venres, setembro 07, 2012

A construción do novo Hospital de Vigo está paralizada pola incapacidade da empresa concesionaria para financiar o proxecto - Nota da Asociación Galega para a Defensa da Sanidade Pública - Manifestación o 3 de outubro en Vigo contra a privatización e retraso na construción do novo Hospital de Vigo

NOTA DE PRENSA DA ASOCIACIÓN GALEGA PARA A DEFENSA DA SANIDADE PÚBLICA 6/9/2012
A CONSTRUCIÓN DO NOVO HOSPITAL DE VIGO ESTÁ PARALIZADA POLA INCAPACIDADE DA EMPRESA CONCESIONARIA PARA FINANCIAR O PROXECTO
·         Esta paralización é a consecuencia da privatización do Hospital, ao recorrer a un contrato de Concesión de Obra Pública tipo Iniciativa de Financiamento Privado (PFI).
·         O Presidente da Xunta e a Conselleira de Sanidade enganaron á cidadanía de Vigo e comarca ao afirmar que o proxecto non ten problemas de financiamento.
·         Tal e como recoñeceu ante o xulgado do Contencioso Administrativo, a empresa concesionaria carece de capacidade para financiar o proxecto.
·         A Concesionaria non conseguiu este diñeiro nin dos bancos que a integran, Bankia, CAM e outras caixas en quebra que están sendo rescatadas con diñeiro público.
·         Esta falta de fondos obriga á Concesionaria a recorrer ao crédito fóra de España, o que incrementará o custo dos intereses a pagar pola mesma.
·         Isto terá dúas importantes consecuencias: incrementará os custos do proxecto e a Concesionaria pretende para manter as súas expectativas de negocio trasladalos á Xunta renegociando á alza as condicións do contrato.
·         A Xunta solicitou un crédito de ata 180 millóns de euros ao Banco Europeo de Investimentos.
·         A recepción dos 180 millóns de euros está condicionada a que a Concesionaria poña outros 190 millóns. O atraso na concesión do crédito esta elevando o custo dos intereses a pagar pola Xunta.
·         Estes 180 millóns computarán como endebedamento para a Xunta (e o estado) o que bota por terra o principal argumento da Xunta para recorrer ao financiamento privado: Non era posible construír o hospital con diñeiro público porque este computaba como débeda o que ía en contra a da estabilidade orzamentaria.
·         Por todo iso o custo do proxecto do NHV vaise a multiplicar aínda máis do inicialmente previsto pola PFI que xa multiplica entre catro e sete veces o custo inicial pola vía de financiamento público a través da Sociedade Pública de Investimentos (SPI) como inicialmente estaba previsto polo anterior goberno da Xunta, anulado por Feijoo.
·         Iniciouse a obra sen Proxecto de Execución definitivo e estase procedendo a unha importante redución do proxecto orixinal.
·         Incumpríronse importantes apartados do contrato: Financiamento a risco e ventura da concesionaria, volume e calidade do edificio e dos servizos, control e seguimento do desenvolvemento e dos prazos da obra (auditorias), desaparición do informe de adxudicación pagado a Price Waterhouse Coopers etc., que entre todos supón un incumprimento flagrante do contrato e obrigan á administración a anular o contrato e a continuar co proxecto con financiamento e xestión pública, sen indemnización á concesionaria.
·         É obrigado rescatar a concesión e recuperar o modelo de financiamento e xestión pública para o Novo Hospital de Vigo.
A XUNTA MENTE:
Tal e como viñeron denunciando de forma reiterada a Plataforma SOS Sanidade Pública e a AGDSP, a construción do Novo Hospital de Vigo está paralizada por falta de financiamento.
En contra das afirmacións do Presidente da Xunta e da Conselleira de Sanidade de que o proxecto non ten problemas de financiamento, a empresa concesionaria do Hospital (unha UTE na que se inclúen como entidades financeiras Bankia e a CAM) é incapaz de obter nos mercados financeiros os créditos necesarios para continuar a obra que se iniciou co 20% do financiamento previsto, con recursos propios da concesionaria.
Non se trata dun problema de reaxuste da obra polo período vacacional, do incumprimento dun Convenio (por outra banda ilegal) co Concello de Vigo nin da interposición dun Recurso Contencioso Administrativo pola Plataforma SOS Sanidade Pública, como afirmaran diversas fontes da Xunta e da empresa.
A EMPRESA CONCESIONARIA É INCAPAZ DE FINANCIAR O PROXECTO
Iso é consecuencia da privatización do Hospital mediante o contrato de Concesión de Obra Pública tipo PFI que obriga a que sexa a empresa concesionaria a responsable de activar os créditos para o financiamento do proxecto. O contrato é a RISCO E VENTURA da empresa concesionaria.
O 9 de Febreiro de 2011, BOE *nº 34, publícase a resolución da adxudicación da concesión de obra pública para a redacción do proxecto, FINANCIAMENTO, CONSTRUCIÓN e explotación de servizos do Complexo Hospitalario de Vigo.
O 29 de Marzo de 2011 a Xunta solicita ao Banco Europeo de Investimentos un crédito de ata 180 millóns de euros para a construción e mantemento do Novo Hospital de Vigo. A empresa concesionaria deberá responsabilizarse de obter o resto do custo do proxecto, ata 375 millóns de Investimento Inicial Total.
Devandito crédito, segundo a páxina Web do BEI que se pode consultar, está APROBADO PERO NON ASINADO (cousa que o presidente ocultou enganando aos medios e cidadáns, en recentes declaracións).
Iso significa que se abriron as negociacións para a formalización, á espera de que a empresa obteña o resto do financiamento e se cúmpran as condicións contractuais esixidas polo BEI e a UE para acceder a este tipo de financiamento.
A empresa xa recoñeceu, por medio do seu avogado e en resposta ao contencioso administrativo que interpuxemos, que carece de acceso aos mercados financeiros para obter os créditos necesarios para financiar o proxecto e realizar a obra.
VULNERACIÓN DO CONTRATO E RESCATE DA CONCESIÓN
Como xa é coñecido, existía un proxecto previo, con consignación orzamentaria e financiamento e xestión pública a través da Sociedade Pública de Investimentos SPI, que supuña un aforro de custos de máis de 500 millóns de euros con respecto ao modelo de privatización elixido polo actual goberno da Xunta.
Por outra banda estase operando unha redución substancial do proxecto orixinal no que se refire ao Plan Funcional do Hospital (servizos, especialidades, camas etc.) e ás dimensións do edificio co obxectivo de manter o equilibrio económico-financeiro da concesión. Esta redución ocúltase á opinión pública.
Vulnéranse así, as condicións orixinais do contrato,
·  ao ser incapaz de financiarse a concesionaria,
·  ao ter que recorrer a Xunta ao financiamento público a través do BEI cun tipo de interese inferior ao do financiamento privado,
·  ao non cumprirse xa os requisitos da UE para que o investimento non compute como débeda (unha das vantaxes esgrimidas pola Xunta para utilizar este tipo de contrato )
·  e ao reducir o proxecto orixinal.
Hoxe denunciamos unha vez máis esta situación, reclamamos que se proceda ao rescate da concesión e se inicie o procedemento para acometer un proxecto de financiamento e xestión pública. Todo iso será posto en coñecemento dos grupos parlamentarios, do Concello de Vigo, e grupos municipais dos concellos da área viguesa.
A continuidade do actual proxecto vai hipotecar o futuro sanitario da área de Vigo durante os próximos 20 anos, cun hospital incapaz de resolver os seus graves problemas asistenciais (Listas de Espera, déficits de alta tecnoloxía e especialización, masificación etc.) e adaptado pola contra á lóxica do mercado, ás necesidades de rendibilidade e beneficio dunha empresa privada.

