Amosando publicacións coa etiqueta Dereitos Humanos. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Dereitos Humanos. Amosar todas as publicacións

xoves, abril 28, 2016

"A día de hoxe inda segue sendo necesario reivindicar que os Dereitos Humanos son universais", di Lídia Senra eurdiputada galega, no marco do X aniversario do Grupo de Amizade co País Vasco, onde se presentaron as conclusións dun informe sobre dereitos humanos realizado no País Vasco


"A día de hoxe inda segue sendo necesario reivindicar que os Dereitos Humanos son universais". | No marco do X aniversario do Grupo de Amizade co País Vasco presentáronse esta mañá as conclusións do informe sobre DDHH en EH. | Arnaldo Otegi, presente no evento, mantivo posteriormente un encontro cas eurodeputadas Lídia Senra, Gabi Zimmer e Malin Björk.


A eurodeputada de Alternativa Galega de Esquerda en Europa, Lídia Senra, participou esta mañá na presentación das conclusións dun informe sobre dereitos humanos realizado no País Vasco [1]. Dito documento foi elaborado a partir das informacións e testemuñas obtidas por unha delegación [2] do Parlamento Europeo integrada por sete eurodeputadas/os pertencentes a tres grupos políticos distintos [3] -entre as que se atopaba a propia Lídia Senra-, que se desprazaron a Euskal Herria (EH) no mes de febreiro.

A recollida de información levada adiante por esta delegación parlamentaria respostou a catro cuestións de interese principal para as eurodeputadas/os: a aplicación de políticas de dispersión, a atención ineficiente a persoas presas gravemente enfermas, as restricións á aplicación da liberdade condicional en Francia e o incumprimento da Decisión marco 2008/675 / JAI do Consello (24 de xullo de 2008).

As conclusións deste informe, indicou Senra, "articúlase en torno á premisa de que respectar os dereitos humanos das presas/os políticas/os vascas/ non e contrario ao respecto dos dereitos humanos das vítimas de ETA", un punto de partida que semella sinxelo, mais que "á vista das informacións que obtivemos durante as entrevistas mantidas en febreiro, a día de hoxe inda segue sendo necesario reivindicar que os dereitos humanos son universais e que deben ser garantidos en tódolos casos".

Por outra banda, proseguiu, "sabemos por outras experiencias, como por exemplo a irlandesa, que tiven a posibilidade de coñecela de perto o ano pasado, que os presos e presas son sempre unha parte imprescindíbel na resolución deste tipo de conflitos; se non se quere pechar en falso, precísase a implicación de tódalas partes", polo que inda resulta máis importante "avanzar en vías que poderían ir dando pasos adiante nesta situación, como sería o achegamento das persoas presas".

Tras a presentación deste informe, e no marco da conmemoración do X aniversario do Grupo de Amizade co País Vasco no Parlamento Europeo, o líder da esquerda abertzale Arnaldo Otegi, impulsou o relanzamento do manifesto internacional Freedom for Arnaldo Otegi. Bring Basque Prisoners Home [4].

Antes de dar inicio a esta presentación, tivo lugar un minuto de silencio para lembrar o 79 aniversario do bombardeo de Gernika, unha emotiva lembranza realizada por todas as persoas asistentes ao evento e que "é tamén para lembrar a todas as vítimas do conflito vasco", sinalou Otegi antes de comezar a súa intervención.

Xuntanza con eurodeputadas

A eurodeputada galega, xunto ca Presidenta do Grupo da Esquerda Verde Nórdica-Esquerda Unitaria Europea (GUE/NGL), Gabi Zimmer, e a eurodeputada sueca Malin Björk, integrantes todas elas do Grupo de Amizade co País Vasco, mantiveron posteriormente unha xuntanza Arnaldo Otegi.

Durante este encontro as deputadas compartiron co político vasco as impresións xurdidas da súa viaxe a Euskal Herria, poñendo sobre a mesa tamén "a sorpresa de que a impresión maioritaria fora que dende o abandono das armas o proceso de paz está en certa maneira estancado, en lugar de apoiarse neste contexto para avanzar", expuxo a eurodeputada de AGEe.

