Amosando publicacións coa etiqueta AGAMME. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta AGAMME. Amosar todas as publicacións

venres, novembro 22, 2019

AGAMME organiza as súas VII Xornadas que xirarán arredor do tema da ludopatía na infancia e na adolescencia - Hoxe venres 22 no salón de actos do Antigo Hospicio de Ferrol, dende as 6 da tarde


AGAMME organiza as súas VII Xornadas que xirarán arredor do tema da ludopatía na infancia e na adolescencia


Nos últimos meses a problemática derivada dos xogos e as apostas está presente na opinión pública. Estivo presente nos medios de comunicación ao aparecer a publicidade destes xogos, ligadas a figuras mediáticas, sobre todo deportistas, que animaban a participar coa promesa de grandes triunfos económicos e de popularidade, e estivo presente nas alarmas levantadas a través de profesionais, polo aumento das ludopatías entre a poboación máis nova. Do mesmo xeito, aínda que máis desapercibida, a patronal do xogo, realizaba un congreso na Cidade da Cultura, mentres o Parlamento de Galicia debatía sobre unha lei do xogo que divide a goberno e oposición. Na rúa, ao mesmo tempo, comeza unha mobilización popular contra as casas de apostas, con dous focos importantes: Redondela e A Coruña.

Desde AGAMME, pretendemos abordar esta problemática nunhas xornadas que terán a súa primeira sesión esta semana e que continuarán no primeiro trimestre de 2020.

Nesta primeira quenda contaremos co representante de AGALURE, Gerardo Rodríguez, e con Ana González, da Coordenadora contra a Casa de Apostas de Redondela.

Desenvolverase este venres 22 no salón de actos do Antigo Hospicio dende as 6 da tarde

Atentamente

A XUNTA DIRECTIVA DE AGAMME

Agamme.org

FACEBOOK | TWITTER

Enviado por:
Agamme Ferrol
-agammeferrol@gmail.com-
20 de novembro de 2019 21:05

____________

domingo, novembro 17, 2019

O vindeiro venres 22 de novembro, celebrara-se en Ferrol a primeira sesión das VII Xornadas de Agamme: 'Ludopatía en infancia e adolescencia' - No salón de actos do Antigo Hospicio, desde as 6 da tarde


O vindeiro venres día 22 de novembro, AGAMME inicia as súas VII Xornadas sobre maltrato á infancia e á adolescencia. Terán lugar no Antigo Hospicio de Ferrol ( partir das 18:00 h. e xirarán arredor da problemática da ludopatía na infancia e na adolescencia.

Nesta primeira quenda teremos a ocasión de escoitar a Gerardo Rodríguez, portavoz da Asociación AGALURE, unha entidade galega cun longo percorrido na atención a persoas afectadas pola ludopatía e no traballo de divulgación e sensibilización sobre esta realidade.

Participará tamén Ana Mª González Soto, representante da Coordenadora contra a Casa de Apostas de Redondela, entidade de recente creación que naceu co obxectivo de opoñerse á apertura do local de apostas nas inmediación dun centro educativo en Redondela e que conta cunha ampla participación do movemento social da vila galega.

O debate é especialmente necesario neste momento, tendo en conta o rápido incremento do número de locais dedicados ao xogo e ás apostas en territorio galego. Por outra banda, este ano o Parlamento de Galicia debate unha nova Lei Galega do Xogo, un feito de gran relevancia que vai determinar se se poñen ou non limitacións ás actividades desta industria coa fin de protexer á infancia e á adolescencia do contacto cos seus produtos.

