Amosando publicacións coa etiqueta Esquerda Unida. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Esquerda Unida. Amosar todas as publicacións

luns, abril 13, 2015

Mañá martes, día 14 de abril ás 19 h, Esquerda Unida sae á rúa para apoiar a candidatura de Ferrol en Común - Visitarán o Centro Cultural Torrente Ballester e falaran sobre creación e políticas culturais na nosa cidade


ACTO DE APOIO  A FERROL EN COMÚN

Mañá martes, día 14 de abril ás 19 h, Esquerda Unida sae á rúa para apoiar a candidatura de 'Ferrol en Común'. Visitaremos o C. Torrente Ballester e charlaremos sobre creación e políticas culturais na nosa cidade.

Fronte á desidia mostrada polo actual goberno son necesarias accións tendentes á formación e ao apoio dos creadores locais. Bolsas, cursos, escolas municipais, espazos de produción e participación activa de todos os axentes implicados (asociacións, pequenas empresas, artistas, centros educativos, etc) son aspectos básicos para xerar unha rede que se complemente cunha programación de calidade e específica para Ferrol.

A defensa e exposición seria do noso patrimonio xunto co achegamento da cultura á rúa como parte inseparable de calquera política de rexeneración urbanística son tamén piares fundamentais no ideario de Ferrol en común. Modernidade e entusiasmo polo tanto a debate nun encontro que pretende ser o máis vivo e rico posible para o cal contaremos con persoas de recoñecida traxectoria profesional así como o candidato de Ferrol en común, Jorge Suárez e o actual concelleiro de Esquerda Unida, Suso Basterrechea.

Esquerda Unida de Ferrol
R/ do Sol 124 Entrechán Esquerda
981944035

www.euferrol.org
https://www.facebook.com/esquerdaunida.ferrol
https://twitter.com/EUFerrol
http://www.esquerdaunida.org/ferrol.html

Enviado por:
Ferrol Esquerda Unida

-eu-ferrolterra@esquerdaunida.org-
13 de abril de 2015 12:50
Bo día: Achegamos convocatoria para acto de apoio a Ferrol en Común, mañá martes, coa participación do concelleiro de Esquerda Unida Suso Basterrechea e o candidato de FeC Jorge Suárez. Grazas e un saúdo.
______________

luns, febreiro 16, 2015

Esquerda Unida de Narón solidariza-se coa loita dos traballadores de "Cocinas Sierra" que levan desde Novembro de 2014 sen cobrar os seus salarios


APOIO Á LOITA DOS TRABALLADORES DA EMPRESA FERROLTERRÁN "COCINAS SIERRA"


DENDE ESQUERDA UNIDA DE NARÓN QUEREMOS MANIFESTAR O NOSO APOIO A LOITA DOS TRABALLADORES DE “COCINAS SIERRA”  ANTE O IMPAGO REITERADO DOS SEUS SALARIOS POLO EMPRESARIO E O ATRASO DA XUSTIZA, denunciamos que os empresarios están aproveitando unha reforma laboral feita a súa medida por un goberno “amigo” para cometer autenticas inxustizas, familias enteiras desesperadas porque non chega o salario a casa, porque non lles pagan ou  porque nunca saben cando e canto van a cobrar.

As traballadoras e traballadores do noso pais están mais indefensos que nunca, e as condicións de traballo degrádanse a un ritmo vertixinoso.

Tamén queremos facernos eco da vivencia a dun dos traballadores de “COCINAS SIERRA” que explicounos a súa experiencia enviando o seguinte escrito o CPL de Esquerda Unida Narón.
Meu nome e Pedrós e son un traballador de "Cocinas Sierra" desde o ano 1988. E coma a malloria dos meus compañeiros levo moitos anos a o servicio da empresa, unos mais e outros menos, pero facemos una media de 18 anos a o servizo de Sierra.

