Amosando publicacións coa etiqueta Transporte Público. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Transporte Público. Amosar todas as publicacións

luns, xaneiro 20, 2014

Esquerda Unida demanda unha nova política de urbanismo e incide na crítica á política escurantista do goberno municipal do Partido Popular, en todo o que ten que ver coa ordenanción do espazo público e o transporte


O grupo municipal de Esquerda Unida considera necesario un cambio radical na política urbanística na cidade
. | Esquerda Unida considera que se está a perder unha oportunidade para unha planificación integral que poña en conexión emprego con rehabilitación. | O grupo  de Esquerda Unida reclama, por enésima vez ,que se activen os organismos de participación e comece a discusión pública sobre o secuestrado plan de mobilidade.

Hai no concello un informe polo que se pagou unha chea de cartos que vai de cousas referidas a mobilidade e espazo público e que , suponse, é o documento técnico necesario para un debate sobre as solucións de detalle en aspectos esenciais para áreas como o transporte público, a rede de rúas peonís a rexeneración urbana dos barrios a recuperación económica e comercial da cidade e, por parar por algún lado, o deseño dos aparcadoiros en superficie. Por suposto que este documento está en contexto con outros ,ben xa existentes ben en proxecto por necesidade urxente, por exemplo con plans sectoriais de urbanismo cos que se poida comezar a poñer fin a esperpénticas situacións que se dan no noso concello. Un que inviste cartos procedentes de fondos europeos finalistas para a rexeneración de barrios enteiros, coas súas rúas e os seus servizos, e logo as vivendas deses barrios caen por desleixo.

Todo isto debería ser motivo de debate no concello. Pero non. Hai tempo o grupo municipal de Esquerda Unida demandou dúas cousas: a primeira que se modificara a prioridade do investimento nas obras da praza de España, e outras, para, a través dun plan específico de apoio á economía social, crear emprego de calidade poñendo en conexión cousas como a rehabilitación integral e a rexeneración económica dos barrios; a segunda que se puxeran en marcha as medidas necesarias para comezar un amplo e extenso (no tempo e nos axentes participantes) debate sobre o conxunto da proposta do Plan de Mobilidade e Espazo Público e os seus detalles sectoriais. Ambas cuestións son   prioridades para este grupo municipal e así se fixo saber á hora de emendar os orzamentos deste ano. Xa alí diciamos o de sempre desde que entrou o Partido Popular no goberno da cidade: ao malgasto hai que sumar o escurantismo; tamén na política local está a acontecer a trufa de elementos que se dan en Galicia ou no Estado:corrupción política e baleirado das arcas públicas en favor das corporacións amigas máis ocultación máis lei mordaza etc.

Dúas son as alegacións que queremos remarcar: fronte ao malgasto creación da Empresa Municipal de Vivenda e inicio inmediato da política de acción rehabilitadora encamiñada a potenciar unha política pública de alugueiro e creación de emprego, fronte ao escurantismo  dotación dunha partida suficiente para a presentación pública e edición masiva do plan de mobilidade urbana de xeito que a peonalización e reorganización do tráfico, aparcadoiros, transporte de mercadorías etc sexan obxecto de discusión pública e planificación integral.

Se non, e cremos que por desgraza, non , seguirán a derrubarse edificios, a cidade continuará a súa lenta pero inexorable agonía e, por suposto, a veciñanza de Ferrol Vello e doutras latitudes acabará por non ter, xa non paradas para coller o autobús, senón autobús e servizos públicos en xeral. Así, como soa.

Esquerda Unida de Ferrol
R/ do Sol 124 Entrechán Esquerda
981944035
www.euferrol.org
https://www.facebook.com/esquerdaunida.ferrol
https://twitter.com/EUFerrol
http://www.esquerdaunida.org/ferrol.html

Enviado por:
Ferrol Esquerda Unida
-eu-ferrolterra@esquerdaunida.org-
20 de janeiro de 2014 16:23

Boas. Enviamos nota do grupo municipal de Ferrol pola que demandamos unha nova política de urbanismo e incidimos na crítica á política escurantista do goberno en todo o que ten que ver coa ordenanción do espazo público e o transporte. Grazas e un saúdo, Secretaría de Comunicación. Consello Político Local- Ferrol

__________________

Foto de José Pardo.
__________________________

luns, febreiro 16, 2009

No Pleno Municipal de hoxe, en Ferrol, vai-se hipotecar parte do futuro da cidade ...

