Amosando publicacións coa etiqueta CCOO. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta CCOO. Amosar todas as publicacións

venres, abril 16, 2021

Intensa xornada de mobilizacións e encontros para esixir que se tomen 'as decisións políticas que precisa Ferrolterra' - As centrais sindicais trasladaron aos partidos medidas concretas 'para termos emprego xa'


Ferrol, Eume e Ortegal acolleron este mércores unha xornada reivindicativa para esixir respostas e solucións urxentes por parte do goberno español e galego ante a gravísima crise económica, industrial e social que atravesan estas comarcas. No marco desta xornada desenvolvéronse tanto mobilizacións como unha intensa rolda de xuntanzas con diversos colectivos, que incluíu unha reunión cos partidos políticos "porque as solucións que necesitamos dependen de decisións políticas e de que haxa vontade política".

O secretario comarcal da CIG de Ferrol, Manuel Anxo Grandal Anca, sinalou que a decisión de convocar os diferentes partidos políticos tomouse ante o "fracaso das xestións das alcaldías". E neste senso, considerou moi relevante "que na reunión desta tarde foramos capaces de desbaratar, sobre todo no caso do PP e do PSOE, ese discurso de botarse as culpas uns aos outros". Por iso, Grandal adiantou que nun prazo de 15-20 días, as centrais sindicais volverán convocar os partidos para "que rendan contas do que fixeron, porque non imos permitirlles entrar en debates que non nos solucionan nada".

O máis urxente: ter traballo

Abundando neste punto, o responsábel da CIG-Ferrol reiterou que o "máis urxente que precisamos é ter traballo. E esa demanda centrámola en cuestións moi concretas e básicas que dependen de decisións políticas que se poden tomar no próximo Consello da Xunta ou no próximo Consello de Ministros/as".

Entre esas reivindicacións urxentes, puxo o exemplo da necesidade de facer a transformación do buque Galicia nos estaleiros da ría de Ferrol, que se asine de inmediato o convenio de transición para As Pontes (pois é a única localidade do Estado afectada polo peche das centrais térmicas no que aínda non se puxo en marcha), que se traballe a serio para buscar o financiamento do dique de reparacións (que ademais é unha infraestrutura fundamental para garantir o futuro das instalacións), ou a gratuidade da AP-9 no tramo Ferrol-A Coruña.

"Todo isto son decisións políticas e así llo reiteramos durante a xuntanza. As forzas políticas terán que responder, porque desta crise sáese con máis investimentos públicos e nós temos claro que imos seguir mobilizándonos até que os gobernos atendan as nosas reivindicacións", concluíu.

Unhas comarcas representativas da crise que vive Galiza

Na mesma liña pronunciouse o secretario xeral da CIG, Paulo Carril, quen participou na marcha a pé desta tarde que saíu do mercado de Caranza, ao cualificar de "intolerábel o menosprezo dos gobernos ás demandas destas comarcas”.

Unhas comarcas que, indicou, son representativas da crise industrial e social que padece Galiza, advertindo que, canto "máis tarden os gobernos en pór en marcha as medidas necesarias máis difícil será encarar unha saída”. Por iso Carril valorou que canto máis demoren en actuar os gobernos español e galego, "a pouca credibilidade que teñen irá máis en descenso”.

O secretario xeral da CIG reiterou a urxencia de atender “no inmediato” cada unha das reivindicacións que se trasladan dende as comarcas “porque o que está en xogo é a súa supervivencia”.

Mobilizacións do naval e nos concellos

A xornada reivindicativa deste mércores comezaba coas xuntanzas que as centrais sindicais CIG, CCOO e UGT mantiveron con representantes das asociacións de hostalería na casa do Concello de Ferrol, á que lle seguiron encontros coas asociacións empresariais.

De xeito paralelo, traballadores e traballadoras do naval saían en manifestación sobre as 10:30h dende o estaleiro até a Praza de Armas para demandar carga de traballo inmediata que deteña a sangría de desemprego na industria auxiliar, que se potencien departamentos tan importantes como carenas, turbinas ou a eólica mariña e se consigne financiamento para construír o dique cuberto que estaba previsto no plan estratéxico de Navantia. Pois esta é unha infraestrutura imprescindíbel para garantir a continuidade produtiva das instalacións da ría de Ferrol.

