Amosando publicacións coa etiqueta Galiza Ano Cero. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Galiza Ano Cero. Amosar todas as publicacións

sábado, agosto 09, 2014

Interesante debate sobre municipalismo, dúas horas intensas onde se abordan a maioría dos temas que nos preocupan, desde a esquerda - Vídeo


Desde Ártabra 21 presentamos un interesante debate sobre municipalismo, producido por Galiza Ano Cero, aínda que centrado na Coruña e a súa situación, aborda aspectos xerais de moito interese para o activismo en Ferrol Terra. Son dúas horas intensas onde se abordan moitos dos temas que nos preocupan, desde a esquerda. A día de hoxe, 8 de Agosto, na Coruña xa é realidade unha proposta de alternativa (Marea Atlántica), para a construción social e a conquista do poder municipal a través da mobilización e o voto. O debate foi gravado o 22 de Xuño de 2014, na Casa Tomada da Coruña.

Debatemos sobre municipalismo

"Un dos problemas á hora de artellar unha candidatura cidadá será o de traballar cos liderazgos" - Alberto Lema (Escritor e Sindicalista).

"Cada vez vexo máis posíbel un cambio dende a cidadanía en 2015" - Rocío Fraga (Activista Feminista).

"Os movementos da Coruña demostraron que teñen outro proxecto de cidade, o que hai que facer é cohesionalo" - Tone (Activista Social).

"A realidade da Coruña é demoledora: pouco pan e pésimo circo" - César Santiso (Concelleiro na Coruña por EU).

"O déficit cero pensado para o estado acabou xerando desigualdade tamén na cidade" - María Xosé Bravo (Concelleira na Coruña polo BNG).

"Os movementos temos un reto: preguntarlle á xente descontenta que cidade quere" - Santi Lamelo (Activista das Marchas da Dignidade e do Frente Cívico).

"Que a xente saiba que desta vez é posíbel gañar" - Manuel Rivas (Escritor, Activista Social).


Municipalismo na Coruña
  1. Introdución
  2. Cal é a situación política da Coruña?
  3. Que fórmula electoral usamos para o cambio?

Galiza Ano Cero pecha a súa primeira tempada de emisións cun debate aberto á participación do público fóra do seu espazo habitual. Gravouse na Casa Tomada (A Coruña) o pasado domingo 22 de xuño.

No marco dun convulso pero ilusionante tempo, onde o réxime de 1978, erguido sobre a chamada Transición, busca, erosionado, pecharse sobre si mesmo cun novo pacto entre elites, as dinámicas de contestación convértense en elementos centrais na paisaxe, tamén na urbana.

Cos procesos sociais locais como horizonte e cunha cita electoral no calendario, preguntámonos que dinámicas e que alianzas poden ser posíbeis nunha cidade como A Coruña para crebar o continuo ideolóxico dos últimos 30 anos.

Contamos con Manuel Rivas, Alberto Lema, César Santiso, Santiago Lamelo, María Xosé Bravo e dous compañeiros activistas de Galiza Ano Cero, Rocío Fraga e Antón Gómez-Reino, Tone. Modera o xornalista Rodri Suárez.

 
Municipalismo na Coruña from Galiza Ano Cero on Vimeo.

Galiza Ano Cero
http://galizaanocero.tv/

Galiza Ano Cero, un canal de televisión sen ánimo de lucro na internet. Contidos producidos de maneira colectiva e horizontal, en código aberto e con transparencia, da comunidade para a comunidade, e difundidos baixo unha licenza Creative Commons Recoñecemento - Non Comercial - Compartir Igual (CC BY-NC-SA). Dende abaixo á esquerda. Outra televisión. ... +info.
__________________

domingo, xullo 14, 2013

Presenteación de 'Galiza Ano Cero', en Ourense - Falar (facer tv) sen dar ordes - Vídeo - Conseguidos os obxectivos finaceiros iniciais



Falar (facer tv) sen dar ordes

14 Xullo, 2013

Este é o texto co que Claudio Pato, membro do grupo promotor de Galiza Ano Cero, abriu o encontro do pasado sábado no Café Auriense.