No Pleno Municipal de hoxe, en Ferrol, vai-se hipotecar parte do futuro da cidade. Seguir construíndo estacionamentos no centro da cidade, non é camiñar a eliminar o tránsito de vehículos pola mesma, senón todo o contrario, é fomentar o uso do automóbil motorizado particular e privado. Todo o contrario do que establece o compromiso de ter asinado a Carta de Aalborg [*] e elaborado a Axenda 21 Local [que por certo xa non está colgada na web oficial do Concello]. O fomento de estacionamentos para automóbiles particulares privados, vai en contra dunha "mobilidade urbana sostíbel", no punto I.9 da citada Carta di-se:

"Nós, cidades, debemos esforzarnos por mellorar a accesibilidade e por manter o benestar e os modos de vida urbanos á vez que reducimos o transporte. Sabemos que é indispensábel para unha cidade viábel reducir a mobilidade forzada e deixar de fomentar o uso innecesario dos vehículos motorizados. Daremos prioridade aos medios de transporte respectuosos do medio ambiente (en particular, os desprazamentos a pé, en bicicleta ou mediante os transportes públicos) e situaremos no centro dos nosos esforzos de planificación unha combinación destes medios. Os diversos medios de transporte urbanos motorizados deben ter a función subsidiaria de facilitar o acceso aos servizos locais e de manter a actividade económica das cidades".

O goberno leva hoxe a pleno o rescate do estacionamento da Praza do Concello tras o acordo entre concesionario e comerciantes, sen ter en conta a necesaria recuperación funcional dunha praza, para uso e gozo da cidadanía como principal e non como secundario, para eles primeiro é o negocio privado, cunha futura concesión de décadas, máis antes facendo un rescate millonario [case 2,5 millóns de euros] que vai beneficiar ao actual concesionario, Isidro Silveira. E que se supón que vai ser, con toda seguridade, o futuro concesionario que vai ampliar o seu negocio [en case un 345%], pois pasa de poder ofertar 116 prazas na actualidade, a unhas 400 nun futuro.

A desculpa do edil de Facenda, Ramón Veloso, no sentido de afirmar que esta medida "permitirá construír un novo aparcadoiro para gañar prazas. Ferrol podería así afrontar con garantías o proceso de peatonalización do barrio histórico da Magdalena", non é máis que pura retórica, se se ofertan máis prazas, entrarán máis vehículos motorizados no casco histórico da Madaglena. A tendencia debería contemplar o só permitir o acceso a residentes, emerxencias, transporte colectivo [non contaminante] e distribución de mercadorías.

A outra desculpa de que "se evitarán os continuos desembolsos que, ano tras ano, tiña que asumir o Concello para afrontar reparacións no recinto", non é tal se non vai acompañada dunha relación de obras e reparacións feitas nos últimos anos e a súa contía, pois precisamente do que se queixaban os comerciantes da Praza era de que non se acometían ditas obras.

En definitiva, rehabilitar a Praza si, mais para uso e goce da cidadanía, non para facilitar o uso de transporte motorizado particular e privado dentro da cidade.

Colectivo Ártabra 21
16.02.2009
______________________

[*] Conferencias Europea de Cidades e Pobos Sustentábeis
[Aalborg en 1994, Lisboa en 1996, Hannover en 2000, Aalborg en 2004 e Sevilla 2007]

Ponto 6 do Documento "Aalborg+10 – Inspiración para o Futuro", da conferencia celebrada en Hannover no ano 2000.

"Mellor Mobilidade e Redución do Tránsito

Recoñecemos a interdependencia do transporte, a saúde e o medio ambiente e estamos comprometidos a promover firmemente os modelos de mobilidade sostíbeis.

Polo tanto imos traballar para:

1.reducir a dependencia do transporte privado motorizado e promover alternativas atractivas que sexan accesibles para todos.
2.aumentar a porcentaxe de desprazamentos en transporte público, peonil e en bicicleta.
3.promover o cambio a vehículos con baixas emisións.
4.desenvolver plans integrados de mobilidade urbana sostible.
5.reducir o impacto do transporte no medio ambiente e na saúde público"

Entrar a continuación:
Colectivo Ártabra 21: Por que furar Ferrol ?

_________

Enlaces Relacionados:
__________________

sábado, xullo 26, 2008

Asociacións das zonas urbana e rural piden melloras en tódalas liñas

De: ASOCIACION VECIÑAL FONTELONGA
-avvfontelonga@mundo-r.com-
Para: artabra21@gmail.com
Data: 25 de julho de 2008 11:59
Asunto: Asociacións das zonas urbana e rural piden melloras en tódalas liñas


Asociacións das zonas urbana e rural piden melloras en tódalas liñas
Diario de Ferrol 25.07.08

A convocatoria de asamblea feita con urxencia pola Asociación de Veciños de Ferrol Vello ante a supresión de servizos levada a cabo de forma unilateral por Rialsa tivo un grande éxito de convocatoria. A pesares da premura con que se artellou a cita, máis dunha ducia de representantes de entidades veciñais, tanto da zona urbana coma do rural, asistiron a este encontro.