Ao mediodía tocaba a quenda das concentracións cidadás diante dos distintos concellos das comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal.

Pola tarde, a rolda das xuntanzas proseguiu coas asociacións de comerciantes, praceiros e confrarías e a seguir tocou a quenda cos partidos políticos que forman parte das corporacións locais. Posteriormente houbo encontros coas entidades veciñais e culturais.

Ás 18h, a xornada reivindicativa volvía ás rúas nas dúas marchas que discorreron dende o Mercado de Caranza e a Praza da Gándara de Ferrol para rematar na Praza de Armas. Alí, os secretarios comarcais das tres organizacións sindicais fixeron unha valoración global do día e deron conta do abordado nas distintas xuntanzas.

Fonte: Avantar. | Ferrol - 14 Abr 2021

Enviado por:
Inácio GZ
-inaciogz@gmail.com-
16 de abril de 2021 07:50

_______

domingo, abril 11, 2021

Xornada Reivindicativa SOS FERROLTERRA, convocada polas centrais sindicais CIG, CCOO e UGT en demanda de diálogo ante a crítica situación socioeconómica e laboral das comarcas do noroeste galego - Concentracións e marchas o mércores 14 de abril


O vindeiro mércores 14 de abril, na Xornada Reivindicativa SOS FERROLTERRA, convocada polas centrais sindicais, ás 12 do mediodía nas prazas diante dos Concellos e ás 6 da tarde nas marchas que rematarán na Praza de Armas de Ferrol, mobilizacións en continuación da pasada Folga Xeral Comarcal do pasado 10 de marzo.

As diferentes administracións, nomeadamente a Xunta de Galicia, Ministerio de Facenda como responsable da SEPI e Navantia, e o Ministerio de Transición Ecolóxica, seguen sen contestar á solicitude dos sindicatos de manter xuntanzas para abordar a crítica situación que estamos a padecer nas comarcas de Ferrolterra, Eume e Ortegal. Ao mesmo tempo que seguen a pechar empresas e engordando as listas de desemprego as diferentes administracións xogan a botarse a culpa unhas ás outras nun espectáculo abafante e lamentábel.

O vindeiro día 14, temos convocada unha XORNADA REIVINDICATIVA, con diferentes accións, entre as que están:

CONCENTRACIÓNS DIANTE DOS CONCELLOS DAS TRES COMARCAS ás 12 do mediodía.

MARCHAS ATE A PRAZA DE ARMAS saíndo, ás 18 horas de:

✔ Praza da Gándara.

✔ Mercado de Caranza.

AGARDÁMOS A VOSA PARTICIPACIÓN!!!

#SOSFerrolterra

Convocada polas centrais sindicais CIG, CCOO e UGT
_______

venres, abril 02, 2021

CC.OO. de Navantia Ferrol denuncia a actual situación da empresa pública naval: Levamos tempo denunciando o deterioro dos procesos produtivos, das relacións laborais e a calamitosa situación económica ... as actuais direccións corporativas son o auténtico cancro de Navantia - Esiximos un cambio na política industrial da nosa empresa


Comunicado de CC.OO. Navantia Ferrol

Desde CC.OO. de Navantia Ferrol queremos transmitir a máis profunda decepción e indignación na forma na que o actual goberno está xestionando unha empresa pública como é Navantia. O anuncio en prensa do cambio da actual presidenta (e van 3 en menos de 3 anos) é síntoma de que o actual goberno non ten intención de abordar os problemas que asfixian á nosa empresa.

As persoas que traballamos en Navantia fixemos un gran esforzo por negociar un plan industrial no ano 2018 que garantise o futuro da nosa empresa e das nosas comarcas, pero sen un cambio de rumbo como o que se suscitaba naquel momento non tardaremos en volver á situación catastrófica que nos levou a ter que negociar devandito plan.

Levamos tempo denunciando o deterioro dos procesos produtivos, das relacións laborais e a calamitosa situación económica dunha empresa, que segundo recolle o actual plan industrial xera máis de 38.000 postos de traballo no conxunto do estado, sendo o principal motor económico das comarcas onde están as súas factorías.

