Amosando publicacións coa etiqueta Alternativa Galega de Esquerda. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Alternativa Galega de Esquerda. Amosar todas as publicacións

venres, maio 17, 2013

A Yolanda Díaz pregunta ao Feijoo polas súas perigosas amizades con Marcial Dorado e Manuel Cruz - Vídeo


A vicevoceira de Alternativa Galega de Esquerda, Yolanda Díaz, preguntoulle ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, polas súas perigosas amizades co narcotraficante Marcial Dorado e tamén con Manuel Cruz "coñecido en Ferrol polos seus negocios co narcotráfico e ser guerrilleiro de Cristo Rey entre outas cousas". Feijoo evita contestar as preguntas de AGE, mais tampouco nega ningunha das denuncias feitas pola vicevoceira de AGE.


http://youtu.be/Hkd-f95fjCk

Fonte: http://alternativagalega.com/
______________

martes, marzo 05, 2013

Presentación en Ferrol do libro "AGE. A emerxencia da Alternativa Galega de Esquerda", este xoves 7 de marzo, ás 20hs, no Centro Cultural Carvalho Calero do Inferniño

|Clicar na imaxe para ampliar|

Presentación en Ferrol do libro "AGE. A emerxencia da Alternativa Galega de Esquerda".

Día: xoves 7 de marzo.
Hora: ás 20hs,
Lugar: En Ferrol, no Centro Cultural Carvalho Calero do Inferniño.

A Asemblea Popular do Movimento Social de Ferrol Terra en apoio a AGE, presenta o libro: "AGE. A Emerxencia da Alternativa Galega de Esquerda", dos xornalistas Manuel Darriba e Daniel Salgado. Un libro, en palabras de Manuel Martínez Barreiro, "intelixible, interesante e intelixente", no que se entrevista a Xosé Manuel Beiras, Yolanda Diaz Perez, Martiño Noriega Sánchez e Xabier Ron sobre esta "experiencia insólita".

Nesta presentación, en Ferrol, contaremos coa presencia dun dos autores, o xornalista Manuel Darriba; coa parlamentaria Yolanda Díaz; coa colaboración do xornalista de 'Diario de Ferrol', Nicolás Vidal; e co editor Antón Lado.

Os resultados das eleccións autonómicas do 21 de outubro de 2012 debuxan un novo mapa político na sociedade galega coa súbita irrupción da plataforma electoral da Alternativa Galega de Esquerda, convertida en terceira forza no Parlamento Galego con 9 deputados.

A emerxencia de AGE como nova alianza de partidos trae tamén consigo o retorno de Xosé Manuel Beiras, nas súas palabras, “un político dun ciclo histórico que remata”, que procurou “navegar en mar de fóra” para o seu retorno á arena da cámara galega, no que el mesmo considera como o seu epílogo político.

"AGE. A emerxencia da Alternativa Galega de Esquerda", terceiro título da colección xornalistas, é a crónica do proceso de conformación da AGE, dos seus como e por que e a delimitación das coordenadas políticas deste novo proxecto de alianzas na voz dos seus protagonistas. En palabras dos autores: "O contido deste libro xorde da curiosidade xornalística por un proxecto que achega novas claves á política galega, a institucional e a exercida a nivel de bases. Os autores quixemos pescudar na rebotica da AGE –pensamento político, contactos, negociacións–, o seu programa e as súas expectativas. O mecanismo elixido foron as conversas con catro líderes significados da coalición. Ao tratarse dun experimento tan recente e en permanente construción, non existen aínda elementos nin perspectiva para un ensaio valorativo, moito menos un balance, do que supón a Alternativa Galega de Esquerda. O territorio de traballo é o da crónica de urxencia. O propósito que nos guiou foi suscitar conversas sobre aspectos que no seu día quedaron fóra da cobertura xornalística, conversas nas que estiveran excluídas, na medida do posible, a corrección e a gramática partidistas. Especial interese ten o testemuño dun Beiras que proclama o final do seu ciclo, convencido de pertencer a un tempo político que remata".

