Amosando publicacións coa etiqueta Anova. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Anova. Amosar todas as publicacións

sábado, setembro 27, 2014

Aulas abertas. 2015 Fin do veto ao naval. Principio de algo?, coa diputada de AGE no Parlamento Galego, Consuelo Martínez García e o economista e antigo traballador de ASTANO, Ramón Yañez Brage


Aulas abertas. 2015 Fin do veto ao naval. Principio de algo?

O vindeiro mércores dia 1 ás 19:30 horas na galeria Sargadelos terán lugar unhas aulas abertas tituladas 2015 Fin do veto ao naval. Principio de algo? Onde contaremos coa presenza da diputada de AGE no parlamento galego Consuelo Martínez García e o economista Ramón Yañez Brage.
--
O responsábel de organización de
A nova Ferrol
Adrián Acción
ferrolanova@gmail.com
___________

Enlaces de interese:

Sitio-e:
http://anovaferrol.blogspot.com.es/

no facebook:
https://gl-es.facebook.com/anova.ferrol.7

Sitio-e de Anova-IN (Nacional):
http://anova.gal/

Sitio-e de AGE (Oficial):
http://alternativagalega.com/
_____________________

luns, febreiro 10, 2014

Asemblea Aberta, en Ferrol, en prol das Letras Galegas 2015 para o profesor Carvalho Calero, a celebrar o mércores 12 de febreiro, ás 7 da tarde no IES Concepción Arenal


LETRAS GALEGAS 2015 PARA O PROFESOR  CARVALHO CALERO (1910-1990)


Por obra da Sociedade Cultural Medúlio don Ricardo recibiu en Ferrol a súa primeira homenaxe pública en 1981, na que quedou manifesta a súa fidelidade á causa de recuperar para o seu país a súa propia cultura. Seguiron outras homenaxes, foi obxecto de simposios e congresos. .. Nomeado fillo predilecto de Ferrol en 1990; unha rúa, un centro de ensino e outro cultural desa cidade levan o seu nome  e alí se celebrou no ano 2010 o último congreso sobre el.

Don Ricardo Carvalho Calero, o primeiro profesor de galego na Universidade galega, pai lingüístico de varias xeracións,  foi vítima dun interesado esquecemento por manter a súa dignidade persoal e por entender que o noso idioma forma parte do sistema lingüístico do galego-portugués, opción diferente, pois, á oficial. Usando das súas palabras (1985) certas elites entenden que non deben realzar a personalidade dun disidente ... Que nen como estudoso nen como pensador sobre os problemas culturais da nosa terra atinxo a altura.

Como sinalaba a prensa do pasado día 29, mantívose ata hoxe, andados 24 anos do seu pasamento,  unha das ausencias máis clamorosas no eido das conmemoracións e homenaxes ás grandes figuras da cultura do país. Van tres ocasións nas que non prosperou a proposta de que a RAG dedicara as Letras Galegas a D. Ricardo Carvalho Calero, esgrevio galeguista que ao longo de seis décadas e un pouco desenvolveu un inmenso  labor poético, narrativo, ensaístico, académico, lingüístico, xornalístico, docente, ..., a prol de Galiza e da lingua e cultura galegas. Sen desmerecer a ninguén, entendemos que é tempo de que os grandes méritos do profesor Carvalho Calero sexan recoñecidos por una academia na que ingresara o 17 de maio do 1958.

Matinando no que vai exposto, o día 28 de xaneiro ousamos dar un primeiro paso, un chamamento na prensa a entidades culturais e veciñais, centros docentes, equipas de normalización lingüística, ..., de Ferrolterra, ás que hoxe convocamos a unha:

ASEMBLEA ABERTA
LETRAS GALEGAS 2015 PARA O PROFESOR CARVALHO CALERO
IES CONCEPCIÓN ARENAL DE FERROL
19 HORAS DO  MÉRCORES 12 DE FEBREIRO DO 2014



RICARDO CARVALHO CALERO
(Ferrol, 30 de outubro de 1910. Santiago, 25 de marzo de 1990)
-Membro do Seminario de Estudos Galegos (SEG) dende 1927.
-Primeiro presidente da Federación Universitario Escolar (FUE) en Compostela, 1931.
-Publica “Vieiros”, poesía, A Coruña, 1931.
-Licenciado en Dereito pola universidade de  Santiago, 1931.
-Membro da Xunta de Goberno da Universidade de Santiago no curso 1931-1932.
-Asinante de varios manifestos a prol dun galeguismo de esquerdas, 1931, 1932, 1933, 1936.
-No Partido Galeguista dende a súa fundación en 1931.
-Coredactor do Anteproxecto de Estatuto de Autonomía de Galiza, 1931.
-Cofundador do Grupo Galeguista de Ferrol, 1932.
-Funcionario do concello de Ferrol, 1933.
-Voda con Mª Ignacia Ramos Díez, outubro do 1933.
-Publica “O silenzo axionllado”, poesía, Santiago, 1934.
-Licenciado en Filosofía e Letras pola universidade de Santiago, 1936.
-Mitins a prol da Fronte Popular cara as eleccións de febreiro do 1936.
-Compromisario na elección do Presidente da República, maio do 1936.
-Mitins a prol do SI no referendum estatutario galego do 28 de xuño do 1936.
-Opositor en Madrid a cátedra de instituto, xullo do 1936.
-Miliciano na defensa da república no 6º Batallón da 36 Brigada Mixta, agosto do 1936.
-Ingreso na Escuela Popular de Guerra (Paterna, Valencia), xaneiro do 1937.
-Tenente  do exército republicano destinado no exercito de Andalucia, abril do 1937.
-Confirmado polo goberno republicano como profesor de instituto, xullo do 1937.
-Prisioneiro dos franquistas, abril do 1939.
-Consello de Guerra: 12 anos e un día de condena por galeguista e oficial republicano.
-Liberdade condicional en maio do 1941.
-Depurado como funcionario municipal de Ferrol e prohibición de exercer no ensino público.
-Clases en academias de Ferrol (Cervantes, Dafonte, Jorge Juan, ...), 1942-1949.
-Director do colexío Fingoi de Lugo, 1950-1964.
-Publica “Anxo da terra”, poesía, Pontevedra, 1950.
-Cofundador da editorial Galaxia, 1950.
- Publica “A xente da barreira”, novela, Santiago, 1951.
-Publica “poemas pendurados dun cabelo”, Lugo, 1952.
-Doutor en filoloxía románica, Madrid, 1954.
-Membro de número da Real Academia Galega (RAG), 1958.
-Publica “Salterio de Fingoi”, Vigo, poesía, 1961.
-Publica a “Historia da Literatura Galega Contemporánea. I”, ensaio, Vigo, 1963.
-Primeiro profesor de galego (encargado de curso) na universidade de Santiago, 1965.
-Anulada a prohibición política profesor de español nun instituto de Santiago, 1965.
-Primeira edición (acadou sete) da “Gramática elemental del gallego común”, Vigo, 1966.
-Publica “Sobre lingua e literatura galega”, ensaio, Vigo, 1971.
-Publica “Catro pezas”, teatro, Vigo, 1971.
-Por encargo da RAG elabora as “Normas ortográficas e morfolóxicas do idioma galego”, 1971.
-Catedrático de Lingüística e Literatura Galegas da universidade de Santiago, 1972.
- Publica a “Historia da literatura galega contemporánea (1808-1936)”, ensaio, Vigo, 1975.
-Publica “Estudos rosalianos”, ensaio, Vigo, 1979.
-publica “Libros e autores galegos-I”, ensaio, A Coruña, 1979.
-Presidente da comisión redactora das “Normas ortográficas do idioma galego”, 1980.
- Dimite por desacordo coa redacción definitiva das “Normas ...”, 1980.
- Xubilación como catedrático en 1980.
-Publica “Pretérito imperfecto (1927-1961)”, poesía, Sada, 1980.
-Membro de honra da Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG), 1980.
-Membro fundados da Associaçom galega da lingua (AGAL), 1981.
-Publica “Problemas da lingua galega”, ensaio, Lisboa, 1981.
-A A. C. Medúlio de Ferrol ofrécelle a primeira homenaxe pública, 1981.
-Publica “Futuro condicional (1961-1980)”, poesía, Sada, 1982.
-Publica “Libros e autores galegos-II”, ensaio, A Coruña, 1982.
-Publica “Teatro completo”, Sada, 1982.
-Publica “da fala e da escrita”, ensaio, Ourense, 1983.
-Medalla Castelao, 1984.
-Rexeita formar parte do Consello da Cultura Galega, 1984.
-Presidente do “Congreso Internacional de Estudos sobre Rosalía de Castro”, Santiago, 1985.
-Publica “Cantigas de amigo e outros poemas”, A Coruña, 1986.
-Publica a novela autobiográfica “Scorpio”, Premio da Crítica, 1987.
-Publica “Escritos sobre Castelao”, ensaio, Santiago, 1989.
Publica “Estudos sobre literatura galega”, ensaio, Sada, 1989.
-Publica “Do galego e da Galiza”, ensaio, Santiago, 1990.
-Publica “Reticencias ... (1986-1989)”, poesía, Santiago, 1990.
-Nomeado Fillo Predilecto de Ferrol, xaneiro do 1990.
-En 1992, despois da súa morte foi editado “Unha voz na Galiza. Artigos de xornal (1933-1989)”.
-Nomeado Fillo Ilustre de Galicia polo Parlamento galego, 1996.