O líder abertzale fixo fincapé nas dificultades que están a atopar no proceso, pero recalcou que "a paz é unha opción que non ten estratexia alternativa" e reivindicou "a importancia das respostas colectivas para poder gañar as batallas".

Bruxelas, 26 de Abril de 2016.


Notas.-
[1] Adxuntamos resumo.
[2] Ver [NdP120216AGEe] Lídia Senra participará nunha delegación do PE a Euskal Herria para obter información sobre DDHH e [NdP280116AGEe] Delegación do Parlamento Europeo ao País Vasco. Dereitos Humanos.
[3] A Presidenta do Grupo da Esquerda Verde Nórdica-Esquerda Unitaria Europea (GUE/NGL), Gabi Zimmer (Die Linke); o Vicepresidente do Grupo Verdes/Alianza Libre Europea (Verdes-ALE), Josep-Maria Terricabras (Esquerra Republicana de Catalunya, ERC); e as eurodeputadas/os Lídia Serna (Alternativa Galega de Esquerda en Europa), Martina Anderson (Sinn Féin), Malin Björk (Vänsterpartiet), Tatjana Ždanoka (Latvijas Krievu Savienība) e Mark Demesmaeker (Nieuw-Vlaamse Alliantie, N-VA).
[4] A eurodeputada de AGEe participou tamén como integrante do Grupo de Amizade co País Vasco no lanzamento da campaña Free Otegi. Free them all que tivo lugar no Parlamento Europeo o 24 de marzal do ano 2015 e contou ca presenza do músico Fermín Muguruza.
Freedom for Arnaldo Otegi. Bring Basque Prisoners Home

Outras info de interese:

Persoas expertas no ámbito enerxético sinalan a necesidade urxente de mudar o actual modelo. | Lídia Senra abre a xornada ‘Presente e futuro enerxético de Galiza no contexto europeo’ organizada polo GUE/NGL e AGEe na Estrada. | A eurodeputada denuncia que non é de recibo que as políticas neoliberais se preocupen tan pouco do impacto ambiental e social | Ir á Web. | 23.04.2016


Intercambio de opinións da Comisión de Pesca do PE co Comisario de Pesca, Karmenu Vella. | Dende onte e durante todo o día de hoxe están a ter lugar as reunións de traballo da Comisión de Pesca do Parlamento Europeo. | Senra esixiu a prohibición da minaría submarina, o saneamento das rías e a aplicación de criterios socioeconómicos no reparto de cotas. | Ir á Web. | 19.04.2016

Lídia Senra
, eurodeputada de Alternativa Galega de Esquerda en Europa (AGEe), integrada no Grupo Confederal da Esquerda Unitaria Europea/Esquerda Verde Nórdica (GUE/NGL)


Equipa de Comunicación AGEe.
lidia.senra@europarl.europa.eu

http://ageuropa.gal/

twitter  Facebook

Enviado por:
MONTOTO VAZQUEZ Vera
-vera.montotovazquez@europarl.europa.eu-
26 de abril de 2016 18:19
___________________

xoves, marzo 31, 2016

Xorndas, "da Risga á Renda Básica das Iguais", en Compostela, este sábado 2 deAbril - Programa


2 abril - Xornadas "Da RISGA á Renda Básica das iguais"

Prestacións de 400€ concedidas con meses de atraso e despois dunha morea de trabas burocráticas e controis por parte dos servizos sociais. No mellor dos casos, acceder a un contrato de sete meses de contía inferior ao salario mínimo interprofesional, tras o cal non está permitido renovar o cobro da prestación. Ou a caridade.

Estas son as respostas dispoñibles a día de hoxe para facer fronte á situación de emerxencia social que afecta a unha de cada catro persoas en Galiza (o 23,8% da poboación que se atopa en “risco” de pobreza ou exclusión). Para moitas máis, que sufrimos as dificultades de soster a vida cada día mais non cumprimos os requisitos de pobreza establecidos, as opcións pasan polo mercado laboral precarizado.

As xentes de Baladre deixamos a un lado os termos difusos (cambio, progreso, transversalidade, reformismo, benestar....) para abordar propostas concretas que garantan o dereito a unha vida digna e contribúan a procesos de transformación radicais.

