Amosando publicacións coa etiqueta SOS Sanidade Pública. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta SOS Sanidade Pública. Amosar todas as publicacións

luns, xaneiro 10, 2022

Denuncian a situación extrema, que afecta ao Sistema Sanitario Público en Galicia, especialmente aos servizos de Atención Primaria e ás Áreas Sanitarias


Desde a Asociación  Galega para a Defensa da  Sanidade Pública, queremos denunciar a situación extrema, que afecta o Sistema Sanitario Público en Galicia, especialmente aos servizos de Atención Primaria e ás Áreas Sanitarias.

Como vimos denunciando reiteradamente desde hai anos, a política de recortes do PP en persoal e co desmantelamento da Atención Primaria, levounos a unha situación límite na asistencia sanitaria, como se pode ver na situación en Centros de Saúde, Puntos de Atención Continuada (PAC) ou nos servizos hospitalarios dos Distritos Sanitarios (das Áreas suprimidas).

• No Centro de Saúde de Vilagarcía, nestes días, só había 4 médicxs dun total de 14, o que supón unha redución do 72% do persoal (incompatible coa atención de calidade que se supón na saúde).

• No PAC de Baltar en Sanxenxo, esta fin de semana non había persoal  médicx e só unha enfermeira e unha celadora, o que obrigou a pechar este servizo de urxencias  e  derivar ás persoas enfermas ao PAC do Grove a 12 Km. e cunha falta evidente de recursos.

• O PAC de Caldas, funciona desde onte cun só médicx, o que impide atender as urxencias a domicilio.

• O servizo de Farmacia do Hospital do Salnés, non atende debido ás vacacións do seu titular, cuxo posto non se cubriu en Nadal; isto obriga a quen necesita tratamentos hospitalarios a desprazarse ao hospital Montecelo de Pontevedra a 31 Km ou a non poder retirar unha medicación hospitalaria importante para a saúde.

É inaceptable a actitude de inhibición da Consellaría de Sanidade e da Xunta de Feijoo, responsables da situación, que non parece que vaia a cambiar: como mostra a redución do 2% nos orzamentos de AP para o 2022.

De non modificarse esta situación, a Atención Primaria e os hospitais comarcais  poden acabar nunha crise irreversible, que tería consecuencias demoledoras para o conxunto do Sistema Sanitario Público Galego e para a saúde da poboación.

Exiximos ao PP e o sr. Feijoo a rectificación destas políticas de desmantelamento e que poña a AP no centro de debate (e dos orzamentos) deste ano 2022.

Asociación Galega para a Defensa da Sanidade Pública


Enviado por:
PLATAFORMA FERROLTERRA
-plataformasosanidadepublica@gmail.com-
5 de janeiro de 2022 17:13

_______

domingo, novembro 07, 2021

A Plataforma SOS Sanidade Pública de Ferrolterra fai un chamamento a participación na manifestación nacional 'Salvemos a Atención Primaria', convocada para o vindeiro 14 de novembro en Santiago de Compostela - Autobuses - Manifesto


Dende a plataforma SOS Sanidade Pública de Ferrolterra facemos un chamamento a participación na manifestación nacional “SALVEMOS A ATENCIÓN PRIMARIA” convocada para o vindeiro 14 de novembro en Santiago de Compostela con saída as 12h dende a Alameda.

Aproveitamos para informar de servizo de autobuses con saídas:

💙 Saída das Pontes (estación de autobuses), parada n'A Capela (Casa do Concello) e Pontedeume (para de bus). ANÓTATE 667129325

💙 Saída de Narón (Casa do Concello), parada en Ferrol (Portanova altura monumento 10 de Marzo), Caranza (As Pías), Fene (Gadis) e Vilar do Colo (estación de servizo). ANÓTATE 604068642

MANIFESTO SALVEMOS A ATENCIÓN PRIMARIA

Antes da pandemia da Covid-19 a Atención Primaria xa atravesaba unha profunda crise estrutural, con déficit de profesionais pola falta de adecuación dos cadros de persoal as necesidades poboacionais, a non renovación de xubilacións, baixas e vacacións, e as demoras e masificación na asistencia, como consecuencia dos recortes nos orzamentos aplicados polos sucesivos gobernos do Partido Popular. Na actualidade, os orzamentos na Atención Primaria apenas supoñen o 12 % do orzamento sanitario total, que é evidentemente insuficiente e é urxente incrementalo.