***

xoves, febreiro 14, 2013

Alternativa Galega de Esquerda coincide co diagnóstico da delegación do Parlamento europeo sobre a alta contaminación na Ría de Ferrol e manifesta continuar co apoio ao Comité Cidadán de Emerxencia co que seguirá a traballar para acabar coas ilegalidades e irregularidades que contaminan o affaire Reganosa



Grupo parlamentario de Alternativa Galega de Esquerda

Alternativa Galega de Esquerda coincide co diagnóstico da delegación do Parlamento europeo sobre a alta contaminación na ría de Ferrol

A viceportavoz do grupo parlamentario, Yolanda Díaz, afirma que a planta de gas de Reganosa “é un exemplo da mestura corrupta entre política e negocios

Santiago de Compostela, 13 de febreiro de 2013.- Unha delegación do Parlamento Europeo, formada por oito eurodeputados, comprobaron esta mañá á forte contaminación existente nunha ría ateigada de agresións como é a de Ferrol cos constantes vertidos  de Reganosa e a falla de saneamento e que a vicevoceira de Alternativa Galega de Esquerda ten denunciado máis dunha ocasión.

O voceiro da delegación , Philippe Boulland, destacou a grave ameaza a que están sometidas as zonas de explotación marisqueira. Os membros da delegación chegaron a preguntar ás autoridades da Xunta canta xente estaba no cárcere despois de comprobar a forte contaminación. Así, o presidente da delegación nunha reunión coa delegación do Comité e das confrarías manifestou que o affaire Reganosa non podía, nin moito menos, darse por pechado.

Alternativa Galega de Esquerda insta á Xunta de Galicia e o Ministerio a que resolvan o que consideran as hipotecas que están a lastrar a ría de Ferrol como son  os vertidos de Reganosa, o perigoso tráfico que supoñen as instalacións gaseiras no interior da ría e os continuados atrasos para realizar o saneamento integral da ría que impiden a actividade marisqueira. A esta grave situación súmase a ameaza que formula o ministerio de fomento coa pretención de construír uns accesos ao porto exterior que suporían a morte da enseada de A Malata. 

Ao fío da visita da delegación europea a vicevoceira de AGE, Yolanda Díaz, reafirmou hoxe na pregunta formulada ao presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijoo, a corrupción derivada da maridaxe entre política e negocios privados que supón a planta de gas de Reganosa. Desde AGE quere manifestar o apoio ao  Comité Cidadán de Emerxencia co que seguirá a traballar para acabar coas ilegalidades e irregularidades que contaminan o affaire Reganosa.

ALTERNATIVA GALEGA DE ESQUERDA
Gabinete de comunicación do grupo parlamentario 
Tania Porta e Daniel Salgado
tania.porta.bujan@parlamentodegalicia.es
daniel.salgado.garcia@parlamentodegalicia.es
prensa@alternativadeesquerda.net
twitter.com/alternativagz

Enviado por:
Comité Cidadán de Emerxencia
-comitecidadan@gmail.com-
13 de fevereiro de 2013 22:31

_____________

xoves, xaneiro 24, 2013

Presentado o libro 'AGE. A Emerxencia da Alternativa Galega de Esquerda'


Éxito total de afluencia na presentación de 'AGE. A Emerxencia da Alternativa Galega de Esquerda', dos xornalistas Manuel Darriba e Daniel Salgado. Un libro, en palabras de Manuel Martínez Barreiro, "intelixible, interesante e intelixente", no que se entrevista a Xosé Manuel Beiras, Yolanda Diaz Perez, Martiño Noriega Sánchez e Xabier Ron sobre esta "experiencia insólita".

Os resultados das eleccións autonómicas do 21 de outubro de 2012 debuxan un novo mapa político na sociedade galega coa súbita irrupción da plataforma electoral da Alternativa Galega de Esquerda, convertida en terceira forza no Parlamento Galego con 9 deputados.

A emerxencia de AGE como nova alianza de partidos trae tamén consigo o retorno de Xosé Manuel Beiras, nas súas palabras, “un político dun ciclo histórico que remata”, que procurou “navegar en mar de fóra” para o seu retorno á arena da cámara galega, no que el mesmo considera como o seu epílogo político.

AGE. A emerxencia da Alternativa Galega de Esquerda, terceiro título da colección xornalistas, é a crónica do proceso de conformación da AGE, dos seus como e por que e a delimitación das coordenadas políticas deste novo proxecto de alianzas na voz dos seus protagonistas. En palabras dos autores:

O contido deste libro xorde da curiosidade xornalística por un proxecto que achega novas claves á política galega, a institucional e a exercida a nivel de bases. Os autores quixemos pescudar na rebotica da AGE –pensamento político, contactos, negociacións–, o seu programa e as súas expectativas. O mecanismo elixido foron as conversas con catro líderes significados da coalición. Ao tratarse dun experimento tan recente e en permanente construción, non existen aínda elementos nin perspectiva para un ensaio valorativo, moito menos un balance, do que supón a Alternativa Galega de Esquerda. O territorio de traballo é o da crónica de urxencia. O propósito que nos guiou foi suscitar conversas sobre aspectos que no seu día quedaron fóra da cobertura xornalística, conversas nas que estiveran excluídas, na medida do posible, a corrección e a gramática partidistas. Especial interese ten o testemuño dun Beiras que proclama o final do seu ciclo, convencido de pertencer a un tempo político que remata.

Manuel Darriba (Sarria, 1973)
Traballou como xornalista en El Progreso e colaborou en medios como El Periodico de Catalunya, Expansión, El Mundo e El País. Na actualidade é columnista do xornal De Luns a Venres. Escribe guións de ficción e dirixe documentais e programas de televisión. A súa obra literaria recibiu diversos premios e parte dela está traducida para español.

Daniel Salgado (Monterroso, 1981)
Traballou como xornalista na edición galega de El País e colabora con A Trabe de Ouro, Protexta ou o Xornal da Central Unitaria de Traballadores. Como poeta, publicou títulos como Días no imperio (premio Esquío, 2004), Éxodo (Xerais, 2006) ou Ruído de fondo (Xerais, 2012). Tradutor de Allen Ginsberg para galego e de Lois Pereiro para español. É membro da banda de música electrónica Das Kapital.

http://www.20editora.com/index.php/age-a-emerxencia-da-alternativa-galega-de-esquerda.html
__________________

mércores, xaneiro 23, 2013

A Alternativa Galega de Esquerda -AGE, esixe a dimisión da Conselleira de Mar pola situación do salvamento marítimo e presenta unha 'Proposición Non de Lei' sobre marisqueo


Comunicado de Alternativa Galega de Esquerda en que o grupo parlamentario volve esixir a dimisión da Conselleira de Mar pola situación do salvamento marítimo e na que explica a proposición non de lei sobre marisqueo rexistrada no Parlamento e que se achega.

Daniel Salgado - Prensa de AGE


Alternativa Galega de Esquerda volve esixir a dimisión da conselleira de Mar por “antepor os beneficios dunha empresa privada ao salvamento de vidas
O deputado Juan Fajardo presenta, ademais, unha proposición non de lei para que as eléctricas non abran unilateralmente os encoros, cuxas riadas causan enormes danos nos bancos de marisco.

Santiago de Compostela, 23 de xaneiro de 2013.- Alternativa Galega de Esquerda (AGE) volveu esixir hoxe, en rolda de prensa, a dimisión da conselleira de Mar e Medio Rural, Rosa Quintana. “Ante a incapacidade da conselleira para tomar decisións que soluciones as deficiencias en salvamento marítimo”, expuxo o deputado Juan Fajardo, “pedímoslle que se marche”. Fajardo lembrou a morte, o pasado mes de decembro, dunha percebeira en Oia (Pontevedra) á que os servizos de salvamento non puideron asistir a tempo. Tamén lembrou que a Xunta anunciara medidas ao respecto. “Máis dun mes despois, nada sabemos desas medidas”, engadiu, “que, para nós, significan que o salvamento marítimo volva ser completamente público”. “Non pode ser que unha persoa que antepón o beneficio dunha empresa privada [a adxudicataria dos servizos de salvamento] a salvar vidas continúe sen tomar medidas que, entre as xentes do mar, son un clamor”, sinalou.