Gracias por estardes aquí n'Auriense, neste lugar extra-ordinario.

PRÓLOGO

FALAR (facer tv) SEN DAR ORDES - GAC Galiza Ano Cero

Como sería posible falar sen dar ordes, sen pretender representar nada nin ninguén, como devolver aos sons, as imaxes un valor de loita contra o poder?

1. Peter Hutton contesta a unha pregunta sobre cine mar e mariñeiros:

Noite tras noite. Ao final, os ollos comezan a ver cousas que non imaxinaba que puideran ser visibles: o reflexo das estrelas na cuberta, a exposición do plancto fosforescente sobre a superficie da cabina ... Ao insistir, as cousas fanse visibles.

A idea que nos axunta ao redor de galicia ano cero trata de pensar esa multiplicidade estratificada, práctica, que alenta os medios pero que os propios medios (imos sinalar mainstream) tratan de ocultar. Esa multiplicidade estratificada que en definitiva son os nosos corpos.

Acaso nesas marxes do sistema onde a idea deconstrúe o medio no que opera e insiste no arqueolóxico da ideación de imaxes e sons, situamos a nosa estranxeiría, o noso tatexo pro-común.

2. Pois, vimos falamos de GAC - de Galiza Ano Cero.

Se acaso tatexar ao redor dunha idea, dunha práctica de acollida do común, dun canal horizontal, en código aberto, dunha rede de afectos fóra do imperio, da ordenanza, da policía.

Un proxecto. Unha ferramenta na que enganchar canda os nosos desexos, canda os vosos, nunha comunidade en construción.

Non unha tv xusta, xustamente unha tv

Precaria mais anamórfica, fóra do despotismo da monoforma do sistema.

Fóra de regla, desquiciada. Tatexa.

Fronte da usura informativa, da orde e da subalternidade.

E repetimos: unha práctica, un intento de poboar doutro xeito a televisión.

Fronteiriza, se acaso sen buscar respostas, á contra.

Canda outros - Asemblearia

En todo caso:

Non vas poder quedar na casa, irmán.
Non vas poder enchufar, acender e evadirte.
Non vas poder flotar con esa droga
E correr por unha cervexa mentres hai anuncios,
Porque a revolución non vai ser televisada


http://youtu.be/-3QQ-I-lBFY

Web do proxecto:
http://www.galizaanocero.tv/

Algún vídeos:
http://www.youtube.com/user/galizaanocero
______________

sábado, xullo 06, 2013

Galiza Ano Cero - Novos obxectivos, novas recompensas - Difunde, Colabora, Participa, ...


Novos obxectivos, novas recompensas
06 Xullo, 2013

Xa temos os 6.300 euros que precisabamos para lanzar Galiza Ano Cero! Moitísimas grazas a todxs pola difusión e as vosas achegas! Acaba aquí esta campaña? En absoluto. Quédannos aínda uns poucos días para que remate o prazo, e queremos aproveitalos para ir un pouco máis alá.

Propoñémosvos que sigades contribuíndo ao financiamento deste canal de televisión non lucrativo. Canto máis recademos, máis programas garantimos e máis sólido será o nacemento. Necesitamos tempo para explorar as que serán as vías de financiamento do futuro de Galiza Ano Cero, e iso tamén son cartos.

Cada dúas semanas, Galiza Ano Cero ten que gravar e difundir dous programas, un de debate e outro de entrevistas. Coa escala actual, e segundo o noso orzamento, cada quincena consome arredor de 800 euros.

Estes son os novos obxectivos:
- Se chegamos a 7.100 euros, garantiremos dous programas máis e gañaremos quince días para explorar novas vías de financiamento.

- Se acadamos os 7.900 euros, aseguraremos a produción de catro programas máis e un mes de marxe para consolidar o funcionamento.