Agamme.org

FACEBOOK | TWITTER

Enviado por:
Agamme Ferrol
-agammeferrol@gmail.com-
14 de novembro de 2019 01:20

______________

venres, xullo 19, 2019

Seis entidades de dereitos de infancia e dereitos da muller piden a xuices e fiscais que apliquen todos os recursos legais para garantir a protección das vítimas menores de idade - A mantenta da nova coñecida esta semana sobre a entrega dunha nena de seis anos ao pai, denunciado por abusos sexuais, para o período de vacacións que lle corresponde - A entrega realizouse no xulgado de familia de A Coruña


Agamme, Rede de Mulleres de Vigo, Marcha Mundial das Mulleres, Asocim, Secretaría das Mulleres do Sindicato Labrego Galego, Adavas Baixo Miño e a Asociación Cultural Fuco Buxán alertan do retroceso que se está a producir en dereitos de certos colectivos, como é o de nenos e nenas vítimas. Esta semana a prensa galega fíxose eco da situación dunha nena de seis anos que foi entregada ao proxenitor sobre quen pesan denuncias de abuso sexual que están a ser tramitadas por un xulgado de Málaga. A nena deberá pasar no domicilio do proxenitor o período de 15 días de vacacións que lle corresponde por sentenza. Nin o xulgado de civil nin o de penal consideraron necesaria ningunha medida de protección, o cal contravén as normas estatais e internacionais sobre os dereitos das vítimas do delito.


Sete entidades galegas de dereitos de infancia e dereitos da muller piden a xuíces e fiscais que apliquen todos os recursos legais para garantir a protección das vítimas menores de idade.

Segundo figura en prensa, este martes unha nena de seis anos foi entregada polo xulgado de familia de A Coruña ao pai para o cumprimento do período vacacional. O xulgado non considerou suficiente para establecer unha medida de protección o feito de que haxa en trámite denuncias por abusos sexuais contra o proxenitor. Sete entidades - AGAMME, Rede de Mulleres de Vigo, Marcha Mundial das Mulleres, ASOCIM, ADAVAS Baixo Miño, Asociación Cultural Fuco Buxán e Secretaría das Mulleres do Sindicato Labrego Galego- reclaman a necesidade de que se garantan os dereitos dos nenos e nenas en procedementos xudiciais, especialmente cando acoden en calidade de vítimas. A lexislación vixente ofrece ferramentas xurídicas suficientes para que tanto na vía penal como na vía civil os xulgados poidan adoptar medidas de protección inmediatas, cando a urxencia da situación o requira. Do mesmo xeito, é potestade do Ministerio Fiscal interesar a aplicación destas medidas cando se observe un risco para a integridade ou o benestar do neno ou da nena. Habendo un procedemento aberto por abusos sexuais contra un proxenitor, permitir ou amparar o cumprimento dun réxime de estancia ten varias consecuencias prexudiciais: en primeiro lugar, a máis evidente, o risco dunha nova exposición á violencia que se está a investigar por parte dun xulgado de instrución de Málaga. Unha exposición por un período de quince días durante os cales as decisión sobre asistencia a servizos sanitarios, etc quedan en mans do proxenitor denunciado; en segundo lugar, como testemuño dun posible delito sexual, a nena debería ser protexida do contacto co presunto agresor, tal e como sinala toda a normativa internacional e estatal a respecto das medidas de protección de vítimas do delito; por último, para as vítimas é profundamente danoso verse desprotexidas pola administración, esa sensación de abandono causa unha segunda vitimización con consecuencias a curto, medio e longo prazo.

As entidades lembran que existe un informe da Axencia Europea de Dereitos Fundamentais que advirte de que a xustiza española non atende adecuadamente ás vítimas de violencia sexual e que isto é percibido de maneira moi negativa por parte das propias vítimas. Ademais o informe de Save the ChildrenOjos que no quieren ver” sinala que a violencia sexual ten unha taxa de sobresementos moi elevada. Tan só 3 de cada 10 casos denunciados chegan a xuízo, os 7 restantes morren na fase de instrución, habitualmente por falta de probas. Dese 30% de casos que van a xuízo, só o 15% levan a unha condena por delito sexual.