Manuel Martín García
669704177

A Asociación Galega para a Defensa da Sanidade Pública forma parte da Federación de Asociacións para a Defensa da Sanidade Pública.




luns, setembro 03, 2012

As asembleas de Anova aproban a fronte ampla para "desaloxar" do poder o Goberno do Partido Popular - Xosé Manuel Beiras reiterou que a oferta de fronte se dirixe a Anova, BNG, Esquerda Unida e "aos partidos que compoñen Compromiso por Galicia"


As asembleas de Anova aproban a fronte ampla para "desaloxar" a Feijoo

A Coordinadora Nacional de Anova aprobou este domingo levar adiante a proposta de conformar unha fronte ampla, "aberta, sen cancelas ideolóxicas de ningún tipo" para "desaloxar" do poder o Goberno do Partido Popular. A decisión foi adoptada por unanimidade, despois de que as asembleas locais e comarcais da formación debatesen e apoiasen o proxecto de fronte. Xosé Manuel Beiras reiterou que a oferta de fronte se dirixe a Anova, BNG, Esquerda Unida e "aos partidos que compoñen Compromiso por Galicia", dende +G, Ecogaleguistas ou Acción Galega. Beiras engade que a fronte tentará abranguer "o espazo social, político e cívico que representa a maioría social agredida polo poder político no Estado español e en Galicia".
A fronte tentará abranguer "o espazo social, político e cívico que representa a maioría social agredida polo poder político no Estado español e en Galicia"
Beiras apelou á "xenerosidade" e concluíu que "se as posición son ríxidas e se se adoptan actitudes excluíntes, non se poderá chegar a un acordo, pero os cidadáns saberán quen tomou unha actitude e que tomou outra, quen lle dá prioridade a participar nunha alianza cívica contra o inimigo común e quen en cambio se preocupa só da súa curtiña". Beiras dixo confiar "na racionalidade" para que "as forzas que se din de esquerdas poñan os intereses do pobo por diante" e que "as forzas que se din galeguistas poñan o país en primeiro lugar".
Esta proposta de Anova supón, neste senso, unha negativa á oferta de Compromiso de acudir ás eleccións nunha coalición a dous "xenuinamente galega"
Nos últimos días Bloque e Compromiso xa responderon negativamente a esta proposta, mentres que en principio Esquerda Unida si estaría disposta a formar esta fronte (á espera de que o aproben os seus órganos de decisión). Esta proposta de Anova supón, neste senso, unha negativa á oferta de Compromiso de acudir ás eleccións nunha coalición a dous "xenuinamente galega". En relación ao Bloque, Beiras criticou que o BNG rexeitase a proposta sen debatela nos seus órganos de representación: "se o BNG reitera que non quere nin sequera falar, eles verán, pero tamén a cidadanía será consciente de que o BNG rexeitou formar parte dunha fronte común".

En calquera caso, a Coordinadora de Anova dirixirase oficialmente a estas formacións dende este domingo pola tarde para que respondan oficialmente á oferta. Sexa como for, o venres 7 remata o prazo para poder presentar coalicións ás eleccións do 21 de outubro, cunha marca electoral e un administrador. Aínda que Beiras se referiu por separado ás formacións que compoñen Compromiso por Galicia, a Coordinadora de Anova dirixirase formalmente á dirección de CxG en conxunto.


Esquerda Unida
"Estas non son unhas eleccións normais, nas que hai que votar un determinado programa de xestión, senón que vivimos un estado de emerxencia nacional"
Beiras salientou, en termos semellantes a como o fixo Yolanda Díaz nos últimos días, que "estas non son unhas eleccións normais, nas que hai que votar un determinado programa de xestión, senón que vivimos un estado de emerxencia nacional e de necesidade absoluta de exercer a lexítima defensa dos cidadáns para desaloxar a aqueles que utilizan as institucións para o contrario do que foron creadas". Beiras reiterou que a única condición que lle pon a Esquerda Unida é que a formación teña autonomía no ámbito galego para adoptar as súas decisións, e que recoñeza o dereito de autodeterminación dos pobos, "algo que non debería ser un problema pois ese principio está recoñecido nas bases políticas da coalición", dixo.

