Amosando publicacións coa etiqueta Hortas Comunitarias. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Hortas Comunitarias. Amosar todas as publicacións

martes, xullo 31, 2018

Unha vez máis a Horta Comunitaria de Caranza en perigo. A presidenta da asociación veciñal volve á carga, na súa teima obsesiva contra as hortas urbanas do barrio - Mesmo o Alcalde, Jorge Suárez e Ferrol en Común, votaron con Ciudadanos e o Partido Popular, facendo gala dunha política clientelar, para contentar a Mapi Rodríguez Venancio, na súa cruzada particular contra toda iniciativa que no controla.


O luns 30 de xullo de 2018, tiña lugar en sesión extraordinaria urxente a continuación do Pleno de fin de mes, que se estivo celebrando o xoves da pasada semana. Foron cinco horas de Pleno e entre os puntos que quedaban por tratar, estaba unha moción do grupo municipal de Ciudadanos que presentaba a concelleira Ana Rodríguez Masafret e que apoiaba a presidenta da "Asociación de Veciños de Caranza", Mapi Rodríguez Venancio, que ten unha teima desmesurada contra a horta comunitaria de Caranza. Horta que foi creada hai xa uns 7 anos nuns terreos da Autoridade Portuaria, por ser parte dun recheo da enseada que baña a ribeira leste do barrio, sobre uns 4.800 metros cadrados que están cultivando, na actualidade, sobre unhas 35 persoas.

Mesmo a presidenta da asociación veciñal, Mapi R. Venancio, chega a mentir no Pleno na súa intervención, vítima da súa obsesión, falando de problema, chabolismo e que lle constaba de que había persoas que vivían nas hortas.

Non é a primeira vez que a presidenta da asociación veciñal quere desfacer-se das hortas, xa hai uns anos que o intentara, mais daquela brotara, case de inmediato, a solidariedade da xente e de asociacións do barrio como López Bouza, Fuco Buxán, A Revolta, as ANPAs dos centros públicos, a da asociación de mulleres e a de operadores do Mercado Municipal. Con esta solidariedade e cos medios que expuxeron o que estaban a facer nas hortas, conseguiu-se paralizar a mala intención de Mapi R. Venancio.

Agora coa desculpa da moción din que pretende "poñer a disposición dos veciños un horto urbano dentro do Parque do Montón". Mapi R. Venancio, pretende destruír as actuais hortas urbanas de Caranza, coa desculpa de abrir uns hortos no Montón. Non só o descoñecemento da realidade de cada cousa leva á concelleira Masafret a propoñer tal cousa, senón a manipulación de Mapi é a que, de xeito oportunista, pretende con esta moción eliminar a iniciativa das hortas de Caranza. As instalacións municipais do Montón, albergan un parque botánico con decenas de especies catalogadas (e máis de 1.200 árbores), unha zona de descanso (con mesas e bancos), unha edificación e uns poucos bancais para hortos didácticos (para cursos e visitas escolares), nunca colleiteiros, como son os das actuais hortas de Caranza. Peor foi a actitude dos grupos políticos municipais que apoiaron o terceiro punto da moción, PP, Ciudadanos e o do Alcalde Jorge Suárez, Ferrol en Común, sen ter en conta a opinión das persoas que na actualidade están traballando nas hortas urbanas de Caranza. Desastrosa actuación deste goberno municipal que clamaban pola participación cidadá antes de ser goberno municipal e mesmo que levan no seu programa o apoio a estas iniciativas que se dan en Caranza e noutros barrios da cidade.