Para iso organizamos unhas xornadas de reflexión e debate nas que partiremos dunha radiografía do actual escenario do capitalismo depredador, examinando o papel que xoga a pobreza e as consecuencias desta para aquelas persoas que se atopan nas posicións de maior vulnerabilidade e exclusión, poñendo o foco na situación das mulleres.

O contraste farémolo con propostas que xorden desde a economía social e da loita polos dereitos sociais e polo reparto da riqueza. Unha loita que pasa por informar, visualizar e denunciar. Mais tamén por deconstruír o empobrecemento como un fracaso individual e por crear vínculos políticos desde os que arrancar o dereito a vivir dignamente.

PROGRAMA

Xornadas: “Da RISGA á Renda Básica das iguais”. Sábado 2 abril - A Gentalha do Pichel (r/Santa Clara 21 - COMPOSTELA).

10:00 - Presentación da xornada.

10:15 a 11:45 - “Planeta carroña. O capitalismo actual e as súas consecuencias”, a cargo de J. M. Busqueta (Seminari Taifa).

12:00 a 14:00 - “O seu benestar e o noso malestar”:

- “A función da pobreza no capitalismo”, a cargo de Albert Sales (sociólogo e profesor de universidade Pompeu Fabra).

- “A Galiza máis excluída”, a cargo de Leticia Castro (educadora social).

Xantar

16:00 a 17:00 - “L'Olivera, 42 anos de economía social”, a cargo de Clara Griera (Cooperativa L'Olivera).

17:00 a 18:30 - “Da RISGA á Renda Básica das iguais”, a cargo de Mari Fidalgo e Manolo S. Bayona (Baladre).

18:30 a 19:30 - “Os Puntos de Información e Denuncia e Asembleas de empobrecidas-precarias”:

- Ruth López (Punto de Información Erletxea en Irún).

- Beatriz Lorenzo (ODS-Coia).

19:30 - Lectura das propostas recollidas na xornada.

--
OFICINA DEREITOS SOCIAIS - COIA (ODS-Coia)
odscoia.arkipelagos.net | odscoia@riseup.net |@odscoia | tel: 696 618 732 - 679 758 663
Estamos os luns de 17h00 a 19h00 en Coia, nos locais da parroquia do Cristo da Vitoria (rúa Baiona 9, Vigo).

Enviado por:
Oficina Dereitos Sociais - Coia
-dereitossociais@gmail.com-
31 de março de 2016 09:50
_________________

martes, marzo 29, 2016

Non ao racista e infame Acordo entre a UE e Turquia, ... Por Celso Posada Fernández

Por Celso Posada Fernández [*]
29.03.2016


O Acordo entre a UE e Turquía, aprobado o pasado Venres 18 de Marzo, e un acordo profundamente cruel, inhumano, ilegal, inmoral, antidemocrático, xenófobo e racista, xa que vulnera flagrantemente os dereitos humanos e atenta gravemente contra as vidas e a dignidade das persoas refuxiadas. Persoas que están sufrindo e morrendo escapando das guerras, da fame, da miseria e en busca dunha vida digna e dun futuro mellor.

O partido politico socialista e republicano Decide en Común, opoñémonos e rexeitamos rotundamente o acordo entre a UE e Turquia porque e profundamente racista, xenófobo, inmoral e inhumano porque atenta gravemente contra a dignidade, contra as vidas e porque vulnera flagrantemente os dereitos humanos das persoas refuxiadas.

Decide en Común esiximos tanto o goberno español, como os gobernos europeos que retiren inmediatamente este infame e inhumano acordo da UE con Turquía un país cun goberno o de Erdogan autoritario e antidemocrático que vulnera flagrantemente os dereitos humanos e que esta exterminando o pobo Kurdo. Decide en Común esiximos ao goberno español e os gobernos europeos politicas de acollida e de dereito a asilo para as persoas refuxiadas, así como que defendan unha pasaxe segura e os dereitos humanos das persoas refuxiadas e inmigrantes. Decide en Común opoñémonos e rexeitamos rotundamente esta Europa Neoliberal, insolidaria, antidemocrática e dos mercaderes na que vivimos na que se rescata infamemente aos bancos e se levan a cabo políticas austericidas e neoliberais mentres cada día se vulneran flagrantemente os dereitos humanos das persoas refuxiadas e inmigrantes e da maioria social.

