Amosando publicacións coa etiqueta Podemos. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Podemos. Amosar todas as publicacións

xoves, febreiro 14, 2019

Podemos Galicia ante o bloqueo aos orzamentos xerais do Estado - O veto aos orzamentos aborta a posibilidade defender as emendas parciais para Galicia para mellorar as condicións de vida da cidadanía galega


Podemos Galicia ante o bloqueo aos orzamentos xerais do Estado


Podemos Galicia mantivo desde o primeiro momento unha posición clara para facer viable o cambio apostando por uns orzamentos sociais e comprometidos con Galicia. Consideramos exemplar desde o primeiro momento a posición do grupo de En Marea no Congreso como actor clave para alcanzar os orzamentos máis sociais, progresistas e feministas da historia recente ao tempo que fixeron a maior defensa de Galicia como único axente que plantou cara ao Goberno esixindo un trato xusto coa nosa comunidade. A apertura da negociación co goberno era unha boa oportunidade para alcanzar os orzamentos non só máis sociais senón tamén máis beneficiosos para Galicia.

O veto aos orzamentos aborta a posibilidade defender as emendas parciais para Galicia para mellorar as condicións de vida da cidadanía galega. Desde Podemos Galicia, e desde o grupo de En Marea no Congreso apostabamos por continuar negociando co Goberno para lograr o mellor acordo para o noso país. Hoxe votouse contra a subida do SMI, contra máis recursos en dependencia para as galegas e galegos, contra a eliminación do copago farmacéutico.

O rexeitamento aos orzamentos abre a porta a un adianto electoral, no que a Brunete mediática sacará toda a súa artillería para trasladar ao Goberno de España a fórmula andaluza. En Podemos Galicia non tememos ás urnas, sairemos a por todas, coa intención de aglutinar unha gran alianza política e social en clave de progreso, que actúe como muro de contención de quen quere atrasar o reloxo cincuenta anos.

Queremos para Galicia, e para o Estado, un Goberno de progreso, que sitúe no centro a axenda social, que recoñeza a plurinacionalidade e que atenda as necesidades de Galicia como corresponde. Que ninguén dubide que sairemos a gañar.

Hoxe é un día triste para a cidadanía progresista. Os orzamentos máis sociais da última década foron tombados polo bloque reaccionario. Podemos Galicia agradece o compromiso co cambio e con Galicia das deputados e deputadas do grupo de En Marea no Congreso que, electos baixo o mandato da Coalición En Marea, conformada por Esqueda Unida, Anova e Podemos Galicia, defenderon os intereses da cidadanía, das maiorías sociais do pais fronte a ofensiva conservadora traballaron durante meses para un acordo orzamentario histórico no social e que hoxe foi bloqueado polas forzas conservadoras.

Compostela, 13 de febreiro de 2019.-

Saúdos
Podemos Galicia

https://galiza.podemos.info/

Enviado por:
Prensa Podemos Galicia
-prensa@galicia.podemos.info-
13 de fevereiro de 2019 17:26

___________________

mércores, agosto 03, 2016

A consulta telemática de Podemos Galicia decide a confluencia coa Marea por esmagante maioría, desdecindo o votado pola súa Asemblea Autonómica o pasado venres 29 de Xullo


As bases de Podemos apostan en ir ás eleccións galegas en alianza con En Marea


A opción tivo un 75% dos apoios na consulta telemática. Carmen Santos indica que é un aval para crear unha “fórmula electotal á catalá” en referencia a En Comù Podem.

As bases deron un si rotundo a concorrer en alianza electoral con En Marea ao 25 de setembro. Un 75,6% dos votantes na consulta telemática organizada por Podemos Galiza votou a prol desta opción, un “apoio claro”, en palabras da secretaria xeral, Carmen Santos, que xa anunciou que se ía poñer en contacto coas “forzas irmás”, en referencia a Anova, Esquerda Unida e as marés. Santos interpreta que os resultados do referendo, no que tomaron parte 6.056 inscritos (o 27,6% do censo total e 44,3% do 'censo activo') son un mandato para pular por crear o que cualificou como “fórmula electoral á catalá”, referíndose a En Comú Podem. Desta forma, Podemos non se diluiría en En Marea, que desde a asemblea do pasado sábado é partido instrumental.