A cousa empeza fai uns catro anos que comenzou a retrasar os pagos, pagaba as nóminas en dúas veces no mes e así hasta que empezou a acumular débedas con nos pero sempre mirou de non exceder os catro meses de débeda, hasta hoxe que xa acarrea una débeda de sete meses con cada traballador.

Nos puxémoslle una denuncia en novembro do 2014. Reclamándolle as nóminas endebedadas e un fin de contrato por incumprimento pola súa parte, iso a el sentoulle moi mal sobre todo por que na denuncia metémola a todas as empresas que ten, que naceron a raíz desta, una esta en Lugo e a rexenta a irma (Remedios Sierra) se chama "Sivifer Sierra Cocinas", e a outra fundouna a filla fai uns tres anos no polígono do Rio do Pozo, "Imnova Montage", adicada a decoración de interiores cociñas baños etc. Distribución de electrodomésticos, materiais de construción etc, coa cal fixemos algúns traballos que supostamente nos subcontrataban e nos tiñan que deixar beneficio, e nos supoñemos que xogaba ca nosa man de obra e facturaba con "Imnova", así cando nos presentou os números da empresa estes sempre deron perdida e dicía que non era viable, pero de pechar tampouco quere ouvir falar, e así nos ten hasta o 25 de febreiro que nos sae o xuízo.

O último pago que nos fixo foron 200 euros no mes de novembro antes de que lle chegara a denuncia, e nos lle pedimos a vacacións do ano que terminaba por que nos quedaban 17 días por disfrutar, e el nos deunas pero nos pediu que lle terminaramos uns traballos para entregar e así darnos algo para pasar as navidades, e así fixemos pospuxemos as nosas vacacións un par de días e lle terminamos todo, e cando pasamos a cobrar non nos quixo pagar nada, e aínda así pasamos un par de días máis a ver si reflexionaba pero el seguiu nas mesmas.

Nos incorporamos a traballar o 7 de xaneiro e nos reconoceu que un dos traballos lle deixara limpos 5.000 euros pero que os destinou en pagarnos as cargas sociais e de instalacións, nos propuxo seguir traballando se queríamos cobrar e nos lle dixemos que xa nos chegara ca experiencia de novembro e lle exigimos que primeiro nos adiantase parte da débeda, a lo cal negouse dicindo que non tiña cartos, nos estivemos pechados nas instalacións cumprindo o noso horario tres semanas, el quixo facernos a vida imposible ...  Saúdos“.
Achegate xunta NOS, fagamos un novo Concello máis Social, máis Democrático, Participativo e de Tod@s !!

Conta no facebook de Esquerda Unida de Narón:
https://www.facebook.com/naroneu


Conta no twitter de Esquerda Unida de Narón:
http://twitter.com/eunaron


Cocinas Sierra (Luís Sierra Carral, S.L.), no buscador libre Duckduckgo: Rastrear.

Enviado por:

André Abeledo Fernández
-andre1474@gmail.com-
13 de fevereiro de 2015 16:19
_________________

luns, xaneiro 12, 2015

Apoio de Esquerda Unida de Narón ás demandas e a folga dos traballadores de MEGASA en Narón


Dende Esquerda Unida de Narón queremos amosar o noso total apoio a folga dos traballadores de MEGASA en Narón.

Como xa fixemos fai uns días durante a visita da parlamentaría de AGE Lidia Senra a Fene na que se reuniu tanto ela como o CPL de EU Narón con o comité de empresa de MEGASA queremos transmitir a todos os traballadores que seguiremos o seu carón na loita por un traballo digno e con dereitos.

Entendemos que unha vez mais a patronal aproveita unha reforma laboral feita a súa medida para despedir sen motivo a 47 traballadores, e dicimos que sen motivo porque a empresa ten beneficios, entendemos que o que pretende a empresa con estes despedimentos é sementar o medo para poder mais adiante contratar persoal en condicións precarias e con peores salarios.