Decide en Común seguiremos traballando conxuntamente e cooperativamente cos partidos de esquerdas, cos sindicatos de clase e cos movementos sociais para construír unha Europa Social, democrática, solidaria e dos/as cidadáns/ás onde se respecten os dereitos humanos, a vida e a dignidade das persoas refuxiadas, inmigrantes e da maioría social. E onde os valores e principios que imperen sexan os de o respecto os dereitos humanos, a igualdade de oportunidades, os da igualdade real entre mulleres e homes, os da xustiza social, os da solidariedade internacional e os do respecto a dignidade das persoas e pobos.

Decide en Común facemos un chamamento a toda a cidadanía europea a que sigan rexeitando, opoñéndose e mobilizándose rotundamente contra o infame e racista acordo entre a UE e Turquía e a que sigan defendendo os dereitos humanos, as vidas e a dignidade das persoas refuxiadas e inmigrantes. Decide en Común dicimos alto e claro: "Ningún ser humano e ilegal; Non ao Acordo entre a UE e Turquia;  Pasaxe Segura; Dereito Asilo paras persoas refuxiadas;  Non a Europa do Capital por outra Europa Solidaria e Socia".

[*] Celso Posada Fernández, nado en Ferrol o 16 de Xullo de 1980. Activista e Coordinador en Galicia do partido Socialista, Republicano e de esquerdas "Decide en Común" e Secretario de Ensino e de Cultura da Executiva Federal; integrante da Plataforma Somos Esquerda. Diplomado en Maxisterio de Educación Primaria pola Universidade da Coruña e Monitor de Tempo Libre. Foi membro do PSOE, candidato a liderar o partido a nivel provincial, até formou parte da súa Executiva Comarcal da que dimitiu. A situación socioeconómica e política, e a súa participación activa nos movementos sociais, levou-no a abandonar o PSOE e colaborar na refundación dun novo partido socialista e republicano. É membro de STOP-Desafiuzamentos da Rede de Apoio Mutuo de Ferrolterra, da Asociación de Mobilidade Humana para a Colaboración e o Desenvolvemento (de apoio ás persoas inmigrantes e refuxiadas) e participa nas Marchas da Dignidade e na Plataforma Cidadá de Ferrolterra contra o TTIP. Está no facebook e un blogue persoal.

Enviado por:
celso posada
-celsoposada2006@hotmail.com-
28 de março de 2016 18:28
___________

mércores, marzo 23, 2016

O Foro Galego de Inmigración ante a pretensión dunha expulsión masiva de refuxiad@s, como consecuencia do inmoral e inhumano acordo entre os mandatarios da UE e o goberno turco, fai un chamamento á mobilización e á denuncia de violación dos dereitos humanos


Comunicado Urxente


NON PERMÍTAMOS QUE A UNIÓN EUROPEA VIOLENTE DE FORMA INTOLERABLE OS DEREITOS HUMANOS: NON AO ACORDO DA UE CON TURQUÍA/NON A EXPULSIÓN DAS ONGs DOS CAMPOS DE REFUXIADOS DE GRECIA

O Foro Galego de Inmigración reclama a necesidade do cumprimento rigoroso dos dereitos humanos nas políticas migratorias e respecto á poboación refuxiada da UE, por iso