A secretaria xeral destacou que "gañou a opción que eu defendía", incidindo en que tivo 4.576 votos (75,6%) fronte aos 1.471 (24,3%) dos partidarios de concorrer en solitario como Podemos, unha opción que fica descartada embora ser a maioritaria na asemblea da pasada sexta feira, e que non era vinculante.

A consulta despexa só en parte o camiño cara ás autonómicas do espazo que constitúen Podemos e as marés. Santos volveu deixar claro que a liña vermella era a de que o seu partido non se ía diluír e que os resultados da consulta eran a favor de ir en alianza, non de se integrar nun partido instrumental. De aí a súa refrencia a En Comú Podem, coligazón onde os actores integrantes manteñen a súa identidade propia. Mais isto bate co aprobado en Vigo, na asemblea xeral da maré constituínte, e na que se apostou por transformar En Marea nun partido instrumental.

Candidato

Preguntada polo candidato, Santos reiterou que só apoiarán un que saia dunhas primarias. O Faro de Vigo informaba na edición desta cuarta feira que Luis Villares, o maxistrado do TSXG que leva semanas sonando como a persoa para liderar a candidatura, descarta ser candidato de En Marea se Podemos rexeita "o partido instrumental".

Publicado en Sermos Galiza baixo Licenza Creative Commons | 03.08.2016

Faite asinante do semanario Sermos Galiza | Apoiando ao xornalismo galego e en galego. | Ir á Web.
_____________

domingo, xullo 31, 2016

Na Asemblea de Podemos Galicia, celebrada este 29 de Xullo en Compostela, decidirom por esmágante maioría concurrir baixo a súa propia marca, ás vindeiras eleccións galegas que están previstas para Outono


Asemblea autonómica de Podemos Galicia


Podemos Galicia celebrou onte venres 29 desde as seis da tarde e ata preto da medianoite unha asemblea presencial autonómica coa que pechou o proceso de participación que a secretaria xeral de Podemos en Galicia, Carmen Santos marcou no documento político-organizativo co que foi elixida e que se abriu coas catro asembleas provinciais fai quince días. O encontro realizouse no hotel Apóstol Santiago da capital galega e contou con preto de 500 asistentes.

A secretaria xeral de Podemos Galicia, Carmen Santos, valorou á conclusión da reunión que "márchome moi satisfeita porque desde logo cando digan outras organizacións, que parece que lles molesta, o espírito participativo de Podemos, que vendemos participación pero que é mentira esta asemblea o que dá é unha proba clara de que podemos é unha organización diferente e que é unha organización que pode axuntar perfectamente a participación cunha dirección eficaz e eficiente".

Carmen Santos tamén manifestou a súa intención de asistir hoxe sábado á asemblea constituínte das mareas en común, algo que aínda que recibiu algunhas mostras de reticencias por parte dalgún dos presentes terminou por ser avalado. Carmen Santos indicou sobre a súa asistencia ao evento en Vigo que "eles (as mareas) son uns aliados fraternos, e queremos traballar con eles, pero queremos manter o noso proxecto que é lexítimo, e eses van á ser os termos nos que imos seguir traballando xuntos e tecendo alianzas".

Mediada a asemblea, a secretaria xeral dirixiuse aos presentes para anunciar a redacción definitiva da pregunta que se someterá aos 20.000 inscritos da formación morada en Galicia de maneira telemática e que se celebrará entre o día 31 deste mes e o 2 de agosto. Os termos da consulta foron recibidos moi calorosamente por todos os asistentes con berros de "Si se pode" e sobre a súa formulación tamén se manifestou Santos que indicou que: "pois o consenso da pregunta é que a dirección en todo caso estatal que autoriza este tipo de consultas recoñece a lexitimidade dende a secretaria xeral de formular a pregunta en consonancia co documento político organizativo votado polo inscritos".

Desenvolvemento da Asemblea

A Asemblea autonómica de Podemos iniciouse coa benvida do secretario xeral de Podemos en Santiago de Compostela, Victor Casas, á que seguiu a presentación do traballo realizado nas asembleas provinciais de fai 15 quince días.

