martes, novembro 05, 2019

Xornada de Usos Multifuncionais do Monte, 16 Novembro - No local da xunta veciñal de Doniños (Fontá) - Organizada pola Asociación de Comuneiros do Chá


O sábado 16 de Novembro no local da xunta veciñal de Doniños (Fontá) terá lugar unha Xornada de Convivio en torno ós Usos Multifuncionais do Monte, organizada pola Asociación de Comuneiros do Chá.

Contaremos coa participación pola mañá de membros de dous montes veciñais en man común que nos contarán as súas experiencias con cabalo galego de monte, vacas cachenas, aproveitamento de resinas en plantacións forestais de pinus pinaster, apicultura, cabras, porco celta, aproveitamento de cogumelos, castañas e todo o traballo de dinamización social que están a levar a cabo nas súas parroquias.

CMVMC de Carballo (Friol)
CMVMC de Esteiro (Muros)

Haberá ocasión de debater e facer preguntas acerca de cuestións organizativas, de integración comunitaria, técnicas, administrativas e burocráticas, de rendabilidade, etc.

A organización convidará ás persoas asistentes a un xantar popular con carne de gando de monte á brasa.

Pola tarde contaremos coa Asociación Galega de Froita Autóctona (AGFA) cos que poderemos aprender acerca de variedades de froita autóctona (mazás, peras, cerdeiras, froita de óso) e castiñeiros, comercialización, plantación, pragas, etc.

Remataremos con magosto e foilada.

PROGRAMA
11:00 a 13:30hs - MESA REDONDA
EXPERIENCIAS MULTIFUNCIONAIS NO MONTE
Interveñen: CMVCM Carballo de Friol e CMVMC Esteiro de Muros.

13:30 a 16:00hs - XANTAR COMUNITARIO
A organización convidará ás persoas asistentes a carne á brasa.

16:30 a 17:30hs - CHARLA-COLOQUIO
Intervén: AGFA (Asociación Galega de Froiteiras Autóctonas).

18:00hs - MAGOSTO - FOLIADA

LOCAL DA XUNTA VECIÑAL DE DONIÑOS (FONTÁ).
ORGANIZA: ASOCIACIÓN DE COMUNEIROS DO CHÁ.


Enviado por:
fernando Martínez
-feryanezmarcelin@gmail.com-
4 de novembro de 2019 17:27

_________________

sábado, novembro 02, 2019

Resposta da avogada do Comité Cidadán, Patricia Gabeiras, á vaga de calumnias e mentiras que emanan de Reganosa


Resposta da avogada do Comité Cidadán, Patricia Gabeiras,  á vaga de calumnias e mentiras que emanan de Reganosa

Artigo de opinión da Avogada Patricia Gabeiras Vázquez, Asesora Xurídica deste Comité Cidadán de Emerxencia, que a autora enviou á Voz de Galicia para exercer ou seu dereito de rectificación ante outro artigo publicado naquel medio polo Ex Alcalde de Ferrol, Sr. Couce. Desde 'La Voz de Galicia' se lle pediu que eliminase as referencias ao Grupo Tojeiro e que ou limitase a 2.700 caracteres.

Reproducímolo integro a continuación e ou compartimos na súa totalidade

Comunicado da Avogada do Comité Cidadán de Emerxencia para a Ría de Ferrol Patricia Gabeiras

REGANOSA, ENAGAS E O COMITÉ CIDADÁN DE EMERXENCIA PARA A RÍA DE FERROL

O Comité Cidadán para a Defensa da Ría de Ferrol leva denunciando a ilegalidade de REGANOSA desde fai aproximadamente vinte anos.

O traballo desenvolvido durante estas dúas décadas levouse a cabo baixo a dirección letrada de quen escribe estas liñas desde unha posición de absoluta independencia de calquera tipo de interese político e empresarial.

O Comité de Emerxencia para a Ría de Ferrol está formado por asociacións veciñais e ecoloxistas e por diversos profesionais que, de xeito totalmente desinteresado, contribúen cos seus coñecementos técnicos ao desenvolvemento dos centos de informes e escritos que presentamos durante todos estes anos.

Moitos están sorprendidos pola constancia, convencemento e contundencia que caracterizou o noso traballo e por iso pretenden ensucialo facendo insinuacións sobre si traballamos para certos intereses empresariais.

A algunhas persoas cústalles crer, desde as súas acomodadas posicións políticas que outros loiten, de xeito gratuíto e coa constancia que nós o fixemos durante vinte anos, co único fin de que os dereitos civís da veciñanza de Ferrolterra non se vexan esmagados por escuras tramas político empresariais.

E cústalles crelo porque quizá, eles si, están hipotecados por intereses non definidos, ou porque, no mellor dos casos, quizá non entenden que a cidadanía veña a substituírlles, ante a súa inactividade e connivencia, no control da legalidade.

Cústalles crelo porque esqueceron que a súa obriga consistía en protexer o interese xeral e non o interese económico duns poucos. E cústalles crelo porque non entenden que outros actúen de xeito diferente a eles.

Recoñecer a dignidade do adversario e a necidade da actuación propia nunca foi un exercicio que aos españois nos resultou fácil.

Estas persoas están alzando a súa voz en favor de REGANOSA invocando uns indefinidos intereses para a comarca e esgrimindo o orgullo patrio como cortina de fume da ilegalidade que representa REGANOSA.

Esas mesmas voces son as que están intentando ensuciar o noso traballo, levantando dúbidas sobre a nosa motivación, utilizando para iso medias verdades (como que o meu cuñado, q.e.p.d, foi Presidente de Enagas) ou auténticas calumnias como que non resulta críbel que eu traballe sen cobrar un só euro durante estes anos. Falsidades e medias verdades que lles convén esgrimir para construír o seu insensato relato conspirador.

Con todo, recordaremos as devanditas veces que ENAGAS, a partir de 2002, emitiu todos os informes favorábeis a REGANOSA e que de feito REGANOSA existe grazas a estes informes positivos que se emitiron desde ENAGAS. Non é casualidade que para entón xa estivesen sentadas Doña Isabel Tocino e Doña Ana Pastor no seu Consello de Administración.

Deste xeito ENAGAS non só non foi unha empresa amiga do Comité senón que, moi ao contrario, foi unha colaboradora necesaria para soster a gran mentira que foi REGANOSA desde un inicio.

Tampouco parecen recordar que o Grupo Tojeiro -que segundo informou a prensa fai anos aparecía nos papeis de financiamento ilegal do PP galego- se puido embolsar sobre uns 30 millóns de euros polas plusvalías dos terreos que cedeu a REGANOSA, e que a obtención destas plusvalías eran a única razón pola que ao Grupo Tojeiro interesáballe a planta de gas. Porque ao Grupo Tojeiro non lle interesaba unha planta de gas en Galicia, non. O único que perseguía era a súa localización en Punta Promontoiro para enriquecerse personalmente "pesase a quen pesase" (como dixo por entón o Conselleiro Cuiña).

