Amosando publicacións coa etiqueta CNT. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta CNT. Amosar todas as publicacións

mércores, abril 28, 2010

CNT - Manifestación do 1º de maio en Vigo

A Federación Local da CNT de Ferrol vai participar na manifestación do 1º de maio que a organizáción galega da CNT convoca de xeito unitario na cidade de Vigo, ás 12 horas, con saída na confluencia da Gran Vía e a rúa Urzáiz.

Desde Ferrol haberá autobuses que partirán en dirección a Vigo, saíndo ás 9 da mañá do local da CNT en Ferrol (Avenida de Esteiro, 10), e facendo paradas en Fene, Pontedeume e Betanzos.

Este Sindicato organiza ademáis un acto sindical para o día 30 de abril, ás 20 horas, no seu local social (Avenida de Esteiro, 10), no que falarán Xabier Porto (secretario do Sindicato), Francisco Fernández (traballador do metal) e Eliseo Fernández (historiador).

Neste ano no que a CNT celebra o centenario do seu nacemento (1910) consideramos que a clase traballadora precisa revisar con urxencia o modelo de organización sindical existente. Desde hai moitos anos, o sindicalismo de xestión amosa a súa incapacidade para conseguir ningunha mellora para a clase traballadora, e fracasa miserablemente á hora de defender as conquistas históricas do movemento obreiro.

Nunha data de forte significación histórica como é o 1º de maio, compre lembrar a vella consigna dos nosos antecesores: "A emancipación dos traballadores será obra dos traballadores mesmos". Porque só desde unha maior implicación da clase traballadora na defensa dos seus intereses, poderemos revertir o proceso de perda de dereitos impulsado pola patronal e xestionado polos gobernos do PSOE e o PP.

Por todo elo, neste 1º de maio chamamos á clase traballadora a sair á rúa e participar nas mobilizacións contra a perda de dereitos laborais e contra a lacra do paro.

Nin un só recorte máis!!!

Ferrol, 28 de abril de 2010
Federación Local da CNT de Ferrol

Enviado por:
CNT-Ferrol
ferrol@cntgaliza.org
28 de abril de 2010 16:01
____________________

Sitio web da CNT-Galiza
http://www.cntgaliza.org/
____________________________

venres, marzo 26, 2010

Porqué a CNT vai participar na mobilización convocada pola plataforma Rumbo 21 o vindeiro sábado 27 de Marzo

A Federación Local da CNT de Ferrol vai participar na mobilización convocada pola plataforma Rumbo 21 o vindeiro sábado 27 de marzo. E vaino facer para amosar a súa indignación polos continuos atropelos que padece a clase traballadora nesta bisbarra.

Nos anos 80 houbo unha reconversión “salvaxe” que causou fortísimas reduccións do cadro persoal dos estaleiros de Fene e Ferrol. Despois fíxose unha reconversión “suave” con prexubilacións que aínda botaron máis xente fora nas factorías de ASTANO e BAZAN. Os sindicatos maioritarios opuxéronse á reconversión “salvaxe”, mais aceptaron a reconversión “suave” porque as prexubilacións beneficiaban aos traballadores fixos. Nin individual nin colectivamente, a clase traballadora que combatera no 72, foi quen de impedir a reconversión, nin tivo a dignidade abondo para rexeitar unhas prexubilacións que destruíron centenares de postos de traballo na bisbarra. Marcharon para a casa traizoando todo o que dicían defender.

Outras forzas sindicais, como a propia CNT, pagaron un prezo moi caro pola súa oposición frontal á reconversión e a todos os amaños do sindicalismo oficial. O noso sindicato practicamente desapareceu porque se enfrontou ao goberno socialista que fixo a reconversión e porque rexeitou tamén o “alpiste” que outras centrais si aceptaron como pago polos seus servicios: as subvencións directas, as subvencións proporcionais á representatividade, e esa financiación escandalosamente fraudulenta que son os cursos de formación, moitos deles organizados “a distancia”, sen persoal nin medios, mais xenerosamente pagados polo Estado. Cremos que non debemos esquecer que na bisbarra de Ferrol, o Estado que financia directamente aos sindicatos é, ao tempo, a patronal.

Con mentiras e barullos, sen que ninguén dera a cara e contara a verdade, sacouse a ASTANO da construcción naval civil. Un escandaloso pacto “secreto” entre a Unión Europea e o goberno do Estado botaron fora do mercado ao estaleiro de Fene. O que seguiu a ese pacto foi un clamoroso silencio por parte dalgúns, promesas descaradas de revisión do pacto por parte de outros, e unha vontade deliberada de enredar e enganar á cidadanía sobre o motivo polo que ASTANO non podía facer barcos. Aínda a día de hoxe ningún responsable político nin sindical tivo a dignidade de explicar á cidadanía os detalles dese acordo. Significativamente, os principais protagonistas deste enredo son os que xa anunciaron que o sábado non van ir á manifestación, feito que de por si aclara bastantes cousas.