Esquerda Unida debe aprobar a coalición electoral no seu Consello Nacional (que se celebrará o martes) e nas súas asembleas comarcais (mércores ou xoves), pero os estatutos de EU especifican que canda á fórmula electoral, as asembleas deben aprobar o programa común de mínimos. Iso obriga a acelerar a toma de decisións esta semana ou a que Esquerda Unida recorra a unha "fórmula de urxencia" para deixar a aprobación do programa para as semanas seguintes

Unha fronte "para unha maioría social"

A fronte, afirma Beiras, ten o seu centro "na esquerda social", aínda que rexeita entrar en "cuestión nominalistas", e di que defenderá os dereitos e necesidades "dunha gran maioría social que é moi diversa en clases, grupos sociais e estatus". Beiras salientou que "do que se trata é de levar ás institución un programa que responda ás necesidades dos cidadáns: defensa dos servizos públicos, da sanidade, do ensino, dos dereitos laborais, do emprego ou do fomento do tecido produtivo e a pequena empresa". O líder nacionalista pediu que se actúe "con visión de Estado", respondendo a unha situación na que "Galicia está sendo agredida" e está vendo atacados "os seus dereitos nacionais e cívicos", e rexeitou que se empreguen "visión de partido". Beiras sinalou que Anova non é "o centro desta fronte", o que sería "unha soberbia", senón simplemente "os que tomamos a iniciativa de maneira máis aberta".

Nova relacionada:

Os Ecogaleguistas piden que Compromiso chegue a un acordo con Anova e EU

Fonte: Praza Pública

Todos os contidos textuais de Praza Pública están liberados coa licenza Creative Commons by-sa. Así pois, es libre de coller todos os textos da web, reproducilos parcial ou integramente, e distribuílos como queiras sempre que cites a súa autoría e empregues tamén a mesma licenza.

Nota.-
Recomendamos entrar no artigo orixinal en Praza Pública onde hai máis de 100 interesantes e clarificadores comentarios. Así como os auidos da rolda de prensa de Xosé Manuel Beiras Torrado, portavoz da Coordenadora Nacional de Anova Irmandade Nacionalista.
_____________________

Non ao “Apartheid sanitario” - "Flashmob" da Asemblea Sen Papeis, para denunciar a exclusión sanitaria do colectivo de persoas inmigrantes que non dispoñen de permiso de residencia, tivo lugar en Ferrol o pasado Venres 31 de Agosto


O  sábado, 1 de setembro do 2012 , entrou en vigor  as normas que exclúen á poboación inmigrante que non contan con permiso de residencia, da atención médica e sanitaria do sistema público de saúde. A Asamblea Sen Papeis de Ferrol, xunto a outras organizacións sociais,  Asociacións de inmigrantes e de defensa dos dereitos humanos,  esixen ao goberno de España, á derogación inmediata do RDL 16/ 2012  e 1192 / 2012 que supón un ataque frontal contra o dereito á saúde, tanto da poboación migrada como da autóctona.

Para denunciar esta ideolóxica reforma sanitaria, xa tristemente coñecida como “Apartheid sanitario”, a Asamblea Sen Papeis de Ferrol, convocou á toda cidadanía e entidades solidarizadas con esta denuncia,  á flasmob  que tivo lugar o pasado venres 31 de Agosto do 2012, ás 11 da maña, na Praza do Concello de Ferrol (diante do Pazo Municipal).

O acto consistiu na representación da Flashmob de denuncia do apartheid sanitario  e posterior lectura do Manifesto (que a continuación reproducimos) rexeitando os inxustos reais decretos e instando ao goberno de España a que recapacite e instaure a sanidade universal para todas as persoas.

Ningunha persoa é ilegal !!

Tod@s Somos Inmigrantes !!

MANIFESTO ASEMBLEA SEN PAPEIS
DESATENCIÓN SANITARIA.
Venres 31 de Agosto do 2012

Benqueridos amigos, benqueridas amigas:

O, 1 de setembro do 2012, pasará á historia coma o día no que o Goberno do Estado Español aplicará as normas que exclúen ás persoas inmigrantes, sen permiso de residencia, do Sistema Público de Saúde.

Os Reais Decretos 16/2012 e 1192/2012 supoñen un ataque frontal contra os dereitos fundamentais do colectivo, pero tamén, da poboación autóctona. Nestes decretos se instaura o repago farmacéutico, incluíndo ás persoas pensionistas, se exclúe do sistema público de saúde á poboación autóctona que non cumpre requisitos para seren aseguradas ou beneficiarias, se abonan prestacións, anteriormente gratuítas coma por exemplo o transporte hospitalario non urxente. En definitiva, se precariza un sistema sanitario, considerado dentro dos seis mellor valorados do mundo.

Nas últimas semanas fumos partícipes, a través dos medios de prensa, de decisións improvisadas tomadas polo goberno, de forma unilateral e con argumentos contraditorios. Se falou de crear un sistema sanitario paralelo, asistindo ás persoas inmigrantes en situación administrativa irregular dende as ONGs, posteriormente se falou dunha cuota anual, cuxo importe é superior ao da maioría dos seguros sanitarios privados, tamén se falou de cobrarlle aos países de orixe da poboación estranxeira, cando España só ten firmado tratados con 6 países e estes cubrirían unicamente á poboación que posúe a condición de asegurado/a. Estas propostas carecen de base legal para ser aplicadas e incrementan a incertidume.
O Goberno non tivo en conta o custo que a desatención sanitaria da poboación inmigrante en situación irregular, pode ter para a economía Estatal , xa que a atención en urxencias duplica e incluso triplica o custo da atención primaria. En términos de saúde pública, estas medidas poden diseminar enfermidades infecto-contaxiosas e infecto transmisibles, incrementando o número de casos, as hospitalizacións e as mortes por estas enfermidades.

