Amosando publicacións coa etiqueta Ría de Ferrol. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Ría de Ferrol. Amosar todas as publicacións

mércores, setembro 27, 2017

O ferrocarril ao porto exterior de Ferrol: necesario?, ... Por Alexandre Carrodeguas

O Partido Popular inaugura as obras do tren polo sur ao Porto Exterior de Ferrol,
a pesar da oposición veciñal e social ao malgasto e un novo atentado contra a Ría.

Por Alexandre Carrodeguas [*]
27.09.2017


A iniciativa de levar o tren ao porto exterior de Ferrol [1] non considera cuestións fundamentais, como é a ineficiente conexión ferroviaria entre Ferrol e o resto do territorio ou  a difícil competitividade futura da terminal de contedores. Estase vendendo fume para poder facer unha obra de 123 millóns de euros que, ademais de non servir para moito, tería un impacto ambiental inasumible.

Un dos argumentos máis repetidos para xustificar a necesidade do acceso ferroviario ao porto exterior de Ferrol é que non hai porto competitivo sen acceso ferroviario, argumento difícil de soster coñecendo, por exemplo, o caso de Alxeciras, o principal porto do Mediterráneo e o terceiro en tráfico de contedores de Europa:  aínda que conta con acceso ferroviario, a práctica totalidade do seu tráfico de contedores consiste no transbordo barco-barco.

Ademais, facer unha vía dende a Malata ata o porto exterior só serviría para mover os contedores dende Caneliñas ata a estación de Ferrol. Dende alí, tendo en conta as actuais condicións das vías de FEVE e Renfe, os contedores deberían ser transportados, como hoxe, por estrada aos seus destinos. De feito, a dársena interior do porto xa conta con acceso ferroviario que practicamente non se usa.

Esta eiva non se vai solucionar nin sequera a medio prazo: o Plan de Infraestruturas, Transporte e Vivenda 2012-2024 só prevé o propio acceso ao Porto Exterior e a reposición, co actual trazado, da vía estreita entre Ferrol e Bilbao. Por outra banda un porto que mova contedores terra-mar e mar-terra precisa, para ser viable, que unha boa parte das mercadorías que mova sexan producidas e consumidas na propia área urbana inmediata. Algúns cifran esta parte nun 35% do total.

O porto de Ferrol está na periferia do sistema urbano da península. Outros portos atlánticos como  Xixón e Bilbao, ou Leixões e Sines en Portugal, ademais de estar mellor conectados co resto do mundo a través de liñas ferroviarias e aeroportos, están próximos a maiores  puntos de produción e consumo de mercadorías que o de Ferrol.  Mentres esto sexa así o porto de Ferrol sempre terá menos tráfico de contedores que o resto dos  portos atlánticos da península.

Outra cousa sería especializarse no transbordo barco-barco, como Algexiras, para o que, obviamente, non é necesario acceso ferroviario de ningunha clase.

As propias condicións da dársena tamén son un hándicap para que funcione o tráfico de contedores. A lámina de auga de Caneliñas non é moi estable, coincidindo cos refluxos de determinadas mareas. Isto é un problema pois as grúas  traballan con marxes duns poucos centímetros cando apiñan os contedores nos barcos.

Isto é unha desvantaxe competitiva en relación a outros portos como Sines, que non teñen este problema. Despois de todo, o porto exterior de Ferrol non foi ideado para acoller unha terminal de contedores, senón para unha planta de regasificación. Esa foi a súa orixe. Outra cousa é que agora se lle queira buscar outra utilidade.

Ademais, se o impacto ambiental e social da alternativa pola Malata é moi grande, o das outras alternativas é aínda maior: a afección á Fraga de Menáncaro, o volume de entullos xigantesco ou maior percorrido urbano, entre outros. Non é polo tanto lóxico que se defenda ningunha das alternativas polo seu menor impacto. Para a cidadanía de Ferrol non hai alternativa boa.

A isto xuntase o custo de oportunidade que supón non investir estes 123 millóns de euros de recursos públicos noutras necesidades, como poderían ser mellorar a conexión ferroviaria entre Ferrol e Coruña ou a rexeneración ambiental da Dársena da Malata, por exemplo.

Todo o antedito é suficiente para poñer en cuestión necesidade de contar cun acceso ferroviario a Caneliñas. Tamén explica que a solicitude de financiamento á Unión Europea, a través do programa “Conectar Europa”, fose denegada en base a “pobre relevancia das accións proxectadas”.

Cando se esaxeran os efectos que esta infraestrutura, se se construíse, chegaría a ter no emprego e na economía da bisbarra estase a enganar a cidadanía, para apoiar cegamente o negocio da súa construción con cartos públicos. Son as “megainfraestruturas” que non xeran beneficio social algún das que tanto nos fala o economista Naredo. E que unha vez construídas ninguén vai responder das expectativas creadas, nin dos estudos de viabilidade que xustificaron tanto malgasto. É necesario pois un amplo debate social sobre os custos e beneficios do acceso o porto exterior... Non hai alternativa boa.

Publicado no Diario de Ferrol o 26 de setembro de 2017.

Foto: Detalle modificado da foto de Galiciapress.

[1] As obras que se iniciaron en Ferrol,  son unha actuación que foi adxudicada á Unión Temporal de Empresas (UTE) formada por Copasa, Ogmios e Geotunel, cun prazo de execución de 46 meses e un investimento de case 72,5 millóns de euros máis IVE. O trazado discorrerá maioritariamente baixo terra, a través dun túnel, e contará tamén cun viaduto na enseada da Malata.

[*] Alexandre Carrodeguas, activista social de Ferrol Terra, promotor de plataformas cidadáns en defensa do patrimonio urbanístico e cultural; defensor dos espazos públicos e da rehabilitación dos cascos históricos; membro de Verdegaia, do Comité Cidadán de Emerxencia para a Ría de Ferrol e da Comisión Social de Seguimento da construción da infraestrutura de depuración e saneamento da marxe norte da ría de Ferrol. E un dos promotores da iniciativa cidadá pola xestión pública e social do ciclo da auga e do saneamento en Ferrol e da Plataforma pola Remunicipalización (Fonte: Ártabra 21).

Artigos de Alexandre carrodeguas en Ártabra 21| Ir á Web.

Artigos sobre o Porto Exterior en Ártabra 21 | Ir á web.

Artigos sobre o Tren a Caneliñas en Ártabra 21. | Ir á Web.

Enviado por:
Alexandre Carrodeguas
-republicadetraballadoras@gmail.com-
26 de setembro de 2017 19:43

__________

Enlaces e documentación relacionada
:

Sitio da Plataforma Tren Polo Norte, formada por unha trintena de entidades que no 2010 presentaron alegacións ao trazado do porto exterior de Ferrol | Ir á Web.

O Porto Exterior de Ferrol no Plan de Ordenación do Litoral - POL (Xunta de Galicia). | Acceder/Baixar.

GeoTren - O acceso ferroviario ao Porto exterior de Ferrol. | 16.Xaneiro.2014 | Ir á Web.

A Autoridade Portuaria licita as obras do acceso ferroviario ao Porto Exterior de Ferrol. | Ministerio de Fomento | 16.Abril.2016 | Ir á Web.

Fomento adxudica a redacción do proxecto constructivo do acceso ferroviario ao Porto exterior de Ferrol. | Ministerio de Fomento | 03.Xaneiro.2014. | Ir á Web.

