A Plataforma na Defensa dos Servizos Públicos, pola Remunicipalización, decidiu facer un Recurso ante unha nova factura de Emafesa por un período onde non se depuraba
Onte, mércores 21 de xaneiro, miles de fogares de Ferrol comezaron a recibir unha nova factura polo concepto "
Depuración de Augas Residuais". Tráta-se da terceira factura dunha parte (
Xullo-Setembro/2015), do período onde non se prestou o servizo de saneamento, depuración e interceptación (
do 3 de setembro de 2014 a 3 de abril de 2017).
A primeira factura foi pasada a cobro cando era Alcalde
José Manuel Rey Varela (
Setembro-Decembro/2014). A segunda, polo périodo (
Xaneiro-Xuño/2015), ao ter asinadas as liquidacións o anterior alcalde
Jorge Suárez Fernández e baixo o mandato do novo alcalde
Ángel Mato Escalona. Agora chega aos fogares a terceira factura, polo período (
Xullo-Decembro/2015), seguindo o actual alcalde, como nos anteriores, desoíndo a petición de diálogo desta Plataforma para abordar este caso de abuso e discriminación.
A Plataforma basea o Recurso que hoxe comezou a difundir á veciñanza de Ferrol en dous aspectos fundamentais:
1º A non prestación do servizo.
"...
abono por un servizo, que no período indicado, non se lle prestou..."
2º Na discriminación entre a veciñanza.
"
...un acto de discriminación ao tratar de xeito diferente a persoas en situacións similares sen que exista unha xustificación obxectiva e razoábel..."
acordamos facer un recurso contra o o recibo que van pasar ao cobro nos meses de xaneiro e febreiro, de atrasos de depuración.
Esta Plataforma seguimos solicitando á veciñanza que
non faga efectivo o pago deste novo recibo, continuaremos coa campaña de
non pagar.
Mesas Informativas e Actos
Mañá venres 24 de xaneiro, desde as 11 da mañá, poñeremos unha mesa informativa na Praza da Ilustración, nas inmediacións das oficinas de Emafesa, nos días posteriores seguiremos con mesas informativas e actos por todos os barrios de Ferrol.
---
SR. ALCALDE PRESIDENTE DO CONCELLO DE FERROL
D/Dna:
Con DNI Nº
maior de idade e veciño/a de Ferrol, co enderezo a efectos de notificación na rúa / praza / lugar:
Nº , . C.P.
EXPÓN:
Que recibiu unha factura da Empresa Mixta de Augas de Ferrol, SA (
EMAFESA), emitida en xaneiro de 2020, baixo o epígrafe xeral de “
Facturación Servizo Depuración”. Dita factura é unha parte do período xullo-decembro/2015, mais só corresponde a un trimestre (
79 días comprendidos entre o 1 de xullo e o 17 de setembro de 2015), polos conceptos de “
Depuración cota de servizo” e “Depuración cota variable por consumo", conforme á resolución do alcalde-presidente do Concello de Ferrol de data 20 de agosto de 2018, onde se aprobaron as liquidacións comprendidas nos padróns de contribuíntes, presentados pola empresa xestora que inclúe o importe da factura mencionada (
BOP núm. 172 – 10.09.2018).
Que
non está de acordo coa factura recibida e menos que se lle pase a cobro para o seu abono
por un servizo, que no período indicado, non se lle prestou. E porque supón un acto de discriminación ao tratar de xeito diferente a persoas en situacións similares sen que exista unha xustificación obxectiva e razoábel.
Que mediante este escrito, ao amparo dos artigos 123 e 124 da
Lei 39/2015, de 1 de outubro, do Procedemento Administrativo Común das Administracións Públicas, presenta
Recurso de Reposición, para que se anule a citada factura con base aos seguintes
FEITOS, ALEGACIÓNS e FUNDAMENTOS:
Que o 28 de agosto de 2014, o Pleno aprobaba a
Ordenanza fiscal reguladora da taxa por depuración de augas residuais para o ano 2014 (
BOP da Coruña do 03/09/2014) e se comezou a aplicar ao día seguinte de ser publicada. En xaneiro e febreiro de 2015 pasou-se a cobro unha factura polo período setembro-decembro/2014.
Miles de persoas manifestaron-se nas rúas contra o paso a cobro desta factura, e
presentaron recurso de reposición, sen obter resposta, por máis que, en numerosas ocasións, se manifestou, por parte da autoridade local,
o compromiso de devolver os importes cobrados indebidamente.
