Amosando publicacións coa etiqueta Xavier Vence Deza. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Xavier Vence Deza. Amosar todas as publicacións

mércores, febreiro 15, 2012

Máis mentiras ... é a guerra (laboral) , ... Por Xavier Vence Deza

Por Xavier Vence Deza [*]
15.02.2012

Ou como xustificar un golpe de man no réxime laboral

Nesta crise, coma nas guerras, a primeira que perde é a verdade. Levamos escoitado moitas nos últimos anos e calquera pode percatarse que o uso e abuso da mentira reiterada é un dos elementos clave da estratexia intoxicadora e dominadora da dereita neoliberal e conservadora, que redescubriu as técnicas máis agresivas do adoutrinamento de masas. Goebels e Orwell en estado puro. Pero as que se están a suceder para dar cobertura á radical reforma laboral impulsada polo PP son de antoloxía. Basten como botón de mostra estas da Ministra de Traballo cando o 13 de febreiro afirma que “teniamos una regulación laboral que produjo 2,7 millones de parados y había que hacer algo”. Outros igual de ousadas e abusando da ignorancia propia e allea afirman que a reforma laboral vai crear emprego e, desde logo, frear o aumento do paro. O presidente Feijóo, tan audaz como temerario no uso –e abuso- das palabras, atreveuse a dicir que era a reforma feita e pensada para favorecer aos parados, aínda que puidera requirir algún sacrificio dos que tiñan o privilexio de ter emprego (porque nesas estamos, chegamos a un portentoso modelo socioeconómico neoliberal no que ter un emprego, mesmo precario, é un privilexio case abusivo!).

A golpe de horas e horas de pauliñas radiofónicas e televisivas imos ter que acabar crendo que a causo do escandaloso aumento do paro en Galiza ou no Estado Español non deriva da burbulla inmobiliaria e a crise da construción ou da crise financeira senón que deriva da férrea e inflexible lexislación laboral existente. Tamén imos ter que acabar pensando que nestes últimos anos todos os traballadores desfrutaban de suculentos contratos indefinidos, altos salarios e obscenas indemnizacións de despedimento. Nada de recordar que no Estado Español se veñen celebraban todos os anos máis de 16 millóns de contratos (en Galiza 680 mil), é dicir contratos temporais de meses e mesmo de días; iso non é flexibilidade suficiente e, ademais, unha indemnización de 6 días por ano traballado é excesiva. Nada de recordar que un terzo das mulleres asalariadas teñen empregos a tempo parcial (metade ou terzo de xornada); iso non é suficiente. Nada de recordar que o 45% dos traballadores cobran menos do duplo do salario mínimo, é dicir, por debaixo dos mil euros; iso non é suficientemente baixo.

Para que seguir ... despois de catro anos de crise, recesión, estancamento, paro galopante e políticas equivocadas (ou deliberadamente pensadas para satisfacer á banca e só a ela), despois de anos en que non lles quedaba outra que admitir que o problema estivera na especulación financeira e inmobiliaria e un modelo produtivo centrado no ladrillo e nas actividades de baixo valor engadido, van ter agora o valor para darlle a volta aos argumentos e aos feitos para acabar afirmando con total descaro que o problema está no modelo laboral, na rixidez laboral, nos dereitos laborais, nos salarios excesivos e nas indemnizacións por despedimento.
Realmente, pola desmesura e o burdas que resultan os argumentos da propaganda gobernamental e da banca/patronal que acompañan esta reforma laboral, merecen figurar como exemplo nos manuais da manipulación das conciencias e do adoutrinamento de masas. Pero así é e deben facelo bastante ben porque, de momento, parece que surte efecto.

Vendo a capacidade de atordamento da poboación, un estaría tentado a pensar que se a presión mediática aterradora e culpabilizadora continua coa intensidade destes meses non tardaremos en ver a traballadores con contrato indefinido e salarios medios acudir aos xulgados a autoinculparse por privilexio e inmoralidade.

O certo é que o paquete completo da reforma laboral integral aprobada polo Goberno como Decreto-Lei e que se tramitará de inmediato no Congreso, supón un cambio total de base do modelo de relacións laborais no estado español. Compre dicir con total claridade que non se trata dunha simple reforma laboral, pola contra é unha inversión total do modelo. É unha ruptura das bases do modelo instaurado despois da transición democrática e asentado na constitución, que á súa vez se situaba na lóxica dos modelos de relacións laborais da Europa da posguerra. E iso é así porque non se trata só de reducir as indemnización por despedimento ou a flexibilización interna dos cadros de persoal etc, senón que se fai unha voadura do sistema da negociación colectiva como elemento central das relacións laborais. Permite a fixación unilateral de salarios e instaura o despedimento libre e sen indemnización para a maior parte do tecido empresarial. Facilita o despedimento individual e colectivo por causas económicas en todos os casos, cuns requisitos para acreditar esas causas económicas (tres meses de perdas ou seis meses de caídas de facturación) que son facilmente “pintábeis” co sistema contábel a mercede dos intereses da dirección da empresa. Rompe a unidade da negociación colectiva supraempresarial (sectorial, provincial, autonómica ou estatal). Pon aos sindicatos fóra de xogo á hora de negociar condicións xerais para os diferentes colectivos de traballo. Os ámbitos de negociación e consenso con acordos de obrigado cumprimento parta as empresas redúcense á mínima expresión.

En definitiva, é a voadura dun modelo laboral que, mal que ben e cunha prolongada perda de poder da parte sindical/traballadora, estaba asentado na idea dun certo equilibrio entre o poder discrecional da empresa e os dereitos individuais e colectivos do traballador. Desmonta ese modelo no que os sindicatos e a negociación colectiva eran a peza base das relacións laborais. A idea da negociación e o acordo entre partes cun poder e capacidade negociadora recoñecida, aínda que desigual, abre paso a un mundo no que as empresas teñen marxes de discrecionalidade case absoluta en materia de horarios, asignación de postos, mobilidade entre centros de traballo, fixación de salarios, decisión de despedimento, etc.

É dicir, radicalizando a tendencia dos últimos tempos, consagra un poder absoluto nas mans do empresario e desprové aos traballadores de case todos os seus dereitos colectivos (e, en consecuencia, desarbora tamén os seus dereitos individuais ao facelos inefectivos na práctica).

A cuestión é: e todo iso para que?, cal é o obxecto?

O discurso orquestrado é que se trata dunha reforma necesaria para crear emprego e reducir o paro. Non é preciso, recordar aquí o que desde Keynes todos os economistas saben: que o nivel de emprego ven determinado, non polo mercado laboral, senón pola demanda efectiva e polas oportunidades de investimento, produción e vendas que esta xera. Polo tanto, non é pola reforma laboral que se vai crear emprego. De feito, cando no estado español se crearon varios millóns de postos de traballo foi con ese lexislación e réxime laboral –abondo precario- que agora se quere desmantelar –para precarizalo até o extremo-. Do mesmo xeito que o País Vasco ten unha taxa de paro que é un terzo da media española a pesares de ter un mesmo marco laboral e os salarios máis altos do estado español. A verdadeira diferenza é que o País Vasco tiña e foi consolidando a cada paso un modelo produtivo diferente, con industria, tecnoloxía e coñecemento.