__________________

venres, xuño 17, 2016

O saneamento da Ría de Ferrol entra en campaña electoral, da man do BNG - Nós Candidatura Galega, este sábado 18 de Xuño, ás 12 do mediodía no Cantón


Coa participación do parlamentario galego Francisco Jorquera e o concelleiro e Iván Rivas, o BNG - Nós Candidatura Galega, teñen programado un Acto público, con propostas para o saneamento da nosa ría. O Acto terá lugar o sábado 18 de Xuño, as 12 do mediodía na Praza da Constitución do Cantón.

http://paratervozpropia.gal/

Enviado por:
BNG
-bng@ferrol.es-
16 de junho de 2016 14:28
______________

domingo, xuño 05, 2016

Crónica resumo dunha moi interesante xornada que tivo lugar en Ferrol este 4 de Xuño, sobre a contaminación da Ría de Ferrol e do resto das rías galegas e o chamado mar territorial - Xornada que contou con dez excelentes relatorios e a presencia de xente do mar da Galiza e do resto do Estado


Sector pesqueiro e persoal técnico denuncia en Ferrol a morte das rías e as desfeitas ambientais no mar. | Lídia Senra inaugura a xornada "A problemática da contaminación no medio mariño nas pescas e o marisqueo da UE". | A eurodeputada critica a "desfachatez" das Administracións á hora de incumprir normativas e leis para beneficiar ás grandes empresas.

Lídia Senra, eurodeputada de Alternativa Galega de Esquerda en Europa (AGEe), integrada no Grupo Confederal da Esquerda Unitaria Europea/Esquerda Verde Nórdica (GUE/NGL), foi este sábado a encargada de abrir en Ferrol a xornada “A problemática da contaminación do medio mariño nas pescas e o marisqueo da UE”, un evento organizado polo propio GUE/NGL e AGEe e que durante todo o día reúne no Centro Cultural Carvalho Calero (Ferrol) a representantes do sector da Galiza e do Estado español, así como persoas expertas na materia.

A eurodeputada aproveitou a súa intervención inicial para denunciar a “desfachatez” coa que as diferentes Administracións saltan leis e normativas en materia ambiental para beneficio das grandes empresas. Un dos últimos casos máis claro: o de Reganosa, na propia Ría de Ferrol. Senra enmarcou esta xornada no ciclo de eventos deste tipo que desde o 2014 organiza AGEe co obxectivo de ser punto de encontro e de debate nos diferentes ámbitos nos que a organización política está a traballar no Parlamento Europeo, para coñecerse, poñer en común loitas e poder defendelas na institución comunitaria.

Na inauguración da xornada tamén interveu a actual concelleira de Medio Ambiente de Ferrol, María Esther Leira, quen afirmou que foi “o desleixo das Administracións o que trouxo os problemas derivados do saneamento moi tardío da Ría de Ferrol”. Leira defendeu que só haberá unha saída razoábel para salvar a pesca e o marisqueo da zona "se se lle pon freo á locomotora de acumulación do capital". “Para iso estamos as e os responsábeis políticas/os e pedímosvos á sociedade que nos esixades que así o fagamos”, exclamou.

Na primeira mesa programada dentro da xornada, pola mañá, baixo o título “Radiografía xeral da situación medioambiental do noso mar”, tomaron a palabra Guillermo Díaz Agras, Xefe da Estación de Bioloxía Mariña da Graña; José Luis Rodríguez, Presidente da Asociación de Armadores de Artes Menores de Galicia (Asoar-Armega); e Isabel Maroño, Patroa Maior da Confraría de Ferrol.

Díaz Agras, que fixo un repaso polo excepcional patrimonio natural que existe na Galiza e nomeadamente na comarca de Ferrolterra, puxo a énfase da súa intervención en criticar a construción do porto exterior de Ferrol, que provocou o corte de renovación da auga da ría. “As Administracións están levando a cabo actuacións sen consenso ambiental que están afogando as rías galegas”, dixo. Neste sentido, aportou o dato de que a construción do porto exterior acabou con 16 especies naturais protexidas ou en perigo de extinción, e que a de Ferrol, xunto coa Ría do Burgo, na Coruña, “bate marcas mundiais en cantidade de metais pesados”. Para facerlle fronte a esta situación, o Xefe da Estación de Bioloxía Mariña da Graña apostou por ensinarlle ás nenas e nenos a realidade desde as escolas, para que se poida tomar conciencia do problema da contaminación desde a infancia.

Na súa quenda de intervención, José Luis Rodríguez tamén atacou a “nefasta xestión política e desinterese con respecto ao litoral” que amosan a maioría das Administracións. “Sobra lexislación e sobran normativas para que se poidan aplicar medidas que protexan o medio. O problema é que son as propias Administracións quen as incumpren. Son elas, non os pescadores nin a cidadanía”, asegurou. O presidente de Asoar-Armega chamou a sancionar a quen incumpre a Lei: “Non se pode compensar a quen está contaminando impunemente e que salta a normativa como lle ven en gana”, dixo en referencia a grandes empresas. “É urxente e necesario cambiar o sistema de xestión ambiental xa”. Rodríguez lembrou o intento da Xunta de Galiza de “colar pola porta de atrás” o anteproxecto de Lei de Acuicultura intensiva, que suporía, dixo, “un auténtico destrozo ecolóxico, biolóxico, social e ambiental”.

Pola súa banda, Isabel Maroño, aportou algunhas cifras claves que demostran que a Ría de Ferrol “está morrendo a pasos”. No ano 2005 extraéronse máis de 250.000 quilos de marisco na ría de Ferrol; no ano 2015, foron 160.000 quilos. Se traducimos esta cifra en cantidade económica, a diferenza é de máis dun millón de euros menos. “A Consellería dinos, sen embargo, que este último ano foi fabuloso. Igual para eles non é nada esta diferenza, pero para a Confraría é demasiada cantidade de diñeiro”, explicou. A patroa maior pediu ás representantes políticas presentes na xornada que “non nos deixen na estacada e que leven as nosas peticións aos organismos nos que teñen presenza para que a Ría volva ser rica como era antigamente”.

A xornada continuará até as 19.30hrs. Tras a finalización da segunda mesa da mañá -A contaminación das rías galegas e as actuacións das institucións da UE, a quenda de tarde dará comezo ás 16.00hrs. afondando na temática -A economía azul no contexto da política da Unión Europea e mundial e a súa repercusión para o sector pesqueiro na Galiza. Concluiremos este encontro a través dunha mesa final de carácter esencialemente propositivo baixo o título -Facendo fronte á contaminación mariña para preservar os recursos pesqueiros. Algunhas experiencias dende o Estado español.

AGEe pon sobre a mesa o elevado custe ambiental e para a pesca artesanal que supón a Economía Azul. | Lídia Senra e Juan Manuel Fajardo advirten da batalla pola ocupación do espazo mariño na que están as multinacionais contra pescadoras/es. | Na costa galega xa se fixo unha exploración para posibles explotacións mineiras nos fondos mariños, preto de onde está o Prestige.

A Economía Azul no contexto da política da Unión Europea e mundial e a súa repercusión para o sector pesqueiro en Galiza, foi o tema que centrou a primeira mesa da tarde deste sábado na xornada “A problemática da contaminación do medio mariño nas pescas e o marisqueo da UE” organizada en Ferrol polo Grupo Confederal da Esquerda Unitaria Europea/Esquerda Verde Nórdica (GUE/NGL) e Alternativa Galega de Esquerda en Europa (AGEe).

Na mesa, a eurodeputada de AGEe Lídia Senra alertou de que “dicir economía azul pode soar bonito, pero en realidade, non o é e leva novamente a poñer os recursos nas mans das grandes multinacionais e do capital”. Senra afondou na política de acaparamento dos océanos para proxectos de enerxía eólica, mareomotriz e undimotriz, que se está proxectando a nivel mundial e que levará a “apartar aínda máis do mar ás pescadoras e pescadores a pequena escala”.