Que como consecuencia dos resultados das eleccións locais de 24 de maio de 2015, houbo un cambio de goberno municipal. Este realizou unha
inspección á Depuradora de Prioriño, acompañado por técnicos municipais. A raíz da citada inspección realizada o 25 de agosto de 2015, constatou-se que
non se depuraba, nin sequera estaba en funcionamento o sistema; non había persoal contratado, só unha persoa ao cargo das instalacións en xornada de mañá; non había enerxía eléctrica, tampouco fora contratada (utilizaba-se un grupo electróxeno); balsas e tanques estaban con fisuras e filtracións en muros e canles, parte sen utilizar, provocando inundacións de estancias; o laboratorio sen estrear, e un baipás desviaba as augas residuais sen depurar deitándoas directamente ao mar. Ante estes feitos o
propio goberno municipal manifestaba que se estaba cometendo unha fraude no servizo de saneamento e depuración, pois non se prestaba o servizo. Un relatorio do Enxeñeiro Municipal deu conta da Inspección e tamén dúas comparecencias públicas do goberno municipal os días 28 e 31 do mesmo mes de agosto de 2015. Mesmo as dúas consultoras de enxeñería (
PW Advisory & Capital Services e Applus Norcontrol) contratadas polo Concello, nos seus informes, inspeccións e conclusións, deixaron constancia de que en xaneiro de 2016, non se procedera á reparación das fisuras e defectos construtivos na EDAR e que a esas alturas aínda as poucas augas residuais que eran bombeadas desde a EBAR non se estaban depurando.
<<
Informe Enxeñeiro Industrial de Urbanismo... “CONCLUSIÓN: Nesta visita de inspección puidemos comprobar que a empresa Emafesa non está a xestionar o sistema de saneamento e depuración de augas residuais EDAR, de cabo Prioriño, xa que as augas residuais saen da planta sen depurar... Ferrol, 27 de agosto de 2015>>.
<<
Todo o Goberno local, os once concelleiros, compareceron esta mañá no salón de recepcións do Concello de Ferrol nunha rolda de prensa de carácter extraordinario para denunciar uns feitos que o alcalde, Jorge Suárez, cualificou como de extrema gravidade, e que teñen a corporación perplexa e indignada polo engano e a estafa que sería para os usuarios que se lles estea a cobrar (entre 40 e 70 euros semestrais no recibo) en concepto de taxa de saneamento por un servizo que non se presta e que supuxo un engano á cidadanía prolongado durante meses... “Temos que dicir que na EDAR de Cabo Prioriño desde agosto do 2014, cando Emafesa se fixo cargo por unha encomenda de xestión do Concello de Ferrol, que previamente autorizou a Xunta mediante un convenio, non se depurou integramente e absolutamente nin un só metro cúbico de auga”, afirmou Súarez... Nas imaxes tomadas polos técnicos pódese observar os laboratorios sen uso, manuais de instrucións dentro dos aparellos e teas de araña, e a auga completamente negra, sen tratar integramente, que directamente vai ao mar. Desde xaneiro, a Edar só funcionou de 8 a 15:00 horas en momentos moi puntuais, segundo as insuficientes explicacións achegadas por Emafesa, e para eliminar os residuos sólidos sen decantación nin filtrado... Web Oficial do Concello de Ferrrol – 28.08.2015>>.