Durante a pandemia, en Atención Primaria priorizouse a atención telefónica sobre a presencial o que impediu o acceso dos pacientes aos centros sanitarios e reduciuse o aforo das salas de agarda obrigando aos pacientes a facer cola fóra dos centros de saúde. Suspendeuse a realización de probas e controles de saúde periódicos, sobre todo en pacientes con patoloxías crónicas. Estas medidas para evitar a transmisión, están tendo consecuencias negativas na calidade da atención que reciben as e os cidadáns, entre elas o atraso no diagnostico de patoloxías como as tumorais.

Hoxe temos agardas de máis de 10-12 días para recibir atención médica de forma telefónica no Centro de saúde, que poden chegar a un mes para unha consulta presencial, o que non é comprendido pola cidadanía e orixina nela un sentimento de abandono e desprotección por parte do Sistema Sanitario Público e un incremento das urxencias hospitalarias.

O contacto e a relación médico-paciente constitúe o alicerce fundamental da Atención Primaria, polo que manter esta modalidade de consulta telefónica ou telemática como base da atención sanitaria supón unha enorme limitación da accesibilidade, racionalidade e calidade do modelo sanitario. Isto xera malestar social e profesional que vai en aumento, cun deterioro da imaxe do Sistema Sanitario Público.

Durante os meses de confinamento, as traballadoras e os traballadores da Sanidade Publica recibiron o recoñecemento e a gratitude da cidadanía ao labor desenvolvido en moi duras condicións. Este recoñecemento abría a esperanza de que, tras o estado da alarma sanitaria, o SERGAS impulsaría medidas e reformas para mellorar e fortalecer esta primeira liña asistencial, tal como recomendan as sociedades científicas, axentes sociais e sindicais. Lamentablemente a
realidade é ben distinta e a cidadanía atopamos a mesma precariedade anterior acrecentada por unha atención baseada en primar consultas telefónicas sobre as presenciais e con restricións de acceso ao Centro de Saúde.

Hai que recuperar a atención presencial e o acceso aos centros o antes posible, para evitar un maior deterioro do propio sistema e empeorar os datos de saúde da poboación.

As barreiras de acceso á Atención Primaria favorece a privatización, coa correspondente fuxida das persoas con maior capacidade económica aos seguros privados (na actualidade xa supón un 20% da poboación) e a desprotección das persoas con menos recursos, en consecuencia un aumento da iniquidade.

Para reverter esta situación, é necesario:


• A apertura dos Centros de Saúde, con consultas 100% presenciais como única maneira de garantir a igualdade de oportunidades á poboación, nun entorno seguro que manteña as medidas hixiénicas e sanitarias: máscaras e distancia de seguridade.

• Reapertura de tódolos Consultorios existentes e que foron pechados pola pandemia de Covid- 19.

• Mellorar a accesibilidade acabando coas listas de espera, co desdobramento das consultas e o incremento de persoal para a súa atención. Limitando as consultas telefónicas ou telemáticas a actividades complementarias, que non limiten ou interfiran a necesaria relación persoal e presencial entre traballadores e traballadoras da Atención Primaria e a poboación, e que non sigan discriminando aínda máis ás persoas maiores ou con dificultades de acceso no manexo das novas tecnoloxías.

• Incrementar de maneira urxente o orzamento sanitario destinado a Atención Primaria. O obxectivo seria acadar o 25% do presuposto en 5 anos. Estes orzamentos deberán ser Finalistas para que non rematen noutras partidas.