Que, efectivamente, esa operación inmobiliaria fíxose malia que a instalación non contaba con Declaración de Impacto Ambiental e sen valorar os riscos que encerraba para os centos de casas, veciños e colexios que rodean perigosamente a instalación.

Tamén parecen esquecer, que para que puidesen entrar os buques gaseros, houbo que dragar a ría, que era, e é, un Lugar de Interese Comunitario pola riqueza dos seus fondos mariños, e que na actualidade hai dous responsábeis da Xunta imputados por esconder informes negativos por estes dragados ilegais.

Que na actualidade o Grupo Tojeiro sen gastar nin un só euro posúe o 51% de REGANOSA, que só no ano 2018 obtiveron 15 millóns de euros de beneficios e que a instalación durante os seus dez anos de inactividade custou aos españois 700 millóns de euros que se levaron os seus accionistas.

E que é por todo iso que REGANOSA foi declarada ilegal en cinco ocasións polo Tribunal Supremo.

Tan pouco coñecemento e memoria teñen estas voces que agora se alzan en defensa de REGANOSA?.

Onde estaban esas voces, que aparecen agora indignadas, cando houbo que esixir o cumprimento da legalidade e, no seu caso, a localizcación da instalación no Porto Exterior da Ría de Ferrol?.

Por que non apoiaron no seu momento á cidadanía e aos miles de veciños afectados pola instalación, como agora fano a favor duns difusos intereses para Galicia?

Non señores, non, por máis que lles sorprenda a algúns o que nos guía a todos os que integramos o Comité Cidadán de Emerxencia para a Ría de Ferrol, e á miña en particular, non é unha virulencia desmedida, como así a cualificaron, nin uns intereses espurios como pretenden insinuar.

Moi ao contrario, o que nos mantivo vivos e activos durante estes 20 anos é o convencemento de que asistimos a unha operación ilegal, despótica e corrupta á que hai que poñer fin canto antes si  nos queremos seguir chamando cidadáns e pretendemos seguir vivindo dignamente.

Así que, si agora, e quizá de xeito conxuntural, os intereses de REGANOSA e ENAGAS non coinciden e entraron en colisión, non traten de mesturarnos nesa sucia guerra. Que se abriu no seo da familia do gas ante o temor de ambas compañías de perder os seus privilexios e as súas retribucións inxustificadas pola inminente reforma que a CNMC anunciou debe sufrir o sector, debido a súa ineficiente resultado.

E pedimos que non se aproveiten de nós, e non nos mesturen en semellantes cuitas. A nosa persistencia non se debe ao apoio de empresa algunha, senón á forza que dá o saber que estabamos facendo o correcto e que a nosa loita era a única e verdadeiro xeito de facer política en beneficio do cidadán.

Ao longo deste proceso, sempre puidemos contar con Yolanda Díaz, quen desde as súas diferentes responsabilidades pelexou para que a realidade de REGANOSA saíse á luz. Mágoa que agora sexa ela mesma obxecto de ataques daqueles que se chaman a si mesmo galegos de ben e xente de esquerdas.

Os socios da planta de gas de Reganosa, principalmente a Xunta de Galicia, debe responsabilizarse da situación creada e paralizar o funcionamento desta instalación ilegal, dando ao mesmo tempo, unha solución laboral, ao persoal dos traballadores e traballadoras que a manteñen funcionando.

Mellor faría o Comité de empresa de REGANOSA en revisar os obxectivos do seu ataque pois dirixir os seus ataques contra aqueles que defendemos o restablecemento da legalidade e dos dereitos civís da cidadanía non lles fai ningún ben.

REGANOSA foi unha estafa para todos. Para a veciñanza de Mugardos, para todos os galegos e para todos os seus traballadores a quen se lles deu unhas expectativas de futuro imposíbeis de cumprir.

Madrid, a 28 de Outubro, de 2019

Asdo. Patricia Gabeiras Vázquez

---
Comité Cidadán de Emerxencia
para a Ría de Ferrol
comitecidadan@gmail.com
www.comitecidadan.org
@ComitCEmerxenc

Enviado por:
Comite Cidadan de Emerxencia
-comitecidadan@gmail.com-
29 de outubro de 2019 19:32
__________

martes, outubro 29, 2019

Tes dereito a... ser desafiuzada - ... cómpre organizar a loita polo dereito a unha vivenda digna ...


Nos barrios, nas periferias resoan as verbas do alcalde de Vigo: “La oficina antidesahucios es mi mesa. Llamo yo al banco y los paro”. Declaracións que son insulto para moitas de nós, as que sufrimos a violencia cotiá de vivir sen termos cubertas as necesidades básicas. Para a nosa desgraza os cartos que escasean para políticas sociais guíndanse en babecadas ao gusto dos grandes capitais e as súas amizades.

Iniciamos un novo curso na ODS-Coia con varias compañeiras sufrindo graves problemas de vivenda. Malia que son moitas as privadas do dereito a un teito, tan só unhas poucas son quen de racharen cos estigmas, os cales responsabilizan aos individuos das consecuencias de problemas estruturais, e son quen de compartir o sufrimento derivado do medo a ficar sen vivenda. Nos últimos días demos conta nas redes do inminente desafiuzamento dunha familia de Coia por falta de pagamento. Unha parellas con dúas fillas pequenas malviven coa RISGA como único ingreso. Acumularon meses de impagamento e a inicios do verán o propietario, tras varios avisos, presentaba denuncia no xulgado que iniciaba o proceso de desafiuzamento. Con agosto polo medio e cunha suspensión da vista, ao final o xuízo celebrouse o pasado mércores 16 de outubro. Agora, mentres aceleran a procura de vivenda, agardan pola sentenza firme que fixará a data de lanzamento, seica será nos primeiros días de novembro.

A situación que padecen estas compañeiras fala con claridade das desastrosas políticas en materia de vivenda que teñen Xunta de Galiza e Concello de Vigo e como estas afectan ás empobrecidas. Como di Albert Salesa crise de acceso á vivenda das cidades europeas non se arranxa con máis axudas nin con máis servizos sociais”. Unha afirmación que non escusa para que mentres non acadamos mudanzas estruturais as respostas dadas polos servizos sociais non sexan efectivas.

Esta familia sabedora de que eles no mercado non ían atopar respostas á súa necesidade de vivenda, deron todos os pasos fixados polas administracións competentes (Xunta de Galiza e Concello de Vigo) para tratar de conseguir un teito. Explicamos a continuación as axudas en materia de vivenda que solicitaron, así como os resultados das mesmas:

1) Inscribíronse no rexistro de demandantes de vivenda protexida da Xunta de Galiza.

