luns, marzo 23, 2015

Como en toda Galiza, o ensino universitario e medio estará en Folga en Ferrolterra, este Martes 24 de Marzo - A manifestación en Ferrol partirá da praza Amada Garcia, diante do edificio da Xunta, ás 11:30hs


Mañá o ensino galego está chamado a unha nova xornada de Folga, Ferrol tamén terá a súa mobilización

Este martes 24 de marzo a mocidade galega sairemos ás rúas da Galiza para loitar contra os ataques do PP ao ensino público galego. Os poderes españois pretenden impor o decreto 3+2 para continuar deteriorando a educación e limitando o seu acceso a unha minoría privilexiada.

Como en toda Galiza, o ensino universitario e medio estará en Folga en Ferrolterra, a manifestación en Ferrol partira da praza Amada Garcia, diante do edificio da Xunta, ás 11:30hs.

Enlace relacionado sobre a pasada Folga do 26 de Febreiro:

Ártabra 21: 26F Folga no Ensino Público e as mobilizacións en Ferrol contra o “Decreto 3+2” e en defensa da Universidade Pública e un ensino popular, científico, antipatriarcal e galego - Fotos e Vídeo do acto realizado ao final da manifestación de Ferrol.
_____

Aclaracións de Podemos Narón sobre ás últimas novas aparecidas na prensa (dimisións, política local, actos, eleccións municipais, ... ) que afectan ao circulo local do novo partido político

O órgano responsable de Podemos en Narón desmárcase da última noticia aparecida en prensa relativa á dimisión de membros do Consello Cidadán Municipal, unha nota que en ningún momento foi contrastada coa responsable do área de prensa polo diario local que a difundiu e, polo tanto, non é unha nota oficial, o que demostra certa falta de rigor xornalístico por parte de devandito diario. A présa na publicación evitando concretar quen ou quen son os artífices de tal noticia parece encamiñada a unha única meta, causar desconcerto e dano no partido, o que como "afiliados" non lles deixa ben cualificados. O xoves da pasada semana, tivemos comunicación oficial da dimisión dun compañeiro que nos indicou segundo as súas palabras "non poder compaxinar a miña vida persoal co cargo para o que fun elixido" e que, xa con anterioridade, fixera alusión a este motivo. No entanto, este feito non transcendeu fóra do consello cidadán á espera de dar conta á asemblea.

Aproveitamos, ademais, para aclarar que Podemos Narón, non xestiona ningún equipo que concorra ás municipais, porque, Podemos Narón non se presenta ás eleccións municipais, e se desvincula das dúas candidaturas promovidas por dúas dos tres candidatos a Secretarios Xerais ao órgano municipal. Eliximos Narón e Somos Narón non son Podemos aínda que algúns dos seus integrantes estean inscritos no partido e/ou participen no círculo. Outra actividade informativa que temos pendente, é a de dar a coñecer o resultado dos expedientes disciplinarios abertos contra determinados inscritos, algúns dos cales promoven e/ou participan nalgunha das candidaturas que baixo a marca Podemos pretender concorrer ás próximas eleccións municipais.

Desde o órgano municipal do partido infórmase que para non dar lugar a malas interpretacións e manipulacións por parte de calquera lista suspéndense temporalmente as actividades de divulgación das Charlas-Debate sobre problemas e intereses de colectivos que afectan ao municipio, todo iso mentres non finalice o período electoral municipal. No entanto, continuarán reuníndose, traballando e contactando con todos aqueles que o vexan necesario sexan persoas ou colectivos. Podemos Narón está aberto ao que o necesite e/ou desexe participar co órgano municipal. Mostramos noso pesar pola escasa participación nas actividades promovidas polo partido, incluíndo asembleas e debates, pese ao nivel informativo das mesmas. Mostra diso foi a charla que demos este pasado día 21 de Marzo sobre a contaminación de nosa ría e que a pouc@s parece importarlles o futuro e a saúde nosa e das nosas fill@s. Isto non nos apartará do noso empeño por sacar adiante o partido, e que sexa unha ferramenta para as cidadás e cidadáns de Narón, fartos do ninguneo da administración local.

Isabel Allegue.
Prensa e Redes de Podemos en Narón
podemosnaron@gmail.com
http://www.facebook.com/podemosnaron
http://www.facebook.com/groups/podemos.naron/
https://twitter.com/PodemosNaron
Whatsapp e Telegram 687 464 463

Enviado por:
Podemos Narón
podemos.naron@gmail.com-
23 de março de 2015 18:05

Ola: Achego unha aclaración a unha noticia difundida onte por un medio local, por si interesa dar difusión. Un saúdo, Isabel Allegue. Prensa e Redes de Podemos en Narón.