No parque botánico do Montón, na zona do mesmo nome, onde se chegaron a investir máis de 700 mil euros de diñeiro público, hai un abandono absoluto por parte do goberno municipal. Un parque onde non hai nin vixilancia, nin mantemento. No que roubaron as portas, cun absoluto deterioro do recinto de protección, onde prolifera un vertedoiro incontrolado e o deterioro da edificación rehabilitada é patente. Unha edificación obxecto de vandalismo, onde desapareceron as cañeiras, a instalación eléctrica, as portas e as contras e xanelas. Tal é o abandono que uns sen teito, fixeron da edificación a súa vivenda. Esta é a terceira moción que o Concello aproba para "recuperar" de novo O Montón. Unha nova función de hipocrisía. Para tapar a súa incapacidade e mal goberno, queren utilizar, de chibo expiatorio, ás persoas que desde hai tempo fixeron da explanada improdutiva da ribeira de Caranza, unha zona produtiva, de agricultura colleiteira, de lecer e didáctica, de aprendizaxe de cultivos, onde se plantaron máis de 40 arbustos e árbores froiteiras, da creación de sistemas de rego e recollida de auga da chuvia, cría de aves de curral e elaboración de compost a través de residuos orgánicos, e un verdadeiro recreo para moitas persoas que gozan vendo traballar e contribuíndo coas súas vivencias pasadas na aldea... As hortas urbanas de Caranza, son un exemplo de convivencia en relación coa natureza e de obtención de produtos do campo de xeito ecolóxico para o autoconsumo...

Pasado o verán de 2015, o Alcalde Jorge Suárez, recen estreado como tal, visitou as hortas de Caranza e fixo unha reunión coas persoas que nelas traballaban, comprometendo-se a súa regularización e dotar de auga ás mesmas. Cousa que non cumpriu até a data, até tal punto que despois se lle volveu requirir que cumprira os seus compromisos e mesmo desprazou-se unha comisión para falar co Concelleiro delegado Luís Victoria, para solictar-lle un punto de auga demanda que non se atendeu. Ao final desta primavera e principios de verán, as comunitarias recolleron máis de 1.500 sinaturas para solicitar unha fonte no paseo de Caranza e que esta puidera dar servizo ás hortas, demanda que segue sen  resposta. Mais agora a resposta do goberno municipal, xa se ve cal é, actuar praticando unha política clientelar, favorecendo as obsesión dunha presidenta que teima con desfacer-se de todo o que non controla no barrio, nada se pode mover, nin iniciativa que saia adiante, sen a súa aprobación e consentimento, unha verdadeira actuación negativa para a participación e a felicidade das persoas que conseguen tirar uns poucos produtos da terra, sen facer dano a ninguén.

As hortas de Caranza, son un paso moi importante na autoxestión veciñal, o paso que ten que dar o goberno municipal é cumprir as súas promesas, axudar ás comuneiras e dotar de auga ás hortas, consensuar un regulamento coas persoas usuarias e facilitar máis espazos, mesmo no Bertón, para quen quixer cultivar en zona urbana.

---
O vídeo que segue é un detalle do Pleno, onde se tratou a moción citada, punto que durou case unha hora, os primeiros minutos son a intervención da presidenta da asociación veciñal Mapi R. Venancio.


https://youtu.be/DL-9unxAsMU


Manifesto da Horta Comunitaria de Caranza: Para que en Ferrol non falte o pan. | Acceder/Baixar. Este manifesto foi entregado por rexistro no Concello de Ferrol, logo de que o Alcalde visitara a Horta en Outubro de 2015.

Facebook da Horta Comunitaria de Caranza.

---

Colectivo Ártabra 21
artabra21@gmail.com
https://artabra21.blogspot.com/
---

sábado, xullo 26, 2014

Na horta comunitaria de Caranza .. abrir espazos de traballo comunitario, reivindicar a través da actividade agraria, criar redes colaborativas e de loita contra a exclusom social ...


Estamos no ecuador do verán e a nosa cidade comeza a ser testemuña das labores agrícolas, nas últimas décadas ausentes ou demasiado lonxe, e agora, integradas no medio urbano grazas ás hortas comunitarias.

Soberanía alimentaria, recuperación das labores tradicionais, recuperación do patrimonio natural, abrir espazos de traballo comunitario, reivindicar a través da actividade agraria, criar redes colaborativas e de loita contra a exclusom social... son algúns dos obxectivos deste movimento mundial que intenta ruralizar as cidades para humanizalas, e do que por fortuna, a nosa cidade participa dun xeito activo.

Conta no facebook da Horta Comunitaria de Caranza:
https://www.facebook.com/HortaComunitariaDeCaranza
___________________

martes, maio 13, 2014

Salvemos a Horta Comunitaria de Caranza


A A.VV. de Caranza, leva tempo cunha acción veciñal ao servizo do Partido Popular. Ten-nos acostumad@s a propostas moi reaccionarias e só se dedican a pasear-se cos concelleir@s de quenda, para xustificar a súa inoperancia, apego ao cargo e clientelismo a máis non poder. Unha asociación veciñal que non representa os intereses da veciñanza do barrio, mais preocupada polos intereses do partido que goberna hoxe no Concello de Ferrol, con José Manuel Rey Varela como Alcalde.

Nos últimos días centos de veciñ@s xunto con varias asociacións do barrio mobilizaron-se para denunciar ao Concello de Ferrol, polo abandono ao que está sometido o Mercado Municipal. A citada asociación veciñal que non é digna de levar o nome de "Cuco Ruíz de Cortazar", é cómplice deste abandono. Moitas veciñas e veciños, amosan o rexeitamento ante a actitude de comandita entre dirixentes veciñais da citada asociación e os dereitistas membros do goberno municipal. Actuan como se foxen os vicerreis do barrio, por exemplo nos últimos meses dando permisos para utilizar prazas públicas como estacionamentos (caso inauguración do Auditorio); a tala de ducias de árbores porque supostamente molesta a algún veciñ@; a colocación de boloardos sen contar coa veciñanza; encher de terra sen prensar a explanada da traseira do Mercado, sen proxecto, nen seguridade, que tivo que denunciar o Colexio Público do barrio, polo perigo que corrían as crianzas, polo transito continuado de camións, ..., unha obra que carecia do letreiro correspondente co número de licencia e nome de quen a facia. E xa non falemos do acordo coa dereita para enterrar a participación cidadá e os orzamentos participativos. Favor que aínda lles debe o Sr. Vilariño (actual Presidente da Autoridade Portuaria) e daquela Concelleiro de "Participación" Cidadá.

Destacados directivos desta asociación veciñal, non soportan que haxa vida social no barrio que eles non autoricen. É por iso que todo o que escape ao seu control hai que destruír-lo e agora dan-se conta que hai veciñanza que está disposta a defender o seu Mercado Municipal, fronte a especulación e o abandono. Mobilizacións e denuncias que cuestionan o seu poder e ideoloxía caciquil. Non o poden permitir.

Agora inventan-se denuncias de veciñ@s contra a Horta Comunitaria de Caranza (os denunciantes son eles mesmos claro). A quen lle facían dano un grupo de parad@s que hai dous anos decidiron traballar unhas parcelas desocupadas e poñelas a producir de xeito ecolóxico? Que fácil é ir a polo máis débil!

Correo-e:
comunitariadecaranzahort@gmail.com

Conta no facebook:
https://www.facebook.com/HortaComunitariaDeCaranza

Albúns de fotos:
https://www.facebook.com/HortaComunitariaDeCaranza/photos_albums
__________

martes, xaneiro 28, 2014

IX Encontro da Rede Galega de Sementes en Betanzos, o 15 de Febreiro de 2014

IX Encontro da Rede Galega de Sementes
En Betanzos, o 15 de Febreiro de 2014


Xa podemos anunciar que  o día sábado 15 de febreiro teremos un novo encontro da rede. Desta vez será en Betanzos, na Praza do Campo (Irmáns García Naveira). Polo momento aínda non está pechado o programa, pero xa podemos ir anunciando o que está confirmado:

Programa:

10:00h - Apertura da feira

11:00h - Apertura da mesa de troco

12.00h Obradoiro de "Plantas que curan plantas. Purines e extractos vexetais para a horta".

Obradoiro para crianzas.

14:00h - Xantar popular. Trae a túa comida para compartir!

Obradoiro para crianzas.

18.:0h  - Charla- Debate "Apropiación dos recursos naturais por parte das oligarquías e o Estado".

