sábado, febreiro 04, 2023

Este domingo 5 de febreiro lembramos ás compañeiras e compañeiros que finaron no transcurso da loita contra a Planta de Gas de Mugardos - Cumpre-se o quince cabodano da morte de Carmelo Teixeiro


Este domingo 5 de febreiro lembramos ás compañeiras e compañeiros que finaron no transcurso da loita contra a Planta de Gas de Mugardos.

Cumpre-se o quince cabodano da morte de Carmelo Teixeiro. Ao redor desta data é cando lembramos a todas as persoas que, como Carmelo, participaron na loita contra o despropósito gasista de Reganosa, na defensa da Ría, da seguridade e da vida das miles de persoas que moran na súa contorna.

Imos a depositar unha flores, este domingo ás 11:30 hs, no monumento á lembranza de Carmelo Teixeiro, no Parque de Caranza que leva o seu nome, nas inmediacións da Ermida.

Cada vez que arriba un buque LNG, normalmente son buques de grande porte próximos aos 290 metros de eslora, para descargar as decenas de miles de toneladas de gas natural licuado na regasificadora de Mugardos, perante 24 horas, aumenta de xeito exponencial, o xa de por si perigo que ten a Planta de Gas, instalada no corazón da nosa Ría. Un potencial perigo, para todas as miles de persoas que moramos na súa contorna. Unha planta de gas que Reganosa construíu na ribeira sur da nosa Ría, a poucos metros dos núcleos de poboación, empobrecendo-a aínda máis do que estaba e poñendo en perigo a seguridade e a vida das miles de persoas que moramos na súa contorna.

Para máis perigo esta planta regasificadora está á beira dun complexo industrial petroquímico que almacena centos de miles de metros cúbicos de fluídos tóxicos, propiedade dos socios promotores e maioritarios da planta de gas e que agora conforma xa un holding transnacional da enerxía (Reganosa Holdco) que xunto á transnacional nipona (Sojitz Corporation) son os propietarios da regasificadora.

Mais o aumento do potencial perigo para a poboación que mora na contorna da Ría de Ferrol non remata aí, a voraz ambición do grupo que controla Reganosa (Grupo Tojeiro) que pretende engadir (baixo a etiqueta de "verde", para facer-se con parte dos fondos europeos do NextGenerationEU), unha planta de fabricación de metanol no complexo petroquímico de Punta Promontorio.

Este 5 de Febreiro, cumpren-se 15 anos (2008) do falecemento do noso ben querido compañeiro Carmelo Teixeiro, primeiro Coordinador do Comité Cidadán de Emerxencia para a Ría de Ferrol. Como xa mencionamos, desde entón ao redor desta data, é cando lembramos a todas as persoas que como Carmelo participaban na loita contra o despropósito gasista.

Despois de que o goberno cedera ante Reganosa, concedendo os permisos de construción e funcionamento, aínda que estes chegaran despois de máis de 17 anos de ter comezado a súa construción e 13 desde a entrada en funcionamento. Todo un proceso cheo de irregularidades, onde se alegan feitos consumados, aínda que fora transgredindo toda a lexislación medioambiental en referencia a súa localización próxima a núcleos de poboación consolidados. Foron responsábeis políticos, funcionarios, tribunais, xornalistas e medios, ... os que se implicaron na fraude, para "legalizar" o despropósito gasista. Abrindo unha nova etapa na loita, despois de cinco sentenzas do Tribunal Supremo en contra da regasificadora de Mugardos.

Reganosa é unha ameaza para a vida humana e o medio ambiente e pode chegar a converterse nunha enorme traxedia, no caso dun accidente na Planta ou no gaseiro. Nesta localización, dentro da Ría, con 40.000 habitantes ao redor, non hai Plan de Emerxencia capaz de facer fronte a catástrofe que provocaría, contiguo como está ademais ao Complexo Petroquímico.

O Comité Cidadán de Emerxencia para a Ría de Ferrol dende o ano 2000, en ausencia e sen amparo das administracións, veuse na obriga de defender a Vida, a Ría e a Legalidade ameazadas pola construción da Planta de Gas de Reganosa. Foron cinco ás sentenzas do Tribunal Supremo que confirmaron que Reganosa está baseada nunha flagrante ilegalidade e non cumpre coa normativa esixida para a construción deste tipo de instalacións. Sentenzas que anulaban a falsa tramitación ambiental que fixo Reganosa ou mesmo o cambio de usos dos terreos nos que se construíu a Planta; a modificación do Plan Xeral de Ordenación de Mugardos, feita polo Concello, que serviu para que se instalara a Planta; ou a resolución do goberno de Mariano Rajoy que eximía a Reganosa de ter que someter-se a avaliación de declaración ambiental (DIA)...  Mais agora a administración, baixo o goberno progresista se lle aprobou a DIA e se lle concedeu os permisos de construción e funcionamento. De todos os xeitos, fronte a este desprósito, o Comité Cidadán para a Ría de Ferrol ten presentado, unha vez máis, recursos contra estes novos permisos.

A regasificadora entrou ilegalmente en funcionamento o 4 de maio de 2007; como ilegais tamén foron as entradas na Ría dos gaseiros que abasteceron, durante anos á planta; irregulares os permisos concedidos tanto de construción e funcionamento; todo o mundo sabía que non cumpría a Lei no asunto fundamental da localización ao non respectar-se a distancia de 2000 metros que marcaba a Lei, ate que en 2013 a Xunta de Galicia elaborou unha Lei á medida de Reganosa...

Estamos diante do maior fraude cometido no noso país coa escusa de que o gas é estratéxico para Galiza.

INMEMORIAM

Ademais de Carmelo, lembramos a: José Gabeiras - presidente de honra do Comité Cidadán in aeternum (Xaneiro de 2005), Xaime Quessada autor do mural contra a imposición de Reganosa, mural que agora se expón no Auditorio Municipal de Ferrol (Decembro de 2007), Santiago Torrente 'Tito' (Marzo de 2009), Tino Deibe autor do logotipo do Comité (Maio de 2010), José Luís Estévez Barros 'Seli' (Decembro de 2011), Regino Varela (Xullo de 2014), Victoria Fernández Paredes, (compañeira de Carmelo, falecida o 8 de novembro de 2014), Ramón Capotillo (Febreiro de 2015), Luís Matalobos (Outubro de 2015), Julio Videira (Xuño de 2016), Joaquín Cupeiro (Decembro de 2016), Julio Pico (Xuño de 2017), Bernardo Bastida, (Xaneiro de 2018), Emilio Romero "Milín" (Marzo- 2018), Mel Sanxoán (Abril de 2018), José Luis Rodríguez Pardo (Xuño de 2018), Helena Sánchez (Novembro de 2018), Pepe Leira (Outubro de 2019), Ricardo González Costas "Cardín" (Xaneiro de 2020), Víctor Agulló López (11 de Xullo de 2021),  Eugenio Pereiro Couce (4 de novembro de 2021), Marichy Cuadrado Caruncho (14 de xaneiro de 2022) e Antonio Dopico Carro (23 de xaneiro de 2022).

Desde Ártabra 21 seguimos apoiando a loita do Comité Cidadán de Emerxencia.

Comité Cidadán de Emerxencia para a Ría de Ferrol
comitecidadan@gmail.com
www.comitecidadan.org
@ComitCEmerxenc


_______


Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.

Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.

Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon