Amosando publicacións coa etiqueta BNG - Ferrol. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta BNG - Ferrol. Amosar todas as publicacións

mércores, decembro 01, 2021

Iniciativas municipais do BNG: reiterar a necesidade de dotar dun local á entidade veciñal de RecimilL e propñer transformar o antigo vertedoiro de Mougá nunha grande zona verde

Foto: representantes da asociación veciñal co concelleiro Iván Ribas


Iván Rivas, portavoz nacionalista, recorda que en febreiro do ano pasado o pleno aprobou por unanimidade unha moción do BNG cunha serie de medidas específicas para o barrio de Recimil e encarar a súa recuperación tanto social como urbana sen que até o de agora o goberno de Angel Mato as poña en práctica.

Iván Rivas, portavoz municipal do BNG no concello de Ferrol, mantivo un encontro con representantes da asociación veciñal de Recimil para abordar a situación do barrio e o cumprimento dos acordos plenarios sobre o mesmo é a necesidade de poñer a disposición desta entidade un local para que poidan desenvolver as súas actividade.

Iván Rivas, portavoz nacionalista, recorda que en febreiro do ano pasado o pleno aprobou por unanimidade unha moción do BNG cunha serie de medidas específicas para o barrio de Recimil e encarar a súa recuperación tanto social como urbana sen que até o de agora o goberno de Angel Mato as poña en prática.

Iván Rivas indicou que a recuperación de Recimil pasa pola súa recuperación económica e social. Destaca neste sentido o traballo da entidade veciñal que ten a vontade e quere traballar polo barrio, pero para iso precisan un lugar onde facelo. A solución é sinxela, Recimil é un barrio municipal, polo que só é preciso a vontade política do goberno local para ceder a esta entidade un baixo onde poder realizar o seu traballo.

Iván Rivas, afirmou, que outro dos obxectivos é a recuperación do mercado de Recimil que debe xogar un papel destacado na recuperación económica e social da barriada. Neste sentido indicou que é preciso axilizar ao máximo o proxecto de rehabilitación deste mercado, negociado co BNG na aprobación dos orzamentos municipais de 2021, co obxectivo de que sexa unha realidade o antes posíbel.

O BNG considera que ademais destas medidas non podemos esquecer que debemos traballar para acadar a diversidade social e conseguir un barrio cohesionado polo que se deberían adxudicar as vivendas baleiras e ir rehabilitando ás vivendas, tanto nos interiores como nas envolventes.

Ferrol 29 de novembro de 2021.


Iván Rivas afirmou que este proxecto debe formar parte dunha estratexia municipal baseada na necesidade de recuperar o abundante e rico patrimonio paisaxístico existente na cidade e que a día de hoxe se atopa en situación de abandono e deterioro

O Bloque Nacionalista Galego de Ferrol propón ao goberno local a recuperación para o uso público dos terreos que ocupa o antigo vertedoiro de Mougá e acometer a transformación desta zona da cidade para convertela nunha grande zona verde.

Iván Rivas, portavoz municipal do BNG, lembra que pasaron case vinte anos desde que o antigo vertedoiro foi clausurado, tempo máis que de sobra para que sobre o mesmo se poida desenvolver un proxecto que recupere para o goce da veciñanza de Ferrol dunha zona que a día de hoxe se atopa en estado de abandono total, gañando para a cidade espazos recreativos e de lecer e pondo en valor unha zona de grande valor paisaxístico.

O BNG lembra que o proxecto de selado do antigo vertedoiro de Mougá supuxo unha intervención sobre unha zona de 93.000 m2 onde se asentaba o que fora un dos vertedoiros máis grandes de Galiza, que máis tarde completaríase a recuperación desta zona coa clausura da antiga planta de compostaxe da Mancomunidade.

Ivan Rivas, portavoz nacionalista, indicou que o obxectivo é converter este lugar, hoxe abandonado, nunha nova zona verde, de ocio e paseo recuperando un espazo degradado para a cidade do mesmo xeito que se teñen recuperado zonas similares noutros concellos do noso país.