Argúese tamén por parte dos defensores desta reforma que é o que as empresas demandan para saír da crise. O certo é que cando un fala cos directivos das empresas sempre din que ese non é o seu problema neste momento, nin é iso o que lles vai resolver os verdadeiros problemas de viabilidade. Máis aínda, como evidencian os resultados da enquisa de Eurostat en vinte países da UE, as empresas produtivas españolas non ven os salarios e a lexislación laboral como unha limitación para crecer no período 2011-2013. O 87% consideran os seus problemas para crecer derivan da marcha xeral da economía e o 70% consideran que é especificamente a falta de demanda interna e externa a principal limitación.

Non é difícil concluír que, dado que o mercado para o 98% das empresas é o mercado interno, a evolución da súa demanda e as vendas van depender en boa medida da capacidade de compra dos consumidores do país. E a inmensa maioría dos compradores finais son as familias (e o sector público), de xeito que a demanda depende do nivel de ingreso desas familias, é dicir, depende dos salarios, pensións e outros subsidios. Polo tanto, os empresarios da economía produtiva saben –que estúpidos non son- que o seu mercado e o seu futuro depende do nivel de ingresos dos traballadores. Por iso saben que unha estratexia de depresión salarial, como a posta en marcha pola UE e o estado español, conduce á ruína e peche a miles e miles de empresas. Non por culpa de salarios demasiado altos senón por culpa de salarios insuficientes.

Pero e entón, insistimos, cal é o motivo desta reforma precarizadora e depresiva?. Pois o verdadeiro motivo é satisfacer as necesidades da banca. Si, de novo, a banca. E ademais reclama a reforma con urxencia porque quere acelerar o proceso de concentración e reestruturación bancaria. Calcúlase que ao final dese proceso de concentración bancaria van sobrar entre 20-30.000 empregados no sector financeiro. Dado que a vía das xubilacións e pre-xubilacións como mecanismo de axuste xa está practicamente esgotado, a partir de agora “non quedará máis remedio” que recorrer aos despedimentos. Para iso compre que isto sexa máis fácil e máis barato. Os cálculos que se fan no sector é que coa nova norma o sector financeiro reduce os custes, como mínimo, nun 50% con respecto á vía das prexubilacións ou os despedimentos coa lexislación actual. No canto de uns 6.000 millóns para o conxunto do sector financeiro o custe pode quedar nos 3.000 millóns de euros. Ademais, os bancos poderán reorganizar funcional e territorialmente os seus cadros de persoal con total liberdade e, sobre todo, aplicar unha drástica redución salarial para reducir os custes.

Ese é o motivo de curto prazo para a banca. De aí, ademais, a urxencia. Pero a banca busca a deflación salarial a longo prazo no conxunto da economía por outras razóns adicionais. Por un lado, a redución de custes salariais é unha vía de que eles e as demais empresas –sobre todo as cotizadas- poidan repartir dividendos máis substanciosos no futuro, que irán aos bancos e fondos inversionistas; tamén interesa que sexan quen de soportar custes financeiros –xuros- máis elevados. Por outro lado, tamén interesa esa deflación salarial para reducir os custes do sector público e liberar a presión sobre o orzamento a fin de que os gobernos poidan facer fronte con maior soltura e solvencia aos pagos da débeda pública.

Dado que a banca non queda atada á marcha do mercado interior habida conta da súa fluidez e mobilidade a través dos mercados financeiros globais, non se senten especialmente comprometidos coa marcha da economía produtiva do país. Si for ben perfecto pero si non vai a banca pode orientar o seu negocio cara os mercados globais máis rendíbeis en cada momento.

Con estas claves posibelmente podemos entender mellor todo o paquete de reformas que o PP ten en marcha neste momento: a “reforma” financeira, os recortes do gastos público, a “reforma” fiscal e a propia “reforma”/golpe laboral. Todas elas confirman os paquetes centrais da radicalización neoliberal que campa polos seus repetos por toda a Unión Europea desde que se asinou o Pacto polo Euro en 2010 e que o Estado Español aplica como alumno avantaxado ou, mellor dito, castigado. É o gran proxecto da radicalización neoliberal que tenta dar a “puntilla” definitiva ao chamado modelo social europeo, unha guerra social de alcance cuxa primeira batalla empezara coa aprobación do Tratado de Maastricht e o Pacto de Estabilidade e que agora aproveita a crise para dar un paso non definitivo pero si de envergadura.

A grande incógnita –ben incómoda, por certo- é onde están os sindicatos europeos, onde está metida a esquerda europea. É unha auténtica guerra social pero parece non haber ninguén enfronte. Obviamente, a mesma incógnita compre poñela no estado español ou noso país. Afortunadamente, a CIG ten a audacia de lanzar a convocatoria dunha folga xeral en Galiza cara fins de marzo. É unha decisión que demostra clareza de visión da fondura do desafío que están a plantexar as forzas conservadores aquí e no continente. Pero tamén é certo que a envergadura do embate obriga a pensar na necesidade doutra escala á hora de encarar ese batalla. Pero, ao igual que os gregos e portugueses non puideron agardar por ninguén tampouco nós deberiamos facelo.

Nota.-
Artigo publicado o 15 de Febreiro de 2012 no blogue persoal do autor ao que recomendamos acceder e difundir:
http://xaviervence.blogspot.com/

[*] Xavier Vence Deza (Rodeiro en 1961) é Catedrático de Economía Aplicada da Universidade de Santiago de Compostela, escritor, comentarista político, ... Foi director do Idega no período 1991-95. Profesor invitado en diferentes universidades estranxeiras, formou parte de diversos comités de expertos de organismos internacionais. É coordinador do grupo de investigación ICEDE e da área de Economía do Seminario de Estudos Galegos. Publicou máis dun centenar de artigos e libros en revistas profesionais de ámbito galego e internacional sobre economía da innovación e políticas tecnolóxicas, sistema galego de innovación, disparidades rexionais na UE, industria, servizos, mercado de traballo, sistemas produtivos e planificación estratéxica, desenvolvemento local ...
____________________

domingo, xaneiro 15, 2012

A demagoxia neoliberal co déficit e os impostos, ... Por Xavier Vence Deza

Por Xavier Vence Deza [*]
15.01.2012

No debate actual sobre o déficit e a débeda xógase abusivamente con algunhas simplificación torpes e demagóxicas. Os propagandistas da dereita tratan de identificar déficit con despilfarro. Obviamente, non teñen nada que ver. Pode haber xestión pública eficiente de recursos xestionados en orzamentos con déficit e xestión ineficiente con orzamentos equilibrados. Outros tratan de identificar gasto público con déficit e dan por feito que para reducir o déficit a única vía é a redución do gasto público. Obviamente, tampouco é iso. O asunto está en ter sempre presente que o déficit depende tamén dos ingresos públicos en xeral e dos impostos en particular. É unha trapela interesada falar exclusiva e machaconamente dunha das follas da tesoira como se a outra non entrase no xogo.

Para empezar é falso afirmar que os de esquerdas son defensores do déficit. O que normalmente fan as esquerdas é defender o gasto público –non de calquera maneira- pero non é máis de esquerdas financiar ese gasto público con déficit e débeda; o que normalmente defenderán as esquerdas é financialo cun sistema impositivo progresivo.