Pero non esquezamos que o problema real non é outro que Megasa poda acadar unha rebaixa na tarifa eléctrica a costa do erario público, e dicir, capital público que serve para favorecer unha empresa privada a costa da coacción e ameazas de despedimentos, o mesmo modus operandi que en Alcoa.

Dende Esquerda unida Narón rexeitamos o actual sistema tarifarío eléctrico que afecta directamente a empresas como MEGASA, tamén entendemos que non é de recibo que dende o goberno do PP se fomente a competencia desleal o aplicar distintos prezos a enerxía segundo o tamaño da empresa.

Dende Esquerda Unida sempre apostamos por a nacionalización das compañías eléctricas.

Denunciamos que non hai ningunha desculpa valida para que unha empresa con beneficios que medrou e puido inverter no exterior grazas as ganancias obtidas en MEGASA Narón agora pretenda deixar a 47 dos 168 traballadores de MEGASA na rúa.

Consello Político Local de Esquerda Unida Narón

Conta no facebook:
https://www.facebook.com/naroneu

Conta no twitter:
https://www.facebook.com/naroneu

Foto de Lidia Senra reunida con o comité de empresa de MEGASA e membros do CPL de Narón.

Enviado por:
André Abeledo Fernández
-andre1474@gmail.com-
11 de janeiro de 2015 10:05
________________

venres, outubro 03, 2014

Esquerda Unida considera que a actual saturación de obras públicas e colapso no tráfico e aparcadoiros é resultado dun cálculo electoral do PP - Denuncia un acordo entre Urbaser e a Alcaldía para prorrogar a vixencia da actual concesión do servizo de recollida de sólidos e limpeza viaria

Esquerda Unida considera que a actual saturación de obras públicas e colapso no tráfico e aparcadoiros é resultado dun cálculo electoral do PP. | O voceiro do grupo liga o actual caos á mesma política electoral que explica os remanentes multimillonarios: todo para os últimos seis meses.

Esquerda Unida considera de todo punto inaceptable a actual situación de caos circulatorio e colapso en aparcadoiros. Non é nada casual a concorrencia de obras que causan a actual situación no centro da cidade senón que responde a unha calculada programación que nada ten que ver coa racionalidade ou a previsión. Ten que ver, pola contra, coa práctica electoralista consistente en darlle saída á obra pública no último tramo de mandato coa finalidade de poñer a disposición do goberno do PP unha campaña electoral sufragada con cartos públicos.

Non só iso senón que ademais para o voceiro Javier Galán é de todo punto inaceptable que algunha obras acaben por finalizar un ano e medio despois do prometido no seu momento á cidadanía.

En concreto:

A rúa Irmandiños ía quedar libre de obras en febreiro de 2014 (posteriormente maio de 2014) segundo promesa do goberno municipal aos comerciante da rúa da Igrexa mobilizados no inverno pasado pola actitude escurantista e prepotente do PP. Agora a nova información é que rematarán as obras en maio do 2015.

O colapso da zona está servido se lle engadimos as obras na Costa de Mella co ascensor panorámico do señor Alcalde e de orzamento millonario.

Se a isto lle engadimos as présas que se da o concelleiro Cal en solucionar a falta de servizo de transporte público en Ferrol Vello é doado deducir a situación.

Por último e a propósito do pintado de zonas de aparcadoiro de superficie e a súa planificación e información:

A demolición das institucións de participación cidadá por parte do PP está tendo consecuencias moi graves para o futuro da cidade: unilateralmente o PP está impoñendo a súa vontade, programas e compromisos electorais a parte, por riba da opinión pública facilmente contrastable para o goberno se activase os mecanismos de participación que ten a man. Con canto de facelo desmantela todo porque todo estorba para poder exercer o goberno como se está a facer e poder facer rodar a administración como se está a facer: unha máquina de subrogar e externalizar servizos con media plantilla municipal traballando para preparar, manter e darlle lustro a unha roda infernal de contratos privados.