_____________

domingo, marzo 22, 2015

Convocada unha concentración contra a taxa da auga, para o xoves 26 de Marzo, ás 7 da tarde na Praza de Armas de Ferrol



Convocada en Ferrol, unha concentración contra a taxa de saneamento e depuración da auga


A Plataforma Cidadá contra a Taxa de Saneamento convoca unha concentración cidadá.

A concentración veciñal realizada na praza de  Armas o día 19 de Febreiro, as asembleas informativas nos barrios, a entrega masiva de recursos contra a inxusta Taxa de saneamento  XA DERON UN FROITO:

O alcalde tivo que recoñecer nos medios informativos que o prezo da taxa  hai que revisala á baixa, e tiveron  tamén que aprazar a data do seu cobro, xa que os recibos da primeira parte do cobro retroactivo (LEMBREMOS QUE QUEREN PASARNOS OUTRO RECIBIR SIMILAR  NO MES DE XULLO) emitiron-se sen cumprir trámites que legalmente son preceptivos.

Coa continua presentación de recursos no Concello e coa túa presenza na nova CONCENTRACIÓN VECIÑAL A CELEBRAR O XOVES 26 na Praza de Armas, temos que lograr que se atendan todas as nosas reivindicacións:
  • QUE O CONCELLO-EMAFESA NON COBRE OS RECIBOS EMITIDOS QUE ENTENDEMOS QUE LEGALMENTE SON NULOS.
  • QUE NON EMITAN NOVOS RECIBOS.
  • QUE O ALCALDE SE REÚNA CUNHA COMISIÓN VECIÑAL PARA CLAREXAR DE ONDE SAEN AS ESAXERADAS CANTIDADES ECONÓMICAS A COBRAR.
  • QUE SE REVISE O CONVENIO PARA A REDE DE SANEAMENTO DE FERROL ASINADO NO SEU DIA E QUE OBRIGA A QUE OS/AS VECIÑOS/AS PAGUEMOS CANDO MENOS O 10% DO CUSTO DUNHA OBRA DE INTERESE XERAL QUE NORMALMENTE SUFRAGAN AO 100% OS FONDOS EUROPEOS, ESTATAIS E AUTONÓMICOS.
  • QUE O ORGANISMO AUTONÓMICO AUGAS DE GALICIA SE REÚNA COA COMISIÓN VECIÑAL PARA TRATAR TODO ESTE ASUNTO.
  • QUE SE COÑEZAN E AUDITEN DE VERDADE AS CONTAS DE EMAFESA  E CANTO NOS CUSTA A XESTIÓN DO AUGA POR PARTE DUNA EMPRESA CUN SOCIO PRIVADO.
O XOVES 26 DE MARZO, A PARTIR DAS 7 DA TARDE E COINCIDINDO COA CELEBRACIÓN DO PLENO MUNICIPAL, CONCENTRACIÓN VECIÑAL NA PRAZA DE ARMAS.

PARTICIPA, VEN E DEFENDE OS TEUS DEREITOS!!!

Fotos da pasada mobilización do 19 de Febreiro, de 2015.

Información baseada na enviada por:
Alexandre Carrodeguas
-republicadetraballadoras@gmail.com-
22 de março de 2015 12:42

___________________

Podemos Ferrol xa dispón dun Equipo Técnico: O Consello Cidadá Galego e a Comisión de Garantías Galega constituíu o Equipo Técnico que xestionará Podemos en Ferrol, constitución que anunciara o pasado 10 de Marzo

Comunicado de Prensa

O Consello Cidadá Galego e a Comisión de Garantías Galega constituíu o Equipo Técnico que xestionará Podemos en Ferrol, constitución que anunciara o pasado 10 de Marzo. |Podemos Ferrol xa dispón dun Equipo Técnico.

A Comisión de Garantías Galega e o Consello Cidadá Galego acordan a creación dun Equipo Técnico Transitorio en Ferrol.

O Equipo Técnico estará formado por: Elena Simón Alguacil, Lina Graciela Henao Zambrano, José Francisco Rodríguez, Ari Calvo Bouza, Eduardo Martínez Nieto (CCG), Bárbara Dopico Prado (CCG).

A Comisión Mixta composta pola Comisión de Procesos Constituíntes e a Comisión de Garantías Democráticas Estatal acordou no seu día a anulación do proceso de votación efectuado para a elección dos órganos municipais en Ferrol (A Coruña).  Dita anulación provocou a singularidade de que a cidade de Ferrol non teña constituídos os órganos políticos municipais, carecendo, polo tanto, de órganos electos pola súa Asemblea Cidadá Municipal: o Consello Cidadán e a Secretaría Xeral.

Este baleiro temporal de órganos de representación política na cidade de Ferrol non pode ser impedimento para que Podemos continúe coa implantación e desenvolvemento do seu propio proxecto na cidade polo que ata que sexan convocados novos procesos de elección interna, o Consello Cidadán Galego en coordinación coa Comisión de Garantías Galega resolveu a creación dun Equipo Técnico Transitorio Municipal composto por 6 persoas.

Por resolución conxunta do Consello de Coordinación Galego e a Comisión de Garantías Galega, en reunión telemática celebrada o 16 de marzo de 2015, acórdase a creación temporal dun Equipo Técnico para a cidade de Ferrol constituído por:
  • Elena Simón Alguacil.
  • Lina Graciela Henao Zambrano.
  • José Francisco Rodríguez.
  • Ari Calvo Bouza.
  • Eduardo Martínez Nieto (CCA).
  • Bárbara Dopico Prado (CCA).
Este Equipo Técnico Municipal estará conformado por 4 persoas inscritas en Ferrol e debido á súa temporalidade e para poder cubrir necesidades de forma directa, contará tamén con 2 membros do Consello Cidadán Galego.

O devandito Equipo Técnico será o encargado de:
  1. Desenvolver con función executivas as decisións aprobadas pola Asemblea Cidadá e aquelas conducentes a desenvolver a liña política de PODEMOS.
  2. Convocar á Asemblea Cidadá e encargarse da organización técnica do proceso.
  3. Elaborar o orzamento de gastos necesarios así como presentar a rendición de contas de cada exercicio para a súa aprobación polo Consello de Coordinación.
  4. Supervisar e colaborar a implantación de Podemos a niveis territoriais inferiores (barrios).
  5. Incentivar e impulsar a participación activa dos inscritos nas diferentes áreas de traballo.
Entendemos que as persoas inscritas en Podemos Ferrol merecen dispor dun órgano capaz de dar un novo pulo a Podemos en Ferrol, para que supere as dificultades anteriores e poder así centrarnos en sumar cada vez máis xente ás 895 persoas inscritas na cidade, que amosan que Ferrol demanda novas formas de facer política.
Inés Mallada
Responsable de prensa de Podemos Galicia

Contacto de prensa
prensa@galicia.podemos.info

https://twitter.com/podemos_galicia
https://www.facebook.com/podemosengalicia

Enviado por:
prensa@galicia.podemos.info
-prensa@galicia.podemos.info-
22 de março de 2015 13:14

Moi boas! Dende Podemos Galicia queremos informarvos de que Podemos Ferrol xa dispón dun Equipo Técnico Municipal. Unha aperta, Inés Mallada.

_______________

A Columna Galega das Marchas da Dignidade volveu a Madrid este 21M


Milleiros de persoas enchen Madrid de dignidade

Milleiros de persoas participaron nunha nova mobilización masiva das Marchas da Dignidade, polas rúas de Madrid e baixo a chuvia. Seguramente non se repetiu a participación que se rexitrara en marzo no pasado ano, pero dende a organización sublíñase que na marcha deste sábado partiparon varios centos de milleiros de persoas. Na praza de Colón confluíron as nove columnas chegadas dende todos os territorios do Estado, entre elas a galega, que partiu da estación de Chamartín. Moitas das intervencións lanzadas dende o palco lembraron a situación de "emerxencia social" que segue a vivir España e subliñaron que "ademais de gañar as eleccións, hai que gañar o poder, e que este se gaña nas rúas". As Marchas da Dignidade promoven a convocatoria dunha folga xeral para o 22 de outubro.

Na manifestación, convocada por máis de 300 organizacións, participaron tamén numerosos líderes políticos e sociais, coma Alberto Garzón, Cayo Lara, Íñigo Errejón, Joan Herrera, Yolanda Díaz, Julio Anguita ou Diego Cañamero. Na manifestación, vixiada por máis de 1.100 policías, mesturáronse reivindicacións de todo tipo, dende as máis directamente ligadas á economía, a pobreza e o emprego, ata as demandas dun ensino e unha universidade pública e de calidade, ou as relacionadas coa sanidade, coa participación moi destacada dos e das afectadas pola Hepatite C.