Estímase que o 85% do abuso sexual é totalmente invisible, nunca será denunciado. Entre o 80 e o 90%, dependendo dos estudos, o abuso prodúcense no propio ámbito familiar. Con todo este ronsel de datos desastrosos, certas accións por parte da xustiza española non só non contribúe a mellorar as cifras de denuncia senón que serven para alertar de que denunciar abusos cara un fillo ou filla comporta un risco real. Non se observa por parte dos executivos estatal e autonómico ningún interese en mellorar a calidade do sistema xudicial no que se refire á investigación de delitos cometidos contra nenos, nenas e adolescentes. Seguimos co mesmo tipo de equipos de hai dez anos, que seguen a ser seleccionados sen criterios específicos de formación en avaliación de maltrato infantil e abuso sexual e en avaliación do testemuño de menores de idade.No ano 2017 o Parlamento Europeo aceptou a trámite a petición presentada por AGAMME, a Rede de Mulleres de Vigo e o Grupo de investigación Antígona (UAB) en 2015. Fíxoo despois de que a Comisión Europea vise unha posible desconformidade entre a normativa europea relativa á investigación dos delitos sexuais contra menores de idade e a normativa española, así como a práctica levada a cabo por parte da administración e a xustiza españolas. A día de hoxe a investigación continúa aberta. En xaneiro deste ano, a Comisión Europea abriu expediente sancionador contra o Estado Español polo seu atraso en aplicar a devandita normativa europea.

As sete asociacións reiteran a súa preocupación pola situación de nenos e nenas que, como no caso presente, son entregadas a proxenitores sobre os que caen denuncias por presunta violencia. Pola dor que se causa innecesariamente a estes nenos e nenas e pola vulnerabilidade na que se lles sitúa. Ademais, indirectamente marca unha liña de pensamento arredor do abuso sexual infantil e da violencia dentro da familia, prexuízos contra os que o movemento asociativo leva décadas loitando e que dificultan ás vítimas atopar xustiza e protección. As entidades denuncian que no momento actual se está a producir un retroceso en dereitos dos colectivos menos favorecidos, entre eles nenos, nenas e adolescentes, e que se está a devolver ao ámbito do privado e á condena do silencio esta realidade dramática. Por último, anuncian que se dirixirán nos próximos días á Fiscalía Superior e ao Tribunal Superior de Xustiza de Galicia para pedir que se establezan protocolos garantistas dos dereitos das vítimas menores de idade.

18 de xullo de 2019

---






Asociación Galega contra o Maltrato a Menores (AGAMME): Asociación sen ánimo de lucro, fundada en 2010. Os seus obxectivos principais son a visibilización da problemática do maltrato infantil, e de forma sinalada o abuso sexual incestuoso, ofrecer apoio e información a vítimas e as súas familias ou profesionais que traballan habitualmente con nenos, nenas e adolescencia. Para rematar a participación en procesos lexislativos e a presentación de demandas á administración para o cumprimento da lexislación vixente [+Info].

Enviado por:
Agamme Ferrol
-agammeferrol@gmail.com-
18 de julho de 2019 18:52

______________________


luns, xuño 10, 2019

Cando as vítimas falan, o patriarcado treme, ... Por Estrela Gómez Viñas


Por Estrela Gómez Viñas [*]
10.06.2019


Cando as vítimas falan, o patriarcado treme


A imposición do silencio á vítima, o segredo logrado baixo coacción é a gran baza do violento sexual. Con iso logra en primeira instancia un "seguro de impunidade", así como a prolongación do control sobre a súa vítima. Con todo, este non é o único nin quizais o principal beneficio. Como parte dun colectivo, logra facer invisíbel e inverosímil ante a opinión pública a realidade da violencia sexual contra a infancia e a adolescencia, especialmente a incestuosa (gran paradoxa, dado que se trata de polo menos o 80% deste tipo de violencia). Sería tranquilizador poder limitar até este punto a responsabilidade colectiva respecto de esta problemática, aínda que sería unha lectura incompleta: a coacción para lograr o silencio da vítima non tería resultado algún si non existise ao mesmo tempo un pacto social que confirma esta norma. De facto, a profecía do agresor cúmprese: á vítima non se lle cre. A socióloga alemá Nöelle-Neumann describe certos fenómenos sociais que teñen como obxectivo eliminar os elementos "indeseábeis" ou incómodos, empuxalos á marxe, e reúneos baixo a denominación de espiral de silencio, dado que o silenciamento é precisamente a ferramenta de ciruxía social que se pon en práctica. Un recurso que é controlado polos grupos dominantes.