É certo, que algunhas comunidades manifestaron que non aplicarán a normativa que deixa sen atención a poboación inmigrante, e que atenderán a este colectivo. Nembargantes descoñecemos se a cobertura sanitaria será parcial ou completa, ou incluso se realmente se aplicará. Estas regulacións aumentan as desigualdades territoriais, no ámbito da saúde, e pode favorecer o éxodo cara as comunidades onde si se presta atención e o colapso das áreas sanitarias onde se de cobertura ás persoas inmigrantes, sen permiso de residencia.

Non queremos deixar de mencionar aos profesionais sanitarios que manifestaron a súa intención de obxectar, nos congratulamos por esta reacción rexeitando medidas inxustas. Ninguén mellor que estes profesionais, coñece as consecuencias que implica a desatención sanitaria. Nembargantes temen as consecuencias que a súa obxección lles poda carrear a nivel laboral e legal. Nós, estaremos cos e cas profesionais comprometidos cas persoas.

Estamos convencidos e convencidas que estas medidas recortan o dereito á saúde, e vulnera dereitos fundamentais ao colectivo de persoas inmigrantes en situación irregular . Ademais estas normativas incumpren tratados internacionais, asinados polo Estado Español sobre atención sanitaria e dereitos humanos.

Por último, dende a Asemblea Sen Papeis, afirmamos que as citadas normas, non obedecen a criterios de aforro económico, nin a políticas de austeridade. Baixo este ambiguo paraugas, se esconde unha ideoloxía racista, xenófoba e discriminatoria , que xerará un alto custo económico , social, e máis enfermidade e morte.

Non as políticas inxustas. Sanidade Universal e gratuíta para todas e todos!

Asemblea Sen Papeis Ferrol


* * *

Colectivo "Asamblea Sen Papeis-Ferrol", está fomado por persoas nativas e inmigrantes, en situación administrativa irregular, ou non, e pretende ser un espazo de encontro reivindicativo que de resposta  ás políticas e comportamentos que atenten contra os dereitos humanos da poboación inmigrante, especialmente hacia aquela que se atope en situación administrativa irregular.

Pódese contactar coa asamblea Sen Papeis no correo: senpapeisferrol@gmail.com



--

     Asamblea Sen Papeis Ferrol


Contacto:

senpapeisferrol@gmail.com

Tamén no facebook.

A Asemblea Sen Papeis Ferrol, conforman a Comisión de Inmigración do Encontro Social de Ferrol Terra.

Fotos Susete'70.
________________

O Secretario Xeral da CIG chama a intensificar as mobilizacións - A CIG afirma que está en contacto con outras centrais sindicais para unha posíbel convocatoria dunha nova Folga Xeral para finais de Setembro - Combater os planos antiobreiros e antisociais do Partido Popular tamén co voto


O dereitista Partido Popular está gobernando en Madrid e na Xunta de Galicia, así como na maioría dos concellos da Galiza. Nos últimos días Alberto Nuñez Feijóo, presidente da Xunta anunciou a convocatoria electoral para as lexislativas galegas, para o 21 de Outubro deste 2012. Non podemos deixar as institucións nas mans destes dereitosos neoliberais que só pretenden empobrecer-nos aínda máis e lexislar contra a maioría social, para manter os seus privilexios. A Clase Obreira ten que dicir basta a tanto despropósito, basta a tanto roubo, basta a tanta inxustiza, basta de tanta corrupción, basta a tanto latrocinio contra o pobo. É hora de que as cousas cambien, non podemos permitir que a oligarquía aproveite a esta Estafa chamada Crise, para impoñer un modelo social ultraliberal, roubando salarios, dereitos e consquistas sociais. Menos dereitos, menos democracia, menos liberdade, isto é o que teñen previsto para o pobo traballador. Non o permitamos !! Loita tamén co teu voto.

O Secretario Xeral da CIG Suso Seixo responde ao xornal sindical 'Avantar' con afirmacións moi clarificadoras, chamando a intesificar as mobilizacións en toda a nación pasando á "mobilización social xeneralizada".


A CIG, ten previsto realizar unha Asemblea Nacional de cadros e representantes sindicais e unha posterior  manifestación, o Martes  11 de Setembro.

A central sindical está ademais en conversas coas outras organizacións sindicais, na perspectiva de convocar conxuntamente novas mobilizacións no decurso deste mes e mesmo de convocar unha folga xeral cara finais.

O secretario xeral da CIG afirma que logo destas concentracións do mes de agosto “hai que pasar xa a unha contestación moito máis xeneralizada e numerosa no que se refire a resposta social”. Entende que é imprescindíbel manifestar a oposición na rúa ás políticas que vén impondo o PP “polo que teñen de negativas, polo seu carácter antisocial e porque realmente non están pensadas como unha saída  á crise. A proba é que no están servindo para iso, estamos en situación de recesión económica e cunha previsión en canto a destrución de emprego, tanto deste ano como do que vén, importante”, di.

Por iso, afirma “hai que seguir a mobilizarse para denunciar estas políticas pero tamén para esixir outras alternativas, co convencemento de que se poden adoptar medidas que axuden a saír da crise favorecendo ademais os intereses da maioría social e non os da banca e os especuladores que é ao que obedecen as que se promoven desde a UE e das que fai seguidismo o goberno español”.