Lonxe de acometer estes problemas, o actual goberno está utilizando á nosa empresa como o seu chiringuito privado, colocando políticos e políticas con salarios desorbitados, que nada coñecen de como se xestiona unha empresa como a nosa e o único que fan é reafirmar ás actuais direccións corporativas, que son o auténtico cancro de Navantia.

Si comparamos os procesos produtivos de fai unhas décadas cos actuais, darémonos conta de que o persoal de Navantia pasou de ser a que deseñaba e fabricaba os produtos, a mera xestora de compañías auxiliares, a subcontratación multiplicouse por 3 ou por 4 mentres o persoal principal reduciuse a menos da metade, pola contra as perdas lonxe de reducirse, pasaron de ser sostíbeis a superar nalgúns exercicios os 300 millóns de euros.

Quen apostou por este modelo de subcontratación, polo modelo fracasado de xestión PUMA, ou quen eran responsábeis industriais durante programas como o S-80 ou os actuais AAORes, non deberían seguir decidindo o futuro de tantos miles de familias. Con todo, continúan perpetuándose nos seus postos, mentres os políticos e políticas de quenda que ocupan a presidencia provocan contratacións de centos de miles de euros para abandonar dita presidencia en poucos meses.

CC.OO. de Navantia Ferrol di ¡XA ABONDA!

Creemos que a presidencia débea ocupar alguén relacionado co sector naval, coñecedor dos nosos procesos e cunha solvencia contrastada, nada de políticos de 2º nivel que non se sabe onde colocar. En todo caso, o absolutamente necesario é cambiar ao comité de dirección, pois quen trouxeron a Navantia a esta situación e continúan coas súas formulacións, por moi fracasados que se demostren, non deberían continuar nas súas responsabilidades.

Esiximos un cambio na política industrial da nosa empresa, non poden ser que os procesos produtivos sexan peores co paso dos anos, e tamén que a nova presidencia cumpra cos compromisos do plan industrial no referente a carga de traballo e investimentos.

Esixímosllo pois a un goberno que leva por bandeira a defensa do público, desde un persoal público que non se sente defendida.

Eugenia Freire Fajardo
Resp. Organización - Gabinete Económico
CCOO Industria - Galicia
Tlf. oficina: 981369326

efreire@industria.ccoo.es

Enviado:
MARIA EUGENIA FREIRE FAJARDO
-efreire@industria.ccoo.es-
2 de abril de 2021 12:51

_______

Foto: Botadura do buque ”Nuship Supply” - 23.11.2018 | Primeiro dos AOR que Navantia construíu para a Real Marina Australiana, segundo o contrato firmado en maio de 2016.
_______

mércores, marzo 10, 2021

Suceso da Folga Xeral Comarcal en Ferrolterra, Eume e Ortegal este 10 de Marzo de 2021, no Día da Clase Obreira Galega - Ferrolterra Existe ! - Vídeos e Galería Fotográfica


Diante da situación de emerxencia social e económica, os sindicatos CIG, CCOO e UGT convocaron unha xornada de folga xeral nas comarcas de Ferrolterra, Eume e Ortegal para hoxe 10 de Marzo, o mesmo día que se conmemoran a loita obreira do 72 en Ferrol e a morte de Amador Rei e Daniel Niebla, por disparos da policía franquista. A folga está tendo un significado suceso á que respondeu a clase traballadora e a veciñanza das Comarcas. Ás 12 do mediodía partía unha manifestación desde a Gándara que rematou na praza da cabeceira das Pías, onde está situada unha réplica da antiga Porta Nova de Ferrol que lle dá nome a esa praza, nas inmediacións do monumento Dez de Marzo, á Solidariedade da Clase Traballadora, onde se efectuou unha ofrenda floral na que participaron, mulleres e homes represaliados nos sucesos do 72 e unha nena e un neno, simbolizando o futuro esperanzador de loita, dereitos e benestar para estas comarcas, gopeadas polos gobernos de quenda. Ferrolterra Existe ! Viva o 10 de Marzo !! Viva o Día da Clase Obreira Galega !!