Outro asunto é que desde a crise do 29 os economistas serios entenderan que o déficit non pode ser un dogma, no sentido de que o financiamento con déficit pode ser un instrumento útil para dinamizar a economía, para combater as recesións ou para financiar investimentos estratéxicos cuxos rendementos para a sociedade non se manifestan no ano en que se executa o gasto senón posteriormente e ao longo de moitos anos –como ocorre en xeral coas boas infraestruturas, cando están pensadas en termos de utilidade social.

O certo é que o dogma do déficit cero é algo que os países desenvolvidos arrombaron despois da crise do 29 e tan só o arcaico réxime de Franco mantivo ese criterio miope do equilibrio orzamentario como principio inamovible até a súa caída; a dereita española volve ás súas orixes con este dogma traído agora da man dos neoliberais, esquecendo que esa disciplina pitoña foi a causante do coñecido déficit de investimento en infraestruturas e servizos sociais básicos que marcou durante décadas unha distancia abismal con respecto ao resto de Europa.

Pola contra, temos múltiples exemplos de como a dereita foi adicta ao déficit e á débeda. O caso máis espectacular foi o de Reagan e Bush nos Estados Unidos. Foi baixo os seus mandatos cando os déficit e a débeda se dispararon até niveis realmente irresponsábeis e insostíbeis. Iso si, fixérono ao tempo que mantiñan o dogmático discurso do equilibrio orzamentario, converténdose no exemplo paradigmático da dobre moral do neoliberalismo reinante desde Reagan para acá. Desde aquela o discurso da redución do déficit foi utilizado sistematicamente para poder levar adiante programas de rebaixas dos impostos aos ricos, ás grandes empresas e ao capital financeiro (bancos, fondos, etc) ao tempo que aumentaban o gasto militar, as axudas a grandes empresas ou os gastos en obras e servizos que contratan co sector privado.

Polo tanto, o verdadeiro problema é a política da dereita e dos neoliberais. O que viñeron facendo ao longo das tres últimas décadas foi máis ou menos o seguinte: manteñen un persistente discurso de redución de impostos para lexitimar a redución de impostos aos ricos, ás rendas altas e ao capital ao tempo que aumentan os impostos indirectos que para a xente se confunden con alzas de prezos (IVE, etc); paralelamente, manteñen ou aumentan o gasto para atender as demandas dos grandes grupos económicos (gasto militar, obras, compras públicas...) e, para poder gañar eleccións, tampouco poden acometer drásticos recortes nos servizos públicos máis populares. O resultado é cantado: un crecente desequilibrio das contas públicas, aumento do déficit e da débeda. Nese sentido, son xustamente as políticas de corte neoliberal as que conducen a un aumento do déficit e da débeda pública. Ese uso estratéxico do orzamento público para facer unha redistribución inversa -cara arriba- da renda compleméntase coa privatización de empresas e servizos públicos, que significaron e significan unha fabulosa transferencia de rendas cara o capital privado, ao tempo que axuda a ampliar o campo de negocio en actividades lucrativas e seguras para ese mesmo capital privado.

O que define á esquerda non é déficit senón, por un lado, a orientación do gasto (prioridade á redistribución da renda para reducir as desigualdades, servizos públicos básicos de calidade como educación, sanidade, etc e non gastos militares ou obras que só benefician ás empresas que as realizan) e, por outro lado, un sistema de impostos progresivos que faga pagar máis -de xeito efectivo- ás rendas altas e as grandes fortunas, que grave as rendas financeiras cando menos tanto como os ingresos do traballo do traballo, que grave moito máis o consumo de luxo e grave menos o consumo básico ou esencial, que poña coto á fraude e á evasión fiscal, etc. Como leva defendendo, por exemplo, o BNG desde o inicio desta crise e non só como gancho ás portas das eleicións.

Nese sentido, compre recoñecer e dicir que a política de Zapatero non foi de esquerdas nin na primeira lexislatura nin na segunda; co seu discurso de que “subir impostos non era de esquerdas” o que fixo foi: suprimir o imposto de patrimonio que só pagaban os ricos, baixar o tipo marxinal máximo da renda do 46 ao 43%, baixar o imposto de sociedades, asentar un tratamento fiscal escandalosamente privilexiados para as SICAV, fondos de investimento, private equity, etc. O que si subiu foi o IVE e os impostos especiais, que son todo eles regresivos. Ademais, contribuíu a manter e reforzar un sistema fiscal tipo “gruyere”, con moreas de buratos e excepcións e, para redondeala, cunha política de inspección tributaria deliberadamente tolerante coa fraude e a evasión, como veñen denunciando os técnicos de facenda (Gestha).

Nesa mesma senda se sitúan as medidas fiscais adoptadas polo PP no seu primeiro consello de ministros: facendo táboa rasa co discurso proclamado acordan unha suba de tipos no IRPF -disque como "contribución temporal á solidariedade"!!- coa particularidade de cebarse de xeito moi especial nas rendas medias e medias-baixas (tanto nas rendas do traballo como nas rendas do aforro). Ao tempo que acordan un recorte de gasto moi importante que vai afectar especialmente aos asalariados públicos e aos servizos públicos da maioría da poboación (sanidade, educación, dependencia, etc). Pola contra deixan fóra da axenda a tributación das sociedades e fondos de investimento, as rendas financeiras e especulativas, a evasión fiscal, as múltiples deduccións e bonificacións que permiten que as grandes sociedades paguen unha taxa efectiva de imposto de sociedades inferior ao das PEMES. Nada se di tampouco de reducir o gasto en certas partidas como a militar, subvencións á igrexa, ao ensino privado e concertado, etc.

Compre insistir, polo tanto, no feito de que a esquerda non está en contra da redución do déficit en abstracto senón e tan só na medida en que vai aparellada da redución do gasto e ata a imprescindible flexibilidade dos gobernos. O problema é a redución do déficit ao mesmo tempo que se adoptan medidas que reducen os ingresos públicos, porque iso conleva necesariamente unha redución do gasto público e, na maior parte dos casos, dos gastos en servizos básicos como educación, sanidade e prestacións sociais para os máis necesitados. Como estamos a ver en Galiza, en Madrid, en Cataluña, en Valencia e no conxunto do Estado Español; ou no Reino Unido, Portugal e a maioría dos países da UE que están a implementar as mesmas receitas impulsadas pola dereita europea.

Os que queren utilizar o sector público para introducir maior xustiza social e impulsar o desenvolvemento económico non son fanáticos do déficit nin moito menos, o que perseguen é que os ingresos públicos poidan aumentar ao ritmo das necesidades razoables de gasto para acadar aqueles obxectivos. Polo tanto, a esquerda do que está en contra é de que o sector público se ate de pés e mans para afrontar situacións conxunturais que poden estrangular as contas públicas. Por outra parte, non fai falta ser keynesiano para entender que nun contexto de recesión e estancamento, o peor que poden facer os gobernos é reducir drasticamente os gasto público porque iso só contribúe a deprimir aínda máis a demanda. E, por último, todos os economistas serios saben desde hai moitas décadas que o investimento de longo prazo –infraestruturas de todo tipo- non ten porque ser cuberto con ingresos actuais senón que resulta máis razonable e xusto que se financie mediante crédito, tendo en conta que o seu rendemento ou utilidade social vai producirse no futuro, durante un longo prazo de tempo. Un problema completamente distinto é que eses investimentos teñen que plasmarse en actuacións cuxa utilidade social futura sexa certa e ben avaliada e non poden ser o resultado de decisións caprichosas, clientelares ou por presión dos que fan negocio coa execución do investimento. Ese é o risco derivado da presión de certos lobby’s poderosos como poden ser o das construtoras, concesionarias e outras polo estilo.