Iván Rivas vai máis alá e considera que ao mesmo tempo que se transforma o antigo vertedoiro nun grande parque público deberíase recuperar outras instalacións como a Aula Reciclaterra e implementar, actualizando o proxecto, da posta en marcha do centro integral da enerxía e residuos que recollía o plan de acción da Axenda 21 para a nosa cidade. Un proxecto que buscaba servir de punto de referencia para a divulgación e formación sobre as enerxías renovábeis e os residuos.

Desde o BNG sinálase que na actualidade as instalacións que se asentaran neste espazo como parte do proxecto de selado e recuperación, como foron os sistemas de drenaxe para os lixiviados e os sistemas de combustión para os gases que xeran os residuos enterrados están totalmente inutilizados produto do saqueo destas instalacións. Cómpre aproveitar este proxecto para recuperalas e tratar de controlar os gases e tamén os lixiviados co fin de evitar que cheguen aos acuíferos da zona.

Iván Rivas afirmou que este proxecto debe formar parte dunha estratexia municipal baseada na necesidade de recuperar o abundante e rico patrimonio paisaxístico existente na cidade e que a día de hoxe se atopa en situación de abandono e deterioro.

Ferrol 30 de novembro de 2021.

Bloque Nacionalista Galego de Ferrol.


Ferrol | Web | Facebook | Twitter.

Ferrolterra | Web.

Enviado por:
inacio GZ
inaciogz@gmail.com
30 de novembro de 2021 13:57

_______

luns, novembro 29, 2021

ADEGA presentou a través do grupo municipal do BNG unha moción relativa ao consumo alimentario que foi aprobada por unanimidade polo Pleno Municipal do Concello de Ferrol - Agora falta que o acordado se leve a cabo


Esta moción foi aprobada por unanimidade no pleno municipal celebrado o xoves 25 de novembro de 2021, agora falta que se leve a cabo.

Nesta iniciativa proponse que o concello de Ferrol desenvolva unha campaña de concienciación sobre a problemática alimentaria. Que se dirixa aos centros de distribución de comida ou alimentos (grandes superficies, cadeas de supermercados, restaurantes, entre outros) instándoos a doar os alimentos acumulados, antes de que caduquen, en vez de tira-los ao colector. E promova que isto se faga a través dun servizo local e público ou ben por medio de entidades que, desde fai anos, desenvolven entre as súas actividades o reparto de alimentos.

MOCIÓN DO BNG RELATIVA AO CONSUMO ALIMENTARIO E ACORDOS COMPLEMENTARIOS

O Grupo Municipal do Bloque Nacionalista Galego, ao abeiro da lexislación vixente, presenta a seguinte moción, para o seu debate no Pleno da Corporación

Exposición de Motivos

A delegación comarcal da Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza, ADEGA-Trasancos queremos trasladar ao pleno municipal de Ferrol as seguintes propostas diante da situación actual en relación coa problemática alimentaria.

O informe de “Unidos Na Ciencia 2021” elaborado pola comunidade científica conclúe, que A Covid-19 non foi quen de diminuír o cambio climático, senón pola contra, tras unha baixada provocada pola paralización da economía, o cambio climático está a crecer, debido ao aumento de novo das emisións de GEI. A ecoloxía segue a estar case desaparecida do noso sistema de vida e da nosa economía e xunto coas concentracións cada vez maiores de gases de efecto invernadoiro, están condenando ao planeta e as súas moradoras a un escuro futuro, aínda que, en moitas partes do mundo esta escuridade xa é palpábel desde fai tempo.

Hai uns días a ONU por medio das súas axencias facía público un informe “O estado da seguridade alimentaria e a nutrición no mundo" elaborado polas FAO-OMS-FIDA-UNICEF-PMA, que concluía, que 1/3 dos alimentos que producimos van parar ao lixo. Isto significa 1.300 millóns de Tm de comida ao ano. Por facernos unha idea isto ven a supor, perto do 30% dos cereais, o que equivale a 763 millóns de paquetes de pasta, ou o 20% da carne vermella que equivale a 75 millóns de vacas. Tamèn a estudo concluía que se tira o 45% das froitas e vexetais que se colleita, unha cantidade equivalente a 3.700 millóns de mazás.

Ao mesmo tempo perto de 820 millóns de persoas pasan fame, case 3 mil millóns de persoas no mundo non poden acceder a dietas saudábeis moitas delas na Galiza e millóns de crianzas sofren atraso no crecemento por falta de alimentos. Coa Covid-19 isto agravouse, xa que, perto de 140 millóns de persoas sumáronse aos conxunto de persoas que pasan fame e teñen carencias nutricionais.

