Amosando publicacións coa etiqueta AGEe. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta AGEe. Amosar todas as publicacións

xoves, maio 18, 2017

Lídia Senra advirte dos efectos nocivos das actividades de economía azul no futuro dos océanos - A eurodeputada galega esixe unha gobernanza dos océanos que poña a protección dos caladoiros e ecosistemas por diante do lucro privado - A europarlamentaria pide a paralización de todos os proxectos de prospeccións de hidrocarburos e minarías nos fondos mariños


A eurodeputada galega Lídia Senra, integrada no Grupo Confederal da Esquerda Unitaria Europea/Esquerda Verde Nórdica (GUE/NGL), considera que as actividades que engloban a chamada “Economía Azul” promovida pola UE -como a acuicultura industrial, a minaría submarina ou as prospeccións de petróleo, entre outras- “van implicar un menoscabo social, económico e ambiental para a pesca artesanal e a pequena escala e comprometerán seriamente o futuro dos caladoiros e, en definitiva, dos océanos”. Estas preocupacións van recollidas nas emendas que a eurodeputada galega ven de presentar a unha opinión da Comisión de Pesca do Parlamento Europeo, da que é membro. Esta opinión do Parlamento Europeo contribuirá á Axenda polo Futuro dos Océanos no contexto dos Obxectivos para o Desenvolvemento Sostible de 2030, a poucas semanas de que se celebre unha conferencia de alto nivel da ONU sobre os océanos na cidade de Nova Iorque.

Para a eurodeputada galega, o impacto das actividades da Economía Azul que promove a UE deben centrar o debate sobre o futuro dos océanos e facelo dende unha perspectiva de protección dos caladoiros e ecosistemas fronte aos intereses privados de grandes multinacionais da minaría submarina, a explotación de hidrocarburos e a enerxía mareomatriz (mareas) e undimotriz (ondas). “A pesca artesanal e a pequena escala son sectores claves nas comunidades costeiras e garanten a soberanía alimentaria dos pobos, polo que deben ser protexidas fronte ao acaparamento a nivel mundial dos océanos para múltiples usos que acaban causando contaminación e afectando aos recursos pesqueiros”, sinalou. Por esta razón, Senra entende “que se deben paralizar todos os proxectos de prospeccións de hidrocarburos e minaría nos fondos mariños, como é o caso da mina Solwara 1, destinada a explotar xacementos de ouro e cobre en Papúa Nova Guinea, o primeiro gran proxecto de minaría nos fondos marinos e nunha zona hábitat de corais e numerosos cetáceos”. “Hai uns días coñecemos novos proxectos para a busca de hidrocarburos en augas do Gran Sol, un caladoiro no que tamén pesca a frota galega, e hai que ter presente que actividades coma estas serán sen dúbida graves, incertas e non atenderán a fronteiras”, engadiu a eurodeputada.

Senra, que se dirixiu recentemente á Comision Europea para preguntar pola incidencia destas actividades económicas sobre os recursos pesqueiros do Gran Sol, lembra que un recente estudo encargado pola Comisión de Pesca do Parlamento Europeo sobre o impacto do Crecemento Azul na UE sobre as pesquerías a pequena escala recoñece que este amplo sector incrementará a presión polo espazo nos océanos, converténdose nunha causa potencial de conflitos, e que os impactos sobre o medio ambiente serán previsiblemente negativos, entre eles cambios nas dinámicas costeiras, contaminación mariña e impacto sobre o fondo mariño. No caso das pesquerías locais, o estudo admite que os efectos ambientais da Economía Azul serían negativos para a pesca en xeral e, en concreto, para a que se realiza a pequena escala ou o sector artesanal. No caso da acuicultura, o estudo sinala posibles impactos na costa derivados da introdución accidental de especies invasoras e do uso de químicos e antibióticos nas granxas.

A vindeira conferencia da ONU sobre os océanos que terá lugar entre o 5 e o 9 de xuño en Nova Iorque será unha boa oportunidade de poñer sobre a mesa un debate que vai ser vital á hora de definir que océanos teremos no futuro e o porvir económico, social e medioambiental das nosas costas”, recalcou Senra. “Á hora de entender a situación dos mares e dos recursos pesqueiros temos que fixarnos na pesca, xa que é unha das principais actividades que se levan a cabo no mar, pero tamén pensar que a esta lle afectan gravemente outras actividades con moito impacto, como as que se propoñen na denominada Economía Azul, as políticas urbanísticas ou o transporte marítimo”.

Bruxelas, 18 de maio de 2017.

Lídia Senra, eurodeputada galega, integrada no Grupo Confederal da Esquerda Unitaria Europea/Esquerda Verde Nórdica (GUE/NGL) | Tlf: 609 845 861, lidia.senra@europarl.europa.eu | http://ageuropa.gal/https://www.facebook.com/LidiaSenraRodriguez

Enviado por:
AGEe Europa
-ageeneuropa@gmail.com-
18 de maio de 2017 11:03

_____________

mércores, febreiro 08, 2017

Chegan ao Parlamento Europeo os trinta alcaldes e concelleiros galegos acompañados pola eurodeputada galega Lídia Senra


Lídia Senra participa, xunto a 30 alcaldes e concelleiras e concelleiros galegos, no Encontro Anual Realpe de representantes Locais Electos da Esquerda Europea. | Chegan ao Parlamento Europeo os trinta alcaldes e concelleiros galegos acompañados pola eurodeputada galega Lídia Senra. | Entre eles Álvaro Montes Celeiro, de Ferrol; Gustavo Pita Carballeira, de Ares; Xosé Manuel Pérez Sardiña, de Cabanas e María Chao Martínez, das Pontes.


A deputada galega Lídia Senra participará este mércores en Bruxelas, a partir das 15:00 horas, no Parlamento Europeo, no encontro anual REALPE de representantes locais electos, que organiza o Grupo Confederal da Esquerda Unitaria Europea/Esquerda Verde Nórdica (GUE/NGL) baixo o título de “Emprego, dereitos sociais e solidariedade desde os municipios”. Senra asistirá á xornada de debate acompañada por trinta persoas que na actualidade exercen de alcaldes ou concelleiras e concelleiros nos municipios galegos.

Na xornada, que se prolongará durante toda a tarde do mércores e a mañá do xoves, intercambiaranse experiencias entre cargos municipais de diferentes lugares da Unión Europea sobre políticas para o fomento do emprego, da defensa dos dereitos sociais e da acollida de persoas refuxiadas.

De Galiza, na iniciativa internacional participarán os alcaldes de  Salceda de Caselas e A Pobra do Caramiñal, Marcos Besada e Xosé Lois Piñeiro, respectivamente; así como os tenentes de alcalde de Cambados e Ferrol, Constantino Cordal Rodríguez e Álvaro Montes Celeiro. Tamén integran este grupo concelleiros e concelleiras como Fabiola Durán Pedroso, de Arbo; Sonia Vidal e Eladi Cid Babarro, de Xunqueira de Ambía; María Chao Martínez, das Pontes; Antonio Castro, de Rianxo; Mar Blanco Casais, da Estrada; Carlos Lorenzo Simón, de Toén; Ánxela Vizoso, de Cangas; Óscar Carrete, de Folgoso do Courel; Jorge González Lamas, de Pereiro do Aguiar, Jorge Vázquez Rodríguez, de Trives; Santiago Martínez López e Saleta Fernández de la Torre, de Cuntis; Manuel Seixas Caamaño e Noelia Estévez García, de Noia; Gustavo Pita Carballeira, de Ares; Maribel García Díaz, de Monforte; Celsa Oreiro Bermúdez e Óscar Blanco Tasende, de Val do Dubra; Manuel Siverio Miras Liñares, de Oroso; ou Xosé Manuel Pérez Sardiña, de Cabanas.

Todas e todos eles chegaron xa este martes ao mediodía a Bruxelas e comezaron a súa viaxe pola capital europea realizando hoxe pola tarde unha visita guiada ao Parlamento Europeo.

Lídia Senra, eurodeputada galega, integrada no Grupo Confederal da Esquerda Unitaria Europea/Esquerda Verde Nórdica (GUE/NGL)
lidia.senra@europarl.europa.eu

http://ageuropa.gal/


Enviado por:
AGEe Europa
-ageeneuropa@gmail.com-
7 de fevereiro de 2017 16:58
_____________

sábado, febreiro 04, 2017

A eurodeputada galega Lídia Senra en Ferrol, o sábado 4 de febreiro, coa Xente do Mar, nunha rolda polos portos galegos, para abordar a regulación sobre a conservación dos recursos pesqueiros e a protección dos ecosistemas mariños


Lídia Senra en Ferrol sobre pesca este sábado. | Reunión de Lídia Senra con persoas pertencentes ao sector pesqueiro galego.


A deputada galega Lídia Senra continúa este sábado, 4 de febreiro, coas reunións co sector pesqueiro en diferentes puntos do litoral galego. Concretamente, Senra estará ás 11:00 horas na Confraría de Pescadores de Ferrol (no peirao de Curuxeiras). O obxectivo deste encontro é continuar coas xuntanzas con pescadores e pescadoras que Lídia Senra comezou en xaneiro en Corcubión, A Pobra do Caramiñal e Combarro, para abordar as modificacións para o sector que pretende introducir a UE mediante a Proposta de Regulamento do Parlamento Europeo e o Consello sobre a conservación dos recursos pesqueiros e a protección dos ecosistemas mariños con medidas técnicas. O encontro deste sábado en Ferrol está aberto aos medios de comunicación.

Encontro informativo con Lídia Senra e recollida de opinións

PROPOSTA DE REGULAMENTO DO PARLAMENTO EUROPEO E O CONSELLO SOBRE A CONSERVACIÓN DOS RECURSOS PESQUEIROS E A PROTECCIÓN DOS ECOSISTEMAS MARIÑOS CON MEDIDAS TÉCNICAS

Sábado 4 Febreiro, ás 11:00hrs, na Confraría de Pescadores de Ferrol, no Peirao de Curuxeiras, s/n Ferrol, Encontro con Lídia Senra, eurodeputada galega
__________

Máis información e/ou entrevistas:
Lídia Senra, eurodeputada galega, integrada no Grupo Confederal da Esquerda Unitaria Europea/Esquerda Verde Nórdica (GUE/NGL)

lidia.senra@europarl.europa.eu

https://www.facebook.com/LidiaSenraRodriguez/

https://twitter.com/LidiaSenra

http://www.telegram.me/AGEuropa

http://ageuropa.gal/


Enviado por:
Comunicación Lídia Senra
-comunicacionlidiasenra@gmail.com-
3 de fevereiro de 2017 13:23

_____________________

domingo, xullo 31, 2016

Lídia Senra: “A ‘non aplicación’ da multa non pode repercutir en máis ataques ás clases populares” - A ameaza de suspensión de fondos feita pola CE evidencia que o Estado está intervido por Bruxelas - O goberno Español comprometeu-se a aplicar un duro axuste para o ano 2017 - A eurodeputada galega formula unha batería de medidas a aplicar para facer fronte ao déficit, incluída unha posíbel saída do Euro


A oficina en Bruxelas da eurodeputada galega, Lídia Senra, remitiu-nos unha moi interesante información que nos vai comezar a afectar nos vindeiros meses. E non se trata do Brexit, onde o segundo maior contribuidor ás arcas europeas decidiu abandonar o barco da UE que seguro nós vai afectar e moito. Non, trata-se da "non aplicación da sanción de 2.200 millóns de euros" por incumprimento do déficit, a cambio dun forte axuste económico e social. O Goberno en funcións de Mariano Rajoy, comprometeu ao polo de agora Reino de España, a aplicar un duro axuste para o ano 2017. Desde Ártabra 21 convidamos a ler as dúas novas con atención e tomar nota do que se aveciña. Un novo goberno do cambio, tería que saber que o que iría facer fronte a isto no caso de acadar o poder nas institucións. Os próximos invernos van ser duros.

Lídia Senra: “A ‘non aplicación’ da multa non pode repercutir en máis ataques ás clases populares”. | A eurodeputada de AGEe plantexa unha batería de medidas a aplicar para facer fronte ao déficit, incluída unha posíbel saída do Euro. | Salienta a necesidade dun Goberno disposto a “dar pasos” para recuperar a Soberanía Popular e facer fronte á ditadura de Bruxelas.

O feito de que o Estado español e Portugal, non sexan multados por incumprir os obxectivos de déficit do 2015 é positivo, xa que o contrario, no caso do Estado Español, suporía sacar das arcas públicas uns 2.200 millóns de euros, tendo como consecuencia un incremento dos xa asfixiantes recortes que vimos sufrindo nos últimos tempos [1].

Agora ben, esta “non aplicación” da sanción non é gratuíta. O Goberno en funcións comprometeuse a aplicar un duro axuste para o ano 2017, para reducir o déficit do 5,2% -en 2015- ao 4,6% no 2016, para situarse en 2018 no 2,2%, é dicir, por embaixo do 3% que establece o Pacto de Estabilidade. A Comisión Europea xa puxo en marcha a chantaxe conxelando, polo momento, os fondos estruturais que recibe o Estado até saber cales son as medidas concretas que vai acometer o Goberno español para levar adiante os recortes comprometidos.

Diante deste novo contexto, “o primeiro que debería facer o Goberno español é explicar claramente que accións vai emprender para chegar aos obxectivos de déficit aos que se comprometeron”, esixiu a eurodeputada de Alternativa Galega de Esquerda (AGEe), Lídia Senra. Tendo en conta que a data límite para tomar medidas é o 15 de outubro de 2016, “é máis que urxente que este Goberno en funcións explique os compromisos asumidos”, apremiou.

Ademais disto, “cómpre esixir con contundencia que calquera compromiso para reducir o déficit debe pasar por incrementar os ingresos para o erario público sen acudir a privatizacións de ningún tipo nin cargar os impostos indirectos”, evitando que recaian novamente sobre as clases populares.

Estas son algunhas das medidas que a eurodeputada de AGEe identifica como necesarias para afrontar a crise provocada polas políticas de austeridade impostas para reducir o déficit:
  1. O primeiro paso debería ir no camiño de que sexan os bancos e as grandes empresas responsábeis da débeda pública quen asuma a parte que lle corresponde dos xuros da débeda -nos orzamentos de 2016 adícanse 34.000 millóns de euros so para pagar os xuros da débeda.
  2. Lexislar para poñer fin á elusión [2] e á evasión fiscal, obrigando ás grandes empresas a pagar os seus impostos. Cómpre recordar que o Ibex-35 triplicou a súa presenza en paraísos fiscais durante a crise. E que, segundo un informe de Oxfam Intermon e o ORCS, o Banco de Santander é o principal beneficiario da elusión fiscal con 235 filiais localizadas en territorios con vantaxes fiscais.
  3. Negarse a que sexa Bruxelas quen marque os obxectivos de déficit do Estado e as regras para reducilo, xa que isto impide facer políticas sociais, provoca o desmantelamento dos servizos públicos básicos como sanidade, ensino ou os servizos sociais, ameaza as pensións, obriga a privatizar todo o que nos queda público, provoca unha enorme destrución de emprego e impón “reformas” para arrebatar os dereitos laborais conquistados polas loitas das e dos traballadores.
  4. Facer fronte ás imposicións que significa o actual proxecto de integración neoliberal e autoritaria, mediante actuacións que permitan a recuperación da Soberanía Popular e o dereito a decidir dos pobos. Neste sentido esiximos a retirada do denominado “documento dos cinco presidentes” sobre como avanzar na construción dunha unión económica e monetaria, por canto supón afondar aínda máis nestas políticas neoliberais que nos están destruíndo.
  5. Eliminar da Constitución Española a obriga de priorizar o pago da débeda.
A Comisión Europea utiliza a chantaxe para lograr os seus obxectivos sabendo que as súas imposicións supoñen aumentar aínda máis o noso empobrecemento e a precarización das clases populares”, advertiu a eurodeputada galega. Por iso “cómpre un Goberno disposto a dar pasos”, reivindicou, “os pasos necesarios para recuperar a capacidade de decidir sobre os orzamentos e sobre o nivel de déficit en función dos intereses da maioría. Os pasos necesarios para priorizar políticas para manter os servizos públicos e os bens comúns a salvo das privatizacións, chegando mesmo ao abandono da moeda única se fora preciso para garantir os dereitos das persoas. Os pasos necesarios para crear emprego e recuperar a capacidade de desenvolver todos os nosos sectores produtivos e para que o respecto aos dereitos humanos, entre eles a saúde, a educación, ou o dereito á folga... estean por enriba dos intereses do capital”.

Bruxelas, a 28 de Xullo de 2016.

“A ameaza de suspensión de fondos feita pola CE evidencia que o Estado está intervido por Bruxelas”. | Achegamos listaxe correspondente aos fondos europeos propostos para suspensión pola CE e carta na que o PE acepta debate estruturado. | Senra esixe que Feijoo “dea a cara” para explicar o impacto nos orzamentos da Xunta e demanda oposición total ás medidas da UE.

O pasado 14 de xullo o Vicepresidente da Comisión Europea Jyrki Katainen remitiu unha carta ao Presidente do Parlamento Europeo, Martin Schulz, achegando unha lista de posíbeis Fondos Estruturais e de Investimento Social Europeo que poderían ser conxelados no Estado español e Portugal en virtude da Normativa de Disposicións Comúns que rexe este tipo de fondos -entre os que se atopan, entre outros, o Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER), o Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural ou o Fondo Europeo Marítimo e da Pesca, e que prevé que parte deses recursos podan ser suspendidos se o Consello decide que un Estado membro non tomou medidas eficaces en resposta a unha recomendación emitida no contexto do Procedemento de Déficit Excesivo.

Posto que o pasado 12 de xullo, á vista de que o déficit do Estado español e Portugal non era inferior ao 3%, o Consello ditaminou que estes Estados realizaron un esforzo orzamentario que ficou “moi por embaixo do recomendado”, dánse xa as condicións contempladas pola tecnocracia europea para proceder á chantaxe da ameaza de suspensión de fondos públicos a estes dous Estados membro.

Nos fondos propostos para suspensión atópanse tódolos plans de desenvolvemento rural do Estado español, polo tanto tamén o galego; así como programas de dimensión estatal que afectan directamente ao noso País, como o Programa Operativo Rexional; o Programa Operativo do Fondo Europeo Marítimo e de Pesca; o Programa Operativo de Emprego, Formación e Educación; o Programa Operativo de Inclusión e Economía Social; o Programa Operativo de Asistencia Técnica; o Programa Operativo de Crecemento Intelixente; o Programa Operativo de Crecemento Sustentábel ou o Programa Operativo Iniciativa PEME, entre outros.

O 25 de xullo o Presidente do Parlamento remitiu unha carta ao Presidente da Comisión Europea, Jean Claude Juncker, aceptando a proposta da CE de que logo do verán teña lugar un debate estruturado entre a Comisión Europea e o Parlamento Europeo a fin de discutir, no caso de que finalmente se dea unha suspensión de fondos, cales dos sinalados na lista proposta pola Comisión Europea serían os afectados. Logo deste proceso a Comisión Europea proporá para a súa aprobación no Consello Europeo -conformado polos/as presidentes dos estados membros- unha lista de fondos a conxelar, como castigo ao incumprimento do déficit do Estado Español.

De concretarse a posibilidade da suspensión de fondos -sinalou a eurodeputada de Alternativa Galega de Esquerda en Europa (AGEe), Lídia Senra-, o Plan Estratéxico 2015-2020 do que alardea Feijoo, e que mesmo nos veu ‘vender’ a Bruxelas o Conselleiro de Facenda, podería converterse en papel mollado”.

Este escenario de violencia económica debuxado polas institucións europeas, “pon de manifesto algo que sempre se quixo ocultar, que é a intervención do Estado español por parte de Bruxelas”, analizou a eurodeputada galega. “Chantaxear con cartos públicos para obrigar a favorecer aos intereses privados a través de recortes e privatizacións é totalmente inmoral e atentatorio contra os Dereitos Humanos; é arrepiante que a Comisión Europea empregue a extorsión para afondar nunhas políticas de austeridade que están levando ao aumento da pobreza e da exclusión social, á falta de recursos para o coidado da saúde a través do desmantelamento da Sanidade, á restrición do acceso á educación, e toda unha batería de medidas orientadas a atacar ás clases populares”.

Reiteramos que o Goberno central en funcións ten que explicar inmediatamente en que vai concretar os recortes comprometidos para acadar a redución do déficit orzamentario, así como explicar tamén se vai adoptar medidas con relación ao outros aspectos recollidos no Memorando de 2012, como as reformas do mercado laboral, das pensións, o déficit tarifario, etc.

O Goberno tense que opor rotundamente á conxelación de fondos, esixir á Comisión que retire esta chantaxe e desbotar as medidas neoliberais da UE apostando por aquelas que vaian directamente sobre os responsábeis das crise económica e non sobre as clases populares[3], esixiu Lídia Senra. “Se a chantaxe vai adiante e din que ou cumprimos co Memorando ou ficamos fóra da UE, o Goberno ten que tomar a decisión clara de romper ca Unión Europea. Non pode pasar o que pasou en Grecia.

A eurodeputada de AGEe esixiu tamén “un posicionamento claro” por parte da Xunta de Galicia diante da ameaza lanzada pola Comisión: “o Presidente Feijoo ten que dar a cara publicamente para explicar cal sería o impacto dunha medida deste tipo nos programas afectados e, en xeral, nos propios orzamentos da Xunta de Galiza.

Bruxelas, a 29 de Xullo de 2016.

Lídia Senra, eurodeputada de Alternativa Galega de Esquerda en Europa (AGEe), integrada no Grupo Confederal da Esquerda Unitaria Europea/Esquerda Verde Nórdica (GUE/NGL).

lidia.senra@europarl.europa.eu

Equipa de Comunicación AGEe:
Alternativa Galega de Esquerdas en Europa - Oficina en Bruxelas:
vera.montotovazquez@europarl.europa.eu
Alternativa Galega de Esquerdas en Europa - Oficina en Galiza:
age.europa.galiza@gmail.com
Xornal dixital de AGEe:
http://ageuropa.gal/

   


[1] O pasado sete de xullo, coincidindo coa sesión plenaria, o Grupo da Esquerda Unitaria Europea-Esquerda Verde Nórdica (GUE/NGL), no que Alternativa Galega de Esquerda (AGEe) está integrada, realizou unha acción de denuncia na sede do Parlamento Europeo en Estrasburgo en contra da aplicación da sanción.
[2A elusión fiscal é calquera acción, en principio por vías legais, que persegue evitar ou minimizar o pago de impostos [Ir á WipiquediA].

Enviado por:
SENRA RODRÍGUEZ Maria Lidia OFFICE
-lidia.senra-office@europarl.europa.eu-
28 de julho de 2016 17:16
29 de julho de 2016 21:46
__________________________

xoves, xullo 28, 2016

Seminario no Parlamento Europeo sobre a “Defensa e protección da pesca artesanal e a pequena escala” que celebrará o 7 e 8 de Setembro e contará con participación de profesionais da pesca e do marisqueo da Galiza


Impulsamos o seminario “Defensa e protección da pesca artesanal e a pequena escala” no Parlamento Europeo. | Convocado a iniciativa da eurodeputada de AGEe, completan o núcleo coordenador do evento o Partido Comunista Portugués e o Sinn Féin. | Terá lugar no PE (Bruxelas) os vindeiros 7 e 8 de setembro, contando ca participación de profesionais da pesca e do marisqueo da Galiza.


Que Galiza é a zona pesqueira máis importante da Unión Europea (UE) ficou comprobado in situ polo Parlamento Europeo (PE) a través da visita do Comité de Pesca ao noso País, promovida pola eurodeputada de Alternativa Galega de Esquerda en Europa (AGEe), Lídia Senra, no pasado mes de marzo [1].

Agora, “cómpre seguir mantendo a presión sobre as institucións europeas para que sexan postas en marcha medidas contundentes pola defensa e mantemento do noso sector pesqueiro, que representa case o 7% do PIB galego, sendo o 80% da nosa flota de pesca artesanal e a pequena escala, e a Galiza o país onde máis pesca deste tipo se concentra de todo o Estado, xa que temos unha frota de aproximadamente 4.500 barcos”, apuntou.

Baixo esta perspectiva de traballo, a eurodeputada de AGEe, titular suplente na Comisión de Pesca do Parlamento Europeo para o Grupo da Esquerda Verde Nórdica-Esquerda Unitaria Europea (GUE/NGL), está a promover a realización do seminario “Defensa e protección da pesca artesanal e a pequena escala[2], que terá lugar os vindeiros 7 e 8 de setembro no Parlamento Europeo en Bruxelas.

Alternativa Galega de Esquerda en Europa (AGEe) estará acompañada na coordenación deste evento internacional polo Partido Comunista Portugués (PCP) e o irlandés Sinn Féin, ámbalas dúas formacións políticas representantes de pobos cunha fonda tradición pesqueira, coma o galego, e ca que AGEe comparte o obxectivo de “loitar polo desenvolvemento dun sector pesqueiro europeo no que a sustentabilidade sexa o obxectivo principal, que garanta o maior número de postos de traballo posíbel, proporcione alimentos de calidade, e cuxa actividade profesional, lonxe de esquilmar os recursos, contribúa ao mantemento dunhas rías, mares e océanos sans e cheos de vida”.

Este seminario contará con catro mesas informativas e de debate. A primeira delas, que dará inicio na tarde do mércores 7, abordará o impacto dos acordos internacionais de pesca da UE na pesca a pequena escala. Seguidamente, logo dunha pequena pausa, analizaremos as consecuencias da Política Pesqueira Común (PPC) nas comunidades costeiras.

Na mañá do día 8 o encontro centrarase na faciana máis humana da actividade pesqueira da UE, debullando o papel das mulleres na pesca e as actuais condicións dos dereitos dos/as traballadores/as no mar, así como as cuestións relativas á súa seguridade.

Ademais dunha delegación de homes e mulleres do mar que se desprazarán dende a Galiza, as distintas organizacións políticas integrantes do GUE/NGL foron convidadas xa a facilitar a participación de persoas vinculadas á pesca de cadanseus países, polo que a eurodeputada Lídia Senra agarda para este encontro a compilación “dun interesante mosaico de experiencias internacionais que nos vai proporcionar información directa sobre a situación da pesca sustentábel, artesanal e a pequena escala na UE, ao tempo que vai permitir facilitar enriquecedores intercambios entre persoas que desenvolven este tipo de pesca nos distintos Estados membro”.


Dende a súa chegada ao Parlamento Europeo, a eurodeputada galega vén impulsando numerosas iniciativas a prol da protección e apoio ao sector pesqueiro galego [3], tanto en sede parlamentaria -a través de intervencións na Comisión de Pesca, Sesión Plenaria, encontros co sector no Parlamento Europeo, rexistro de preguntas parlamentarias [4] ou interlocucións cas distintas Presidencias semestrais da UE-, como na Galiza -destacando a convocatoria da xornada “As pescas e a acuicultura na Galiza no contexto da Política Pesqueira Común (PPC): retos e propostas de futuro” en Cangas en novembro de 2005 ou a xornada “A problemática da contaminación do medio mariño nas pescas e o marisqueo da UE”, celebrada en Ferrol en maio deste ano-.

Bruxelas, a 27 de Xullo de 2016.

[1] [NdP260316AGEe] A Comisión de Pesca coñecerá a implementación da PPC na Galiza a instancias da eurodeputada de AGEe, [NdP010416AGEe] AGE logra que por primeira vez a Comisión de Pesca do Parlamento Europeo visite Galiza de forma íntegra.
[2] Adxuntamos cartaz, polo dagora na súa versión provisional en inglés. Achegaremos o programa cando estean confirmadas a totalidade das persoas relatoras. Adxuntamos imaxe de arquivo correspondente á manifestación contra a Lei de Acuicultura celebrada o 27 de febreiro de 2016 en Santiago de Compostela.
[3] Compendio de inciativas recollidas na web de Alternativa Galega de Esquerda en Europa (AGEe): http://ageuropa.gal/category/pesca/
[4] Deguace e cotas. | Colocar a pesca artesanal acidental fora dos TAC. | Distribución das quotas de sarda pelo Estado espanhol. | Reparto das cotas de pesca entre o cerco galego. | Etiquetado produtos acuicultura e pesca. | Prohibición da pesca de deriva con redes artesanais e tradicionais. | Recursos mineros en alta mar. |  Gobernanza dos océanos e enerxía.

[Vídeo] Lídea Senra traslada as prioridades galegas no sector pesqueiro e agrícola á Presidencia eslovaca da UE.

O 12 e 13 de xullo tivo lugar no Parlamento Europeo a comparecencia da ministra eslovaca de Agricultura e Desenvolvemento Rural en calidade de presidenta do Consello de Agricultura e Pesca, ao respecto das prioridades das Presidencia eslovaca do Consello da UE para este semestre.

Como coordenadora para o Grupo da Esquerda Verde Nórdica-Esquerda Unitaria Europea (GUE/NGL) na Comisión de Agricultura do Parlamento Europeo, e suplente na Comisión de Pesca , a eurodeputada de Alternativa Galega de Esquerda en Europa (AGEe), Lídia Senra, tivo a posibilidade de trasladar as súas consideracións directamente á ministra Gabriela Matečná.
En relación ao sector pesqueiro, a eurodeputada de AGEe reiterou á ministra Matečná que o reparto de asignacións de cotas aos Estados en base ao principio de estabilidade relativa “supón unha inxustiza moi forte con países como o meu, Galiza, que é a maior zona pesqueira da Unión Europea”, polo que debe ser revisado urxentemente.

Con respecto ao sector agrícola, Senra alentou á Ministra a que “asuman dunha vez por todas que a liberalización do sector leiteiro está a ser un completo fracaso con gravísimas consecuencias para as gandeiras e gandeiros europeos, e que a solución pasa novamente por contaramos cunha política leitera pública forte e estábel”.

Canle de ALTERNATIVA GALEGA DE ESQUERDA EN EUROPA. | Ir á canle. | Ir á vídeo.

---

Lídia Senra, eurodeputada de Alternativa Galega de Esquerda en Europa (AGEe), integrada no Grupo Confederal da Esquerda Unitaria Europea/Esquerda Verde Nórdica (GUE/NGL).

lidia.senra@europarl.europa.eu

Equipa de Comunicación AGEe:
Alternativa Galega de Esquerdas en Europa - Oficina en Bruxelas:
vera.montotovazquez@europarl.europa.eu
Alternativa Galega de Esquerdas en Europa - Oficina en Galiza:
age.europa.galiza@gmail.com
Xornal dixital de AGEe:
http://ageuropa.gal/

   


Enviado por:
SENRA RODRÍGUEZ Maria Lidia OFFICE
-lidia.senra-office@europarl.europa.eu-
27 de julho de 2016 11:19
___________________

venres, xullo 15, 2016

Lídia Senra, eurodeputada galega, alerta á Comisión Europea da vulneración legal implícita na autorización de Reganosa forzada polo Goberno Español en funcións do Partido Popular


Lídia Senra alerta á Comisión Europea da vulneración legal implícita na autorización de Reganosa forzada polo PP. | Denunciamos na CE que o PP teima en favorecer unha instalación perigosa para a poboación declarada “ilegal” até en dúas ocasións polo TS. | Apuntamos a urxencia de reverter esta aprobación, por carecer de avaliación de impacto e non ter sido sometida a consulta pública.


A eurodeputada de Alternativa Galega de Esquerda en Europa, Lídia Senra, rexistrou no día de hoxe dúas preguntas parlamentarias dirixidas á Comisión Europea (CE)[1], empregando para unha delas a posibilidade de rexistrala pola vía de urxencia -permitida unicamente unha vez ao mes-, denunciando a través destas comunicacións a escandalosa complicidade do Partido Popular (PP), a través da Xunta de Galicia e o Goberno do Estado en funcións, ca planta de gas licuado Reganosa, da que o seu principal accionista é o Grupo Tojeiro (50,69 %), seguido pola propia Xunta de Galicia (24,31 %)[2].

A través da pregunta rexistrada pola vía ordinaria puxemos en coñecemento da Comisión Europea o feito de que, malia que o Tribunal Supremo do Estado Español anulou as resolucións da Dirección Xeral de Política Enerxética e Minas do 3 de xuño de 2002 -instalación da planta- e 13 de febreiro de 2004 -proxecto de execución- relativas a Reganosa[3], o Consello de Ministros en funcións -dominado polo Partido Popular- acordou no mes de Maio excluír do trámite de avaliación de impacto ambiental os proxectos da planta de recepción, almacenamento e regasificación de gas natural licuado (GNL), apenas tres meses despois de que o Goberno da Xunta de Galicia, tamén controlado polo Partido Popular, desembolsara 8,9 millóns de euros converténdose no segundo accionista desta empresa.

Ademais, para poder eludir cumprir as sentencias do Tribunal Supremo, o Consello de Ministros alegou a suposta aplicación do Artigo 8.3 da Lei 21/2013, de 9 de decembro de Avaliación Ambiental. Sen embargo, este Artigo indica precisamente que só proxectos declarados de especial interese para a seguridade pública poden ficar exentos de avaliación ambiental, o cal resulta totalmente contraditorio na súa aplicación a unha instalación como Reganosa, que constitúe en si mesma un atentado contra a seguridade pública ao estar neglixentemente localizada a menos de 200m do centro urbano de Mehá, a 800m dun arsenal militar, a 900m do núcleo de Mugardos e xunto ao complexo petroquímico de Forestal do Atlántico.

Por outra banda, esta tramitación de urxencia que derivou na Resolución da Dirección Xeral de Minas do 7 de xullo (BOE 9 de xullo de 2016), pola que se concede autorización administrativa e aprobación do proxecto de execución das instalacións da planta feita polo Goberno en funcións, non foi sometida a consulta, tal e como establece a Directiva 2012/18 UE do Parlamento e do Consello de 4 de xullo de 2012, polo que preguntamos directamente a Comisión Europea que mecanismos pensa adoptar para reverter esta situación.

Asemade, queremos concretar a través destas pregunta se o Goberno español informou á Comisión previamente á concesión desta autorización, tal e como establece o Art 2.4 da Directiva 2011/92 e, no seu caso, en que data concreta e a través de que documentación.

Bruxelas, a 14 de Xullo de 2016.

Notas.-
[1] Adxuntas. Outras preguntas parlamentarias rexistradas por AGEe en relación a pranta de gas licuado Reganosa: Ampliação da planta de Reganosa em Ferrolterra (Setembro 2015), Re-autorização da planta de Reganosa sem autorização ambiental (Xuño 2016).
[2] Información dispoñíbel: http://www.reganosa.com/gl/accionista.
[3] Sentencia Número 695/2016, do 28 de marzo de 2016 e Sentencia Número 889/2016, do 25 de abril de 2016.

---

Lídia Senra, eurodeputada de Alternativa Galega de Esquerda en Europa (AGEe), integrada no Grupo Confederal da Esquerda Unitaria Europea/Esquerda Verde Nórdica (GUE/NGL).

lidia.senra@europarl.europa.eu

Equipa de Comunicación AGEe:
Alternativa Galega de Esquerdas en Europa - Oficina en Bruxelas:
vera.montotovazquez@europarl.europa.eu
Alternativa Galega de Esquerdas en Europa - Oficina en Galiza:
age.europa.galiza@gmail.com
Xornal dixital de AGEe:
http://ageuropa.gal/

   


Enviado por:
SENRA RODRÍGUEZ Maria Lidia OFFICE
-lidia.senra-office@europarl.europa.eu-
14 de julho de 2016 18:29
___________________

venres, xullo 08, 2016

A eurodeputada galega, Lídia Senra, que participou nunha protesta no Parlamento Europeo organizada polo GUE, chama a pór fin ao austericidio público e esíxelle a De Guindos e tamén a Feijóo que actúen con transparencia e expliquen os recortes previstos en pensións, sanidade e educación


Lídia Senra: “O PP vendeu fume para gañar as eleccións e agora a chantaxe da UE por déficit pagarémola tod@s”. | Esíxelle a De Guindos e tamén a Feijóo que actúen con transparencia e expliquen os recortes previstos en pensións, sanidade e educación. | A eurodeputada de AGE, que participou nunha protesta no Parlamento Europeo organizada polo GUE, chama a pór fin ao austericidio público
.

Lídia Senra, eurodeputada de Alternativa Galega de Esquerda en Europa (AGEe), integrada no Grupo Confederal da Esquerda Unitaria Europea/Esquerda Verde Nórdica (GUE/NGL), acusou este xoves ao Partido Popular de “vender fume” nos últimos anos e meses para gañar as eleccións no Estado español e agora a realidade é que seremos “todas e todos, o pobo, quen pagaremos as esixencias da Unión Europea por déficit como non poñamos freo á súa chantaxe”. Senra reacciona así ante a decisión do Colexio de Comisarios, que hoxe adoptou o ditame negativo sobre as medidas tomadas polo Goberno do Estado español para cumprir os obxectivos de déficit pactados coa UE, o que activa o proceso que pode derivar nunha multa ao Estado español con ata 2.000 millóns de euros e a conxelación de parte dos fondos comunitarios que lle corresponden.