Xa na Praza de Colón, soando pola megafonía cancións coma o Grândola, vila morena de José Afonso ou o Himno a la Libertad de Labordeta, interviron representantes de cada unha das columnas territoriais. Pola columna galega tomou a palabra Mónica Caamaño, que afirmou que "as mulleres e homes galegos queremos sumar a nosa voz e determinación, o noso lume, para que colectivamente sigamos construíndo futuro, para saír ao rescate das nosas vidas, porque é urxente inventar a alegría, e para iso queremos sumar mares e mareas". "No último ano vimos como a execrable coartada da crise, que xustificaba a política de recortes, foi substituída por unha falsaria recuperación económica como parte dunha maquinaria electoralista. Pero a realidade é outra", sinalou.

"Están afogando a cidadanía con miseria e inxustiza, amordazan a liberdade, están saqueando a sanidade e a educación pública, ao tempo que a súa corrupción rega as rúas de desigualdade", continuou. "Mesmo están enterrando a palabra: en Galicia están ensaiando un lingüicidio", engadiu, citando a continuación a Celso Emilio Ferreiro. "É urxente inventar a alegría, este é o gran cometido das Marchas da Dignidade, co noso berro de 'Pan, traballo e teito', é urxente a nosa unión para devolverlle as estrelas a este pobo que morre de esperanza. Adiante as Marchas da Dignidade. Na fronte unha estrela, no bico un cantar", pechou.

A súa intervención uniuse a un manifesto xeral das Marchas e a outros discursos, que tamén se referiron criticamente ao TTIP, aos recortes, ao pagamento da débeda ilexítima ou ao artigo 135 da Constitución modificado por PP e PSOE. De igual xeito, no manifesto galego das Marchas da Dignidade sinalábase a necesidade desta mobilización porque non último ano "as condicións de vida do pobo" non só non melloraron senón que "segue medrando a dor e o desastre por todos lados tras anos de políticas contrarias á cidadanía, co incremento da pobreza e da represión".

Por Marcos Pena en Praza Pública.

Praza Pública precisa de Ti:
A forza de Praza Pública son os seus lectores e lectoras. Praza é un medio da súa comunidade de lectores. A existencia do xornal depende das achegas realizadas por todos nós [+info]. | Licenza Creative Commons by-sa.

Charla coloquio sobre a situación actual do Sector Naval na ría de Ferrol e as súas perspectivas de futuro, organizada polo BNG, coa participación de, Francisco Jorquera deputado no Parlamento Galego e Iván Rivas, candidato à alcaldía de Ferrol


Charla coloquio sobre a situación actual do Sector Naval na ría de Ferrol e as súas perspectivas de futuro

O vindeiro luns, 23 de marzo, ás 19:30 horas, vai ter lugar na Galeria Sargadelos de Ferrol, unha charla coloquio sobre a situación actual do sector naval na ría de Ferrol e as súas perspectivas de futuro, á vista das últimas decisións políticas tomadas sobre o mesmo e á vista dos informes de xestión e de futuro da empresa Navantia.

Neste acto contaremos coa participación do portavoz do BNG no Parlamento Galego, Francisco Jorquera [*], e Iván Rivas [**], candidato à alcaldía de Ferrol.

[*] Francisco Jorquera Caselas, -Ferrol, 1961, licenciado en Xeografía e Historia, desde moi novo participou no movimento estudiantil e político do nacionalismo galego (ERGA, AN-PG, CAF, BNG). Foi senador e deputado en Madrid, mais agora forma parte do Parlamento Galego, onde é portavoz do Grupo do BNG. É o autor de varias iniciativas sobre o Sector Naval nas diferentes institucións onde foi e é representante, de feito a relación de Jorquera co Sector Naval ten máis de 7.300 entradas no buscador Google. Ten conta no twitter e no facebook:
https://twitter.com/jorqueracaselas
https://gl-es.facebook.com/jorqueracaselas

[**] Iván Rivas Rico, -A Pontenova 1976, é arquitecto de profesión, concelleiro e portavoz do grupo municipal do BNG en Ferrol desde xaneiro de 2012. Candidato á Alcaldía polo BNG - Asembleas Abertas, para as próximas eleccións locais do 24 de maio deste 2015. Ten conta no facebook: https://www.facebook.com/ivan.rivasrico.