A progresiva desindustrialización e destrución de emprego, o incremento das exclusión e a falta de proxectos de futuro son un feito palpábel, perda de postos de traballo e recursos económicos e sociais, en todos os sectores. O sindicatos reivindican "feitos concretos", solucións urxentes, "que existen e que ademais están máis que discutidas e plasmadas en centos de documentos". Por iso, para as centrais sindicais está nas mans do Goberno galego e do Goberno español poñer en marcha de inmediato esas solucións que dependen da vontade política.

O acto central desenvolveu-se na praza onde interviñeron os secretarios comarcais das tres centrais sindicais, Manel Grandal (CIG), Santi Díaz (CCOO) e Toni Díaz (UGT) e rematou co canto do Hino Galego.





Galería Fotográfica

_______
































venres, febreiro 19, 2021

CCOO de Endesa sobre o Terminal Portuario de Endesa en Ferrol (Porto Exterior)


Desde esta Sección Sindical temos coñecemento e así xa publicou a empresa nalgúns medios, que no marco do plan industrial deseñado para a zona ante o peche da central pontesa, que Endesa quere seguir contando co espazo do que dispón no Terminal Portuario de Endesa en Ferrol e xerar nel máis actividade, onde se prevé a carga e descarga de compoñentes eólicos co fin de aumentar os tráficos nestas instalacións, onde xa conta con luz verde para mover graneles sólidos e mercancía xeral.

Ao mesmo tempo estase desenvolvendo desde o Terminal portuario de Ferrol un proxecto de innovación en dixitalización chamado Hércules, cuxo obxectivo principal é a mellora na seguridade e a eficiencia na xestión de mantemento dos centros de traballo. Este proxecto está desenvolvido por traballadores do Terminal Portuario, gruistas que se reciclaron e se formaron para levar a cabo o desenvolvemento deste proxecto. Tamén forman parte do equipo a dirección do propio centro que se encarga de dirixilo e da parte comercial. Este proxecto xa conta con algúns encargos e está en negociación a firma dalgúns proxectos máis para exportar o proxecto a outras liñas de negocio e poder implantalo nas novas instalacións de enerxías renovábeis.

Ante estes acontecementos e tal como se recollen no Acordo de Transición Enerxética Xusta que asinou Endesa, rexistramos escritos na Xunta de Galicia, Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico e partidos políticos co fin de que nos dean o apoio para que contacte coa Empresa e intercedan para que se paralicen e revoguen os traslados do persoal do persoal do Terminal Portuario de Ferrol e que se asegure que os traballadores de devandito centro poidan ser partícipes desas novas oportunidades de emprego que eles mesmos están xerando ao iniciar eles o proxecto no centro de traballo ao que aínda pertencen e así eliminar os impactos negativos que terán nas súas vidas e nas das súas familias o ter que marchar forzosamente a miles de quilómetros dos seus fogares.

Desde CCOO solicitamos reunirnos cos responsábeis políticos e poder explicar en máis detalle estes proxectos que evitarían as saídas do persoal e as posíbeis actuacións.

Ferrol, 19 de febreiro 2021

Eloy Sardiña Sixto
Responsable de Transición Enerxética
Sección Sindical CCOO Interempresas Grupo Endesa

CC.OO. ENDESA PRIMEIRA FORZA SINDICAL EN GALICIA
email: ccoogalicia@enel.com

Eugenia Freire Fajardo
Resp. Organización - Gabinete Económico
CCOO Industria - Galicia
Tlf. oficina: 981.36.93.26
efreire@industria.ccoo.es

Enviado por:
MARIA EUGENIA FREIRE FAJARDO
-efreire@industria.ccoo.es-
19 de fevereiro de 2021 16:01

_______

venres, febreiro 12, 2021

Representantes dos traballadores de CCOO INDUSTRIA en Gamesa reuníronse coa Comisión de Industria do Congreso para pedir o seu apoio na constitución dunha Mesa Industrial que dea unha alternativa ao peche de Gamesa nas Somozas e Cuenca


Representantes dos traballadores de CCOO INDUSTRIA en Gamesa reuníronse coa Comisión de Industria do Congreso para pedir o seu apoio na constitución dunha Mesa Industrial que dea unha alternativa ao peche de Gamesa nas Somozas e Cuenca.