A Comisión Europea sostén que España se desviou no obxectivo de déficit en 2014 nunha décima (5,9% fronte ao 5,8% pactado) e en 2015 –ano electoral- nun punto (5,1% fronte ao 4,2% pactado) e incide en que “as medidas de saneamento do sistema de pensións e as administracións públicas” adoptadas no Estado español, “non teñen sido suficientes para compensar as medidas expansivas”.

O PP vendeu fume para poder gañar as eleccións, ata actuou irresponsablemente no cumprimento do nivel de déficit que pode supoñer unha multa, e aínda que non haxa multa, as esixencias da UE imos ter que pagalas todos e todas nós. Levou o déficit público ao 100% do PIB. E se finalmente a dereita segue a gobernar no Estado español, lexislará por decreto, sen necesidade de acordo parlamentario, para aumentar os impostos indirectos, que son os que afectan ás clases populares, e continuar co austericidio e a política de recortes de servizos públicos de cara a cumprir o que esixe Bruxelas”, denunciou onte a eurodeputada galega.

Lídia Senra reclámalle ao Ministro de Economía en funcións, Luis de Guindos, quen se amosaba esta semana convencido de que a UE non vai multar ao Estado español, que antes de que os parlamentarios e parlamentarias voten a investidura do novo Goberno, nos diga a todas e todos que vai facer o PP para cumprir co esixido por Bruxelas, porque se non soben os impostos e cotizacións sociais, terán que reducir os gastos públicos. “E isto xa sabemos como vai: Recortes en sanidade, educación, salarios, funcionarios e funcionarias e quen sabe se finalmente, nas pensións tamén, para acadar os obxectivos neoliberais de privatizar as pensións mediante a contratación privada de plans de pensións”, engadiu a eurodeputada, quen tamén lle demandou claridade ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, e que “deixe de dicir que isto non vai con Galiza e de enganar á cidadanía nas vésperas das eleccións galegas previstas para este outono”.

Contextualización

Lídia Senra asegura que o PP vendeu fume polo seguinte: O Estado español aplicou unha rebaixa fiscal no IRPF para todos os tramos e tamén reduciu o Imposto sobre Sociedades do 30% ao 28% en 2015 e do 25% en 2016. No Imposto sobre Sociedades, a meirande parte das empresas (PEMES) xa estaban pagando o 25% (e seguirano pagando logo da rebaixa) e estes tipos máximos só lles afectaban ás grandes empresas. É dicir, que na práctica, no imposto sobre sociedades elimínase a progresividade. As rebaixas fiscais viñeron sobre impostos directos, aqueles que se aplican en función do volume de riqueza (rendementos do traballo ou beneficios empresariais), mentres que non se tocou o IVE que foi subido no seu momento e que afecta por igual a todas as persoas, independentemente do volume de ingresos que estas teñan.

Luis de Guindos di que coas novas previsións do Estado español para 2016 e 2017, a Unión Europea finalmente non aplicará a multa. Pero a Comisión Europea afirma que o Estado Español non cumprirá cos obxectivos de déficit, polo que nos programas de estabilidade para 2017 e 2018 deberá aplicar novos recortes no gasto público ou aumento de impostos, previsiblemente nos indirectos, quedando lonxe da promesa electoral e irreal de non subir os impostos.

Para poder chegar aos obxectivos de déficit, non se podían baixar os impostos no 2015, pero baixáronse por ser ano electoral, e baixáronse nos impostos directos, mantendo os indirectos. Por riba, seguirán tendo que recorrer ao fondo das pensións porque as cotizacións correntes das traballadoras e traballadores non chegan para facer fronte ao pago das pensións. O cal non é de estrañar co índice de desemprego actual.

A opinión da Comisión Europea deberá agora ser validada o 12 de xullo no Consello Europeo de Ministros de Economía e Finanzas.

Lídia Senra esíxelle a De Guindos que actúe xa con total transparencia e diga publicamente a toda a cidadanía en que se van traducir exactamente os escenarios orzamentarios que planea o PP e en que van basear as alegacións á CE. “Que nos diga cales son os esforzos fiscais aos que se vai comprometer e como vai afectar aos impostos. Cantos e a quen? Ten que dicirnos se lle vai tocar ás pensións e se van seguir desmantelando a sanidade e o ensino públicos”, reclamou a eurodeputada, que quixo deixar clara a posición de AGE contraria á “chantaxe da Unión Europea e da banca” e avogou por facer unha auditoría da débeda pública, negarse a pagar a débeda ilexítima e poñer fin ao austericidio (como se cualifica á política brutal de recortes en servizos públicos básicos).A membro de AGEe participou este xoves pola mañá tamén, na sede do Parlamento Europeo en Estrasburgo, nunha protesta organizada polo GUE/NGL contra a citada chantaxe.

Santiago, a 7 de Xullo de 2016

---

Lídia Senra, eurodeputada de Alternativa Galega de Esquerda en Europa (AGEe), integrada no Grupo Confederal da Esquerda Unitaria Europea/Esquerda Verde Nórdica (GUE/NGL).

lidia.senra@europarl.europa.eu

Equipa de Comunicación AGEe:
Alternativa Galega de Esquerdas en Europa - Oficina en Bruxelas:
vera.montotovazquez@europarl.europa.eu
Alternativa Galega de Esquerdas en Europa - Oficina en Galiza:
age.europa.galiza@gmail.com
Xornal dixital de AGEe:
http://ageuropa.gal/

   


Enviado por:
AGE Europa - Galiza
-age.europa.galiza@gmail.com-
7 de julho de 2016 16:48
__________