Un informe sobre a Galiza concluía, que perto da metade das familias galegas teñen problemas para chegar a fin de mes, o que con certeza está a influír na súa alimentación imposibilitándoas a levar unha dieta saudábel e o acceso a alimentos de calidade. O acceso a alimentos de calidade frescos e locais, está a ser unha das novas desigualdades na nosa sociedade, nas que por un lado temos un grupo de xente que pode levar unha alimentación saudábel e de alto valor, mentres outro grupo, este cada vez máis numeroso, non pode acceder a este tipo de alimentación. Cabe sinalar que este estudo demostra, que é un 10% máis alto a inseguridade alimentaria moderada nas mulleres que nos homes, aumentando en comparación co 2019 en case 4 puntos a nivel global.

Ao mesmo tempo o desperdicio de alimentos nas súas diferentes etapas (produción - transporte - almacenamento - venda e consumo) está a ser un factor decisivo no cambio climático. O informe constata que este desperdicio de alimentos supón, case o 10% das emisións de GEI a atmosfera, ademais de aumentar a contaminación de augas e terras, por uso dos agro-tóxicos e outros insumos e tamén está a aumentar o estrés hídrico en moitas partes do planeta, xa que, en moitas zonas onde se producen alimentos, xa por natureza sofren de este estrés, mais co cultivo de alimentos estase a agravar o problema. Segundo o informe na UE e na América do Norte, desperdiciase por persoa aproximadamente entre 100-120 Kg de alimentos ao ano. Na Africa Subsahariana e Asia, pérdense por persoa non máis de 13 Kg ao ano de alimentos. No estado Español a media é que cada habitante tira ao lixo uns 80 Kg de alimentos por ano. Segundo as axencias da ONU o custe económico deste desperdicio supera os 400 mil millóns de dólares.

Segundo lnger Andersen, directora executiva do PNUMA "Diminuír o desperdicio de alimentos reduciría as emisións de gases de efecto invernadoiro e a velocidade de destrución da natureza que resulta da conversión da terra e a contaminación. Ao mesmo tempo, melloraría a dispoñibilidade de alimentos e, polo tanto, reduciría a fame e aforraría diñeiro nun momento de recesión mundial".

Cómpre sinalar que este desperdicio de alimentos está a causar na maioría dos concellos, sobre todo na Galiza e máis concretamente no noso, o encarecemento da factura polo tratamento e recollida deste lixo, xa que a fracción orgánica ven a supor o 40% do peso da bolsa que xeramos diariamente co cal, ven a supor o 40% da factura que o concello de Ferrol paga pola recollida e tratamento do lixo cada ano.

Por todo isto solicitamos ao Concello de Ferrol a adopción dos seguintes acordos:

1.- O Pleno do Concello de Ferrol insta ao goberno local a desenvolver unha campaña de concienciación sobre a problemática alimentaria que contemple:

1.1- Dirixirse aos centros de distribución de comida ou alimentos (grandes superficies, cadeas de supermercados, restaurantes, entre outros) instándoos a doar os alimentos acumulados, antes de que caduquen, en vez de tira-los ao colector.

1.2- Promover que isto se faga a través dun servizo local e público ou ben por medio de entidades que, desde fai anos, desenvolven entre as súas actividades o reparto de alimentos.

1.3- Actividades de concienciación dirixidas á: centros de ensino, entidades veciñais, e movemento asociativo e veciñanza en xeral sobre a problemática alimentaria, a importancia de planificar as compras e as comidas, para deste xeito evitar o desperdicio de alimentos e o que isto supón.

2. O Pleno do Concello de Ferrol insta ao goberno local a promover e favorecer o estabelecemento de cadeas agro alimentarias curtas que eliminan intermediarios e, polo tanto, reducen a perda e o desperdicio de alimentos durante a colleita, o transporte e a venda,

3.- O Pleno do Concello de Ferrol insta ao goberno local a potenciar os mercados municipais de Recimil, Caranza e A Madalena como centros de venda de produtos locais, frescos e de tempada.