Os opositores da manifestación din que esta mobilización vai dirixida á privatización do estaleiro de Fene. Pode ser que haxa forzas políticas ou sindicais que teñan esa pretensión, mais a CNT de Ferrol vai a manifestarse o vindeiro sábado para protestar polas limitacións que ten o estaleiro de Fene de facer construcción naval civil. Entendemos que mais valía que estes partidos e sindicatos que agora falan, defenderan o sector naval ferrolán cando se fixo a auténtica privatización: a transformación do emprego estable no sector naval público por emprego precario nas compañías auxiliares. Mais valía que animaran ao persoal fixo do estaleiro a deixar de facer horas extras cando existe un escandaloso desemprego na bisbarra. E mais valía que exerceran algún tipo de actividade na defensa dos traballadores das auxiliares do naval.

A CNT de Ferrol quere participar na mobilización do sábado 27 para esixir a volta de Navantia Fene á construcción naval civil, para protestar pola transformación de emprego de calidade en Navantia por emprego basura nas compañías auxiliares, para animar á clase traballadora a loitar en tódolas frontes contra o desemprego e para esixir ás burocracias sindicais e políticas que deixen de tomar o pelo á clase traballadora.

Ferrol, 25 de marzo de 2010.
Federación Local da CNT de Ferrol

Enviado por:
Unión Libertaria
-unionlibertaria@gmail.com-
25 de março de 2010 23:41
_____________

Enlaces relacionados:
___________________

luns, febreiro 15, 2010

Exposición “Solidaridad Obrera, 100 años de prensa anarcosindicalista”


O luns 15 de febreiro, ás 20 horas, terá lugar a inauguración da exposición Solidaridad Obrera, 100 años de prensa anarcosindicalista” nos locais do Ateneo Ferrolán, organizada pola Federación Local da CNT de Ferrol.

No centenario do nacemento do sindicato CNT, esta exposición percorre tamén os cen primeiros anos de vida do xornal “Solidaridad Obrera”, o voceiro histórico desta organización. A exposición recolle as épocas e as persoas máis significativas da vida deste xornal, ao tempo que se percorre unha longa historia de traballo e loita da clase obreira.

A exposición permanecerá nos locais do Ateneo Ferrolán até o día 20 de febreiro e pode visitarse de luns a venres de 11.30 a 13.30 e de 17 a 21 horas e os sábados, de 10.30 a 13.30 horas.


Ateneo Ferrolán, fundado en 1879.

___________________

xoves, xaneiro 14, 2010

Solidariedade co profesor de Matemática, Brais de Esteban Bassave, inxustamente despedido, en Febreiro do pasado 2009, polo mero feito de reclamar no IES Manuel Murguía de Arteixo da Coruña, que as aulas de Matemática se deran en galego

BOTAI UNHA SINATURA VIRTUAL POR BRAIS ANTE O SEU INMINENTE XUIZO

O vindeiro Febreiro celebrara-se o xuízo polo despedimento do profesor Brais, docente do IES Manuel Murguía de Arteixo despedido o pasado ano polo mero feito de reclamar que as aulas de Matemática se deran en galego (como correspondía por lei, decreto 124/07).

O sindicato CNT leva a cabo desde entón unha campaña de solidariedade consistente en recoller sinaturas de apoio para a sua readmisión nas listas de interinos e substitutos. Como remate das accións de solidariedade, e previamente ao xuizo, o sindicato CNT concentrara-se ás portas do Rexistro Xeral para facer entrega de todas as sinaturas recollidas.

Agradecemos-lle que se existisen no seu centro follas asinadas as puidesen envíar ao apartado 590 -15780 Compostela antes de Febreiro.

Tamén se pode asinar telemáticamente no web de CNT:
Ao mesmo tempo, desde a CNT apoiamos a convocatoria de folga no ensino para o próximo 21 de Xaneiro, e chamamos à participar  activamente nesta xornada de loita.

Agradecendo de antemán a sua colaboración reciba un cordial saúdo.

Secretariado Xeral de CNT-Compostela.

Máis información do caso Brais en:
Enviado por:
espalla@redeanticapitalista.org
14 de janeiro de 2010 15:08

______________________________

venres, xuño 12, 2009

Preparando o golpe de estado na informática galega

O sábado día 13 de xuño reúnese en asemblea o CPEIG (Colexio Profesional de Enxeñeiros/as Informáticos/as de Galiza) co obxectivo de encamiñar os seus estatutos cara unha futura situación lexislativa na que poidan impoñer a súa visión da informática a todo o sector profesional galego.