Proceso Asembleas Abertas 'Construíndo Futuro':
http://www.construindofuturo.info/

Web oficial do BNG:
http://bng.gal/

Enviado por:
BNG
-bng@ferrol.es-
21 de março de 2015 11:00

____________________

sábado, marzo 21, 2015

Estamos fartos, ... Por Alexandre Carrodeguas

Por Alexandre Carrodeguas [*]
21.03.2015

E agora o mais o difícil aínda, o alcalde de Ferrol anuncia unha nova obra: "Trataríase dun complexo co auga como protagonista, este ambicioso proxecto contaría cun investimento duns 6 millóns de euros", a localizar na zona do Bertón, despois da cidade da "xustiza" no antigo Sánchez Aguilera, tócalle agora a quenda a cidade do deporte no Bertón, con mil millóns das antigas pesetas, non bastan os ascensores panorámicos, non bastan "pipicans" por aquí e por ala, agora "ao grande"; piscinas de cincuenta metros "si faifalta" que para iso estamos en Ferrol, a cidade mais rica de Galicia. E por si non fosen poucas as promesas do PP na anterior campaña electoral do 2011, recordemos; estacionamentos subterráneos en Caranza, Ultramar, praza de Armas, centro de saúde en Canido, residencias para vellos en Covas e no Bertón, e un gran centro turístico na zona portuaria con edificios novos e bares moitos bares....Agora serán un total de 8.700 metros cadrados dedicados o deporte e a auga sic.

Non sei en que cidade viviran estes gobernantes, non se dan conta ou non se queren dar conta que en Ferrol superamos o 30 por cento de paro, que o 27 por cento do pequeno comercio leva pechado xa desde o 2007, que perdemos mil habitantes ao ano e que so chegamos o 52 por cento de taxa de actividade. E que estamos sobre todo fartos moi fartos.

Con este panorama como poden os actuais mandatarios seguir con esta sarta de ocorrencias, xa sei que estamos en campaña electoral, pero non debería valer todo en campaña, non debería valer prometer un aeroporto para Ferrol, con metro incluído, non debería valer prometer unha ponte de San Francisco que cruzase a ría con dobre dirección por exemplo. Que ao paso que vamos e posible que cheguemos a tales disparates.

A situación de Ferrol non dá para máis, despois das mal chamadas políticas de austeridade aplicadas polo partido popular a cidade esta a sufrir unha situación social de extrema gravidade. E o alcalde e o seu partido están a protagonizar esta farsa a modo de esperpento. Non deberían estar a xogar como están a xogar coa credibilidade da xente, como se se tratara duns vulgares trileiros. A cidade non o merece. Os veciños e as veciñas merecemos respecto e non ser humillados con falsas promesas. Merecemos un goberno municipal decente.

[*] Alexandre Carrodeguas, activista social de Ferrol Terra, promotor de plataformas cidadáns en defensa do patrimonio urbanístico e cultural; defensor dos espazos públicos e da rehabilitación dos cascos históricos; membro de Verdegaia, do Comité Cidadán de Emerxencia para a Ría de Ferrol e da Comisión Social de Seguimento da construción da infraestrutura de depuración e saneamento da marxe norte da ría de Ferrol. E un dos promotores da iniciativa cidadá pola xestión pública e social do ciclo da auga e do saneamento en Ferrol.

Enviado por:
Alexandre Carrodeguas
-republicadetraballadoras@gmail.com
19 de março de 2015 23:31
_________

venres, marzo 20, 2015

Presentouse no Ateneo Ferrolán, con moito suceso, o libro de Rosa Cal: "Informes diversos dos Sucesos de Ferrol: 10 de marzo de 1972"


Presentouse no Ateneo Ferrolán, con moito suceso, o libro de Rosa Cal: "Informes diversos dos Sucesos de Ferrol: 10 de marzo de 1972"
[1].

A mesa de debate contou coa participación do historiador, membro da asociación Memoria Histórica e presidente do Ateneo Ferrolán, Eliseo Fernández; de Antón Mesejo, traballador xubilado de BAZAN, un dos relatores do informe de Cáritas, unha das persoas integrantes das Comisión Obreiras dos 12 e militante da HOAC (temos o orgullo de que forme parte do Colectivo Ártabra 21); Francisco Rodríguez, militante da UPG desde o 1966, foi detido no 72 e estivo na prisión da Coruña co resto de detidos en Ferrol, foi parlamentario polo BNG en Madrid, onde presentou en Xullo de 2001 unha proposición non de Lei sobre o recoñecemento do 72 [2];  o historiador e Enrique Barrera que ten publicado, entre outros, numerosos libros sobre a historia recente de Ferrol e en concreto sobre os anos da ditadura e o proceso chamado da "Transición"; a autora do libro, a historiadora Rosa Cal, Celso Domínguez que foi militante de USO e un dos relatores do informe da citada central sindical; e Rafael Pillado, un dos históricos militantes e dirixente obreiros daquel Marzo do 72, condenado polo TOP franquista no chamado "Proceso dos 23 de Ferrol", ten escrito un importante e moi interesante libro sobre unha parte da nosa historia recente "O Latexo da vida e da conciencia - Memorias Colectivas de Rafael Pillado - I (Primeiro Volume)", onde fala en primeira persoa sobre os sucesos do 72.

O acto celebrado no Ateneo Ferrolán, realizou-se cunha sala chea e moi atenta a todo o que se dicía, desde o público choveron preguntas, mais tamén desde a Mesa ao público, como foi o caso de Rosa Cal a Ramiro Romero que foi agredido polos gardas xurados e participou na entrevista co Capitán Xeral da Zona, a mesma mañá do 10 de Marzo xunto a Riobóo, clarificando o realmente sucedido.

Foto do Ateneo Ferrolán.



[1]
"Informes diversos de los Sucesos de Ferrol: 10 de marzo de 1972" de Rosa Cal (Liber Factory, 2015). | Ir a máis Información.

[2] Proposición non de lei presentada por Francisco Rodríguez Sánchez.

Detalle da Proposición:
PROPOSICIÓN NON DE LEI

O Congreso dos Deputados:

Recoñece a gran contribución de todas aquelas persoas que participaron na loita e resistencia antifranquista para a instauración dun réxime democrático no
Estado español.

Por iso, insta ao Goberno a :

a) Adoptar as medidas necesarias para reparar moralmente a todas aquelas persoas que foron represaliadas durante a ditadura franquista, por defender a liberdade e o exercicio de dereitos fundamentais; así como para recoñecer o dano causado a todas as vítimas, ou na súa falta os familiares das mesmas, do terror e a represión da ditadura franquista.

b) Tomar as medidas necesarias para outorgarlles o honor, recoñecemento e agradecementopúblicos pola súa contribución na defensa das liberdades públicas e os dereitos fundamentais a Daniel Niebla Garcia e Amador Rei Rodríguez, así como reparar, na persoa dos seus herdeiros, o dano ocasionado pola violenta actuación policial o día 10 de marzo de 1972 en Ferrol

Proposición enteira con exposición de motivos, en formato pdf | Acceder/Baixar.
__________________

Eclipse de sol do 20 de marzo de 2015 - A Sección de Astronomía da SGHN, en colaboración coa Delegación de Ferrol da SGHN e a Asociación Muíño do Vento, instalará o próximo venres día 20 con motivo do eclipse de sol, tres telescopios solares na Praza de Canido


Eclipse de sol do 20 de marzo de 2015


A Sección de Astronomía da SGHN, en colaboración coa Delegación de Ferrol da SGHN e a Asociación Muíño do Vento, instalará o próximo venres día 20 con motivo do eclipse de sol, tres telescopios solares na Praza de Canido para poder observar o Eclipse parcial de Sol. O Eclipse comezará ás 9 horas e 8 minutos, o máximo será ás 10 horas e 11 minutos e rematará ás 11 horas e 19 minutos.

Invitamos a todas as persoas interesadas a que veñan a participar na observación deste fenómeno astronómico.

Un eclipse é un espectáculo moi interesante, con todo pode poñer en risco a vista de quen estea observándoo. Sempre que queiramos observar o Sol directamente debemos utilizar filtros solares astronómicos e homologados pola CE que nos dean total seguridade. Non serven radiografías, nin cristais afumados, nin lentes de soldador, xa que este tipo de filtros que podemos chamar "caseiros" deixan pasar a dañina radiación ultravioleta. Recoméndase o uso de filtros homologados e que son coñecidos como lentes de eclipse, e véndese en ópticas, planetarios e tendas especializadas. Aínda a pesar do uso das devanditas lentes de eclipse, a observación do eclipse debe facerse durante periodos de tempo inferiores a un minuto, con intervalos de descanso de medio minuto. Non obstante o sistema máis recomendable consiste en observar o Sol a través dunha proxección da súa imaxe nalgún tipo de pantalla situada á sombra.