O futuro inmediato que nos agarda

Subliña que están pendentes de se aprobar os orzamentos para o ano 2013, que parece que serán presentados a finais do mes de setembro. “Aí váiselle dar concreción a toda esta política de axustes e poderemos comprobar o alcance dos recortes en investimento e o gasto público”.

Alerta das novas medidas que está a barallar o Partido Popular, nomeadamente dunha nova reforma das pensións que posibelmente se concrete na redución do período previsto para a aplicación da xubilación aos 67 anos. Tras da última reforma estabeleceuse o incremento progresivo dos 65 aos 67 até o ano 2028. A pretensión do PP é adiantar este calendario e comezar a aplicar a xubilación aos 67 de forma máis inmediata. “Tampouco non descartamos que poñan enriba da mesa outros aspectos. Podería vir acompañado da conxelación das pensións ou de aplicar outro dos temas latentes desde hai tempo: coller todo o período laboral para calcular a base reguladora. Eles saben que iso supón automaticamente unha redución na contía das pensións futuras”.

O secretario xeral da CIG lembra que respecto dos cambios que se fixeron nese sentido, ampliando o período de cálculo aos últimos 25 anos, a mesma UE recoñeceu que supuxo unha caída importante na contía das pensións no estado español. “Se collen toda a vida laboral aínda se vai acentuar máis iso. Non sería de estrañar que agora o PP o termine impondo aproveitando que ten maioría absoluta no parlamento español”.

Xunto a isto advirte de que a caída dos salarios que se está a producir na función pública se vai trasladar tamén ao sector privado. “A reforma laboral que se fixo, no que respecta a negociación colectiva, ten como obxectivo provocar unha caída nos salarios, que eu calculo que será da orde do 20%. Isto terá consecuencias obvias como caída do consumo e da actividade produtiva, polo tanto máis recesión e máis paro. Como aquí a política monetaria está en mans do BCE, o que se pretende é, pola vía de reducir os salarios, aumentar a competitividade, no canto de xogar coa política monetaria, que hoxe está en mans do BCE”.

Fonte: Avantar

__________________

domingo, setembro 02, 2012

Como todos os venres houbo unha nova concentración contra o saqueo do pobo en Ferrol - O sábado 8 de Setembro está Convocada unha Manifestación Unitaria en Santiago de Compostela


O pasado Venres 31 de Agosto de 2012, tiveron lugar por toda Galiza nonas mobilización convocadas de xeito unitario pola maioría sindical "Contra o saqueo do pobo", en Ferrol a conecentarción tivo lugar na Praza Amada Garcia, diante do Edificio Administrativo da Xunta de Galicia. CC.OO., CIG, UGT e USTEGA, despregaron as súas faixas reivindicativas e bandeiras nun acto unitario, para amosar a súa repulsa ás medidas antiobreiras do Goberno dereitista do PP.

As mobilizacións coincidiron cun novo Consello de Ministros en Madrid  onde se volvero acordar medidas contra a clase traballadora entre as que está o decreto que deixa sen cobertura sanitaria a centos de miles de inmigrantes.

Santiago de Compostela recibirá unha grande mobilización nacional o vindeiro Sábado 8 de Setembro,

A manifestación ten como obxectivo a defensa dos servizos públicos e das condicións laborais d@s empregad@s. O día anterior están convocadas concentracións diante das sedes patronais.

MANIFESTACIÓN EN DEFENSA DOS SERVIZOS PÚBLICOS

Todas e todos a
Santiago de Compostela!
8 de setembro de 2012
11:30h na Alameda

Báixannos os salarios, denígrannos publicamente,
suprimen os nosos dereitos e róubannos as nosas retribucións
HAI QUE PARALOS!!!

Está convocado todo o persoal empregado público

Poñeremos autobuses para a xente que queira ir. Para anotarvos chamádenos os teléfonos indicados abaixo.

Hora de saída de Ferrol: 9:30 h.
Paradas:
- Ferrol, monumento 10 de marzo
- Caranza, parada do bus nas Pías
- Fene, para do bus na estrada xeral
- Polígono Vilar do Colo

Hora de saída de Compostela: 13:00 h. e as 13:30 h.

Precio: 5€

Apúntate nos buses que organizan CIG, CCOO, CSIF e UGT

ou chama aos teléfonos: 981 358 750 // 981 352 676

* * *

Centrais Sindicais:

______________________

Unha nova xornada de traballo comunitario no Castelo de San Cristovo, e van tres


Este Sábado 1 de Setembro de 2012, tivo lugar unha nova acción directa. Con esta, son xa tres as xornadas de traballo comunitario no Castelo de San Cristovo. As cidadás e cidadáns de  "Acción Directa de Recuperación de Espazos Públicos" non dan tregua aos responsabeis municipais, con as súas accións, seguen denunciando o abandono do noso patrimonio cultural, natural e histórico e reclamando solucións á inxusta situación de desemprego; e denunciando o malgasto do diñeiro público, ...

Os traballos continuaron na propia Batería de San Cristovo, era a terceira xornada neste mesmo lugar,  nas fotos feitas polo propio colectivo pode-se apreciar o enorme traballo desenvolvido.

No transcurso da acción cidadá houbo un pequeno incidente que se resolveu sen maiores consecuencias.

Unha terceira xornada non foi suficiente queda unha cuarta e seguro que algunha máis.

Novas incorporacións, dan-lle vida ao colectivo de cidadás e cidadáns. Existe unha conexión de sentimentos e acción entre este colectivo e o da Horta Comunitaria de Caranza. Non só na axuda mutua, senón o creativo e novidoso das mobilizacións o denunciar e reivindicar traballando polos bens comúns, polos espazos públicos. Adiante a loita obreira, os froitos non tardarán en chegar, quen sementa recolle.