Con relación a outro eixo da Economía Azul como son as explotacións mineiras nos fondos mariños, sinalou que, se xa coas explotacións mineiras en terra temos gravísimos impactos na saúde e no medio, “imaxinade se comeza a explotación para aproveitar a enerxía das mareas e os minerais dos fondos mariños”.

A eurodeputada lembrou que a Comisión Europea, baseándose na contestación a unha pregunta por escrito que ela mesma lle fixo, considera que na gobernanza dos océanos, “a pesca ten un papel pequeno e subordinado”, abrindo xa a porta directamente a seguir facendo políticas que baleiren a costa, saquen ás pescadoras e pescadores do mar e deixar en mans de grandes multinacionais toda a explotación dos recursos mariños.

Pola súa banda, o deputado de AGE no Parlamento Galego, Juan Manuel Fajardo, puxo o énfase na realidade de que “cada vez as persoas teñen máis dificultades para vivir do sector da pesca en Galiza e iso é porque hai alguén que non sabe o que está facendo cando dirixe a política pesqueira”. Para Fajardo, estamos diante dunha “batalla pola ocupación do espazo mariño”, xa que o pretenden as forzas neoliberais é facer no medio mariño o que xa fixeron na agricultura. “Pretenden que a xente renuncie a ocupar o mar porque non poden vivir del, e para que así sexa ocupado polas multinacionais”, asegurou. “O capitalismo non ten corazón e por iso están condenando á maioría da poboación á pobreza para o enriquecemento duns poucos. A solución non é só electoral senón de conciencia de todo o mundo e de maioría social”, zanxou.

O xeólogo Francisco Canosa Martínez, que se encargou de facer unha explicación ao respecto de como se levan a cabo as explotacións mineiras dos fondos mariños, afirmou que a economía azul terá graves consecuencias ambientais. Na costa galega, preto de onde está o Prestige, realizouse xa unha exploración a entre 700 e 1.500 metros de profundidade e atopáronse costras polimetálicas e fosforitas. “Non sei o que pasará no futuro, pero se están realizando exploracións será con algunha intención”, dixo. Ante o cal, reafirmou que “non me parece axeitado poñerse a explotar recursos mineiros no mar porque se necesitamos eses recursos témolos na terra e no mar xerarían un custe ambiental e enerxético brutal, xa que literalmente falamos de futuras minas no fondo do mar”.

Noutra orde, na última mesa da sesión da mañá da xornada, participaron Manuel Rodríguez Carballeira, Coordinador do Comité de Emerxencia da Ría de Ferrol; Estebo Ameneiro, Presidente da Plataforma en Defensa do Mar da Comarca Muros-Noia (Plademar); e Ángela García Torres, presidenta da agrupación da Confraría de San Telmo de Pontevedra.

Rodríguez Carballeira expuxo o que, ao seu xuízo, debería incluír un programa de mínimos para a recuperación da ría de Ferrol. “A determinación dos colectivos que viven do mar é fundamental”, afirmou. Así, defendeu que entre mariscadoras e mariscadores, Consellería e Concellos, se faga un plan de usos da ría; e se poña en marcha de forma inmediata a depuración integral da ría. “Non pode ir parar á ría un vertido máis nin que a Administración o permita tal e como está pasando”, denunciou.

O coordinador do Comité Cidadán de Emerxencia da Ría de Ferrol afirmou que en Galiza “hai unha forza política que é perniciosa para o medio e as rías e que se chama Partido Popular” e, fronte a isto, chamou a “pelexar e modificar a situación actual”, xa que senón, preocupante situación da ría “será irreversible”. No mesmo día en que o Comité organizou unha marcha a pé a Mugardos, Rodríguez Carballeira dixo na xornada que “se o Tribunal Supremo dixo, como dixo, que a planta de gas é ilegal, o Goberno ten que paralizala e quitala de aí. Isto non é así e polo tanto estamos falando dunha forza política e dunha Administración que vai contra quen vive das rías e contra todas e todos nós”.

Pola súa banda, Estebo Ameneiro explicou que el, ao igual que toda a xente que vive do mar, "queremos poder ter unha ría ría saneada na que traballar e labrar o noso futuro. A calidade da auga vai a menos e iso repercute en todos nós”. O presidente de Plademar alertou sobre os momentos de debilidade do sector que son aproveitados polo Goberno do PP. “Se estamos débiles é dificil que loitemos, por iso a Xunta aproveitou que estamos asqueados de ir traballar ao mar para non gañar nada, afogados, e lanzou o anteproxecto de Lei de Acuicultura pensando que iamos aceptar a súa limosna”. “Temos que ser conscientes disto”, dixo. Así mesmo, asegurou que as empresas multinacionais están intentando “eliminarnos do mar”. “Somos un estorbo para elas e para algúns gobernos porque elas xeran millóns que van parar aos petos de algúns políticos”, afirmou.

Na mesma mesa, Ángel García Torres fixo un repaso polas zonas da ría de Pontevedra que a día de hoxe están pechadas ao marisqueo por estar catalogadas como Zonas C e explicou a situación de afogamento na que está o sector tamén nese litoral.

Ferrol,a 4 de xuño, de 2016.



--->>

Lídia Senra, eurodeputada de Alternativa Galega de Esquerda en Europa (AGEe), integrada no Grupo Confederal da Esquerda Unitaria Europea/Esquerda Verde Nórdica (GUE/NGL).

lidia.senra@europarl.europa.eu

Equipa de Comunicación AGEe:
Alternativa Galega de Esquerdas en Europa - Oficina en Bruxelas:
vera.montotovazquez@europarl.europa.eu
Alternativa Galega de Esquerdas en Europa - Oficina en Galiza:
age.europa.galiza@gmail.com
Xornal dixital de AGEe:
http://ageuropa.gal/

   


Enviado por:
SENRA RODRÍGUEZ Maria Lidia OFFICE
-lidia.senra-office@europarl.europa.eu-
4 de junho de 2016 14:26
4 de junho de 2016 19:42
__________

luns, maio 30, 2016

Dragado ilegal da Ría de Ferrol para aumentar o calado da entrada da ría para permitir o paso a grandes buques como os gaseiros de Reganosa - Imputado o ex-director xeral de Conservación da Natureza García-Borregón por delictos contra o medio ambiente - 4 altos cargos de Medio Ambiente na etapa de Agustín Hernández, acusados pola Fiscalía


Imputado o ex-director xeral de Conservación da Natureza García-Borregón por delictos contra o medio ambiente - 4 altos cargos de Medio Ambiente na etapa de Agustín Hernández, acusados pola Fiscalía


Ricardo García-Borregón Millán, ex-Director Xeral da Natureza con Agustín Hernández, declarará como "investigado" o vindeiro luns 6 de xuño a petición da Fiscalía ambiental do TSXG, xunto con outros tres ex-altos cargos de Medio Ambiente, polo dragado da ría de Ferrol denunciado en 2011 por ADEGA. A obra tiña como obxectivo aumentar o calado da entrada da ría para permitir o paso a grandes buques como os gaseiros de Reganosa.

No Xulgado de Instrución nº 3 de Santiago de Compostela están a desenvolverse as dilixencias previas relativas a un presunto delicto contra os recursos naturais e o medio ambiente, relacionado co dragado irregular dos fondos da Ría de Ferrol dentro da ZEC Costa Artabra (Rede Natura 2000), executado entre outubro e novembro do 2011, e no seu día denunciado por ADEGA perante a Fiscalía Ambiental.