Casos concretos na Galiza:
- Megamineiría destrutiva na costa da morte. Contaminate

- Cenit do petróleo, transición e resiliencia, por Véspera de nada.

- Lei de Augas.

- Tranxénicos e soberanía alimentaria.

19:00h - Peche da mesa de troco

E ó longo do día: música para acompañar a xornada, feira de produtores ecolóxicos e artesáns, e xogos para crianzas

NOTAS:
- A mesa de troco de sementes estará pechada de 14:00 a 16:00h.
- Haberá carpas e en caso de temporal
- a xornada será no Matadoiro (Rúa José García Acuña / Rúa Marina, Betanzos).

http://redegalegadesementes.wordpress.com/

Ecolleita nace co ideal de manter viva a herdanza das sementas da comarca Ártabra. Sementes que os nosos antepasados mantiveron vivas xeración tras xeración dende centos de anos ou miles nalgúns casos | Ecolleita tenta manter vivas estas sementes poñéndoas, en forma de hortaliza, a disposición dos consumidores locais | Ecolleita é agricultura local sostible, é respecto ao medio, é Soberanía Alimentaria.

correo-e: ecolleita@gmail.com

correo-e: redesementes@saramaganta.info

Enviado por:
André M. Ces
-andre.martinez.ces@gmail.com-
28 de janeiro de 2014 11:57

__________________

xoves, setembro 19, 2013

Canido organiza o seu primeiro Mercado Tradicional de productos do campo e traballos artesanais - Este Sábado 21 de Setembro, desde as 10 da mañá até as 8 da tarde na Rúa Alegre


Este Sábado, 21 de Setembro de 2013, no barrio ferrolán de Canido está organizado, pola asociación veciñal o 1º Mercado Tradicional Produtos do campo e Traballos Artesanais en Canido.

O evento, baixo o lema "Veciñ@s facendo barrio", vai ter lugar entre as 10 da mañá e oito da Tarde. A rúa Alegre acollerá a uns 45 artesáns e 20 produtores, todos eles procedentes de Galiza, a comarca e o propio Canido. A Horta Comunitaria de Caranza estará presente cun posto onde amosaran-se e poñerán-se á venda algúns produtos da súa última colleita.
  • A noticia no xornal comarcal 'Diario de Ferrol': Canido impulsa a produtores e artesáns a través dun mercado tradicional [Acceder].
  • Canido mira cara á súa horta | Feira de artesanía e produtos do campo | A asociación de veciños celebra o seu primeiro mercado tradicional | a noticia en 'La Voz de Galcia' [Acceder].

Conta no facebook da Horta Comunitaria de Caranza:
https://www.facebook.com/HortaComunitariaDeCaranza

Información baseada na enviada por:
Horta Comunitaria de Caranza
-comunitariadecaranzahorta@gmail.com-
19 de setembro de 2013 08:54
__________________________

xoves, xaneiro 10, 2013

25ª xornada de traballo na horta comunitaria de Caranza.. este sábado 12 de Xaneiro ás 4 da tarde e ás 6 da tarde... presentación do banco de tempo de ferrol terra bdt


..ás 4 da tarde solicitamos de novo usar o local da Revolta para seguir construíndo o pequeno invernadoiro.. e ás 6 da tarde iremos á traseira do mercado de Caranza, ao local da cooperativa Arméria, para facer unha xornada de presentación do banco de tempo de ferrol terra bdt. http://bdt.deferrolterra.org/ . Con o fin de coñecer esta ferramenta de construción de comunidade entre veciños e veciñas, de apoio mutuo. Todas as entidades e colectivos poden facer unha presentación do bdt, quen queira aproveitar a presentación para a horta comunitaria de Caranza, a xornada está aberta a todas as persoas que queiran.