As asociacións veciñais, e de hostalería etc e a cidadanía en xeral que estes días acertadamente protestan e fan ouvir a súa voz, deben ser escoitadas no marco das institucións participadas ou en contactos bilaterais co goberno municipal no caso do movemento asociativo pero iso non impide que deixen de funcionar as institucións que, consonte o noso regulamento, son as que poden permitir un máximo grao de participación da veciñanza, en concreto o Consello da Veciñanza. Para asuntos como tráfico, aparcadoiros, zona azul , verde ou da cor que se queira, son, literalmente, esenciais e o goberno do PP non debería ter medo de convocalas e carearse coa cidadanía directamente... de ser un goberno ao servizo do interese xeral.


Esquerda Unida denuncia un acordo entre Urbaser e a Alcaldía para prorrogar a vixencia da actual concesión do servizo de recollida de sólidos e limpeza viaria. | O Concello aínda non pasou ao grupos municipais o estudo para o diagnóstico da situación da concesión.

A data de hoxe e entrando xa no mes de outubro, é dicir, a tres meses vista do fin da concesión coa empresa Urbaser para a recollida de sólidos urbanos e limpeza viaria, o goberno do señor Rey Varela non presentou o estudo que permita unha avaliación da situación, por lóxica elemental, previa a calquera debate sobre prego de concesións.

É dicir, cómpre coñecer e analizar todas as variables que concorren na situación de fin da concesión incluídas aquelas que conforman o histórico da concesión e que contemplan as modificacións do contrato concesional en materia de investimento e renovación. Cómpre, ademais, coñecer a conta de explotación da empresa e os seus costos de persoal e cómpre, en definitiva, dar conta das modificacións do servizo previstas, do seu impacto económico, do seu impacto no costo no equipo de persoal sen alteralo ou reasignalo e , por parar en algún punto, entrar no detalle do costo do impacto de persoal por capítulos-maquinaria. Cando menos isto que , queremos lembrar, foi o que, con certos matices de importancia, se fixo no ano 2009 a propósito da última modificación no servizo de recollida de RSU e limpeza viaria.

Pola contra o goberno do PP non só non fai nada disto senón que mesmo se entretén con cuestións alleas , en principio, á concesión como pode ser un convenio laboral que, se afirma, garante o emprego e a continuidade da limpeza viaria e recollida de lixo. O emprego das empresas se garante derrogando leis como as aprobadas polos gobernos do PP e a limpeza e recollida do lixo garántense doutra maneira: xestión pública e modernización e actualización do servizo sen mercantilización. Eis a chave da cuestión: para garantir o emprego e para garantir o servizo e a súa excelencia hai que comezar xa a poñer as cifras en claro. Se non é así o único que nos queda pensar é: vai haber unha prórroga por un ano para a actual concesionaria que lle permita ao señor Rey Varela e á empresa agochar as súas intencións e entrar en campaña electoral o máis comodamente posible en canto a lixo e limpeza viaria se refire. Para despois das eleccións novo prego con axustes de equipo e despedimentos pedra de troco para negociar o canon. Polo medio unha mingua no servizo disimulada no papel do novo prego pero evidente unha vez pase o tempo e como xa se está a ver ,agora, co novo prego para o servizo de parques e xardíns: o costo de incluír a Praza de España mantendo o canon é a costa de mingua do servizo para o resto das zonas verdes e mantemento de árbores e xardíns.