As vítimas de violencia sexual, mulleres, nenas e nenos non son grupos dominantes. Pola contra, son colectivos que se decide enviar á marxe, onde ninguén poida escoitarlles. Falemos agora desas marxes pois, por estraño que pareza, deles parte a miúdo a enerxía que move a Historia. As revolucións acciónanse cando as marxes decídense a borrar a barreira que se construíu no imaxinario social e a poñer sobre a mesa de debate a súa realidade. Ao longo do último terzo do século pasado algunhas pensadoras feministas empezaron a definir esa posición á marxe dos colectivos minorizados, así como a recoñecer a natureza completamente diferenciada dos seus procesos de pensamento e acción. As feministas marxistas analizaron as similitudes entre o punto de vista da experiencia feminina e o punto de vista do proletariado, fronte aos poderes que exercen respectivamente o control hexemónico. Finalmente, por extensión, chegaron á conclusión de que este punto de vista diferenciado, e que elas analizan como máis válido por non atoparse ligado a estruturas de poder, sería aplicábel a calquera outro colectivo sometido.

O silencio social ao redor da violencia sexual estase quebrantando, abriuse unha brecha por onde entra un fino feixe de luz e aire fresco. É un proceso imparábel que pon en perigo a permanencia do poder dos violentos sobre as súas vítimas. Os violentos empezaron a ver que a barita máxica do silencio non era máis que unha construción e que se lles desfai nas mans. O pronunciamento público de actrices, deportistas, de vítimas de pedofilia na igrexa, as campañas en redes sociais, a reacción social ante sentenzas clamorosamente machistas, o traballo constante de asociacións de dereitos de infancia e de loita contra a violencia de xénero, a creación de correntes feministas dentro do dereito, as actuacións de organismos internacionais que advirten do incumprimento dos estándares de dereitos, etc. Todo isto contribuíu á creación deste escenario novo no que é posíbel para as vítimas reconstruírse con dignidade. En calidade de testemuñas dunha realidade oculta poden situarse, tal e como definiu G. Agamben, como "suxeito ético", e desde aí promover cambios.

Non cabería esperar, por suposto, que quen ostentou o poder permaneza impasíbel ante este novo estado de cousas. A reacción, o movemento contrarrevolucionario, o backlash ao que cantase Nina Simone (not me, just wait and see) está aquí, tocando á porta. Móstrase violentamente, facendo alarde das súas armas, o cal por outra banda non fai senón confirmar a súa caída, a súa ocaso, o seu medo. Nos últimos meses púxose en escena esta estratexia de basilisco. Partidos políticos que reclaman a derrogación da Lei de Violencia de Xénero, tribunais que defenden sen pudor resolucións que depositan nas vítimas a responsabilidade do feito violento, a persecución de profesionais por cumprir a súa deber de denunciar situacións de violencia ou defender a nenos e nenas en procedementos xudiciais, etc. A persecución mediática que están sufrindo varias mulleres que denunciaron no seu día abusos incestuosos contra os seus fillos e fillas, é a última e máis alarmante mostra. O lobby prol-Ssap (Suposto síndrome de alienación parental) non vai soltar a presa tan alegremente. Logo de fabricar a receita maxistral do Ssap e lograr que se aplicase aínda sen o respaldo da comunidade científica e deste xeito eliminar dunha plumada a validez do testemuño infantil e a capacidade de protección das nais. Logo de emprender a estratexia do ataque aos e as profesionais que dalgún xeito tomasen partido a favor das vítimas de abuso incestuoso. Agora inicia a terceira fase: o ataque contra as asociacións dedicadas á defensa dos dereitos das vítimas e á promoción dunha xustiza adaptada á infancia que logre baixar a taxa de sobreseimentos e eleve a capacidade de protección por parte do sistema xudicial. 'Infancia Libre' foi a primeira, pero non será a última. Salvo que haxa unha resposta firme por parte do movemento de dereitos de infancia e de vítimas de violencia de xénero. O tecido asociativo xoga un papel imprescindíbel na constitución da vida democrática dun país. É un dereito da cidadanía, que habilita vías para a súa participación nos espazos políticos e públicos. Permitir o ataque indiscriminado a unha asociación como 'Infancia Libre' tachándoa, sen fundamento, de organización criminal, é admitir que se poñan mordazas ás vítimas. A sabedoría popular recórdanolo, quen cala outorga. Nosa será a responsabilidade do que veña despois.