Como “investigados” (antes imputados) por estes feitos atópanse as persoas que naquela época ocupaban os postos de máxima responsabilidade na xestión dos espazos naturais de Galiza: Ricardo García-Borregón Millán (Director Xeral de Conservación da Natureza), Rogelio Fernández Díaz (Subdirector Xeral de Espazos Naturais e Biodiversidade), Javier Turrillo Montiel (Xefe do Servizo de Análise e Proxectos) e Carlos Múñoz (Xefe do Servizo de Conservación da Natureza na Delegación Provincial da Coruña).

Todos eles están acusados pola Fiscalía de delictos contra os recursos naturais e o medio ambiente, prevaricación e falsidade documental. Entre todos presuntamente "cociñaron", logo de iniciadas as obras do dragado da ría de Ferrol, unha autorización ambiental fraudulenta baseada nun suposto informe técnico que non figuraba no expediente. Logo de rematadas as obras, e tras as xestións do Valedor e a Fiscalía a denuncia de ADEGA, apareceu o informe que, curiosamente, recomendaba a non execución do proxecto polos seus impactos ambientais.

O xusto colofón a unha desastrosa xestión dos espazos naturais galegos

Confiando no labor da xustiza e da Fiscalía, este caso representa a paradoxal culminación da desastrosa xestión da biodiversidade e dos espazos naturais acontecida nos últimos anos.

A escandalosa inacción, cando non a defensa de intereses alleos á conservación, exemplifícase na desastrosa xestión dos Parques Naturais; humidais protexidos, especies de flora e fauna ameazada... Na paralización inxustificada da ampliación da Rede Natura 2000, a máis cativa do estado; na negativa á declaración de parques naturais nos Ancares, Courel, Monte Pindo... Mais tamén na tolerancia ou promoción de actuacións incompatíbeis coa protección do noso patrimonio natural: piscifactorías, minas, eólicos, celulosas, eucaliptización de espazos naturais, licenzas ilegais de caza, cacerías de lobos, etc.

Resulta irónico pois, que sexa a tramitación irregular dunha obra para beneficiar a Reganosa (como acaba de acontecer co governo en funcións de Rajoy) a que trala denuncia de ADEGA subministre as probas que leven aos responsábeis ou cómplices de tantas outras desfeitas ambientais perante a Xustiza.

Enlace de interese:
Xunta e Ministerio autorizan dragar a Rede Natura sen todos os informes preceitivos. | Ir a web.

Novas relacionadas:
Denunciados pola Fiscalía dous altos cargos de Medio Ambiente por prevaricación, falsidade documental e delicto ambiental. | Ir á Web.

Publicado na web de Adega. | 30 de Maio de 2016.

Delegación de Ferroterra:
Ferrolterra-Trasancos
Apartado 481
15480 Ferrol
adegatrasancos@adega.gal

ADEGA / Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza
Travesa dos Basquiños, 9-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal.
http://adega.gal/
____________

sábado, maio 28, 2016

Na fin de semana do Día Mundial do Medioambiente, máis dunha decena de poñentes analizarán en Ferrol a situación na Galiza e UE da problemática da contaminación do medio mariño nas pescas e o marisqueo


Xornada "A problemática da contaminación do medio mariño nas pescas e o marisqueo da UE". |  "A problemática da contaminación do medio mariño nas pescas e o marisqueo da UE". | Xornada de análise e debate sobre a situación do medio mariño convocada polo GUE/NGL e coordenada por AGEe o vindeiro sábado 4. | Na fin de semana do Día Mundial do Medioambiente, máis dunha decena de poñentes analizarán en Ferrol a situación na Galiza e UE.


O vindeiro sábado 4 de xuño, coincidindo nesa fin de semana ca conmemoración do Día do Medio Ambiente, o Grupo da Esquerda Unitaria Europea-Esquerda Verde Nórdica (GUE/NGL) levará adiante a través de Alternativa Galega de Esquerda en Europa a xornada  A problemática da contaminación do medio mariño nas pescas e o marisqueo da UE [1], que terá lugar no Centro Cultural Carvalho Calero (Ferrol) de 10.00a 19.30hrs.

Tras a chegada e recepción de participantes [10.00hrs.], a eurodeputada de AGEe, Lídia Senra, e a Concelleira de Medio Ambiente e Sanidade de Ferrol, María Esther Leira Penabad, procederán á introdución e apertura desta xornada [10.15hrs.] que procurará "poñer de relevo unha visión holística do medio mariño na que teñamos en conta non só a importancia da súa dimensión produtiva, senón tamén a correspondencia existente entre a propia calidade das augas e a nosa saúde, ou as claves do significado xeopolítico que cada vez máis están adquirindo os recursos hídricos a nivel global,  sen perder de vista ademais o compoñente identitario que o mar, as rías, os ríos e mesmo os océanos teñen para o pobo galego", expuxo Senra.

A eurodeoputada de AGEe é suplente para o Grupo da Esquerda Unitaria Europea-Esquerda Verde Nordica (GUE/NGL) na Comisión de Pesca do Parlamento Europeo, xa que "dende o inicio asumimos que loita a prol do noso medio mariño tiña que ser unha das principais estratexias de traballo de Alternativa Galega de Esquerda en Europa". Ente outras accións, no mes de novembro do ano pasado levamos adiante en Cangas a xornada “As pescas e a acuicultura na Galiza no contexto da Política Pesqueira Común (PPC): retos e propostas de futuro”, en decembro achegamos a Bruxelas unha delegación de colectivos que loitan contra a contaminación das rías e ríos e trasladaron as súas denuncias directamente á Comisión Europea, intervimos en sesión plenaria para denunciar a situación do cerco, pelexamos a exclusión dos TACs da pesca artesanal, impulsamos a visita dunha delegación da Comisión de Pesca do Parlamento Europeo a Galiza no mes de mazal deste ano, e levamos rexistradas distintas preguntas parlamentarias[2] en relación ao medio mariño.

Aliás, este encontro o vindeiro sábado 4 en Ferrol para abordar en común a contaminación das augas será tamén un rico espazo no que analizar algunhas conclusións do Informe anual sobre as augas de baño realizado pola Axencia Europea de Medio Ambiente (AEMA) e a Comisión Europea e publicado esta mesma semana. A través deste estudo, que revela que das 29 praias con calidade  "pobre" que hai no Estado 23 atópanse na Galiza,  "a propia UE corrobora a preocupación expresada en múltiples ocasións polas organizacións sociais, pesqueiras e ecoloxistas en relación á calidade das nosas augas", salientou Lídia Senra.

Daremos inicio a esta xornada a través do Xefe da Estación de Bioloxía Mariña da Graña, Guillermo Díaz Agras, e do Presidente da Asociación de Armadores de Artes Menores de Galicia (ASOAR-ARMEGA), José Luís Rodríguez, quen plantexarán primeiramente unha RADIOGRAFÍA XERAL DA SITUACIÓN MEDIOAMBIENTAL DO NOSO MAR [10.30hrs]. Lucía Vizoso, membro da Asociación Cultural Fuco Buxán e da Marea Ártabra, moderará este primeiro espazo introdutorio.

Tras un pequeno descanso ás 12.00hrs., retomaremos a quenda de mañá afondando na situación concreta do litoral a través da mesa A CONTAMINACIÓN DAS RÍAS GALEGAS E AS ACTUACIÓNS DAS INSTITUCIÓNS DA UE [12.30hrs.], que será desenvolvida polo Coordenador do Comité de Emerxencia da Ría de Ferrol e membro da Asociación Cultural Fuco Buxán, Manuel Rodríguez Carballeira; o Presidente da Asociación polo Saneamento da Ría de Pontevedra, Andrés Ruano e o Presidente da Plataforma en Defensa do Mar da Comarca Muros-Noia (Plademar), Estebo Ameneiro.