Ferrol, a 3 de Outubro de 2014

Esquerda Unida de Ferrol
R/ do Sol 124 Entrechán Esquerda
981944035

www.euferrol.org
https://www.facebook.com/esquerdaunida.ferrol
https://twitter.com/EUFerrol
http://www.esquerdaunida.org/ferrol.html

Enviado por:
Ferrol Esquerda Unida
-eu-ferrolterra@esquerdaunida.org-
3 de outubro de 2014 13:17
Bo día. Enviamos notas de prensa do grupo municipal de Esquerda Unida. O lamentable planeamento das obras públicas en Ferrol, coas conseguintes consecuencias para viandantes e tráfico rodado, e determinados acordos fóra do foco das institucións públicas e o control democrático son os temas que tratamos. Un saúdo e grazas pola atención. Jorge Suárez. Secretario de Comunicación.
___________________________

luns, agosto 25, 2014

Esquerda Unida de Ferrol contra os gobernos de seis meses de campaña e tres anos de inactividade - O recente Plan de obras anunciado polo goberno municipal é un exercicio de cinismo electoralista

Esquerda Unida de Ferrol contra os gobernos de seis meses de campaña e tres anos de inactividade. | O recente Plan de obras anunciado polo goberno municipal é un exercicio de cinismo electoralista.

O recente anuncio dun Plan de mellora de vías polo goberno municipal, cun investimento de 1,2 millóns de euros, ven a poñer de manifesto que as rúas e vías da cidade de Ferrol, tan só serán transitables para a veciñanza cando o Partido Popular de Ferrol decide arrancar a súa campaña electoral.

O mantemento ordinario da cidade de Ferrol nos últimos anos, baseada nun Plan de barrios consistente na reparación de fochas en pequenas partes da cidade, cuberta dun marchamo de populismo, con reunións ficticias coas veciñanzas sen opción de participación real, e convocatorias á prensa para simular actividade que non existe, cando queda sen executar unha quinta parte do orzamento que ben podería ser utilizado a debido tempo no mantemento ordinario de rúas e beirarrúas para mellorar a calidade de vida e, ademais, na creación de emprego, nada menos que 10 millóns de euros, que ben poderían paliar a situación de emerxencia social que estamos a vivir.

Por outra banda, Esquerda Unida censura a adxudicación destas obras á Tragsa, empresa semipública, no canto de crear emprego directo a través das bolsas de emprego municipais, totalmente menosprezadas e inutilizadas, e de impulsar unha Cuadrilla de obras municipais, que sempre figurou no programa de EU Ferrol e crearía emprego de calidade e directo, sen custos intermedios nin convenios para empregos precarios, ademais de posibilitar unha mellor fiscalización dende o goberno municipal.

Javier Galán, voceiro do grupo municipal, quere recordar que as decisións sobre as actuacións en materia de obras e mantemento son manifestamente unilaterais, xa que as propostas feitas dende hai meses na Comisión de Urbanismo, como o arranxo da rúa Manuel Belando, teñen o silencio como resposta, o que pon en evidencia que o goberno municipal está máis preocupado pola cita electoral que pola adecuación da cidade ao benestar urbano.

Ferrol, 25 de agosto de 2014.-

--
Esquerda Unida de Ferrol
R/ do Sol 124 Entrechán Esquerda
981944035

www.euferrol.org
https://www.facebook.com/esquerdaunida.ferrol
https://twitter.com/EUFerrol
http://www.esquerdaunida.org/ferrol.html

Enviado por:
Ferrol Esquerda Unida
-eu-ferrolterra@esquerdaunida.org-
5 de agosto de 2014 14:27
25 de agosto de 2014 12:59

Bo día. Enviamos nota de prensa pola que o portavoz do grupo municipal de Esquerda Unida denuncia o oportunismo e a demagoxia do PP ao anunciar un suposto plan de obras e mellora de vías cando non se trata de outra cousa que de mantemento ordinario. Grazas pola atención e un saúdo, Jorge Suárez Secretario de Comunicación

___________________

mércores, agosto 06, 2014

Esquerda Unida pronuncia-se sobre a anulación da poxa especulativa dos terreos de Defensa en Esteiro e sobre o rexeitamento de Bruselas para que Navantia constrúa o dique flotante

Esquerda Unida pide a anulación da poxa especulativa dos terreos de Defensa en Esteiro. | A obtención de plusvalías por medio da venda de terreos públicos, por nada menos que un mínimo 1,5 millóns de euros é un roubo á veciñanza de Ferrol, ante o silencio cómplice do goberno municipal. | Esquerda Unida de Ferrol dirixirase ao Ministro a través de Izquierda Plural no Congreso dos Deputados para tal fin.