4.- O Pleno do Concello de Ferrol insta ao goberno local a implantar na cidade o sistema de compostaxe comunitaria tanto na zona urbana como na rural, xunto con campañas de concienciación dos beneficios, económicos, sociais e medio ambientais desta forma de tratar o lixo.

Ferro1, 22 de novembro de 2021

Iván Rivas Rico
Portavoz municipal do BNG

SR. ALCALDE DO CONCELLO DE FERROL

https://ferrol.bng.gal/

https://adega.gal/

Enviado por:
Inácio GZ
-inaciogz@gmail.com-
29 de novembro de 2021 12:05

_______

venres, novembro 05, 2021

O BNG censura o pacto de silencio de FeC, PP e PSOE sobre o 50 aniversario dos sucesos do 10 de marzo do 72


O BNG CENSURA O PACTO DE SILENCIO DE FeC, PP e PSOE SOBRE O 50 ANIVERSARIO DOS SUCESOS DO 10 DE MARZO DO 72

Iván Rivas portavoz municipal do BNG no concello de Ferrol, lamenta o voto en contra de Ferrol en Común, do Partido Popular e do Partido Socialista á proposta nacionalista para que o concello de Ferrol conmemorase o 50 aniversario da loita obreira de marzo do 72 en Ferrol e a negativa a declarar o vindeiro ano com “Ano do Día da Clase Obreira Galega”.

Iván Rivas, portavoz nacionalista, salientou que resulta curiosa a coincidencia ideolóxica das tres organizacións políticas que se situaron en contra desta proposta. É unha pena que co seu voto impidan que o concello de Ferrol lembre os feitos do 10 de Marzo en Ferrol e o seu significado colectivo na Galiza de defensa da democracia e de emancipación da clase traballadora galega.

Para o BNG, FeC, PP e PSOE pretenden dulcificar o acontecido e consideran que o concello non debe asumir un papel significativo co obxecto de lembrar aquela loita igual que se negan a censurar o papel que o Estado decidiu atribuírlle á nosa cidade. Unha cidade que sofre desde hai anos a actitude indolente de gobernos dese mesmo estado que teñen desmantelado os nosos sectores produtivos sen ofrecer unha mínima e pequena alternativa para a situación que estamos a vivir nesta cidade desde hai décadas.

Rivas censurou o pacto de silencio entre as tres forzas estatais que teñen presenza no pleno municipal e a súa oposición a proposta do BNG sen presentar unha so alternativa por parte de ningún deles a piques de comezar o ano 2022.

É significativo que diante dunha proposta inclusiva como a do BNG o resto de grupos non optasen pola abstención e se situasen en conxunto en contra desta proposta sen propoñer nada.

Iván Rivas, portavoz do BNG, considera que non pode pasar desapercibido que hai 50 anos aconteceu nesta cidade a loita de traballadores e traballadoras, que foi reprimida por un estado antidemocrático, na defensa dos dereitos de todos e de todas. E non dubidou en afirmar que o que aconteceu onte no pleno coa proposta do BNG é moi triste.

O BNG considera que terán que ser estas tres organizacións políticas quen expliquen o seu voto en contra a unha iniciativa que ademais de buscar o recoñecemento oficial do concello a esta efeméride durante o vindeiro ano procuraba espallala entre a cidadanía propondo a elaboración e desenvolvemento dun calendario de actividades: exposicións, conferencias, cursos ao longo do ano 2022. Estabelecer un galardón: “Premio Día da Clase Obreira Galega”co que premiar a persoas ou colectivos significados na defensa dos traballadores e traballadoras galegas e os seus dereitos, ou a elaboración dunha unidade didáctica sobre o 10 de marzo de 1972 e o “Día da Clase Obreira Galega” para a súa distribución nos centros de ensino da cidade e da comarca.

A tráxica data, o 10 de Marzo, as folgas de Vigo desde o mesmo mes e o asasinato posterior de Moncho Reboiras en Ferrol, foron o xerme doloroso do sindicalismo galego actual e demostran a dignidade e loita do pobo galego contra o réxime franquista que foi fortemente represor desde os seus inicios até o seu fin. A conmemoración deste feito, non debe converterse nun muro das lamentacións e debera ser máis ben uns actos de recoñecemento e posta en valor da loita dos traballadores e traballadoras galegas para combater a precariedade e a pobreza.

