando toda a Estrada de Castela, de 11:00 a 13:00 horas.

- A convocatoria afecta a todos os sectores económicos da Comarca Ferrol-Eume-Ortegal.

- O obxectivo da folga é facilitar a todos os traballadores e traballadoras das citadas comarcas a asistencia a mobilización.

Pola Comarca!!!!!

O 17 de decembro, ás 11 horas.

Cadea humana entre os Concellos de Ferrol e Narón.

Todos e todas á Estrada de Castela.

ÚNETE!!!!

Enviado por:
Inácio GZ
-inaciogz@gmail.com-
3 de dezembro de 2020 16:01

_______

martes, decembro 08, 2020

Ante a situación do estaleiro, a Sección Sindical CC.OO. Navantia Ferrol, chama á mobilizacións e outras medidas de presión



Mobilizacións e outras medidas de presión


A sección sindical de CC.OO. en Navantia Ferrol quere transmitir o enorme descontento existente tanto entre a nosa afiliación coma no conxunto da organización, produto da falta de vontade da nosa dirección por cumprir os compromisos no relativo á transformación do estaleiro e ó futuro da fábrica de Turbinas.

O mesmo tempo denunciamos publicamente a falta de transparencia e intención construtiva nas negociacións no desenrolo do plan industrial.

Non hai ningunha negociación que non sufra o boicoteo constante por parte da dirección con falta de transparencia e ultimamente incluso con saídas de ton intolerábeis.

O último exemplo inasumible é o acontecido na comisión local de emprego co descarte de 4 candidatos en dúas especialidades distintas porque un psicólogo entende que non son idóneas para traballar na nosa empresa.

Por todo o anterior as CC.OO. propoñeremos o resto do comité o incremento das mobilizacións e das medidas de presión, comezando polo corte total das prolongacións de xornada e medidas de non colaboración.

Entendemos que con esta dirección non se pode chegar a acordos mentres non mude a súa actitude polo tanto propoñeremos que ate ese momento non se manteñan relacións con ela. As medidas de presión semanais contra a dirección local iran en aumento.

As mobilizacións internas e externas tamén serán máis fortes confluíndo con empresas da nosa comarca que están incluso nunha situación peor ca nosa, coma GAMESA ou a central térmica de ENDESA nas Pontes.

Xa anunciamos que de non mudar esta situación, dende as CC.OO. trataremos de confluír coas demais organizacións sindicais nunha gran folga xeral á volta do nadal.

Ferrol, 3 de decembro de 2020

Sección Sindical CC.OO. Navantia Ferrol

Enviado por:
CCOO (FE)
ccoo.fe@navantia.es
3 de dezembro de 2020 13:50

_______

xoves, agosto 20, 2020

CCOO Industria Ferrol sobre as vindeiras movilizacións pola carga de traballo para o Sector Naval


COMUNICADO: CARGA DE TRABALLO NAVANTIA

CCOO Industria da comarca de Ferrol iniciámo-lo curso co anuncio de continuar coa reclamación de carga de traballo que esta terrible situación da pandemia nos cortou. A Sección Sindical de CCOO en Navantia Ferrol na derradeira xuntanza que realizou coa afiliación xa anunciou que á volta do período vacacional retomaríamos as movilizacións, coa aprobación dun novo calendario, dentro do cal está pendente unha xuntanza co Goberno central para que de unha solución á crítica situación que temos dende xa finais deste mes con só un barco a flote para rematar e que a fin de ano se entrega, sen ningunha nova construcción ata o primeiro trimestre do ano 2022.

O calendario de movilizacións respetará por riba de todo as medidas para evita-lo contaxio do COVID-19. E adiantamos que serán acordes á situación que se nos presenta. Nestas movilizacións esixiremos un FUTURO DIGNO para a comarca con varios puntos imprescindibeis:

CARGA DE TRABALLO: A necesidade dun pedido urxente para cubrir este período sen traballo é primordial, tanto para a economía de tódalas familias que dependemos do sector naval directa ou indirectamente como para a fuga de profesionais que logo botamos en falta e orixina problemas de eficiencia na producción dos buques. CONDICIÓNS LABORAIS DIGNAS: A regulación das condicións laborais da Industria Auxiliar ten que quedar plasmada nas licitacións para evitar a competencia desleal e o descontrol, así como para cerrar o ciclo que comezamos ao incluir os Acordos no texto do Convenio da Industria Siderometalúrxica da provincia de A Coruña. Polo tanto, ese será un dos puntos máis importantes na Comisión Central de Auxiliares derivada do derradeiro Plan Industrial e Convenio de Navantia.