Enviado por:
Anova Ferrol
-ferrolanova@gmail.com-
10 de fevereiro de 2014 15:28

http://anovaferrol.blogspot.com.es/
_____________

Foto: Vieiros - Unha pintada, demandando as Letras para Carvalho Calero, feita en Lugo polo CS Mádia Leva
__________________________

xoves, xaneiro 30, 2014

Flotel: Un alivio


ANOVA, ante a noticia de que NAVANTIA conseguiu o contrato da construción do flotel, expresa as seguintes consideracións:

1.- O contrato supón apenas un alivio para a situación extrema naque nos atopamos:
  • Taxa de actividade de Ferrol 44,2 % a máis baixa das 7 cidades galegas.
  • Taxa de ocupación de Ferrol 30,1 % a máis baixa das 7 cidades galegas.
  • Taxa de paro de Ferrol 31,9 % a máis alta das 7 cidades galegas.
Porén calificamos o feito como unha boa noticia para a comarca e para os traballadores : 450 evitarán engrosar as listas de desemprego.

2.- A consecución do dique flotante segue a ser a ferramenta imprescindíbel de garantía de traballo no curto prazo ( segunda pata da mesa xunto co flotel) que permita manter aberta a esperanza de futuro para o naval.

3.- O vindeiro 31 de decembro remata o veto para NAVANTIA Fene e a limitación do 20% á construcción civil Navantia Ferrol polo que apelamos aos axentes económicos e sociais a procurar unha estratexia común que impida prorrogar esta situación e abra as portas a unha nova política económica e industrial que teña como eixo a construcción civil no naval e que se marque como obxectivo rematar co monocultivo industrial.

Correo-e:
anova.ferrol@galicia.com
Blogue:
http://anovaferrol.blogspot.com.es/
Anova Ferrol nas redes sociais:
https://www.facebook.com/anova.ferrol.7
https://plus.google.com/100696055681127845117
Web oficial de Anova:
http://anova-galiza.org/
Web oficial de AGE:
http://alternativagalega.com/

Enviado por:
anova.ferrol
-anova.ferrol@galicia.com-
29 de janeiro de 2014 18:55

_______________
Detalle da Foto de Galega de Comunicación e Información, S.L.U. (O portavoz nacional de Anova, Xosé Manuel Beiras, acompañado dos membros da permanente Martiño Noriega e Mónica Fernández e outros integrantes da coordinadora da formación en Ferrolterra visitaron este luns aos comités de Navantia encerrados no Concello de Ferrol para mostrales o seu apoio.)
_____________

luns, xaneiro 20, 2014

PODEMOS, a ANOVA articuladora dunha AGE/SYRIZA de ámbito estatal, ... Por Javier Caso Iglesias