A Vicepatroa da Confraría de San Telmo de Pontevedra, Marina Buceta, será a responsábel de coordenar este panel, ao que seguirá un espazo de debate.

A quenda de tarde desta xornada estará centrada en extrapolar a situación do medio mariño a nivel europeo e estatal. A ECONOMÍA AZUL NO CONTEXTO DA POLÍTICA DA UNIÓN EUROPEA E MUNDIAL E A SÚA REPERCUSIÓN PARA O SECTOR PESQUEIRO EN GALIZA [16.00hrs.] abondará na problemática da acaparación de recursos hídricos pra a súa explotación en clave multimensional [3] -pesqueira, mineira, enerxética, farmacéutica, biotecnolóxica, turística...-, unha estratexia de capitalización dos recursos naturais que está a ocupar un papel diferenciado no presente mandato da Comisión Europea baixo a preocupante denominación Crecemento Azul.  A eurodeputada de AGEe, Lídia Senra; o voceiro de Pesca por AGE no Paralmento Galego, Juan Manuel Fajardo e o Doutor en Xeoloxía e Impulsor do proxecto do Xeoparque do Cabo Ortegal, Francisco Canosa Martínez serán as responsábeis de desenvolver este punto . O Concelleiro de Medio Ambiente de Narón, Manuel Antonio Ramos Rodríguez, moderará e dará paso ao debate.

Tras un descanso de media hora [17.30hrs], avanzaremos na conclusión desta xornada a través dunha espazo final de carácter esencialemente propositivo baixo o título FACENDO FRONTE Á CONTAMINACIÓN MARIÑA PARA PRESERVAR OS RECURSOS PESQUEIROS. ALGUNHAS EXPERIENCIAS DENDE O ESTADO ESPAÑOL [18.00hrs.]. O Directivo da Confraría de Ferrol e armador de embarcación de baixura en Ferrolterra, Javier Castro, será o responsábel de coordenar as intervencións dos poñentes que trasladarán experiencias dende distintas partes do Estado. Nesta mesa contaremos co Presidente da Federación de Cofradías de Pescadores de Almería-Motril e Patrón Maior de Motril vinculado ao Proyecto Ecopuertos, Ignacio José López Cabrera; o Director da Cátedra Relec da Universidad de Cádiz e vinculado tamén ao Proyecto Ecopuertos, Enrique Montero e o avogado e secretario da Federación Provincial de Cofradías de Pescadores de Valencia e integrante da Campaña contra as prospeccións de hidrocarburos no Mediterráneo, José Ortega.

O encontro finalizará ás 19.30hrs.

Compostela, de 27 Maio de 2016.

Nota.-

[1] Adxuntamos cartaz e díptico-programa, Acceder/Baixar.

[2] Deguace e cotas, Impactos negativos da ampliación do Real Club Náutico de Sanxenxo, Colocar a pesca artesanal acidental fora dos TAC, Distribución das quotas de sarda pelo Estado espanhol, Verquido de residuos asfálticos na zona de Ferrol, Efluentes contaminantes na costa de Lugo, Reparto das cotas de pesca entre o cerco galego, Construcción dunha presa no río Miño, Sendas fluviais do Río Tea e Castro da Croa, Pregunta sobre la denuncia CHAP(2014)00627 (Río Tea), Ampliación da pranta de Reganosa en Ferrolterra, Recursos mineros en alta mar, Gobernanza dos océanos e enerxía, Agresión medioambiental contra el LIC del río Tea, Estacion depuradora de augas residuais no barrio de Coruxo (Vigo), Estudos da EFSA sobre biotecnoloxías mariñas, EFSA, DRA e consumo de moluscos, Marisqueo na Ría de Ferrol, Etiquetado produtos acuicultura e pesca, Prohibición da pesca de deriva con redes artesanais e tradicionais, Indefensión dos traballadores galegos en barcos noregueses.

[3] Máis información no informe "El acaparamiento mundial de océanos", TNI (2014).

Lídia Senra, eurodeputada de Alternativa Galega de Esquerda en Europa (AGEe), integrada no Grupo Confederal da Esquerda Unitaria Europea/Esquerda Verde Nórdica (GUE/NGL).

lidia.senra@europarl.europa.eu

Equipa de Comunicación AGEe:
Alternativa Galega de Esquerdas en Europa - Oficina en Bruxelas:
vera.montotovazquez@europarl.europa.eu
Alternativa Galega de Esquerdas en Europa - Oficina en Galiza:
age.europa.galiza@gmail.com
Xornal dixital de AGEe:
http://ageuropa.gal/

   

Enviado por:
SENRA RODRÍGUEZ Maria Lidia OFFICE
-lidia.senra-office@europarl.europa.eu-
27 de maio de 2016 14:15

_____________________

sábado, febreiro 20, 2016

Este Sábado 20 de Febreiro, en Ferrol, Acto-Debate sobre a Lei de Acuicultura, coa participación da eurodiputada Líidia Senra e Juan Fajardo deputado do Parlamento Galego


Acto-Debate sobre a Lei de Acuicultura


A Asociación Cultural Fuco Buxán, en colaboración co Sector do Mar, durante as dificultades que padece a súa xente, convoca Acto-Debate sobre a Lei de Acuicultura. Convidamos a participar a todas as Confrarias da contorna de Ferrolterra e a todos os afectados, mariscadores, mariñeiros, armadores, peixeiras, etcétera. Participa: Lidia Senra, eurodiputada e Juan Fajardo, diputado. Con anterioridade hai uns días, en concreto o sábado 7 de Febreiro, estiveron nun acto en Ferrol na Galería Sargadelos, nun primeiro contacto coa xente do mar, para falar sobre a citada Lei de Acuicultura.

Este novo acto terá lugar:

Día: Sábado 20 de Febreiro.
Hora: Ás 11:30 horas.
Lugar: No Centro Cultural Carvalho Calero (O Inferniño - Ferrol)


Lídia Senra Rodríguez, Pobra do Brollón o 14 de xuño de 1958, eurodeputada de Alternativa Galega de Esquerda en Europa (AGEe), integrada no Grupo Confederal da Esquerda Unitaria Europea/Esquerda Verde Nórdica (GUE/NGL) |  Labrega, é unha destacada sindicalista do agro galego. Foi membro da Executiva da Coordinadora Labrega Europea (CPE). participou en diversos encontros internacionais representando a Vía Campesina, movemento labrego mundial que agrupa organizacións de América, Asia, África e Europa. Ademais, interviu activamente nos tres foros sociais europeos celebrados en Florencia, París e Londres. Tlf's: 0034 698 108 434/0032 483 604 027, |lidia.senra@europarl.europa.eu | http://ageuropa.gal/ e https://www.facebook.com/LidiaSenraRodriguez. | https://twitter.com/lidiasenra.

Juan Fajardo (Juan Manuel Fajardo Recouso) Vilagarcía de Arousa  1973, deputado de Alternativa Galega de Esquerda, no Parlamento Galego. É informático. Militante de Esquerda Unida e do Partido Comunista desde 1990. Responsable comarcal do PCG en Arousa. Foi concelleiro en Vilagarcía de Arousa. Contacto: 981551584 | https://twitter.com/jmfajardoeu. |
juan.manuel.fajardo.recouso@parlamentodegalicia.gal


Enviado por:
A.C. Fuco Buxán Fuco Buxán
-fucobuxan@gmail.com-
19 de fevereiro de 2016 19:38

__________

venres, febreiro 05, 2016

Charla "Anteproxecto da Lei de Acuicultura e Contaminación Mariña da Ria de Ferrol", con a eurodiputada Lidia Senra e o parlamentario Juan Fajardo, este sábado 6 de febreiro, ás 11:30 hora


Charla "Anteproxecto da Lei de Acuicultura e Contaminación Mariña  da ria de Ferrol".