Ademais, Alternativa rexistrou unha proposición non de lei, en que insta á Xunta a impedir que a apertura unilateral dos encoros por parte das eléctricas provoquen riadas que causan enormes danos nos bancos de marisco. O parlamentario Juan Fajardo puxo como exemplo os acontecementos do pasado decembro, cando o caudal desatado polas présas do Tambre e de Portodemouros produciron unha enorme mortalidade de moluscos nas rías de Muros e Noia. “Lonxe de se tratar dunha decisión técnica ou de seguridade, como aducen as compañías”, argúe Fajardo, “a decisión de abrir as comportas baséase no mellor prezo que pode acadar a enerxía nas datas de Nadal nos mercados europeos”. De feito, a apertura que prexudicou ás mariscadoras e mariscadores das rías de Muros e Noia ocorreu o 24 e o 25 de decembro. Onte mesmo, os dous encoros mencionados tiñan un 20% de auga ca daquela e non soltaron a auga.

Pero é que, a maiores, a Xunta e os produtores acordaron, por mor das riadas, o peche dos lombos do Ulla ao marisqueo deica o mes de outubro. Esta situación, que afecta aos mariscadores das confrarías de Carril e Rianxo, pode ocasionar perdas de 15 millóns de euros. Así, a Administración autónoma deberá pagar as prestacións dos traballadores que fiquen en paro, sen que as compañías eléctricas -causantes do peche pola apertura unilateral dos encoros- soporten ningunha carga económica por estes feitos. A proposición non de lei de Alternativa Galega de Esquerda denuncia tamén o desleixo da Xunta á hora de reclamar responsabilidades aos culpábeis desta situación.

Proposición non de Lei

Á MESA DO PARLAMENTO

O Grupo parlamentar de Alternativa Galega de Esquerda (AGE), a través do seu voceiro e a iniciativa dos seu deputado Juan M. Fajardo Recouso, ao abeiro do disposto no Regulamento da Cámara, presentan a seguinte Proposición non de lei para  o seu debate en Pleno,

Exposición de Motivos

O pasado mes de Decembro do 2012 nas rías de Arousa e Noia, unha serie de circunstancias determinaron o incremento da mortalidade dos moluscos que se extraen en ambas rías, feito que provocou un elevado prexuízo económico ás mariscadoras e mariscadores de ambas as dúas zonas, tanto de a pé como a flote.

Entre os elementos que é conveniente reseñar e que puideron influír na elevada mortalidade das especies explotadas nestas dúas rías, salientamos as riadas producidas pola apertura das comportas dos encoros do Tambre e Portedemouros respectivamente. Estes feitos non se poden considerar illados, senón que, lamentablemente, reprodúcense con asiduidade en ambas as dúas rías.

Dende Alternativa Galega de Esquerda consideramos necesario que os procesos de apertura de comportas non poidan realizarse por decisión unilateral das empresas que explotan as capacidades enerxéticas de ambos os dous encoros. Entendemos imprescindible introducir normativas que delimiten esta capacidade e obriguen ás empresas a consultar e acordar cos sectores produtivos os momentos e formas de aliviar as augas encoradas.

Lonxe de se tratar dunha decisión técnica ou de seguridade das empresas eléctricas, a decisión baseáse na demanda do mercado eléctrico e na posibilidade de acadar mellores prezos da enerxía precisamente nas datas de Nadal, debido o incremento da demanda e ao incremento dos prezos nos mercados europeos de enerxía.

Estas actuacións priorizan a rendibilidade económica dunha multinacional, que xa esquilma os galegos con abusivos prezos eléctricos e sen bonificacións malia ser Galicia produtora e exportadora da enerxía, deben ser controladas pola Administración para evitar que os intereses económicos da empresa arruínen a campaña dun sector fundamental para a economía galega, e máis concretamente das rías de Arousa e Noia.

Non podemos esquecer a repercusión que sobre a mortalidade do berberecho e a ameixa teñen ademais as obras de infraestruturas viarias e ferroviarias que se efectúan en ambas as dúas rías e que incrementan a contaminación e a turbidez da lámina de auga.