10 de xuño de 2019

[*] Estrela Gómez Viñas. Coordinadora de AGAMME, Asociación Galega contra ou Maltrato a Menores. Profesora de educación secundaria. Mediadora social en prevención do abuso sexual infantil. Relatora e autora de artigos en distintos foros e medios sobre dereitos de infancia.








Asociación Galega contra o Maltrato a Menores (AGAMME): Asociación sen ánimo de lucro, fundada en 2010. Os seus obxectivos principais son a visibilización da problemática do maltrato infantil, e de forma sinalada o abuso sexual incestuoso, ofrecer apoio e información a vítimas e as súas familias ou profesionais que traballan habitualmente con nenos, nenas e adolescencia. Para rematar a participación en procesos lexislativos e a presentación de demandas á administración para o cumprimento da lexislación vixente [+Info].

Enviado por:
Agamme Ferrol
-agammeferrol@gmail.com-
10 de junho de 2019 00:01

_______________

Foto de Cesar Toimil 30.07.2017 | 

mércores, maio 22, 2019

O mércores 29 de maio, a partir das 7 da tarde no Ateneo Ferrolán, Agamme organiza a Palestra: 'Lingua, poder e adolescencia no proceso de substitución lingüística', a cargo do profesor Miguel Rodríguez Carnota - A mantenta da discriminación lingüística do alumnado galego falante


O vindeiro mércores 29 de maio, a partir das 19:00h no Ateneo Ferrolán, AGAMME organiza a  PALESTRA “Lingua, poder e adolescencia no proceso de substitución lingüística”, a cargo do profesor Miguel Rodríguez Carnota.

A través do seu relatorio, Carnota expoñerá os resultados da súa tese doutoral na que investiga a existencia dunha realidade de acoso escolar por razón de lingua no noso sistema educativo que non se está a identificar nin abordar.

Miguel Rodríguez Carnota é mestre de lingua inglesa, Licenciado en Filosofía e en Ciencias da Educación. Master of arts in education and applied linguistics pola Open University. É autor de diversas publicacións sobre a temática da discriminación lingüística do alumnado galego falante e dun método de aprendizaxe de inglés a partir da lingua galega. É coautor do método de lectoescritura Chirlo Merlo (Ir Indo, 1991).

Agamme.org

FACEBOOK | TWITTER

Enviado por:
Agamme Ferrol
agammeferrol gmail.com
21 de maio de 2019 22:53

_________________

domingo, maio 05, 2019

Xogar ao despiste, ... Por Estrela Gómez Viñas


Por Estrela Gómez Viñas [*]
04.05.2019


Xogar ao despiste

Esta semana o Parlamento Andaluz cedeu ante a intención aberta da ultradereita de atacar o centro do sistema de atención a vítimas de violencia de xénero. Foron entregados datos estatísticos sobre a formación destes equipos. A argumentación da ultradereita baséase en que ao ser, supostamente, persoal pouco formado os informes destes equipos estarían danando xudicialmente aos homes acusados de violentos. Bo intento, pero vai ser que non.