Ferrol, a 5 de novembro, de 2021.
Bloque Nacionalista Galego de Ferrol.


Ferrol | Web | Facebook | Twitter.

Ferrolterra | Web.



Enviado por:
BNG Ferrol
-bngferrol@gmail.com-
5 de novembro de 2021 15:54

_______

Relacionada:

O BNG propón que Ferrol adique o ano 2022 ao 50 aniversario dos sucesos de marzo do 72 - Iván Rivas, portavoz municipal do BNG, considera que non pode pasar desapercibido que hai 50 anos aconteceu nesta cidade a loita de traballadores e traballadoras, que foi reprimida por un estado antidemocrático, na defensa dos dereitos de todos e de todas. | Ir Ártabra 21.
_______

xoves, novembro 04, 2021

BNG propón no Parlamento medidas para resolver o conflito de Electro Rayma con Navantia e que esta cumpra coas subcontratas - O deputado Mon Fernández defende un conxunto de propostas para promover e consolidar un tecido industrial na comarca de Ferrol ao abeiro de Navantia


BNG instou á Xunta no Parlamento galego a demandar do Goberno central explicacións sobre as negociacións entre Navantia e Electro Rayma para resolver as discrepancias económicas sobre a execución dos últimos contratos dos buques de tipo AOR para a armada australiana, logo de que a empresa comarcal -especializada na montaxe eléctrica e de compoñentes electrónicos- denunciara que mantén un contencioso económico (por sobre-custos que cifra en 4,7 millóns) coa empresa pública e que, despois da negativa desta última a facilitar unha solución áxil e negociada, derivou na presentación dunha demanda xudicial por parte da empresa localizada en Narón e que ocupa a arredor de 150 traballadores e traballadoras.

Logo de recalcar que Electro Rayma acusa a Navantia de aproveitarse da súa delicada situación económica para conseguir un acordo á baixa e de discriminala nas distintas licitacións, o portavoz nacionalista de Industria, Mon Fernández, reclamou tamén o estudo de solucións no ámbito da financiación e coa participación do Igape para evitar que a demora na solución do contencioso poida significar a perda de emprego na empresa subcontratista ou mesmo o seu peche.

Fernández enmarcou esta situación na falta de mecanismos que garanten a correcta relación entre a empresa pública e a súa industria auxiliar, polo que, ademais de propor medidas concretas para solucionar o grave problema que sofre Electro Rayma, defendeu nunha proposición de lei, propostas concretas para promover e consolidar un tecido industrial na comarca de Ferrol ao abeiro de Navantia.

Neste sentido, considerou de capital importancia aproveitar plenamente todas as posibilidades da contratación pública para a consecución de obxectivos estratéxicos, entre os que citou a protección do emprego, a participación das Pemes ou a reactivación de comarcas en crise como é o caso de Ferrolterra, para o que defendeu a discriminación positiva das empresas comarcais, a incorporación aos pregos de contratación de Navantia de mecanismos áxiles e negociados para a resolución das discrepancias económicas que eviten tensións de liquidez nas empresas subcontratistas e a incorporación do persoal da industria auxiliar aos plans de prexubilación do persoal da empresa principal.

O PP prefire queixarse dende a distancia que entrar no consello de Navantia

Por último, Fernández reiterou unha última proposta do BNG xa coñecida: que a Xunta entre no consello de administración de Navantia. “Unha posibilidade, non nos cansaremos de insistir, contemplada no propio Estatuto de Autonomía de Galiza, incluída tamén na Lei de fomento do sector naval de Galiza, aprobada por unanimidade neste Parlamento, e aprobada tamén, non se sabe xa cantas veces, en diferentes iniciativas traídas polo noso grupo parlamentar a esta Cámara, mais nunca, e isto é o relevante, nunca executada polo PP”, reprobou.