A secretaria de participación, Begoña Hermida, presentou os datos relativos aos encontros provinciais celebrados fai quince días, que superaron os 500 participantes e dos que saíron máis de cen propostas distintas. Begoña Hermida resaltou algunhas das propostas en materia de participación, como as de máis asembleas telemáticas ou a participación da cidadanía nas áreas programáticas do partido.

A secretaria de Medio Rural de Podemos Galicia, Natalia Prieto, foi a encargada de presentar as propostas das bases de Podemos sobre como democratizar En Marea entre as que destacaron as que pedían que os representantes sexan elixidos por primarias, non por acordos de mesas de coordinación, ou que se esixa que a coalición cumpra cos mesmos requisitos que se autoimpón Podemos.

Ao Secretario de Mar da formación morada en Galicia, Rogelio Santos, tocoulle presentar a análise das propostas para integrar ás mareas municipais e aos movementos sociais no espazo de En Marea, que foron na liña de facilitar que as mareas municipais poidan incluír as demandas das súas cidades no programa electoral.

A militante do círculo de Podemos en Ames, Vanessa Martín, expuxo as propostas relativas aos sistemas de primarias nunha posible coalición, destacando a petición de primarias en cada un dos partidos.

Por último, a secretaria de economía de Podemos Galicia, Marlene Pérez, achegou as ideas das bases en materia de construción de programa colaborativo, nas que se fixo fincapé na importancia das memorias económicas e a viabilidade das propostas.

Tras a presentación dos resultados das asembleas provinciais, a secretaria de equidade e xustiza social, Ana Pérez, explicou o efecto da lei electoral nas circunscricións de Galicia, e o membro do consello cidadán autonómico, Angel Gey, membro tamén do colectivo Pleademar, fixo un relatorio sobre a participación dos movementos sociais no cambio político.

Tras as presentacións foi a quenda do debate, no que se deron máis de cincuenta intervencións de persoas da militancia sobre as distintas posibilidades que se abren na asemblea cidadá telemática que se inicia mañá domingo.

Este debate deu paso a unha votación, non oficial, na que se pretendeu pulsar o sentir dos presentes respecto das posibles opcións para concorrer aos comicios de outono. Aínda que máis da metade dos asistentes xa abandonaran a reunión, participaron na votación cento noventa e dous (192) persoas, das que cento cincuenta e seis manifestáronse a favor da concorrencia de Podemos ás eleccións coa súa propia marca, mentres que só trinta e seis (36) apostaron por facelo baixo a insignia de En Marea.

--

Prensa Podemos Galicia
Xosé Manuel Prieto
Oscar González
prensa@galicia.podemos.info

https://galicia.podemos.info/

Enviado por:
Prensa Podemos Galicia
-prensa@galicia.podemos.info-
30 de julho de 2016 04:24

________________

En Marea adoptará a forma electoral de partido instrumental para concorrer ás eleccións ao Parlamento de Galiza - Xosé Manuel Beiras é unha das 11 persoas que conforman a a Coordenadora provisional deste novo instrumento político


A maré concorrerá como partido instrumental ás eleccións galegas

Crear “un suxeito político galego”, definir un calendario de primarias para elixir candidato e unha metodoloxía eran tres dos obxectivos que se marcaba a asemblea da 'maré constituínte' que este sábado decorreu en Vigo. Unhas 2.500 persoas asinaron o manifesto dos alcaldes de Compostela, A Coruña e Ferrol que serviu de alicerce para este acto, que nas primeiras horas reunía por volta de mil persoas, segundo cifras das axencias.
Beiras avisa Podemos de que as "reivindicacións partidistas rachan a unidade" e di confiar en que "non o fagan"
Na sesión da mañá aprobouse que "En Marea adoptará a forma electoral de partido instrumental para concorrer ás eleccións ao Parlamento de Galiza". Unha fórmula que descarta Podemos Galiza. O nome electoral será escollido a proposta da xunta xestora. Tamén se acordou que as primarias resolveranse nun tempo menor a 20 días, aínda que falta por concretar o día que se iniciará o proceso. A asemblea decidiu permitir presentar listas de consenso mais o candidato non estará ligado a elas, senón que deberá facelo de forma individual.