______

martes, agosto 21, 2012

Xa son catro as xornadas de traballo na Horta Comunitaria de Caranza


Este Martes 21 de Agosto foi a cuarta xornada na Horta Comunitaria de Caranza. Desde as 6 da Tarde até pasadas as 9 da noite. Preparando a terra, cavando en profundidade e unha capa espesa de palla e herba, para facer unha cama baixo terra. A terra necesita mover-se despois de máis de trinta anos, logo poñer unha cama que garde un pouco de humidade cando se regue ou chova, onde podan ir as raíces. O vindeiro luns 27 de Agosto, nova xornada, mais desta vez @s comuner@s teñen previsto ir até as hortas comunitarias de Canido.

Fotos de Susete'70.

Enlaces relacionados:

___________

domingo, agosto 19, 2012

Terceira Xornada de Traballo na Horta Comunitaria de Caranza


III Xornada de Traballo na Horta Comunitaria de Caranza

O pasado Xoves 16 de Agosto de 2012, tiña lugar desde as 6 da tarde a terceira xornada de traballo na Horta Comunitaria de Caranza. Esta horta está promovida pola Asemblea de Desempregados da CIG, mais nela participan voluntaria mente quen quixer desenvolver este traballo comunitario. Polo de agora na horta participan dez comuner@s que están traballado en labouras de preparación da terra e probas de plantación.

Despois de tres horas de traballo comunitario, tivo lugar a Asemblea onde se falou dos traballo realizados, dos pasos futuros e da vindeira convocatoria de acción comunitaria que vai ter lugar o vindeiro Martes 21 de Agosto ás 6 da Tarde.

Ao final da Asemblea debateu-se sobre a situación da asociación Lazos Pro Solidariedade - Comité AntiSida de Ferrol, e decidiu-se apoiar a súa loita e participar na Rolda de Prensa do vindeiro Luns 20 de Agosto ás 11:30hs no seu Local Social.

Fotos Susete'70 e Ártabra21.


Enlaces relacionados: _____________

venres, agosto 10, 2012

Segunda xornada de traballo na horta comunitaria de Caranza


Realizada a segunda xornada de traballo na horta comunitaria de Caranza promovida pola Asemblea de Desempregad@s da CIG. Este xoves 9 de Agosto de 2012, nesta segunda xornada foi-se conformando un grupo de traballo comunitario que contiunua na plantación de hortalizas e preparación das bancadas de traballo. O pasado 3 de Agosto, na primeira xornada, comezaran os primeiros traballos comunitarios na horta que vai collendo forma.

Non fai falta estar afiliado á CIG para participar nesta Horta Comunitaria, toda persoa desempregada ou con emprego en precario (a tempo parcial, contratos curtos, pensionistas con  prestacións baixas, ..), poden achegar-se até as inmediacións da rúa Cartaxena, no Paseo Marítimo de Caranza, onde hai 5.353 m2 actos para o cultivo.

Contacto:

André - 605455340

andre.martinez.ces@gmail.com

Enlaces relacionados:

Ártabra 21: Moz@s desempregados que se rebelan contra o cliché de “parad@s”

Ártabra 21: Promovida pola Asemblea de Desempregad@s da CIG, comeza o cultivo da Horta Comunitaria de Caranza - Achega-te co teu sacho
___________________

domingo, agosto 05, 2012

Moz@s desempregados que se rebelan contra o cliché de “parad@s”


Reportaxe de Montse Mayoral publicado no 'Diario de Ferrol'

Todos poñen por diante “sen emprego, si, pero non parado”. E é que ademais de saír cada día á rúa a buscar traballo hai que loitar contra un estado de ánimo que ameaza con aniquilalos. Así, xa son uns cantos os que decidiron, sen patrón, contrato nin soldo, poñerse ao choio.

Autobautizados como “@s cidadáns”, un grupo de ferroláns sen emprego e outros en activo decidiron dedicar o seu tempo a mellorar a súa contorna. A súa primeira acción cívica foi ir rozar e limpar a contorna da antiga mina de ouro de Ponzos, unha tarefa que comezaron no fin de semana do 21 de xullo e que culminaron onte, deixando constancia da intervención cun particular “cartel de obra” no que consta que a intervención “non foi financiada polo PP”.