Artigo publicado o 9 de Xaneiro de 2012 no blogue persoal do autor ao que recomendamos acceder e difundir:
http://xaviervence.blogspot.com/

[*] Xavier Vence Deza (Rodeiro en 1961) é Catedrático de Economía Aplicada da Universidade de Santiago de Compostela, escritor, comentarista político, ... Foi director do Idega no período 1991-95. Profesor invitado en diferentes universidades estranxeiras, formou parte de diversos comités de expertos de organismos internacionais. É coordinador do grupo de investigación ICEDE e da área de Economía do Seminario de Estudos Galegos. Publicou máis dun centenar de artigos e libros en revistas profesionais de ámbito galego e internacional sobre economía da innovación e políticas tecnolóxicas, sistema galego de innovación, disparidades rexionais na UE, industria, servizos, mercado de traballo, sistemas produtivos e planificación estratéxica, desenvolvemento local ...
____________________

martes, xuño 21, 2011

#15-M, mercados e Pacto do Euro, ... Por Xavier Vence Deza

Por Xavier Vence Deza [*]
21.06.2011

Acúsase ao movemento 15-M e aos acampados das prazas de non ter sido quen de ofrecer solucións ben trabadas á crise económica e á crise política. Acúsaselles tamén de caer vítimas dun asamblearismo anarcoide e carecer de portavoces e interlocutores representativos cos que poder dialogar. Esas son as dúas razóns aducidas para xustificar o autismo das institucións e dos partido maioritarios.

Certo que esa forma de organización e o feito de que o propio movemento se considere en proceso de maduramento non facilita a interlocución, pero resulta aínda máis certo que non houbo ningunha tentativa por parte do goberno central ou dos autónomos de ir ao seu encontro. En todo caso, nin a desculpa da atomización, nin o asamblerarismo poden xustificar o autismo institucional. Os chamados mercados son ben máis opacos, anónimos e desconcentrados e, en cambio, non hai dificultade para captar as súas mensaxes e mesmo para obedecelos ao pé da letra.

O movemento dos cidadáns anónimos, dispersos ou concentrados nas prazas, ten mensaxes ben nítidas. Mesmo formuladas por escrito en forma de táboas reivindicativas. O problema non é que se resistan a elixir portavoces cos que falar, o problema real é que non se queren escoitar e entender. A súa mensaxe é xustamente a antítese e a negación dos mercados. Son as voces dos cidadáns atomizados que se enfrontan ao poder económico concentrado e escondido detrás dos grandes fondos de investimento e dos grandes bancos. As institucións políticas, os grandes partidos do poder escolleron bando. Todo o poder para os mercados, oídos xordos para a cidadanía. De aí a indignación. Algúns apóñenlles que as súas reivindicacións son algo naïf ou utópicas; desde logo non máis naïf que crer que poñendo todo ao servizo das finanzas se vaia fortalecer algún día o sistema produtivo.

Os gobernantes e os dirixentes políticos dos grandes partidos parecen crer que a súa responsabilidade histórica é obedecer as demandas das grandes finanzas (até vender como “éxito” –Feijóo dixit– a entrega dunha caixa de aforros a fondos americanos). Definitivamente, non son conscientes da envergadura das consecuencias. As demandas das finanzas, que se plasman hoxe no chamado Pacto do Euro, supoñen tal debilitamento da capacidade produtiva en toda a periferia europea e tal debilitamento da demanda e dos servizos públicos que condenan boa parte da poboación europea á exclusión completa e a outra parte a un retroceso vertixinoso do seu nivel de vida e, sobre todo, a un negro panorama para a súa vellez e o futuro dos seus fillos. O desmantelamento dos servizos do benestar, o ensanchamento da fenda das desigualdades e das bolsas de pobreza só pode traer consigo o esborroamento das institucións que pilotan o sistema, poñendo en grave perigo o futuro da democracia e, desde logo, a calidade da mesma.

Pasado un mes de acampadas sen ofrecerlles ningunha interlocución, esa xente nova –tratada con certa condescendencia como inxenuos e simpáticos– decide expandirse e ir directamente ao encontro das institucións e dos responsábeis políticos. Entón xa non poden ignorarse nin despacharse con declaracións de cínica simpatía e empeza a construírse o discurso da demonización, erguendo a pantasma da violencia.

A mensaxe de fondo dese movemento espertou simpatía nunha grande parte da poboación; a súa frescura e orixinalidade facilitoulle un tratamento mediático que lle permitiu romper certas barreiras que agarrotan as organizacións políticas e sindicais que viñan erguendo a bandeira anti-neoliberal. O reto dese movemento, agora que o tratamento mediático vira cara a súa estigmatización, está en ser quen de, sen perder frescura, abrir pontes de colaboración con todas as demais forzas sociais e políticas coas que comparten obxectivos fundamentais para erguer un amplo e plural movemento de contestación á terceira e agresiva onda de reformas neoliberais aquí e en toda Europa: o Pacto do Euro.

Publicado n'O Xornal de Galicia - 20.06.2011

[*] Xavier Vence Deza (Rodeiro en 1961) é Catedrático de Economía Aplicada da Universidade de Santiago de Compostela, escritor, comentarista político, ... Foi director do Idega no período 1991-95. Profesor invitado en diferentes universidades estranxeiras, formou parte de diversos comités de expertos de organismos internacionais. É coordinador do grupo de investigación ICEDE e da área de Economía do Seminario de Estudos Galegos. Publicou máis dun centenar de artigos e libros en revistas profesionais de ámbito galego e internacional sobre economía da innovación e políticas tecnolóxicas, sistema galego de innovación, disparidades rexionais na UE, industria, servizos, mercado de traballo, sistemas produtivos e planificación estratéxica, desenvolvemento local ... .
________

domingo, marzo 13, 2011

A mantenta da Caixa de Aforros - Galiza non se pode abster, ... por Xavier Vence

Por Xavier Vence Deza [*]
13.03.2011

Xa coñecemos o peso da folla da guillotina coa que se vai decapitar a caixa coa que nos quedamos despois de que ataran man con man as dúas que tiñamos coa promesa de que era para unilas: 2.622 quilos de euros. Se acepta un cambio de sexo, de caixa a banco, entón poden rebaixar o peso até 1.527.

Cada vez somos máis os que percibimos que o proceso de desmantelamento das caixas é unha das decisións de maior alcance político e económico da última década, despois da entrada no euro. Éo nun duplo sentido: é un punto de inflexión no modelo territorial-autonómico e no modelo socio-financeiro. O Goberno central –previo amaño e reparto da torta con CiU– decide privatizar algo que non é seu, laminando a principal competencia autonómica e entregándolles aos bancos e fondos a metade do sistema financeiro que, con luces e sombras, mantén un alento social na súa actividade e sostén mediante crédito e participacións no capital unha parte esencial do tecido productivo.