En primeiro lugar, as asociacións que loitamos contra a violencia de xénero e a violencia sexual hai anos que reclamamos a necesidade de que se dote de persoal especializado a todos os equipos que actúan en procedementos xudiciais nos que participan vítimas. Reclamámolo porque é un dos principios establecidos normativamente a nivel internacional para garantir o acceso a unha xustiza efectiva para a vítima. Considérase imprescindible para evitar a vitimización secundaria (que sofre a vítima) e para facilitar que (a vítima) poida ofrecer o seu testemuño coa maior calidade posible, así como para identificar a necesidade de protección urxente (que a vítima) poida ter. Todos os estudios coinciden en que a falla de formación diminúe a posibilidade de que o procedemento penal chegue a bo porto, así como de que a vítima atope protección e reparación.

A formación profesional adecuada é, primeiramente, un dereito e unha necesidade da vítima e un requisito para unha xustiza de calidade. Por suposto, esta obriga de formación non alcanza unicamente aos equipos específicos de violencia de xénero, senón que abarcaría aos equipos forenses, xuíces-as, fiscais, letrados-as, é dicir, a todos os axentes que entran en acción no procedemento.

Con esta nova parecemos pasar por alto datos máis relevantes. En primeiro lugar, que na análise dun caso, entre os resultados dos servizos específicos de violencia de xénero e os que aportan os equipos de avaliación forense dos xulgados, os tribunais inclínanse maioritariamente cara aos segundos. Por outra parte, a presunción de inocencia fai recaer a dúbida a favor do reo. A vítima queda entón fóra do sistema de protección. O informe do Defensor do Pobo do ano 2014 déixao claro: os equipos forenses dos xulgados non se seleccionan con criterio de especialización. No caso galego, por exemplo, a Xunta de Galicia establece como único requisito estar en posesión da Licenciatura de Psicoloxía. Significa que todas as mulleres, nenos e nenas que deban ser escoitados-as por medio destes equipos non terán a garantía de que o seu testemuño se recolla coa calidade á que obriga a normativa internacional. A miúdo, non se recolle o relato dos nenos e nenas porque, segundo certos equipos forenses, non poden entrevistar a menores de 6 anos. En realidade si que existen instrumentos adecuados para estas idades, pero hai que coñecelos, por suposto. Collida textualmente a argumentación destes equipos forenses, sería como dicir que os delitos que se cometen contra menores de 6 anos non teñen cabida no sistema xudicial. A súa palabra, sen dúbida, non a ten.

A estratexia que está levando a cabo a ultradereita é sinxela: xogar ao despiste. Por unha parte, a mentira a partir dun feito supostamente probado. Aínda sen entrar a discutir se en Andalucía estes equipos profesionais posúen ou non a formación adecuada, a falla de formación o que ocasiona é desprotección para a vítima e impunidade. Por outra parte, a maioría das resolucións relativas á necesidade de protección dunha vítima de violencia de xénero ou violencia sexual finaliza na fase de instrución. Para mostras o dato de Save the Children: o 70% das denuncias de abuso sexual infantil non chegan a xuízo. Presumir que o sistema prexudica aos acusados de violencia é unha falsidade. O gran problema da violencia de xénero e a violencia sexual continúa sendo a escasa credibilidade que se concede á vítima como parte do procedemento, a incapacidade por parte dos axentes xudiciais para recoñecer algúns indicadores relevantes de violencia, así como para entender a linguaxe verbal e non verbal da vítima.

Unha cosa si debemos dicir a favor dunha parte moi importante dos e das profesionais destes equipos específicos é o seu interese por reciclarse e manterse en constante coordinación. A estratexia dos ultra é agora cargar contra os e as profesionais que acompañan ás vítimas, que fan os informes de risco, que recollen o testemuño. Observamos como certos sectores que senten a lei de violencia de xénero como unha ameaza para os seus privilexios dirixiron a campaña contra aquelas que se converten na canle de transmisión da voz das vítimas: psicólogos-as, pediatras, letradas-os,… e agora os equipos específicos de violencia de xénero. Deixar inoperativos os servizos estratéxicos nos que pode apoiarse a vítima, ese é o obxectivo do momento. É un discurso interesado concordante coa ideoloxía da que fai alarde esta dereita ultra e descabezada. Teñamos coidado de non permanecer pasivas ante a mentira como estratexia. Tócanos mover.