A A. C. Fuco Buxán en nome dun grupo de mariscadores de Ferrolterra convoca a unha charla organizada para o vindeiro sábado día 6 de febreiro, ás 11:30 horas da mañá, na Galería Sargadelos de Ferrol, sobre o Anteproxecto da Lei de Acuicultura e Contaminación Mariña da ria de Ferrol, unha charla na que interviràn a eurodeputada Lidia Senra e o parlamentario autonómico Juan Fajardo.

Asociación Cultural Fuco Buxán: Dirección: Rúa Armada Española, 32 baixo - 15406 - Ferrol (A Coruña) Apartado Correos: 240 - C.P. 15400 - Ferrol Telefono: 981325492 Email:  fucobuxan@gmail.com Visita a nosa web: www.fucobuxan.net Blog:   Pensamento Crítico http://opinionsfuco.blogspot.com.es/  Facebook http://www.facebook.com/pages/Fuco-Bux%C3%A1n/118931821452749 Twitter: http://twitter.com/FucoBuxan Google+: https://plus.google.com/u/0/108716477794009532670/posts

Enviado por:
A.C. Fuco Buxán Fuco Buxán
-fucobuxan@gmail.com-
4 de fevereiro de 2016 01:43

_________

xoves, decembro 03, 2015

Colectivos denuncian diante da Comisión Europea o desleixo das Administracións nas rías e ríos da Galiza - Fotos


Colectivos denuncian diante da Comisión Europea o desleixo das Administracións nas rías e ríos da Galiza. | A falta de control das Administracións, a contaminación verquida por empresas ou a lentitude da Xustiza, algúns dos principais problemas. | Valorouse a posibilidade de levar adiante accións conxuntas a nivel nacional e AGEe rexistrará preguntas ao respeito dos distintos casos.


Integrantes do Comité Cidadán de Emerxencia para Ría de Ferrol, a Asociación pola Defensa da Ría de Pontevedra, a Plataforma de Defensa do Río Baa, SOS Río Miño, Agrupación de Mariscadoras a Pé da Confraría de Pescadores de San Telmo de Pontevedra, Plataforma Sarriana polo Río, Plataforma de Cospeito, Asociación pola Defensa do Parque Rosalía de Lugo, Asociación Xentes de Mar Viva, Comunidade de Montes en Man Común de Lourizán, Umia Vivo, Asociación polo Saneamento da Ría de Pontevedra, Cooperativa Arpermar, Plataforma pola Defensa dos Camiños, Plataforma Praceres e representantes do sector acuícola de Burela e artes menores de Narón, expuxeron hoxe no Parlamento Europeo (Bruxelas) as súas experiencias de loita e denuncia da contaminación das rías e ríos galegos.

De 9.30 a 12.00hrs. as 18 persoas integrantes desta delegación galega mantiveron unha xuntanza ca eurodeputada de Alternativa Galega de Esquerda en Europa (AGEe), Lídia Senra, na que procederon a realizar unha primeira posta en común das problemáticas derivadas da contaminación das rías e ríos galegos, "unha cuestión de importante impacto para o noso País, tanto a nivel medioambiental como social e produtivo", valora a eurodeputada galega, "unha información que para AGEe é moi importante coñecer de primeira man de cara a poder levar esta problemática ao Parlamento Europeo, por exemplo a través de preguntas parlamentarias".

Senra salientou tamén "a importancia de ter compartido esta información entre todas as organizacións e crear sinerxias de unidade", e destacou como especialmente interesante que ao longo da primera xuntanza "se valorara a posibilidade de realizar iniciativas conxuntas a nivel galego contra as agresións ao medioambiente".

A primeira hora da tarde, os representantes dos distintos colectivos trasladáronlle a Jose Manuel Servert, pertencente á Dirección Xeral de Medioambiente da CE na unidade adicada ao seguimento de infraccións e cuestións xurídicas, as reivindicacións principais de cada unha das organizacións.

O Comité Cidadán de Emerxencia para Ría de Ferrol, -plataforma que agrupa a máis de medio centenar de entidades galegas e que naceu para denunciar a problemática derivada da localización da planta de gas de Reganosa en Punta Promontorio (Mugardos), no interior da ría de Ferrol-, leva anos organizando accións de protesta contra a entrada de gaseiros na ría e desde o inicio esixiu que Reganosa non se instalase na ría ferrolá debido aos riscos que supón para a zona e que afectan tanto á veciñanza como á actividade marisqueira, ademais, acúsana de estar empregando "un sistema de regasificación de xeito fraudulento".

Durante a súa exposición diante da DX de Medioambiente salientaron tamén outras fontes de contaminación que está a padecer a ría, como por exemplo á "canalización dos verquidos urbanos e industriais dos cinco concellos da ribeira, cunha poboación conxunta en torno aos 140.0000 habitantes -que acadan unhas 100.000 Tons/día sen ningún tipo de depuración previa-, pero tamén as pontes do Ferrocarril e As Pías, que actúan a modo de barreiras, impedindo a circulación das fortes correntes e provocando a acumulación dos lodos cun metro de espesor nalgunhas zonas". Lembraron tamén o procedemento de instalación na ría da empresa 'Forestal del Atlántico', que "realizou uns enormes recheos de máis de 120.000 m² no interior da Ría de Ferrol". O desmedido crecemento que se produciu neste complexo industrial entre as anos 1990 e o ano 2004, relataron, "realízouse coa conivencia e o apoio interesado da Administración presidida por Fraga Iribarne, dándose o caso de que conselleiros como José Antonio Orza Fernández integraron o Consello de Administración de 'Forestal del Atlántico' ata o seu nomeamento como Conselleiro, e con posterioridade e durante toda a súa etapa de goberno, seguiu como socio desta empresa".

Os efectos perniciosos dos recheos, dos verquidos químicos de Forestal e agora do sistema de regasificación, "non só afectan directamente aos bancos marisqueiros de Sta. Lucia, A Barca e Noville", quixeron deixar claro, "senón ao conxunto dun ecosistema como o da Ría de Ferrol".

A Asociación pola Defensa da Ría de Pontevedra (APDR) naceu a finais de 1987 como resposta ecoloxista diante da grave situación de deterioro ambiental que sofre o medio natural desa zona. A loita pola recuperación dos espazos naturais non degradados e pola desaparición dos principais focos contaminantes da ría de Pontevedra, a fábrica de taboleiros TAFISA na beira do Lérez –hoxe trasladada- e o complexo CELULOSAS-ELNOSA en Lourizán, sempre foron as súas principais loitas. Hoxe en día teñen activas diferentes campañas en defensa dos bancos marisqueiros, dos montes, contra os recheos do Porto de Marín ou pola recuperación do entorno da Barosa, por exemplo.

Durante o seu encontro ca DX de Medio ambiente reivindicaron a necesidade de eliminar o principal foco de contaminación da ría, é dicir, "o complexo ENCE-Elnosa, que o goberno do PP pretende consolidar no seu actual emprazamento en Lourizán mais aló do 2018, ano no que vence a actual concesión administrativa". Dende a APDR subliñaron que "se queremos acadar o saneamento e recuperación da Ría de Pontevedra para a explotación racional dos recursos naturais e a creación de postos de traballo, o camiño é a eliminación definitiva dos verquidos de ENCE e a depuración eficaz das augas de verquido domésticas". Aliás, reiteraron a importancia de tomar medidas reais e contundentes contra a contaminación, debotando a aplicación de medidas que unicamente funcionan como "parches", e que "levan inevitablemente ao deterioro total da ría e á perda definitiva da calidade de vida da veciñanza".