A publicación no Boletín Oficial do Estado da poxa das parcelas 8C e 18.1 do Polígono de Esteiro, de máis de 1.500 metros cadrados, constitúe unha operación especulativa de envergadura do Ministerio de Defensa, unha institución que durante anos desprezou a lexislación fiscal negándose a pagar o Imposto sobre Bens Inmobles ao Concello de Ferrol, malia a ocupar un vinte por cento dos terreos municipais, e que, agora, sen ningún tipo de negociación ou procura de convenio, saca á venda pública os terreos que lexitimamente corresponderían ao Concello de Ferrol, unha vez desafectados de usos militares.

Cabe lembrar que mesmo a parcela 8C, confluencia entre a Avenida de Vigo e a Avenida de Esteiro foi  embargada polo impago do IBI no ano 2007 por un concelleiro de facenda, un tal Rey Varela, quen argumentaba ese embargo en defensa dos intereses da cidade. Semella que eses intereses da cidade xa non concordan cos do goberno municipal, polo silencio clamoroso que mantén ante este roubo a man armada para a veciñanza de Ferrol destes terreos, que ben poderían ter usos dotacionais e de servizos para a cidadanía.

A área de urbanismo de Esquerda Unida quere incidir que unha desas parcelas está afecta ao antigo INVIFAS (Instituto de Vivenda das Forzas Armadas) co que o seu uso non era militar estritamente, razón de máis para cualificar esta operación como un pelotazo en toda regra, unha especulación infame que usurpa dos dereitos a espazos públicos á cidade de Ferrol.

A actitude entreguista e sumisa do alcalde de Ferrol respecto ao Ministerio de defensa comeza a ser clamorosa:
  • Hai un convenio metido nun caixón, polo que se ían ceder terreos (previo pago da abusiva cantidade de medio millón de euros das arcas municipais) do que nada se sabe e pendente “duns flecos” dende hai meses
  • Hai unha residencia universitaria con unha demanda que triplica á paupérrima oferta e que ben podería ser suplida coa cesión destes terreos para a construcción dunha nova residencia que dea impulso ao Campus de Ferrol, ou para a unificar todas as titulacións nun mesmo espazo físico: o barrio de Esteiro.
  • Apláudese con entusiasmo a decisión de Defensa de construír un BAM, cando son coñecidas as necesidades dunha Fragata, tanto para o propio ministerio como para que a carga de traballo dos nosos estaleiros palíe a sangría dos máis de 4000 postos de traballo perdidos na industria auxiliar.
Esquerda Unida insta ao goberno municipal que en lugar de vender o mantemento ordinario de rúas, reparación de fochas e viais como un gran Plan do goberno municipal, actúe ante o Ministerio de Defensa e solicite convenios de cesión de terreos para o uso público destas parcelas, ben sexa ligadas ao Campus ou ben para usos sociais, pero en ningún caso que se consinta a especulación e o enriquecemento inxusto coas propiedades que están no solo urbano do concello de Ferrol.  Pola nosa banda, a organización local de Ferrol dirixirase aos grupos de Alternativa Galega e da Izquierda Plural a pedir explicacións a este goberno metido a especulador inmobiliario co que é de todos e de todas.

Esquerda Unida de Ferrol nega que o dique sexa unha axuda estatal e demanda a súa dotación económica inmediata nos orzamentos da Xunta e do Estado. | O dique flotante, reivindicación história de EU, non é produción en si mesma, senón unha ferramenta de traballo necesaria para adaptarse a circunstancias excepcionais, que si permite o mencionado artigo 107 do TFUE. | A falta desa infraestrutura supón a renuncia a unha cota de mercado que outros países, como Francia co sector da automoción, si corrixiron  con fondos públicos sen que a UE puxera reparos.