A votación sobre o partido instrumental decorreu após unha polémica polo documento que establece a relación entre un eventual Goberno da Xunta, o partido instrumental e o grupo parlamentario, ao respecto do que un sector, algúns deles procedentes do colectivo Cerna, pedía pospoñer para máis tarde. Xosé Manuel Beiras tomou a palabra e urxiu crear o partido instrumental, propondo tamén un compromiso de todos os presentes de que se poderían modificar algúns aspectos.

Coordenadora provisional

A media tarde elixiuse a Coordenadora provisional deste novo instrumento político. Son 11 persoas, entre as que están, entre outras, Xosé Manuel Beiras (Anova), Rubén Pérez e Eva Solla (Esquerda Unida), Manuel Antelo (alcalde de Vimianzo e no BNG até hai unhas semanas), Iago Martínez (MareaAtlántica), Ledicia Piñeiro (Ourense en Común), Rafa Dopico (Anova), Victoria Esteban ou Manuel Barreiro. Na coordenadora hai 2 inscritas de Podemos, Mariajo Bóvenda e Carmen González.

Comité electoral


Tamén se aprobou un comité electoral, que será o órgano que tutele as eleccións primarias. A este órgano presentáronse dúas listas, unha delas vinculada a Cerna. Finalmente, foi a outra lista de nomes a que conformará a xestora. Millán Fernández, Nine Paz, Pablo Nieves, Martiño Ramos, Hermida Dios, Helena Cordero, Aníbal Ledo, Ronsel Pazos, Xermán Tobío, Dani Conde e María Xosé Fernández Pardo. Estas persoas non poden candidatarse.

Xulio Ferreiro (A Coruña), Jorge Suárez (Ferrol) e Martiño Noriega (Santiago de Compostela) foron os encargados de 'inaugurar' a asemblea constituínte, destacando que a vontade era a de poñer en valor o que une e poñer "punto e final" a esta etapa de gobernos de Feijóo. "Imos constituír un suxeito político transformador, inclusivo, que sexa quen de disputar a Feijóo" a maioría, proclamou Martiño Noriega, quen asegurou que será "un punto de inicio do suxeito político que devolverá a esperanza" a este país. Jorge Suárez asegurou que a estamos perante unha "xornada histórica" e que se abre "unha ventá de esperanza" . Pola súa parte, Xulio Ferreiro, manifestou que “hoxe imos construír esa unidade e ese suxeito político que vai devolver a ilusión á xente”.

Na asemblea participan simpatizantes e militantes dunha trintena de marés municipalistas, así como de Anova e Esquerda Unida. Tamén hai bases de Podemos, embora a liña vermella deste partido en Galiza sexa que non se diluirán nun novo suxeito político. Tamén asisten á mesma membros de Cerna e persoas como Carlos Aymerich ou Ana Luisa Bouza.

Podemos

A secretaria xeral de Podemos Galiza, Carmen Santos, apareceu na asemblea pola tarde. O seu partido decidrá entre este domingo e a terza feira o paso a dar. Os inscritos, por volta de 20.000 segundo a organización, votarán telematicamente se van ás eleccións galegas en solitario ou en alianza e coligazón con outras forzas. O que desbotan é diluirse nun partido instrumental.

Publicado en Sermos Galiza baixo Licenza Creative Commons | 30.07.2016

Faite asinante do semanario Sermos Galiza | Apoiando ao xornalismo galego e en galego. | Ir á Web.

---

Web de Mareas en Común:
http://mareasencomun.gal/

Web de Marea Constituínte:
http://mareaconstituinte.gal/

Web de En Marea:
http://enmarea.gal/

Web do Foro Galego:
https://forogalego.wordpress.com/

Web de Cerna:
http://www.cerna.org/

Web de Anova:
http://www.anova.gal/

Web de Esquerda Unida:
http://esquerdaunida.org/

Web de Podemos Galicia:
https://galicia.podemos.info/

A nova noutros medios: Buscar como Marea Constituínte. | Buscar como En Marea.