A “@s cidadáns” móvelles un espírito de rebeldía contra o mal funcionamento das administracións, en particular o Concello. Na súa declaración de intencións, de feito, fan constar que coa súa actividade queren denunciar o mal estado no que se atopan os espazos públicos, as zonas verdes, as estradas... e a ineficacia das empresas contratadas para o seu mantemento, no seu caso. De feito, no blogue do grupo recóllense outros exemplos de como os cidadáns suplen estes servizos, como o recente caso dunha octogenaria que se puxo a rozar unha estrada de Covas.

Ademais, o grupo declárase contrario á obra que o Concello de Ferrol vai executar para transformar a Praza de España “por innecesaria e de malgasto”. O grupo “@s cidadáns” queren que os 700.000 euros destinados a devandito proxecto se utilicen para contratar desempregados e a creación de cuadrillas para reparar, limpar e manter a cidade. “Reivindicar traballando que queremos traballar” é outro dos principios que os move e que, segundo anuncian, continuará sacándoos á rúa en próximas accións.

As portas de “@s cidadáns” están abertas para todo o que queira colaborar, como sucede coa Asemblea de Desempregados da CIG. O seu primeiro impulso foi contribuír a facer visible a lacra do desemprego, un problema que ás veces só vemos en cifras, e clamar por que a sociedade non os vexa como “parados”, un cliché do que queren escapar custe o que custe.

Esta mesma semana puxeron en marcha a que podería considerarse a súa primeira acción cívica en Ferrol. Trátase de cultivar unha horta comunitaria no paseo marítimo de Caranza, unha zona na que hai amplos terreos aptos para iso e que a miúdo están faltos de mantemento. “Recuperar ou ánimo do traballo, aprender unha profesión, axudar na casa con produtos de horta básicos e agrupar á xente para emprender mobilizacións de face a visualizar ou problema do desemprego”, explican os promotores. Do mesmo xeito que “@s cidadáns”, a Asemblea de Desempregad@s ve a cantidade de traballo que hai por facer na súa cidade e reclama ao Concello que cre cuadrillas e contribúa, con iso, a paliar dous problemas.

Este venres pola tarde tivo lugar a primeira reunión de traballo para poñer en marcha a horta en Caranza.

@s desempregad@s que o impulsan convidan a sumarse á iniciativa a quen o desexe e particularmente solicitan a axuda de persoas maiores que poidan guialos á hora de organizar os seus cultivos.

Fonte: Diario de Ferrol |05.08.2012|

Acción Directa de Recuperación de Espazos Públicos, blogue:

recuperaciondeespazospublicos.blogspot.com


Fotos de Susete'70.
________________

mércores, agosto 01, 2012

Promovida pola Asemblea de Desempregad@s da CIG, comeza o cultivo da Horta Comunitaria de Caranza - Achega-te co teu sacho


Promovida pola Asemblea de Desempregad@s da CIG, comeza o cultivo da Horta Comunitaria de Caranza.

Non fai falta estar afiliado á CIG toda persoa desempregada ou con emprego en precario (a tempo parcial, contratos curtos, pensionistas con  prestacións baixas, ..), poden achegar-se até as inmediacións da rúa Cartaxena, no Paseo Marítimo de Caranza, onde hai 5.353 m2 actos para o cultivo, onde xa temos feito unha proba nunha bancada, onde plantamos xudías e millo e saíron sen dificultade.

O vindeiro 3 de Agosto, ás 19:30 horas, vai ter lugar o comezo do cultivo desta Horta que ten como "obxectivo recuperar o ánimo do traballo, aprender unha profesión, axudar na casa con produtos de horta básicos e agrupar á xente para emprender mobilizacións de cara a visualizar o problema do desemprego e presionar ao sistema para que cree emprego urxentemente, exemplo: pagadas pola Xunta ou o concello, cuadrillas de limpeza da zona intermareal  da enseada de Caranza".

Contacto:

André - 605455340

andre.martinez.ces@gmail.com

Para ampliar clicar acima da imaxe

Enviado por:
André
andre.martinez.ces@gmail.com
31 de julho de 2012 15:55

____