Sección de Astronomía e Contaminación Lumínica SGHN

Sociedade Galega de Historia Natural

Para contactar coa Delegación ferrolá da Sociedade Galega de Historia Natural:
  • Casa do Coronel. Praza de Canido s/n. 15401 Ferrol.
  • Apartado de Correos nº 356. 15480 Ferrol.
  • Teléfonos: 881 931 315 - 881 931 314 - 698 141 384.
  • ferrol@sghn.org
Museo de Historia Natural da SGHN


Web oficial da SGHN:
http://www.sghn.org/index.html

Enviado por:
ASTRONOMÍA
-astronomia@sghn.org-
18 de março de 2015 19:40

_________

Na Galipedia:
http://gl.wikipedia.org/wiki/Eclipse_solar

Na web especial do instituto Xeográfico:
http://www.oan.es/eclipse2015/

O Observatorio Astronómico planea retransmitir as imaxes da evolución do eclipse observado desde Madrid, si as condicións atmosféricas permíteno:

___________________

xoves, marzo 19, 2015

#Blockupy protesters in Frankfurt (European Central Bank) - #Blockupy, protesta popular, cidadá e anticapitalista, ante a inauguración do novo edificio do Banco central Europeo (BCE) en Frankfurt


Ao Vivo #Blockupy protesters in Frankfurt (European Central Bank)
#Blockupy, protesta popular e cidadá, ante a inauguración do novo edificio
do Banco Central Europeo (BCE) en Frankfurt.


https://youtu.be/S2aOl3e4VXo
Iniciado en 18 de marzo de 2015

O grupo anticapitalista #Blockupy, formado a raíz do movemento Occupy Wall Street que xurdiu en 2011, convocara para este mércores unha xornada de protesta, coincidindo coa inauguración da sé do Banco Central Europeo.

Máis de 350 manifestantes detidos. Os axentes de Policía de Frankfurt usaron gases lacrimógenos e canóns de auga para dispersar a manifestantes que estiveron protestando contra as medidas de austeridad impulsadas pola UE e o Banco Central Europeo. O foco da protesta localizouse fronte á sé do BCE, que debía inaugurarse este mércores.

MÁIS INFORMACIÓN: Ir á Web

Mobilizacións Blockupy Frankfurt 18 marzal 2015
07.00hrs - Acción pra arrodear a sede do Banco Central Europeo (Eurotorre)
14.00hrs - Concentración que terá lugar na praza Römer
17.00hrs. - Manifestación con saída dende praza Römer até a Old Opera House

Blockupy.org: https://blockupy.org/
Manifesto: https://blockupy.org/pt-br/4503/chamada-18-de-maro-de-2015-aes-transnacionais-contra-a-abertura-de-gala-do-banco-central-europeu-vamos-tomar-conta-da-festa/
Convocatoria internacional: https://www.youtube.com/watch?v=2sIvcZXmIKI
______________

Avanza a unidade popular nas comarcas do noroeste galego, no Alto Eume constituíse “Xunt@s por As Pontes”


Avanza a unidade popular nas comarcas do noroeste galego, no Alto Eume constituíse “Xunt@s por As Pontes”


Constituída unha iniciativa de unidade popular n'As Pontes co nome de “Xunt@s por As Pontes”, onde se integran en Asemblea Cidadá, persoas con filiación política en Anova-IN, Compromiso por Galicia e Esquerda Unida, algunhas persoas inscritas en Podemos e outras sen filiación política. O pasado sábado 14 de marzo decidiu-se presentar-se ás eleccións locais do vindeiro 24 de maio deste 2015, como unha candidatura de unidade popular aberta a toda a cidadanía que estea disposta a facer política desenvolvendo a participación cidadá, o fomento do emprego, o desenvolvemento sostíbel, a xestión eficiente dos recursos públicos, a defensa do benestar e da igualdade, a defensa da cultura e do patrimonio; a transparencia e  a loita contra a corrupción.  O vindeiro sábado 21 de Marzo, ás 8 da tarde quedaron no Mercado Vello onde terá lugar a xornada de traballo sobre asuntos programáticos e de xestión da iniciativa
.