_______________

sábado, xullo 23, 2016

Tempo de impasse, ... Por David Rodríguez - "...estívose máis atendo á consolidación dunhas siglas que ao avance do movemento popular..."


Por David Rodríguez [*]
23.07.2016


Atopámonos no impasse que media entre a repetición dunhas eleccións xerais e a celebración dunhas autonómicas galegas. Unha repetición de eleccións que se demostrou nefasta para os intereses globais das esquerdas. Se a orixe desta repetición está na "xogada mestra" mediante a cal, en rolda de prensa, os gurús da complutense comezaron a repartir ministerios e a poñer como condición para botar ao PP das institucións o acceso ao goberno co PSOE, estamos en disposición de concluír que, en realidade, aquela foi máis ben unha "cagada mestra". Ter negociado á portuguesa a investidura do PSOE sen entrar no goberno suporía, hoxe, que o Partido Podre de Rajoy sería historia, que o PSOE e Ciudadanos estarían xestionando os recortes de Bruxelas e que o Bloque Popular estaría facendo unha oposición dura coa vista posta na seguinte, probablemente próxima, crise do réxime. Na miña lectura estívose máis atendo á consolidación dunhas siglas que ao avance do movemento popular e, con todo, é probable que tampouco o primeiro obxectivo vaia ser posible.

En todo caso, isto é pasado. De cara ao futuro, as eleccións do 26 X deixaron, polo menos, dúas cousas claras:

1. O asalto aos ceos, que -na enésima baixada de listón- desta volta pasaba polo sorpasso ao PSOE, fracasou. Os resultados do fenómeno Podemos, se non chega a ir no Estado en coalición con IU, serían aínda máis magros. Neste sentido, o 26X marca o comezo da fin da burbulla podemos. A partir de agora o eventual avance dese partido vaise deber a un traballo máis pedestre e desagradecido que á inercia da política espectáculo.

2. A "operación envolvente" para dar unha patada no cu a Anova (entendida esta non coma as siglas continxentes desta organización -ao fin e ao cabo o menos importante- senón como a expresión do proxecto político que considera que do proceso de Unidade Popular que arrancou con AGE debía nacer un suxeito político galego de esquerdas -polo tanto non necesariamente nacionalista, ollo-), tamén fracasou.

A este respecto, algo de memoria:

O bloqueo interesado da mesa de coordinación de En Marea para que esta se democratizase e territorializase inmediatamente despois das eleccións do 20 de decembro de 2016 permitiu que tomase corpo ese sucedáneo da Marea Atlántica chamado Mareas en Común. Cando, debido a este bloqueo, En Marea concorre de novo coa fórmula de coalición -cometendo o despropósito de pretender falar outravolta de grupo parlamentario propio ao tempo que nada se fixera na fórmula xurídica de concorrencia para que este tivese algunha posibilidade máis de levarse a cabo- Marea Atlántica ponse de perfil e, ao tempo, Mareas en Común comeza a enarborar o discurso democratista e horizontalista que a propia Marea Atlántica contribuíra a bloquear en En Marea.

Antes das xerais, e de cara ás autonómicas, EU, na boca de Yolanda Díaz, expresa a súa aposta por En Marea como fórmula de concorrencia ás xerais e por Mareas en Común como fórmula para as autonómicas. Ao tempo, Garzón, o líder de IU, exprésase en twitter no mesmo sentido: En Marea para as xerais, MeC para as autonómicas. Outro tanto fai Ada Colau, sen dúbida influenciada por Marea Atlántica. A guinda do pastel pona Xulio Ferreiro cando, en lugar de pechar campaña en Compostela con En Marea, decide pechala en Madrid con Unidos Podemos. A envolvente estaba lista. A consecución do sorpasso deixaría ao que representa Anova sen espazo vital. Mareas en Común sería o espazo para as autonómicas, un espazo onde se incluirían EU, Marea Atlántica e Podemos.

O fiasco dos resultados electorais torceu os plans. Agora podíase argüír que a baixada de votos de En Marea tiña que ver co ninguneamento do factor "galego", co desprezo á figura de Beiras etc. Marea Atlántica estaba noqueada despois de que o seu alcalde apostase tan fortemente por Madrid en detrimento de Santiago. Mareas en Común, rápido habería comezar a facer xestos para ofrecerse máis como "pata" que como "espazo central" da confluencia de cara as autonómicas.