O PP abstívose pero non porque discrepe dos obxectivos do decreto, senón por puro tacticismo electoralista. Como ben clarexou Montoro, abstivéronse porque o decreto “chega tarde”, nas horas lixo da lexislatura, e a súa prioridade agora é “construír unha alternativa ao goberno actual”. Con esa finta buscan unha fírgoa para manter ese xogo froral que tan ben se lle dá –grazas á complicidade mediática– pero, contrariamente ao que afirma Feijóo, con esta abstención permítese que o decreto pase –noutro caso sería difícil– deixando desprotexidos os intereses obxectivos dos galegos. Non dubido que a conselleira de Facenda pode moverse coa mellor das vontades, pero tanto ela como moitos empresarios e votantes do PP acabarán tropezando coa crúa evidencia de que nin Galiza, nin as caixas, nin as pemes son as prioridades da política madrileña do PP neste momento. Como tampouco o son na do PSOE. Esta é a hora estelar da gran banca e dos fondos, os verdadeiros amos.

É falso que todo isto vaia contribuír a mellorar o financiamento da economía productiva. Pola contra, o capital que eventualmente entre desde o exterior non vai para o crédito senón para o cambio de propiedade das entidades e doutros activos; mesmo o capital que mobilicen os bancos e fondos españois, no canto de orientarse ao crédito ou investimento produtivo, destinaranse tamén a facerse coa propiedade desa torta gulosa. Peor aínda, con eses inauditos periplos a busca de compradores, aos que para pasmo mundial se suma o propio gobernador do Banco de España, entregarán a prezo de saldo as xoias financeiras –das autonomías– e, ademais de perdelas, convértennos en pagadores de rendas a eses fondos en forma de dividendos.

Que facer? Quen ten o poder –ou exerce vicariamente ese poder– decide e eles son os responsábeis do resultado. Os que creemos que isto é un erro descomunal estamos obrigados a facernos oír e tamén estaremos no noso dereito de pedirlles contas polas consecuencias, e que paguen por elas, cando menos políticamente. Porque cando no futuro queiramos explicar o racionamento do crédito das pemes, a duración do estancamento e do paro, teremos que recordar estas cousas. Como agora temos que recordarlles ao PP, PSOE e Banco de España a súa responsabilidade na burbulla inmobiliaria e na enxeñería financeira creativa na que montaron o país durante anos. En todo caso, eu teño claro que a aposta menos mala será sempre aquela que sexa reversible. Por iso apostaría polo control público da caixa, con recursos autonómicos e FROB, evitando a entrega a privados –nacionais ou foráneos– a prezo de saldo do capital, os activos, o patrimonio e o control da entidade.

Publicado n'O Xornal de Galicia - 12.03.2011

[*] Xavier Vence Deza (Rodeiro en 1961) é Catedrático de Economía Aplicada da Universidade de Santiago de Compostela, escritor, comentarista político, ... Foi director do Idega no período 1991-95. Profesor invitado en diferentes universidades estranxeiras, formou parte de diversos comités de expertos de organismos internacionais. É coordinador do grupo de investigación ICEDE e da área de Economía do Seminario de Estudos Galegos. Publicou máis dun centenar de artigos e libros en revistas profesionais de ámbito galego e internacional sobre economía da innovación e políticas tecnolóxicas, sistema galego de innovación, disparidades rexionais na UE, industria, servizos, mercado de traballo, sistemas produtivos e planificación estratéxica, desenvolvemento local ... .
________

martes, xaneiro 25, 2011

Unha folga para gañar o futuro - Un artigo de Xavier Vence

Por Xavier Vence Deza [*]
25.01.2011

Existe algo peor que a crise financeira. O peor é o derrotismo e a resignación. O peor é a sensación de derrota preventiva que os causantes da crise queren instalar no corpo social, para que os que nada real gañaron nos anos de exuberancia financeira acepten resignadamente o seu rol de perdedores eternos. Perdedores non só a curto prazo en forma de sacrificios salariais e impostos indirectos (IVE, tabaco, carburantes, enerxía) senón con “reformas estruturais” que os converten en perdedores por moito tempo (reducción das pensións, elevadísimos xuros de débeda a longo prazo, compromiso de pago de rendas e regalías por décadas aos inversores privados que participan na construcción de hospitais, camiños de ferro, autovías, etcétera). A reforma das pensións e a bancarización das caixas é a volta de torca dun expolio social a beneficio das finanzas, ansiosas por ampliar campos de negocio seguros e redíbeis. Quen o dubide non ten máis que ler o longo e claro informe de Inverco –a patronal das sociedades e fondos de investimento– para corroboralo.

O peor é que con todas as mal disimuladas entregas de dereitos e riqueza social dos últimos tempos estase a entregar tamén a alma da democracia. A obscenidade e a violencia coa que o poder con maiúsculas está impoñendo o seu dereito de pernada está a destruír as bases esenciais da democracia: a autoconfianza dos cidadáns sobre o seu propio poder e a confianza nos seus elixidos. A manumisión obscena dos grandes partidos pola vía do financiamento; a gran corrupción pola vía das “portas xiratorias” entre poder político-gobernos-finanzas; o control directo sobre os medios de creación de opinión e adoutrinamento, etcetera acaban traducíndose na destrucción das bases da democracia. A gran corrupción non é a suma de corruptelas de comisións ou pequenos contratos aqui e alí, a gran corrupción é o uso do BOE e DOG para cambiar leis, reglas, gravames, tarifas, privatizacións, grandes infraestruturas, etcétera a beneficio das grandes finanzas, eléctricas, telefónicas, grandes contratistas, grupos de comunicación...

Cando os cidadáns teñen a convicción de que os políticos están aí para atraizoalos ou chegan ao convencemento de que voten o que voten da igual porque as decisións importantes adóptanse fóra das institucións democráticas, nese momento a democracia perde calquera valor para eles e convértese en pura máscara, pantomima e “xogo da clase política”. Cando iso ocorre de xeito persistente moitos poden ter a tentación de abrir o paso a “gobernos técnicos” e ditaduras de facto. Ben Alí e Hosni Mubarack gañaron as “eleccións” por maioría absoluta, case polo 100%, ¡que máis dá! Claro está que nalgún momento acaba chegando o límite de soportabilidade pero entón a alternativa xa non entra pola vía das urnas senón polas revoltas ou as revolucións.

A submisión case en directo do PSOE ás demandas das altas finanzas está a alimentar a sensación de derrota social e tamén o descrédito da política e a democracia, como reflicten as enquisas do CIS. Pero a ese mesmo descrédito poden estar contribuíndo as cúpulas dos dous grandes sindicatos estatais cando aceptan converterse no seguinte elo da cadea de submisión. Acaban facéndose cómplices da regresiva reforma laboral e das pensións pero tamén da fiscal e do desmantelamento das caixas de aforros. Esa supeditación acaba deslexitimándoos e debilitando cada vez máis a súa capacidade de reacción como se viu no pouco ánimo e convicción que moveu a folga xeral de setembro.

Nese panorama a convocatoria de folga xeral da CIG para o día 27 de xaneiro debe ser saudada non só como unha merecida e necesaria resposta ao recorte das pensións que pretende impoñer o Goberno, a beneficio dos fondos de pensións, senón tamén como expresión da vitalidade e valentía democrática que segue existindo nun amplo segmento da nosa sociedade. O apoio explícito do BNG –e doutras organizacións minoritarias– revaloriza o pluralismo político e sindical que temos en Galiza e permite apreciar a importancia do nacionalismo, coas características concretas que ten no noso país, como baluarte da defensa dos intereses da maioría social e dos propios contidos substantivos dunha democracia digna de tal nome.