Ás 11 da mañá, a Comisión de Industria do Congreso recibía a representantes de CCOO Industria en Gamesa xunto cos Secretarios Xerais de CCOO Industria en Galicia, Víctor Ledo e de Castilla A Mancha, Ángel León.

O obxecto da mesma era pedirlle o seu apoio para a creación dunha Mesa industrial formada pola empresa, sindicatos, comités de empresa e Gobernos de Galicia e Castilla A Mancha onde se analicen todas as posibles alternativas á pechadura dos centros de traballo de Siemens Gamesa nas Pontes e Cuenca.
Acompáñanse fotos da reunión.

Madrid a 11 de febreiro

Víctor Ledo Secretario Xeral CCOO Industria Galicia

CCOO de Industria - Galicia | www.industria.ccoo.es | Secretaría de Comunicación | R/ María, 42-44, 3º Ferrol | Tlfno.: 981369323 | galicia@industria.ccoo.es

Eugenia Freire Fajardo
Resp. Organización - Gabinete Económico
CCOO Industria - Galicia
Tlf. oficina: 981.36.93.26
Móvil: 696.77.84.26
efreire@industria.ccoo.es

Enviado por:
MARIA EUGENIA FREIRE FAJARDO
-efreire@industria.ccoo.es-
11 de fevereiro de 2021 13:35

_______

martes, febreiro 02, 2021

As organizacións sindicais acordan mudar a folga xeral en Ferrolterra para o 10 de marzo, coincidindo coa conmemoración do Día da Clase Obreira Galega


 
Os secretarios comarcais de CIG, UGT e CCOO compareceron esta mañá en rolda de prensa para informar de decisión de trasladar a convocatoria da folga xeral en Ferrolterra, Eume e Ortegal para o 10 de marzo, Día da Clase Obreira galega, a causa da situación sanitaria e das limitacións na mobilidade. Para ese día está prevista tamén unha manifestación que sairá ás 12 horas dende a rotonda do Alcampo (na Avda. da Gándara) e discorrerá pola estrada de Castela até a Porta Nova.

Manuel Anxo Grandal, secretario da CIG de Ferrol, subliñou que esta non foi unha decisión doada, tendo en conta a crítica situación Sociolaboral e económica da comarca "que precisa de medidas e actuacións urxentes por parte dos gobernos". Por iso, lanzou un chamamento  a toda a cidadanía "para lograr que tanto a folga como a mobilización sexan un éxito de participación".

Grandal puxo como exemplo da crise da comarca o peche de Gamesa, o desmantelamento da central das Pontes no marco dun proceso de transición enerxética que non é xusto, a falta de carga de traballo en Navantia, o ERE de Galicia Téxtil, a destrución produtiva da ría, o abandono do sector agrogandeiro, ou os peches no sector servizos, acelerados pola pandemia, pero que xa se viñan arrastrando de antes.

Ferramenta fundamental de loita

Neste senso, subliñou que a folga é a ferramenta de loita que ten a clase traballadora, polo que animou a saír á rúa este 10 de marzo "data de conmemoración do asasinato de Amador e Daniel en 1972 no marco dunha loita obreira pedindo xustiza social", e neste 2021 "iso é o que temos que reclamar tamén nós, xustiza social". "Xogamos-nos un dereito fundamental, poder vivir e traballar dignamente na nosa terra e, como tal dereito, temos que defendelo", afirmou Grandal.

Denunciou que as comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal esmorecen por inanición e son as administracións española e galega ás que teñen que aplicar medidas concretas e urxentes para reverter o peche de industrias, a destrución de emprego, o incremento da exclusión social, a perda de poboación, o deterioro dos servizos públicos ou o déficit histórico de infraestruturas na comarca. "Xa non valen máis mesas, nin máis estudos, nin máis milongas, a Xunta e o Goberno español teñen que tomar decisións políticas de inmediato e facer os investimentos necesarios", aseverou.

Grandal reiterou o chamado á participación masiva na folga e mobilización do 10 de marzo para, precisamente, premer e obrigar as administracións a actuar "porque as medidas que se necesitan dependen da vontade política. Porque nos xogamos existir ou non existir".

Fonte: Avantar. | Ferrol - Creative Commons.
_______