• Contratar e acabar coa precariedade laboral do persoal cumprimentando un “Plan de Mellora da Atención Primaria” que redimensione os equipos multidisciplinares para dar cobertura ás necesidades de saúde da poboación.

Esiximos a o SERGAS e o Goberno Galego da Xunta:

◦ A recuperación da accesibilidade aos centros asistenciais. Atención 100% Presencial XA !!

◦ Incremento do cadro de persoal, nos Centros de Saúde de Galicia.

◦ Repoñer a Xerencia de Atención primaria que eliminaron, como forma de organización especifica da área e con presuposto propio e non dependente do hospital de referencia.

A Xunta de Galicia do Sr. Nuñez Feijoo e o seu goberno, é o único responsable do deterioro da Atención Primaria en beneficio da sanidade privada. Se non facemos unha forte presión social e profesional para conseguir cambios de calado, a nova realidade pos-pandemia pode deteriorar aínda máis a situación que vimos padecendo dende hai moito tempo. De Nós depende!!

Plataforma SOS Sanidade Pública de Ferrolterra
plataformasosanidadepublica@gmail.com

Enviado por:
PLATAFORMA FERROLTERRA
-
plataformasosanidadepublica@gmail.com-
7 de novembro de 2021 11:21

_______

martes, novembro 02, 2021

SOS Sanidade Pública de Galiza convoca unha manifestación en Santiago para o domingo 14 de novembro - Salvar a atención primaria: en defensa da Sanidade Pública - Desde Ferrolterra, partirán autobuses


Hoxe presentamos nos medios, diante do centro de saúde de Burela, a manifestación que o domingo día 14 de novembro percorrerá as rúas de Compostela, baixo o lema "SALVAR A ATENCIÓN PRIMARIA. EN DEFENSA DA SANIDADE PÚBLICA".

Haberá autobuses gratuítos.

Para anotarse, hai que chamar aos tfnos 982 140 654 , 982 581 861
e 667 052 958.

O prazo para anotarse remata o día 11 de novembro.

#atencionpimariadecalidade
#14NCompostela

SOS Sanidade Pública de Galicia convoca unha manifestación en Santiago para o 14 de novembro

Esta convocatoria responde ao lema ”SALVEMOS A ATENCIÓN PRIMARIA:EN DEFENSA DA SANIDADE PÚBLICA”.

O colectivo SOS Sanidade Pública de Galiza convocou unha manifestación para o domingo día 14 de novembro ás 12 horas en Santiago, con saída desde a Alameda. Esta convocatoria responde ao lema ”SALVEMOS A ATENCIÓN PRIMARIA:EN DEFENSA DA SANIDADE PÚBLICA”.


Esta Plataforma forma parte tamén do comité organizador da mobilización, polo que apoia esta convocatoria en defensa da sanidade pública, “que nesta ocasión poñerá máis énfase sobre a Atención primaria polos recortes aos que a ten sometida o goberno da Xunta desde hai 12 anos, e acrecentado aínda máis desde a pandemia”.

Acusan á Xunta de Galicia do que está a acontecer na Primaria e a Consellería de Sanidade, polas súas políticas conducentes ao desmantelamento da sanidade pública. Denuncian que o goberno galego leva 12 anos de xubilacións de profesionais e “contratacións en precario que levan ao éxodo de profesionais cara a outros lugares onde os contratos son estables”.

DenuncIan os anos de recortes nos orzamentos destinados a Atención Primaria e a falta de atención aos profesionais e sindicatos que denunciaban a situación e esixían condicións dignas de traballo. Tamén resaltan o feito de que a Xunta e a Consellería levan anos “negándose á incorporación de novas categorías profesionais para garantir unha atención sanitaria integral”.