Outros artigos en xornal.com

[*] Xavier Vence Deza (Rodeiro en 1961) é Catedrático de Economía Aplicada da Universidade de Santiago de Compostela, escritor, comentarista político, ... Foi director do Idega no período 1991-95. Profesor invitado en diferentes universidades estranxeiras, formou parte de diversos comités de expertos de organismos internacionais. É coordinador do grupo de investigación ICEDE e da área de Economía do Seminario de Estudos Galegos. Publicou máis dun centenar de artigos e libros en revistas profesionais de ámbito galego e internacional sobre economía da innovación e políticas tecnolóxicas, sistema galego de innovación, disparidades rexionais na UE, industria, servizos, mercado de traballo, sistemas produtivos e planificación estratéxica, desenvolvemento local ... .
____________________________

mércores, novembro 03, 2010

Orzamentos da Xunta para 2011: "Feijóo, concesiones y contratas" - "A I+D nas contas de Feijóo"

Publicamos dous interesantes artigos do Catedrático de Economía Aplicada da UDSC, Xavier Vence. O investigador, escritor e analista político, Xavier Venze, aborda unha pequena análise dos orzamentos 2011 da Xunta de Galicia.

Feijóo, concesiones y contratas

Por Xavier Vence Deza [*]
24.10.2010

Os orzamentos da Xunta para 2011 consagran unha reducción da iniciativa pública dun 10,6%, ao redor de 1.120 millóns de euros menos –sen ter en conta a inflación. O retroceso é xeneralizado pero alcanza proporcións dramáticas nas consellerías que teñen que ver coa economía produtiva: cae un 34% en Economía e Industria; un 21% en Medio Rural; un 18% en Mar e un 33% Medio ambiente, territorio e infraestruturas. Educación, I+D+i e Sanidade experimentan recortes que están entre o 5-7%, que debido ao seu peso absoluto concentran grande parte da merma e, por outra parte, debido ao tipo de gasto que executan verán seriamente afectada a súa dotación de persoal e, polo tanto, na calidade dos servizos que prestan.

A Xunta e os seus múltiples valedores mediáticos dinnos que non cabe outra. Hai que reducir o déficit custe o que custe, aínda que este estea nun razoable 2,7% do PIB. Que hai reduccións de gasto que poderían realizarse sen que o benestar e o dinamismo económico se resentisen é algo que calquera estará disposto a admitir –sobre todo á vista de certas obras e gasto suntuario de dubidosa utilidade social– pero tamén haberá que admitir que as reduccións que se están a practicar en Galiza e no Estado español prodúcense nun contexto de alto paro e atonía da demanda que non aconsellan recortar gasto e, ademais, pola súa contía e tipo de servizos afectados van provocar un retroceso notable tanto no benestar coma na creación de recursos para impulsar actividades de futuro. Ninguén nos vai regalar a ciencia, os coñecementos e os equipamentos para participar nas actividades que xiran arredor do novo paradigma tecnolóxico que está a emerxer ao noso redor.

Nin a máis tépeda venda podería ocultar que o acento na reducción do gasto deriva da negativa dos financeiros e rendistas a falar dos impostos, é dicir, introducir ou simplemente recuperar impostos a aqueles grupos sociais que teñen capacidade de pago real e que nas últimas décadas conseguiron un réxime fiscal absolutamente privilexiado. Tan privilexiado como irresponsábel, por ter orientado a asignación de recursos cara as actividades máis lucrativas no curto prazo e con mellor trato fiscal: as financeiras e especulativas. Por iso é unha irresponsabilidade meter a tesoira en capítulos de gasto sen antes falar en serio dos ingresos e sen antes demostrar que todos ese gastos son prescindíbeis e non van ter efectos irreparábeis de cara ao futuro.

Pero a irresponsabilidade agrávase cando, por non querer gravar máis ás fortunas e negocios financeiro-especulativos, se propón suplir a falta de recursos públicos abríndolle as portas á participación do capital privado (504 millóns de euros), que se asegura por esa vía obras, concesións e rendas durante trinta anos. É unha inmoralidade que os gardiáns do déficit e da débeda pública sexan os mesmos que propoñen un mecanismo que incrementa os custes para a facenda pública e crea unha bola de débeda que todos haberemos de ir pagando ao longo de tres décadas. É difícil entender porque o déficit orzamentario é pecado e a débeda extraorzamentaria é fetén. A razón é clara: é un ilusionismo monetario que crea un fabuloso e seguro negocio para o capital financeiro durante trinta anos. É unha das vías a través da que o capital financeiro está tentando unha fuga cara adiante, derivando cada vez máis claramente nun modelo de “capitalismo rendista” –á moda do Antigo Réxime–, onde os pagadores de renda seremos todos os contribuíntes presentes e futuros.

En definitiva, estes orzamentos traducen en cifras unha política que renuncia a usar as pancas do autogoberno para afrontar a crise e liderar con iniciativa e estratexia un futuro para o país. Parece que Feijóo tomou ao pé da letra aquela vella consigna do liberalismo “laissez faire, laissez passer”. Pero “passa” tanto que a súa (in)acción de goberno produce unha estraña sensación onde se mestura a falta de iniciativa e falta de interese, coma se se tratara dun goberno con autoconciencia de estar de sobra. Mesmo parece entender que o orzamento non está tanto para prestar servizos públicos como para dar negocio á empresa privada. Sobre todo se forma parte do conglomerado no que funden os intereses privados, o poder e a acción política, a patria dos sacrificados apóstolos do partenariado público-privado.

xabier.vence@usc.es

Publicado no Xornal de Galicia


A I+D nas contas de Feijóo

Por Xavier Vence Deza [*]
29.10.2010

Posiblemente a cidadanía non alcance aínda a percibir en toda a súa magnitude o alcance dos efectos que os orzamentos da Xunta para 2011 van ter nas súas vidas e na marcha da nosa economía. Diría máis, vendo o grao de descoñecemento evidenciado por Feijóo no debate parlamentar cabe dubidar que el mesmo sexa moi consciente das consecuencias do que está a presentar. Unhas reducións de máis de 1.120 millóns de euros concentradas nas consellerías máis importantes van ter efectos devastadores sobre servizos públicos esenciais como a sanidade e nalgunhas actividades estratéxicas como a educación ou a investigación, a innovación ou o apoio a sectores produtivos en xeral. Para maior preocupación cómpre advertir que, á vista dalgúns capítulos de ingresos ficticios que aparecen pintados nos orzamentos e que de seguro non se materializarán, cabe agardar reaxustes sobre a marcha que levarán a que a redución real acabe sendo bastante superior ao 10,8% agora anunciado.

Pola súa importancia estratéxica merece a pena pararse no relativo á investigación e a innovación. Nesta materia as reducións alcanzan o 20%, baixando desde uns 154 millóns de euros en 2010 a 112 millóns para o ano vindeiro. É unha queda que se acumula aos recortes xa introducidos no presente ano e á non execución dunha parte dos programas de recursos humanos. Acentúanse, pois, os recortes nos programas de bolsas e contratos para persoal investigador e consolídase a supresión das convocatorias de persoal de apoio, mantendo tan só as renovacións obrigadas por compromisos anteriores. Con toda razón empezan a manifestar o seu desacougo todas esas categorías de xoves investigadores que non só son “precarios” hoxe senón que o seu futuro inmediato está seriamente ameazado e, polo tanto, a súa carreira como investigadores ou como técnicos truncada. Terán difícil explicarlles a situación a todos eses mozos e mozas que tomaron a serio o discurso oficial de que o futuro está na economía baseada no coñecemento.

Nestes dous anos volveuse aceleradamente á situación anterior á chegada do bipartito. Na lexislatura 2005-2009, o esforzo público en I+D pasara de representar o 0,94% do orzamento autonómico a un 1,4% e incluíndo o apoio á innovación acadara o 1,6%. Non colmaba os obxectivos pero foi un salto notable. Agora volta a un 1,2%. Isto significa que cae en maior proporción que o orzamento total, evidenciando unha menor prioridade para o actual goberno.

Esta opción ralentizadora pode constituír unha ameaza para a consolidación dos avances realizados e aboca ao sistema galego de innovación a unha seria crise. Con todo, esta crise non se limita ao volume de recursos senón tamén á alteración das prioridades e á continuidade dos instrumentos utilizados, en particular os relativos a estruturación e coordinación dos elementos do sistema de innovación.

Para comezar, desmantelouse a estrutura de xestión do Plan de I+D+i, despedindo aos mellores profesionais que tiñan experiencia acumulada; para seguir, continuamos á espera do novo Plan de I+D+i que ha remprazar o actual, cuxa vixencia remata. Iso si sabemos que para a súa redacción foi contratada recentemente unha asistencia técnica a unha consultora sen experiencia que acaba subcontratando o labor a unha equipa catalá. Con eses vimbios e con ese coñecemento das capacidades do noso sistema de I+D só cabe encomendarse ao noso apóstolo milagreiro para que aforre tales irresponsabilidades, pagadas do noso peto.

Todo ese desleixo esta levando, por exemplo, a un baixísimo aproveitamento e participación no Fondo Tecnolóxico aprobado pola UE para as rexións españolas de converxencia (300 millóns) que ven xestionando o CDTI: desde o seu inicio até abril de 2010 apenas foron financiados 52 proxectos empresariais de I+D, cunha aportación de 35,5 millóns de euros por parte do Fondo.

En fin, parece que o goberno Feijóo non está especialmente inspirado na forma de abordar a crise actual; tampouco parece que os seus desvelos estean centrados en identificar os retos que nos plantexa e o tipo de políticas públicas estratéxicas acaídas para superalos.

Como amosa a experiencia pasada e a comparación con outros países, o futuro non está na degradación das condicións de vida e de traballo para que as empresas máis ineficientes recuperen unha competitividade efémera. As bases dunha economía realmente innovadora non se sentan racaneando recursos para a educación e a investigación, imprescindíbeis para poder contar con recursos altamente cualificados, dos que non estamos sobrados. O que algúns gobernantes parecen non entender é que tanto na ciencia como na innovación non se producen saltos dun ano para outro. Os cambios son evolutivos e acumulativos; máis aínda, para consolidalos requírese certa perseveranza nos obxectivos e continuidade nos instrumentos. Porén, nos dous últimos exercicios rompeuse unha senda de avance e os orzamentos para o ano que vén non permiten albiscar unha reconsideración desa liña senón máis ben a confirmación dunha brusca freada.

Como son optimista quero pensar que a maioría desta sociedade xa non se conforma coa política de Q+D (que máis da).


Outros artigos en xornal.com

[*] Xavier Vence Deza (Rodeiro en 1961) é Catedrático de Economía Aplicada da Universidade de Santiago de Compostela, escritor, comentarista político, ... Foi director do Idega no período 1991-95. Profesor invitado en diferentes universidades estranxeiras, formou parte de diversos comités de expertos de organismos internacionais. É coordinador do grupo de investigación ICEDE e da área de Economía do Seminario de Estudos Galegos. Publicou máis dun centenar de artigos e libros en revistas profesionais de ámbito galego e internacional sobre economía da innovación e políticas tecnolóxicas, sistema galego de innovación, disparidades rexionais na UE, industria, servizos, mercado de traballo, sistemas produtivos e planificación estratéxica, desenvolvemento local ... .
____________________________

luns, maio 10, 2010

Hai alternativa?


Por Xavier Vence Deza
09.05.2010

Quen dixera que estamos saíndo da crise? Vendo as bolsas mundiais en caída libre –non só a española senón de todas as demais– e vendo mesmo a ameaza de creba da débeda soberana dalgún país da zona euro, non cabe moita dúbida de que seguimos instalados nunha profunda crise. Non se trata dunha nova crise; trátase dunha nova ronda da que estourou hai xa tres anos, que segue desbocada. E iso é o máis serio e preocupante porque significa que todos os sacrificios endosados ao sector público e á poboación até agora non serviron para atallala. A algúns non nos pilla de sorpresa porque xa dixemos desde o primeiro momento que non se diagnosticara correctamente e, en consecuencia, non se adoptaron as medidas para corrixir a raíz do problema. Non era só un problema sectorial ou de malas prácticas no sector financeiro de xeito que un esforzo temporal do sector público puidese bastar para soster a actividade económica até que se corrixisen os desaxuste e todo volse ao rego dos negocios coma decote. Non, o problema era inicialmente de débeda e de débeda segue a ser neste momento. A única diferenza –non pequena– é que a burbulla de débeda inicial foi creada polo sector financeiro e estaba nos seus balances e agora, despois de todos os programas de rescate dos gobernos e, sobre todo, dos bancos centrais, a débeda está ao lombo do sector público e da sociedade no seu conxunto; pero segue a estar aí e mesmo agravada polos efectos da caída dos ingresos públicos provocados pola profunda recesión que deixou tras de si o estourido da burbulla.

Polo tanto, a débeda era e segue a ser o problema. Por iso a solución non era endosarlla ao sector público e deixar que o sistema financeiro unha vez saneado seguise funcionando do mesmo xeito; do único xeito que sabe cando funciona con total libertade que é movendo anotacións e especulando. Tampouco era solución baixar impostos como propugna a dereita porque, nun contexto de crise, só podía significar un aumento do déficit público e da débeda pública –e máis aínda despois de sufragar o rescate da débeda da banca. O certo é que ese despropósito foi feito polo goberno central, en consonancia co PP, cando suprimiu o imposto de patrimonio, reduciu o de transmisións e doazóns e o de sociedades en plena crise; ou cando se permite a alegría dos regalos fiscais dos 400 euros lineais. Pero a solución tampouco podía ser disparar o gasto público despreocupándose da queda radical dos ingresos e recorrendo con alegría ao endebedamento público como se iso non tivera límites. Esta última posición defendida polos neokeynesianos americanos –como Krugman e outros– só ten consistencia para o caso deles, para os Estados Unidos. Efectivamente, o seu poder político e financeiro e o monopolio de fabricar dólares, dálles a capacidade para acabar endosando ao resto do mundo grande parte da súa débeda e, por iso, poden tomala como un problema dixeríbel; pero ese é o seu privilexio, que ningún outro país do mundo temos. Polo tanto, non é ser ortodoxo, senón simplemente realista asumir, que nin España nin ningún outro país europeo pode lanzarse a grandes programas de gasto sen pensar ao mesmo tempo de onde saca os recursos. Agora ben, iso non significa que non poida aumentar o gasto senón que ten que poñer en marcha os mecanismos que lle permitan recadar máis. E aquí é onde está o nó da cuestión neste momento.