Aí chega o escrito dos alcaldes. O manifesto convoca unha asemblea constituínte para o 30 de xullo. Constituínte, suponse que quere dicir, constituínte, porén, dánse xa como elementos de partida os documentos elaborados por Mareas en Común. Confórmase unha xestora da asemblea cuxa composición, polo que se vai coñecendo, é bastante cuestionable e dáse por suposta a existencia dun chamado "candidato de consenso".

A aparición do manifesto dos alcaldes introduce unha contradición extra no espazo Podemos, onde a loita interna de faccións leva a que os deputados de En Marea, que, paradoxalmente, nas negociacións en Madrid para decidir se En Marea irá ao mixto ou quedará no Grupo Confederal se comportan como auténticos patriotas de siglas podemitas, teñan que defender o espazo de confluencia fronte a Carmen Santos, antigamente partidaria da confluencia e hoxe depositaria das esencias do patriotismo de siglas podemitas. Un cúmulo de despropósitos e cambios de parecer que fan pensar máis nunha partida de trileiros do oeste que en xente que non deixa de dar a brasa co fetixe dos "códigos éticos".

O vindeiro 30 de xullo asistiremos ao final dun tempo político partidario en Galicia. O que se ventila -ou, o que para min se debería ventilar nesa data- non ten que ver só coas eleccións autonómicas. Unhas eleccións ás que o PP chega bastante mellor do que se podía aventurar hai uns meses. O que se decidirá nesa asemblea será se o que saia do longo proceso que arrancou con AGE en Galicia dará lugar a un suxeito político galego ou a unha franquicia de Podemos. Quere isto dicir que, á hora da verdade, e ante a profusión de siglas e chiringuitos variados á que asistimos nos últimos tempos, a cousa vaise polarizar arredor desta cuestión. Só agardo que o que se vende como asemblea constituínte, sexa efectivamente unha asemblea constituínte, sen grupos de facilitación e outros "enxeños" para pastorear ovellas. Se esa asemblea é realmente constituínte e non a enésima patada á pelota para que xente con ideas incompatibles concorran xuntas ás eleccións, todo o mundo terá que retratarse. A implosión, logo, deste espazo heteroxéneo e incoherente será inevitable. Se a implosión non se produce nesta asemblea, producirase despois das eleccións, o que se poderá ler coma unha fraude ao electorado.

O resto, trangalladas para, nunca mellor dito, marear ao persoal.

Publicado o 20 de Xullo de 2016 no blogue do autor: O Funambulista Coxo. A foto do cabezallo do artigo foi postada por Ártabra 21, tirada de Tempos Galegos.

[*] David Rodríguez Rodríguez (Vigo, 1975) mantén o blogue http://ofunambulistacoxo.blogspot.com desde o ano 2005. É autor das obras de teatro radiofónico O Bambán e Nunca me esquecerei de ti (gañadora e finalista respectivamente do I e IV Premio de Teatro Radiofónico do Diario Cultural). Escribiu o poemario Lapidarias. Os versos escuros e participou no libro colectivo Non conciliados. Argumentos para a resistencia cultural.

Enviado por:
Alexandre Carrodeguas
-republicadetraballadoras@gmail.com-
21 de julho de 2016 01:38

_______________

domingo, maio 01, 2016

Podemos Galicia presenta as súas liñas de traballo de cara ás eleccións Autonómicas - O debate puxo de manifesto que as bases de Podemos apoian totalmente que o único espazo de confluencia posible é En Marea - E que se o proxecto de Mareas en Común quere apoiar o cambio en Galicia debe sumarse á democratización de En Marea


Podemos Galicia presenta as súas liñas de traballo de cara ás eleccións Autonómicas


Máis de 200 persoas de círculos de toda Galicia achegáronse ao longo do día a unha asemblea na que expresaron de xeito maioritario o rexeitamento á creación dun partido instrumental. | As bases apoiaron á dirección de Podemos en que o único espazo posible para a confluencia é En Marea. | Carmen Santos aposta pola participación en encontros temáticos e sectoriais para elaborar o programa electoral e afirma que “é lexitimo que Podemos Galicia queira liderar o cambio en Galicia pois iso é o que votaron os inscritos”.