Cualifican de mentir sobre o modelo sanitario galego, descrito pola Xunta como impecable, “mentres facía auga por todas partes. Só gracias aos esforzos titánicos dos profesionais , que responde con responsabilidade ao maltrato das xerencias e goberno”.

Á parte, súmanlle o ter “tirado por terra o ambicioso Plan de Mellora de Atención Primaria polo mero feito de que non era un plan do PP e porque no seu “directorio” só está a privatización”.

Por estes motivos, a Plataforma pide rematar coas colas para entrar no Centro de Saúde, ter que facer múltiples chamadas para poder conectar co centro de saúde. Piden a eliminación das listas de agarda de varios días en Atención Primaria, “feito que entra en contradición coa conceptualización da Primaria”. Esta situación, denuncian, colapsa PACS e servizos de urxencias e “favorecen a privatización da sanidade, creando profundas desigualdades”.

Esixen a retirada da consulta telefónica e telemática como eixo da asistencia en detrimento da atención presencial. Denuncian recortes en persoal e a situación de inestabilidade e precariedade laboral do persoal dos centros de saúde.

Fonte: Xornal d'A Mariña.

AVISO:

LEMBRAR: O XOVES 4 DE NOVEMBRO ÁS 17:30hs NO LOCAL DA CIG (RÚA EDUARDO PONDAL, 41-43, ENTRESOLO -ESTEIRO-FERROL), TEREMOS REUNIÓN DE SOS SANIDADE PÚBLICA DE FERROLTERRA.

CONTACTO:

plataformasosanidadepublica@gmail.com

https://www.facebook.com/plataformasanitaria/



Info baseada na enviada por:
PLATAFORMA FERROLTERRA
-plataformasosanidadepublica@gmail.com-
2 de novembro de 2021 09:13

_______

venres, maio 28, 2021

A Plataforma SOS Sanidade Pública apoia a Iniciativa de Cidadanía Europea para que os tratamentos e vacinas contra a pandemia se consideren un ben público global, completamente accesíbel e para todos e todas


A por un millón de sinaturas, para que todos e todas teñamos dereito a unha cura

A Plataforma SOS Sanidade Pública apoia e difunde a Iniciativa de Cidadanía Europea 'Dereito a un Tratamento': para que os tratamentos e vacinas contra a pandemia se consideren un ben público global, completamente accesible para todos e todas.

Todo o mundo merece protección fronte á Covid-19: Que ninguén se lucre coa pandemia.

A COVID-19 espállase coma o lume. As solucións deben chegar aínda mais axiña. Ninguén está seguro/a ata que todo o mundo teña acceso a tratamentos e vacinas seguros e efectivos.

Todos e todas temos dereito a unha cura.

Asina esta Iniciativa Cidadá Europea e asegúrate de que a Comisión Europea faga todo o que estea nas súas mans para que os tratamentos e vacinas contra a pandemia se consideren un ben público global, completamente accesible para todos e todas.

As nosas demandas

1 Saúde para todos e todas

A saúde é un dereito. Durante unha pandemia, a investigación e as tecnoloxías deberían compartirse de xeito amplo, rápido, por todo o mundo. Unha compañía privada non debería ter o poder de decidir quen ten acceso a tratamentos nin vacinas, nin a que prezo. As patentes outorgan a unha soa compañía o poder e monopolio sobre produtos farmacéuticos esenciais. Isto limita a súa dispoñibilidade e incrementa o seu custo para as persoas que os precisan.

2 Transparencia xa!


A información sobre os custos de produción, as contribucións públicas e a efectividade e seguridade das vacinas e medicamentos debería ser pública. Os contratos entre autoridades públicas e compañías farmacéuticas tamén se deben publicar.

3 Fondos públicos, control público


A cidadanía aporta a través dos seus impostos enormes cantidades para a investigación e o desenvolvemento de vacinas e tratamentos. Non podemos permitir que as compañías farmacéuticas privaticen tecnoloxías médicas esenciais que foron desenvoltas con recursos públicos.