A crónica en palabras do membro do colectivo Marcos Meizoso Pérez:

"Esta terceira xornada de traballo na Batería de San Cristovo, foi moi gratificante, tivemos a incorporación de dúas veciñas da zona, logramos limpar restos da fortificación que fai máis dunha década non vían a luz. Entre os restos agochados atopamos unha latrina feita en pedra moi curiosa, tamén atopamos un pequeno módulo, que pode tratarse dunha antiga polvoreira.

O sumo coidado que estamos empregando na limpeza das hedras que cobren por completo as pedras, é o que está retardando os traballos. Aínda así, decidimos empregar nas tarefas tantas xornadas como sexan precisas para deixar a fortaleza nunhas condicións óptimas para ser gozada pola cidadanía e visitantes.

Entre o miradoiro que xa limpamos (situado no exterior da fortaleza) e os traballos realizados no interior da mesma, levaremos limpados xa uns 3000 m2.

Seguimos esixindo ás autoridades competentes o compromiso do mantemento deste e doutros espazos dunha beleza sen igual, fomentando a contratación de persoas desempregadas.

Igualmente criticamos a política municipal de subvencións millonarias electoralistas que non favorecen en nada a creación de emprego nin a recuperación da nosa cidade
".

Para máis información, pode-se visitar o Blogue ou as contas nas redes sociais, tamén facilitamos os teléfonos e correo-e.

Calquera cidadán ou cidadá que queira sumarse a estas tarefas solidarias só ten que comunica-lo.

--
e-mail: recuperacióndeespazospúblicos@gmail.com

Teléfonos: 620 312 992 - 637 567 497

O noso blogue: http://recuperaciondeespazospublicos.blogspot.com.es/   é un Diario que recolle a nosa traxectoria, serve de difusión de próximas accións e faise eco doutros exemplos solidarios e comunitarios que están a suceder na bisbarra.

Facebook: https://www.facebook.com/groups/444525015569821/

Enlaces relacionados:
Información baseada na enviada por:
recuperaciondeespazospublicos
-recuperaciondeespazospublicos@gmail.com-
26 de agosto de 2012 00:21
___________________

sábado, setembro 01, 2012

Pola defensa do Ateneo Ferrolán e a súa sede, concentración este Martes 4 de Setembro diante do Pazo Municipal


O vindeiro Martes día 4 de Setembro de 2012, ás 10,30 horas está previsto que o Alcalde de Ferrol, Xosé Manuel Rey Varela, se entreviste cunha delegación do Ateneo Ferrolán, composta por persoas que foron no seu momento presidentes do ateneo, xunto o actual presidente, Ramón Veloso.

En réxime de autoconvocatoria quedou-se de concentrar-se na Praza do Concello, diante do Pazo Municipal, ás 10:15 horas, en apoio ao Ateneo e a súa sede e para coñecer as novidades con respecto á entrevista co máximo rexidor municipal.

Un lugar de encontro para a cultura
Ateneo Ferrolán, fundado en 1879
http://www.ateneoferrolan.org
http://www.ateneo-ferrolan.blogspot.com/
e-mail: secretaria@ateneoferrolan.org | Telf.: +34 981 357 970 | Fax: 981 354 098 | Dirección Postal: Rúa Magdalena 202-204, 1º. CP.15402 | FERROL (A Coruña)

Enlace de interese:

Ártabra 21: Viva a Cultura, Viva o Ateneo Ferrolán !!
_____________

mércores, agosto 29, 2012

Asemblea Sen Papeis Ferrol convoca á cidadanía e entidades sociais a un FLASHMOB DENUNCIA sobre a exclusión sanitaria do colectivo de persoas inmigrantes que non dispoñen de permiso de residencia


Benqueridos/as amigos/as,

A Asamblea Sen Papeis de Ferrol, quere convocar á cidadanía, e entidades sociais á FLASHMOB na que denunciaremos  a exclusión sanitaria do colectivo de persoas inmigrantes que non dispoñen de permiso de residencia.
O vindeiro sábado, 1 de setembro do 2012 , entran en vigor  as normas que exclúen á poboación inmigrante que non contan con permiso de residencia, da atención médica e sanitaria do sistema público de saúde. A Asamblea Sen Papeis de Ferrol, xunto a outras organizacións sociais,  Asociacións de inmigrantes e de defensa dos dereitos humanos,  instamos ao goberno de España, á derogación inmediata do RDL 16/ 2012  e 1192 / 2012 que supoñen un ataque frontal contra o dereito á saúde, tanto da poboación migrada como da autóctona

Co falso argumento de que esta poboación abusa da sanidade e,  polo tanto,  merma a xa precaria economía española, déixaselles/déixasenos  sen atención sanitaria, e en perigo de morte. 

Para denunciar este ideolóxica reforma sanitaria, xa tristemente coñecida como “Apartheid sanitario” , a Asamblea Sen Papeis de Ferrol, convoca á toda cidadanía e entidades solidarizadas con esta denuncia,  á flasmob  que se desenvolveremos  o vindeiro venres 31 de Agosto do 2012, ás 11.00 horas, na Praza de Armas de Ferrol (diante do Concello).

O acto consistirá na representación da Flashmob de denuncia do apartheid sanitario  e posterior lectura do Manifesto rexeitando os inxustos reais decretos e instando ao goberno de España a que recapacite e instaure a sanidade universal para todalas persoas.



INDICACIÓNS ÁS PERSOAS QUE DESEXEN PARTICIPAR NA FLASHMOB

·Presentarse 15 minutos antes da representación (prégase máxima puntualidade). Neste tempo daranse as indicacións a tódalas persoas participantes

·Haberá que ir vestido/a cunha camisola, ou sudadera branca

·Levar unha careta branca feita en cartulina que terá abertura para ollos e nariz exclusivamente. Prégase que levedes gomas para suxetar as caretas.