INVERSIÓNS: O estaleiro quedarase obsoleto se non se dota do dique cuberto que está comprometido dende o Plan Industrial. E tanto a mellora das instalacións como a modernización e dixitalización dos procesos son clave para estar á altura do que somos ata agora, un dos estaleiros punteiros a nivel mundial en construcción naval militar.

CONTRATACIÓN DIRECTA: A dificultade dos longos prazos que xeneran os concursos públicos de traballos, así como a perda de coñecemento que deriva da subcontratación desmesurada e os beneficios empresariais privados que non aportan máis valor engadido que os profesionais son causas suficientes para que Navantia tome dunha vez por todas esta opción. Para nós como traballadores é mellorar a empresa pública, manter a profesionalidade e consolidar unhas condicións estabeis para tódolos traballadores/as.

Agardamos comezar en setembro as movilizacións e que non se teñan que paralizar de novo por causa do COVID-19. Polo tanto, tratemos de ser responsabeis e tomar as medidas no ámbito laboral e no persoal para reclamar o que nos corresponde:

“FUTURO DIGNO PARA A COMARCA: ¡CARGA DE TRABALLO XA!”

Ferrol, a 18 de agosto de 2020.

CCOO Industria Ferrol

Foto: Unha parte da Executiva de CCOO Industria Ferrol (foto de arquivo)

Enviado por:
ROBERTO VILLASUSO VAZQUEZ
-rvillasuso@industria.ccoo.es-
18 de agosto de 2020 15:54

_______


xoves, xuño 04, 2020

A Sección Sindical de CCOO de Navantia Ferrol sobre a proposta maioritaria de emprego


COMUNICADO DA SECCIÓN SINDICAL DE CCOO DE NAVANTIA FERROL SOBRE A PROPOSTA MAIORITARIA DE EMPREGO 03/06/2020

Dende a Sección Sindical de CCOO de Navantia Ferrol queremos trasladar o enorme malestar presente na nosa organización como consecuencia das manifestacións vertidas por outras organizacións sindicais, terxiversando e intentando influír negativamente en calquera solución que se acade en Navantia-Ferrol.

Que o camiño para chegar a entendernos é longo e tortuoso non o pode poñer en dúbida ninguén, soamente con votar unha ollada a historia da nosa Factoría para entender a incapacidade que teñen algunhas organizacións para chegar a acordos, e non nos referimos coa Dirección, senón coas demais organizacións sindicais. Dubidando constantemente da boa fé das nosas propostas.

Mostra do anterior foi a necesidade de levar a pleno o acordo en materia de emprego que vos enviamos este luns dia 1 de xuño, proposto por CCOO e respaldado por unha amplia maioría dos e das delegadas do Comité de Empresa (16 delegados e delegadas avalaron a proposta e 6 non estiveron de acordo), e o conseguinte escrito da CIG non asumindo o resultado e difamando contra as organizacións que o apoiaron.

Podemos dicir con orgullo que dito acordo, de materializarse cando se de a discusión coa Dirección, debería de traducirse na incorporación de toda a convocatoria do ano 2019.

A intención de dita proposta é esixir a recuperación das capacidades que tiña a parte técnica na nosa Factoría, priorizando a contratación en ditas áreas, e complementando dita convocatoria con persoal eventual si fose necesario en lugar de optar pola subcontratación. Non esquecemos áreas que a curto e medio prazo semellan as únicas que xerarán emprego como son a Fábrica de Turbinas, o Departamento de Reparacións e a Eólica Mariña.