Resultado: ningún. A Xunta hai anos que non inaugura vivendas de promoción pública en Vigo, a última gran convocatoria foi hai dez anos coa adxudicación dos 384 pisos no “edificio branco” de Navia. Nos vindeiros meses anunciaron que van entregar 26 pisos nun edificio na rúa Canicouva e 36 noutra construción na rúa Ignacio Grobas.

2) Solicitude e incorporación no programa RECONDUCE da Xunta de Galiza [1]

Resultado: malia acudir en numerosas ocasións as dependencias que o programa ten en Vigo o despexo é inminente á espera da sentenza firme que fixe a data. Desde o programa poden solicitar que o xulgado aprace o despexo por seren unha familia vulnerable (situación acreditada co informe social dos servizos sociais municipais), mais dinlles que a solución e que continúen coa procura de vivenda.

3) Solicitude e concesión do Bono de Alugueiro Social da Xunta de Galiza [2]. Trátase dunha subvención de 225€/mes para o pagamento do alugueiro. Renóvase todos os anos até un máximo de tres, a vivenda que atopen non pode superar os 450€/mes no caso de Vigo.

Resultado: téñeno concedido, mais a Xunta non llo aboará até que consigan unha vivenda.

4) Comunicar o inminente despexo aos servizos sociais do Concello de Vigo.

Resultado: dado que son perceptores de RISGA desde hai anos, a súa situación é coñecida polos servizos sociais municipais, que visitan con regularidade en cumprimento do proxecto de inserción desta “esmola social”. Son informados que o departamento pode concederlles axuda económica para un mes ou dous de alugueiro no caso de que atopen vivenda a través das Axudas de Emerxencia Municipais (o goberno as renomeou hai uns anos como “Programa Contra Desafiuzamentos e de Emerxencia Social) [3] .

5) Solicitar en abril as “Axudas extraordinarias a familias para gastos de aloxamento, subministros e alimentación – 2019” [4] do Concello de Vigo.

Resultado: tras agardar máis de cinco meses pola resolución do coñecido como “cheque social” concédenlle 252,38 € para gastos de vivenda e alimentación. No mes de outubro e iniciado o despexo o concello ingrésalle ao propietario da vivenda na que residen 200 € en concepto de axuda de vivenda do “cheque”.

A morea de solicitudes, de axudas concedidas durante este proceso non foi quen de evitar o desafiuzamento, e sobre todo, ningunha destas medidas aseméllase a garantir o dereito a unha vivenda digna. O mercado controla o parque de vivenda, os grandes capitais precisan aínda máis rendemento o que se traduce no crecemento do prezo dos alugueiros nos últimos anos. Suba que ven da man do endurecemento das esixencias para os futuros inquilinos (avais e seguros), da redución dos dereitos das inquilinas ou da expulsión de veciñas dos seus barrios e cidades.

Fronte a isto as administracións actúan favorecendo aos grandes capitais con regulamentos urbanísticos que desprotexen a veciñanza, mentres tratan de disimular con faragullas sociais as consecuencias das súas medidas. En Vigo, tanto Xunta como goberno municipal tratan de eludir as súas responsabilidades en materia de vivenda, as dúas administración ofrecen medidas propagandísticas que ademais de violentar ás afectadas coa súa burocracia só serven para manter privilexios e negocios dunha minoría.

Sen dúbida nesta disputa o capital rabúñanos cada día máis dereitos, por iso cómpre organizar a loita polo dereito a unha vivenda digna para todas. Temos dereito a unha vivenda, ou nola dan ou a collemos!

Outubro 2019

ODS-Coia

- -
Notas.-
[1] https://politicasocial.xunta.gal/gl/recursos/plans-e-programas/programa-...

[2] http://igvs.xunta.gal/web/actuamos/841

[3] https://sede.vigo.org/expedientes/tramites/tramite.jsp?id_tramite=379&la...

[4] https://sede.vigo.org/expedientes/avisos/aviso.jsp?id=3593&lang=gal

--

OFICINA DEREITOS SOCIAIS - COIA (ODS-Coia). | odscoia.arkipelagos.net | odscoia@riseup.net |@odscoia | tel: 696 618 732 - 679 758 663. | Estamos os luns de 10h00 a 12h00 en Coia, nos locais da parroquia do Cristo da Vitoria (rúa Baiona 9, Vigo)

Enviado por:
Oficina Dereitos Sociais - Coia
-dereitossociais@gmail.com-
23 de outubro de 2019 09:45

____



Stop-Desafiuzamentos da Rede de Apoio Mutuo de Ferroterra
forosocialdeferrolterra@gmail.com
http://stop-desafiuzamentos-ferrolterra.blogspot.com.es/
@StopDesafiuzamentosDeFerrolTerra

_______________

A luita obreira nom é delito! - Hoje terça-feira 29 de outubro, às 20hs, manifestaçom em solidariedade com Anxo Pintos - A Fundaçom Artábria somamo-nos à convocatória do sindicalismo ...


Fundaçom Artábria com Pintos. A luita obreira nom é delito!


Da Fundaçom Artábria somamo-nos à convocatória do sindicalismo nacional e de classe e de outros sindicatos que decorrerá amanhá, terça-feira 29 de outubro, na nossa cidade. A mobilizaçom, que partirá às 20.00hs do prédio Administrativo da Junta da Galiza, forma parte da campanha solidária com o que foi o Responsável Comarcal da CIG-Ferrol Xesús Anxo López Pintos que será julgado os próximos 13, 14 e 15 de novembro nos Julgados Provinciais da Corunha acussado de atentado à autoridade.

Os factos polos que a fiscalia pide 2 anos de prisom para Pintos remontam-se a outubro de 2012 quando umha mobilizaçom de operários de Navantia e Poligal concentravam-se diante do Hotel Almirante, onde decorria o início da campanha eleitoral do Partido Popular para as Eleiçons ao Parlamento Galego. A polícia espanhola cargava contra os e as manifestantes levando detido ao na altura dirigente da CIG e deixando vári@s ferid@s.

Todas recordamos a imagem dum Pintos com a cabeça aberta pola brutalidade policial e a posterior denuncia de torturas na Esquadra Policial.

Da nossa entidade apelamos a participar à classe trabalhadora ferrolana, com destaque para a nossa base social, a participar nesta mobilizaçom contra a repressom e a brutalidade policial.

Se tocam a umha, tocam-nos a todas!
A luita obreira nom é delito!

--
Travessa de Batalhons nº7   Esteiro
15403 Ferrol - GALIZA
Telefone:  +34 981 35 29 86
www.artabria.net

Segue-nos em twitter @fartabria e em facebook!