O ditame da UE, con meses de retraso, en gran parte por neglixencia do goberno do Partido Popular, debe ser rexeitado unanimemente polas organizacións políticas, sindicais e a sociedade civil,  xa que é un golpe máis a un sector naval público noqueado, que tan só a unidade na loita e a firme determinación na resposta pode mudar en carga de traballo, ante a absoluta desidia do alcalde de Ferrol, a pouca forza de Feijoo e a intención clara de Montoro e Rajoy de deixar caer as gadoupas especuladoras das multinacionais sobre os terreos de Navantia Fene e Navantia Ferrol, botando o peche á única industria que nos queda.

Esquerda Unida de Ferrol, aínda que insiste en que non é axuda pública prohibida por ser o dique nada máis que unha ferramenta de traballo, considera que existen no propio tratado excepcións á regra xeral que non foron contempladas, nin esixida a súa contemplación polos gobernos da Xunta e o Estado. Así, no artigo 107  do Tratado de Funcionamento da Unión Europea (TFUE) no apartado 2 b) menciónase a posibilidade destas axudas cando sexan destinadas a reparar prexuízos causados por acontecementos de carácter excepcional. Obviamente a ampliación no ancho do Canal de Panamá, que provocou a inmediata ampliación dos gaseiros para ter máis capacidade, deixou sen posibilidade de reparar estes buques a Navantia Ferrol, xa que logo non están adaptados os diques existentes aos novos tamaños, o que imposibilita a concurrencia competitiva con estaleiros franceses.

Por outra banda, o punto 3 do artigo 107 do TFUE prevé que poidan ser compatibles estas axudas cando estean destinadas a favorecer o desenvolvemento económico de rexións nas que o nivel de vida sexa anormalmente baixo ou nas que exista unha grave situación de subemprego.

Non fai falta moita reflexión e basta con analizar uns cantos datos, para decatarse de que Ferrolterra está nestas circunstancias: co 30% de taxa de desemprego, onde so un de cada tres traballan, 5000 persoas non perciben ningún tipo de prestación, o descenso demográfico é brutal retrocedendo en décadas, cunha alta taxa de pobreza, envellecemento e emigración

Dende Esquerda Unida instamos ao Presidente do Goberno a que na vindeira xuntanza que vai manter con Angela Merkel en Compostela, en lugar de detallar o Plan de axuste que teñen previsto de 45.000 millóns e que traerá máis recortes de dereitos sociais e sufrimento para as persoas, faga fronte a un problema que ameaza con facer tambalear o sector naval público e esixa a inmediata rectificación na decisión da Unión Europea, que permita dotar de partidas orzamentarias suficientes tanto na Xunta como no Estado esta ferramenta de traballo vital e estratéxica para os estaleiros da ría a poucos meses do fin do veto á construción civil, para unha Ferrolterra que xa está cansa de que os partidos da dereita se preguen aos ditados da Troika (a Comisión Europea é piar deste sistema) e asuman as súas decisións como lóxicas do mercado, quizais vai sendo hora de que impoñamos a lóxica da xente do común.

Ferrol, 5 de agosto de 2014
--
Esquerda Unida de Ferrol
R/ do Sol 124 Entrechán Esquerda
981944035

www.euferrol.org
https://www.facebook.com/esquerdaunida.ferrol
https://twitter.com/EUFerrol
http://www.esquerdaunida.org/ferrol.html

Enviado por:
Ferrol Esquerda Unida
-eu-ferrolterra@esquerdaunida.org-
5 de agosto de 2014 14:27
5 de agosto de 2014 16:04

Bo día, achégase nota de prensa relativa á poxa especulativa que o Ministerio de Defensa pretende facer con parcelas públicas de Esteiro e nota de prensa relativa ao rexeitamento de Bruselas para que Navantia constrúa o dique flotante. Un saúdo. Jorge Suárez Secretiario de comunicación

___________________

sábado, agosto 02, 2014

A área de Urbanismo e Vivenda do Consello Político Local de Esquerda Unida valora a proposta de 'Plan especial de protección e rehabilitación de Ferrol Vello'

Esquerda Unida considera globalmente positiva a reordenación do espazo público formulada polo Pepri de Ferrol Vello, mesmo entende que debería ser máis ambicioso, e insta ao PP a tomar boa nota.