No que respecta aos lombos do Ulla, a Xunta e os produtores acordaron o peche desta zona, o que ocasionará perdas importantes para os mariscadores e mariscadoras pero tamén para a Administración. Esta terá que facer fronte os pagos das prestacións por desemprego, sen que as empresas eléctricas responsábeis desta situación –pola apertura indiscriminada dos encoros- soportasen ningunha carga económica ou responsabilidade sobre as perdas producidas á Administración ou aos produtores.

A arbitrariedade deste tipo de medidas por parte da Administración autonóma, e a deixadez de funcións a hora de esixir responsabilidades aos culpábeis ou indutores da situación, fan necesario establecer vías legais que permitan reclamar danos aos responsables. Ademais, é preciso habilitar liñas de axuda para aquelas mariscadoras e mariscadores que por esta circunstancia non poidan acollerse ás prestacións e que, sen embargo, deben continuar pagando os seguros socias correspondentes sen ningún ingreso. A maiores, a Administración debe estabelecer a posibilidade de cobro parcial das cotas cando os paros se produzan xa iniciado o mes, en igualdade de condicións cos traballadores por conta allea.

Polo exposto formulamos a seguinte proposición non de lei:
O Parlamento de Galiza insta a Xunta de Galicia a adoptar as medidas legais oportunas para evitar que se repitan riadas provocadas pola apertura de comportas de forma unilateral polas empresas que explotan os encoros galegos.

O Parlamento de Galiza insta á Xunta a arbitrar un mecanismo fluído, eficaz e obxectivable  para que os mariscadores e mariscadoras poidan utilizar os peches dos sectores produtivos cando se produzan situacións de forza maior que provoquen a baixada abusiva dos prezos ou a mortalidade das especies que se extraen.

O Parlamento de Galiza insta á Xunta a introducir unha liña de axudas para os afectados e afectadas das riadas do mes de decembro nas rías de Arousa e Noia, nomeadamente a aqueles que por condicións de tempo non poidan acceder as prestacións.
Santiago de Compostela a 23 de xaneiro de 2013


ALTERNATIVA GALEGA DE ESQUERDA
Gabinete de comunicación do grupo parlamentario 
Tania Porta e Daniel Salgado
tania.porta.bujan@parlamentodegalicia.es
daniel.salgado.garcia@parlamentodegalicia.es
prensa@alternativadeesquerda.net
606 675 524

Enviado por:
Ferrol Esquerda Unida
-eu-ferrolterra@esquerdaunida.org-
-23 de janeiro de 2013 13:58

____________

A Alternativa Galega de Esquerda, insta á Xunta a manifestar o seu apoio á iniciativa dos traballadores e traballadoras de Privilege, empresa localizada en Narón


AGE: insta á Xunta a manifestar o seu apoio á iniciativa dos traballadores e traballadoras de Privilege

Grupo parlamentario de Alternativa Galega de Esquerda

Alternativa Galega de Esquerda insta a Xunta a apoiar á plantilla de Privilege Advance Surface na súa iniciativa de crear unha sociedade anónima laboral para manter os postos de traballo.

A vicevoceira do Grupo Parlamentar, Yolanda Díaz, reuniuse esta tarde co Comité de Empresa para coñecer a situación que están a atravesar os traballadores e traballadoras.

Yolanda Díaz destacou que se trata dun exemplo máis da ineficacia da Xunta en materia laboral e a elocuente demostración do fracaso das actuáis políticas económicas neoliberais do goberno galego
.

Santiago de Compostela, 23 xaneiro de 2013.-  A vicevoceira do Grupo Parlamentar, Yolanda Díaz, denunciou a complicidade da Xunta de Galicia cos propietarios da empresa Privilege Advance Surface que deixaron afundir a empresa constituída no seu día con achegas públicas e instou a que apoie aos traballadores e traballadoras na súa idea de constituír unha sociedade anónima laboral para manter a empresa e con ela os postos de traballo.

A vicevoceira que reuniuse esta tarde co comité de empresa, amosou o apoio do Grupo Parlamentar aos traballadores e traballadoras na súa loita. Os traballadores informaron durante o encontro o compromiso do anterior conselleiro de Economía e Industria, Javier Guerra, que asegurará 2,5 millóns de euros aos traballadores para que puideran poñer en marcha a súa iniciativa e salvar a empresa.