Haberá unha candidatura cidadá nas Pontes

O pasado sábado 14 de marzo tivo lugar a II Asemblea aberta para tratar a posibilidade de presentación dunha candidatura de unidade de cara ás eleccións municipais do vindeiro mes de maio. Finalmente haberá unha candidatura chamada “Xunt@s por As Pontes” na que se engloban organizacións como Anova, Compromiso por Galicia e Esquerda Unida e veciños e veciñas sen afiliación política previa.

Persoas de distinta condición política e social decidimos crear un espazo de encontro, totalmente aberto á xente que sinta a necesidade de participar e facer política doutra maneira. Cremos que só asumindo a nosa responsabilidade cívica e traballando en espazos de confluencia podemos principiar dende os concellos novas formas de facer política.

As propostas programáticas desenvolveranse arredor dos seguintes eixos:

participación cidadá, fomento do emprego, desenvolvemento sostible, xestión eficiente dos recursos públicos, defensa do benestar e a igualdade, defensa da cultura e patrimonio e transparencia e loita contra a corrupción.

Para elaborar a concreción do programa convócase a todos os ponteses e pontesas a unha xornada aberta de traballo o vindeiro sábado 21 de marzo ás 20:00 horas no Mercado Vello, onde poderán expoñer as súas propostas.

As Pontes, 17 de marzo de 2015

“Xunt@s por As Pontes”
xuntosporaspontes@gmail.com

No buscador google: Resultados.
___________________

mércores, marzo 18, 2015

Colas do fame en "Tierra Hostil", ... -en Venezuela?, ... -non, no, polo de agora, Reino de España


Máis fotos da 'Terra hostil' no, polo de agora, Reino de España e as súas "colas do fame", que a prensa do Capital non quere que se vexan


Insistimos, mentres os partidos tradicionais tratan de centrar o debate político no que ocorre a miles e miles de quilómetros do Estado Español, mentindo, manipulando e enganando descaradamente sobre a realidade daquelas terras, e os grandes medios até mandan aos seus reporteiros a facer programas-show nos cales mostrar todo o que de negativo poden atopar -e deformar de forma sesgada- nesas terras, as imaxes das diversas "colas do fame" e outras moitas similares que a diario se dan neste Estado, son ocultadas de forma sistemática.

Estes que veremos a continuación son só algúns exemplos dos miles que se poderían citar e todo o inmenso material que os medios poderían atopar, si quixesen, para facer un programa sobre a "Tierra hostil" que é hoxe para millóns de persoa o estado español.

O fame, o desemprego, a marxinación social, a pobreza, os desafiuzamentos, son o pan o noso de cada día. Por iso mesmo aos medios do capital interésalles tanto que se fale -e se menta- sobre Venezuela.

Pero estas imaxes, que non o dubiden, aínda que non saian en Antena 3, El País ou o ABC, están na mente de quen as ven, sófrenas e vívenas a diario. E iso non poden ocultalo nin cun millón de mentiras sobre Venezuela.

Venezuela é un país acosado polo imperio, os recursos naturais, sobre todo enerxéticos son codiciados polas grandes multinacionais petroleiras e armamentistas que conforman lobbies que condicionan a todos os gobernos dos Estados Unidos de América. Mais tamén en Venezuela hai unha revolución en marcha coa súa contrarrevolución alentada e pagada polo grande Capital financeiro transnacional que ve no bolivarianismo revolucionario e no socialismo do século XXI unha ameaza aos seus intereses económicos, sociais e ideolóxicos. Hai uns días un intento de golpe de estado foi silenciado polos medios de comunicación convencionais [Ler Máis].

Mais non se trata de Venezuela, trata-se da utilización da manipulacións sistemática do que pasa en Venezuela, para desprestixiar aos movimentos transformadores que avanzan no Estado. Agora presentamos estas imaxens das "Colas do Fame",  mais poderíamos presentar centos ou miles de desafiuzamentos, botando á xente das súas casas; de cargas policiais contra a poboación indefensa que se manifesta pacificamente; de miles, centos de miles de obreiros e obreiras despedidos; cada catro persoas en idade e disposición para traballar unha está desempregada. Nenos e nenas baixo a pobreza estrema, a corrupción galopante que afecta a todas as administracions e principalmente ao partido no gobernos (Parido Popular -PP) .  Continuará ...

As fotos son de Valencia, Sevilla, Alicante, Vigo, Lugo, Santander, Badalona, Madrid, Aviles, Murcia, Toledo, Almería, Alcoy, tenerife, Malaga, Palma de Mallorca, Oliva, Córdoba, Hellín, Gazteiz, ...











































Fonte: KaosenlaRed | 18.03.2015


_________________