A area de elaboración de Urbanismo e Vivenda defende a remodelación do adro da Igrexa de San Francisco e propón que se faga extensiva á fronte portuaria. | A supresión do aparcadoiro previsto na Costa de Mella, substituído por un baixo rasante na praza Eduardo Pondal, debe ser exhaustivamente explicado e analizado.


A área de Urbanismo e Vivenda do Consello Político Local de Esquerda Unida considera globalmente positiva a proposta de reordenación do espazo público formulada pola empresa redactora  no Plan especial de protección e rehabilitación de Ferrol Vello. A rexeneración do barrio pasa, necesariamente, pola racionalización de espazos e unha aposta pola mobilidade peonil. Esta materialización que se propón claramente para a o adro da Igrexa de San Francisco, e progresivamente para a rúa do mesmo nome, debería materializarse para a fronte portuaria, suprimindo as prazas de aparcadoiro en superficie e mellorando a habitabilidade do espazo público do conxunto da fachada marítima da cidade.

Con respecto a dotación de aparcadoiro que se propón, baixo rasante na praza de Eduardo Pondal, Esquerda Unida propón a apertura dun debate público con información rigorosa por parte da empresa redactora así como o careo público do goberno municipal coa veciñanza do barrio. A veciñanza e a cidadanía en xeral ten que estar exhaustivamente informada do por que da modificación do previsto polo plan de mobilidade (plan de mobilidade que os redactores do plan especial toman, polo demais, como referencia) das súas vantaxes e das garantías que  se están a ofrecer para a dotación pública de aparcadoiros de vehículos unha vez revitalizado o barrio. Por que non contemplar tamén a parcela de Hispania? Falamos do seu conxunto. A maiores da obrigada reserva que a propiedade ten que facer e que no plan se denomina “xardíns de Hispania”, 746 dun total de 3450 metros cadrados. Aquí a posibilidade  de compatibilizar praza verde con aparcadoiro público verde é a proba de algodón para calquera goberno municipal que se tome en serio os plans que publica no DOG.

Queda por último unha cuestión non menor para un plan especial que toma como referencia o mencionado de mobilidade: cómpre incorporar ao plan as formulacións do plan de mobilidade para transporte público terrestre: o silencio ao respecto doutros modos que transporte alternativos ao vehículo privado é clamoroso. Incomprensible no caso do autobús e do carril bici, aspectos clave para a nosa organización, na procura dunha cidade compacta e sostible medioambientalmente debe promoverse o uso do transporte público e de medios alternativos non contaminantes, claro que se o propio concelleiro responsable da área, Pablo Cal, recoñece “non ter nin idea de transportes” cabe na pura lóxica deste goberno que non estea contemplado. Será motivo de  alegacións por parte de Esquerda Unida.

Ferrol, 2 de agosto de 2014
--
Esquerda Unida de Ferrol
R/ do Sol 124 Entrechán Esquerda
981944035

www.euferrol.org
https://www.facebook.com/esquerdaunida.ferrol
https://twitter.com/EUFerrol
http://www.esquerdaunida.org/ferrol.html

Enviado por:
Ferrol Esquerda Unida
-eu-ferrolterra@esquerdaunida.org-
2 de agosto de 2014 11:35

Achégase nota de prensa sobre o Pepri de Ferrol Vello, ao que esta organización fará alegacións na procura dunha reordenación do espazo público máis ambiciosa e sostible. Un saúdo. Secretaría de comunicación.

___________________