A Fundaçom Artábria é um projecto popular em defesa da língua e cultura nacional, os valores solidários e os direitos históricos da Galiza. Entidade de carácter sociocultural sem ánimo de lucro que está declarada de Interesse Galego e classificada de interesse cultural, com o nº 54 no registo de fundaçons da Xunta de Galicia.

Enviado por:
Fundaçom Artábria
-artabria@artabria.net-
28 de outubro de 2019 18:16

___________

venres, outubro 25, 2019

Comezan a aflorar as tramas de corrupción que permitiron e permiten a existencia de Reganosa


Comezan a aflorar as tramas de corrupción que permitiron e permiten a existencia de Reganosa

Estes días celébrase en Compostela o xuízo contra altos funcionarios da Xunta de Galicia que no ano 2011, ocultaron un informe da propia administración, que dicía que o dragado da Ría de Ferrol  era “ambientalmente incompatible coa conservación dos hábitats e especies protexidas".

A denuncia interposta pola asociación ecoloxista ADEGA, di que o informe técnico do Servizo de Conservación da Natureza que desaconsellaba a dragaxe nunha zona protexida da Ría de Ferrol foi "reiteradamente ocultado pola Xunta".

A Fiscalía de Medio Ambiente denunciou o sucedido, iniciando unha investigación na que acusa a Carlos Muñoz, daquela xefe de Servizo de Conservación da Natureza da Coruña, e Rogelio Fernández Díaz, ex-subdirector xeral de Espazos Naturais e Biodiversidade, de falsificar documentos “co único obxectivo de xustificar ante a Fiscalía a non incorporación á Declaración de Impacto Ambiental do informe que debería ter emitido a Dirección Xeral da Natureza” e así poder levar a cabo a dragaxe.

Reganosa acumula un rosario de ilegalidades, corruptelas e tramas, mil veces denunciadas por este Comité. Todo coa colaboración necesaria dunha parte de políticos, institucións e prensa. Irregularidades e ilegalidades que mereceron cinco sentenzas do Tribunal Supremo.

Estes días, despois da 5ª sentenza do Tribunal Supremo; diante do xuízo, onde se xulga un presunto delito de ocultación e falsificación de documentación, onde se inclúe presións a funcionarios por parte de altos cargos da Xunta de Galicia; despois de térense presentado case 300 alegación de grupos políticos, asociacións e particulares, en contra da concesión de novos permisos, oímos voces da clase política e empresarial, apoiando a continuidade da Planta na Ría de Ferrol, e se verten na prensa calumnias contra este Comité.

Reganosa conseguiu até agora burlar a xustiza, porque para esta instalación as sentenzas non están para cumprirse. O tempo vai demostrando, tras máis de 20 anos de loita e denuncia, que Reganosa, ademais de ilegal e perigosa, é o maior caso de corrupción político-económica da historia recente do noso país, que comezou co pelotazo urbanístico do Grupo Tojeiro, embolsándose perto de 30 millóns de euros coa recalificación e venda dos terreos.

Reganosa é tamén o exceso que pagamos na factura da luz e o gas (700 millóns de euros que levamos pagado pola súa baixa actividade). Agora que o sistema gasista, sinala a Reganosa como innecesaria, o Supremo como ilegal, e un sector da poboación coas súas organizacións ao frente a sinalan como perigosa, é o momento de paralizala e esixir responsabilidades a quen permitiu esta barbaridade.

Ferrol a 25 de outubro de 2019

Comité Cidadán de Emerxencia para a Ría de Ferrol
comitecidadan@gmail.com
www.comitecidadan.org
@ComitCEmerxenc

Enviado por:
Comite Cidadan de Emerxencia
-comitecidadan@gmail.com-
25 de outubro de 2019 13:43
_________________

mércores, outubro 23, 2019

Presentación do libro 'La isla de Abraham', de Jaime Einstein, no Ateneo Ferrolán, mércores 23 de outubro


[Ateneo Ferrolán]
Presentación libro "La isla de Abraham".
Mércores 23 ás 19,30 h.

Presentación do libro "La isla de Abraham" de Jaime Einstein. O libro trata da guerra de Cuba para obter a independencia de España. Comeza coas políticas contra os xudeus en 1881 por Alejandro III, empuxando a unha emigración masiva. Está moi ben documentado, e todos os políticos, militares, poetas, escritores, guerrilleiros... son reais. A presentación a cargo da súa viúva Pilar Díez (León).

Entrada libre.

--

Un lugar de encontro para a cultura dende 1879 na cidade.

e-mail: secretaria@ateneoferrolan.org | Telf.: +34 981 357 970 - 644.720.055
Dirección Postal: Rúa Magdalena 202-204. CP.15402 | Ferrol (Galiza)

Síguenos:
TWITTER: @ateneoferrolan
BLOG: http://ateneo-ferrolan.blogspot.com/
FACEBOOK:
Faite soci@ on line! Colabora con nos!
http://ateneo-ferrolan.blogspot.com.es/2007/12/faite-soci.html

Para axudas e aportacións económicas:
CC en Cajamar Cooperativa. Titular Ateneo Ferrolán.
ES72-3058-6402-9527-2000-5350

Enviado por:
Ateneo Ferrolán Fundado en 1879
-ateneoferrolan@gmail.com-
22 de outubro de 2019 13:13

__________________

Teatro do Pichel apresenta 'À Mesa', em Ferrol, este 26 de outubro,na Fundaçom Artábria, Travessa de Batalhons nº7 de Esteiro


Teatro do Pichel apresenta "À Mesa" este sábado

[21 aniversário da Fundaçom Artábria]

Dentro das atividades do nosso 21 aniversário, sábado 26 de outubro às 22.00hs decorrerá no nosso Centro Social a nova montagem da companhia Teatro do Pichel intitulada À mesa!.

Trata-se dumha produçom sob a direcçom do dramaturgo Zé Paredes.

À mesa! será já a séptima produçom da companhia que nasce de um processo de experimentaçom feita em paralelo pelo Teatro do Pichel e o Grupo Opurtunista de Drama (GOD) Flavia Antonia. Este último está integrado pela dramaturga Clara Gayo e os dramaturgos Carlos Santiago e Zé Paredes.

A busca dumha escrita performativa na que nom fossem determinantes os condiocionalismos da personagem, história, circunstâncias e género conduziu a autora e autores deste texto experimentar na construçom da situaçom dramática sem argumento prévio. Só houve duas permisas: Uma mesa e dez pessoas. E quase que tudo pode passar ao redor, encol e debaixo dumha mesa, porque a mesa é umha protagonista das nossas vidas.
--
Travessa de Batalhons nº7   Esteiro
15403 Ferrol - GALIZA
Telefone:  +34 981 35 29 86
www.artabria.net

Segue-nos em twitter @fartabria e em facebook!