Por Javier Caso Iglesias [*]
20.01.2014

Creo que se están facendo moi ben as cousas por parte de PODEMOS. En dous días, desde que foi presentada a súa iniciativa, conseguiron máis de 63.000 apoios; para mostra as reaccións que está tendo noutras forzas políticas este avultado respaldo cidadán a PODEMOS, por exemplo en Izquierda Unida (IU) estanse dando conta, a pasos axigantados, que teñen que mover ficha e cambiar de paradigma; pois xa non vale facer as cousas desde o "aparato" e á marxe da cidadanía.

Desde fai moito tempo veño dicindo que para que sexa posible unha AGE a nivel estatal necesitabamos unha ANOVA do mesmo ámbito que a impulsase, os da "operación coleta" ou "operación coleteiro" xurdiron por ser necesarios, pois había que dar resposta ao que a xente pide na rúa; e a rúa pedía conformar unha AGE a nivel estatal para non quedarse no pataleo permanente; e sinxelamente iso é o que se vai a facer, unha AGE Estatal cunha ANOVA do mesmo ámbito. A ANOVA chámase PODEMOS e o seu obxectivo, como así o manifestou, é crear unha candidatura única e non excluínte para as eleccións europeas moi participada pola cidadanía. Varios sectores de IU xa responderon favorablemente á iniciativa, o mesmo ocorre en relación a EQUO, coas CUP, con COMPROMÍS, con CHA, con MÉS e con ANOVA como se pode apreciar nas redes sociais.

Algúns levamos tempo intentando conformar esa ANOVA de ámbito estatal: Intentámolo en Construyendo La Izquierda (CLI), intentámolo con SUMA, coa Asamblea 14D e, ao final, conseguímolo a través de PODEMOS.

Os intentos anteriores a PODEMOS, con ser moi loables e eu ser moi respectuoso con eles, quedáronse nun quero e non podo; e o apoio cidadán solicitado por PODEMOS é o algodón que mostra esta evidencia.

Como diría o meu admirado Carlos Marx: "As ideas só xorden cando xa se dan as condicións materiais para a súa realización". E a idea agora debe de ser esa AGE, esa Syriza non excluínte de ámbito estatal na que esteamos todos: IU, ANOVA, PODEMOS, COMPROMÍS, CUP, CHA, MÉS, EQUO, ICV,  ... Unha Syriza sen hexemonismos nin patrimonialismos.

Creo que a iniciativa SUMA, impulsada por IU, tamén debe de reflexionar con sinceridade e tranquilidade consigo mesma para descubrir por que, estando chamada a selo, non puido transformarse nese PODEMOS que agora puxa con forza por articular esa fronte ampla non excluínte de forzas rupturistas.

Como dicía fai uns días, no momento actual non podemos aferrarnos a posturas excluentes ou patrimonialistas, pois estas pódense volver en contra; en especial en contra de IU. Imaxinemos, para abundar nisto que digo no seguinte: Si IU rexeitase a xenerosa proposta de PODEMOS e esta fose sensible de ser apoiada por EQUO, COMPROMÍS, CHA, MÉS e ANOVA; é probable que PODEMOS, de ter que competir electoralmente con IU (aínda que non fóra, como non o é, o seu desexo), obtería máis votos que IU.

De ocorrer isto, o máis probable é que nas próximas eleccións xerais até ICV abandonaría a compañía de IU como socio electoral. Moitas voces dentro de ICV xa están suscitándose este escenario, pois, de feito ICV forma parte do Grupo de los Verdes / Alianza Libre Europea e non do PIE (Partido de la Izquierda Europea) como IU.

Penso que esta realidade xa se está tendo en conta no seo de IU, é por iso que a vemos ir cambiando de opinión e ir aceptando o evidente.

[*] Por Javier Caso Iglesias -Cáceres 1964, é analista político e activista social e sindical.