·Levar nun folio-cartulina DIN A4 co nome ben visible,  e en letra,  dun país extranxeiro que se colocará no peito.

·O cronograma de acción do Flashmob explicarase 15 minutos antes do inicio. É dicir, ás 10.45 horas do venres 31 de agosto, na Praza de Armas de Ferrol


RECORDADE:

FLASHMOB DENUNCIA  CONTRA A EXCLUSIÓN SANITARIA DA POBOACIÓN INMIGRANTE SEN PERMISO DE RESIDENCIA

LUGAR: PRAZA DE ARMAS

DATA: VENRES 31 DE AGOSTO ÁS 11.00 HORAS (ESTAR 15 MINUTOS ANTES)

MATERIAL NECESARIO: CAMISOLA BRANCA, CARETA BRANCA DE CARTULINA, E CARTULINA CO NOME DUN PAIS EXTRANXEIRO PARA PEGAR NO PEITO


Agardamos a vosa participación e a máxima difusión desta convocatoria


O Colectivo "Asamblea Sen Papeis-Ferrol" , está fomado por persoas nativas e inmigrantes, en situación administrativa irregular, ou non, e pretende ser un espazo de encontro reivindicativo que de resposta  ás políticas e comportamentos que atenten contra os dereitos humanos da poboación inmigrante, especialmente hacia aquela que se atope en situación administrativa irregular.

Pódese contactar coa asamblea Sen Papeis no correo: senpapeisferrol@gmail.com




--

     Asamblea Sen Papeis Ferrol


Contacto:

senpapeisferrol@gmail.com

Tamén no facebook.

A Asemblea Sen Papeis Ferrol, conforman a Comisión de Inmigración do Encontro Social de Ferrol Terra.
 
||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||| |||||||||||||||||||||||| ||||||||||||| |||||||||| 

Venres 31 de agosto, as Centrais Sindicais mobilízanse baixo o lema "Non ao saqueo do pobo. Hai que impedir que nos arruínen" - Convocatoria de manifestación en defensa dos servizos públicos, Santiago DC, 8 de setembro


As centrais sindicais volven a mobilizar-se baixo o lema "Non ao saqueo do pobo. Hai que impedir que nos arruinen".

Desta vez a mobilización consistirá nunha concentración o vindeiro Venres 31 de Agosto, na Praza Amada Garcia, diante do Edificio Administrativo da Xunta de Galicia. A concentración terá lugar ás 12:30 horas, convocada polas centrais CCOO, CIG e UGT

Participa ! Non faltes!



MANIFESTACIÓN EN DEFENSA DOS SERVIZOS PÚBLICOS

Todas e todos a
Santiago de Compostela!
8 de setembro de 2012
11:30h na Alameda

Báixannos os salarios, denígrannos publicamente, 
suprimen os nosos dereitos e róubannos as nosas retribucións
HAI QUE PARALOS!!!
Está convocado todo o persoal empregado público



Poñeremos autobuses para a xente que queira ir. Para anotarvos chamádenos os teléfonos indicados abaixo.

Hora de saída de Ferrol: 9:30 h.
Paradas:
- Ferrol, monumento 10 de marzo
- Caranza, parada do bus nas Pías
- Fene, para do bus na estrada xeral
- Polígono Vilar do Colo

Hora de saída de Compostela: 13:00 h. e as 13:30 h.

Precio: 5€

Apúntate nos buses que organizan CIG, CCOO, CSIF e UGT

ou chama aos teléfonos: 981 358 750 // 981 352 676





||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||| ||||||||||||||||| ||||||||||| |||||

Asemblea de Anova de Ferrolterra, aberta a simpatizantes e colaboradoras - Anova abre o debate sobre a unidade de acción para facer fronte á involución democrática e ás agresións á maioría social


Anova abre o debate sobre a unidade de acción para facer fronte á involución democrática e ás agresións á maioría social.

Asemblea aberta a simpatizantes, achegadas e colaboradoras en Ferrol, o Sábado 1 de Setembro, ás 10:30 horas, no local da Asociación Veciñal de Esteiro na rúa Fernando VI, bloque 2 baixo - Ferrol.

Ante o anuncio eleitoral, das lexislativas galegas, para o 21 de Outubro, acordou-se adiantar a realización das asembleas locais e comarcais  de Anova, para tratar sobre todo o último ponto do guión aprobado na xuntanza da Coordenadora Nacional de principios de Agosto.

---

A Coordinadora Nacional de ANOVA acordou propoñer ás Asembleas Locais ou Comarcais un debate aberto sobre a situación de auténtica emerxencia nacional, de involución sistemática dos dereitos e das liberdades cívicas e a continua agresión económica á maioría social á que está sendo sometida polo poder económico do capital financeiro e dos seus axentes en forma de partidos do sistema e gobernos submisos ao seu ditado.

Co obxecto de propoñer á sociedade civil unha unidade de acción de toda a cidadanía, articulada ou non en forzas políticas nacionalistas de esquerda ou movementos sociais, co obxecto de facer fronte a estas agresións e definir colectivamente os posíbeis contidos programáticos dun denominador común para esa unidade de acción.

Coordinadora Nacional de ANOVA

Proposta de debate aberto nas asembleas abertas de ANOVA:

Diante da situación de auténtica emerxencia nacional: ataque sistemático aos dereitos e ás liberdades cívicas, a continua agresión económica ás maiorías sociais por parte do poder económico do capital financeiro e dos seus axentes en forma de partidos do sistema e gobernos submisos ao seus intereses, a Coordinadora Nacional de ANOVA na súa xuntanza de 4 de agosto de 2012, acordou propoñer ás Asembleas Locais ou Comarcais o inicio dun debate, a celebrar ao máis tardar na primeira semana de setembro, previo a unha nova xuntanza desta Coordinadora , no que:
Se valore a necesidade de propoñer á sociedade civil unha unidade de acción de toda a cidadanía, articulada ou non en forzas políticas nacionalistas e de esquerda ou en movementos sociais ou sindicais, co obxecto de facer fronte a estas agresións.