- Con 8.700 euros, garantiríamos seis programas máis e un mes e medio para medrar sen perder a escala.

- E finalmente, con 9.500 euros, estaríamos en disposición de facer xa mesmo oito programas máis e disporíamos de dous meses extra para pensar, traballar e construír isto entre todas.

E que ofrecemos a cambio? Cales son as novas recompensas?

Estamos moi agradecidas a todas as persoas que contribuíron a acadar o obxectivo mínimo e a todas aquelas que o fagan agora para consolidar o lanzamento de Galiza Ano Cero. Ao comezo eramos vinte. Hoxe somos case 200 a bordo.

Queremos que esa afirmación, que hoxe somos 200 a bordo, non sexa retórica. Gustaríanos que todas esas persoas que fixeron achegas a esta campaña de financiamento participen tamén da construción de Galiza Ano Cero dende dentro. Que se asocien e teñan voz e voto nas decisións que se tomen a partir de setembro.

Por iso, queremos ofrecerlles a todas as mecenas e a todos os mecenas que se convirtan automaticamente en socias e socios de Galiza Ano Cero sen custo engadido.

Este sería o esquema:
- A aquelxs que achegaron ou van achegar entre 5 e 50 euros, se queren, convertirémolxs en socixs de pleno dereito, sen custo ningún, durante 3 meses.

- A aquelxs que puxeron ou van poñer entre 50 e 150 euros, sempre que queiran, claro, farémolxs socixs de pleno dereito, de balde, durante 6 meses.

- E por último, a aquelxs que contribuíron ou van contribuír con cantidades superiores a 150 euros, farémolxs socixs de pleno dereito, sen pagar un peso, durante un ano.

A partir de aí, que cada quen decida. E moitas grazas!

Compárteo en Facebook ou Twitter.

Fonte: galizaanocero.tv/

Enviado por:
Inácio GZ
-inaciogz@gmail.com
6 de julho de 2013 08:50

______________

luns, xullo 01, 2013

Entrevista a Boaventura de Sousa

Edición completa da entrevista ao profesor, ensaísta e activista portugués Boaventura de Sousa, gravada o pasado 12 de xuño no Centro de Estudos Sociais da Universidade de Coimbra. Con esta peza, Galiza Ano Cero estrea o seu espazo de entrevistas, que actualizará quincenalmente cando comecen as emisións ordinarias do canal á volta do verán. Tes máis información sobre o proxecto en www.galizaanocero.tv, e lembra que aínda podes colaborar ao lanzamento da #outratv na nosa campaña de microfinanciamento en Verkami.

Galiza Ano Cero. Xuntas. Sen ánimo de lucro. En código aberto e baixo licenzas libres. Dende abaixo á esquerda. Outra televisión.


http://youtu.be/0Ly_vuOWfKc

___________

luns, xuño 24, 2013

Nova recompensa en Verkami: 'Hipótesis Democracia' - Seguimos promovendo Galiza Ano Cero un novo MediaProxectoTv Galego, independente, mais non neutral; comprometido, desde abaixo a esquerda; apartidario, mais político; participativo e en Código Aberto

24 Xuño, 2013 |Estamos a piques de chegar ao ecuador da nosa campaña de microfinanciamento. As recompensas de 75 e 100 euros, que inclúen, ademais de produtos de Galiza Ano Cero, gravacións e libros dos catálogos de Discos da Máquina e Estaleiro Editora, discográfica e editorial cooperativas, están a piques de esgotarse. Por iso, e grazas á colaboración de Traficantes de Sueños, hoxe introducimos unha nova.

Por 40 euros, ademais dos clásicos e non por iso menos xustos agradecementos no web e tres obxectos de Galiza Ano Cero (bolso de tea, chapa e caderno), ofrecemos un exemplar de Hipótesis Democracia. Quince tesis para la revolución anunciada, un libro de Emmanuel Rodríguez López que vén de incorporar Traficantes de Sueños ao seu magnífico catálogo. Se queres saber máis, escoita esta entrevista co autor do volume.