A Fundaçom Artábria é um projecto popular em defesa da língua e cultura nacional, os valores solidários e os direitos históricos da Galiza. Entidade de carácter sociocultural sem ánimo de lucro que está declarada de Interesse Galego e classificada de interesse cultural, com o nº 54 no registo de fundaçons da Xunta de Galicia.


Enviado por:
Fundaçom Artábria
-artabria@artabria.net-
21 de outubro de 2019 19:19

_____________

Sementeira de Galos, ... Por Iolanda Teixeiro Rei


Por Iolanda Teixeiro Rei [*]
23.10.2019


SEMENTEIRA DE GALOS

Camiñando as fragas de Outeiro de Rei hai poucos anos, na volta dunha corredoira atopei unha alfaia de cor azul e preta en feitío de mosaico, era unha pena de galo. Non vin ao propietario por moi de vagariño que andei entre os carvallos da Terra Cha. Mais a emoción de atopar ao sementador de fragas aledoume aquel serán. Lembrei as cantigas tradicionais que falan a miúdo da pega rebordá, ben máis fermosa que as pegas que eu coñecía. Di Ramón Sineiro que estas aves son descoñecidas para moita xente. Parece que frecuentan a veira dos ríos, aniñando nas árvores onde poñen de tres a seis ovos azuis. E aínda que é o córvido máis ruidoso cada día é máis difícil de atopar malia non ser especie protexida.

Ás veces penso que certos animais deberan recibir subvencións públicas polo seu servizo beneficioso para as comunidades humanas. Os vagalumes, poño por caso, son vermes de luz que iluminaban as noites cando os bosques eran abondosos e as pistas de betume escuro non esnaquizavan o rural galego. De aquela, podías camiñar baixo as estrelas sen chaleque reflectante. Co monocultivo de eucalipto as vellas facendo as papas de Prior finaron nos xeriátricos concertados onde os vagalumes esmorecen sabéndose reemprazados por eses horrendos catadióptricos que alumean as estradas sen ningún propósito de amor.

Tamén os galos son merecentes de subvencións pois son os creadores das sementeiras de galos e así, mentres tantos galegos danse a inzar os montes, vales e incluso serras  -co nitens- de materia inflamabel en feitío de árvore por unha esmola que destrúe á vindeira xeración, os gaios son quen de estender carvalleiras e soutos, bosque autóctono, fermoso e húmido, simplemente agochando na terra as landras e castañas. Ai, cando aprenderemos do galo previsor!.

Propoño unha homenaxe a estas aves que anque nos rouben os figos e froitas das nosas fincas, engalanan o ar coas súas engaiolantes cores e traballan cos ecoloxistas no freo da mundanza climática, certos de que o día en que celulosas Ence remate coas derradeiras fragas, incluso coa de Catasós, nin nos altos cumios máis altos ca Fonsagrada, serán quen de sobrevivir, esfameados e moucos, pola nova gadaña de lume que hoxe agatuña xa pola serra de Meira, cobizosa de secar as fontes dos cen mil ríos que nacen todos, non na diagonal dunha bandeira, senón no pedregal de Irimia, perante o abraio dos turistas e o deleixo da Consellería de Medio Ambiente.


[*] Iolanda Teixeiro Rei, Activista ecoloxista e decrecentista. Unha das organizadoras do primeiro Congreso Galego de Decrecemento que tivo lugar en Ferrol, no mes de outubro deste ano 2018. Articulista e licenciada en Pedagoxía Social pola USC. Profesora de Tai Chi e Chi Kung en Ferrol. No facebook e no twitter. Artigos no Diario de Ferrol e Sermos Galiza.

Enviado por:
Iolanda Teijeiro
-iolandateixeiro@gmail.com-
22 de outubro de 2019 15:46
_________________

martes, outubro 22, 2019

Contacontos para crianças com Lidia Pena na sexta-feira 25 de outubro


Contacontos para crianças com Lidia Pena na Sexta-Feira


[21 aniversário da Fundaçom Artábria]

Lidia Pena Contacontos traz sexta-feira 25 de outubro às 19.00hs o seu espetáculo "As Cores" à Fundaçom Artábria, um conta-contos atelier encaminhado para crianças de 3 a 9 anos.

A entrada é de graça fazendo a reserva previamente no 671 200 160 (Lara) ou no correio-e: correiodeartabria@gmail.com 

--
Travessa de Batalhons nº7   Esteiro
15403 Ferrol - GALIZA
Telefone:  +34 981 35 29 86
www.artabria.net

Segue-nos em twitter @fartabria e em facebook!

A Fundaçom Artábria é um projecto popular em defesa da língua e cultura nacional, os valores solidários e os direitos históricos da Galiza. Entidade de carácter sociocultural sem ánimo de lucro que está declarada de Interesse Galego e classificada de interesse cultural, com o nº 54 no registo de fundaçons da Xunta de Galicia.

Enviado por:
Fundaçom Artábria
-artabria@artabria.net-
21 de outubro de 2019 19:32

________________

venres, outubro 11, 2019

CCOO Industria de Ferrol fai balance do conflito das auxiliares de mantemento de Navantia


BALANCE FIN DO CONFLITO UTE TECMAN-ELECTRORAYMA

Dende CCOO Industria de Ferrol valoramos moi positivamente a resolución deste conflito, pois a liña vermella sempre foi a mesma. A READMISIÓN dos compañeiros despedidos sen razóns máis que as de estratéxicamente eliminar o dereito de SUBROGACIÓN do plantel de traballadores de mantemento da UTE Tecman-Rayma. Por ese motivo CCOO como firmantes do Convenio do Metal de A Coruña que contén avances tan importantes como os Acordos de Navantia ou este dereito o de SUBROGACIÓN non permitimos nin permitiremos que xamáis o poña en risco ningún empresario.

Este conflito é unha mostra máis da necesidade de que se abra canto antes a Mesa da Industria Auxiliar, na que se regulen as condicións dos traballadores das empresas auxiliares, e mesmo un réxime de penalizacións e resolucións de contrato en casos como este e en casos de incumplimentos de Convenio do Metal e do Plus de Acordos en Navantia Ría de Ferrol.

Destacamos determinante para que este conflito se rematase a unidade de acción sindical, a que CCOO sempre está disposta sen demagoxia e con obxetivos claros, polo ben de tódol@s traballadores/as afectados/as. Así como tamén o foi a unión e o seguimento da folga por tódol@s traballadores/as, un exemplo de compañerismo que enorgullece para seguir na loita diaria.

A presión que lle trasladamos aos empresarios no día de onte foi primordial, cando sabían que se impediría o acceso ao asteleiro de Ferrol aos traballadores das empresas Tecman e ElectroRayma, o cal suporía un duro pao para os beneficios de estos empresarios.