Pasión pola Dialéctica, o Blogue persoal de Javier Caso Iglesias
http://javiercasoiglesias.blogspot.com.es/

Correo-e
javier.caso.iglesias@gmail.com

Twitter
https://twitter.com/JavierCaso

Facebook
https://www.facebook.com/pages/Javier-Caso-Iglesias/254211981316744

Google +
https://plus.google.com/111202472718546293699
________________

venres, decembro 27, 2013

Que passa em ANOVA?, ... Por Lupe Ces


Por Lupe Ces [*]
27.12.2013


Numha conferencia de Jurjo Torres Santomé, o nosso especialista internacional em temas educativos, e cuidadosamente oculto e silenciado nos médios de comunicaçom nos debates sobre reformas educativas, explicava entre outras cousas, que um dos objectivos da LOMCE é formar seres humanos que acolham como naturais as políticas neoliberais e para elo precisam ter um pensamento conservador. Nesse discurso podemos atopar também umha nova leitura sobre o que está acontecendo em ANOVA.

As renuncias, individuais e colectivas, as expulsons, a intervençom de cargos nacionais para torcer o curso de assembleias soberanas... som os efeitos que saem a luz dumhas causas profundas que tenhem leituras muito mais complexas que a concorrência eleitoral, ou as relaçons coas outras organizaçons na coaliçom AGE.

Em ANOVA esta-se a dar umha batalha ideológica entre duas correntes de pensamento que defendem modelos organizativos e projetos políticos diferentes. Em ANOVA esta-se em trabalho de parto, com contraçons dorosas que acurtam o seu tempo de repetiçom e mantenhem a incognita de como será a criatura que finalmente verá a luz entre tanto feito convulso.

Em ANOVA, onde se nom?, pois foi em ANOVA onde confluírom um número significativo de activistas que vivírom os processo do Foro Social Mundial e do 15M. Em ANOVA, onde se nom?, pois foi onde atoparom acobilho sectores organizados que fuxiam dos controis sectários e de dirigismos anacrónicos. Em ANOVA, onde se nom?, pois foi em ANOVA onde se fundírom a urgência e a indignaçom vivida por centos em primeira pessoa, pola perda de direitos, os abusos, a injustiça e a desafecçom aos partidos políticos e às instituiçons, convertida no pam nosso de cada dia.

Mas também em ANOVA, estam presentes sectores que aspiram a desenvolver um proxecto político que tem como obxectivo colocar-se como força nos postos de gestióm das instituiçons para aplicar velhas políticas socialdemócratas, de orientaçom produtivista e crecentista. Acreditam que a cidadania só lhes pide soluçons para o “que hai do meu?”. Mostram umha incapacidade manifesta para analisar corretamente o momento de crise sistémica que estamos a viver, e a incompetência para apresentar-se socialmente como umha alternativa segura para supera-la. Precisam logo, que o modelo organizativo seja “o de toda a vida”, “o que se fixo sempre”, “eu já fixem mais dumha duzia de campanhas eleitorais!”, “a gente nova nom sabe como montar umha organizaçom”.

Escoitando a Jurjo Torres podíamos perguntar-nos que foi antes o ovo ou a galinha? A LOMCE pretende formar pessoas neoliberais de pensamento conservador ou a hegemonia do pensamento conservador e neoliberal é o que permite a aprovaçom da LOMCE? O pensamento conservador aplicado ao espaço político-organizativo de ANOVA esta a impedir a consolidaçom do proxecto ou é o enunciado do proxecto de ANOVA o que nom se adapta ao pensamento conservador e neoliberal hoje socialmente hegemónico?

Segundo Torres, para o ser humano neoliberal, triunfar na vida consiste em acabar cos rivais e utilizar ao resto das pessoas como mercadorias para os seus fins. É um ser competitivo, guiado por ideas mercantis, de racionalidade positiva, cumha concepçom despolitizada da racionalidade económica, empresarial, e das dimensons tecnocráticas dos processos e da sua eficacia. Asume a lógica coercitiva e violenta dos processos burocráticos neoliberais. Som personalidades autoritárias porque carecem de contidos, procedimentos e valores sociais que contemplem o bem comúm.