Asociación galega contra o maltrato a menores








[*] Estrela Gómez Viñas. Coordinadora de AGAMME, Asociación Galega contra ou Maltrato a Menores. Profesora de educación secundaria. Mediadora social en prevención do abuso sexual infantil. Ponente e autora de artigos en distintos foros e medios sobre dereitos de infancia.

AGAMME: Asociación afincada en Galicia, fundada en 2010. Os seus obxectivos principais son a visibilización da problemática do maltrato infantil, e de forma sinalada o abuso sexual incestuoso, ofrecer apoio e información a vítimas e as súas familias ou profesionais que traballan habitualmente con nenos, nenas e adolescencia. Para rematar a participación en procesos lexislativos e a presentación de demandas á administración para o cumprimento da lexislación vixente.

Enviado por:
Lupe Ces
-lupeces@gmail.com-
4 de maio de 2019 18:03
__________

venres, marzo 15, 2019

Comunicado de AGAMME e Fight For Child sobre sentenza que confirma prisión para Juana Rivas - As entidades contra o maltrato aos menores, amosan o seu rexeitamento a unha sentenza que é o colofón de toda unha serie de decisións xudiciais contrarias aos últimos avances lexislativos en materia de vítimas de violencia de xénero


Con motivo da noticia feita pública no día de onte, AGAMME e Fight For Child mostran o seu rexeitamento a unha sentenza que é o colofón de toda unha serie de decisións xudiciais contrarias aos últimos avances lexislativos en materia de vítimas de violencia de xénero

As asociacións de loita contra a violencia de xénero e contra o maltrato infantil denunciamos desde hai anos un funcionamento inadecuado da xustiza no enxuizamento dos delitos que se encadran nestes dous contextos de violencia. En boa parte por falta de medios suficientes e adecuados e a escasa formación dos profesionais que se encargan de escoitar ás vítimas e valorar o seu testemuño. Con todo, existe outra barreira si cabo máis difícil de superar. Referímonos a certos prexuízos instaurados na nosa xurisprudencia que establece a suspicacia cara á vítima como punto de partida.

Un exemplo deste modus operandi é a Circular 3/2009 da Fiscalía Xeral do Estado que invita aos e ás Fiscais a desconfiar das acusacións de maltrato infantil en contextos de divorcio, facendo referencia a posibles intereses espurios que puidesen ter os familiares do neno ou nena. Trátase, unha vez máis, da suposta síndrome de alienación parental (SAP), ese artiluxio psico-legal tan beneficioso para quen queira inutilizar o testemuño das vítimas menores de idade. Recordamos de novo que esta teoría non só non recibiu o apoio da comunidade científica, senón que ten sido profusamente refutada polas inescusábeis carencias metodolóxicas que presenta. Non é ciencia, e con todo desde hai uns vinte anos non deixou de ser utilizado por parte dun determinado sector da xudicatura.

A suposta SAP é o que subxace no caso Juana Rivas. Non unicamente no procedemento civil que se levou a cabo en Italia, onde o psicosocial expón abertamente o concepto, senón xa no primeiro momento, cando Juana chega a Granada solicitando unha medida que protexa aos seus fillos, para non ter que regresar a Italia, e a xustiza española dille que non, que os nenos deben volver ao seu lugar de referencia, desoíndo á nai e ao maior dos irmáns, que relataban malos tratos físicos e psicolóxicos. España esqueceuse? dunha posibilidade: establecer medidas cautelares mentres non se resolvese o procedemento penal polos presuntos malos tratos, ou ata establecer medidas definitivas en base á violencia ocorrida en 2009, xa probada. Esa era a boa, a única. Nese desleixo, nesa omisión, está o xerme de todo o que sucedeu posteriormente.