A colaboración e apoio total do Comité de Navantia en todo momento, tanto na intermediación coa Dirección de Navantia, coma na búsqueda de saídas e apoio en accións, ademáis de no seguimento e atención a paralización das grúas nos casos que correspondía.

Así mesmo agradecemos a comprensión e o bo tono de tódol@s compañeir@s que se viron afectados por calquera das accións que se diron para chegar a este punto, a READMISIÓN destes 9 compañeiros. Dende todos os que entraron un chisquiño tarde o pasado xoves, así como os compañeir@s das empresas matriz (Tecman e ElectroRayma) que xa teñen bastante con sufrir a estes empresarios e lles trasladaron en moitas ocasións presión que non lles correspondía, para enfrontalos.

UNHA MOSTRA DE FORZA DA CLASE OBREIRA, DE LOITA POLA SUBROGACIÓN, DE LOITA POLOS DEREITOS CONQUERIDOS

En Ferrol a 11 de outubro de 2019.

Enviado por:
ROBERTO VILLASUSO VAZQUEZ
-rvillasuso@industria.ccoo.es-
11 de outubro de 2019 15:32

_________

venres, outubro 04, 2019

Dezanove asociacións e colectivos presentan alegacións contra as novas autorizacións solicitadas por Reganosa


Dezanove asociacións e colectivos presentan alegacións contra as novas autorizacións solicitadas por Reganosa


A maiores das 240 alegacións presentadas a título individual diante da Área de Industria e Enerxía da Delegación do Goberno en Galicia, son 19 as asociacións, colectivos e grupos políticos que se personalizaron como alegantes, solicitando o feche da planta e a non concesión de novas licencias e autorizacións, incluíndo alegacións á aprobación da avaliación de impacto ambiental, presentada pola empresa. Estes colectivos son:

A.VV O Cruceiro de Mehá, A.VV Cuco Ruiz de Cortazar (Caranza), A.VV Nuestra Señora do Socorro (Ferrol Vello), A.VV. O Rosario (Inferniño), Confraría de Pecadores e Mariscadores de Ferrol, A.C. Fuco Buxán, A.C. Muiño do Vento, Fundaçom Artábria, Coletivo Sociocultural A Revolta de Trasancos, Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA), Asociación Ecoloxista Verdegaia, Asociación Ambiental Petón do Lobo (Corcoesto) ; Federación Ecoloxista Galega, Podemos Ferrol, Executiva PSdeG-PSOE Ferrol, Grupo Municipal do BNG Concello de Ferrol, EU Ferrol, Grupo En Marea, Ferrol en Común

O Tribunal Supremo ten declarado a ilegalidade da planta en cinco sentenzas, aínda así, a planta regasificadora de Mugardos, está funcionando sen ter nin unha soa autorización en vigor para facelo.

1ª Sentenza de maio de 2012, Anulando a modificación do Plan Xeral de Ordenación Urbana que servira de base para a concesión das autorizacións, recurso de casación 4512/2008.

2ª Sentenza 695/2016 do 28 de marzo de 2016 anulando a Autorización Administrativa Previa concedida pola Dirección de Política Enerxética o 2 de xuño de 2002.

3ª Sentenza do 25 de abril de 2016, 889/2016 anulando o Proxecto de Execución outorgado pola Dirección de Política Enerxética e Minas no 2004.

4ª Sentenza do 26 de xuño de 2016, 1966/2016 do Supremo anulando o Plan de Emerxencia Exterior.

5ª Sentenza firme do 17 de xullo de 2019, que declara contraria a dereito a exención do trámite de avaliación de impacto ambiental aprobada polo Consello de Ministros do 27 de maio de 2016.

Agora Reganosa acude novamente á administración para intentar nun tempo récord o que non conseguiu nestes 20 anos, tapar a ilegalidade que supón ter esta instalación dentro da Ría de Ferrol. Reganosa nunca poderá cumprir os requisitos que se lle requiren a unha instalación destas características, instalada ao carón dun complexo petroquímico; á beira dunha poboación separada a escasos 100 metros das instalacións; perto dun arsenal militar, na contorna dunha ria poboada por máis de 100.000 persoas, e dentro dunha ria con características de navegabilidade limitadas. Só a ambición dos grupos promotores, principalmente o Grupo Tojeiro, e a complicidade e corrupción dos políticos que os avalaron, fixeron posible a construción e posta en marcha desta instalación.

Reganosa pretende ocultar toda esta realidade e solicita novos permisos, mesmo con defectos de vulto nos documentos que presenta para elo. Tamén pretende ocultar o efecto que no ecosistema da ria está a ter a tecnoloxía que usa de tratamento da auga con hipocloritos, que devolve á ria a moi baixa temperatura. Pretende tamén ocultar o dragado que realizou nunha zona de alto valor ecolóxico; os cambios nas normativas de navegabilidade para favorecer a entrada de gaseiros con GNL; o incumprimento desas mesmas normas, e moitas outras irregularidades e ilegalidades que van recollidas neses documentos de alegacións presentados ante a Área de Industria e Enerxía da Delegación do Goberno en Galicia.

Desde o Comité Cidadá de Emerxencia, queremos chamar a atención sobre o que supón ao longo destes anos manter unhas instalacións contra toda legalidade. Esta mesma semana, ante a entrada dun novo gaseiro, presentabamos unha nova denuncia ante o Fiscal Delegado Autonómico da Área de Medio Ambiente e Urbanismo. Se engadimos que un dos socios maioritarios é a propia Xunta de Galicia, estamos definindo as características do que pode ser o máximo expoñente de corrupción política das últimas décadas.

Unhas instalacións que seguimos argumentando, son innecesarias (só funciona ao 20% da súa capacidade, podiamos abastecernos polo gasoduto de Tui), perigosas (un accidente na planta ou nun gaseiro tería consecuencias impredecibles, aumentadas polo efecto dominó do complexo petroquímico e arsenal militar) e moi custosas (máis de 61 millóns de euros anuais que cobra do sistema gasístico só pola capacidade de almacenamento).

Cumpre recordar que as plantas regasificadoras como Reganosa, están catalogadas como aceleradoras do cambio climático. A produción de GLN expulsa á atmósfera cantidades importantes de gas metano, un dos máis activos no efecto invernadoiro. E o impacto sobre o ecosistema da ria está demostrado, pola cualificación que ten de “biocida”, o sistema utilizado para a súa refrixeración.

Fai escasos dias mantivemos, a petición súa, unha reunión co Comité de Empresa de Reganosa, donde os traballadores amosaronos a súa preocupación. O Comité Cidadán explicoulles as razóns de porque a planta ten que saír da Ría e conminamos aos socios maioritarios desta empresa, principalmente á Xunta de Galicia, que se responsabilice da situación creada, e paralice o funcionamento desta instalación ilegal, dando ao mesmo tempo, unha solución laboral, á plantilla dos traballadores e traballadoras que a manteñen funcionando.

Ferrol, 4 de outubro de 2019

Comité Cidadán de Emerxencia para a Ría de Ferrol
comitecidadan@gmail.com
www.comitecidadan.org
@ComitCEmerxenc

Información baseada na enviada por:
Comite Cidadan de Emerxencia
-comitecidadan gmail.com-
4 de outubro de 2019 14:36
___________________

Convocada unha nova acción de protesta, ante a entrada na Ría dun novo buque gaseiro, o 'LNG Bayelsa' que ten previsto descargar en Reganosa este fin de semana - Concentración, o venres 4 de outubro, ás 7 da tarde, na Praza Amada Garcia, diante do edificio administrativo da Xunta de Galicia en Ferrol


Ante a entrada na Ría dun novo buque gaseiro, o "LNG Bayelsa" para descargar en Reganosa, está convocada unha nova acción de protesta en Ferrol, na Praza Amada Garcia (Diante do Edificio Administrativo das Xunta de Galicia).

CONCENTRACIÓN SONORA EN FERROL,
VENRES 4 DE OUTUBRO, ÁS 7 DA TARDE
(Novo horario outono-inverno)
NA PRAZA AMADA GARCIA
(DIANTE DO EDIFICIO DA XUNTA)

O "LNG Bayelsa", é un buque gaseiro de bandeira de conveniencia das Marshall Islands, de máis de 16 anos de antigüedade (2003), de 288 metros de eslora, 49 de manga e 11,4 de calado, ten previsto descargar en Reganosa o vindeiro domingo 7 de outubro, miles de toneladas de gas natural licuado, sendo ás 6:30 a súa hora de arribada. Este buque fai o número 258 que entra na Ría de Ferrol cargado con GNL. Mentres se produza a descarga no pantalán de Punta Promontoiro (Mugardos), perante 24 horas, aumentará de xeito exponencial, o xa de por si perigo que ten a Planta de Gas, instalada no corazón da nosa Ría. Un potencial perigo, para todas as persoas que moramos na sua contorna.

Concentración diante do edificio da Xunta en Ferrol

O Comité Cidadán convoca a participar na acción de protesta, deste venres 4 de outubro, que quere poñer, unha vez máis, ao descuberto a corrupción política e económica que subxace en todo este despropósito, despois de cinco sentenzas do Tribunal Supremo en contra da Planta de Gas, e está última ditada hai case tres meses onde tumba a resolución do anterior Goberno Español de Mariano Rajoy, dun partido corrupto até o espiñazo, que eximiu a Reganosa de ter que someter-se a avaliación ambiental, intentando chulear deste xeito as sentenzas condenatorias que declaran ilegal, á perigosa planta regasificadora.

Última sentenza (E van cinco)

A sentenza núm. 1075/2019 do Tribunal Supremo, de 16 de xullo de 2019, anulou o Acordo do Consello de Ministros de 27 de maio de 2016 polo que se declaraban excluídos do trámite de avaliación de impacto ambiental aos proxectos da planta de recepción, almacenamento e regasificación de gas natural licuado en Mugardos [Sentenza].

Esta nova sentenza da que se deu conta en rolda de prensa por parte do Comité, declara ilegal a citada resolución gobernamental de exención da avaliación ambiental da planta regasificadora de Mugardos.
Denuncia á Fiscalía da area de medio ambiente e urbanismo

Ante a entrada deste novo buque gaseiro o Comité Cidadán de Emerxencia, denunciou ante a fiscalía esta situación, pois a planta mugardesa está funcionando cunha autorización anulada por sentenza firme, sen avaliación ambiental e cun plano de emerxencias exterior tamén anulado.

Autorización administrativa previa, de aprobación do proxecto de execución e estudo de impacto ambiental da planta de regasificación e entidades e persoas, na súa maioría da Comarca, recorreron contra tal pretensión

O Comité Cidadán de Emerxencia para a Ría de Ferrol, perante estes últimos días fixo un chamamento á poboación en xeral e en especial á veciñanza da contorna da Ría e as entidades veciñais, sociais, sindicais e políticas, para que participen na campaña de alegacións contra o novo intento da ilegal e perigosa Reganosa, de conseguir novas autorizacións despois de fracasar no seu intento fraudulento de legalizar pola vía de feitos consumados a súa instalación no corazón da nosa Ría. Destes recursos dará conta nunha rolda de prensa que se celebrará, tamén este venres, mais pola mañá ás 11.30hs, no Ateneo Ferrolán.

O COMITÉ CIDADÁN DE EMERXENCIA PARA A RÍA DE FERROL, TAMÉN NECESITA NESTES MOMENTOS AXUDA ECONÓMICA, PARA CONTINUAR COS PROCESOS XUDICIAIS E ADMINISTRATIVOS ABERTOS: COLABORA.

Comité Cidadán de Emerxencia para a Ría de Ferrol
comitecidadan@gmail.com
www.comitecidadan.org
@ComitCEmerxenc

Información baseada na enviada por:
Comite Cidadan de Emerxencia
-comitecidadan gmail.com-
1 de outubro de 2019 19:32
_______________

sábado, setembro 28, 2019

O Grupo Diversidade Funcional de Ferrol e Comarcas, organiza para o vindeiro mércores 2 de outubro, ás seis da tarde unha interesante charla sobre VIH impartida por Óscar Doce


Dentro dos Obradoiros 2019, a asociación "Grupo Diversidade Funcional Ferrol e Comarcas", organiza para o vindeiro mércores 2 de outubro, ás seis da tarde unha interesante charla sobre VIH impartida, desde a esperiencia persoal, por Oscar Doce. Un acto aberto a todo o público en xeral que se celebrara no barrio ferrolán de Esteiro, nos locais da asociación, na Rúa Colón, esq. Mendizábal, B/4, P/5, baixos 38-39.


ASOCIACIÓN GRUPO DIVERSIDADE FUNCIONAL FERROL E COMARCAS
Rúa Colón, esq. Mendizábal, B/4, P/5, baixos 38-39, 15403 Ferrol
Teléfono/Fax: 981930544
diversidadefuncionalferrol@hotmail.com

Enviado por:
Asoc. Grupo Diversidade Funcionaln Ferrol e Comarcas
-diversidadefuncionalferrol@hotmail.com-
27 de setembro de 2019 13:22

_______________________

Concentración en Ferrol, na defensa das pensións públicas presentes e futuras - Este sábado 28 de setembro ás 12 do mediodía no Cantón de Ferrol


Convocatoria de mobilización en defensa das pensións públicas

O sábado 28 de setembro, sábado, as 12 do mediodía, no Cantón de Ferrol, está convocada unha concentración en defensa do sistema público de pensións.