Segundo J. Torres, o ser humano neoliberal precisa também do ser conservador. É um sócio necessário para fortalecer o neoliberalismo. Caracteríza-se pola ausência de empatia, rege-se polo presentismo, carecendo dumha cultura relevante e crítica para situar-se no curso da história. Tem um sentido comúm limitante e medo a arriscar. Carece de imaginaçom para criar possibilidades e alternativas distintas ao sistema neoliberal.

Só desde a atividade do ser neoliberal e conservador, pode entender-se a esclerose aplicada ao nascimento de muitas assembleias, dos modelos de eleiçom, direcçom, comunicaçom, imagem pública e finanzaçom de ANOVA.

Só desde a presença deste pensamento neoliberal e conservador também no resto das organizaçons que conformam a coaliçom, pode entender-se a planificada parálise das assembleias populares de apoio a AGE, ou a obstruçom dos vasos comunicantes que permitiriam converter em organizaçom popular, a energia liberada ante a unidade conseguida no processo desencadeado ao redor das eleiçons ao parlamento galego.

Só desde a presença deste pensamento neoliberal e conservador também no resto das organizaçons da esquerda nacional, pode-se entender o reumatismo que ataca qualquer processo de achegamento, pactos, estrategias conjuntas, que apontem a processos de acumulaçom de forças rupturistas.

Fronte a este conservadorismo neoliberal instalado dentro das nossas organizaçons políticas e sociais, cumpre construir e encher de contido o pensamento democrático e o ser socialista que está chamado a protagonizar a ruptura democrática que permita um processo constituinte, onde se expresse umha nova hegemonia: a do bem comum, a da cooperaçom, a da complementariedade, a da solidariedade, com nós, cos outros povos, coas outras especies, co planeta...

Esta construçom só pode ser umha criaçom colectiva, onde xurdam novas formas de liderado. Cumpre afortalar um modelo organizativo que libere as forças atrapadas nas aranheiras conservadoras e neoliberais, um modelo de horizontalidade e transparência que faga albiscar esse novo modelo social que aspiramos e precisamos construir. Se o parto se malogra e a realidade actual de ANOVA nom o permite, outros agromos faram a encomenda por nós, porque como di o Zeca “o povo é quem mais ordena”.

[*] Lupe Ces Rioboo -Caranza Ferrol 1953, é mestra, activista social, integrante da Marcha Mundial das Mulleres e da Rede Social de Ferrol Terra. Forma parte do Consello Editorial de Altermundo e do Colectivo Ártabra 21.

Blogue persoal: Caranza free opiniom
---

sábado, decembro 21, 2013

A coordinadora local de Anova Ferrol constitúese e reparte as súas áreas de traballo

A coordinadora local de Anova Ferrol constitúese e reparte as súas áreas de traballo.

Ferrol.- A recen electa coordinadora de Anova Ferrol reuniuse o pasado xoves 19 de decembro co gallo de constituírse e facer o reparto de responsabilidades:
  • Xosé Manuel Pazo será o portavoz e coordinador.
  • César Manso será o responsábel de organización.
  • A responsabilidade de Acción Institucional recaerá sobre Xosé Diego Martinez.
  • Aurora Rivas será a encargada da área de Acción Social.
  • Jennifer Prieto será a responsábel de Acción Feminista.
  • Adrián Acción farase cargo da responsabilidade de redes e comunicación, mocidade e ecoloxía.
A Coordinadora de Anova Ferrol comeza esta andaina chea de ilusión por traballar en contra das agresións que día a día estamos a recibir, especialmente na nosa cidade.