Yolanda Díaz destacou que a secuencia de destrución de emprego e de aumento do paro no noso país configura unha situación dramática, toda vez que o goberno da Xunta de Galicia teima en aplicar políticas económicas que destrúen emprego e deprimen a demanda agregada ao punto de atoparnos perante un verdadeiro plan quinquenal de destrución de emprego e depresión económica por parte dos gobernos de Feijóo. “As 350.000 persoas que a día de hoxe se atopan no paro en Galicia son a elocuente demostración do fracaso das actuais políticas económicas neoliberais da Xunta” declarou a vicevoceira do Grupo Parlamentar o que, para Alternativa Galega de Esquerda, xustifica a a urxencia e importancia non só de remudar de xeito radical as devanditas políticas, canto de propiciar por parte da administración pública galega a asunción dun papel protagonista por parte das traballadoras e traballadores de proxectos industriais que permitan darlle viabilidade a empresas en crise, xerar postos de traballo e apostar polo pulo ao tecido industrial. 

A deputada parlamentar referiuse de xeito específico a Ferrol xa que se sitúa un dos epicentros da destrución de emprego e de falla de diversificación industrial do noso país, o que debe obrigar a unha reflexión e rectificación por parte da Xunta de Galicia e á adopción de medidas de estímulo ao fomento da actividade industrial.

Un dos exemplos que amosan a ineficacia da Xunta nesta materia o constitúe a súa deixación de responsabilidade na deriva da empresa Privilege Advance Surface, empresa adicada á fabricación de taboleiros de pedra para a construcción; empresa constituída no seu día con achegas públicas e que os propietarios italianos deixaron esmorecer, tal vez coa intención de levar o proceso produtivo a Italia. Unha empresa que destacou Yolanda Díazconstituída ao abeiro dos chamados plans de reindustrialización acordados como paliativos da brutal desindustrailziación dos estaleiros públicos da ría de Ferrol, e que os seus propietarios conduciron á creba coa cómplice inacción dunha Xunta de Galicia que aínda ostenta o 40 por cento do seu capital”.

A plantilla de traballadoras e traballadores acordou constituír unha sociedade anónima laboral e semella de xustiza que a Xunta deixe de amolar con complicidades cos herdeiros dos accionistas que a afundiron e apoie de xeito franco á plantilla na súa loita por manter a empresa, os postos de traballo e un anaco de porvir social para unha comarca particularmente deprimida. "A Xunta de Galicia pódeo facer toda vez que ostenta esa participación do 40 por cento o que precisa ter a vontade de facelo en beneficio do emprego e da comarca” afirmou a deputada de Alternativa Galega de Esquerda.

O Grupo Parlamentar de Alternativa Galega de Esquerda presentou unha interpelación no Parlamento na que se insta a Xunta a que explique se vai apoiar a iniciativa dos traballadores e traballadoras de Privilege, ademáis de que expliquen qué outras iniciativas públicas agarda desenvolver este ano para pular pola reindustrialización e diversificación do tecido industrial na nosa comunidade e nomeadamente na comarca de Ferrolterra.

ALTERNATIVA GALEGA DE ESQUERDA
Gabinete de comunicación do Grupo Parlamentario 
Tania Porta (606 675 524) e Daniel Salgado (619 007 734)
tania.porta.bujan@parlamentodegalicia.es
daniel.salgado.garcia@parlamentodegalicia.es
prensa@alternativadeesquerda.net


Enviada por:
Ferrol Esquerda Unida
-eu-ferrolterra@esquerdaunida.org-
-areainterna@esquerdaunida.org-
22 de janeiro de 2013 20:43

Envío nota relativa a iniciativa presentada por AGE en apoio aos traballadores e traballadoras da empresa Privilege na súa iniciativa de crear unha sociedade anónima laboral para manter a empresa e os postos de traballo. Grazas e un saúdo. Tania Porta. Gabinete de comunicación do Grupo Parlamentar

__________

sábado, decembro 08, 2012

Comunicado de Alternativa Galega de Esquerda denunciando extorsión e chantaxe por parte de Edgewater Exploration LTD en Cabana de Bergantiños


Os propietarios dos terreos onde se pretende realizar un proxecto de extracción de ouro están a recibir unha carta da empresa Mineira Corcoesto S.L (*) instándoos a vender os terreos por 1,2 euros/m2, e ameazándoos con que se non o fan así antes de fin de ano, comezaría o proceso expropiatorio e obterían prezos máis baixos.