Mantense o lema da defensa das pensións goberne quen goberne e, esta concentración, forma parte das mobilizacións preparatorias da marcha a Madrid que terá lugar o 16 de outubro.

Como dicimos, a convocatoria é en defensa do sistema público de pensións, a blindaxe constitucional do mesmo, a garantía da súa revalorización, o establecemento dunha pensión mínima, coincidente co salario mínimo interprofesional e que debe establecerse en 1.080 euros, o combate da brecha de xénero no sistema de pensións, a derrogación das reformas do sistema establecidas polos gobernos de Zapatero e de Rajoy e o recoñecemento das nosas entidades como interlocutores sociais para o establecemento desas políticas de defensa do sistema público de pensións fronte as dinámicas desenvoltas no seno do Pacto de Toledo.

Para contactar coa Plataforma:

Correo-e:
plataf.pensionspublicas.ferrol@gmail.com

Conta no Facebook:
https://www.facebook.com/DefensaPensionsFerrolterra/


Enviado por:
Plataforma Pensións Públicas Ferrol
-plataf.pensionspublicas.ferrol@gmail.com-
26 de setembro de 2019 20:15

__________________

mércores, setembro 25, 2019

O Alcalde de Ferrol Angel Mato, retira o punto de aprobación das contas de Emafesa (2016, 2017 e 2018) da orde do día do Pleno do vindeiro xoves 26 de setembro e responde afirmativamente á proposta do PP de abrir comisións para abordar asuntos 'transcendentais' para o Concello, propoñendo en primeiro lugar unha mesa de diálogo de todos os grupos municipais para tratar o asunto Emafesa - A Plataforma ten solicitado poder intervir no Pleno


O Alcalde de Ferrol Angel Mato, retira o punto referente á aprobación das contas de Emafesa (2016, 2017 e 2018) da orde do día do Pleno do vindeiro xoves 26 de setembro e responde afirmativamente, cun "rotundo Si" á proposta do PP de abrir comisións para abordar asuntos "transcendentais" para o Concello, propoñendo en primeiro lugar unha mesa de diálogo de todos os grupos municipais para tratar o asunto Emafesa.

Angel Mato, non incluíu as contas de Emafesa, na orde do día do Pleno Ordinario do vindeiro xoves, 26 de setembro, como así afirmara que ía facer, en declaracións públicas, logo da Comisión de Economía e Facenda (Especial de Contas), celebrada o pasado 10 deste mesmo mes. Comisión onde aprobaron as contas, cos votos a favor de FeC e o propio PSOE, o voto desfavorábel do BNG, e reserva de voto, para o Pleno, do PP.

Polo visto, despois desta Rolda de Prensa de hoxe (24 de setembro), parece ser que non tiña os votos suficientes para aproba-las. Mesmo o asunto de Emafesa, converte-se nun tema de importancia capital para o Concello.

O Alcalde utiliza a mesma terminoloxía que a Plataforma, ao falar de Mesa de Diálogo. Mais o Alcalde refire-se a unha mesa co resto dos grupos municipais, non coa Plataforma e as asociacións veciñais, como así requirimos.

O pasado mércores 18 de setembro, o mesmo día que fixemos a rolda de prensa solicitabamos unha nova xuntanza co Alcalde nos seguintes termos:

A PLATAFORMA

SOLICITA
,

Unha xuntanza co Alcalde Ferrol, para tratar entre outros asuntos:

1º A preocupación que nos causa a postura do grupo de goberno ante o proceso xudicial resultante do recurso de apelación, no Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), contra a Sentenza 62/2018 de data 25 de maio de 2018, ditada no procedemento PO 105/2016, no recurso contencioso-administrativo, interposto pola parte privada de Emafesa (Socamex SAU).

2º A solicitude dunha mesa de diálogo que aborde o problema dos 7,1 millón de euros que se está cobrando á veciñanza por un período onde non se daba a depuración.

3º A situación na que está a proposta de que Acuaes se fixera cargo do sistema de saneamento e depuración, mentres non se constituíra un ente supramunicipal, realizada polo alcalde de Ferrol e a Alcaldesa de Narón no verán do pasado ano 2018.

4º E outros asuntos formulados na xuntanza que mantivemos no 8 de agosto con membros do goberno municipal e que están sen resposta.

A Plataforma ten solicitado desde o luns 23 de setembro, poder intervir no Pleno Ordinario que está previsto que se celebre, como mencionamos, o vindeiro xoves 26 de setembro, ás 7 da tarde, Pleno ao que convidamos a asistir á veciñanza interesada e en especial ás veciñas e veciños que forman parte das directivas das asociacións veciñais.

PLATAFORMA NA DEFENSA
DOS SERVIZOS PÚBLICOS,
POLA REMUNICIPALIZACIÓN
Abonda de saqueo! Hai outras alternativas!
Pódese, débese e precísase!
Correo-e: remunicipalizacion.plataforma@gmail.com
Web: https://plataformaferrol.blogspot.com.es/
Facebook: @RemunicipalizarFerrol   |  Twitter: @municipalizarFT

___________

luns, setembro 23, 2019

Participación e premios na Carreira da Muller 2019 na cidade d'A Coruña da Asociación Oncohematolóxica POR+VIDA de Fene





Participación e premios na Carreira da Muller 2019 na cidade d'A Coruña da Asociación Oncohematolóxica POR+VIDA de Fene


A nosa asociación ven de participar hoxe pola mañá, 22 setembro, na cidade herculina na 7º edición da Carreira da Muller sendo tamén a nosa sétima participación.

Contamos coa colaboración do concello de Fene, como ven sendo dende os últimos seis anos con dous autobuses para o desprazamento para a carreira.

O percorrido  de 6,5 km saíu ao carón do estadio de Riazor ata pasar a Torre de Hércules e regresar ao sitio de comezo da carreira. Foi seguido dun festival de aerobic para deixar os trofeos ao final desta xornada.

Dicir que a nosa asociación, veterana en participación e nos premios tamén, non veu de balde pois recolle o primeiro premio á participante máis veterana (modalidade por riba dos 72 anos) Josefa Freire de 83 anos, veciña de Valdoviño que curiosamente xa gañara no ano 2013 na 1ª edición da carreira en A Coruña. E o segundo trofeo foi como segunda asociación con máis mulleres participantes.

--
por + vida
Asociación oncohematolóxica
Tlf. 650 812 030
pormaisvida2011@gmail.com
pormaisvida2011.blogspot.com

Enviado por:
Asociación Oncohematolóxica POR+VIDA
-pormaisvida2011@gmail.com-
22 de setembro de 2019 18:42

______________