Entre as lindezas que atopamos nos estatutos están: a colexiación obrigatoria (Art.4.1), ordenación da profesión e representación en exclusiva da vontade de tod@s (Art.5.1.a), perseguir aos que consideren "intrusos/as" (Art.6.m), deber e obrigatoriedade de visar a documentación técnica ou facultativa dos proxectos aboando as cantidades correspondentes ao CPEIG (Art.14.d e Art.15), deber de prestar declaración e facilitar información en asuntos de interese colexial (Art.14.i), dar conta de quen exerce sen título ou sen colexiar a pesar de ter título (Art.14.k) ou o réxime disciplinario (Art.51) e as correspondentes sancións asociadas (Art.52).

Poderiamos seguir a enumerar os múltiples puntos chamativos que atopamos nesta regulación "de facto" do sector pero cremos que será máis instructivo e constructivo para tod@s ver o que se pode derivar disto na práctica informática diaria:

Os que estamos na situación de colexiarnos e asinar proxectos podemos estar contentos pois de seguro que veremos melloras na nosa situación laboral, sobre todo no referente ao salario. Seguro que a nosa empresa está encantada coa regulación e a nómina se enche con pluses en concepto da nova e importante responsabilidade que asumimos ao asinar un proxecto (Art.15.8). Proxecto que terá que ser visado polo CPEIG para o que a empresa, de novo, soltará a talegada para pagar este obrigatorio servizo (Art.15.4). Unha vez visado o proxecto este viaxará aos mundos de Produción e quedarás destinado a non esquecerte del, pois ti asumiches a responsabilidade legal derivada do seu funcionamento. Pero tranquilo, na informática nunca hai erros excesivamente "graves" e en caso de habelos para iso está o CPEIG, non para asumir contigo a responsabilidade (Art.15.7), pero si para personarse na túa causa legal como parte interesada (Art.6.d e Art.13.b) e poñer en marcha o típico mecanismo corporativo de defensa baseado na presentación de todo tipo de informes, peritaxes, ... (Art.6.h) que te protexerán. Moi ao estilo de como se resolven algúns casos de neglixencia médica, profesión á que nos gusta compararnos.

Deixemos por un momento o grupo dos "elixidos/as", e pensemos que sería de nos de ser un kurrito/a máis, melloraría a nosa situación laboral?? Pois, por qué non!!. As empresas embriagadas polos azos de regulación do seu persoal correrán a actualizar as nosas categorías profesionais, a subir os nosos soldos, a poñernos en convenios decentes, pagarnos as horas extras, reducir o noso horario laboral e dignificarnos e tratarnos co respeito que merece esta profesión. Lonxe quedarán os tempos de sermos tratados como cachos de carne sen dereitos.

Claro que para defender esta nova situación privilexiada na que traballaremos teremos que sacrificar a moitos "intrusos/as", esa xente á que antes chamabamos erróneamente compañeiros/as. Eses que non facian máis que destragalo todo co seu labor profesional, os que tiñan a culpa da nosa antiga precariedade e que eran, na súa totalidade, un perigo para a sociedade.

Así, para garantir a pureza da profesión en aras da calidade do software e do beneficio social, tod@s os/as irmáns do CPEIG (Art.6.2) terán a obriga de chivarse, perseguir e denunciar a aquelas ovellas descarriadas que non cumpran co catecismo moral ditado polo código deontolóxico (Art.14.c) baixo pena, de non facelo, de seren sancionados sen poder exercer (Art.51.h e Art.52).

Abandoando este repugnante mundo ideal e regresando á realidade, nos pensamos que a imposición no futuro desta normativa no sector non traerá ventaxas para os traballadores e traballadoras "de a pe". Tod@s seguiremos máis ou menos nas lamentabeis condicións de sempre e coas mesmas gañas de non "meternos en lios". De seguro haberá beneficiados/as, e non só nos referimos aos cargos que o CPEIG vai a "liberar" (Art.22.2), senon a eses poucos xestores/as de proxectos, que cumprindo as condicións de titulación e colexiación, están actualmente recoñecidos polas empresas e que serán quenes asuman a sinatura da totalidade dos proxectos desenvolvidos.

Amais, resulta sinxelo adiviñar de onde aforrarán as empresas os cartos "a maiores" que lle costará esta nova regulación. Neste sentido desconfiamos moito do comportamento da patronal galega do sector (AGESTIC) que tanto entusiasmo e apoio amosa á pretendida regulación. Non terá que ver nisto a curiosa coincidencia na pretendida creación en Galiza de fábricas do software con persoal "competitivo" que os empresarios definen como "enfoque nerarshore" [INTECO-21/05/2009] e o Presidente do CPEIG chama o Silicom Valley de Europa? [La Voz-24/02/2009, pxn.10] .