Desta cita saiu un primeiro documento no que este colectiva manifesta o seu desacordo coa “reducción drástica de liñas” adoptada por Rialsa. Os colectivos veciñais cuestionaron, neste senso, as cifras dadas pola compañía nas que xustificaba esta medida na falta de pasaxeiros. “Se á empresa non lle interesa atender este servizo, que se recupere a concesión e se convoque un novo concurso”, dixo Alberto Saavedra, presidente da AVV Ferrol Vello.

Pero non se quedaron soamente nesta problemática, senón que ademais reclaman melloras nos servizos que prestan as compañías concesionarias das liñas de transporte de viaxeiros na área metropolitana. Neste sentido, expuxeron a necesidade de aumentar as liñas existentes, facendo fincapé en mellorar os desprazamentos a puntos clave, como os centros de saúde ou colexios, entre outros.

Ao respecto, Alberto Saavedra sinalou que “o descontento é xeralizado, por esta razón queremos que se conte coa opinión dos usuarios e participar con empresa, Xunta e Concello nas conversas que se poidan levar a cabo ao respecto do transporte de viaxeiros”, engadiu.

Este colectivo chama a sumarse ás súas demandas a novas asociacións de veciños e sociais. En vindeiras datas entregarán un escrito oficial con elas ás administracións autonómica e local.
___________

Esquerda Unida e o transporte Público

De: eu-ferrolterra@esquerdaunida.org
Para: artabra21@gmail.com
Data: 24 de julho de 2008 11:06
Asunto: Esquerda Unida e o transporte Público



Desde o Consello Local de Esquerda Unida de Ferrol queremos aproveitar que, coma sempre, se fala do AVE, para falar da precariedade do transporte público a nivel local, comarcal e rexional.

En primeiro lugar, denunciamos unha vez máis que o AVE está implantándose sobre as liñas férreas existentes, anulando paradas, e clausurando unha rede de ferrocarril cuxa misión era (e debería volver a ser) conectar as vilas e cidades galegas e funcionar como transporte público de curto e medio percorrido. O AVE non está en condicións de ser unha alternativa a este transporte, e tememos que tal alternativa nin se plantea. Fórzasenos a usar as estradas. A pesar do estado da rede e da alta siniestralidade, nunca se quere relacionar exceso de tráfico rodado, accidentes e falta de transporte público, e é obvio que hai relación.

Ademais da preocupante situación do ferrocarril, no ámbito comarcal e municipal temos que engadir estes días o recorte de liñas e de horario nos autobuses de Rialsa. O consentimento por parte da Consellería de Política Teritorial destes recortes obríganos a levantar a voz xunto con asociacións e veciños que ven reducida aínda máis a súa mobilidade, e a instar aos concellos a rexeitalos abertamente.

O servizo de transporte público que cubre Rialsa é imprescindible. Xa está subvencionado, polo que non é máis que un pretexto soster que é deficitario. Tampouco é certo, polos datos que nos constan, que os servizos suprimidos non contaran con suficiente uso, desde logo algúns dos traxectos Cobas-cidade si teñen (tiñan) máis dun centenar de usuarios habituais.

Baixo ningún concepto debemos permitir que o transporte público siga deteriorándose e reducíndose. Esperábamos por parte da Consellería a defensa do transporte público, e non optar por aceptar condicións que van na dirección contraria, preparándonos ao que se empeza a ver como un peche progresivo. Pola contra, reclamamos un esforzo para activar e modernizar o servizo: adaptando os vehículos á demanda real (microbuses), estudando as paradas, multiplicando os pequenos traxectos (transporte “á carta”) e procurando un servizo maior aos principais equipamentos e centros de traballo (colexios, hospitais, polígonos industriais etc). Se é necesario, debe chegarse a unha enquisa usuario a usuario e a fortes inversións, como a remodelación da estación de autobuses. O actual Plan de transportes metropolitano amósase como un instrumento moi limitado (máis que nada, publicidade, marquesiñas e subvención de tarxetas) asentado sobre convenios con empresas de transporte pouco ventaxosos.

Agardamos que o Plan de mobilidade no que está traballando o Concello de Ferrol sexa sensible a estas demandas e dea unha resposta ambiciosa ao problema do transporte público urbano, que, como medio sostible, debe encabezar calquera aposta por racionalizar a mobilidade no municipio.
____________