A secretaria xeral de Podemos Galicia, Carmen Santos, presentou hoxe en Ames, nunha asemblea aberta a todos os círculos, as liñas de traballo de Podemos Galicia de cara a elaborar o programa electoral para as eleccións Autonómicas e artellar a mellor campaña posible.

Santos incidiu na necesidade de abordar as principais problemáticas da nosa sociedade dun xeito verdadeiramente transversal (igualdade, emprego, vivenda, o rural, medio ambiente, etc.), coordinando entre diferentes secretarías os eidos de actuación e as propostas dos círculos sectoriais xa existentes e dos movementos cidadáns.

A secretaria xeral anunciou que se crearán encontros de participación temáticos nestes meses que permitan un desenvolvemento moito mais amplo das propostas e mellorar as canles de comunicación cos círculos e coa cidadanía en xeral.

Rendición de contas

Durante a asemblea presentáronse as diferentes secretarías que conforman o Consello de Coordinación galego. Ademais, os representantes electos nas cámaras estatais que veñen de disolverse, Ángela Rodríguez, Antón Gómez-Reino e José García Buitrón, aproveitaron a ocasión para facer unha rendición de contas insistindo no valor da súa actividade parlamentaria nestes meses e expuxeron as súas impresións acerca de como encarar os vindeiros compromisos electorais.

Varias das persoas que asistiron ao longo do día á asemblea manifestaron aos deputados e senador a necesidade de democratizar o espazo En Marea. O debate puxo de manifesto que as bases de Podemos apoian totalmente que o único espazo de confluencia posible é En Marea e que se o proxecto de Mareas en Común quere apoiar o cambio en Galicia debe sumarse á democratización de En Marea.

É lexítimo que Podemos Galicia queira liderar o cambio en Galicia, porque é o que votaron os inscritos e niso que están de acordo a maior parte dos asistentes hoxe aquí”, manifestou Santos ao remate da asemblea.

En  Ames, 30 de Abril de 2016

Olaya Sandoval
Responsable de Prensa Podemos Galicia
prensa@galicia.podemos.info

https://galiza.podemos.info/
facebook
twitter
youtube

Enviado por:
Prensa Podemos Galicia
prensa@galicia.podemos.info
30 de abril de 2016 20:44

________________

xoves, xaneiro 28, 2016

Podemos Galicia expresa o seu rexeitamento ao Anteproxecto de Lei de Acuicultura de Galicia por consideralo un intento flagrante de privatización das nosas rías


Podemos Galicia expresa o seu rexeitamento ao Anteproxecto de Lei de Acuicultura de Galicia por consideralo un intento flagrante de privatización das nosas rías

Podemos Galicia, a través da Secretaría do Medio Rural, quere expresar o seu rexeitamento ao Anteproxecto de Lei de Acuicultura de Galicia por consideralo un intento flagrante de privatización das nosas rías, e instamos a introducir mocións en contra da mesma nos plenos dos concellos da nosa costa.

O sector do mar de Galicia é estratéxico na economía local. O emprego directo e indirecto (empresas destinatarias dos nosos produtos, empresas provedoras de servizos e subministracións, actividades auxiliares de apoio, etc.) representa unha parte enorme e vital da economía galega. Únese a isto o valor social que adquire nos municipios costeiros pola capacidade de irradiar beneficios socioeconómicos a amplas capas da poboación, o que o converte nun mecanismo de distribución e reparto de riqueza no entorno local, que incentiva a implantación de actividades e pequenos negocios.

A baixada de cotas pesqueiras, o conflito das embarcacións do Cerco ou as distintas problemáticas relacionadas co marisqueo non son máis que diferentes patas dunha iniciativa central que é a privatización das rías galegas por parte da Consellería do Mar da Xunta de Galicia.

O Anteproxecto de Lei de Acuicultura de Galicia é un texto non consensuado, imposto dende a Administración co fin de implantar un sistema de cultivo industrial de peixe nas rías, aproveitando as súas características e deixando de lado ao sector pesqueiro e marisqueiro.