Así, recriminou ao Goberno do PP que un Executivo, o Executivo Feixóo, “que prefire criticar e queixarse desde a distancia, facendo como se non tivese responsabilidades de goberno, como se non tivese competencias ou capacidade para actuar e intervir, en xeral na economía do País, e en Navantia e na comarca de Ferrol, en particular”. Nesta liña, acusou ao PP de, “iso si, non se esquecer de pasar por Ferrol cando chegan as campañas electorais para facer a consabida promesa de carga de traballo para Navantia ou mesmo a constitución dun centro de reparacións na ría de Ferrol”. “Agora ben, xa forma parte da mesma tradición, que unha vez remata a campaña electoral, Navantia volve ser competencia exclusiva do Goberno do Estado e a Xunta, o Goberno de Feixóo, non pode facer máis que acusar co dedo”, recriminou con severidade.

Para o portavoz nacionalista de Industria, ter a posibilidade de estar no consello de administración de Navantia “e non estar, non querer estar, é ser cómplice, por omisión de todas as decisións que toma ou poida tomar a empresa discriminatorias con Galiza e coa ría de Ferrol; é poñerse de perfil diante dos problemas e da crise xa permanente da comarca de Ferrol”.

Porque un goberno que non se implica con Navantia é un goberno que non se implica con Ferrol. E iso é o que están facendo a día de hoxe os dous gobernos, o do Estado e o galego, os dous por igual”, concluíu na defensa dunha iniciativa que, na súa votación en comisión parlamentaria, foi rexeitada polo PP e contou coa abstención do PSdeG.

2 de novembro 2021

Bloque Nacionalista Galego de Ferrol.


Ferrol | Web | Facebook | Twitter.

Ferrolterra | Web.

Enviado por:
Inacio GZ
inaciogz@gmail.com
4 de novembro de 2021 07:10

_______ _______

martes, setembro 28, 2021

O BNG propón que Ferrol adique o ano 2022 ao 50 aniversario dos sucesos de marzo do 72 - Iván Rivas, portavoz municipal do BNG, considera que non pode pasar desapercibido que hai 50 anos aconteceu nesta cidade a loita de traballadores e traballadoras, que foi reprimida por un estado antidemocrático, na dedensa dos dereitos de todos e de todas


O Bloque Nacionalista Galego de Ferrol ven de rexistrar unha moción, que será debatida o xoves 30 de setembro, na que propón que o vindeiro ano 2022 sexa declarado en Ferrol como o “Ano do Dia da Clase Obreira Galega” como xeito de comemorar o 50 aniversario dos sucesos do 10 de marzo de 1972. Asi mesmo propón desenvolver un calendario de actividades: exposicións, conferencias, cursos ao longo do ano 2022 co obxecto de lembrar o esforzo desenvolvido en defensa da democracia e emancipación da Clase Obreira Galega así como o estabelecemento dun galardón: “Premio Día da Clase Obreira Galega”co que premiar a persoas ou colectivos significados na defensa dos traballadores e traballadoras galegas e os seus dereitos.

Iván Rivas, portavoz municipal do BNG, considera que non pode pasar desapercibido que hai 50 anos aconteceu nesta cidade a loita de traballadores e traballadoras, que foi reprimida por un estado antidemocrático, na defensa dos dereitos de todos e de todas.

Unha loita que cómpre lembrar máis que nunca nunha cidade que sofre desde hai anos a actitude indolente de gobernos dese mesmo estado que teñen desmantelado os nosos sectores produtivos sen ofrecer unha mínima e pequena alternativa para a situación que estamos a vivir nesta cidade desde hai décadas.

Ivan Rivas sinalou que o pasado debe servir de lembranza e recoñecimento para enfrontar o futuro e por iso desde o BNG consideramos oportuno que o próximo ano 2022 sexa declarado ano da Clase Obreira Galega, que desenvolvamos un premio que recoñeza o esforzo de persoas e colectivos na defensa dos dereitos dos traballadores e traballadoras galegas e que ao longo de todo o ano 2022 se poidan desenvolver actividades relacionadas cos dereitos dos traballadores e traballadoras e das persoas que teñen e que están a buscar traballo nunha cidade que precisa de maneira clara e contundente un proxecto de futuro que debe pasar por desenvolver o noso principal sector produtivo que non é outro que os estaleiros da ría de Ferrol.