Web do proxecto:
http://galizaanocero.tv/
_________

venres, xuño 14, 2013

O 19 de Xuño, Galiza Ano Cero preséntase en Ferrol

Logo do primeiro encontro na Casa da Fariña da Coruña, o vindeiro encontro de Galiza Ano Cero  será o mércores 19 de xuño en Ferrol, na Fundaçom Artábria .

Estes encontros están pensados para que coñezas mellor en que consiste Galiza Ano Cero, o que queren facer, quen son, e como teñen pensado intentalo, e sobre todo para escoitar, debater e aprender a construír isto entre todxs. Os actos retransmítense ao vivo por streaming dende a mesma web de Galiza Ano Cero, así que calquera poderá ver e participar na distancia empregando, por exemplo, a etiqueta #OutraTV en Twitter.

Non serán as últimas presentacións de proxecto. Xa está fechada a presentación en Vigo, que será na Asociación Cultural Bou Eva e están intentando pechar tamén convocatorias en Pontevedra, Lugo e Ourense. En todo caso, lembrade que podedes propoñer encontros deste tipo na vosa vila ou cidade, no local da vosa asociación ou no voso centro social. Escríbe a info@galizaanocero.tv.


venres, abril 12, 2013

Achégase a data de lanzamento de "Galiza Ano Cero" mais... Que é "Galiza Ano Cero"?

Galiza Ano Cero é un canal de televisión sen ánimo de lucro na internet. Contidos producidos de maneira colectiva e horizontal, en código aberto e con transparencia, da comunidade para a comunidade, e difundidos baixo unha licenza Creative Commons Recoñecemento - Non Comercial - Compartir Igual (CC BY-NC-SA). Dende abaixo á esquerda. Outra televisión.

Galiza Ano Cero é unha comunidade aberta. Unha rede de grupos de traballo que poñen en común ideas, afectos e man de obra para construír unha ferramenta, non unha mercadoría. Calquera pode entrar e saír de Galiza Ano Cero. Calquera pode facerse oír e traballar. Será o que todas queiramos que sexa.

Galiza Ano Cero é un banco de tempo administrado colectivamente pola comunidade. Unha ferramenta que permite afrontar todas as tarefas derivadas da produción de contidos de maneira democrática e sustentábel, optimizando esforzos e recursos e permitindo a implicación de calquera.

Galiza Ano Cero é unha asociación cultural que dá soporte á comunidade e ao canal de televisión. Unha asociación autofinanciada mediante as cotas das socias e as doazóns de calquera que se constitúe ao mesmo tempo que nacen o canal e a comunidade e que será, tamén, o que todas queiramos que sexa.

Galiza Ano Cero é un portal web, www.galizaanocero.tv, e unha constelación de redes sociais. Un obradoiro coas paredes de cristal no que a comunidade e o canal se expresan, traballan e escoitan, á vista de calquera. Nada que ocultar.

Galiza Ano Cero está a piques de comezar a emitir dous programas quincenais, un de debate político e outro de entrevistas. Contidos plurais, pero non equidistantes.

E isto é só o principio. O resto decidímolo entre todas.