1.- Denunciamos o Acordo que a Unión Europea ve de asinar  con Turquía  que contravén os máis elementais dereitos humanos e os acordos internacionais en materia de refuxio e inmigración, entre outras razóns por:
  • A pesar de eliminar en teoría ás deportacións colectivas, na práctica establece un modelo de revisión de situacións individuais, que van ser tratadas de forma colectiva (senón precisaríamos miles de funcionarios traballando a tempo completo  dende xa na atención ás persoas  refuxiadas  e moitos meses ou anos  para abordar de forma sería e individualizada esta cuestión). Polo tanto unha vez máis a UE cambia a terminoloxía, pero non a realidade. O ACORDO CON TURQUÍA SUPÓN DE FEITO DEPORTACIÓNS MASIVAS DE PERSOAS, senón, simplemente non pode funcionar.
  • Por pretender “comprar” en Turquía campos de internamento destas persoas para quitarse de forma intolerable esta realidade de enriba.
2.-  DENUNCIAMOS UN PASO MÁIS NA ESTRATEXIA: A expulsión que se está empezando a comunicar as ONGs de intervención nos campos de refuxiados das illas gregas, mesmo o posicionamento de ACNUR de abandonar algún deses campos, ten que ver co paso evidente que se está a realizar de converter aos campos europeos  de refuxiados en campos de internamento forzado baixo control militar e/ou policial. NON DEBEMOS PERMITIR QUE SE EXPULSE ÁS ONGs DOS CAMPOS DE REFUXIADOS, QUE DEBE DIRIXIR E XESTIONAR ACNUR, COMO GARANTÍA DE RESPECTO AOS DEREITOS HUMANOS. NON SON CAMPOS DE PRISIONEIROS


FORO GALEGO DE INMIGRACIÓN
Rúa San Roque 6-bis. C.P. 15704 - Santiago de Compostela
foroinmigracionsantiago@yahoo.es - 981-576 142
www.forogi.wordpress.com

Enviado por:
susana beatriz alaníz gonzález
-sual259@hotmail.com-
23 de março de 2016 10:31
_____________

sábado, marzo 19, 2016

A Europa sen memoria e a crise dos "ninguén", ... Por André Abeledo Fernández

.





Por André Abeledo Fernández [*]
14.03.2016


Esta Europa do Euro é tamén a Europa sen memoria, esta é a Europa dos mercados que non a das persoas, esta é a Europa da liberdade de comercio que non a dos dereitos humanos.

Unha vez máis Europa ensina a súa verdadeira cara, a cara dos verdugos que non a dos salvadores, dúas guerras mundiais sumadas á infinidade de xenocidios e abusos que enchen a historia da vella Europa non a fixeron máis humana, a barbarie segue imperando, a barbarie capitalista que goberna o mundo tamén goberna á hipócrita Europa.

Os medios de comunicación falan dos refuxiados como dos "ninguén" de Eduardo Galeano, a ninguén lles importa o seu destino, ninguén se indigna o suficiente, ninguén fai o suficiente, ninguén esta a a altura.

Miles de nenas e nenos desaparecidos, secuestrados para non se sabe ben que, explotación sexual?, trafico de órganos?, como pode ser que os pobos de Europa non tomen as rúas reclamando xustiza?, asustados porque nesta Europa do século XXI as crianzas poidan desaparecer sen deixar rastro algún.

Vemos longas filas de crianzas, mulleres, anciáns, homes, persoas, camiñando sen destino, humillados, mal tratad@s, reprimidos, no medio do barro, mollados, xeados, descalzos, farrapentos, parece coma se os campos de concentración da vergonza volvesen para avergoñarnos, pero o dramático é que é unha realidade que a ninguén parece importar o suficiente para facer nada respecto diso.

A Unión Europea xa demostrou que é pouco máis que unha unión económica que beneficia a unha minoría, é unha unión baseada no libre mercado e na deshumanización da sociedade, é unha unión entre desiguais, é un tratado para que as oligarquías repártanse o poder a maior escala e con máis beneficios.

Os pobos europeos debemos repudiar esta Europa vella, con vellos vicios, onde os seres humanos só importan cando dan algún beneficio, como os refuxiados importaban cando servían como coartada para poder participar nunha guerra de espolio.

Pasará o tempo e os libros de historia recollerán estes anos como anos negros, recordarán como unha vez máis centenares de miles de seres humanos foron tratados como lixo e as futuras xeracións preguntaranse como foi posible que ninguén dixese nada para defender aos "ninguén".

[*] André Abeledo Fernández, é un activista sindical, social e político de Ferrolterra. Traballador e membro do Comité de Empresa de Mercadona; e coordinador de Esquerda Unida de Narón. Concelleiro por EU en Narón. Militante do PCG e organizado sindicalmente na CIG.

Contas de André no facebook e no twitter.