4 Que ninguén se lucre coa pandemia


As grandes compañías farmacéuticas non deberían de lucrarse con esta pandemia, a expensas da saúde das persoas. Unha ameaza colectiva require solidariedade, non lucro privado. O financiamento público debería aprobarse só baixo a garantía de que o produto final terá dispoñibilidade e un prezo accesible. Non se debería permitir que o Big Pharma saquee os nosos sistemas de seguridade social.

ASINA A INICIATIVA

Difunde esta iniciativa cidadá e axúdanos a recoller un millón de sinaturas.

info@noprofitonpandemic.eu

https://noprofitonpandemic.eu/gl/

facebook | twitter | instagram


Info baseada na enviada por:
Gonzalo Busqué
-gbloren@hotmail.com-
25 de maio de 2021 10:44

_______

luns, maio 10, 2021

Para o xoves 13 de maio, está convocada a Asemblea da Plataforma en Defensa da Sanidade Pública da Área Sanitaria de Ferrol - Continuar co proceso constituínte nas comarcas e a programación de novas actividades


Convocada a vindeira reunión da Plataforma SOS Sanidade Pública de Ferrolterra a celebrar o vindeiro xoves día 13 ás 18.30 horas no local da CIG en Ferrol (En Esteiro, na Rúa Pondal, 43-44).

A proposta de orde do día é a seguinte:

1- Continuar coa campaña informativa e debates cos cidadáns, contra o desmantelamento do sistema sanitario público en Galicia, especialmente a Atención Primaria. Consecuentemente seguir coas campañas de mobilización cidadá.

2- Elaborar unha mensaxe contundente contra a decisión dá Consellería de Sanidade de poñer en marcha un sistema de incentivos para alcanzar un 60% de consultas presenciais e 4 días de espera máxima en Atención Primaria. Considerar inaceptable que a Xunta pretenda culpabilizar aos traballadorxs sanitarixs dos problemas de acceso aos centros de saúde cando son recórtes de persoal e a mala xestión da pandemia os auténticos culpables dá situación.

3- Constituír a Plataforma coas entidades que se adhiran así como a comisión de coordinación permanente, o seu financiamento, nomeamento de voceiros e todo aquilo que asegure a continuidade da mesma. Está pendente o financiamento da pancarta que ascende a 90 euros.

4-Asuntos varios.


Achegamos a Acta da xuntanza galega de SOS Sanidade Pública

Acta da xuntanza da Plataforma SOS Sanidade Pública de Galicia do 4 de maio do 2021:

ASISTENTES: voceiro da Plataforma SOS Sanidade Pública de Galicia, voceirxs das Plaformas de A Mariña, O Baixo Miño, A Coruña, Compostela, Pontevedra e Ferrol; CCOO, CIG; Podemos, Anova e BNG; Asociación Galega para a Defensa da Sanidade Pública. Concellos de Narón, Cangas (A Voz da Sanidade); Nieves Gallego por Plataforma Galega pola 3ª República. Xosé Luis Rivera, responsable da iniciativa Right2Cure Internacional da CIG.

Desculpan asistencia: Asociación de Psicólxs Clínicxs.

ACORDOS:

1.- Elaborar unha mensaxe contundente contra a decisión da Consellaría de Sanidade de poñer en marcha un sistema de incentivos para alcanzar un 60% de consultas presenciais e 4 días de espera máxima en Atención Primaria. Considerar inaceptable que a Xunta pretenda culpabilizar aos traballadorxs sanitarixs dos problemas de acceso aos centros de saúde cando son os recortes de persoal e a mala xestión da pandemia os auténticos culpables da situación.

2.- Buscar o apoio do persoal de AP, concellos e deputacións ás demandas de normalizar a actividade dos Centros de Saúde e dun Plan para afrontar as enormes listas de agarda.

3.- Continuar coa campaña informativa e os debates cidadáns, contra o desmantelamento do sistema sanitario público en Galicia, especialmente a Atención Primaria.