<<
O Goberno local de Ferrol ofreceu este martes unha rolda de prensa para valorar a extensa visita realizada na tarde do luns a EDAR de Cabo Prioriño, cos responsables de AEOPAS, a Asociación Española de Operadores Públicos de Abastecemento e Saneamento, que asesoran ao Concello de Ferrol no proceso para remunicipalizar o ciclo integral da auga... Participaron o alcalde, Jorge Suárez, os edís de Servizos e Participación Cidadá, Bruno Díaz e Álvaro Montes, o enxeñeiros e secretario xeral de Aeopas, Jaime Morell. A primeira conclusión que extrae AEOPAS do percorrido polas instalacións de Prioriño é que a EDAR de Ferrol, en palabras do seu máximo responsable, non funcionou como tal nunca, a pesar de tratarse dunha obra “de primeiro nivel tecnolóxico” na que se investiron millóns de cartos públicos. Web Oficial do Concello de Ferrol – 22.09.2015>>
➤ Polas cifras comparativas que amosan as grandes diferencias (
-58.012.046 m3 e -29.834.720 kW/h) entre os consumos estimados que se utilizaron para o cálculo da Taxa a cobrar (
67.028.698 m3 de augas residuais a bombear e 37.206.386 kW/h a consumir entre EBAR e EDAR), e os consumos reais (
9.016.652 de m3 e 7.371.666 kW/h), segundo cifras de Emafesa nos seus informes de xestión de 2014 a 2017, que tiveron lugar neses 31 meses (
de 3 de setembro de 2014 a 3 de abril de 2017), até que o sistema comezou a funcionar, coa posta en funcionamento dos “
Interceptores Xerais da marxe dereita da Ría de Ferrol”, por parte da sociedade estatal pública Acuaes, situación posta de manifesto na
xuntanza da Comisión de Seguimento das Obras, celebrada o 14 de xuño de 2017 (
Acuaes, Augas de Galicia, Concello de Narón e Concello de Ferrol)
➤ Pola enorme diferencia na recollida de lodos e outros residuos (
51,68 toneladas en 2016, cando o sistema estaba en probas, e 4.883,62 toneladas en 2018, cando todo o sistema xa estaba conectado e en funcionamento, aínda que o previsto para o cálculo da taxa , eran máis de 10.000 toneladas de residuos e 344.311 euros de custe), a diferencia está máis que clara.
➤ Polos gastos de persoal en 2015 (
1.892.940 euros) onde se sitúa o período que pretende cobrar Emafesa e en 2018 (
2.293.592 euros), cando o sistema funcionou conectado, cunha diferencia de 400.652 euros.
➤ Pola falta de gasto en mantemento nin en explotación do sistema de interceptación a facer (
que sería en 31 meses, máis de 1.533.458 euros previstos para o calculo da Taxa que non se gastaron), pois este aínda non estaba nin contratado, nin licitado, nin entregado, nin rematado. Ningún investimento feito no saneamento rural que tamén se utilizou para o cálculo da Taxa.
Queda constatado, que a non prestación efectiva do servizo nos 31 meses que durou a longa posta en marcha, supuxo un custe moi inferior ao da posta en funcionamento real e efectiva do mesmo (
Informe de Xestión 2018). Senón, que eses informes amosan que
ese período non foi de posta en servizo, nin de prestación do mesmo, foi un período de arranque, posta en marcha ou fase de proba, mentres non se puxo a funcionar o sistema de saneamento, interceptación e depuración, que a todos os efectos, comezou o 3 de abril de 2017.
Polo que, ao non se prestar o servizo,
o feito impoñíbel non se produce, segundo o disposto nos artigos 13 da Lei 8/1989, de 13 de abril, de Taxas e Prezos Públicos. A prestación do servizo de recepción obrigatoria que especifica a ordenanza, non se produce,
o feito impoñible non está a ter lugar, polo tanto
non se devenga, artigo 15 da citada Lei 8/1989.
Que na xa citada xuntanza da Comisión de Seguimento das Obras, celebrada o 14 de xuño de 2017, deixouse constancia da posta en funcionamento do sistema de saneamento e depuración coa conexión do sistema de interceptación (
colectores xerais, interceptores, tanques de tormenta, aliviadoiros,... ) o 3 de abril do mesmo ano.
<<
Durante o encontro informouse da recente posta en marcha dos colectores e tanques de tormentas dos tramos xa finalizados da Malata-Gándara, A Gándara-Cadaval e Cadaval-Neda. Ademais púxose en servizo a parte das obras do Tramo Rio Inxerto concluída, que transporta máis do setenta e cinco por cento do caudal que recolle este tramo.
Grazas a iso, desde o pasado mes de abril (2017) comezáronse a conectar ás novas infraestruturas as redes de sumidoiros municipal que recollen as augas residuais urbanas dos barrios ferrolanos de Esteiro, Caranza, Ensanche-A, Ultramar, Recimil, San Xoán, Sta Cecilia e unha parte importante de San Pablo e Sta Mariña, e os barrios naroneses de Alto do Castaño, O Couto, A Solaina, A Gándara e Freixeiro, Piñeiros e Xubia, xunto coa parte da zona rural correspondente ás parroquias de Castro, San Mateo, O Val e San Xiao.