WEB:
http://www.galizaanocero.tv,

Facebook:
https://gl-es.facebook.com/galizaanocero

venres, marzo 29, 2013

Galiza Ano Cero, unha televisión diferente para o país


"Xuntas. Sen ánimo de lucro. En código aberto e baixo licenzas libres. Dende abaixo á esquerda. Outra televisión". Con este lema preséntase Galiza Ano Cero, un "proxecto de activismo audiovisual", en palabras dun dos seus voceiros, que botará andar nuns quince días na web co seu primeiro programa de debate político e coa súa primeira entrevista. Será a estrea dunha novidosa canle de televisión nacida dun grupo dunhas quince persoas que se abre desde xa á participación de todo aquel que queira colaborar.
Galiza Ano Cero botará andar nuns quince días co seu primeiro debate e entrevista colgada na Rede
Constituídos arredor dunha asociación cultural recentemente creada, este grupo de xente viu neste proxecto algo "máis necesario que nunca". "Hai un secuestro integral da democracia e dos espazos de comunicación democrática", unha eiva e unha necesidade que comprobaron logo de promover nun local da Coruña unha serie de coloquios políticos con motivo das pasadas eleccións autonómicas e que acadaron moito máis éxito do previsto, tanto polo público presente nos faladoiros como polo seguimento que obtiveron a través da súa difusión na internet.

"Naquel momento decidimos probar cun foro de debate situado radicalmente á esquerda, coa intención de abrir unha canle de debate nun momento crítico tanto para a cidadanía como para a esquerda", explican. Aquela experiencia funcionou moi ben, malia todos os atrancos atopados, e foi o que lles animou a dar un paso máis que se traducirá nesta canle de contidos audiovisuais periódicos que prevé colgar cada quince días debates e entrevistas. Será, aproximadamente, a partir de dentro de dúas semanas.
O inicio da canle coincidirá co comezo da campaña de 'crowdfunding' na busca de apoios
Será tamén daquela cando se abra unha campaña de crowdfunding coa que se intentarán conseguir os fondos suficientes para continuar cunha aventura que, como mínimo, prevé emitir periodicamente ata o verán. Se todo vai ben, Galiza Ano Cero ficará. Para conseguilo, ademais das achegas, agardan tamén contar "coa colaboración de toda persoa que queira participar, tanto para difundir os seus contidos como para achegar man de obra". De feito, e pouco despois de colgar o seu primeiro trailer, foron xa varias as persoas que se puxeron en contacto co grupo para axudar. A outra forma de apoiar: asociándose a Galiza Ano Cero a través dunha cota mensual.

"O proxecto non ten ánimo de lucro, nin en principio nin ao final, pero iso non significa que non teñamos o propósito de remunerar o traballo de quen colabore con nós", explica un dos voceiros, que aclara que o proxecto "non é profesional", pero que si conta con xornalistas e xente mundo audiovisual. A partir de agora, Galiza Ano Cero está aberto a todo o mundo e pon á disposición daquel que queira difundir os seus proxectos unha serie de ferramentas, como a web, o equipo humano, as cámaras ou o espazo físico.
O proxecto pretende ser unha ferramenta ao servizo de quen queira difundir os seus contidos audiovisuais
"A xente ten unha visión política da vida e entendemos que é necesario ter unha ferramenta como esta; este é o principio, pero a idea é que se vaia construíndo con todas as mans que se animen a facelo. Non temos intención ningunha de patrimonializalo", explican, tras aclarar que a canle "nada ten que ver coa política partidaria ou profesional", senón, precisamente, con toda a política e activismo social que fica fóra dese espazo pechado. "Entre os nosos obxectivos está que isto acabe sendo  unha canle de crowdfunding en si mesmo, un espazo onde a xente poida producir e difundir os seus contidos audiovisuais", recordan. "Será a xente quen decida se quere ou non que o proxecto continúe", rematan.

Por Miguel Pardo - @DePunteirolo

Fonte: http://praza.com/movementos-sociais/3984/galiza-ano-cero-unha-television-diferente-para-o-pais/

________________

Relacionado

Conta no facebook:
https://gl-es.facebook.com/galizaanocero

"Non ocultamos que, para montar #outraTV en Galiza, ollamos no espello de diferentes experiencias de outras latitudes que de algunha forma, son xa parte do substrato #GalizaAnoCero. Mentres vamos cociñando novas pilulas #GAC vos deixamos algún documento que nos parece de interese ao fio da relación entre transformación, antagonismo e televisión.. camiñar preguntando, que din no Zapatismo.. hoxe, o exemplo do movemento de Telestreets italianas".

http://www.globalproject.info/



________________