Así pois, é posible aumentar o gasto e reducir a débeda? Si, aumentando os impostos. A quen? Non poden aumentarse impostos que afonden a recesión, polo tanto non é o momento de gravar máis o consumo. O aumento do IVE resultará contraproducente desde o punto de vista da demanda e regresivo sobre a redistribución da renda.

Cales poderían ser os impostos que non gravasen o consumo? Témolo dito moitas veces: a) Imposto do Patrimonio e Grandes Fortunas, que non sexa meramente simbólico, senón que permita devolver á sociedade parte das vizosas fortunas acumuladas durante as burbullas especulativas; b) Imposto extra sobre os beneficios de banca, que seguen a ser importantes; c) Suprimir o réxime especial que bonifica nun 99% os beneficios das Sicav e outras sociedades de investimento puramente financeiro; d) Imposto ás transaccións monetarias e financeiras internacionais de curto prazo (especulativas), a famosa taxa Tobin que moitos gobernos e o FMI están a considerar agora pero... parece que non lle resulta simpática aos fondos e á gran banca internacional; e) Elevación do Imposto sobre as rendas do capital e do aforro, sería razonable unha taxa semellante á das rendas do traballo, ou non? ; f) Tipo marxinal do 60% para os bonus e os salarios dos altos executivos superiores a 200.000 euros anuais; g) E para rematala non estaría mal que nuns mercados movidos pola fibra óptica e internet fosemos quen de controlar a evasión fiscal e eliminar os paraísos fiscais. Cal sería a magnitude de ingresos fiscais recadábeis por todas esas vías sen que a capacidade de compra do 99% da poboación se resentise? Outro día podemos facer os números, pero non se asuste se lle digo que poderiamos axustar bastante rápido as contas públicas. Xa sei que un pequeno grupo de economistas podería facer os cálculos pero nin todos os economistas xuntos poderían convencer a ese 1% de que merecería a pena un sacrificio para salvar o sistema. Non sei se os gregos, que xa inventaran o famoso cabalo de Troia, serán quen de asaltar a muralla, pero o certo é que as boas razóns non parecen abrandar as conciencias dese 1%. Certo tamén que as murallas de hoxe son moito máis sibilinas e insidiosas que as dos tempos de Homero porque están construídas cos tixolos invisíbeis que codifican a información e amoblan os cerebros.

Pero non todo vai ser aumentar os impostos, tamén se pode reducir o gasto público. Pois claro que si. Pero non podemos deixar envolvernos por palabras lindas como austeridade, que todos apreciamos e nos gustaría ver en todos os gobernos e institucións, aumentando a eficiencia e mellorando a calidade dos servizos. Gustaríanos que a austeridade comezase por erradicar as comisións nos contratos coas empresas amigas, eliminar o despilfarro que representan as marxes e beneficios das empresas concesionarias de servizos públicos privatizados, erradicar as rendas de monopolio derivadas das concesións graciosas para a explotación das grandes infraestuturas –con prórrogas de automáticas do período de vixencia mesmo unha vez amortecidas... O que non podemos aceptar é que as verbas se revirichen até o punto que a austeridade se traduza por reducción dos comedores escolares, das axudas aos dependentes, do persoal nos centros de saúde, do número de profesores ou do número de investigadores. En definitiva, non podemos admitir a fraude intelectual e moral de que alguén circule a idea de que detrás da austeridade está a eficiencia cando realmente está o recorte dos servizos públicos.

Pero, se non existise a muralla da comunicación, si poderiamos suxerir capítulos de que axudarían a reducir o gasto público de xeito notable, ao tempo que podían contribuír a outras nobles causas. Non é demagóxico recordar neste momento que o gasto militar español absorbe o 1,8% do PIB e preto do 5% do gasto público total, que o noso acompañamento á guerra imperial en Afganistán absorbe –o recoñecido– uns 500 millóns de euros por ano. Tampouco son baladí os 170 millóns de euros que van vía IRPF á Igrexa Católica que xuntoa coas demais axudas, bonificacións e subvencións se valoran nuns 5.000 millóns de euros. Por suposto, as Administracións Públicas poderían aforrar moitísimo en publicidade e axudas para aloumiñar a prensa. E diante da imperiosa necesidade de aforrar, cabe preguntarse por que malgastamos os 99.000 millóns de euros habilitados para un FROB que ten esencialmente a vontade política de forzar a remuda e bancarización do sistema de caixas e non o deixamos reducido ao mínimo necesario para afrontar aquelas situacións que realmente precisen de rescate. Tamén é certo que podemos aproveitar para facer unha racionalización dunha administración central e periférica do estado que resulta hoxe disfuncional e redundante co estado das autonomías.

En fin, claro que se pode falar de reducción do gasto público pero o que non é admisible nunha sociedade que se di plural e democrática é que os únicos argumentos que están sobre a mesa do medios de adoutrinamento sexan os da dereita. Que calidade de democracia padecemos que opaca e invisibiliza as propostas alternativas de forzas que representan a unha porción moi significativa da sociedade? Que mesmo o goberno central, dito socialdemócrata, non sexa quen de facer un catálogo de medidas fronte á crise que se saian do guión neoliberal tanto polo lado do gasto coma do ingreso resulta descorazonador. E igualmente o feito de non ser quen de verbalizar algunha medida para meter en cintura o sistema financeiro, que non sexa esborrallar xustamente a parte máis social deste.

Non creo que sexa alarmismo afirmar que estamos nun deses momentos en que ou o sistema democrático se vigoriza para ter a flexibilidade suficiente e incorporar novas propostas –aínda que sexan algo heterodoxas– ou corre o risco de enrocarse na defensa numantina dun modelo que representa os intereses dunha pequena minoría económico-financeira pero que é inviábel, como os feitos teimudos nos fan ver máis unha vez. Ou a sociedade democrática regula e domestica o sistema financeiro e os chamados mercados ou o caos –primeiro financeiro e logo social– apoderarase destas sociedades que se crían moi maduras e sólidas. Pero para iso cómpre dar voz e escoitar as alternativas de verdade, porque non é que non as haxa. Hainas e, desde logo, a alternativa ás políticas neoliberais non é máis neoliberalismo senón outra cousa.

xabier.vence@usc.es

Publicado en Xornal de Galicia

Outros artigos en xornal.com

[*] Xavier Vence Deza (Rodeiro en 1961) é Catedrático de Economía Aplicada da Universidade de Santiago de Compostela, escritor, comentarista político, ... Foi director do Idega no período 1991-95. Profesor invitado en diferentes universidades estranxeiras, formou parte de diversos comités de expertos de organismos internacionais. É coordinador do grupo de investigación ICEDE e da área de Economía do Seminario de Estudos Galegos. Publicou máis dun centenar de artigos e libros en revistas profesionais de ámbito galego e internacional sobre economía da innovación e políticas tecnolóxicas, sistema galego de innovación, disparidades rexionais na UE, industria, servizos, mercado de traballo, sistemas produtivos e planificación estratéxica, desenvolvemento local ... .
____________________________