4.- Culminar este proceso, caso de que a Xunta siga sen responder as demandas do pasado día 21, con outra convocatoria de mobilizacións en todas as áreas, vilas e cidades de Galicia para comezos do mes de Xuño. Acordouse concretar a proposta nunha próxima reunión.

5.- Apoiar a Iniciativa Internacional RightCure 2 para presentar un millón de firmas ao Parlamento e Comisión Europeas, para revogar as patentes das vacinas contra a COVID-19, garantir a vacinación universal para acabar coa Pandemia e dar transparencias aos contratos cos laboratorios farmacéuticos e a situación das vacinacións.

6.- Acudir ao Consello Técnico de AP de Galicia, convocado polo SERGAS para o próximo día 11 (convocado novamente en resposta ás nosas mobilizacións); expresar no mesmo o noso rexeitamento a medidas que sancione ao persoal de AP e esixir que se cumpran xa os acordos das 15 Comisións Técnicas, para acabar coa desastrosa situación da AP.

Manuel Martin

VoceVoceiroiro

Info baseada na enviada por:
Gonzalo Busqué
-gbloren@hotmail.com-
10 de maio de 2021 11:13

_______

xoves, abril 22, 2021

En Ferrolterra como en toda Galiza foi a mobilización na defensa da Sanidade Pública - Mensaxe de Manuel Martín voceiro nacional de SOS Sanidade Pública - Vídeo coa intervención de Antón Cortizas e galería fotográfica


Este mércores 21 de abril, en Ferrolterra como en numerosas vilas e cidades da Galiza, tiveron lugar mobilizacións na defensa da sanidade Pública, para garantir a presencialidade no Sergas, reducir as listas de espera, incrementar o persoal e tumbar a modificación da lei de sanidade de Galicia que introduciu medidas represivas e de recorte de liberdades, en definitiva para recuperar o sistema sanitario público.

Esta foi a primeira mobilización, despois das diferentes asembleas para recompoñer e impulsar a Plataforma en Defensa da Sanidade Pública da Área Sanitaria de Ferrol - SOS Sanidade Pública Ferrolterra, Eume e Ortegal, que despois desta xornada de mobilización, en tempos de pandemia, con aceptábel suceso, vai comezar a súa andaina reivindicativa, propositiva e de denuncia.

A continuación transcribimos a mensaxe do voceiro da plataforma a nivel de Galiza:

A Plataforma SOS Sanidade Pública quere mostrar a súa satisfacción a agradecemento aos centos de persoas que se manifestaron en toda Galicia pola recuperación do Sistema Sanitario Público. E imposible poñer nunha mensaxe as decenas de imaxes de tantas concentracións nas diferentes localidades.

As concentracións foron un rotundo éxito pese ao mal tempo, ao temor de moitas persoas para manifestarse pola COVID (a pesar das medidas de seguridade adoptadas pola Plataformas) e a imposibilidade de realizar as necesarias reunións presenciais para organizar unha mobilización de tanta magnitude.

Esta mobilización supón o inicio dunha campaña para normalizar a atención nos Centros de Saúde, un Plan para abordar as tremendas listas de espera acumuladas, a vacinación universal contra a COVID, a recuperación do persoal recortado e as súas precarias condicións laborais e a retirada da Reforma da Lei Galega de Saúde que pretendía recortar os dereitos cidadáns (afortunadamente emendada polo Tribunal Constitucional).

Se a Consellería de Sanidade e a Xunta de Galicia non rectifican nin satisfán unhas reivindicacións, tan necesarias como razoables, a Plataforma organizará novas e masivas manifestacións, como as que viñemos realizando nos últimos catros anos.

Manuel Martin

Voceiro

O escritor e mestre ferrolán Antón Cortizas, dá lectura ao comunicado final


Nota.- Pasado o minuto 03:17 do vídeo hai uns segundos de corte, desculpar polo erro técnico.