Para levar a cabo este proxecto é necesario desmantelar ante todo o tecido produtivo tradicional do mar. De aí os problemas que están a sufrir os mariñeiros, mariscadores e mariscadoras.

Queremos destacar que o que aquí se está a producir é un proceso de reconversión do sector do mar tan agresivo como o que se dera hai anos no sector naval. Lembremos os estaleiros e o sufrimento que todo aquelo provocou en moitas familias e démonos conta de que este contexto de crise faino aínda máis preocupante.

O problema medio ambiental que suporía a posta en vigor desta Lei non se avaliou. O tipo de industrias que permitiría son altamente contaminantes. Causan a eutrofización das zonas mariñas pola acumulación dos excrementos, do alimento non consumido, dos peixes mortos por confinamento ou enfermidade, etc., depositándose todo isto nos fondos e incrementando a concentración dos nutrientes da auga (nitróxeno e fósforo principalmente) durante a súa descomposición.

O incremento en nutrientes altera os ciclos naturais dando lugar a un descenso do osíxeno disolto que pode producir a morte de diversas especies que xa viven nestas rías. Esta eutrofización pode incrementar a presenza de dinoflaxelados nas augas, co que aumenta a probabilidade de ter mareas vermellas nas rías, máis das que estamos acostumados, producindo isto as alertas sanitarias conseguintes e a parada produtiva.

Tamén hai que ter en conta o uso de vacinas, antibióticos, funxicidas e bactericidas que se poden propagar na columna de auga, afectando iso ao resto de seres vivos que viven nas nosas augas e tamén aos usuarios das praias, co correspondente efecto no turismo.

Por si estas cousas fosen poucas, esta Lei non especifica se se poden ou non cultivar especies exóticas e incluso invasoras, o que pode producir danos irreversibles ao ecosistema mariño, dado que as especies foráneas poderían reducir e incluso aniquilar as especies naturalizadas das nosas rías. Tampouco parece que exista prohibición á hora de utilizar o espazo da Rede Natura, Parques Naturais, ZEPA, LIC, etc.

Non contentos con causar danos aos galegos e galegas que viven do mar, ás rías directamente, afectando á calidade da auga e á súa biodiversidade, este Anteproxecto de Lei ábrelle as portas completamente ao Tratado de Libre Comercio (TTIP), un escuro e clandestino tratado beneficioso para as multinacionais e prexudicial para a soberanía dos estados da Unión Europea. Por todo o exposto, Podemos Galicia dille NON ao Anteproxecto de Lei de Acuicultura proposto pola Xunta de Galicia.

Non estamos en contra da acuicultura, estamos en contra do modelo neoliberal que quere implantar o Partido Popular (PP), onde se poderá argallar un proxecto de acuicultura simplemente por desenvolvemento económico e xeración de emprego sen ter en conta o desenvolvemento social, as tradicións e xeito de vida e sen ter en conta o respecto polo medio ambiente e o entorno.

Podemos Galicia, preocupado ante esta situación, non só apoiará as mocións e propostas, que neste sentido presenten os nosos Círculos e Consellos Cidadáns Municipais (CCM) das zonas costeiras e agradece as xa introducidas nalgúns concellos, senón que propón a paralización inmediata de dita Lei e a constitución dunha mesa de diálogo entre todos os colectivos do litoral (pesca, marisqueo, turismo, sociedade civil).

Así mesmo pedir a protección para que non se poida instalar a acuicultura en espazos protexidos. Traballar en Bruxelas para declarar Galicia como Zona Dependente da Pesca e protexer os intereses dos nosos traballadores do mar.

Podemos Galicia mantén o seu posicionamento contrario ante calquera tipo de privatización na súa totalidade ou por partes do sector pesqueiro e marisqueiro.

Santiago de Compostela, 27 de xaneiro de 2016

Luísa Vila Núñez
Responsable de Prensa Podemos Galicia
Contacto de prensa
prensa@galicia.podemos.info
https://galicia.podemos.info/

Enviado por:
Prensa Podemos Galicia
-prensa@galicia.podemos.info-
27 de janeiro de 2016 10:00

_________________