Correo-e:
ferrolanova@gmail.com

Blogue:
http://anovaferrol.blogspot.com.es/

Anova Ferrol nas redes sociais:
https://www.facebook.com/anova.ferrol.7
https://plus.google.com/100696055681127845117

Web oficial de Anova:
http://anova-galiza.org/

Web oficial de AGE:
http://alternativagalega.com/

Foto: Na ofrenda no Monumento 10 de Marzo | Ferrol | 10.03.2013

Enviado por:
anova.ferrol
-anova.ferrol@galicia.com-
21 de dezembro de 2013 13:57

___________

"Hoxe percibimos que a realidade organizativa e política de Anova se afasta dunha maneira progresiva do proxecto orixinario e camiña cara a un partido de corte clásico dominado por unha elite na que reside toda capacidade de decisión e de control" - Mar Blanco Casais, Xiana López Penedo, Xurxo Martínez González e Antón Dobao deixan a Comisión Permanente da Coordinadora Nacional de Anova-IN


CARTA DE DIMISIÓN DA COMISIÓN PERMANENTE DE ANOVA-IN

Onte ao mediodía, as compañeiras Mar Blanco Casais e Xiana López Penedo e mais o compañeiro Xurxo Martínez González e Antón Dobao, enviámoslle á Responsable de Organización de Anova - Irmandade Nacionalista unha carta coa nosa renuncia ás nosas responsabilidades na Comisión Permanente da organización para que fose trasladada con carácter inmediato a todas as compañeiras e compañeiros da Coordinadora Nacional. Por algunha razón que descoñecemos e non queremos avaliar, a nosa carta de renuncia segue sen ser comunicada á militancia de Anova, e iso obríganos a facela pública nas redes sociais para evitar interpretacións incorrectas produto de filtracións á prensa.

Pedimos desculpas ás nosas compañeiras e compañeiros da Coordinadora Nacional e tamén a toda a militancia de Anova por este bloqueo de información que, por suposto, queda moi fóra das nosas intencións

A carta é a que reproducimos a seguir:

Compañeir@s da Coordinadora Nacional de Anova-Irmandade Nacionalista:

Con este escrito comunicámosvos a nosa renuncia a continuar coas nosas responsabilidades como membros da Comisión Permanente desta Coordinadora Nacional.

O nacemento de Anova foi a conclusión dun proceso previo de intercambios, recoñecementos e encontros en espazos comúns dunha militancia diversa, organizada ou non en siglas partidistas. Foi unha chamada á cidadanía máis lúcida para impulsar un partido-movemento que asumise unha ética republicana, dende principios independentistas, disposta a abrir un novo escenario político que rachase coas vellas formas de comprender e practicar a política, unha organización que apostase por ser a ponte entre a cidadanía e as institucións, que puxese cabo á visión do partido como fin e non como ferramenta. Hoxe percibimos que a realidade organizativa e política de Anova se afasta dunha maneira progresiva do proxecto orixinario e camiña cara a un partido de corte clásico dominado por unha elite na que reside toda capacidade de decisión e de control.

Non podemos tampouco permanecer impasibles ante os graves acontecementos que están inxectando unha dose letal nunha organización que, conforme aos seus principios éticos e políticos, está obrigada a resolver as súas inevitables e necesarias contradicións mediante o diálogo e a práctica do consenso e nunca mediante a imposición de exiguas maiorías nin a práctica punitiva. Porque unha organización é tamén no seu modo de actuar un reflexo da sociedade que desexa e proxecta. E Anova proxecta unha sociedade xusta, libre, democrática e plural. A lóxica de maiorías sobre as minorías impúxose sobre os espazos de debate político e de consenso.

O noso compromiso coa idea orixinaria de Anova non mingua con esta renuncia. Continuamos comprometidos con Anova e con AGE. Seguiremos a traballar por esta organización desde as nosas asembleas de base e desde a responsabilidade que asumimos perante a Asemblea Nacional como membros da Coordinadora Nacional. E tamén nos espazos sociais nos que Anova ten que se converter en instrumento de transformación para a cidadanía do común.
Apertas.

Asinado,
Mar Blanco, responsábel nacional de lingua.
Antón Dobao, responsábel nacional de cultura.
Xiana López, responsábel nacional de igualdade
Xurxo Martínez, responsábel nacional de formación.

Galicia, Mes de Nadal de 2013

Os comentarios na carta publicada no facebook:
https://www.facebook.com/anton.dobao/posts/10202924480541744

Enviado por:
Inácio GZ
-inaciogz@gmail.com-
21 de dezembro de 2013 11:26

http://espazoartabro.blogspot.com/

________________