Queremos enviar unha mensaxe de tranquilidade a tódolos operarios e operarias que trala firma do Plan Industrial agardan con ilusión a oportunidade de incorporarse ao noso plantel. É un compromiso das organización sindicais que respaldan esta proposta que as prazas de operarios e operarias que non se convoquen, se recuperarán nas vindeiras convocatorias.

Por último CCOO quere mandar unha mensaxe clara e contundente a tódalas organizacións que están a facer do inmobilismo a súa estratexia sindical. O esforzo de CCOO e doutros sindicatos por chegar a entendernos na Comisión de Emprego foi evidente, case tan evidente coma a comodidade que sinten o resto de organizacións presentes en dita Comisión coa confrontación permanente. Continuaremos plantexando tódolos temas que a nosa afiliación considere beneficiosos para o conxunto de traballadores e traballadoras e para Ferrolterra en xeral, intentaremos formar maiorías para defendelos, pero non estamos dispostos a esperar por organizacións que non teñen vontade de formar unha fronte común e que non teñen interese por construír por medio do consenso.

A esas organizacións só dicirlles que cando deixen de priorizar a súa estratexia sindical por riba dos intereses dos e das traballadoras, CCOO sempre terá a capacidade de dar un paso atrás si con iso chegamos a un punto de encontro.

Ferrol, a 3 de xuño, de 2020.

Sección Sindical de CCOO en Navantia Ferrol

Enviado por:
CCOO (FE)
-ccoo.fe@navantia.es-
3 de junho de 2020 17:05

_______

xoves, maio 21, 2020

Construción e Servizos de CCOO culpa á dirección do Grupo Cándido Hermida do atraso do cobro das prestaciones de desemprego polo ERTE


Construción e Servizos de CCOO culpa á dirección do Grupo Cándido Hermida do atraso do cobro das prestacións de desemprego polo ERTE realizado aos seus traballadores.

A federación de Construción e Servizos de CCOO quere denunciar que a día de hoxe moitos traballador@s das diferentes empresas do Grupo Cándido Hermida non percibiron aínda os seus prestacións de desemprego polos Ertes realizados pola compañía .

Culpan directamente á dirección da compañía e á ineptitude do Departamento de Recursos Humanos.

A maioría das empresas do Grupo (Loira Inter S.L, Induca...etc) levaron a cabo pola crise do covid-19 Ertes de forza maior durante o mes de Marzo enviando aos seus traballadores ás súas casas antes de finalizar devandito mes.

En consecuencia, todos os traballadores víronse prexudicados xa que non cobraron as súas nóminas integras do mes sinalado.

O sindicato informa que a empresa procedeu a enviar os datos dos traballadores afectados ao SEPE e en moitos casos con datos erróneos tanto persoais como de fillos a cargo.

Isto supón que a día de hoxe a maioría dos traballadores do Grupo Cándido Hermida non cobren as súas prestacións .

É o propio SEPE quen se está poñendo en contacto cos traballadores para cotexar os datos que foron enviados mal polo Departamento de Recursos Humanos.

CCOO ve inadmisíbel que unha empresa como esta non se preocupe desta situación e deixe sen ingresos por centos de traballadores que desde fai xa dous meses están nas súas casas sen ingresos de ningún tipo.

Tacha de irresponsábeis a quen dirixe o Departamento de Recursos Humanos e insta que de xeito URXENTE se emende esta situación.

Tamén informa que a empresa comunicou xa aos seus representantes legais outro ERE a todas as compañias do Grupo.

Alejandro Bello Martínez
Federación de Construcción e Servizos de CCOO en Ferrol
Responsable comarcal
alexbello@construccionyservicios.ccoo.es

--
Yolanda Quintía Salido
Área de Administración
Unión Comarcal de CC.OO. de Ferrol
rúa María, 42-44 baixo // 15402 // Ferrol
Tfno: 981 369300  RPV 71314
Fax : 981 350353  RPV: 71104
ucferrol@galicia.ccoo.es
yquintia-ferrol@galicia.ccoo.es

Enviado por:
YOLANDA QUINTIA SALIDO
-yquintia-ferrol@galicia.ccoo.es-
20 de maio de 2020 16:53

______