AGE considera moi grave estas actitudes e critica que dende a Xunta de Galicia se avale este tipo de proxectos, tolerando pasivamente que unha sociedade de capital estranxeiro practique a extorsión e a chantaxe a través de cartas intimidatorias intolerables.

1.- AGE manifesta que a misiva é un cúmulo de falsidades, dende a valoración do terreo, até o feito de que xa sexa inminente o proceso expropiatorio, que non o é, e que en caso de expropiarse os prezos sexan os que di a empresa.

En primeiro lugar, a valoración que oferta a empresa é mesmo inferior aos valores de mercado que a propia Xunta ten aprobado (Orde do 28/12/2011, de valores de prezos medios de mercado; DOG do 29/12/2011).

En segundo lugar, o que silencia a empresa é que pretende aplicar en Galiza a mesma táctica que empregou en Asturias, ao querer mercar agora a prezo baixo para que dispois, no proceso expropiatorio, se tomen como referencia comparativa de prezos de mercado os valores fixados nos contratos de compra-venta asinados antes de comezar as expropiacións, co cal non só se pagaría un prezo ridículo agora senón que iso perxudicaria aos que non vendan agora e sexan expropiados dispois.
En terceiro lugar, a mina tramítase como proxecto industrial estratéxico (DOG 02/05/2012) pero aínda non está aprobado como tal polo Consello da Xunta, polo cal mentres a Xunta non aprobe definitivamente o proxecto, a empresa non pode expropiar. ¿Ou é que a empresa xa sabe que a Xunta vaille aprobar o proxecto desestimando as alegacións presentadas ?.

2.- AGE considera que as prácticas da empresa e a pasividade da Xunta son especialmente graves cando se trata dun proxecto cun enorme impacto medio-ambiental (**) que, de aprobarse, teria consecuencias moi negativas de cara ao futuro. Manifestamos que o proxecto mineiro de Corcoesto é máis propio de antigos modelos de desenvolvemento do terceiro mundo, da época colonial, polo seu impacto ambiental, polo saqueo dos nosos recursos naturais e pola súa insostibilidade.

Resulta evidente que este tipo de empresas busca países cunha lexislación ambiental moi laxa e onde atopen a complicidade das autoridades políticas, coma é o caso do goberno de Feijoo e do alcalde do PP de Cabana de Bergantiños.

AGE lembra ao respecto que un proxecto de idénticas características foi rexeitado polo Principado de Asturias, decisión que foi confirmada polos tribunais de xustiza, desestimando as reclamacións da empresa. Adxuntase a sentenza do Tribunal Supremo ao respecto.

(*) 1.- A anterior sociedade, Rio Narcea Gold Mines S.L cambia o nome polo actual de Mineira Corcoesto S.L o 11/04/2012. O 100 % do capital pertece a Edgewater Exploration LTD (compañía canadiana constituida en xuño de 2007 en Vancouver).

(**) As características do proxecto:

-Excavación de un diámetro de 1,5 km
-Construción dunha balsa de decantación de 10.000.000 m3, semellante á de Aznalcollar que provocou o desastre natural no Parque Nacional de Doñana.
-Utilización de cianuro no proceso de obtención de ouro.

---
ASEMBLEA DE SENTINELAS DO MANDATO POPULAR


Asemblea do Movemento Social de Ferrolterra en apoio á coalición
Alternativa Galega de Esquerda

Correo-e:
asemblea.apoio.alternativa@gmail.com

Blogue:
http://asembleadeferrolterra.blogspot.com

Enviado por:
Asemblea Popular Alternativa
-asemblea.apoio.alternativa@gmail.com
8 de dezembro de 2012 22:30
_____________