Web Oficial Acuaes - 14.06.2017>>
Que
os actos administrativos teñen que reunir uns requisitos para que sexan válidos, entre eles o principio de igualdade e non discriminación, amparados no artigo 14 da Constitución, e do resto do ordenamento xurídico, que deste artigo emana, toda a actividade administrativa debe estar inspirada na igualdade de todos ante a lei, tanto en sentido material como formal, polo que forma parte fundamental do ordenamento xurídico. Toda discriminación vulnera o principio de igualdade: a desigualdade carente dunha xustificación obxectiva e razoábel constitúe unha discriminación contraria a Dereito.
Un sistema de saneamento e depuración que supón unha infraestrutura supramunicipal que tanto vai beneficiar á veciñanza de Ferrol, como á de Narón, e nun futuro á de Neda, non pode ser sufragada a súa posta en marcha, arranque e probas, só por unha parte da veciñanza de Ferrol e sobre todo, cando a grande maioría dos abonados de Ferrol, foron conectados ao sistema o mesmo día que os de Narón, máis se lles esixe á veciñanza de Ferrol o pago de 7.129.145,59 euros (
Incluído IVA), cousa que aos veciños e veciñas de Narón non, como tampouco á veciñanza ferrolá da “
Conca do Río Sardiña e Mandiá. e das Concas Atlánticas e da bocana da Ría: A Cabana, A Graña, Valón, San Felipe, San Cristóbal, Cariño, Confurco, Doniños, San Xurxo-A Mariña, O Pieiro, Covas-Esmelle) – Artigo 9. b) b-1) da Ordenanza”. Unha parte da veciñanza de Ferrol, non podemos costear, un período de 31 meses desde setembro de 2014 a marzo de 2017, cando a depuradora non funcionaba como tal, e o sistema non estaba conectado, uns custos dun período que tería que ser contribuído pola Administración Central, a Xunta de Galicia e os concellos de Ferrol e Narón.
Polo que facer recaer o custe total de 31 meses de fase de probas, arranque e posta en marcha do sistema de saneamento, interceptación e depuración, só nunha parte da veciñanza beneficiaria,
supón un acto de discriminación que atenta contra o principio de igualdade, pois trata-se de xeito diferente a persoas en situacións similares sen que exista unha xustificación obxectiva e razoábel, conculcando o disposto no
artigo 14 da C.E. e no
artigo 21 da Carta dos Dereitos Fundamentais da Unión Europea e da lexislación que deles emana.
Polo que ademais se constata: falta de procedemento adecuado que orixinou indefensión na cidadanía; actuacións que teñen a súa orixe en presuntos delitos contra a administración pública que se solicita que se investiguen; falta de contestación por parte do Concello a gran parte dos escritos e recursos formulados anteriormente; incumprimento Lei de Procedemento Administrativo e da
Lei de Transparencia por parte do Concello; esixencia de cobro de taxas que superan o valor do servizo incumprindo a normativa vixente; irregularidades flagrantes nas actuacións, respecto da taxa, de Emafesa, así como abandono de funcións do goberno municipal respecto do seu deber de control sobre a parte privada que orixinou un cobro indebido á veciñanza. En virtude do cal solicitamos que se investigue e se depuren responsabilidades que houbera e se repare o dano causado.
En virtude do exposto
SOLICITA, que se teñan por realizadas as anteriores manifestacións e, en consecuencia, admítase a trámite o presente escrito, dando por interposto Recurso, proceda-se á
anulación da factura emitida por Emafesa afectada de enormes irregularidades, por ser contraria a dereito tal e como foi exposto; ademais solicita a suspensión cautelar do seu pagamento en tanto se resolva este Recurso.
OUTROSÍ DI, que en consecuencia solicita, a anulación de todas as facturas emitidas por Emafesa e as resolucións das liquidacións comprendidas nos padróns de contribuíntes, presentados pola empresa xestora Emafesa, polo servizo de “Depuración de augas residuais” referentes ao período comprendido entre o 3/09/2014 e o 3/04/2017 (
31 meses, por un importe, con IVA incluído, de 7.129.145,59 euros), período de arranque, posta en marcha ou fase de probas
que non pode ter o carácter e condición de prestación de servizo.
En Ferrol, a ___ de __________________ , de 2020
PLATAFORMA NA DEFENSA DOS SERVIZOS PÚBLICOS,
POLA REMUNICIPALIZACIÓN
Abonda de saqueo! Hai outras alternativas!
Pódese, débese e precísase!
Correo-e: remunicipalizacion.plataforma@gmail.com
Web:
https://plataformaferrol.blogspot.com.es/
Facebook: @RemunicipalizarFerrol | Twitter: @municipalizarFT
______________________________