A Plataforma de Defensa do Río Baa está integrada pola Sociedade Galega de Historia Natural (SGHN), as asociacións ecoloxistas Adega e Verdegaia e a Plataforma de Defensa dos Camiños e a de Afectados polo Polígono Industrial de Vilar do Colo. Levan tempo denunciando que a auga do río que comparten os concellos de Fene e Cabanas está contaminada por culpa dos refugallos altamente tóxicos depositados ilegalmente no monte dos Cocidos, na Parroquia de Laraxe. AGE ten presentado iniciativas no Parlamento galego a este respecto, atopándose sempre co voto en contra do PP.

Ao representante da Comisión Europea exemplificáronlle a situación con datos concretos, tales como a desecación realizada no río nun tramo de máis dun quilómetro, a alteración da capa freática pola construción da autovía a Lavandeira, o aumento de vertedoiros incontrolados en Cabanas e Fene, a tala indiscriminada de vexetación e a acumulación de residuos asfálticos contaminantes. "A día de hoxe residuos procedentes de Holanda seguen depositados nun terreo forestal de Cabanas", ilustraron. As asociacións integrantes da Plataforma esixen o inmediato subsanamento destas agresións ao río Baa e que se proceda "á recuperación integral dun espazo de extraordinario valor patrimonial".

A plataforma SOS Río Miño leva tempo denunciando os moitos ataques que recibe de forma continuada o Miño, dende verquidos incontrolados procedentes das actividades industriais e gandeiras, sistemas de depuracións de vilas e cidades pouco eficientes, talas incontroladas de árbores de ribeira, abandono sistemático de muíños e caneiros, destrución do ecosistema, desaparicións de especies animais e vexetais…

Puxeron en coñecemento da DX de Medioambiente que "as Administracións están a consentir actuacións e obras que danan seriamente o río", como son, ultimamente, as da Fábrica da Luz, polo que "un dos maiores agresores ao ecosistema das concas fluviais sona as propias administracións, en particular a Confederación Hidrográfica do Miño Sil, xa que adoitan ser estes axentes públicos os causantes activos, ou por omisión, das agresións sufridas polos ríos galegos".

Para este colectivo, "un dos problemas máis importantes que sofren os ríos galegos, ignorado polas administracións e descoñecido pola sociedade, é o da calidade da auga". E un dos principais factores que causan esta situación, "a contaminación por nitratos procedentes sobre todo da actividade gandeira e industrial".

Desde que a finais de 1995 se fai público por parte da Xunta de Galiza o proxecto para construír o Encoro do Umia alegando a súa necesidade de urxencia para abastecer de auga a Comarca do Salnés e evitar as enchentes do río Umia ao seu paso por Caldas, a oposición da veciñanza foi continua e canalizada por Umia Vivo, plataforma que leva moitos anos denunciando o perxudicial da explotación hidroeléctrica do río a costa da degradación da zona. Continúan a esixir a demolición do encoro, que non evita as inundacións que se utilizaron como escusa.

A Plataforma Umia Vivo deu conta da afección sobre o río derivada da construcción do encoro, que entrou en funcionamento no ano 2001, "adicado á produción lucrativa de enerxía eléctrica por unha empresa privada e tampouco resolveu o problema das periódicas inundacións da vila de Caldas de Reis polos desbordamentos do río". Dende entón "a saúde do río vese cuestionada e agravada pola xestión privada do encoro pola empresa concesionaria do aproveitamento hidroeléctrico, incumprindo os caudais ecolóxicos mínimos coa conseguinte degradación dos ecosistemas do río". A este problema "engádense as obras ilegais ou autorizadas no tramo do río Umia situado augas abaixo do encoro, provocando inundacións periódicas e afectando negativamente á calidade das zonas de cría de marisco". Dende o colectivo perciben "unha situación de indefensión e risco para a saúde ante a falta de información, transparencia e publicidade sobre o estado da calidade da auga, moitas veces hai retrasos no publicación dos resultados e noutros casos mesmo van na contra das recomendacións da propia Organización Mundial da Saúde".

A Agrupación de Mariscadoras a Pé da Confraría de Pescadores de San Telmo de Pontevedra adícase á extracción, comercialización e xestión dos bancos de acuicultura desa zona, centrada principalmente en bivalvos como as ameixas, berberechos e ostras. Os fecais da ría, as toxinas e a falta de produción son os seus principais inimigos e gran parte das praias están afectadas pola contaminación, o que fai que pasen boa parte do ano sen poder case traballar. "Na actualidade a ría está catalogada como Zona C por culpa da contaminación de ENCE, pero claro, o saneamento é unha cousa que non se ve, que non dá votos...", explicaron, "para a ría foron seis millóns de euros de orzamentos europeos, gustaríanos saber onde están...". Para as mariscadoras, a contaminación das rías poñen directamente en risco o sustento das súas familias, "con tanta contaminación que hai na ría, alí case non hai animal que viva, os verquidos fecais son o que máis nos afecta".

Explicáronlle tamén ao representante da Comisión Europea que hai xa 3 anos que as mariscadoras de Pontevedra non meten berberecho e que a ameixa tamén está morrendo. Esta situación provocou que a día de hoxe practicamente so podan traballar en Ameixal e Combarro. "Temos moitas praias afectadas e as bateas do fondo da ría tamén o están", polo que non poden vender produto fresco. "Non podemos vivir así, gañamos no verán e no Nadal e o resto son todo meses mortos, hai xente que non pode afrontar pagar o seguro", lamentou.

A Plataforma Sarriana polo Río naceu no 2013 para formular unha alternativa ao encanamento do Sarria. Chegaron a recoller case 8.000 sinaturas contra este proxecto, que está a destruír o patrimonio, non respecta o medio, supón un mal gasto de cartos e tampouco evita as inundacións. En febreiro do 2014 levaron a cabo unha das súas accións máis contundentes encadeándose ás árbores do Malecón, cheo de freixos e ameneiros e hábitat prioritario de interese comunitario. Intentaban paralizar a tala masiva, non obstante, as autoridades seguiron o seu proxecto facendo caso omiso mais enchéndoos de multas.

Trasladáronlle ao representante da DX de Mediambiente que a obra, xa en execución, "destruirá esta vía e beira natural do río, de flanco a flanco, eliminado case por completo o corazón do patrimonio cultural, histórico, ambiental e paisaxístico da parte baixa de Sarria". Enumeraron tamén algúns dos máis importantes aspectos patrimoniais que se verían afectados, como a centenaria ponte do Toleiro e a ponte da rúa Calvo Sotelo, así como un estribo medieval da ponte chamado “Ponte Ribeira”; case todo vestixio do antigo muíño do Toleiro e a parte da illa tocante á socaz do muíño será profundamente alterada, "cambiando a súa elevación sobre o río". Ademais, "o noso río ten unha masa arbórea considerable, en bo estado e con recoñecido valor ambiental e paisaxístico", e non podemos esquecer que "un bosque é un organismo vivo, un sistema complexo que tarda décadas, ou incluso séculos, en formarse".