Juana Rivas desapareceu cos seus fillos durante varias semanas. Esperaba que sucedese algo coa denuncia que presentara por malos tratos. Ou con aquela outra sentenza, que condenaba a Arcuri por violencia de xénero en 2009. Pero ese algo non chegou. Finalmente España respondeu que non podía xulgalos porque era competente Italia e non había certeza de que non se estivesen investigando alá. Unha denuncia que segue en espera, case dous anos máis tarde, nalgún caixón dun xulgado italiano.

Di a sentenza coñecida no día de onte que Juana "quedábase sen argumentos" e que "desviaba a atención dos feitos" cara á condena de malos tratos do ano 2009. É certamente grave que unha sentenza conteña estas expresións. Esquecéronse as súas señorías de que, efectivamente, Juana Rivas é unha vítima de violencia de xénero? esqueceron que a día de hoxe os fillos e fillas de vítimas serían considerados, por lei, vítimas tamén, necesitadas da mesma protección? É deplorábel que persistan certos clichés e que a xudicatura, polo menos un sector da mesma, sexa tan remisa a aceptar certos cambios lexislativos.

Para rematar, chamamos a atención sobre a magnitude das medidas que se tomaron, nun exercicio exemplarizante, a modo de advertencia. Este asañamento é especialmente grave pola súa condición de vítima, que os tribunais non parecen querer ter en conta. E por outra banda porque condena aos nenos ao silencio, dado que a última vez que o fillo maior falou sobre malos tratos recibidos a mans do proxenitor no último ano e medio, a xustiza italiana non o tivo en conta por considerar que está baixo os efectos da influencia materna. Isto non pode senón recordarnos os poderes que, segundo S. Federici, atribuíanse ás mulleres acusadas de bruxería no pasado: poderes máxicos sobre a vontade allea. A pregunta é, de que outra forma podería Juana Rivas alienar aos seus fillos si desde 2017 non residen con ela?

Preocúpanos a situación de vulneración de dereitos de Juana Rivas como muller vítima de violencia de xénero que propiciaron toda as actuacións xudiciais tanto española como italiana. Preocúpanos enormemente que se estean levando as represalias contra as mulleres denunciantes a este grado de extrema dureza. Pero o que nos parece máis sangrante é que, pola inacción do estado español dous nenos de 4 e 12 anos, que poderían recibir o amparo dunha medida de protección, están agora nunha situación de enorme vulnerabilidade e con innumerábeis dificultades para facerse oír no futuro.

O aparello da suposta SAP funcionou á perfección: acalar ás vítimas, impedir o enxuizamento do delito e, acto seguido, deixar caer toda a forza da Lei sobre aqueles-as que debesen recibir atención e protección.

Por todo iso, AGAMME e Fight For Child anuncian que nos próximos días farán chegar senllos escritos ao Defensor do Pobo, ao Consello Xeral do Poder Xudicial e á Fiscalía Xeral do Estado, solicitando unha avaliación do nivel de aplicación do Pacto de Estado en materia de Violencia de Xénero, no relativo ás medidas concernentes aos fillos e fillas vítimas. No texto solicitarán que se establezan protocolos para a inspección da función xudicial naqueles casos nos que se actúe de xeito contrario á lexislación, cando se trate de determinar a necesidade de protección dun neno, nena ou adolescente. Do mesmo xeito, recordarase aos organismos a necesidade imperativa de garantir o exercicio pleno do dereito de todo neno ou nena a ser escoitado-a nos procedementos nos que se decida sobre réximes de visita ou custodia, especialmente cando exista un rexeitamento manifesto a manter contacto con algún familiar.

Os fillos de Juana Rivas han de saber que non se quedaron sos. Que seguimos loitando cada día, por difícil e esgotador que sexa. A masa de mulleres que saíu á rúa hai menos dunha semana a reclamar dereitos debe facerse oír agora, e cada vez que unha vítima sexa silenciada ou represaliada.

15 de marzo, de 2019

Asociación galega contra o maltrato a menores







Envia do por:
Agamme
-agammeferrol@gmail.com-
15 de março de 2019 01:30

________________