Enviado por:

André Abeledo Fernández
-andre1474@gmail.com-
16 de março de 2016 01:00
__________

mércores, marzo 16, 2016

Como en moitas cidades da Galiza e europeas, en Ferrol imo-nos mobilizar contra o Acordo entre a UE e Turquía sobre Refuxiadas, porque consideramos que é vergoñoso, ilegal e vulnera a Carta de Dereitos Humanos, a Carta de Dereitos Fundamentais da UE e a Convención do Estatuto do Refuxiado - Ante esta situación convoca-se ao pobo a mobilizar-se na rúa contra o inmoral e ilegal Acordo, para denuncia-lo e esixir ao Goberno español que non o firme, o rexeite e o vete



Colectivo Ártabra 21

PASAXE SEGURA XA !

Os 28 xefes de estado e de goberno europeos, pretenden firmar un inmoral e ilegal Acordo entre os vindeiros xoves e venres que é cando se xunta o Consello Europeo, polo que as mobilizacións están convocando-se en toda Europa para o hoxe mércores 16 de Marzo, ás cales desde Ártabra 21 queremos amosar o noso incondicional apoio. Tamén está convocada con antelación unha manifestación para este sábado 19 de Marzo, ás 7 da tarde, no mesmo lugar que de manter-se a convocatoria, tamén apoiariamos.

Como diciamos, en moitas cidades da Galiza e europeas están-se convocando mobilizacións. En Ferrol imos-nos mobilizar contra o vergoñento Acordo sobre Refuxiadas entre a UE e Turquía, porque é ilegal e vulnera a Carta de Dereitos Humanos, a Carta de Dereitos Fundamentais da UE e a Convención do Estatuto do Refuxiado. Polo que ante esta situación, esiximos ao Goberno español que non apoie o devandito acordo e o vete. E
para esixir medidas urxentes xustas, solidarias e conforme aos dereitos humanos e das persoas refuxiadas, ante a maior crise humanitaria á que se enfronta Europa.

Organizacións sindicais, forzas políticas e movementos sociais súmase á xornada de mobilización europea o 16 de marzo con motivo do pre-acordo sobre persoas refuxiadas.

Manifesto Unitario

UN ACORDO ILEGAL E INMORAL QUE ATENTA CONTRA OS DEREITOS HUMANOS

As organizacións asinantes consideran inmoral o Acordo da UE-Turquía. É vergoñoso, ilegal e vulnera a Carta de Dereitos Humanos, a Carta de Dereitos Fundamentais da UE e a Convención do Estatuto do Refuxiado. Ante esta situación, instan o Goberno español a non apoiar o devandito acordo e convocan a cidadanía a concentracións cidadás o próximo 16 de marzo.

As organizacións asinantes deste comunicado denunciamos que a Unión Europea trata as persoas refuxiadas como moeda de cambio co Goberno de Turquía ao tempo que pon de manifesto a deterioración do proxecto europeo cun acordo que traslada a crise das persoas refuxiadas fóra das súas fronteiras.

O acordo previo adoptado o 7 de marzo polo Consello de Europa con Turquía evidencia a absoluta insensibilidade da UE e os Estados membros ante a crise humanitaria das persoas refuxiadas que arriscan a súa vida fuxindo da guerra.

A Unión Europea, ademais de incumprir a legalidade internacional, elude a súa responsabilidade de dar resposta aos milleiros de refuxiados e refuxiadas que se amorean nas súas fronteiras, mediante un acordo con Turquía para deportar a ese país a todos os inmigrantes, económicos e tamén demandantes de asilo, que cheguen á UE a través deste país, a cambio de que os Estados membros recoloquen o mesmo número de refuxiados asentados en territorio turco.

A Unión Europea urdiu un plan que vulnera a especial protección que o dereito internacional lles recoñece ás persoas que demandan asilo mediante a asimilación de inmigrantes económicos e refuxiados, todos eles considerados «ilegais». Expulsarase a Turquía as persoas refuxiadas que chegaron a Europa por esta vía.

A Unión Europea comprou as devolucións a Turquía por 3.000 millóns de euros, polos custos de xestión, e 3.000 millóns adicionais en 2018, sen ningún mecanismo de control do destino do orzamento. Este acordo ampliase ademais coa eliminación do requisito de visado para as cidadás e cidadáns turcos en Europa a partir de xuño de 2016 e a axilización da entrada de Turquía na UE. Obviouse, curiosamente, que o Goberno de Erdogan viola de forma reiterada dereitos fundamentais como a liberdade sindical, o dereito laboral, a liberdade de prensa e expresión -como o recente caso do diario Zanan, próximo á oposición ao Goberno turco-, ou o exterminio do pobo kurdo.

Os refuxiados e as refuxiadas son seres humanos que foxen da guerra e buscan a protección internacional, facer deles unha mercadoría para o intercambio económico é inhumano e non dará lugar a unha resposta máis humanitaria: pagar a Turquía non eliminará o perigo ao que sirios, iraquís e outros pobos están expostos nos seus propios países.

O sistema un-por-un (intercambio de refuxiados sirios) non ten sentido e é unha violación do dereito internacional e dos tratados da UE.

A UE non debería nin sequera considerar pagarlle a Turquía para manter as persoas refuxiadas en campamentos inhumanos sen ningunha perspectiva, e non debería haber ningún intercambio entre o seu mantemento fóra de Europa e a aceleración das negociacións de adhesión á UE.

As organizacións asinantes deste manifesto, levamos moito tempo defendendo que a comunidade internacional debería investir tempo e recursos en restablecer a paz en Oriente Medio, asumindo a súa responsabilidade nesta crise humanitaria que ven derivada en moitos casos das intervencións militares imperialistas levadas a cabo pola UE e EEUU, en función dos seus intereses xeoestratéxicos, en moitos dos países dos que proceden estas persoas.

As organizacións asinantes deste manifesto consideramos pois unha inmoralidade e unha grande hipocrisía o que está a facer a UE coas persoas refuxiadas e inmigrantes en xeral e manifestamos o noso máis absoluto rexeitamento á política da UE e dos seus Estados membros ante a maior crise humanitaria desde a segunda guerra mundial. Europa ten capacidade de resposta e de solución da mesma o que non ten é vontade política para facelo.

Por todo isto, en consecuencia, esiximos do Goberno español o total rexeitamento do principio de acordo con Turquía, no próximo Consello Europeo do 17 de marzo.

Por último, ante a gravidade dos feitos que estamos a denunciar, animamos a todas as organizacións sociais e políticas, e a todo o pobo no seu conxunto, a que promovan e participen nas mobilizacións que se convocan en todo o Estado español para a tarde deste 16 de marzo, para denunciar a actitude de Gobernos e institucións europeas e para esixir medidas urxentes ante a maior crise humanitaria á que se enfronta Europa.

ORGANIZACIÓNS:

CCOO-Galicia; CIG; UGT-Galicia; Anova; BNG; En Marea; EU; PSdG; Podemos; Asemblea de Cooperación Pola Paz Galicia; Coordinadora Galega de ONGD; Foro Galego de Inmigración; Seminario Galego de Educación para a Paz.
___________

venres, febreiro 19, 2016

Marcha europea polos dereitos das persoas refuxiadas, na Coruña, o sábado 27 de Febreiro, ás 19:30h dende a praia de Riazor até o Obelisco



En centos de cidades  van ter lugar mobilización dentro da campaña solidaria "Marcha Europea polos Dereitos das Persoas Refuxiadas". Como en centos de cidades europeas, na Galiza, vai ter lugar n'A Coruña, o sábado 27 de Febreiro, ás 19:30h dende a praia de Riazor até o Obelisco.

Trata-se de mobilizar-nos para esixir aos gobernos europeos unha pasaxe segura e a defensa dos dereitos dos refuxiados e refuxiadas.

Non poden seguir morrendo no seu camiño a un lugar seguro, necesitamos vías seguras e que unha vez cheguen á Unión Europea se  lles acolla con dignidade e se respecte os seus dereitos.


O evento en Facebook:
https://www.facebook.com/events/1038387522871014/

ac.sos.dd.migrantes@gmail.com

FORO GALEGO DE INMIGRACIÓN
https://forogi.wordpress.com/ foroinmigracionsantiago@yahoo.es

Información baseada na enviada por:
susana beatriz alaníz gonzález
-sual259@hotmail.com-
19 de fevereiro de 2016 16:39
____________________