A Asociación Xentes de Mar Viva, agrupación de ámbito estatal constituída aínda este ano, naceu para intentar unir e defender a toda a xente que vive directa ou indirectamente da mar, intentando por-lle fin á competencia entre sectores e promovendo a unidade. Entre os seus principios teñen prohibido atacar ou ir en contra de calquera modalidade de pesca. Para dar unha mostra da importancia das rías e ríos no territorio galego, lembraron que "Galiza ten catro veces máis costa fluvial que marítima". Partindo da experiencia da Mariña Lucense, destacaron a importante fonte de riqueza que supón o marisqueo e a pesca na fachada costeira, así como actividades industriais e do sector servizos. O maior problema nesta zona é a presenza de distintas fábricas contaminantes, "como a fábrica de aluminio, Alcoa, a central térmica nas Pontes de García Rodríguez". Nesta zona Augas de Galicia ten detectados na comarca 41 puntos de verquido contaminante. A Plataforma pola Recuperación do Sar é un colectivo que agrupa a veciñas e veciños de Santiago, Ames, Rois, Teo, Brión, Dodro e Padrón que traballan pola recuperación do lamentable estado en que se atopa o río Sar. Os vertidos continuos e os efectos dos embalses son o principal problema deste río que denuncian, "está na UCI”. Levan anos alertando do deficiente funcionamento da depuradora de Santiago.

"O Sar en grande parte do seu percorrido está declarado como Rede Natura. É unha burla á propia lexislación ambiental a situación de contaminación, que se prolonga ano tras ano sen que as nosas autoridades se tomen en serio a súa regularización", denunciaron. "A veciñanza de Ames, Brión, Teo, Rois, Padrón e Dodro sofren a contaminación provocada por Santiago, polo que son sete concellos os afectados, o que dá mostra da importancia desta afección".

O representante da Cooperativa Arpermar [1], adicada á acuicultura, sinalou que "os dous puntos de maior polución e contaminación acuícola son as piscifactorías de engorde de rodaballo Insuiña-Pescanova, en Xove, e Stolt Sea Farm, no polígono industrial de Cervo". Estes e outros centros de produción e investigación acuícola "están amparados baixo o paraugas da Consellería de Pesca e Acuicultura, que non lles obriga a realizar un control e tratamento dos efluentes que xeran a partir das súas producións, e onde a Consellaría do Medio Ambiente parece facer a vista gorda". Un caso paradigmático é o da Stolt Sea Farm, cuxa actividade contaminante "fixo desaparecer as algas no litoral próximo a esta factoría". Porén, non cabe agardar unha xestión responsábel e consecuente, xa que, en relación á contaminación biolóxica provinte das excrecións, feces e alimento sobrante, "existen parámetros de autorización de verquido para sólidos en suspensión, nitritos, fosfatos,e carbono orgánico total, establecidos polo organismo autónomo Augas de Galicia, que son verquidos ao mar ou ría directamente, sen ningún tipo de filtración nin depuración".

A Asociación pola Defensa do Parque Rosalía naceu no 2006 para preservar ese espazo natural de Lugo fronte aos proxectos de urbanización da zona e edificacións que atacan o seu patrimonio e identidade. Teñen recollidas máis de 11.000 sinaturas e dan a batalla por conservar os sinais paisaxísticos que se divisan dende a Pérgola, como son o meandro do río Miño, as carballeiras e as leiras todas da súa contorna. No ano 2007 a asociación iniciou un proceso contencioso-administrativo denúnciando posibles irregularidades levadas a cabo polo Concello "coa única finalidade de proporcionar na leira dun particular e dun xeito, aparentemente legal, a máxima edificabilidade no sitio máis rendible, obviar o ben social, os intereses da cidadanía á que representa, as leis de protección patrimonial e os trámites legais".

O obxectivo fundamental da asociación é "preservar o espazo natural do Parque Rosalía e o seu entorno para futuras xeracións", polo que desenvolveron na súa quenda de intervención a importancia de "harmonizar os tres espazos máis significativos da cidade: a muralla, a zona monumental e as costas do Parque de Rosalía". Tamén deron conta das "constantes e desacertadas accións urbanísticas levadas a cabo na nosa cidade dende o inicio da urbaniación polo Partido Popular no ano 2001 até os últimos anos, e que levaron á desaparición de grande parte do seu patrimonio e como consecuencia, da súa identidade".

A Plataforma de Cospeito céntrase na loita pola defensa da lagoa de Cospeito, enclave natural destacado na comarca da Terra Chá polo seu enorme valor medio ambiental e ornitolóxico e un dos ecosistemas hídricos máis importantes da Galiza. A lagoa forma parte da zona de maior valor de conservación da Reserva da Biosfera Terras do Miño, primeira reserva declarada en Galicia polo programa M&B (Man and Biosphere) da UNESCO no ano 2002.

Reiterando a denuncia dunha actitude totalmente irresponsábel por parte das administracións, puxeron en coñecemento da DX de Medio ambiente da CE o feito de que "este mesmo ano a Confederación Hidrográfica Miño-Sil sancionou ao concello de Cospeito por infrinxir a Lei de Augas ao contaminar o Río Guisande con vertidos de augas residuais", un río que desemboca no espazo protexido da Lagoa grande de Cospeito.

Entre as denuncias realizadas polo colectivo sobresae como principal ameazas da Lagoa a Planta de compostaxe Biocompost do Concello de Cospeito, situada na contorna da Reserva da Biosfera Terras do Miño-Lugo, que alias de desprender uns cheiros que "producen na veciñanza dor de cabeza, náuseas, síntomas de irritabilidade" que mesmo obriga a ficar na casa durante espazos de tempo. Ademais, "realiza verquidos directos ao río e está baixo sospeita de ter realizado fraude de subvencións debido á obtención irregular de fondos públicos da UE concedidos polo IGAPE". A día de hoxe a planta segue a desenvolver a súa actividade, logo de estar traballando nove anos sen licenza municipal.

A Plataforma en Defensa da Praza dos Praceres é un colectivo veciñal que leva 16 anos en loita. Comezaron no ano 2001 presentando un recurso contencioso-administrativo que derivou en que se declarasen ilegais os recheos do porto de Marín. Grazas ao seu traballo o Tribunal Supremo fallou confirmando a obriga de que se execute esta sentenza do ano 2009, que obrigaba a demoler os recheos do porto e repoñer os 300.000 metros cadrados de terreos gañados ao mar ao seu estado previo. A Sala do Contencioso Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia ditou dous autos o 22 de febreiro e o 11 de abril de 2013, que declaraba que non se executara a sentenza de 2009. Tras ámbalas dúas resolucións, debería terse dado cumprimento á sentenza que declara ilegais as obras de recheo do mar e ordea a "reposición da zona portuaria á anterior situación e estado".

A presentación da súa problemática veu complementar moi acaidamente a crítica xeneralizada ás actuacións das distintas administracións a nivel local, nacional e estatal, abondando na denuncia de que nin a existencia de leis nin de mecanismos xudiciais están a ser abondo para frear a destrución das rías e ríos en particular, nin da nosa Natureza en xeral.

Bruxelas, 2 de Decembro de 2015.

[1] Contacto: arpermar2009@hotmail.com

Máis información:
Lídia Senra, eurodeputada de Alternativa Galega de Esquerda en Europa (AGEe), integrada no Grupo Confederal da Esquerda Unitaria Europea/Esquerda Verde Nórdica (GUE/NGL) | lidia.senra@europarl.europa.eu | http://ageuropa.gal/ | https://www.facebook.com/LidiaSenraRodriguez.

Enviado por:
SENRA RODRÍGUEZ Lidia OFFICE

-lidia.senra-office@europarl.europa.eu-
2 de dezembro de 2015 17:00
__________