Galería fotográfica da concentración en Ferrol







SOS Sanidade Pública Ferrolterra, Eume e Ortegal
_______

mércores, abril 21, 2021

O BNG demanda melloras na sanidade e chama a secundar ás mobilizacións de SOS-Sanidade Pública - Iván Rivas, portavoz municipal do BNG, considera que é preciso implementar medidas que nos fagan saír da actual situación para o que é preciso reforzar a sanidade pública e deixar de insistir nun proceso de privatización e adelgazamento dese servizo básico ao que temos todas dereito


O Bloque Nacionalista Galego de Ferrol desenvolveu esta mañá un reparto informativo coa participación do portavoz municipal, Iván Rivas, e do Deputado, Mon Fernández, para dar a coñecer as súas propostas de cara a mellorar a sanidade pública e facer unha chamada á participación na mobilización convocada por SOS Sanidade Pública mañá mércores 21 de abril, ás 20 horas, diante do ambulatorio.

Iván Rivas, portavoz municipal do BNG, considera que é preciso implementar medidas que nos fagan saír da actual situación para o que é preciso reforzar a sanidade pública e deixar de insistir nun proceso de privatización e adelgazamento dese servizo básico ao que temos todas dereito.

Rivas indicou que a crise sanitaria da Covid 19, como en tantos outros aspectos da nosa vida cotiá, deixou ao descuberto as consecuencias de décadas de políticas de acoso e derribo da sanidade pública desenvolvidas tanto pola Xunta de Galiza como polo goberno do estado. A situación que vivimos ao longo destes meses é produto da falla de recursos económicos que a administración estatal asigna aos galegos e galegas para xestionar unha sanidade descentralizada na xestión, pero ferreamente controlada e centralizada na súa dotación económica. Por outra parte é produto dunha xestión deses recursos económicos por parte da Xunta de Galiza orientados cara o adelgazamento da sanidade pública e a promoción da sanidade privada.

En Ferrol vivimos esta realidade dunha maneira máis crúa, se cabe. Evidenciouse na salvagarda desa sanidade privada a cal non se lle derivou un só paciente con Covid 19, ao longo da última vaga deste ano 2021. Evidenciouse tamén na carencia de recursos humanos e que pese a existir os espazos para poder desenvolver a atención a eses pacientes tiveron que ser derivados a outras áreas sanitarias como a de Lugo e Pontevedra produto de non contarmos cos medios e os recursos humanos para poder atendelos e se evidenciou en que existen, a dia de hoxe, listas de espera de semanas para conseguir unha cita, situacións provocadas polo peche de centros de atención primaria ao longo dos últimos anos, como o exemplo do consultorio da Graña pechado no mandato do PP nesta cidade.

Iván Rivas afirmou que en Ferrol e nesta comarca o obxectivo pasa por dotar e mellorar a atención primaria, reabrindo os consultorios pechados como o da Graña, pasa por mellorar o cadro de persoal dotándoo dos recursos humanos que permitan poñer a funcionar areas hoxe clausuradas como as que existen no Hospital Naval. Pasa por acometer dunha vez os investimentos durante tanto tempo demandados para a renovación do complexo hospitalario da cidade e pasa por desenvolver un plan de choque para a reactivación das intervencións cirúrxicas, das probas e das consultas presenciais.

Para o BNG se algo debemos ter aprendido do que ten acontecido ao longo do último ano é que a sanidade pública é un dos nosos piares como sociedade e o obxectivo pasa por reforzala, mellorala e consolidala para o futuro. Por siso facemos unha chamada a secundar a mobilización convocada mañá na nosa cidade pola plataforma SOS Sanidade Pública.

Ferrol 20 de abril de 2021.


Ferrol | Web | Facebook | Twitter.

Ferrolterra | Web.



Enviado por:
Inácio GZ
-inaciogz@gmail.com-
21 de abril de 2021 08:02

_______