O BNG quer lembrar que o vindeiro ano conmemorase o 50 aniversario dos sucesos do 10 de marzo do 1972 na nosa cidade que teñen o seu desencadeamento na loita dos traballadores/as da Bazán durante a negociación do seu Convenio Colectivo e que deu lugar a que se recoñeza esta data como o Dia da Clase Obreira Galega. No percorrido deste conflito sucedéronse despedimentos de enlaces sindicais, detencións, torturas nas comisarías, numerosos feridos e dous mortos: Amador Rey e Daniel Niebla.

Esa tráxica data, o 10 de Marzo, pasou a historia do sindicalismo galego como "Día da clase obreira galega", e significou un novo e importante pulo de resposta á ditadura e o xermolo dun importante movemento sindical.

Igual que noutros países procúrase significar no calendario aquelas datas que lembran un fito importante da súa historia, o 10 de Marzo cumpre con estas características para a clase traballadora galega, para as súas organizacións é a referencia explícita da loita polas liberdades e polos dereitos laborais.

Consideramos que o Concello de Ferrol non debe deixar pasar a efeméride de conmemorar o 50 aniversario do Dia da Clase Obreira Galega, lembrando cunha serie de actividades os feitos do 10 de Marzo en Ferrol e o seu significado colectivo na Galiza de defensa da democracia e de emancipación da clase traballadora galega.

#diadaclaseobreiragalega

Ferrol a, 27 de setembro, de 2021

Ferrol | Web | Facebook | Twitter.


bng@ferrol.es


Enviado por:
Inácio GZ
-inaciogz@gmail.com-
28 de setembro de 2021 22:33

_______

martes, xullo 20, 2021

A Ruada 'Día da Patria' percorrerá as rúas de Ferrol o vindeiro venres 23 de xullo, con saída às 8 da tarde da praza do Hino Galego e rematando na Praza de Armas - O 25 de Xullo, Manifestación Nacional em Compostela - Construíndo a República Galega

Ruada Día da Patria en Ferrol e Manifestación Nacional en Compostela

Construíndo a República Galega

Como ven sendo habitual nos últimos anos a nosa organización participa na convocatoria da “Ruada do Día da Patria” que percorrerá as rúas de Ferrol o vindeiro venres 23 de xullo con saída às 20 horas da praza do Hino Galego e rematando na Praza de Armas.

Este acto ten como obxectivo visibilizar a nosa identidade nacional e os nosos símbolos nun ambiente distendido pero cargado de reivindicación polo dereito do noso país á ter plena soberanía.

DÍA DA PATRIA EN COMPOSTELA

Queremos lembrar que este ano haberá manifestación nacional do Día da Patria en Compostela, con saída ás 12.00 horas da mañá da Alameda, como viña sendo habitual.

Desprazamento

Nese sentido, desde a comarca imos articular un servizo de transporte colectivo -coas quedadas que facemos tradicionalmente- coa previsión de regreso ao remate da manifestación; así que a xente que decida quedar a xantar en Compostela debe, xa que logo, organizar pola súa conta o xantar e tamén a volta en autos particulares. Para facer a inscrición no servizo de transporte colectivo hai que facer a oportuna reserva antes do día 24 no correo do local comarcal (ferrolterra@bng.gal) ou chamando ao teléfono 981364058, entre as 8 e 14 horas.

Indicar que este ano non haberá Festigal. Nin na noite do 24, nin no 25 despois da manifestación. Asi como tampouco vai existir planificación nin espazo nacional reservado para o xantar.

Bloque Nacionalista Galego de Ferrol.


Ferrol | Web | Facebook | Twitter.

Ferrolterra | Web.

Enviado por:
BNG
-bng@ferrol.es-
19 de julho de 2021 14:05

_______

martes, xullo 06, 2021

Acto informativo do BNG sobre o impacto dos proxectos eólicos en Ferrol, este mércores 7 de xullo, ás 8 da tarde, no Galicia de Caranza


Acto informativo do BNG sobre o impacto dos proxectos eólicos en Ferrol, este mércores 7 de xullo, ás 20:00hs, no Galicia de caranza. Un encontro coa veciñanza sobre os parques eólicos que pretenden instalar en Ferrol e a súa repercusión.

#EolicaAsiNon.

Bloque Nacionalista Galego de Ferrol.


Ferrol | Web | Facebook | Twitter.

Ferrolterra | Web.

Enviado por:
Inacio GZ
inaciogz@gmail.com
06 de julho de 2021 15:10

_______