Por último, queremos deixar claras as liñas de actuación da Sección Sindical Siega de CNT:
  • Recuperar para a loita a verdadeira unidade dos profesionais informáticos (que o CPEIG se cepilla con falsas polémicas de intrusismo que endexamais se viron no sector), a súa libre asociación e a solución aos problemas laborais endémicos da profesión.
  • A demostración diaria da valía de cada un no seu posto de traballo.
  • A busca da calidade do software seguindo critérios de enxeñería (hai que ler a Pressman!!)
  • A libre difusión do coñecemento, a oposición frontal ás patentes, á propiedade intelectual e aos seus xestores como a SGAE.
  • O decidido apoio ao software libre e á súa filosofia, esa gran descoñecida de moit@s profesionais, inventada polo "intruso" Stallman.
E por suposto, a continuidade na exitosa loita laboral na que levamos varios anos, como ben saben "de primeira man" no CPEIG, porque a dignidade non servirá para comer pero serve, polo menos, para poder mirar á cara aos nosos compañeiros/as e familias e non sentir vergoña.

SE NINGUÉN TRABALLA POR TI, QUE NINGUÉN DECIDA POR TI!!

NON ÁS IMPOSICIÓNS DO CPEIG!!

Distribúe e informa!!.

12 de Xuño de 2009

galiza@cntgaliza.org
http://www.cntgaliza.org/
_________________________

luns, abril 27, 2009

Primeiro de maio anarcosindicalista en Ferrol

Unión Libertaria -unionlibertaria@gmail.com
-
22 de abril de 2009 16:02


Adxuntamos chamamento aberto á participación na convocatoria promovida pola CNT da Galiza para o 1º de Maio en Ferrol.

unionlibertaria.org
Av/ Esteiro 10, baixo Ferrol
unionlibertaria@gmail.com

Convocatoria 1 MAIO

Primeiro de maio anarcosindicalista en Ferrol


Como cada ano a clase traballadora sairá á rúa o primeiro de maio nunha xornada de loita e reivindicación. Nesta ocasión o anarcosindicalismo galego, da man da CNT, ven de convocar unha xornada unitaria na nosa cidade. Unha xornada enmarcada na crise económica que co lema Todos os días 1 de maio será a manifestación da dignidade da clase obreira, da reivindicación da xustiza social e a favor da emancipación das traballadoras e traballadores.

Para Unión Libertaria esta convocatoria é de especial importancia pola grandísima incidencia que a crise do capital está a ter na precariedade e no aumento do paro.

Unha crise que nos fan pagar a traballadoras e traballadores e coa que, de seguro, pretenderán argumentar novos recortes en dereitos e liberdades. Mais tamén é importante para nós porque por primeira vez en moito tempo o anarquismo galego escolle a nosa cidade para sacar adiante esta xornada de loita do primeiro de maio.

É por isto que, facendo nosa a convocatoria, dende Unión Libertaria realizamos un chamamento aberto á participación neste primeiro de maio do que esperamos un antes e un despois na nosa comarca.

A convocatoria é a seguinte:

Venres, 1 de maio de 2009
  • Manifestación en Ferrol dos sindicatos da CNT
  • na Galiza
  • Saída ás 12:30 horas, do local da CNT en Ferrol
  • (Avenida de Esteiro, 10)
  • Mitin ás 14:00 horas, no mesmo local
Unidade acción autoxestión!!

Outro sindicalismo é posible!!


Un 1º de Maio AnarcoSindicalista

[+ Info na web da CNT]
________________

sábado, abril 04, 2009

Concentración en Ferrol, en solidariedade co mestre expedientado por reclamar as aulas de matemáticas en Galego: 4 de Abril

rlv
-rlvferroll@gmail.com-
3 de abril de 2009 12:39



Basta de precariedade e represión no ensino!!!

A CNT de Ferrol vai concentrarse o vindeiro sábado 4 de abril na delegación de Educación en Ferrol (Edificio da Xunta), ás 11:30 horas, en protesta polo despedimento dun profesor substituto polo feito de ter esixido que as aulas de matemáticas foran explicadas en galego, tal e como
esixe a lei.

Mais información sobre o asunto nesta ligazón:

www.cntgaliza.org/?q=node/771

Agradecemoslle a difusión desta convocatoria.

Secretario de Prensa
Sindicato de Oficios Varios da CNT de Ferrol
___________________