Se acheguen os posíbeis contidos programáticos comúns, a maiores dos especificados na asemblea constituínte de ANOVA, que poderían constituír o corpo do denominador común para esa unidade de acción.

Se acheguen criterios para establecer o carácter, o campo e as estremas, e o alcance desta unidade de acción táctica , incluída a hipótese dunha fronte electoral popular ampla cara as eleccións lexislativas galegas.

Fonte: http://www.anova-galiza.org/

Anova - Irmandade Nacionalista
de Ferrolterra
anferrolterra@gmail.com

Enviado por:
Lupe Ces
-lupeces@gmail.com-
28 de agosto de 2012 22:49
___________________

Calendario Eleitoral

 Calendario até o 21 de outubro
  •  27 de agosto: Decreto de disolución
  •  28 de agosto: Publicación do decreto da convocatoria no DOG.
  •  28 de agosto: Ábrese o prazo para solicitar o voto por correo (até o 11 de outubro)
  • 29 de agosto: Ábrese o prazo para formalizar coalicións electorais (até o venres 7 de setembro)
  • 12 de setembro: Ábrese o prazo para a presentación de candidaturas, ben de partidos, coalicións ou agrupacións de electores (até o 17 de setembro)
  • Entre o 22 e 26 de setembro: Sorteo dos membros das mesas electorais
  • 24 de setembro: Proclamación de candidaturas
  • 5 de outubro: Comezo da campaña electoral
  • 11 de outubro: Data límite para solicitar o voto por correo
  • 20 de outubro: Xornadas de reflexión
  •  21 de outubro: Eleccións

Fonte: http://praza.com/politica/1820/os-partidos-tenen-ate-o-venres-que-ven-para-formalizar-coalicions-electorais/

-----

NÓS-Unidade Popular rejeita a reforma regressiva do ‘Plano Prepara’ e propom unidade e luita nas ruas contra as agressons do governo espanhol

 As sucessivas medidas legais que o governo espanhol do PP vem aprovando desde que se estreou na atual legislatura, há menos de um ano, confirmam a dura ofensiva que NÓS-UP e outros setores anunciamos já antes da vitória eleitoral brindada polas políticas do PSOE aos seus parceiros do PP.

As restriçons nas ajudas de 400 euros durante seis meses para as pessoas desempregadas (Plano Prepara), aprovada no passado dia 25 de agosto, venhem impor novos e injustos obstáculos para poder aceder a essa compensaçom. As pessoas desempregadas nom poderám viver com familiares para compensar a escassíssima ajuda que vinham percebendo e terám que demonstrar que procuram emprego durante 30 dias antes de acederem à compensaçom.

Umha vez mais, o governo espanhol olha para as trabalhadoras e trabalhadores sem emprego como sendo suspeitos de fraude pola sua condiçom de desempregadas, falando eufemisticamente de “incentivaçom da procura de emprego”, como se o problema fosse a falta de interesse por parte das pessoas condenadas ao desemprego. Todo com tal de nom afrontar o fracasso total das suas próprias políticas, como antes as do PSOE, única explicaçom para o elevadíssimo índice de desemprego existente no Estado espanhol, o maior da Uniom Europeia.

Em simultáneo, novas medidas antipopulares permitirám o desalojo de vivendas de aluguer de maneira “express”, favorecendo mais umha vez quem mais tem, o proprietário, frente a quem passa mais dificuldades económicas, e que se somam às que limitam os direitos no acesso à saúde da populaçom imigrante e, em geral, dos setores mais precarizados e empobrecidos pola atual crise.

Ao mesmo tempo, anunciam-nos novas ajudas públicas milionárias aos bancos para socializar as suas perdas e saneá-los para assim podere continuar a fazer negócio a conta do povo.

Se a isso acrescentarmos as sucessivas reformas laborais, supressons de direitos laborais e as reformas da legislaçom penal para favorecer a repressom contra mobilizaçons, inclusive a anunciada reforma da lei do aborto conforme as normas marcadas polo Vaticano, completaremos um quadro de obscuro regresso ao capitalismo mais salvagem como resposta dos poderosos à crise terminal do sistema.

Frente a estas medidas e a outras que sem dúvida vam vir, NÓS-Unidade Popular reitera o seu rejeitamento e o compromisso inequívoco para favorecer respostas unitárias e amplas por parte do povo trabalhador galego nas ruas, única garantia de vitória para a causa do nosso povo frente à ofensiva reacionária do capitalismo espanhol.

A convocatória imediata de umha greve geral de 48 horas é um primeiro passo imprescindível para afirmar sem ambigüidades a disponibilidade popular à luita polos direitos da maioria contra os privilégios de uns poucos.

Galiza, 28 de agosto de 2012

Direçom Nacional de NÓS-Unidade Popular

Correio-e: nacional@nosgaliza.org | nosup.imprensa@gmail.com | Telefones:
Porta-Vozes: 651 089 971 (Alberte Moço) 659 306 973 (Rebeca Bravo) | Responsável Nacional de Imprensa: 616 868 589 (Carlos Morais) | Responsável Nacional de Organizaçom: 669 778 474 (Bruno Lopes Teixeiro) | Sede Nacional: Rua Costa do Vedor 47, rés-do-chao. Compostela. Galiza | web: www.nosgaliza.org | twitter: @nosgaliza


Enviado por:
NÓS-Unidade Popular NÓS-UP
-nosup.imprensa@gmail.com-
28 de agosto de 2012 16:07

_______________